SEMANA SANTA
Desde as orixes do
cristianismo os seguidores e seguidoras de Xesús percibiron que a morte de
Xesús e todo o que a rodeara tiña un especial interese e significado. Por iso
desde os primeiros momentos lle prestaron especial atención aos relatos da
Paixón que circulaban de comunidade en comunidade.
Desde o comezo do
cristianismo tamén se celebraron con especial devoción os acontecementos que
Xesús viviu nos derradeiros días da súa vida ata a súa morte, e con eles o
misterio da súa resurrección.
Non é que a morte e a
resurrección de Xesús teñan un sentido máxico. A morte e a resurrección de
Xesús hai que velas intimamente unidas a toda a súa vida, ao seu estilo de vida
e ás consecuencias que ese estilo de vida lle trouxeron a Xesús. Así a súa vida,
a forza de tanto amar, de tanto servir ás persoas máis débiles, marxinais e
pecadoras, acabou sendo unha vida aborrecida por xentes ligadas ao poder, que o
levaron á morte. Pero, por iso mesmo, a súa morte acabou sendo unha morte
gloriosa para o mesmo Xesús, e unha fonte de luz, de vida e de esperanza para
todos os homes e mulleres que se queiran achegar con confianza a esta fervenza
de amor e de solidariedade.
A vida de Xesús orienta
as vidas das persoas que o queremos seguir. A morte de Xesús fortalece a quen
coma el se enfronta, servindo, cos poderes do mal. A resurrección de Xesús
encabeza e esclarece a nosa propia resurrección, cando a nosa vida é unha vida
que se desenvolve na busca sincera do querer de Deus no respecto e servizo á
xente.
Quizais estamos afeit@s a
vivir a Semana Santa con certa rutina. Unha mágoa! ¿E se intentásemos vivila a
fondo, ao pé de Cristo, en comunidade, andando con el os camiños todos que o
levaron do domingo de Ramos á Pascua de Resurrección? Seguro que nos había facer
moito ben como persoas, como cristiás, como cidadáns.
5 de abril: Domingo de Ramos
Evanxeo: Procesión dos Ramos: Mt,
21,1-11
Aquel día, cando se
aproximaban a Xerusalén e chegaron a Betfagué, ao pé do montes das Oliveiras,
mandou Xesús a dous discípulos, dicíndolles:
—Ide á aldea que tendes
aí de fronte e deseguida atoparedes unha burra atada a un burriño con ela:
ceibádeos e traédeos. Se alguén vos dixera algo, respondédelle que lle fan falta
ao Señor e que deseguida llos mandará de volta.
Isto sucedeu para que se
cumprise o que fora dito polo profeta:
“Dicídelle á
filla de Sión:
Velaí o teu Rei
que vén onda ti, humilde e montado nunha burra, nun burro, fillo de animal de
carga.”
Foron os discípulos e
fixeron o que Xesús lles mandara. Trouxeron a burra e máis o burriño, botáronlle
enriba os mantos e Xesús montou. Moita xente estendeu os mantos no camiño;
outros cortaron pólas das árbores e estendéronas tamén no camiño. E a xente que
ía diante e máis os que o seguían, berraban:
—Hosanna ao Fillo de
David! Bendito o que vén no nome do Señor! Hosanna nas alturas!
E ao entrar en Xerusalén,
toda a cidade, conmovida, preguntaba:
—Quen é este?
A xente respondía:
—Este é o profeta Xesús,
o de Nazaré de Galilea.
Paixón: Mt 26, 14-- 27,66
Meditación
O que Xesús fixo na súa
entrada "triunfal" en Xerusalén foi un xesto profético, ao estilo dos
xestos proféticos dos antigos profetas; é dicir, algo que chame moito a
atención da xente, que pete na súa conciencia e que a faga pensar. Xesús neste
caso fai unha parodia, unha burla dos poderes imperiais, que adoitaban
organizar este tipo de entradas triunfais (desfiles, tropas, inimigos
encadeados, aplausos, loanzas...) para deixar en claro o seu poderío, a súa
capacidade de oprimir e de impoñer silencio e pavor ás vítimas. Xesús pretende
ridiculizar ese poder, que para el era o poder dos xefes dos pobos que
tiranizan e asoballan (cf. Mt 20,25), e presenta a súa opción por outro tipo de
relación social, non baseada no poder esmagador, inhumano, senón no respecto,
na consideración coa xente máis débil, no servizo a ese tipo de persoas.
Isto pódenos valer moito
para entrar con bo pé cristián e con proveito na Semana Santa. Entrar da man de
Xesús. No relato da Paixón a fidelidade dolorosa e amante de Xesús vaise
contrastando cos abandonos e trampas humanas que o van rodeando e empuxando
cara ao desenlace final. A morte de Xesús non é algo querido nin por Deus nin
polo mesmo Xesús; é aceptada, iso si, como punto final dun proceso de
compromiso cun estilo de vida de servizo, que os poderes do momento viviron
coma unha verdadeira ameaza. Aceptada e valorada. Esa morte, así vivida, abrirá
camiños de vida, para Xesús e para quen se queira asociar a el.
Podemos implicarnos
nunhas celebracións sinxelas, fondas, calmosas para esta Semana Santa. Así
poderemos revivir nas nosas vidas, con Xesús, o que Xesús no seu momento viviu
en favor de toda a humanidade.
Oración
Bendito o que vén
no nome do Señor!
Bendito quen se
achega
cal manso
servidor.
Bendito quen se
move
tan só que polo
amor.
Bendito quen
alenta
o pobo
loitador.
Bendito quen defende
as causas do
menor.
Bendito quen
camiña
cos pobres a
carón.
Bendito quen
critica
o grande
abusador.
Bendito quen se
opón
á
discriminación.
Bendito quen
abraza
onde hai
separación.
Bendito quen
avanza
con paz e con
vigor.
Bendito aquel
que abre
carreiros de
ilusión.
Bendito quen se
goza
con todo o que
é unión.
Bendito quen
fai pobo
sen medos, con
ardor.
Bendito quen
non busca
as chufas do
arredor.
Bendito quen
ignora
a voz do
criticón.
Bendito quen
non teme
pasar por
perdedor.
Bendito porque
en Deus
terá
consolación.
Bendito o que vén
no nome do Señor.
Acción
Un bo exercicio de
piedade cristiá pode ser ler durante a Semana Santa a Paixón de Xesús, un
anaquiño cada día, deixándose cuestionar polo pecado das persoas que o foron
abandonando ou empuxando á morte, e deixándonos coller pola entrega humildísima
e chea de fortaleza de Xesús.
6 de abril: luns da Semana Santa
Evanxeo: Xn 12, 1-11
Seis días antes da Pascua
foi Xesús a Betania, onde estaba Lázaro, a quen resucitara de entre os mortos.
Fixéronlle alí unha cea. Marta servía, mentres que Lázaro era un dos comensais.
Daquela María, collendo
unha libra de perfume de nardo puro, de moito prezo, unxiu os pés de Xesús e enxugoullos
cos seus cabelos. A casa quedou chea do recendo do perfume. Pero Xudas, o
Iscariote, un dos seus discípulos, o que o había entregar, dixo:
—Por que non se vendeu
ese perfume por trescentos denarios, e non se lles deron aos pobres?
Dixo isto non porque
tivese interese polos pobres, senón porque era ladrón e, tendo el a bolsa,
botaba man do que se metía nela.
Pero Xesús replicou:
—Déixaa estar, que o tiña
gardado para o día do meu enterro; pois
os pobres sempre os tedes entre vós, mentres que a min non sempre me ides ter.
Moitísimos xudeus souberon entón que el estaba alí e
viñeron non só por Xesús, senón tamén para veren a Lázaro, a quen resucitara de
entre os mortos. Pero os sumos sacerdotes decidiron matar tamén a Lázaro, pois
moitos, por causa del, fuxían dos xudeus e crían en Xesús.
Meditación
Seguimos camiñando pola
Semana Santa. Un encontro de amizade. Un xantar de festa e de agradecemento,
como tanto lle gustaba a Xesús. Un xesto excepcional dunha muller, María, que
non sabe como lle mostrar a Xesús o seu agarimo, o seu agradecemento, botando a
casa pola ventá. A protesta interesada de Xudas. O presentimento dunha morte
próxima, que había que acompañar.
Estas poden ser tamén as
claves destes días que nos levarán á morte e a resurrección de Xesús: Estar con
Xesús, acompañalo, envolvelo no recendo
dun amor sincero, agradecido, coherente. Coa diferenza importante de que agora
podemos xuntar os intereses de Xudas e máis os de María: non temos a Xesús
fisicamente no medio de nós, pero temos a xente pobre, débil, con calquera
clase de debilidade, á que podemos visitar, obsequiar, coidar, por si mesmas,
por seren imaxe viva do noso Señor.
Oración
Grazas, meu
Deus, por Marta,
a servidora, a
que atendía a mesa,
a que
satisfacía as necesidades da xente.
Grazas, meu
Deus, por María,
a amante
agarimosa,
que adiviñaba
penas e glorias,
e se poñía en
todo ao servizo do amado.
Grazas, meu
Deus, tamén por Xudas,
que, sen
decatarse da densidade daquela hora,
nos recorda o
lugar central
que os pobres
deben ter na vida cristiá.
Grazas polas
Martas, Marías e Xudas do presente.
Acción
Pensando en Xesús, neste
día ben podiamos visitar a algunha persoa pobre, enferma, abandonada, e
obsequiala con algo, sen escatimar medidas. Por aquilo de meternos nese mundo
do gratuíto que tanto ía con Xesús.
7 de abril: martes da Semana Santa
Evanxeo: Xn 13,21-33.36-38
Naquel tempo, estando
Xesús na cea cos seus discípulos, turbouse no seu interior e declarou
abertamente:
—Con toda verdade volo
digo, un de vós hame de entregar.
Os discípulos miraban uns
para outros, sen saberen de quen falaba. Estaba recostado no peito de Xesús un
dos seus discípulos, aquel a quen Xesús amaba. Entón Simón Pedro fíxolle un
aceno, para que lle preguntase a quen aludía. Daquela el, así apoiado no peito
de Xesús, preguntoulle:
—Señor, quen é?
Xesús respondeulle:
—É aquel a quen eu lle
vou dar o pan mollado.
E, mollando o pan, deullo
a Xudas, o de Simón Iscariote. E naquel instante, xunto co pan entrou nel
Satanás. Entón díxolle Xesús:
—O que vas facer, faino
axiña.
Ningún dos que estaban
sentados á mesa comprendeu por que lle dixera isto. Algúns coidaban que, ao ter
Xudas a bolsa do diñeiro, dicíalle Xesús: merca o que precisamos para a festa,
ou que lles dese algo aos pobres. El, collendo o pan, saíu axiña. Era de noite.
Cando saíu, dixo Xesús:
—Agora queda glorificado
o fillo do Home e Deus queda glorificado nel. Se Deus queda glorificado nel,
tamén Deus o glorificará a el e hao glorificar axiña. Meus fillos, só un pouquiño
estarei convosco. Habédesme buscar, pero, como lles dixen aos xudeus, dígovolo
a vós agora: onde vou eu vós non podedes vir.
Simón Pedro preguntoulle:
—Señor, onde vas?
Xesús respondeulle:
—Onde eu vou non podes ti
seguirme agora, seguirasme despois.
Pedro replicoulle:
—Por que non podo
seguirte agora? Estou disposto a dar a miña vida por ti.
Xesús respondeulle:
—Que ti darás a túa vida
por min? Con toda verdade cho aseguro: non cantará o galo, antes de que me
negues tres veces.
Meditación
O evanxeo de hoxe vai de
traizóns e abandonos. Aproxímase a cruz e con ela a morte, e con ela a hora da
glorificación de Deus, da glorificación do seu fillo, porque era o momento do
máximo amor, do máximo servizo, da máxima entrega. E xustamente aí, no momento
crucial, anúncianse traizóns e abandonos: Xudas desde o seu particular mundo
interior, que nunca coñeceremos ben, e Pedro desde unha suposta valentía aínda
non confrontada cos momentos de aperto. O resto dos discípulos, incluído o
amado, seguirían os mesmos pasos.
E nós que? Cales son as
nosas covardías, os nosos abandonos? A cantos momentos de intimidade con Xesús
lle teñen seguido pola nosa parte momentos, decisións, formas de vida que
manifestan un distanciamento claro con Xesús! Canto, seguro, nos temos arredado
del, do seu camiño de servizo, da súa confianza absoluta en Deus, do seu apego
á xente máis débil, na que a diario se nos ofrece!
Oración
Que non me
chufe, Xesús,
cando non debo.
Que aprenda a
andar con paso humilde,
como ben me corresponde.
Que polo menos
saiba recoñecer
os meus erros e
pecados,
as miñas
covardías,
as miñas
traizóns,
contigo, coa
xente.
Que saiba
poñelas
á calor da túa
comprensión,
do teu perdón,
da túa forza,
da túa
capacidade de abrir camiños novos.
Acción
Podemos mirar se nalgunha
cousa concreta, nalgunha promesa, nalgún compromiso lle estamos fallando á
xente, á comunidade, á sociedade. Se restituímos coa xente, restituiremos con
Deus.
8 de abril: mércores da Semana Santa
Evanxeo: Mt 26, 14-25
Entón foi un dos doce,
chamado Xudas Iscariote, onda os sumos sacerdotes e díxolles:
—Canto me dades se volo
entrego?
Eles acordaron darlle
trinta moedas de prata. E dende entón andaba buscando o momento axeitado para
llelo entregar.
No primeiro día dos Ázimos
os discípulos fóronlle preguntar a Xesús:
—Onde queres que che
preparemos a cea pascual?
El respondeu:
—Ide á cidade, á casa de
fulano e dicídelle: “O Mestre di: o meu tempo está preto, vou celebrar a Pascua
cos meus discípulos na túa casa”.
Os discípulos fixeron tal
como Xesús lles mandara e prepararon a Pascua.
Chegado o solpor, púxose
á mesa cos doce. E mentres ceaban díxolles:
—Asegúrovos que un de vós
me vai entregar.
Moi tristes empezaron a
preguntarlle un por un:
—Non serei eu, Señor?
El respondeu:
—Un que meteu comigo a
man no prato, ese entregarame. O Fillo do Home vaise, como está escrito del;
pero ai daquel que entrega o Fillo do Home! Máis lle valía non ter nacido.
Entón Xudas, o que o ía
entregar, preguntoulle:
—Non serei eu, Mestre?
Respondeulle:
—Ti o dixeches.
Meditación
“Un que meteu comigo a
man no prato”, é dicir, un dos nosos, un dos íntimos, un co que tiña compartido
todo, un que puido coñecer e ter experimentado de que ía todo isto, que ía de
ser gratuítos, de ser solidarios, de iniciar e respectar procesos de cambio nas
persoas e na sociedade, … Pero que, polo que fose, non se namorou a fondo das
propostas de Xesús, ou lle asustaron, ou as acabou vendo unha parvada que non
levaban a nada.
En Xudas acabou mandando
o seu interese, económico ou non económico, a súa particular visión das cousas,
e a distancia con Xesús e todo o de Xesús fíxose infinita. O evanxeo
propónsenos, neste caso, para que nós nos vexamos no espello de Xudas. Canto
hai en nós de pasar polas propostas de Xesús sen entrar a fondo nelas? Canto
hai en nós de darlle prioridade na nosa vida aos nosos intereses económicos, de
poder, de imaxe, do que sexa? Con cantas persoas, en cantas ocasións podemos
actuar así, esquecendo fidelidades e deixándonos levar por intereses?
Pero tamén nos podemos
mirar no espello de Xesús, que afrontou infidelidades e perseverou ata a fin.
Oración
Cantas veces,
Xesús,
me obsequiaches
coa túa amizade,
coa túa
palabra, co teu espírito!
Cantas veces me
invitaches
para comer no
teu mesmo prato,
intimando
contigo,
intimando cos
teus íntimos
no mundo da
debilidade!
Cantas veces me
tes proposto
vivir como
persoa cristiá,
a fondo,
e ser testemuña
túa
no medio desta
sociedade
potente e
empobrecida a un tempo!
Cantas veces!
E cantas veces
eu, coma Xudas,
che dei as
costas
e busquei as
miñas comenencias!
Acción
As imaxes de Xesús que
paseamos polas nosas rúas nestes días de Semana Santa non son a súa mellor
imaxe. E mellor imaxe de Xesús no medio de nós sono as persoas máis
empobrecidas e marxinadas. A algunha delas lle dei as costas? Podo reparar eses
meus abandonos?
9 de abril: Xoves Santo
Evanxeo: Xn 13, 1-15
Antes da festa da Pascua,
sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai; e xa
que amara os seus que estaban no mundo, amounos ata a fin.
E mentres ceaban –xa o
Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o
entregase--, sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans e que saíra de Deus e
ía onda Deus, Xesús ergueuse da mesa e quitou o manto; colleu unha toalla e
cinguiuse con ela. Despois botou auga nunha palangana e comezou a lavarlles os
pés aos discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida. Pero, cando
chegou onda Simón Pedro, este díxolle:
—Señor, vasme lavar os
pés ti a min?
Xesús respondeulle:
—O que eu fago ti non o
entendes agora; halo comprender máis adiante.
Pedro replicoulle:
—Ti non me lavaras os pés
a min endexamais.
Xesús respondeulle:
—Se non te lavo, non
terás parte comigo.
Exclamou Simón Pedro:
—Señor, daquela os pés,
as mans e máis a cabeza.
Dille Xesús:
—Que se bañou non precisa
máis que lavar os pés, pois está todo limpo; e vós estades limpos, aínda que
non todos.
Sabía quen o había de
entregar, por iso dixo: “non todos estades limpos”. Cando Xesús acabou de
lavarlles os pés, vestiu a súa túnica, sentou outra vez e díxolles:
—Comprendedes o que fixen
convosco? Vós chamádesme Mestre e Señor e dicides ben, porque o son. Logo, se
eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns
a outros. Deivos así un exemplo, para que, como eu fixen convosco, así fagades
tamén vós.
Meditación
Na cea que narra o
evanxelista Xoán non hai relato da Eucaristía, pero en cambio hai o xesto
simbólico, profético, de Xesús de poñerse a lavarlles os pés aos asistentes á
cea, cousa que non conta ningún dos outros tres evanxelistas. Eucaristía e
lavatorio dos pés veñen ao mesmo. Cando Xesús realiza estas dúas accións, intúe
que está próximo o seu final, e por iso mesmo o que fai adquire unha relevancia
especial para el e para todos nós; é como se nos quixese transmitir con
claridade aquilo que foi o máis fundamental para a súa vida, para a súa
espiritualidade, para a súa relación con Deus e coa xente. Algo así como o seu
testamento espiritual. Nos dous casos, coa entrega do pan e do viño como
símbolo do seu corpo e do seu sangue, e co lavatorio dos pés, dinos que para el
o fundamental foi servir e dar por todo o mundo o seu tempo, as súas
habilidades, a súa palabra, os seus afectos, os seus poderes, o seu espírito.
Todo. E todo por todos, por todas.
Este foi o sacerdocio
existencial de Xesús. O sacerdocio que nos transmite a todos os seus
seguidores, homes e mulleres; sacerdocio que realizamos cando imos facendo da
nosa vida un servizo na familia, na comunidade, na sociedade, no traballo polo
común, e que logo celebramos cando nos xuntamos en comunidade ao redor de
Xesús, o Mestre e Señor; ao seu pé poderemos ir aprendendo o custoso,
marabilloso, revolucionario oficio de entender a vida como un servizo. Oxalá!
Oración
Xesús, meu
mestre e meu Señor,
veño onda ti
para que me
aprendas a servir.
A servir sen
trampas,
de forma
desapegada,
de forma libre.
de forma
espléndida,
sen aforrar
esforzo e disposición.
Veño onda ti,
Xesús,
para aprender a
servir con alegría,
sen amarguras,
non por
sentirme obrigada,
aínda que ás
veces pese e doia o servizo.
Que se me note
este oficio e profesión,
nas cousas
pequenas de cada día
nos servizos
que a comunidade me demande.
Que goce coma
ti servindo,
que viva
servindo,
que morra
servindo,
que me recorden
como persoa servidora,
como a ti.
Apréndeme,
Xesús.
Acción
Hoxe é un día especial
para a solidariedade. O importante é vivir cada día en clave de solidariedade.
Pero tamén pode ser proveitoso que hoxe fagamos un signo especial de
solidariedade: visitar a unha persoa enferma, facer unha colaboración
económica, reforzar a unha persoa que traballe polo común nalgún campo, renovar
o teu compromiso concreto pola comunidade cristiá, pola comunidade civil.
10 de abril: Venres Santo
Evanxeo: Paixón segundo san Xoán:
Xn 18,1-19,42
(Breve: Xn
19,16b-41)
Crucifixión de Xesús
Entón colleron a Xesús.
Cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da Caveira, que se di Gólgota
en hebreo. Alí o crucificaron, xunto con outros dous, un a cada lado e Xesús no
medio.
Escribiu Pilato un título
e púxoo na cruz. O escrito era: Xesús o Nazareno, o rei dos xudeus. Moitos dos
xudeus leron este título, porque o sitio onde Xesús foi crucificado estaba
cerca da vila e estaba escrito en hebreo, latín e grego. Os sumos sacerdotes
dixéronlle a Pilato:
—Non escribas “O rei dos
xudeus”, senón que el dixo “Son rei dos xudeus”.
Pilato respondeu:
—O escrito, escrito está.
Entón os soldados, cando
crucificaron a Xesús, colleron a roupa del e fixeron catro partes, unha parte
para cada soldado, e máis a túnica. Era a túnica sen costura, tecida dunha peza
de arriba abaixo. E falaron entre eles:
—Non a rachemos,
sorteémola a ver a quen lle toca.
Así cumpriuse a Escritura
que di:
—Repartiron entre eles a
miña roupa e sortearon a miña túnica.
Tal fixeron os soldados.
Ao pé da cruz de Xesús
estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e máis María a
Magdalena. Xesús, vendo a súa nai e, onda ela, o discípulo a quen amaba,
díxolle á nai:
—Muller, velaí o teu
fillo.
Despois díxolle ao
discípulo:
—Velaí a túa nai.
E dende aquela hora o
discípulo acolleuna con el.
Morte de Xesús
Despois disto, sabendo
Xesús que xa todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura,
dixo:
—Teño sede.
Había alí un xerro cheo
de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha cana de
hisopo, achegáronlla á boca. Cando probou Xesús o vinagre, dixo:
—Está cumprido.
E, inclinando a cabeza,
entregou o espírito.
Entón os xudeus, como era
o día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o
sábado –pois era grande aquel día de sábado--, rogáronlle a Pilato que lles
rompesen as pernas e os retirasen. Viñeron, logo, os soldados e rompéronlle as
pernas ao primeiro e máis ao outro que crucificaran con el. Pero, ao chegaren
onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, senón que un dos
soldados traspasoulle o costado cunha lanza, e no instante saíu sangue e auga.
Quen o viu dá testemuño e
o seu testemuño é verdadeiro; el sabe que di a verdade, para que tamén vós
creades. Porque isto aconteceu para que se cumprise a Escritura: “Non lle
crebarán óso ningún.” E noutro lugar di: “Han mirar para quen traspasaron”.
Sepultura de Xesús
Despois disto, Xosé o de
Arimatea, que era discípulo de Xesús –aínda que ás agachadas, por medo aos
xudeus--, rogoulle a Pilato que lle deixase retirar o corpo de Xesús. Pilato
accedeu. Foi e retirou o corpo. Foi tamén Nicodemo –aquel que primeiramente
viñera onda Xesús de noite--, levando unha mestura de mirra e áloe de case cen
libras. Colleron o corpo de Xesús e, segundo é costume sepultar entre os
xudeus, enfaixárono en panos, con aromas. No sitio onde crucificaron a Xesús
había un xardín e no xardín un sepulcro novo, que aínda non usara ninguén.
Puxeron alí a Xesús, por mor da Preparación dos xudeus, pois o sepulcro estaba
cerca.
Meditación
Pódenos parecer que a
vida de Xesús foi un fracaso, porque acabou impoñéndose a xente de poder que se
opoñía ao estilo de Xesús que buscaba crear irmandade desde abaixo, dando
preferencia sempre ás persoas máis fráxiles e pecadoras. Pódenos parecer que na
historia sempre se repetiu o mesmo: homes e mulleres que quixeron acabar coas
situacións de abuso, no corpo e no espírito, e que acabaron esmagadas polo
poder. Pódenos parecer, daquela, que é inútil vivir en honradez, en
solidariedade, buscando unha comunidade cristiá e unha sociedade digna,
construídas desde a irmandade.
Non. A morte de Xesús
dinos outra cousa. Porque nos fala da fortaleza da xente débil, que non se
prega a quen a quere facer calar. Porque estas mortes sempre acaban sendo
semente da que xermolan persoas, comunidades renovadas, valentes, arriscadas: a
persoa así morta prolóngase no tempo, ata a eternidade, nas persoas que
admiran, agradecen e procuran imitar o seu exemplo. Curiosamente estas mortes,
a de Xesús a primeira, son as que sosteñen a dignidade da humanidade enteira, e
nos permiten soñar que o amor, a solidariedade fonda e real, acabe conducindo
os nosos corazóns, as nosas vidas. Contemplar a Xesús morto na cruz non
deprime, ao contrario, pacifica, reforza, alerta os ánimos, anima á
resistencia, consolida a vontade de ser homes e mulleres consistentes, fieis.
Deus está totalmente da nosa parte. Ata a morte. Deus non é inútil.
Oración
Adórote, Xesús,
cravado na
cruz.
Adórote, Xesús,
sedento na
cruz.
Adórote, Xesús,
todo paixón.
Adórote, Xesús,
machucado,
espido.
Adórote, Xesús,
entregado,
cumprido.
Adórote, Xesús,
morto por amor.
Adórote, Xesús,
refugallo
humano,
gloria de Deus.
E contigo adoro
a todos os
homes e mulleres,
individuos e
pobos
que sofren cruz
e escarnio,
humillación e
esquecemento.
Adórote, Xesús,
no silencio da
cruz.
Acción
A parte de que dediquemos
un tempo a contemplar a paixón de Xesús, o Cristo, podemos aproximarnos hoxe a
algunha persoa ou grupo humano ou pobo que estea sendo na historia unha
prolongación da morte de Cristo. Se podemos facelo persoalmente, mellor. Senón,
podemos valernos de calquera medio de comunicación que nos permita esa
aproximación e coñecemento.
11 de marzo: Sábado Santo.Vixilia Pascual
Evanxeo: Mc 16, 1-7
Pasado o sábado, María
Magdalena, María de Santiago e máis Salomé mercaron perfumes para iren
embalsamar o corpo de Xesús. E moi ceo, no primeiro día da semana, despois da
alborada, foron ao sepulcro. Ían comentando entre elas:
—Quen nos vai arredar a
lousa da entrada do sepulcro?
Pero, erguendo a vista,
descubriron que a lousa estaba arredada, e iso que era moi grande.
Entraron no sepulcro e
viron un mozo vestido de branco, sentado ao lado dereito, e quedaron
espantadas. Pero el díxolles:
—Non vos espantedes.
Buscades a Xesús Nazareno, o crucificado? Non está aquí, resucitou. Mirade o
lugar onde o puxeron. Agora ídelle dicir aos discípulos e máis a Pedro que el
vai diante de vós a Galilea; aló o veredes, como vos tiña dito.
Meditación
É un día de moito
silencio. Cristo está calado no sepulcro. O seu evanxeo non resoa nas palabras.
Resoa misteriosamente naquel corpo silenciado, que no silencio de Deus pasa da
morte á vida. Un corpo morto que recende ao amor que, coa palabra e cos feitos,
foi compartindo con cantos homes e mulleres se atoparon con el na vida. Un
corpo morto ao que ninguén ousaría negarlle a vida. Un corpo que zumega vida.
Así é un milagre natural,
normal, que poidamos falar de Xesús, o Cristo, resucitado. Que o adiviñemos
arredando lousas, saltando os lindeiros da morte, para reencontrarse nas fontes
da vida, en Deus, e seguir pensando en cousas de vida neste mundo, empuxando
para iso os seus discípulos e discípulas de sempre, de onte e de hoxe. Xesús, o
Cristo, resucitado. Vivo entre nós, para nós. Vivo para crear vida nos nosos
corazóns, nas nosas comunidades, nos nosos pobos. Invitándonos á vida, que
dunha vez sexa digna, sa, irmandada, feliz.
Un día de moito silencio,
de moita espera. Ao pé de quen agarda en silencio e amargura que o sol alume a
súa vida.
Oración
Aplaudímoste
coas nosas mans, meu Deus,
polo inmenso
caudal de vida que ti es.
Aplaudímoste cos
nosos corazóns, meu Deus,
polo prodixio
de Xesús
na súa vida, na
súa morte, na súa resurrección.
Aplaudímoste co
noso silencio, meu Deus,
porque
caladamente revolucionas o mundo
e o convertes
en terra de esperanza.
Aplaudímoste
coas nosas vidas, meu Deus,
asentada
felizmente en ti, fonte de vida.
Aplaudímoste
coa xente máis fráxil deste mundo, meu Deus,
porque en ti
teñen porvir asegurado
e en nós, no
que poidamos e saibamos, unha man amiga,
unha man
crucificada, unha man pascual.
Acción
Festexemos a Pascua.
Celebremos, comamos, bebamos, bailemos en comunidade. Botémoslle o ollo a
algunha persoa ou situación social apoucada e vaiamos cara a ela compartindo
vida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.