08 abril, 2020

Celebración Sábado Santo


 
Manuel Regal Ledo


CELEBRACIÓN DA MORTE E RESURRECCIÓN DE XESÚS
(do Domingo de Ramos á Pascua nunha soa celebración)


Proposta de celebración da morte e resurrección de Xesús nunha única celebración, que permita facer memoria comunitaria do vivido por Xesús desde a súa entrada triunfal en Xerusalén ata a súa resurrección.
A xente debería ser coñecedora con anterioridade ao día de hoxe do que se vai celebrar, e invítaselle a que traia ramo, vela, auga, cousas que van ter un uso tan particular nesta celebración.
Pensamos que o mellor criterio é seguir os acontecementos tal como a liturxia oficial da Igrexa os vai propoñendo día tras día durante a Semana Santa.
Empezaríase presentando a celebración, o porqué da mesma, o seu recorrido, as súas partes, invitando a acompañar a Xesús neses momentos tan significativos da súa vida, deixándonos coller polo que Xesús nos dá, polas cousas da vida ás que Xesús nos invita.
Debería haber un monitor que vaia conducindo a celebración, dándolle secuencia e unidade.

1.- Bendición dos ramos
(Pequena introdución do monitor, situando o momento histórico daquel suceso e o seu significado. Nós imos revivir aquela circunstancia da vida de Xesús)
Queridos veciños e veciñas: empezamos esta celebración, na que acompañaremos co corpo e coa alma a Xesús de Nazaré, o noso Irmán maior e mestre, naquela semana intensa que el viviu desde a entrada en Xerusalén seguido por moita xente que o aclamaba cos seus ramallos, ata a súa morte e resurrección, ata a súa Pascua. Invítovos a acompañar a Xesús abrindo o noso corazón a todo o que Xesús nos quixo ofrecer coa súa maneira de lle dar cara a todo o que tivo que vivir. Aquí hai moita vida e bendición de Deus para todos nós.


§     Bendición dos ramos:
Bendí, Deus noso, estes ramos +++ cos que queremos recoñecer a grandeza de Xesús, enfrontándose a toda clase de mal e de pecado e especialmente a quen desde o poder quería acabar coa irmandade da xente. Que saibamos agradecerllo e apostemos nós tamén por unha vida verdadeiramente irmandada entre nós. Polo mesmo Xesucristo noso Señor.

§     Lectura do relato da entrada en Xerusalén segundo San Lucas.
            Lc 19, 28-40

§     Pequena procesión ao redor da Igrexa ou desde o fondo da igrexa ata o altar.

§     Canto:

AO SEÑOR, NOSO DEUS, TODO O MUNDO BENDÍ…


2.- Ultima Cea de Xesús

O monitor le ou comenta de viva voz como lle foron indo as cousas a Xesús en Xerusalén, moito conflito coas autoridades relixiosas xudías, moita tensión, pola crítica que Xesús facía do funcionamento do templo, pola nova forma de vivir a fe en Deus que el propuña, etc. E un día Xesús dispuxo facer unha cea coas persoas que o acompañaban, como unha cea de despedida, porque ben vía a que se estaba armando contra el. Non sabemos se foi a cea pascual ou non; en todo caso unha cea moi especial para Xesús, para a xente que andaba con el e para todos nós. As nosas Misas queren ser un recordo vivo daquela cea. Durante esa cea Xesús fixo dúas cousas moi importantes:
—O lavatorio dos pés,
—O rito de partir o pan e de pasar a copa con viño, dicíndolles que aquilo eran como o seu corpo e o seu sangue entregados por nós.
As dúas cousas para Xesús tiñan o mesmo sentido: non vin para ser servido, senón para servir e entregar  a miña vida en defensa da dignidade da xente conforme ao querer de Deus.
Imos recordar agora eses dous momentos (ou só o da Eucaristía):

Pódese empezar pola Eucaristía e logo o lavatorio dos pés.

ORACIÓN:
Grazas, Deus noso, por querernos tanto. Grazas porque o teu Fillo Xesús de Nazaré, se empeñou tanto, ata a mesma morte, en demostrarnos o teu amor por toda a xente, especialmente pola máis empobrecida e marxinal. Que o saibamos acoller e agradecer no que nos quere ofrecer co sacramento do seu corpo e do seu sangue, entregados por nós, e no acto de poñerse a lavar os pés aos seus discípulos. Por Xesús Cristo, o noso Señor.

v    Sacramento do Corpo e do Sangue do Señor no pan e no viño.
            A Eucaristía empezaría coa oración e logo pasar xa á pregaria eucarística que neste caso debería ser breve, a 2.
(Podéndoo facer, sería bo que a Eucaristía se distribuíse e se comungase no momento do mesmo relato. É máis factible se hai pouca xente, e está ao redor do altar ou moi próxima a el.)

Canto:
DOUVOS UN NOVO MANDATO,
QUE VOS AMEDES, QUE VOS AMEDES,
COMO EU VOS TEÑO AMADO.

Despois de comungar todos coas dúas especies, facer un momento de silencio, acompañado por unhas poucas palabras do sacerdote ou do monitor, máis ou menos así:

XESUS, QUE MOMENTO MÁIS INTENSO ESTABAS VIVINDO.
NO NOME DE DEUS DESFIXÉRASTE POLA XENTE,
POLA SÚA SAÚDE, POLO SEU PAN,
POLO SEU TRATO XUSTO E RESPECTUOSO, POLO SEU PERDÓN,
POLA SÚA RENOVACIÓNNO NO CORPO E NO ESPÍRITO,
PERO QUERÍANTE MATAR E DECATÁBASTE DISO.
E NON RECUACHES, SEGUICHES AMANDO,
SEGUICHES LOITANDO ATA O FINAL.
E NO PAN PARTIDO DEIXÁCHESNOS UN SINAL
DO TEU CORPO ROTO POR TODOS NÓS, POR TODO O MUNDO;
E NO VIÑO VERTIDO DEIXÁCHESNOS UN SINAL
DO TEU SANGUE DERRAMADO POLO BEN DA HUMANIDADE.
GRAZAS, XESÚS, GRAZAS.
QUE MARABILLOSO ES!
CANTO PODEMOS APRENDER DE TI!

(No caso de que sexa un ou unha segrar quen presida a celebración, no canto da Pregaria Eucarística, lese o relato da Última Cea, tal como o narra o evanxelista de cada Ciclo litúrxico, neste ano sería Lc 22, 14-22. Antes de empezar esta lectura, saca do Sagrario o copón co Pan da comuñón e pono enriba do altar. Despois da lectura do Evanxeo dá a Comuñón ás persoas asistentes, e segue coa breve meditación anterior.)


v    Lavatorio dos pés: 
Lese o texto de Xn 13, 4-9. 12-17
Antes da festa da Pascua, mentres Xesús ceaba cos seus discípulos, ergueuse da mesa …
Minicomentario deste episodio, como o entendía Xesús e por que Pedro se negaba. Un proxecto de vida.
(Que ben sería poderlle lavar os pés a algunhas persoas!)

Canto:
DOUVOS UN NOVO MANDATO,
QUE VOS AMEDES, QUE VOS AMEDES,
COMO EU VOS TEÑO AMADO.

(Se non se levan os pés, polo menos podería haber alí ao lado, nun sitio digno, unha palangana e unha toalla, como símbolos. Coméntase brevemente por que os temos posto alí.)

Un momento de silencio.

3.- Paixón e morte de Xesús
Logo o monitor ou outra persoa fai un breve resume do que lle pasou a Xesús e aos seus desde aquel momento ata a crucifixión:
Horto dos olivos, a traizón de Xudas, as negacións de Pedro, interrogatorio das autoridades relixiosas xudías por ver quen se cría el que era, para ensinar como ensinaba, burlas e golpes a Xesús, lévano ante Pilato, que o condena a morte, aínda que non o tiña nada claro: morte en cruz, a morte dos rebeldes contra o poder romano; coa cruz a costas cara ao Calvario, os seus abandónano por medo…

Lectura deste anaco da Paixón: Lc 23, 32-49.
Un momentiño de silencio algo motivado.
Logo pódese dar a bicar a cruz á xente asistente, a xeito de agradecemento polo que Xesús fixo por nós. E mentres cántase algo:
VITORIA, TI REINARÁS,
OUH CRUZ, TI NOS SALVARÁS.
Ou:
DÉIXATE QUERER, DÉIXATE QUERER,
DÉIXATE QUERER POR DEUS.

4.- A Pascua de resurrección de Xesús
(O monitor introduce este momento: todo era tristura e noite, a morte parecía impoñer a súa lei. Pero que pasou? Xesús resucitou, Xesús entrou na gloria de Deus, na vida sen fin de Deus. E iso é o que imos rememorar neste momento. Tamén nós pasamos por feitos, momentos, etapas de morte nas nosas vidas, que están chamadas por Cristo a participar na súa resurrección. Tamén isto noso está chamado a integrarse na resurrección de Xesús.)

Bendición da luz:

QUE FERMOSA É ESTA LUZ, QUE FERMOSA É TODA LUZ:
QUE FERMOSA E A LUZ PASCUAL,
TI, DEUS NOSO, QUE ÉS O CREADOR DE TODA CLARIDADE,
FAI QUE A TÚA CLARIDADE ENCHA TODA A NOSA EXISTENCIA,
E QUE, DA MAN DE XESÚS, VIVO, GLORIOSO, RESUCITADO,
SEXAMOS EN TODO FILLOS E FILLAS DA LUZ, DA TRANSPARENCIA, DA INOCENCIO.
POLO MESMO XESUCRISTO, NOSO SEÑOR. AMÉN

Acéndense as luces todas da xente, cántase a canción:
A CRISTO CANTAMOS COA LUZ QUE ALUMEA,
A CRISTO CANTAMOS CO LUME DA FE,
 e coas velas acesas lese un brevísimo pregón/anuncio da resurrección de Xesús

Brevísimo pregón (en catro liñas recoller o fundamental da resurrección)
Alegrádevos, irmáns e irmás, porque o noso Deus é un Deus de vida e non de morte.
Alegrádevos, porque Xesús comprometeuse coa vida da xente durante toda a súa existencia, servindo en todo canto podía, curando, alentando, integrando, perdoando, mirando especialmente pola xente máis desfavorecida. Así ata a morte na cruz, sen ceder ante nada.
Alegrádevos, porque este Xesús, morto en amor e servizo, está resucitado, está vivo en Deus,.
Alegrádevos, irmáns e irmás, porque o seu Espírito nos acompaña en cada momento, e nos axuda a vivir a nosa vida con humildade e valentía, afrontando os nosos  medos, a nosa maldade, a maldade de quen nos queira forzar a vivir  sen a dignidade de fillos e fillas de Deus.
Alegrádevos, porque somos xente regalada por Cristo resucitado para unha vida renovada desde este mesmo momento.
Alegrádevos con toda a xente abusada, empobrecida a tope, maltratada, asasinada, a quen só lle queda o consolo da vida en Deus.

E repítese a canción anterior: a CRISTO CANTAMOS…

Lectura do relato da resurrección segundo o evanxeo de cada ciclo.
Lc 24, 1-12.

Brevísimo comentario para enlazar coa renovación das promesas bautismais:
Xesús é a mostra máis viva e máis palpable do que é ser unha persoa viva, renovada en Deus. Nós admirámolo por iso, e por iso nos queremos facer seguidores e seguidoras del. Fixérono por nós os nosos pais/nais e padriños/madriñas cando nos bautizaron. Pero agora queremos ser nós mesmos os que nos decidimos a seguir a súa maneira de entender a vivir a vida. Facémolo renovando o noso compromiso bautismal.
Bendicimos primeiro estas augas (a da pía ou recipiente especial que se vai empregar para a renovación do bautismo, e as botelliñas de auga que a xente trouxera para levar para as súas casas).

BENDICIÓN DA AUGA:

QUE FERMOSA, HUMILDE E XENEROSA É A AUGA!
COMO O ENCHE TODO DE VIDA POR ONDE  ANDA!
COMO O ENCHE TODO DE LIMPEZA E ESPELNDOR!
QUE ESTA AUGA, DEUS NOSO, QUE IMOS VERTER SOBRE NÓS
EN RECORDO DO NOSO BAUTISMO
NOS LIMPE E PURIFIQUE DE TODO MAL,
NOS RENOVE Á MEDIDA DA VIDA DO NOSO SEÑOR XESÚS.
POR SESÚS CRISTO O NOSO SEÑOR. AMÉN.

RENUNCIAS AO MAL:

—RENUNCIADES CON XESÚS  A CRERVOS PERSOAS PERFECTAS E NON NECESITADAS DO APOIO DOS DEMAIS E DE DEUS?
—RENUNCIADES A CALQUERA MALICIA QUE DANE A VIDA DOS VOSOS VECIÑOS E VECIÑAS?
—RENUNCIADES A ANDAR POLA VIDA PENSANDO SÓ NO VOSO, SEN COLABORAR EN NADA PARA MELLORAR A VIDA DA XENE EMPOBRECIDA?       

PROFESIÓN DE FE:
—CON XESÚS, CREDES EN DEUS COMO PAI OU NAI QUE NOS ACOMPAÑA CO SEU AMOR, CO SEU ALENTO TODA A NOSA VIDA?
—CREDES NAS PROPOSTA QUE O MESMO XESÚS NOS FAI PARA LEVAR UNHA VIDA DIGNA, LIBRE, FRATERNA?
—CREDES NO ESPÍRITO DE DEUS QUE SOSTÉN A COMUNIDADE DA IGREXA, DÁNDONOS PERÓN, FORZA E AUDACIA PARA TODA CLASE DE BEN?

E, tendo nas mans a auga e a luz, achegámonos ao lugar da pía da auga, e alí o sacerdote ou outra persoa verte algo de auga sobre a nosa cabeza, ao tempo que di:

N. RECORDA E RENOVA O TEU BAUTISMO.

Pódese cantar algo como:
MANDA O TEU ESPÍRITO (3)
E RENOVA O ROSTRO DA TERRA.

Acabado este momento, senta a xente e faise un pequeniño resume do que fixemos nesta celebración, o vivido por Xesús desde o domingo de Ramos ata a súa Resurrección á que nós nos incorporamos mediante o bautismo. Podemos empezar a sente nova, para axudarlle a Deus, a Xesús, a facer novo este mundo noso. Isto é o que nos pide Xesús resucitado, a isto nos manda alí onde vivamos.
Palabras de cerre e de envío:
Benqueridos irmáns e irmás:
Igual que os primeiros discípulos e discípulas de Xesús foron as testemuñas da súa resurrección coas súas palabras e sobre todo coa súa maneira de vivir, tamén todos e todas nós estamos chamadas a andar pola vida mostrando coa palabra e cos feitos que Xesús está vivo, que o seu Espírito transforma o mundo.
Oxalá saibamos cumprir con esta encomenda. A compaña, o Espírito de Xesús non nos vai faltar.
Para iso recibide a bendición de Deus, Pai, Fillo e Espírito Santo. Amén.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.