12 febreiro, 2020

Tempo Ordinario: 6ª semana



  

16 de febreiro: domingo 6º do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 5, 17-37
Naquel tempo dixo Xesús:
—Non pensedes que vin abolir a Lei e os Profetas; non vin para abolir, senón para dar cumprimento. Porque vos aseguro antes pasarán o ceo e máis a terra que deixe de cumprirse ata a derradeira letra ou til da Lei. E quen falte a un destes mandamentos máis pequenos e así llelo ensine a facer aos outros será declarado o máis pequeno no reino dos ceos; pero quen os cumpra e ensine será declarado grande no reino dos ceos. Porque vos aseguro que se a vosa xustiza non é maior cá dos letrados e fariseos, non entraredes no reino dos ceos.
Tedes oído que se lles dixo aos vosos devanceiros: Non matarás, e quen mate será reo ante o tribunal. Pero eu dígovos: Todo o que se enrabeche co seu irmán será reo ante o tribunal; quen o alcume será reo ante o Sanedrín, e quen o aldraxe será reo do lume do inferno.
Se ao presentares a túa ofrenda no altar te acordas entón de que o teu irmán ten queixas contra ti, pousa a ofrenda alí mesmo diante do altar, vaite primeiro reconciliar co teu irmán e logo volve a presentar a túa ofrenda.
Ponte de acordo canto antes co teu preiteante mentres ides de camiño, non sexa que te entregue ao xuíz, o xuíz ao garda e te boten na cadea. Ten por seguro que non sairás de alí ata que deas pagado o derradeiro céntimo.
Tedes oído que se dixo: Non cometerás adulterio. Pois eu dígovos: Todo aquel que mira a unha muller casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón.
Se o teu ollo dereito che é ocasión de pecado, arríncao e tira con el; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno. Se a túa man dereita che é ocasión de pecado, córtaa e tira con ela lonxe de ti; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno.
Ténsevos dito: Quen repudie a súa muller, déalle acta de repudio. Pero eu dígovos: Todo o que repudia a súa muller, fóra o caso de estaren malvivindo, expona a ser adúltera e o que case cunha repudiada comete adulterio.
Tamén tedes oído que se lles dixo aos devanceiros: Non xurarás en falso e cumprirás as promesas feitas con xuramentos ao Señor. Pero eu dígovos: Non xuredes nunca; nin polo ceo, que é o trono de Deus; nin pola terra, que é escano dos seus pés; nin por Xerusalén, que é a cidade do gran rei. Tampouco xures pola túa cabeza, porque nin sequera lle podes virar branco ou negro un só pelo. Falade, logo, deste xeito: “Si”, cando é si; “Non”, cando é non; e todo o que pase de aí vén do Malo.


Meditación
En concreto o evanxeo de hoxe co evanxeo do domingo que vén compoñen unha parte significativa dese Sermón do monte, na que se contrasta a maneira de entender certas "prácticas" da tradición relixiosa xudía, coa maneira como Xesús e os seus seguidores e seguidoras foron entendendo esas mesmas prácticas.
En xeral, o estilo de Xesús consiste en non limitarse a un cumprimento simple da norma, co que quedar xa moi tranquilos/as, senón en introducirse na fondura do sentido da norma, para descubrir e vivir a súa riqueza; non é tan doado, pero é moito máis gratificante, máis enriquecedor, introdúcenos con fondura no precioso mundo do propio corazón, da propia persoa, das relacións entre as persoas, das relacións co funcionamento social, e polo tanto tamén no mundo da experiencia de Deus na nosa vida.
Así matar pode ser simplemente matar, quitarlle a vida a outra persoa, o cal non se nega; pero, por exemplo, matar é tamén insultar, violentarse co irmán/á, denigrar, ningunear, achicalo, fundilo, quitarlle o gusto pola vida, metelo en espazos de marxinación económica ou social, privalo de alegría, de esperanza, etc... Cantas veces cos nosos comportamentos entramos nestas cousas! Non era o mesmo Papa Francisco o que nos dicía que este sistema capitalista, tal como se está instalando entre nós, é asasino, mata a xente? Todas estas cousas entran dentro do  non respectar a vida da xente; para Xesús a honra e o culto debido a Deus debe empezar por un exquisito coidado das nosas relacións co próximo; senón, o culto non vale para nada, e mesmo se pode converter nun insulto a Deus.
Na Eucaristía celebramos, agradecemos o Espírito co que Xesús desenvolveu a súa vida toda, e así alentámonos para orientar e dinamizar co seu Espírito todas as circunstancias da nosa vida.

Oración

Non, non,
a lei non chega,
o seu estrito cumprimento non é a medida.

Debaixo do mandado,
máis aló do mandado,
cumprido ou non cumprido,
está a vida,
está un ser humano
co seu misterio de vida e morte,
de excelencia e de miseria,
que cómpre escoitar e respectar,
valorar,
sen condenar.

Non, non,
a lei non chega,
nin o seu exquisito cumprimento.

Máis aló da lei
e das súas pautas precisas
sempre está o mellor,
o máis nobre do mundo;
está cada un, cada unha de nós,
cos seus repregues íntimos,
coas súas capacidades ilimitadas,
co seu corazón alerta ou enconicado,
onde se xoga a fermosura da vida,
o encontro coa inocencia,
a comuñón limpa co propio ser,
aberto ao próximo sen lindeiros,
asentado en Deus,
con paz,
sen medo.

Non, non,
a lei non chega,
mesmo pode afogarte, destruírte.

Non, non,
a lei non chega.
Dínolo Xesús,
sabedoría de Deus,
que nos ensancha a vida e nola aleda.

Acción
Na sociedade civil e tamén na Igrexa seguimos tendo leis, normas, deberes, que regulan e humanizan a convivencia: laborais, contributivas, asociativas, eclesiais… ¿Con que actitude, con que espírito nos situamos ante elas?


17 de febreiro: luns da 6ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 8, 11-13
Unha vez uns fariseos saíronlle ao paso e metéronse a discutir con el. Para probalo, pedíronlle un sinal do ceo. El deu un profundo suspiro e dixo:
—Por que esta clase de xente reclama un sinal? Pois asegúrovos que a esta xente non se lle dará sinal ningún.
Así deixounos, volveu embarcar e foise para a outra banda do lago.

Meditación
A todo o mundo nos gustan moito as cousas evidentes, ter probas de todo, que todo estea garantido, asegurado, para podermos dar un paso cara a diante. E haberá cousas nas que sexa necesario que isto sexa así. Pero hai cousas moi importantes para as persoas, quizais as máis importantes, nas que temos que andar, vivir sen probas. Polo menos sen esas probas do dous máis dous son catro. E non queda outra que arriscarnos, aventurarnos, fiarnos de nós mesmos e das persoas coas que se nos propón levar a cabo algo.
Pásanos cando nos namoramos e decidimos compartir a vida cunha persoa. Pásanos cando optamos por unha profesión e non por outra. Pásanos cando eliximos amigas e amigos. Pásanos cando pensamos en ter un, dous, tres fillos ou fillas. Pásanos tamén, sobre todo, cando comprometemos a nosa vida con Deus, con Xesús, nunha comunidade cristiá. Non é que non haxa sinais da bondade, da verdade diso que escollemos, pero é necesaria tamén a fe, a confianza, o aventurarnos cunha proposta de vida que en principio nos enche e ilusiona. Isto pode ser o máis duro dun home ou dunha muller libre, ter que escoller cun aquel de inseguridade, pero é tamén o máis fermoso que temos. Por iso Xesús suspiraba, entre canso e aleuto, pola insistencia daquela xente relixiosa que todo o quería resolver a base de probas. E a proba éraa el mesmo, a proba tíñana diante dos ollos.

Oración

Grazas, Xesús, porque me invitas
a ser persoa humilde
que non pretende controlalo todo;
a ser persoa arriscada
que se fía da vida, da xente, de ti;
a ser persoa espelida, de fe,
capaz de descubrir nas cousas todas da vida
sinais da túa presenza calada e vigorosa.
Grazas, Xesús,
que sexa algo bo discípulo teu.

Acción
Pensa nalgún aspecto da túa vida no que tiveses que aventurarte sen ter probas contundentes. Que supuxo para ti, en que te fixo medrar?


18 de febreiro: martes da 6ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 8, 14-21.
Os discípulos esqueceran levar pan e non tiñan máis ca un bolo na barca. Xesús recomendoulles:
—Tende coidado e gardádevos do fermento dos fariseos e de Herodes.
Pero eles latricaban entre si: "o caso é que non temos pan".
Xesús decatándose díxolles:
—Como! Así que estades a falar de que non tendes pan! Seica non acabades de entender, nin caedes na conta do que quero dicir? Tan cegos estades? Tendes ollos e non vedes; oídos e non oídes? Xa non vos acorda cantas cestas de sobras recollestes, cando repartín cinco bolos de pan  entre cinco mil persoas?
Contestaron:
—Foron doce.
—E cando repartín sete bolos entre catro mil, cantas cestas recollestes?
Responderon:
—Recollemos sete.
E concluíu:
—E logo aínda non comprendedes?

Meditación

Do milagre da abundante comida para todo o mundo, grazas ao xeneroso compartir do pouco que había coa bendición e o empuxe de Xesús, os discípulos só se quedaron coa cousa de que encheran a barriga. Non entendían ese nova urxencia de Deus de entrar en camiños comunitarios, nos que o de cada persoa entra en todo a formar parte dun proxecto común de comunidade, de pobo, para que ningunha persoa quede excluída en nada.
E como non entendían iso, cando Xesús lles fala do fermento dos fariseos e de Herodes, non comprenden que os está avisando doutra maneira vella de entender a Deus e a vida que exclúe a xente, ben desde a forza do poder asoballante, ben desde unhas normas relixiosas frías que secan o corazón e marxinan as persoas. Pero isto non entraba aínda dentro das preocupacións dos seus discípulos.

Oración

Xesús,
velaquí a miña ollada,
para que ti a limpes
e así poida ver a fondura
de todo canto ti vives e anuncias.
Velaquí o meu corazón,
para que rompas as súas estreituras
e o fagas capaz de incluír e abrazar,
de atender e servir
sen límites.
Algo coma ti, Xesús.

Acción
Por razón das túas ideas relixiosas ou políticas, polos teus prexuízos sociais, estás excluíndo, apartando da túa vida a algunha persoa? Estala marxinando? A túa fe lévate a ser máis egoísta ou máis comunitario? Pénsao e, se cres necesario cambiar, faino.


19 de febreiro: mércores da 6ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 8, 22-26
Nunha ocasión Xesús e as persoas que canda el andaban chegaron a Betania. Trouxéronlle un cego e pedíanlle que o tocase. El, collendo o cego pola man, sacouna para fóra da aldea; botoulle cuspe nos ollos, estendeu as mans sobre el e preguntoulle:
—¿Ti ves algo?
El, que comezaba a albiscar algo, dixo:
—Vexo xente, aínda que me parecen árbores que andan.
Púxolle outra vez as mans nos ollos; entón empezou a enxergar ben; estaba curado e vía todo claramente. Logo mandouno para a casa dicíndolle:
—Nin tan sequera entre na aldea.

Meditación
En si o relato é unha sinxela e excelente parábola dos procesos de cambio que se poden dar nas nosas vidas, cando nos aproximamos a Xesús e nos deixamos tocar polo seu espírito, nós que agora non podemos ser tocados polo seu mesmo corpo. Achegarse a Xesús, frecuentemente co apoio doutras persoas que teñen experimentado a súa fonda humanidade afincada en Deus, deixar que te colla pola man, deixarse acompañar por el; deixar que che toque coa súa palabra, co seu espírito; ver como os ollos se che abren, como te vas vendo a ti mesmo e a demais xente doutra maneira: todo o mundo como algo amable, digno de ser amado e coidado; ver como a vista se che ilumina, para verte a ti mesma a fondo, na túa humildísima dignidade en Deus, para ver tamén así a toda a creación, a toda a xente; sen disimular sombras e carencias, pero todo iluminado polo agarimo, a forza e a esperanza de Deus. E vivilo todo coa máxima humildade, non atopando nunca razón para verte por enriba de ninguén. Simplemente irmán, irmá absoluta.

Oración

Grazas, Xesús,
polas persoas e circunstancias da vida
que me permitiron achegarme a ti.
Grazas pola túa presenza en min,
pola túa palabra, polo teu espírito,
que pouco a pouco me foron abrindo
os ollos do corpo e da alma,
para verme e ver a realidade toda
con ollos humildes de irmán.
Grazas porque non desistes
e segues ao meu carón
para completar a túa obra.
Grazas, Xesús,
ti es a man de Deus na miña vida.

Acción
Podemos reparar hoxe nas nosas propias mans. ¡A cantidade de cousas boas, animadoras, alentadoras, que podemos facer con elas! Témolo en conta, sobre todo cando estamos coa xente.


20 de febreiro: xoves da 6ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 8, 27-33
Unha vez ía Xesús cos seus discípulos cara ás aldeas de Cesarea de Filipo, e polo camiño preguntoulles:
—¿Quen di a xente que son eu?
Eles responderon:
—Algunhas persoas din que es Xoán Bautista; outras, que Elías; e outras, que algún dos profetas.
El preguntoulles a eles:
—E vós ¿quen dicides que son?
Respondeu Simón Pedro:
—Ti es o Mesías.
E prohibiulles dicir nada a ninguén.
Entón empezou a adoutrinalos con toda claridade acerca de que era preciso que o Fillo do home padecese moito e que o rexeitasen os anciáns, os sumos sacerdotes e máis os letrados; que o ían matar e que aos tres días había resucitar.. explicoulles isto con toda claridade. Entón Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifarlle. Pero Xesús, volvéndose cara aos discípulos, reprendeuno:
—¡Arreda de min Satanás, que ti non te me deixar guiar por Deus, senón polos criterios humanos!

Meditación
Cantas veces nos pasa a nós coma a Pedro! Pretendemos ditarlle a Deus os nosos camiños, as nosas maneiras de ver a realidade, de ver a xente, e as maneiras de estar ante a realidade, ante a xente. E case sempre as nosas maneiras son maneiras de poder e non de servizo, de éxito rápido e non de paciente resistencia, de arrimarnos á xente de carto e de poder e non á xente vulnerable. Polo visto, en movementos relixiosos americanos, do norte e do sur, que non son católicos, pero que se din cristiáns, é corrente despedirse dicíndose a palabra “bendicións”, no canto de dicir “adeus” ou “ata logo”; pero a tal palabra quere dicir éxitos, riquezas, postos importantes, triunfo, etc. E, claro, como o éxito e as riquezas normalmente arriman a quen xa as ten, daquela chegamos á conclusión perversa de que é a xente rica a que ten acceso a Deus e goza das súas bendicións. Nós non temos costume de despedirnos con esa palabra e con esas intencións, pero no fondo ¿non estamos tocados, feridos, polo mesmo espírito mundano?

Oración

Que o teu Espírito, Xesús,
me limpe a mente e o corazón,
me abra os ollos do corpo e do espírito
para ver as cousas como ti as ves;
e guíe a miña fe, a miña vida relixiosa
polos mesmos camiños de servizo
polos que ti andaches.
Que o teu xeito de ser e de vivir
prenda firme na nosa comunidade cristiá,
na nosa Igrexa toda.

Acción
Para non facer como Pedro, sempre que nos dispoñamos a levar a cabo algo como persoas cristiás ou como comunidade cristiá, podiámonos preguntar: ¿e isto cadra coas maneiras que Xesús tiña de pensar e de actuar?     


21 de febreiro: venres da 6ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 8, 34—9,1
Nunha ocasión Xesús chamou a xente onda os seus discípulos e díxolles a todos:
—Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, cargue coa súa cruz e que me siga. Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa e pola do Evanxeo, ese poñeraa a salvo. Pois, ¿de que lle serve ao ser humano gañar o mundo enteiro, se perde a súa vida? E ¿que pode dar un ser humano por recobrar a súa vida? Porque quen se avergonce de min e das miñas palabras, nesta xeración idólatra e pecadora, tamén o fillo do Home se avergonzará del, cando veña na gloria de seu Pai entre os santos anxos.
E engadiu:
—Tende por seguro que algúns dos aquí presentes non han morrer sen veren antes chegar o reino de Deus con gran poder.

Meditación
Ter vida ou non ter vida. Salvar a vida ou perder a vida. ¿En que consiste iso? ¿Como se consegue iso? O primeiro instinto lévanos a pensar que un ten e conserva a vida na medida en que se enche de medios e recursos, para poder gozar, para ter múltiples satisfaccións, desentendéndose do que aconteza ao seu redor. Descansa e a vivir, como dicía o home rico da parábola. Ese primeiro instinto é cativador, porque ten algo de verdade. Pero, a lo menos para quen olle a vida con algo de fondura –e Xesús sempre así o facía--, ese primeiro instinto leva moita trampa consigo. Somos feitura de familia, de grupo, de pobo, de comunidade, e soamente cando respondemos á chamada da comunidade, do común, nos atopamos realmente coas fontes da nosa felicidade, da nosa vida. Así, dar, compartir a vida e todo o que a enriquece é a principal maneira de ter vida.

Oración

Grazas, Xesús,
por me dar sentido común,
por me levar da man
ata as fontes da vida feliz.
Que nunca me avergonce de ti.
Que me fíe de ti, Xesús,
que saiba apostar diariamente
por esa maneira túa sorprendente
de encherme de vida
compartindo vida.
Así, ata a vida eterna.

Acción
Hoxe podemos facer expresamente algunha práctica de compartir vida con alguén: palabra, tempo, convencementos, cartos, alegrías, esperanzas, penas… Para ir experimentando en propia carne a verdade do que Xesús propón.


22 de febreiro: Festa da Cátedra de San Pedro

Evanxeo: Mt 16, 13-19
Nun ha ocasión, cando Xesús chegou á comarca de Cesarea de Filipo, preguntoulles aos seus discípulos:
—¿Quen di a xente que é o Fillo do home?
Eles responderon:
—Unhas persoas din que é Xoán Bautista; outras, que Elías; outras, que Xeremías ou algún dos profetas.
Insistiu Xesús:
—E vós ¿quen dicides que son eu?
Respondeulle Simón Pedro:
—Ti es o Mesías, o Fillo do Deus vivo.
E Xesús contestoulle:
—Ditoso ti, Simón fillo de Xonás, porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo. E eu asegúroche que ti es Pedro, e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa; e o poder do inferno non a derrotará. Dareiche as chaves do reino dos ceos; todo o que ates na terra ficará atado nos ceos, e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos.

Meditación
Lemos o mesmo evanxeo de onte, só que neste caso segundo conta a escena o evanxelista Mateu, que subliña o papel de Pedro na Igrexa, cousa que nin Marcos nin Lucas comentan. A versión de Mateu cadra ben coa festa de hoxe titulada “Cátedra de san Pedro”; é dicir, que celebramos o servizo de orientación, de alento e de unidade co que cumpre o Papa de Roma para ben de toda a Igrexa. Segundo comentamos onte, tamén aquí temos o perigo de entender as cousas con criterios humanos e non segundo o pensar e querer de Deus; moitas veces o Papa exerceu como un soberano, créndose o dono do mundo, o que o sabía todo, o que podía falar do divino e do humano sen ningún risco de equivocación. Grazas a Deus, actualmente temos un Papa que, seguindo tamén pasos doutros Papas, intenta facer do seu cargo un verdadeiro servizo á Igrexa e ao mundo. Ben é que o escoitemos con corazón de discípulos/as, que lle agradezamos o seu traballo e que o sosteñamos co noso afecto e coa nosa pregaria; e, se algunha vez o consideramos necesario, tamén coa nosa contribución crítica, humilde e respectuosa.

Oración

Dámosche grazas, Deus noso,
por todo o teu pobo santo,
no que prendeu a semente do Evanxeo de Xesús.
Dámosche grazas
polos homes e mulleres que ao longo dos séculos
exerceron diferentes liderados na Igrexa,
e, como bos camareiros e camareiras túas,
nos foron servindo as túas viandas,
para sermos fortes na fe, na esperanza, no amor.
Dámosche grazas polo Papa de Roma,
que quere ser servidor dos teus servidores e servidoras.
Que o poder nunca nos corrompa, Deus noso,
que o poder nunca corrompa a túa Igrexa!

Acción
A Igrexa grande, a comunidade cristiá da que formas parte é cousa de todas e todos. ¿Participamos nela, asumimos tarefas nela? ¿Non nos deixan facelo? ¿Reivindicamos ese dereito e ese deber?


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.