9 de febreiro: domingo 5º do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 5, 13-16
Nunha ocasión díxolles
Xesús á xente que o seguía de cerca:
—Vós sodes o sal da
terra. Pero se o sal se volve insulso, ¿con que se vai salgar? Para nada vale
xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.
Vós sodes a luz do mundo.
Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco se acende
unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que
alume a toda a xente da casa. Alume así a vosa luz á xente, para que, vendo as
vosas boas obras, glorifiquen o voso Pai que está nos ceos.
Meditación
Para indicarnos como
habemos de estar neste mundo, Xesús emprega a comparanza do sal e da luz. As
persoas cristiás, as comunidades cristiás estamos chamadas a ser sal e luz no
medio dos nosos veciños e veciñas. O sal dá sabor ás comidas, impide o
deterioro dos alimentos, fai que se conserve a valía das cousas; o sal tamén é
para nós símbolo de graza, de "salero", de humor, de alegría. Pois
iso estaría ben que fose unha persoa cristiá, unha comunidade cristiá no medio
do seu pobo: aportarlle gusto, sabor á vida, nutríndoa do mellorciño que pode
ter, que é o agarimo, a atención polo máis débil, que é a esperanza de que as
cousas poden e deben cambiar cando as circunstancias nos apertan; que é axudar
a crear espazos de respecto, de acollida, de compartir, cheos de calor, de
coidados, que animan a vivir e a loitar. Ser sal, contribuír a que non se
deteriore o mellorciño que cada un, cada unha de nós levamos dentro; que non se
deteriore o noso espazo natural, o noso medio ambiente, que non se deteriore a
nosa convivencia parroquial ou cidadá; que non se deteriore o noso corpo, o
noso espírito, máis aló do que é normal que isto suceda. E tamén, e isto é moi
importante, aportar graza, humor, alegría, cousas propias de quen se sente
querido/a, de quen confía porque ten en quen confiar a tope, de quen se sabe
membro dun grupo de irmáns/ás, que están dispostas a dálo todo por min, se fai
falla. Somos sal no medio dos nosos veciños ou veciñas?
A luz é o que é: aluma,
aclara, axuda a entender as cousas, a vida, as relacións; axuda a entendernos a
nós mesmos; axuda a entender e valorar o que pasa no mundo, superando esas
palabras enganosas coas que moitas veces algúns políticos nos queren pechar os
ollos; a luz nosa, que debera ser a mesma de Xesús, axúdanos a ver e entender
ben as cousas da fe cristiá, dándolle toda a importancia ao que lla hai que
dar, que é ao servizo á xente máis precisada de apoios, e sentindo a Deus como
hai que sentilo, é dicir, coma un Pai/Nai doído e amante, que por amor nos
quere acompañar cara ao mellor, cara ao máis xusto, cara ao máis humano, cara
ao máis fraterno, cara ao máis libre. Somos nós así, algo polo menos, reflexo
na sociedade desta luz primeira que nos vén de Xesús?
Na Eucaristía, onda
Xesús, na súa palabra no seu Corpo e Sangue, cargamos as nosas pilas, o noso
sal, a nosa luz, para ser con gozo entre a xente sal que salga e luz que
alumea.
Oración
Bendito sexas
ti, meu Deus, bendito sexas!
Bendito sexas
ti en todo canto eu faga,
no meu
traballo, no meu folgar,
no meu
silencio, na miña palabra.
Bendito, cando
vou fóra da casa,
nos encontros
cos veciños e veciñas,
nas horas de
gozo ou nas amargas.
Bendito, nos
días de xuntanza,
cando unimos
amores e proxectos
na busca dun
mañá con esperanza.
Bendito, nos tempos de pregaria,
na escoita
solícita, obediente,
da túa voz que
aquí e alí me fala.
Bendito, na
protesta, na algarada,
na rabia
irreverente que sentimos
cando o abuso
dos que abusan farta.
Bendito, na
actividade social honrada
cando soñamos
co pobo a cada hora
e ao pobo
servimos sen agardar paga.
Bendito, na
vida familiar coa xente amada,
cando
xuntos comemos, falamos e soñamos,
ou
lle dámos tempo ao sono e ao amor na cama.
Bendito, cando
o corpo enferma ou cansa,
e é hora de
confiar humildemente
no vigor, no
calor da túa compaña.
Que sexa a miña
vida sal e lapa,
que non agache
en min a túa luz, a túa graza,
que todo canto
eu pense, diga ou faga
sexa humilde razón
da túa loanza.
Acción
É posible que esteamos
participando nalgunha asociación, comunidade veciñal, sindicato, partido
político. ¿Participo, dou a miña opinión, defendo o que considero xusto e
honrado, transmito ánimo e alegría facendo o que facemos? ¿Nótaseme en algo que
son cristián, seguidor de Xesús?
10 de febreiro: luns da semana 5ª do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 6, 53-56
Cando atravesaron para a
outra banda, chegaron a Xenesaret e alí desembarcaron. A xente de contado o
recoñecía. Puxéronse a recorrer toda aquela comarca; cando a xente sabía onde
estaba Xesús, levábanlle todos os enfermos en leitos. Nas aldea, vilas e
cidades por onde pasaba poñían os enfermos nas rúas, rogándolle que lles
deixase tocar tan sequera a orla do seu manto; e toda a xente que a tocaba
quedaba curada.
Meditación
Parece un soño. E seguro
que diremos: quen nos dese que entre nós houbese tamén un home así! É posible
que o evanxelista, levado polo agarimo e a admiración por Xesús, esaxere algo
as cousas. De todos modos Xesús era algo excepcional. Era un verdadeiro
apaixonado polo benestar da xente, pola saúde física e espiritual de cantas
persoas a el se achegaban, e todo percibían no seu corpo e o seu espírito esa
forza de ben. Sen dúbida que, se nos achegamos a el, á súa palabra, ao seu
xeito de vivir, moito ben nos virá para o noso espírito e para o noso corpo.
Seguro.
Pero tamén sabemos que a
vida non se fai con milagres. Faise con apostas humildes, cotiás, valentes, por
todo o que leve coidado e dignidade á xente, maiormente á máis débil. Eses son
os milagres que hoxe Deus quere e fomenta.
Oración
Tocar a orla do
teu manto, Xesús,
quen me dese!
Asomarme
sequera a esa fonte de vida
que deitaba
xenerosamente de ti,
quen me dese!
Achegar o meu
corazón ao teu un chisquiño
para acendelo
no mesmo soño humanitario,
quen me dese!
E todo no nome
do Deus da vida
que te envolvía
por dentro e por fóra,
quen me dese!
Quen me dese,
Xesús,
quen me dese!
Acción
Se tes oportunidade, fai
por ir visitar un enfermo na súa casa ou na residencia. Está ao tanto e
participa en calquera movida que defenda os servizos públicos, especialmente o
relativo coa saúde humana en calquera das súas ramas.
11 de febreiro: martes da 5ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 7, 1-13
Reuníronse con Xesús un
grupo de fariseos con algúns letrados chegados de Xerusalén e viron que os
discípulos de Xesús comían con mans impuras, é dicir, sen antes lavaren as
mans. (É sabido que os fariseos e os xudeus todos non comen sen lavaren ben as
mans, seguindo así as vellas tradicións; e cando chegan da rúa, tampouco comen
sen se bañaren antes; tamén están moi apegados a outras tradicións, como o
lavar vasos, xerras e bandexas). Por iso os fariseos e máis os letrados
preguntáronlle:
—Por que os teus discípulos
non se portan conforme á tradición dos devanceiros, senón que comen con mans
impuras?
Xesús contestoulles:
—Que ben
profetizou Isaías de vós, hipócritas, como está escrito:
"Este pobo
hónrame cos labios,
pero o seu
corazón está lonxe de min.
Danme un culto
inútil,
porque a
doutrina que ensinan
non son máis
que costumes humanos.
Rexeitades os
mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións da xente."
E dicíalles:
—Que ben quebrantades os
preceptos de Deus, para conservar as tradicións humanas! Porque Moisés dixo:
Coida de teu pai e máis de túa nai, e quen abandone a seu pai ou a súa nai é
reo de morte. Pero vós dicides: Se un home dixese a seu pai ou a súa nai
"o sustento que poderías recibir de min é korbán, é dicir, vai para o Templo como ofrenda", xa non lles
permitides facer nada por eles, invalidando o mandamento de Deus coa vosa
tradición. E así facedes outras moitas cousas parecidas.
Meditación
Daquela, coma hoxe, as
normas de hixiene eran cousa boa; iso non se discute. O malo era que daquela
había persoas que entendían que esas normas de hixiene eran un mandato de Deus,
e facían deses mandatos algo moi importante, case central, da súa vida relixiosa,
deixando de lado outras cousas que tiñan que ver co respecto e coidado de
xente, coa xustiza, coa consideración polas persoas máis fráxiles e marxinadas.
A nós ás veces pásanos
algo parecido: acendémonos na defensa dalgúns costumes do pasado, por exemplo,
gardar unha hora de xaxún para poder comungar, confesar dunha determinada
maneira, ou mesmo que as mulleres non poidan ser curas, ou que os curas teñan
que ser célibes. Son cousas que poden ter a súa importancia, pero non son o
principal. O principal dunha vida cristiá é algo moi simple: coidarnos a fondo
como persoas no corpo e no espírito, e facer outro tanto coa xente que nos
rodea, entendendo que calquera ser humano é tan meu como se fose eu mesmo,
porque no fondo todos, todas somos unha realidade en Deus.
Oración
Que ben que me
fose liberando coma ti, Xesús,
a base de ir
sempre ao esencial,
e co esencial
comprometer os meus pasos todos!
Que ben valorar
as pequenas cousas
no que son e no
que nos ofrecen,
sen apegar a
elas o corazón, a vida!
Que ben, Xesús,
poñer o amor no centro sempre,
e co amor
concreto e real clarificar en todo a miña vida!
Canto me tes
que aprender, Xesús,
canto me tes
que aprender!
Acción
A vida, a vida relixiosa
tamén, construímola día a día con pequenas accións, con pequenos costumes, que
valen se nos axudan a camiñar cara ao esencial. Pensa: as túas prácticas
relixiosas estante levando ao coidado da vida en ti e na demais xente?
12 de febreiro: mércores da 5ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 7, 14-23
Unha vez convocou Xesús a
xente e dicíalles:
—Escoitádeme todos e
procurade entender. Nada do que hai fóra das persoas pode manchalas ao entrar
nel; pero o que sae das persoas iso si que as mancha.
E cando entrou na casa,
despois de deixar a xente, os discípulos preguntáronlle polo significado
daquilo. Díxolles:
—E logo vós tampouco
sodes capaces de entender? Non comprendedes que todo o que vén de fóra e entra
no ser humano non o pode manchar, porque non penetra no seu corazón, senón no
seu ventre, e de alí vai parar ao escusado?
Así declaraba puros todos
os alimentos. E continuou:
—O que sae de dentro, iso
si que mancha, porque de dentro, do corazón das persoas, xorden os malos
pensamentos, as fornicacións, os roubos, os asasinatos, os adulterios, as
cobizas, as maldades, os fraudes, os desenfreos, as envexas, as blasfemias, a
soberbia, os desatinos. Todos eses males saen de dentro e manchan as persoas.
Meditación
Que cousa máis simple e
máis fonda a que nos propón hoxe Xesús! A xente, todas e todos, tendemos a
pacificar as nosas vidas adaptándoas a normas e mandatos que nos veñen de fóra,
teñan que ver coa comida ou con calquera outra cousa. Xesús invítanos a ir máis
alá. Invítanos a ollar o propio corazón, a propia interioridade, porque é aí
onde nos decidimos de verdade polo ben ou polo mal, e onde sentamos as bases da
nosa felicidade.
Os seres humanos somos
simples e complexos ao mesmo tempo. Non é doado chegar ao fondo do propio
corazón, para poder ver nel as forzas destrutivas e construtivas que nos moven;
facilmente nos enganamos a nós mesm@s, e chegamos a crernos persoas perfectas,
negándonos a ver o que realmente somos, o que realmente nos move. No fondo do
noso corazón, das nosas vidas, non estamos só nós, tamén está Deus, coa súa
forza de luz, de paz, coas súas apertas, forzas e perdóns. Por iso non debiamos
ter medo a entrar no noso mundo interior con dispoñibilidade para todo o que
xurda, que sempre será bo.
Oración
Aquí está o meu
corazón, Xesús,
a miña vida
toda,
coas súas
aparencias e coas súas fonduras,
co que creo
controlar e co que se me escapa das mans.
Aquí estou eu,
Xesús, ante ti,
con humildade
completa,
como senón,
Xesús!
Aquí estou desexando
que o teu Espírito
me ilumine e me
fortaleza,
para facerme
libre no que é bo, no que é xusto,
sempre, se é
posible.
Grazas, Xesús.
Acción
Podes facer algún pequeno
exercicio de clarificación persoal. Por exemplo, que é o que cada día che aporta
paz, serenidade, forza? Que é o que te altera e desconsola?
13 de febreiro: xoves da 5ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 7, 24-30
Unha vez foi Xesús cara á
terra de Tiro. Alí entrou nunha casa, porque non quería que ninguén o
recoñecese. Pero non lle foi posible pasar inadvertido, pois deseguida chegou
unha mulleriña que tiña unha filla posuída por un espírito malo e botóuselle
aos pés. Esta muller era pagá, unha sirio-fenicia, e rogáballe que lle librase
a filla do espírito malo. Pero Xesús díxolle:
—Deixa que se farten
primeiro os fillos, pois non é ben quitarlle o pan aos fillos, para botárllelo
aos cans.
Ela contestoulle:
—Non é, Señor, non é;
pero tamén os cadeliños apañan debaixo da mesa as faragullas que deixan caer os
fillos.
El díxolle entón: vaite,
que polo que acabas de dicir xa o demo saíu da túa filla.
E así foi; ao que chegou
á casa, atopou a filla deitada na cama, libre do demo.
Meditación
Un relato precioso. A
insistencia dunha muller, dunha nai non xudía, que acaba dobregando as
resistencias de Xesús. Quen sabe se estamos ante un relato construído para
xustificar a apertura das primeiras comunidades cristiás ao mundo pagán, non
xudeu. Pero sorprendeulle a Xesús ver como fóra do xudaísmo había xente, unha
muller neste caso, aberta ao Espírito, aberta á Boa Nova, capaz de acoller para
si e para os seus toda a bondade que Deus verte sobre todos os seus fillos e
fillas, sexa cal sexa a súa procedencia, a súa fe. Con canto orgullo van
podemos andar a xente relixiosa, orgullo que nos impide achegarnos a Deus e
gustar del na nosa vida! E, ao contrario, con canto pracer abre Deus as portas
da súa amizade a quen anda humildemente pola vida, mendigando apoios e
solidariedades, veñan de onde veñan!
Pregaria
Coma unha
cadeliña, meu Deus,
coma unha
cadeliña, non máis,
apañando
debaixo da túa mesa
as migallas da
túa abundancia
espalladas aquí
e acolá por todo o mundo.
Apañándoas de
ti sen reparos,
e, sen reparos
tamén,
compartíndoas
cos meus irmáns e irmás,
sexan do país e
da relixión que sexan.
Porque ti, meu
Deus, es sen distinción
pai ou mai de
todo o mundo,
fonte de vida
para todo o universo.
Grazas, meu
Deus.
Cóllesme da man
para
introducirme nese teu mundo máxico,
infinitamente
humano.
Grazas, meu
Deus.
Acción
Seguro que coñeces
persoas doutras relixións que andan polos nosos pobos e aldeas. Respéctaos
fondamente. Comparte con elas cando menos a túa palabra, a túa benevolencia, e,
no que poidas e saibas, tamén a túa fe, dispost@ tamén, iso si, a respectar e
valorar a súa.
14 de febreiro: venres da 5ª semana do Tempo
Ordinario
Festa dos santos Cirilo e Metodio
Evanxeo: Lc 10, 1-9
Un día designou o Señor a
outras setenta e dúas persoas, e mandounas diante del de dúas en dúas a todas
as vilas e aldeas a onde tiña pensado ir. Díxolles:
—A anada é ben boa, pero
hai pouco quen a traballe; así que rogádelle ao dono da colleita que mande
xornaleiros e xornaleiras para a seitura. Ide e sabede que vos mando como años
entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a
parolar con ninguén polo camiño. Cando
entredes unha casa, antes de máis nada dicide: “Paz a esta casa”. E se alí hai
xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco.
Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que quen traballa
ten dereito ao seu xornal. Non andedes de casa en casa. Cando entredes nunha
aldea e vos acollan, comede do que vos dean, curade a xente enferma que haxa e
dicídelles: “Xa chega a vós o reino de Deus”.
Meditación
Amósasenos o primeiro
plan de evanxelización levado a cabo polas primeiras comunidades cristiás
seguindo as palabras e o estilo de Xesús. Moito bo hai en Deus para a xente,
que merece atención; moita xente hai precisada desa abundancia de Deus. Oxalá
se multiplicasen os homes e mulleres dispostas a facer florecer tanto ben!
Andar en pobreza total, que evanxelizar non pareza nunca un negocio en nada.
Saír, andar os camiños, bater coa xente, establecer vínculos fraternos, dando e
recibindo paz, anunciando o ben de Deus, non as nosas ideas, implicándose nos
problemas da veciñanza, aceptando que haxa quen nos desprece.
Cirilo e Metodio foron
dous irmáns gregos do s. IX que se converteron en apóstolos dos pobos eslavos,
cando estes entraban en contacto co mundo cristián oriental; mesmo chegaron a
crear o alfabeto glagolítico, o primeiro que se empregou para escribir o antigo
eslavo eclesiástico. No ano 1980 o Papa Xoán Paulo II declarounos copatróns de
Europa xuntamente con Bieito de Nursia. Cirilo e Metodio, para nós ben
descoñecidos, pódennos meter no corpo a creatividade para a evanxelización que
tanta falla nos fai nos ambiente descristianizado no que vivimos.
Oración
Señor, Señor,
amo, sementador
e das colleitas
da vida
absoluto
coidador!
Velaquí as
miñas mans,
o meu empeño e
amor;
velaquí o meu
desexo
de estar
contigo, a carón
nas loitas nas
que ti loitas
por un mundo
máis mellor:
Que a vida
abunde e floreza
onde a vida é
escaso don.
E que abunden
as obreiras
que a traballen
con paixón.
Acción
Fan falla xornaleiros
xornaleiras para espallar o ben de Deus nos nosos pobos e aldeas. ¿Estamos
colaborando nalgunha acción que axude a isto? ¿Poderiamos dar un paso adiante e
colaborar algo máis?
15 de febreiro: sábado da 5ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 8, 1-10
Por aqueles días, como se
xuntaba tamén moita xente arredor de Xesús e non tiñan que comer, chamou polos
discípulos e díxolles:
—Dáme mágoa esta xente,
hai tres días que vén detrás miña e non ten nada que comer. Se os mando para as
súas casas, sen que metan algo na boca, poden esmorecer polo camiño, que moita
desta xente vén de ben lonxe.
Os discípulos
replicáronlle:
—E de onde se pode
quitar, en pleno deserto, pan abondo para fartalos?
Xesús preguntoulles:
—E logo canto pan tendes?
Responderon:
—Temos sete bolos.
Foi e mandou que a xente
sentase no chan; despois colleu os sete bolos, rezou a acción de grazas,
partiunos e déullelos aos seus discípulos, para que os repartisen entre a
xente; e así o fixeron. Tiñan tamén algúns peixes; el bendiciunos e mandou que
os repartisen. A xente comeu a fartar e cos anacos que sobraron encheron sete
cestas. Eran uns catro mil. Despediunos e deseguida embarcou cos seus
discípulos e marcharon para a rexión de Dalmanuta.
Meditación
Non se nos invita a
esperar milagres nin, por suposto, a facer milagres. Invítasenos a que, se
compartimos a palabra de Deus, os momentos chamados relixiosos, compartamos
tamén, en boa lóxica, os bens necesarios para a vida: mantenza, traballo, casa,
espazo social, amizades etc. Iso Xesús tíñao moi claro e actuaba con
coherencia.
Invítasenos tamén a andar
cos ollos ben abertos e co corazón ben espelido para percibir as necesidades da
xente, e adiantarnos así a buscar solucións que axuden a remedialas.
Invítasenos ao grande
milagre do compartir coas pequenas cousas que no día a día podemos facer con
quen chama á nosa porta, ou participando en tal ou cal asociación que fai algo
por remediar as miserias de xente; pero tamén a facelo apoiando políticos con
políticas solidarias, que poñan en primeira liña as necesidades da xente máis
desfavorecida, e tamén, as necesidades dun Terceiro Mundo que esgarece mentres
nas nosas sociedades unhas minorías engordan sen medida.
Oración
Fólgome, Xesús,
sabendo que tes
por min, por nós, ollada fina
para detectar
carencias e baleiros
e enchelos coa
túa esplendidez.
Fólgome, Xesús,
sabéndome
invitad@por ti
a formar parte
desa inmensidade de xente compartidora
que pon o seu
gozo
en baleirar as
arcas e non só en enchelas,
en bailar en corro e non en solitario.
Grazas por ti,
Xesús,
polo Espírito
que sempre te anima,
polo Deus que
nos teus feitos nos mima.
Acción
Mira como está sendo a
túa práctica de compartir. Mira se non poderías facer algo máis en calquera
aspecto da vida. A ver se chegas á alegría de compartir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.