19 marzo, 2020

Tempo de Coresma: 4ª semana



   
22 de marzo: Domingo 4º de Coresma

Evanxeo: Xn 9,1-41. Breve: 9, 1.6-9.13-17.34-38
Unha vez (estaba Xesús no templo) e ao pasar, viu a un cego de nacemento. Entón cuspiu na terra e fixo lama co cuspe e untoulle os ollos ao cego con ela, dicíndolle:
—Vaite lavar na piscina de Siloé (que quere dicir enviado).
El foi, lavouse e volveu con vista. Entón a veciñanza e quen antes o viran andar a pedir, preguntaban:
—¿Non é este o que estaba sentado pedindo?
Uns dicían: o mesmo; outros dicían: non, pero aseméllaselle; e el dicía: son eu.
Levaron onda os fariseos o que fora cego. Era sábado o día no que  Xesús fixo lama e lle abriu os ollos. E tamén os fariseos lle preguntaban como chegara a ver. El respondeulles:
—Untoume lama polos ollos, laveime e vexo.
Algúns dos fariseos dicían: Este home non vén de Deus, que non garda o sábado. Outros, en cambio, dicían: ¿E logo podería un home pecador facer estes sinais? E había división entre eles. Entón preguntáronlle outra vez ao cego:
—¿A ti que che parece ese home que lle deu vista aos teus ollos?
El contestou:
—Que é un profeta.
Respondéronlle eles:
—Ti naciches todo envolto en pecado ¿e vasnos ensinar a nós?
E botárono fóra. Oíu Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle:
—¿Cres ti no Fillo do home?
El respondeulle:
—E quen é, Señor, para que crea nel?
Díxolle Xesús:
—Éche o mesmo que estás vendo e que está a falar contigo.
El dixo:
—Creo, Señor.
E prostrouse diante del.

Meditación
Este texto pódenos valer para realizar un encontro persoal e comunitario con Xesús na verdade fonda das nosas persoas, na fe. O cego foi facendo un camiño: de non ver, pasa a ver; de descoñecer a Xesús, de falar del como de "o home que se chama Xesús", ata chegar a recoñecelo coma Señor, é dicir, como a persoa que co seu poder, coa súa atracción era capaz de pacificar, alentar, orientar, aledar a súa vida. E isto é o máis importante deste evanxeo. A aquel cego de nacemento pasoulle isto, viviu isto con Xesús. Ao evanxelista Xoán e a moitos dos seus compañeiros e compañeiras pasáralles o mesmo. E nós que? E as nosas comunidades cristiás que?  ¿Temos e facilitamos esta experiencia de encontro con Xesús? ¿Como nos afecta, en que se teñen aberto os nosos ollos? ¿Compartimos con outras persoas iso que Xesús foi facendo, está facendo nas nosas vidas?
É importante reparar nas pegas, nas dificultades que os diferentes personaxes do relato van atopando para ese encontro con Xesús, porque igual nos poden axudar a entender as nosas mesmas dificultades e a buscarlles remedio. O cego foi o máis sinxelo; ía contando o que ía vendo,  e onde non entendía, preguntaba; non deixa de ser un bo método. Despois van aparecendo os veciños e veciñas, que se lean con que se aquel home era ou non era o cego de nacemento: moitas veces tamén nós nos enredamos en disquisicións que nos impiden ir ao  gran e chegar a atoparnos con Xesús. Os fariseos atoparon a maior dificultade na mesma vida relixiosa que vivían: eran tan esixentes, tan cumpridores, tan amigos das leis e tradicións relixiosas, que se cegaban con iso e se facían incapaces de ver en Xesús o rostro de Deus que lles estaba ofrecendo algo novo con máis vida e liberdade da boa. É ben curioso que fose certa xente moi relixiosa a que máis dificultades tivo para aceptar a Xesús.
E, por último, estaban tamén os pais do cego; neles a dificultade estaba no medo; medo á marxinación que podían sufrir se recoñecían a sorprendente novidade de Xesús; medo a enfrontarse co poder relixioso ou con calquera outro poder, se entraban en seguimento de Xesús. Isto é moi importante. Hoxe hai moitos poderes económicos, culturais, de maneiras de entender a vida e de comunicala, que fan moitas inxustizas, que protexen sobre todo os intereses da xente grande; estes poderes lévannos a encollernos, a escondernos de ser crentes, por medo a parecer raros/as, a non estar dentro do sistema de vida normal, a romper coas súas trampas: consumismos, futbolismos, imaxe corporal, marcas, etc.; quizabes teñamos medo a enfrontarnos con todo iso con humildade e valentía, e por iso escapamos dun encontro vivo con Xesús. Sería ben que cada un, cada unha de nós pensase algo nas dificultades que está tendo para este encontro con Xesús.
Na Eucaristía Xesús ábrenos a mirada, para que o descubramos a fondo como amigo e servidor entregado, como revulsivo para a comunidade cristiá e para a sociedade, como fillo de Deus.

Oración

Coma o cego de nacemento,
necesito tamén, Xesús, a túa luz.
para levar ben a miña vida
en paz e verdade, sen trampas,

Coma o cego de nacemento,
a luz, a túa luz, Xesús, canto a desexo!,
para orientarme no uso correcto dos cartos, cando os hai,
con tino e solidariedade,
ou na maneira de buscalos honradamente, cando carezo deles.

Coma o cego de nacemento,
canto agradezo a túa luz, Xesús,
que me oriente para ponderar ben,
para ver as luces e as sombras do que me pasa,
do que vai acontecendo cada día,
e así orientar ben a miña participación social, política, sindical.

Coma o cego de nacemento,
canto confío na túa luz, Xesús,
para orientar a miña vida de fe,
para soportar o meu propio pecado,
para saír adiante en horas de amargura,
para erguer a vista, o corazón,
e encetar cada día con ollos de esperanza.

Acción
Dentro do tempo de Coresma no que estamos, ben poderiamos darnos hoxe un tempo para ver que zonas de sombra, de escuridade, de cegueira hai nas nosas vidas, e poñelas diante de Xesús para que nolas ilumine. Se facemos isto en pequeno grupo, moito mellor.


23 de marzo: luns da 4ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 4, 43-54
Saíu Xesús de Samaría para Galilea; Xesús mesmo tiña dito que ningún profeta era honrado na súa patria. Cando chegou a Galilea, os galileos acollérono ben, pois viran todo o que Xesús fixera en Xerusalén durante a festa, xa que tamén eles foran á festa. E Xesús volveu de novo a Caná de Galilea, onde cambiara a auga en viño.
Había en Cafarnaúm un funcionario que tiña o fillo enfermo. Oíu que Xesús viña de Xudea cara a Galilea, foino esperar e rogáballe que baixase a curar o seu fillo, que estaba á morte. 
Díxolle entón Xesús:
—Se non vedes sinais e prodixios, non credes.
O funcionario insistiu:
—Señor, baixa antes de que morra o meu meniño.
Xesús contestoulle:
—Vaite, o teu fillo vive!
O home creu na palabra que lle dixera Xesús e foise. E, cando xa el baixaba, saíronlle ao encontro os seus servos, para lle dicir que o neno xa se puxera ben. Entón preguntoulles a que hora empezara a notar a melloría.
Eles respondéronlle:
—Onte, a iso da unha baixoulle a febre.
Decatouse entón o pai de que aquela fora a hora na que lle dixera Xesús “o teu fillo vive”, e creu el e máis toda a súa familia.
Este segundo signo fíxoo Xesús cando volvía de Xudea para Galilea.

Meditación
Xesús ofrécenos a seguridade de sermos persoas fondamente queridas. Xesús axúdanos a ver que as persoas, cada persoa, temos un valor único, que ninguén pode atropelar. Xesús axúdanos a descubrir as enormes posibilidades que cada persoa levamos no noso interior, posibilidades que nos fan moi fortes ante calquera atranco na vida. Xesús axúdanos a descubrir que estamos chamados á unión, á comunidade, e que a comunidade nos aporta grande felicidade. Xesús ofrécenos un estilo de vida libre, solidario, agradecido, irmandado, humilde, valente, alegre, resistente, confiado. Xesús axúdanos a afrontar os límites, calquera límite, que ten a vida e a encararnos con eses límites con esperanza, sen angustias, porque a pesar de todo seguimos sendo persoas queridas, ás que sempre nos agarda un espazo de luz, un corazón amante, un porvir pacificado. Pareceranos todo isto pouco milagre?

Oración

Xesús,
o meu fillo morre,
a miña comunidade cristiá esmorece,
a miña parroquia achícase,
o mundo rural vai a menos,      
os pobos desángranse polas feridas das guerras,
as pobrezas aumentan e aséntanse entre nós,
a conciencia social debilítase,
os políticos ceden ante o capital, …
Xesús,
que podes facer ti?
Que podo facer eu?
Que podemos facer nós,
todas e todos nós?

Acción
Se nos atopamos ante un problema calquera, persoal ou comunitario, podémonos preguntar que podo, que podemos facer para abordalo e axudar a resolvelo ou, cando menos, alivialo algo.


24 de marzo: martes da 4ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 5, 1-3.5-16
Celebrábase unha festa dos xudeus. E Xesús subiu a Xerusalén. Hai en Xerusalén, onda a Porta das Ovellas, unha piscina chamada en hebreo Bezsazá, que ten cinco pórticos. Neles había unha chea de enfermos, cegos, coxos, tolleitos Estaba tamén alí un home que levaba trinta e oito anos enfermo. Xesús, ao velo deitado e sabendo que levaba xa moitos tempo, preguntoulle:
—Ti queres quedar san?
Respondeulle o enfermo:
—Señor eu non teño a ninguén que me bote na piscina cando se remexe a auga; e, para cando eu veño, sempre baixa outro máis axiña ca min.
Xesús díxolle:
—Érguete, colle a túa padiola e anda.
No intre púxose bo aquel home, colleu a súa padiola e botou a andar. Pero aquel día era sábado. Entón dicíanlle os xudeus ao que quedara curado:
—É sábado, non tes dereito a levar o leito.
Mais el respondeulles:
—O que me curou díxome el mesmo: “Colle a túa padiola e anda.”
Eles preguntáronlle:
—Quen é o home que che dixo “colle e anda”?
Pero o curado non o sabía, pois Xesús escapara do xentío que había naquel sitio. Máis tarde atopouno Xesús no templo e díxolle:
—Mira que estás san; non volvas pecar, para que non che veña algo peor.
Foise o home e contoulles aos xudeus que fora Xesús quen o curara. Por este motivo os xudeus perseguían a Xesús, por facer estas cousas en sábado.

Meditación
É ben exemplar este relato. Primeiro porque sitúa a Xesús enredado coa xente que ten problemas na vida, neste caso uns problemas de saúde que facían especialmente débil e marxinal a aquel enfermo. Xesús era moi amigo de andar os camiños, de atoparse con xente envolta en toda clase de debilidades, e a esa xente dáballe o que el sabía e podía dar: proximidade, confianza, alentos, sanidade; nunca buscando a súa gloria, senón o benestar da xente, a súa incorporación digna á vida social.
É exemplar tamén este relato, porque pon de manifesto o enfrontamento entre a relixión oficial e o talante de Xesús. A relixión oficial tende a poñer por diante as súas normas, as súas doutrinas, caia quen caia. Xesús pon por diante o ser humano necesitado, cousa que molesta á relixión oficial, por raro que pareza. Por iso a relixión oficial foi a por Xesús. Por iso o matou. Pero, por iso mesmo, a súa morte foi e segue a ser fonte de vida.

Oración

Grazas, Xesús,
porque iluminas ben o camiño da nosa fe.
Grazas,
porque nos dis con claridade onde está o importante.
Grazas, Xesús,
porque os teus ditos e feitos nos chaman ao cambio.
Grazas,
porque nos axudas a poñer o débil no centro da nosa experiencia relixiosa,
para aí atoparnos contigo,
para aí atoparnos con Deus.
Grazas.

Acción
Podemos revisar onde poñemos os acentos da nosa vida crente. Podemos mirar que lugar ocupa a xente necesitada, pobre, marxinal nas nosas ansias e horarios de cada día.


25 de marzo: Solemnidade da Anunciación do Señor

Evanxeo: Lc 1, 26-38
Sucedeu que aos seis meses (do anuncio do nacemento de Xoán Bautista) Deus mandou o anxo Gabriel a unha aldea chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.
O anxo entrou onde estaba ela e díxolle:
—Alégrate, chea de graza, o señor está contigo.
Ela turbouse con estas palabras, cavilando que podería significar aquel saúdo. O anxo continuou:
—Non teñas medo, María, porque ti gozas do favor de Deus. Mira, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo, a quen chamarás Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob e o seu reinado non terá fin.
María respondeulle ao anxo:
—E como pode ser isto, si non convivo con ningún home?
O anxo contestoulle:
—O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que consideraban estéril, pois para Deus non hai imposibles.
            María contestou:
—Pois aquí está a escrava do Señor: que se cumpra en min canto dixeches.
E o anxo marchou de onda ela.

Meditación
O que pasou en Xesús, con Xesús, axúdanos a entender o que pasa con todos os homes e mulleres que vimos a este mundo. Calquera home ou muller temos partes de nós que máis ou menos podemos coñecer ben; temos un corpo, temos un xeito de ser, temos unha maneira de pensar, temos unha mente, unha maneira de nos situar ante nós mesm@s, ante os demais, antes Deus; temos tamén un mundo de sentimentos… Todo isto permite coñecernos, identificarnos e diferenciarnos.
Pero, aínda así, hai un algo de nós, fondo, misterioso, que se nos escapa a nós mesm@s e, por suposto, tamén a quen nos rodea. Para as persoas que temos fe relixiosa, esa zona inabarcable de misterio que nos envolve conéctanos co misterio mesmo de Deus. Somos persoas así de fondas, de ricas, de insondables porque as nosas raíces están en Deus e en Deus nos movemos e existimos diariamente. Somos persoas así de ricas porque, a semellanza de Xesús, tamén nós somos dalgunha maneira persoas feitas tales polo Espírito mesmo de Deus. O que en Xesús foi plenitude e redondez en nós é intento e aproximación. E todo isto podémolo ir vivindo e realizando nas mil circunstancias miúdas do día a día. Somos queridas e agraciadas por Deus, somos invitad@s á alegría e á confianza, Podemos deixar que o Espírito nos fecunde, si ou non. María é un referente. Algo marabillosamente humano, marabillosamente divino. Así somos nós.

Oración

Velaquí a escrava,
o escravo do Señor.
Disposta/o a dicir un si
que me rompa e me libere.
Disposto/a a deixar que o Espírito
faga de min,
algo polo menos,
un reflexo do mesmísimo Xesús.
Deixando que se constrúa en min
o rostro humano de Deus
que levo nas miñas entrañas agochado.
Velaquí a pobre criatura do Señor!

Acción
Podemos mirar para nós mesm@s e ver en que cousas nos vemos algo semellantes a Xesús e en que cousas non. Agradecemos o primeiro e temos en conta o segundo para aprender a non poñer freo ao Espírito que nos quere transformar.


26 de marzo: xoves da 4ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 5, 31-47
Nunha ocasión díxolles Xesús aos xudeus:
—Se eu fose testemuña en causa propia, o meu testemuño non tería validez. Pero é outro o que testemuña a favor de min e eu sei que é válido o testemuño que dá de min.
Vós mandastes xente a preguntarlle a Xoán e el deu testemuño da verdade. Non é que eu apele ao testemuño dos homes, pero lémbrovos isto pola vosa salvación. Xoán era o facho que ardía e alumaba, e vós quixestes gozar un instante da súa luz. Mais eu teño un testemuño máis importante ca o de Xoán, pois as obras que o Pai me encargou de levar a cabo, esas obras que eu fago, dan fe de que eu son un mandado do Pai. E o Pai, que me mandou, dá testemuño a favor de min. Pero vós nin oístes nunca a súa voz, nin vistes o seu rostro, e tampouco conservades a súa palabra en vós, porque non credes naquel que El mandou. Estudades as Escrituras, coidando que nelas tedes vida eterna; pois esas son as que testemuñan a favor meu e vós non queredes vir a min e así ter vida.
Non é que eu espere gloria dos homes; pero ben me decato de que vós non tedes dentro o amor de Deus. Eu veño no nome do meu Pai e non me recibides; se outro vén no seu propio nome, a ese recibirédelo. Como ides poder crer vós, que vos dades honra uns a outros e non procurades a gloria que vén do único Deus? Non coidedes que vos hei acusar ao Pai; quen vos acusa é Moisés, ese no que vós tedes a esperanza. Pois se vós crerades a Moisés, habiades crer tamén en min, xa que de min escribiu el. Mais se non fiades nos seus escritos, como ides crer nas miñas palabras?

Meditación
Son moi duros os reproches contra os xudeus que o evanxelista Xoán pon na boca de Xesús, nun momento en que había un grande enfrontamento entre os xudeus a as primeiras comunidades cristiás: non o acollen, non reparan nas obras que fai, nunca oen a voz do Pai, non cren nel, buscan a gloria mundana, non está neles o amor de Deus, non lle fan  caso ao mesmo Moisés … Seguro que tamén entre os xudeus habería de todo.
A nós o que nos importa é ver ata que punto nós acollemos ou non a persoa e o estilo de vida de Xesús, e por que o facemos. Convéncenos o seu estilo de vida tan limpo de calquera comenencia e tan dado ao servizo no nome de Deus? Convéncenos o exemplo que ao longo da historia nos foron dando persoas que se fiaron a fondo de Xesús? Convéncenos Xesús porque imos experimentando algo de Deus, e Xesús sábenos a Deus? Convéncenos Xesús porque vemos que realmente nos dá paz, alentos, vida? Convéncenos Xesús porque vemos que, ao  seu lado e ao lado de quen facemos comunidade con el, facémonos persoas máis vivas, honradas e solidarias?

Oración

Veño onda ti, Xesús,
cheo de contradicións:
digo que te creo, que te quero, que te sigo,
pero logo, ao longo do día e dos feitos,
a miña fe en ti é cativa,
o meu amor por ti sabe a pouco,
a miña vontade de seguirte atráncase con frecuencia.
A de cousas que o teu evanxelista Xoán
me podería botar en cara!
Pero, aínda así, aquí estou,
co meu pecado nas mans
dicíndoche unha vez máis:
creo en ti,
quérote,
quero seguirte.

Acción
Coñecémonos máis ou menos ben. Daqueles comportamentos nosos que máis chocan co estilo de vida de Xesús podemos escoller un para ver de cambialo.


27 de marzo: venres da 4ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 7, 1-2.10.25-30
Nunha ocasión recorría Xesús a Galilea, pois non quería andar pola Xudea, porque os xudeus queríano matar. Estaba a chegar a festa dos xudeus chamada das Tendas. Cando os seus irmáns xa subiran á festa, entón tamén el subiu, non manifestamente, senón en secreto. Algúns dos habitantes de Xerusalén comentaban:
—Non é a este a quen intentaban matar? Pois mira como fala á vista de todo o mundo e máis non lle din nada. Será que de verdade as autoridades chegaron a recoñecer que el é o Mesías? O caso é que este sabemos de onde é, mentres que o Mesías, cando veña, ninguén saberá de onde é.
Entón Xesús berrou, mentres ensinaba no templo:
—A min coñecédesme e sabedes de onde son. Pero eu non vos vin pola miña conta; a min mandoume o Verdadeiro, a quen vós non coñecedes. Eu coñézoo, que de onda el son e foi El quen me mandou.
Daquela trataban de prendelo, pero ninguén lle botou man; aínda non chegara a súa hora.

Meditación
Nas nosas vidas hai moitas cousas que non damos comprendido, misteriosas. Nacemos da nosa nai, do noso pai, pero cal é a fonte do noso ser? Cal é o fondo que nos sostén e anima día a día durante a nosa vida? A onde imos parar cando o noso corpo se esgota e a morte pon o punto final á nosa existencia terrea? Que vai ser deste noso ser tan particular, pois non houbo nin haberá no mundo outro ser coma min?
Xesús percibiu con claridade que a súa fonte estaba en Deus. E que viña de Deus coa tarefa de que a xente toda descubrísemos e vivísemos esa vinculación fonda con Deus, que lle dá sentido, verdade e enteireza a toda a nosa vida. Irmáns e irmás todas nesta gran familia humana que se realiza en cada casa, en cada parroquia, en cada pobo. Iso era o máis importante, o único importante de toda relixión.

Oración

Quero aprender de ti, Xesús,
a vivir ben asentad@ en Deus.
Quero aprender de ti,
a facer da fe unha escola de escoita,
de rebeldía e de obediencia.
Quero aprender de ti, Xesús,
a ser eu mesm@,
na miña particular grandeza
na miña singular indixencia,
sempre ao calor de tod@s,
sempre en débeda con tod@s.
Por iso aquí estou, Xesús, onda ti,
apréndeme.

Acción
Pásanos ás veces que nos rebelamos contra quen nos di cousas que nos descolocan, tanto no campo da fe, coma noutros campos da vida. E tendemos a querer quitar do medio a esas persoas innovadoras. Sería ben que mirásemos se con algunha persoa nos está pasando iso. Podemos cambiar. Faranos ben.


28 de marzo: sábado da 4ª semana de Coresma

Evanxeo: Xn 7, 40-53
Nunha ocasión algúns de entre a xente que oíran as palabras de Xesús dicían: “Este é verdadeiramente o Profeta.” Outros dicían: “Este é o Cristo.” Outros, en cambio, dicían: “pero é que o Cristo vai vir de Galilea? Non di a Escritura que o Cristo ha vir da descendencia de David, e de Belén, a vila de onde era David?”
E houbo división no pobo por causa del. Algúns queríano prender, pero ninguén lle puxo enriba as mans. Foron entón os gardas onda os xefes dos sacerdotes e os fariseos. Eles preguntáronlles:
—Por que non o trouxestes?
Respondéronlle os gardas:
—Nunca ninguén falou así coma este home.
Respondéronlles os fariseos:
—Seica vos engaiolou tamén a vós? Vistes que algún dos maxistrados ou dos fariseos crese nel? Non. E a xente esa, que non coñece a Lei, son uns malditos.
Un deles, Nicodemo, o que fora primeiro onda el dixo:
—Desde cando a nosa Lei xulga un home sen antes escoitalo e investigar o que fixo?
Respondéronlle:
—Tamén ti es de Galilea? Pois estuda e verás como de Galilea non sae profeta ningún.

Meditación
Pasa con frecuencia que queremos contentar a todo o mundo, e por iso non nos definimos, e por iso andamos con branduras e acomodacións. Pretendemos ser fieis ao estilo de vida de Xesús, pero ao mesmo tempo queremos funcionar cos criterios do mundo. Xesús non era así; falaba con firmeza, situábase con forza do lado da xente máis débil, amosaba claramente que iso era o que o mesmo Deus acendía no seu corazón. E facíao sen medo a crear conflito, como realmente o creaba. Pero iso era o que á posta quería: que a xente pensase e se fose definindo.
Que ben nos viría que, como persoas e como comunidades cristiás, seguísemos este talante de Xesús! Canto ben nos fariamos a nós mesmos e á demais xente se fósemos claros e contundentes nas nosas opcións, sen desprezar a ninguén, pero sen agochar para nada o don do Evanxeo que Deus nos puxo nas mans para facelo chegar aos nosos contemporáneos o máis limpo posible!

Oración

Nunca ninguén falou coma ti, Xesús!
Coa mesma paixón por Deus.
Coa mesma paixón por cada home ou muller
cos que te fuches cruzando pola vida.
Coa mesma paixón por min.
Nunca ninguén soubo xuntar coma ti
palabras e feitos
nunha idéntica fidelidade.
Grazas, Xesús,
á sombra do teu ser quero acollerme.

Acción           
Podemos mirar se nalgún aspecto da nosa vida relixiosa ou civil non somos claros, non falamos conforme ao que pensamos, simulamos para non significarnos, para non provocar rexeites. Tamén aquí seguro que poderemos poñer máis verdade na nosa vida.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.