1 de
marzo: domingo 1º de Coresma
Evanxeo: Mt 4, 1-11
Nunha ocasión o
Espírito conduciu a Xesús ao deserto, para que Satán o tentase. Despois de
xaxuar corenta días e corenta noites, acabou por ter fame. O tentador achegouse
a el e díxolle:
—Se es fillo de
Deus, manda que estas pedras se convertan en pan.
Pero Xesús
respondeu_
—Está escrito:
2Non soamente de pan vive o ser humano, senón de toda palabra que sae da boca
de Deus.”
Levouno logo o
Satán á cidade santa, púxoo na atalaia do templo e díxolle:
—Se es o fillo
de Deus, bótate de aquí embaixo, que está escrito: “Mandará os seus anxos para
que te coiden e te leven nas súas mans; e os teus pés non se mancarán nas
pedras.”
Xesús respondeu:
—Tamén está
escrito: “Non tentaras o señor, o teu Deus.”
Pero aínda o
levou o Satán a un monte moi alto e, amosándolle os reinos todos do mundo
enteiro, cheos de esplendor, díxolle:
—Heiche dar todo
isto se te prostras e me adoras.
Entón
replicoulle Xesús:
—Arreda,
Satanás, porque está escrito: “só ao Señor, o teu Deus, adorarás e só a el
darás culto.”
Entón deixouno o
Satán e achegáronse os anxos para o serviren.
Meditación
Empezamos un ano
máis o tempo de Coresma. Preparámonos para a celebración da Pascua, que é a
experiencia de sentir vivo a Xesús, dentro de cada un, cada unha de nós, dentro
das nosas casas, dentro da comunidade cristiá, dentro deste mundo noso do que
formamos parte. Preparámonos, polo tanto, para a ledicia de Pascua, porque
sentir a Xesús vivo no medio de nós é unha alegría. A Coresma é así un tempo
penitencial, pero un tempo, por iso mesmo, cargado de esperanza. Coresma non
quere dicir tristura, amargura, aflición. Coresma quere dicir revisión da nosa
traxectoria cristiá, persoal e comunitaria, para ver onde estamos pouco abertos/as
ás chamadas que Deus nos fai desde o corazón da vida, para ver onde non estamos
respondendo ao que Deus espera de nós, ao que esperan de nós as persoas que nos
rodean, sobre todo as persoas máis necesitadas por seren pobres, marxinadas,
pecadoras. Coresma quere dicir tamén abrir a nosa propia pobreza aos coidados
de Deus e aos coidados da xente que nos rodea. E así, uns e outros, unhas e
outras, medrar en fidelidade a Deus e medrar, por iso mesmo, en felicidade
entre nós. A Coresma é a porta da Pascua, a porta da alegría.
No comezo da
Coresma a Igrexa sempre nos propón a meditación do relato das tentacións de
Xesús no deserto por parte do mesmo diaño. Un relato que nos transmite cousas
moi importantes sobre a vida e os traballos de Xesús para o noso proveito. E o
primeiro que nos di é que o camiño de Xesús non foi un camiño de rosas, só de
rosas. Xesús tiña un proxecto de vida para si e para as persoas que o quixesen
acompañar; un proxecto de vida baseado na irmandade máis real posible, que el
aprendera do corazón mesmo de Deus, con quen tanto intimaba. Pero ese proxecto
de vida batía con oposicións de persoas e de institucións relixiosas e civís.
As persoas que facían estas oposicións era coma o demo para Xesús. O camiño da
nosa vida, o camiño da nosa comunidade cristiá, seguro que tampouco non é un
camiño de rosas; temos ilusións por andar en verdade, en bondade, en xustiza,
en fraternidade, pero ao tempo sentímonos tentados/as para non seguir por aí,
sempre hai quen tente, quen tire para atrás, quen semente desconfianzas, quen
faga desunións.. Cales son as nosas tentacións concretas? Que cousas nos atan,
nos escravizan? Que estamos a facer ante elas?
A Eucaristía é o
lugar no que podemos aprender de Xesús, comunitariamente, a adoración exquisita
só a Deus, para logo ser firmes ante as tentacións da vida.
Oración
(sobre "A
ledicia do Evanxeo, nn.76-92)
Ben ves, meu
Deus, o pecador que son,
como se me turba
a ollada,
como se me
encolle o corazón,
como se me
entesan as mans,
como me custa
ter en conta e servir
as persoas que
precisan de min, do mellor de min!
Ben ves, meu
Deus, o pecadora que son,
como ás veces me
pecho nos meus medos e angustias:
nin ouso
comentalas para recibir axuda,
nin son valente
para deixalas a un lado
e subirme ao
carro do entusiasmo solidario,
da empresa común
na comunidade cristiá,
na parroquia, no
sociedade!
Ben ves, meu
Deus, o pecador que son,
non me deixo
arrastrar por ti cara ás fontes da alegría,
ando a rastro e
como penando,
canso e triste,
con soños
vaidosos ás veces,
desapegado do
pobo humilde outras,
sen paciencia
confiada e serena,
querendo dominar
o ritmo da vida e das tarefas!
Ben ves, meu
Deus, o pecadora que son,
o desencantada
que ando ás veces,
con cara coma de
vinagre,
con espírito de
derrota,
vencida xa antes
da batalla,
sen ollos
humildes e espelidos
para ver e gozar
as medras do trigo no medio da herba mala!
Ben ves, meu
Deus, o pecador que son,
como escapo ás
veces
do gozo de vivir
xuntos/as,
de mesturarnos,
de collernos do brazo,
de apoiarnos,
de participar
desa marea algo caótica
que pode
converterse nunha verdadeira experiencia de fraternidade,
nunha caravana
solidaria,
nunha santa
peregrinación cara á alegría do novo, da luz, da Pascua!
Ben ves, meu
Deus, o pecadora que son,
escapando da dor
do próximo que me interpela
ou da súa
alegría que me podería contaxiar.
Suspiro por ti
moitas veces, meu Deus,
pero fuxindo da
carne do meu próximo
e do compromiso
que me vincula fondamente con el, contigo.
Ben ves, meu
Deus, ben ves ...,
e moitas cousas
máis que podería contarche,
prostrando
diante de ti, para que o cures,
o lado escuro e
pecadento da miña vida.
Acción
¿Podemos
poñerlle nome á tentación máis grave que estamos sufrindo contra nós mesmos/as
e contra o Deus que nos habita? Se a identificamos, poderemos defendernos
mellor dela.
2 de
marzo: luns da 1ª semana de Coresma
Evanxeo: Mt 25, 31-46
Unha vez
díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
—Cando veña o
Fillo do home na súa gloria e todos os anxos con el, sentará no seu trono
glorioso. Diante del xuntaranse todas as nacións, e separará a unhas persoas
doutras, como separa o pastor as ovellas das cabras. E poñerá as ovellas á súa
dereita e as cabras á súa esquerda. Entón dirá o Rei ás persoas que están á súa
dereita:
—Vinde, benditas
do meu Pai; recibide a herdanza do Reino preparado para vós dende a creación do
mundo. Porque tiven fame e déstesme de comer, tiven sede e déstesme de beber, fun forasteiro e
acolléstesme, estiven espido e vestístesme, enfermo e visitástesme, estiven na cadea e viñéstesme
ver.
Entón
preguntaranlle aquelas persoas xustas:
—Señor, ¿cando
te vimos famento e che demos de comer; ou sedento e che demos de beber? ¿Cando
te vimos forasteiro e te acollemos, ou espido e te vestimos? ¿Cando te vimos
enfermo ou na cadea e te visitamos?
O rei
contestaralles:
—Asegúrovos que
canto fixestes cun destes irmáns ou irmás miñas máis pequenas, fixéstelo
comigo.
E diralles logo
ás persoas da súa esquerda:
—Arredade de
min, malditas; ide para o lume eterno preparado para o Satán e os seus anxos.
Porque tiven fame e non me destes de comer, tiven sede e non me destes de
beber, fun forasteiro e non me acollestes, estiven espido e non me vestistes,
enfermo e na cadea e no me visitastes.
Eles
replicaranlle:
—Señor, ¿cando te
vimos famento ou sedento, forasteiro ou espido, enfermo ou na cadea e non che
acudimos?
El
responderalles:
—Asegúrovos que
canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a
min.
Daquela estas
persoas irán ao castigo eterno, e as xustas para a vida eterna.
Meditación
Ata os tempos de
Xesús, na tradición relixiosa da Biblia a xente empobrecida era xa un
importante reto ético, moral: non se podía servir ben a Deus sen tela ben en
conta, porque xa Deus amosaba un fondo interese polas súas vidas fráxiles.
Xesús dá un paso máis; a xente empobrecida convértese nunha representación viva
do mesmo Xesús, do mesmo Deus. De maneira que recoñecer a xente empobrecida,
servila, venerala, poñela no centro do propio corazón e da propia vida era
tanto coma poñer ao mesmo Xesús, ao mesmo Deus. Atender a xente empobrecida non
é unha obriga moral, á que haxa que responder mellor ou peor; é unha condición
imprescindible da nosa profesión de fe cristiá, que podía dicir así: Creo en
Deus, Pai/Nai creador de vida, xerador de fraternidade, que nos amosou o seu
rostro humano máis logrado na persoa de Xesús de Nazaré, e que na xente
empobrecida nos ofreceu un sacramento ou imaxe de si mesmo, ao que lle debemos
devoción, adoración e entrega servidora; o Espírito de Xesús capacítanos para
así o facer.
Oración
Xesús, sinto que
me preguntas:
“¿Cantas persoas
pobres hai na túa axenda?
¿Cantas horas do
día pasas con algunha delas?
¿Cantas delas
che rouban o sono?
¿Con cantas
delas tes lazos de fonda amizade,
e compartes o
teu pan, a túa palabra, o teu diñeiro, a túa casa?
¿A cantas delas
inclúes na túa pregaria diaria
como imaxe viva
do Deus que veneramos?
Pensa e saca
conclusións.
Pensa e dime se
realmente me queres,
se realmente
cres en min.
Falamos.”
Acción
Estamos na
Coresma. Como práctica coresmal podiamos marcarnos a tarefa de achegarnos a
algunhas persoas empobrecidas, e deixarnos conmover por elas.
3 de
marzo: martes da 1ª semana de Coresma
Evanxeo: Mt 6, 7-15
Nunha ocasión
díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Cando vos
poñades a rezar, non sexades lareteiros coma os xentís, que pensan que Deus os
vai escoitar polo moito falar. Non sexades coma esa xente, porque o voso Pai
ben sabe o que precisades xa antes de que llo pidades. Vós rezade así:
—Noso Pai que
estás no ceo, santificado sexa o teu nome, veña o teu reino, fágase a túa
vontade aquí na terra coma no ceo. Dános hoxe o noso pan de cada día, perdoa as
nosas ofensas, como nós perdoamos a quen nos ofende; non nos deixes caer na tentación,
mais líbramos do Malo.
Porque se lle
perdoamos ás demais persoas as súas ofensas, tamén o voso Pai do ceo vos
perdoará a vós; pero, se non perdoades a demais xente, tampouco o voso Pai do
ceo vos perdoará a vós.
Meditación
Rezar en si
mesmo é algo doado. Cómpre ter presente algunhas cousas, como, por exemplo, que
non vale de nada o moito barullarlle a Deus. A confianza en Deus é máis
importante que as moitas palabras, porque el coñécenos a fondo coas nosas
carencias e necesidades. Así, estou ante el simplemente, e máis que dicirlle a
el o que ten ou non ten que facer comigo, fíome del e déixolle as mans libres,
para que o seu Espírito me vaia levando por onde el e máis eu vaiamos vendo que
é bo camiñar. Non importa a miña gloria, senón a de Deus. Non importa a miña
vontade, senón a de Deus na miña. Si que importa o pan de cada día para todo
ser humano; e importa moito tamén a nosa disposición ao perdón da demais xente,
porque sen perdóns, dados e recibidos, este mundo é un inferno. E non somos nós
os que medimos o perdón de Deus, como puidera parecer que afirma o evanxeo; ao
revés, é o perdón de Deus o que mide e urxe o noso perdón. Para que o mal non
nos acabe aburando e desfacendo.
Oración
Meu Deus,
a miña vida nas
túas mans.
A vida da miña
familia nas túas mans.
A miña saúde ou
enfermidade nas túas mans.
A miña
participación cidadá nas túas mans.
O meu presente e
o meu futuro nas túas mans.
A miña terra e o
meu ceo nas túas mans.
Sabendo tamén
que as túas mans
son as nosas mans,
que ti precisas
de min
para todo o que
en min queiras facer.
Xuntas, logo,
intimamente unidas.
Grazas.
Acción
Igual algunha
persoa nos faltou e gardamos rancor contra ela e estamos lonxe de a perdoar.
Igual lle temos feito algún mal a algunha persoa, coa palabra ou cos feitos, e
non somos valentes para lle ir pedir perdón. En calquera caso, sería ben que
désemos un paso adiante na práctica do perdón dado e recibido.
4 de
marzo: mércores da 1ª semana de Coresma
Evanxeo: Lc 11, 29-32
Unha vez a xente
xuntouse ao redor de Xesús e el púxose a dicirlle:
—Esta é unha
xeración perversa; reclama un sinal, pero non se lle vai dar máis sinal ca o de
Xonás. Pois como Xonás foi sinal para os habitantes de Nínive, así o será tamén
o Fillo do Home para esta xeración. A raíña do Sur enfrontarase no xuízo con
esa xente e fará que a condenen, porque ela veu desde o cabo do mundo para
escoitar a sabedoría de Salomón; e aquí está quen é máis ca Salomón. Os
habitantes de Nínive enfrontaranse no Xuízo con esta xeración e farán que a condenen,
porque eles convertéronse ao escoitaren a predicación de Xonás, e aquí está
quen é máis ca Xonás.
Meditación
Quéixase Xesús
de que moita da xente que o escoita non lle fai caso. Estáselles ofrecendo a
oportunidade dun coñecemento de Deus limpo e dunha práctica relixiosa
fondamente ao servizo do benestar persoal e social da xente, e non queren saber
nada de Xesús. O falar e o actuar de Xesús non lles vale; desexan ver grandes
cousas, grandes sinais, grandes probas; non lles chega a proba dunha palabra
cálida, dunha solicitude exquisita pola xente máis fráxil, dun Deus achegado,
forte e humilde, que se pon ao noso alcance, para establecer connosco unha
relación intensa e transformadora.
¿Facémoslle nós
hoxe caso a Xesús, ás cousas que Xesús comparte connosco? ¿Facémoslle caso ás
palabras de renovación, que desde persoas crentes ou non crentes chegan aos
nosos oídos, para mellorar a nosa vida cristiá, a nosa vida social, a nosa
maneira de estar neste mundo?
Oración
Xesús,
sabio para a
vida
moito máis ca
Salomón;
apaixonado de
Deus e da xente
moito máis ca
Xonás;
solidario coa
nosa fraxilidade
moito máis do
que podemos imaxinar;
forte, tenro,
humilde, persistente, valente, crítico
moito máis do
que lle gusta ás veces aos nosos soños relixiosos
….
Xesús,
apúntome á túa
escola,
para que me
aprendas a vivir ben.
Acción
¿Estamos
pelexándonos contra algunha necesidade de cambio en nós, na nosa vida, que de
calquera maneira estamos sentindo dentro de nós? ¿E se recoñecemos sen medos a
necesidade dese cambio e nos dispoñemos a realizalo? Posiblemente nos irá
mellor.
5 de
marzo: xoves da 1ª semana de Coresma
Evanxeo: Mt 7, 7-12
Nunha ocasión
díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
—Pedide e
recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos; pois quen pide recibe;
quen busca atopa; e a quen peta abriráselle. ¿Ou hai alguén entre vós que, se a
súa crianza lle pide pan, lle dá unha pedra?, ¿ou se lle pide pescado lle dá unha cobra?
Pois se vós que sodes ruíns, sabedes dar cousas boas á vosa crianza, ¡canto
máis voso Pai do ceo dará cousas boas a quen lle pida! Así que tratade a xente
en todo conforme queredes que vos traten a vós, porque nisto consiste a Lei e
máis os Profetas.
Meditación
O tempo da
Coresma é un tempo para sermos persoas abertas. Abertas, porque, pechadas en
nós mesmas, non batemos máis que coa nosa fraxilidade, con soños irreais e
soberbios de perfección, coa amargura e a desilusión de quen se cre incapaz de
mellorar. Pedir, buscar, petar son maneiras de saír de nós mesmas e de nos
abrir ao que a vida, a xente nos pode ofrecer. Abríndonos á vida nas súas
múltiples oportunidades, abríndonos á xente no moito que nos poden aportar e
demandar, dispoñémonos xa para abrirnos tamén a Deus. Conforme somos coa vida,
coa xente, así somos con Deus. Se andamos no medio da xente pola vida con aires
de autosuficiencia, o máis normal é que tamén ante Deus nos situemos da mesma
maneira, por moito que ao mellor o disimulemos con pensamentos e pregarias
piadosas. Se estamos pechadas en nós, sóbranos todo, sóbranos Deus. Só
contaremos coa demais xente, só contaremos con Deus na medida en que satisfagan
os nosos propios criterios, o noso propio mundo, o noso propio ego. Que triste
vivir así!
Oración
Coas portas
abertas, meu Deus,
así quero estar
ante ti,
ante quen me
rodea,
ante a vida.
Coas portas
sempre abertas,
para que todo
entre e todo saia
nun exercicio
humilde de comuñón,
de
solidariedade,
de
agradecemento,
de alegría
comunitaria.
Coas portas
abertas, meu Deus,
para que nada do
teu
quede á espera
na soleira do meu ser;
para que nada do
meu
quede agochado
nos pregues do meu egoísmo.
Acción
¿Rezamos algo? ¿Como
rezamos? ¿Oramos con confianza en Deus? ¿Abrímoslle de verdade o noso corazón,
a nosa vida, crendo que el nos dará sempre cousas boas? ¿Podemos mellorar en
algo a nosa maneira de orar?
6 de
marzo: venres da 1ª semana de Coresma
Evanxeo: Mt 5, 20-26
Nunha ocasión
díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
—Asegúrovos que
se non sodes mellores ca os letrados e fariseos, non entraredes no reino dos
ceos. Tedes oído que se lles dixo aos vosos devanceiros: “Non matarás, e quen
mate será procesado.” Pero eu dígovos: Todo o que se enrabeche co seu irmán ou
irmá será procesado; quen o insulte será reo ante o Sanedrín, e quen o aldraxe
será reo do lume do inferno.
Así que, se ao
presentares a túa ofrenda no altar, te acordas daquela de que o teu irmán ten
queixas contra ti, pousa a ofrenda alí mesmo diante do altar e vaite
reconciliar primeiro co teu irmán; e logo volve a presentar a túa ofrenda.
Ponte de acordo
canto antes con que preitea contigo mentres ides de camiño, non sexa que te
entregue ao xuíz, o xuíz ao garda e te metan na cadea. Ten por seguro que non
sairás de alí ata que deas pegado o derradeiro céntimo.
Meditación
Que sinxelas,
preciosas e claras, que fondas estas palabras de Xesús! O que mide a
autenticidade da nosa fe, da nosa práctica relixiosa é a consideración que
temos coa xente de cerca ou de lonxe que forma parte da nosa vida. E esa
consideración co próximo pode tomar diferentes formas, pero unha delas, e moi
importante, é a de facer as paces con esoutras persoas cando vemos que en algo
lles temos faltado, coa palabra, cos feitos ou co esquecemento. Non vale con
dicir: eu non mato. Cando lle negamos o saúdo a unha persoa, cando a excluímos
de nós insultándoa, ríndonos das súas debilidades, cacarexando os seus defectos
no medio de bromas sen xeito, ignorando en cambio os seus méritos e calidades,
estámola matando, estámoslle roubando o pracer de vivir. E isto é máis
importante ante Deus que calquera forma de relixión.
Oración
Respectar,
coidar, mimar,
non insultar,
non denigrar,
non murmurar,
non humillar,
dar a man,
acompañar.
Acoller,
comprender,
adiviñar medos,
escoitar, calar,
axudar a falar.
Reverenciar.
Perdoar,
pedir perdóns,
darse apertas,
chorar.
Irmandarse,
gozar.
E logo rezar.
Ou, se cadra,
todo isto xa foi
rezar.
Acción
Podemos revisar
como tratamos a xente da casa, da parroquia, da comunidade, do pobo. Seguro
que, á luz de Xesús poderemos mellorar en algo.
7 de
marzo: sábado da 1ª semana de Coresma
Evanxeo: Mt 5, 43-48
Díxolles Xesús á
xente que o acompañaba:
—Tedes oído que
se vos dixo: “Amarás o teu próximo” e aborrecerás o teu inimigo. Pero eu
dígovos: amade os vosos inimigos e pregade polas persoas que vos perseguen. Así
seredes fillos e fillas de voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol
sobre a xente mala e a boa, e chover sobre a xente xusta e a inxusta. Porque,
se amades a xente que vos ama, ¿que recompensa ides ter? ¿Non fan o mesmo os
recadadores de impostos? E se saudades soamente a vosos irmáns ou irmás, ¿que
facedes de especial? ¿Non fan outro tanto as persoas que non teñen fe? Daquela
amade dunha forma completa como dunha forma completa ama Deus.
Meditación
De novo estamos
ante un pedaciño do Evanxeo que podiamos considerar o Evanxeo do Evanxeo, é
dicir, o corazón mesmo do Evanxeo. Poñernos ante este texto permítenos
comprobar se andamos metid@s realmente nas cousas de Xesús ou non. E isto a
dous niveis. O primeiro e máis importante é ver se sentimos a Deus queréndonos
sempre, correspondámoslle nós ou non; se o sentimos queréndolle á xente,
correspóndalle a xente ou non. Soamente este convencemento na cabeza e no
corazón vainos permitir quererlle á xente, pórtese como se porte connosco. E
este é xa o segundo nivel: ¿quen somos nós para negarlle aprecio, atención,
coidados, amor a unha persoa, cando temos experimentado que Deus nos quere a
pesar de todas as nosas falcatruadas, que seguramente serán moitas?
Oración
Complet@s no
amor,
coma ti, meu
Deus,
da man de Xesús.
Superando
medidas e razóns
humanas.
Deixándonos
levar
cara á cerna do
Evanxeo,
que é a cerna de
Deus,
que é a nosa
cerna máis auténtica,
libre e creadora
Acción
Seguro que non
nos será difícil comprobar que en moitas circunstancias nos custa tratar a
xente ao estilo de Xesús, de Deus. Esa mesma comprobación pode animarnos a dar
pasos na liña que Xesús nos propón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.