18 marzo, 2020

Coresma 2020




A APERTA DO PAI


Proxectamos esta celebración sobre o texto de Lc 15, 1-3.11-32. Dalgunha maneira queremos revivir a experiencia de perdón que nos propón Xesús: o abrazo do Pai. Polo tanto seguiremos na celebración os pasos que se dan na mesma parábola.

1.--En silencio, recordo das catro actitudes do “modo” oración: fe, desexo amoroso, dispoñibilidade, gratitude. Pódese acompañar cunha música adecuada.

2.- Lectura dramatizada de Lc 15, 1-3.11-32.

3.- Silencio de novo, coa música de fondo.

4.- “O pai deulle a parte dos seus bens”  (Grandeza)

            Canto:
SEÑOR, DEUS NOSO,
QUE ADMIRABLE É O EU NOME
EN TODA A TERRA (2)


Do salmo 8

Cando contemplo o ceo, feitura da túa man,
a lúa e as estrelas que nel fixaches,
¿qué somos as persoas que de delas te lembres,
o ser humano para que del te ocupes?

Fixéchesnos á túa imaxe e semellanza,
coroáchesnos de honor e dignidade;
confiáchesnos as obras das túas mans,
puxéchesnos ao coidado de toda a creación.

Silencio: agradecemos esta realidade nosa.


5.- “Malgastou a súa fortuna vivindo coma un perdido” (Iluminación)


            Canto:
QUE A TÚA LUZ NOS FAGA VER A LUZ,
QUE A TÚA LUZ NOS FAGA SERMOS LUZ,
QUE A TÚA LUA NOS FAGA VER A LUZ,
NOS FAGA SERMOS LUZ,
NOS FAGA A NÓS DAR LUZ.

Do salmo 81

Oe, meu pobo, que quero avisarte,
escoitádeme, fillos e fillas.
Eu son o Señor, o teu Deus,
quen te sacou da terra da opresión;
abre a túa boca, que eu a encherei.

Pero o meu pobo non escoitou a miña voz,
os meus fillos e fillas non quixeron nada de min.
E actuaron conforme á súa teima,
fixeron as cousas ao seu xeito.

Ai, se o meu pobo me escoitase,
e seguise o meu camiño!
Mantería o meu pobo con flor de trigo,
con mel bravo o fartaría!

Silencio: personalizamos a nosa rebeldía.


6.- “Recapacitando pensou: si, vou volver á casa do meu pai.” (Conversión)

            Canto:
PERDÓN, MEU DEUS, PERDÓN


Do salmo 51 ( de pé)

Eu recoñezo o meu pecado,
e teño sempre presente a miña culpa.
Contra ti, contra ti mesmo eu pequei
e fixen o que é malo aos teus ollos.
Se ti me purificas, serei persoa limpa,
se ti me lavas, quedarei branca coma a neve.
Que sinta o teu gozo, a túa ledicia,ç
que relouquen os meus osos quebrantados.
Deus, só ti podes crear en min un corazón puro
e renovarme por dentro cun espírito firme.
Que nunca me arrede da túa presenza,
que nunca me peche ao teu santo espírito.
Que experimente a alegría da túa salvación
Que o teu espírito xeneroso me sosteña sempre.

Silencio: desexo amoroso de perdón.


7.- “O pai abrazouno e bicouno agarimosamente. (Perdón. Reconciliación)
    
Sabéndonos a un tempo pai e fillo, dámos e recibimos unha aperta, tranquila, repousada, que nos permita entrar no sentimento de ámbolos dous.

PALABRAS DE PERDÓN QUE PROCLAMA O CURA

8.- “E empezou a festa” (Festa)

            Canto:
EI, MEUS IRMÁNS, ALEDAIVOS (2)
VÍNDELLE CANTAR E PREGOAR AO NOSO DEUS,
VINDE, VINDELLE CANTAR E PREGOAR O NOSO DEUS.

  
Que gozo, Deus, que festa, que alegría,
saber que, cando torcen os meus pasos
ou se enchen de po turbo os meus abrazos,
axiña ves, Señor, en busca miña!


E faste para min pastor de mimos,
buscador do meu ben, da miña vida,
no lombo teu me levas cheo de estima,
á festa que organizas cos veciños.

Que gozo, Deus, que festa, que alegría,
saber que, se me perdo cal moeda,
o meu valor o teu amor enreda
e móveste, Señor, en busca miña!

E faste para min muller esperta,
que ama, busca, limpa, frega, varre,

buscando sen parar ata atoparme
e logo coas veciñas me celebra.

Que gozo, Deus, que festa, que alegría
saber que, se me estrago, peco ou erro,
non botas cara a min ollada en ferro,
senón que a miña volta ti vixías!

E faste para min mai, pai amante,
que espera, aperta, bica e se emociona,
que todo o que hai de mal en min perdoa
e vístesme de gloria, exultante.

Fagamos festa en Deus, que en nós se mostra
pastor, muller, pai, nai rica en coidados
e colma as nosas vidas de regalo
abrindo co perdón as súas portas.

9.- “Alporizouse moito e non quería entrar” (Resentimento)
Non se sabe que fixo o fillo maior. Onde iría?, onde estará? Quizais no corazón de cada un, cada unha de nós? A ver se lle axudamos a integrarse na festa do perdón de Deus. Para el, para nós, estas palabras.

10.- En silencio, un pequeno compromiso penitencial.
(Cada quen aquilo que considere máis útil para romper coa forza do mal dentro de si mesmo).

            Canto:
AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PRA FACER A TÚA VONTADE,
VEÑO RENOVAR DIANTE DE TI A FIDELIDADE.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.