26 marzo, 2020

Manuel Regal Ledo



  

BREVE MEDITACIÓN EN TEMPOS DE ALARMA
  


Que horas máis duras para tanta xente:
xente enferma, moribunda, morta,
xente medrosa, soa, desasistida,
fillos e fillas que non poden ir ver os seus,
sabendo que están en grande debilidade;
xente coidando, curando, con moito risco,
xente colaborando nas rúas de mil maneiras,
por oficio ou voluntariamente…!
Que inmensa fraxilidade a nosa,
pero tamén que inmenso afán de podela superar!
Persoas, esforzos, cartos,
Concellos, Comunidades, Estados,
o mundo todo en acción redentora!

Cada día palpando a nosa miseria e a nosa excelencia!
Todo envolto nun reencontrado alento de amor e de tenrura,
a quen multitudes lle chamamos dignamente Deus,
e a quen tamén multitudes lle chaman simple humanidade,
suscitada ou non polo medo ao peor.

A esta `marabillosa humanidade de carne e oso, sen nome,
ou a ese Deus con alma e corazón de pai ou nai amorosa,
podémolos invocar, escoitar, acoller e secundar
nesta hora de inseguridades, dores e mortes.

Para vernos sustentadas nestas horas de fraxilidade.
para podermos sacar de nós o mellor para o ben da xente máis aflixida,
para fortalecer a quen está ao pé da enfermidade, da dor, da morte,
e as persoas que deban estar retraídas e á espera.

Para que vivamos en total unión ante a gravidade do momento presente
sen distinguir razas, linguas, sexo, condición social,
credos relixiosos ou políticos.

Para que todo isto nos permita recapacitar sobre a nosa caducidade,
e, cando todo isto pase, que pasará
non esquezamos que somos po,
soamente redimible pola forza do amor solidario;
e poñamos a santa solidariedade universal como lei básica
das nosas normas, leis e constitucións,
como receitario básico de todos os idearios sociais, políticos e relixiosos.

Para valorar moito máis cousas tan humanas e cotiás
como é verse, conversar, bicarse, abrazar,
ollar con ollada fraterna a quen teñamos diante
sexa quen sexa, veña de onde veña.

Para reorientar o uso dos cartos, particulares ou públicos,
e poñelos sempre en primeiro lugar
ao mellor servizo dos coidados de toda a xente,
fuxindo de distingos, ostentacións e consumismos desordenados.

Para recoñecer pacificamente a nosa absoluta interdependencia
e facer dela unha entrañable riqueza cotiá
e non unha competitiva carreira de prepotencia egoísta.

Para valorar máis o retiro, a soidade, o silencio
espazos estes onde con frecuencia
os homes e mulleres batemos mellor coas nosas propias fontes
e nos volvemos máis sabios para a vida,
máis auténticos, máis pacíficos e pacificadores.

Para aprender desta amarga lección
unha nova maneira de sermos homes e mulleres
de sermos persoas, pobo e nación,
de tratarnos, de valorarnos,
de ollarnos á cara, de darnos as mans.

Que así sexa,
no nome da santa humanidade solidaria
ou no nome do Deus Pai ou Nai, fonte vigorosa de todas as apertas.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.