TEMPO
DE CORESMA
Co mércores da
cinza comezamos o tempo da Coresma. Temos por diante corenta días de
preparación para a Pascua, que é a celebración do triunfo da vida en Xesús de
Nazaré e tamén o triunfo da vida nas nosas existencias humildes, e na comunidade
e pobo do que formamos parte.
Na Coresma Deus
invítanos a baleirarnos para nos poder encher del e do seu Espírito.
Na Coresma Deus
invítanos a compartir a nosa presenza, palabra, tempo, cartos, empobrecéndonos
algo para que outra xente medre na vida coa nosa axuda.
Na Coresma Deus
invítanos a descubrir unha maneira nova de nos relacionar coa xente, véndoa en
todo coma irmá e non como rival ou competidora.
Na Coresma Deus
invítanos a descubrir a ledicia que dá o pouco, o pequeno, o simple, e ofrécenos,
polo tanto, unha maneira nova e accesible de ser persoas felices.
Na Coresma Deus
invítanos a ollar con paz e con esperanza para nas nosas propias vidas, aínda
que receemos facelo por mor das trapalladas que ás veces nos consentimos.
Na Coresma Deus invítanos a ollar para a xente do noso redor,
para decatarnos de que vivimos grazas aos demais, e de que os demais tamén
vivirán grazas a nós, se non nos negamos a esta preciosa correspondencia.
Na Coresma Deus
invítanos a ollarnos con tenrura e a ollar con tenrura tamén a toda persoa que
se cruce connosco na vida.
Na Coresma Deus
invítanos a gozar e medrar dando e recibindo perdóns.
Na Coresma Deus
invítanos a tomar en serio a construción da sociedade na que vivimos, pois diso
depende que moita xente máis humilde poida vivir con dignidade.
Na Coresma Deus
invítanos a serenarnos e acougar, a atoparnos connosco e con el na soidade
compartida.
Na Coresma Deus
invítanos a andar con humildade pola vida, confiad@s na forza de ben que Deus
gratuitamente nos ofrece.
Na Coresma Deus
invítanos a contemplar o espertar da vida na natureza e a acompañala e
protexela sempre.
Na Coresma Deus
invítanos a saír das nosas casas para visitar a xente veciña e levarlle algo de
compaña e calor.
Na Coresma Deus
invítanos a volver a falarlle a aquela persoa á que, polo que sexa, lle deixei
de falar.
Na Coresma Deus
invítanos a cabrearnos contra a inxustiza e a envolver en paz os nosos cabreos.
Na Coresma Deus
invítanos a sentirnos viv@s, libres, alegres, esperanzad@s.
Na Coresma Deus
invítanos a ollar con alma de discípul@ para o mestre Xesús que vai sempre
diante ou ao lado abríndonos o camiño.
26 de febreiro:
mércores de Cinza
Evanxeo: Mt 6. 1-6. 16-18
Xesús ensinaba
os seus discípulos dicindo:
—Tede coidado de
non practicar a vosa xustiza para que vos vexa a xente, que daquela o voso Pai
celestial non vos dará recompensa ningunha.
Cando deas unha
esmola non o vaias proclamando diante de ti cunha trompeta, como fan os
hipócritas nas sinagogas e nos rueiros para seren loados pola xente; asegúrovos
que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando deas unha esmola, que
non saiba a túa man esquerda o que fai a dereita. Así a esmola será secreta e
teu Pai, que ve o segredo, xa te recompensará.
Cando recedes
non fagades coma os hipócritas, que gustan de rezar moi ergueitos nas sinagogas
e nos recantos das prazas para que os vexa a xente; asegúrovos que tamén
recibiron a súa recompensa. Ti, pola contra, cando queiras rezar, métete no eu
cuarto, pecha a porta e rézalle a teu Pai que está no segredo; e teu Pai, que
ve o segredo, hate recompensar.
Cando gardedes o
xaxún non poñades caras tristes, como fan os hipócritas; desfiguran as súas
caras para que a xente llelo note. Asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa.
Ti, en troques, cando gardes o xaxún, perfuma a cabeza e lava a cara, para que
non che se note ante a xente, senón ante teu Pai celestial; e teu Pai, que ve o
que está escondido, hate recompensar.
Meditación
A ensinanza que
hoxe nos ofrece Xesús componse dun principio xeral e tres aplicacións
concretas. O principio xeral é este: se o ben que facemos, sexa o que sexa,
facémolo por recibir as chufas da xente, daquela ese ben realmente non nos
constrúe como persoa, porque en verdade o que facemos facémolo buscándonos a
nós mesmos; é puro egoísmo; e o egoísmo non vale para construír nada sólido nin
en nós nin na demais xente.
E Xesús aplica
este principio xeral a tres cousas que en si son marabillosas, pero que se
poden degradar se as facemos buscándonos a nós mesm@s, o noso recoñecemento, a
nosa falsa fama. Estas tres cousas son a oración, o xaxún e a esmola. O que fai
boa e proveitosa a oración é un corazón totalmente espido de si, totalmente
entregado a Deus e á súa causa. O que fai bo e proveitoso o xaxún é o desexo
sincero de alixeirar a propia existencia, reducindo o afán de consumo sobre
calquera tipo de cousas. O que fai boa e proveitosa a esmola é a ilusión por
compartir, por poñer as necesidades doutra xente dentro dos nosos intereses. Sería
un contrasentido total facer calquera destas tres cousas buscando engordar nós
a conta delas, a conta da xente que dicimos apoiar.
Pero cada quen
ten que ver en que cousas deixa que a súa vida queda estragada por poñer por
riba de todo o propio proveito, a propia gloria.
Oración
E se me atrevo
a entrar na
soidade, no silencio,
no segredo onde
ti habitas,
que podo atopar,
meu Deus?
Quen, senón ti,
poderá alumear
os recantos todo do meu corazón,
da miña vida,
para abrilos á
luz, á transparencia,
á verdade limpa
das cousas?
Quen, senón ti,
poderá purificar
os meus desexos,
as miñas
intencións,
os meus feitos,
para facer deles
espazos nobres
onde mande a túa
santa solidariedade?
Veña, da man de
Xesús,
entremos nos
segredos de Deus!
Acción
Pode resultar mi
positivo que durante os 40 días da Coresma nos determinemos a levar a cabo
algunha acción de solidariedade, de servizo coa xente empobrecida; algo que nos
axude a desapegarnos de nós mesm@s e a ilusionarnos polo ben da comunidade, da
parroquia en algo. Penso algo que poderías facer. Iso si, sen buscar chufas e
aplausos.
27 de febreiro:
xoves despois de Cinza
Evanxeo: Lc 9, 22-25
Unha vez
díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Cómpre que o
Fillo do Home padeza moito, que o rexeiten os anciáns, os sumos sacerdotes e
máis os letrados que o executen e que ao terceiro día resucite.
Despois
dirixiuse a todos:
—Se alguén me
quere seguir, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz de cada día e
que me siga. Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa, pero quen
perda a súa vida pola miña causa, ese poñeraa a salvo. Pois de que lle serve ao
ser humano gañar o mundo enteiro, se el se perde ou arruína?
Meditación
Que é a vida?
Que é salvar a vida, perder a vida? Que é triunfar na vida? Normalmente unimos
todo isto co afán posesivo: a máis posesión, a máis dominio, pensamos que lle
corresponde máis felicidade, máis éxito na vida. Xesús non o entendía así. Para
el o éxito da vida estaba ligado con ser a fondo aquilo que cada persoa é; está
ligado tamén con escoitar esa voz fonda que todo o mundo levamos dentro de nós,
que nos chama non a posuír, senón a compartir, non a dominar, senón a servir,
non a excluír, senón a integralo todo nun abrazo que crea irmandades. Iso é ir
contracorrente. Pero iso para a pena, é o que realmente paga a pena. E a
avanzar niso nos invita Xesús neste recorrido coresmal que estamos empezando.
Claro que hai
xente, moita xente, para a que a vida é sinxelamente poder comer cada día, poder
ter onde gardarse, poder ter algo no que traballar. Quen xa gozamos de todo
isto non podemos dicir con orgullo que vivimos, se non temos en conta estas
situacións para axudar a superalas.
Oración
Non nos impós
camiños e receitas, Xesús,
para chegarmos a
ser felices na vida.
Simplemente
compartes o que ti vives,
invitas ao que
ti experimentas,
ofreces o que a
ti che enchía a alma
de paixón e de
pracer.
Grazas, Xesús.
Serei eu capaz de seguirte,
de aventurarme
contigo
por ese camiño
contracorrente
que leva á maior
luz, ao maior gozo?
Espero que algo
si, Xesús,
coa túa axuda,
que tanto necesito e desexo.
Acción
A pouco que
repares en ti, na túa vida, poderás comprender axiña que é para ti o máis
importante para ser persoa feliz. Cres que andas polos camiños de Xesús? Cres
que podes cambiar algo de rumbo? En que? Fai en todo caso o que o propio
corazón che pida.
28 de febreiro:
venres despois da Cinza
Evanxeo: Mt 9, 14-15
Unha vez
achegáronse a Xesús os discípulos de Xoán preguntando:
—Nós e máis os
fariseos gardamos moito o xaxún. Por que non o gardan os teus discípulos?
Respondeulles
Xesús:
—Poden os
compañeiros do esposo estar de loito mentes dura a voda? Xa chegará o día no
que lles leven o esposo; entón si que xaxuarán.
Meditación
Para Xesús o
xaxún non era o máis importante. Ademais xaxuar era moitas veces unha práctica
máis ben de xente que tiña abundancia e que se podía permitir tales e tales
días rebaixar algo a súa comida. A Xesús preocupáballe aquel pobo que xaxuaba á
forza por non ter abondo que comer. Que houbese comida para todo o mundo pobre
era o importante para Xesús.
Pero xaxuar pode
ter sentido para nós que andamos máis ou menos en abundancia, cando o xaxún nos
axuda a vivir co pouco, co necesario nada máis, cando o xaxún nos permite
decatarnos do mundo consumista no que vivimos, cando nos posibilita dispoñer de
bens que compartir con outras persoas; daquela o xaxún é un camiño de liberdade
persoal e de solidariedade comunitaria. Daquela o xaxún mesmo pode ser algo
revolucionario que empuxa o cambio do mundo.
Oración
Que poida ver
contigo, Xesús,
cando festexar
para celebrar a
vida
e os bens de
Deus que a fan posible,
e cando xaxuar,
absterme e mesmo
empobrecerme,
para que a vida
sexa sempre compartida
e non haxa
ninguén excluído dela.
Que saiba abrir
os ollos, Xesús, para iso,
que para iso
saiba abrir tamén o corazón.
Acción
Hai moitas
cousas das que podemos xaxuar. Se nos sobra comida, tamén nos sobran moitas
roupas, utensilios e mil ferreganchos que imos acumulando nas casas. Pensa de que
poderías prescindir para ser máis libre e poder axudar máis a que outra xente
teña o necesario.
29 de febreiro:
sábado despois de Cinza
Evanxeo: Lc 5, 27-32
Unha vez saíu
Xesús e viu un recadador de impostos chamado Leví, sentado ao mostrador da contribución,
e díxolle:
—Sígueme.
El, deixando
todo, levantouse e seguiuno. Leví ofreceulle na súa casa un gran banquete e
había moitos recadadores de impostos e outra xente sentados á mesa con eles. E
os fariseos e os seus letrados refungaban dicíndolles aos discípulos:
—Por que comedes
e bebedes cos recadadores de impostos e os pecadores?
Xesús
respondeulles:
—Non é a xente
sa, senón a enferma, a que precisa médico. Eu non vin chamar polas persoas
xustas, senón polas pecadoras, para que se convertan.
Meditación
Os recadadores
de impostos estaban considerados como moi mala xente. Eran os que recollían os
impostos esixidos polo imperio romano, que sometera a todo Israel. A xente
tíñaos fichados e non quería saber nada con eles. Xesús, non. Viu que debaixo
daquel home amigo do abuso había unha persoa capaz de entrar na roda da
irmandade verdadeira. E pediulle que o seguise. E seguiuno. E, agradecido,
quixo facerlle un bo xantar, ao que non faltaron outros tales coma el. Os que
ían de moi piadosos e de saber moito de relixión non comprendían aquilo,
porque, a pesar de tanta relixión, non entenderan algo moi elemental: Deus
gusta de arrimar a quen é débil, pecador, abusado, marxinal. Quere arrimarse a
esas persoas para axudarlles a descubrir outra maneira de ser persoa, de vivir,
mellor para eles, mellor tamén para quen andase ao redor deles.
Na Coresma
recordamos, revivimos na nosa propia carne esta debilidade de Deus con calquera
de nós, por moi mala xente que nos consideremos.
Oración
Non é, non, a xente
sa
a que precisa de
médicos,
senón que é á
xente enferma
á que lle
cómpren remedios.
Grazas, Xesús,
que me chamas,
e non renegas de
min,
se moito me
reina o pecado,
moito máis me
queres ti.
Acción
Mira se te
sentes por riba ou te arredas de calquera persoa máis ou menos ruín, porque ti
te consideras moi cabal. Gusta do recoñecerte como es, débil e pecadora en
moitas cousas, seguro, e alégrate sabendo que Deus devece por ti.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.