08 abril, 2020

Tempo de Pascua



TEMPO DE PASCUA


Empezamos o tempo de Pascua, que desde a celebración da Vixilia Pascual nos vai levar durante seis semanas á solemnidade da Ascensión, logo á de Pentecoste, na que celebraremos a presenza do Espírito Santo nas nosas vidas cristiás, na vida de todas as persoas e realidades que hai no mundo.
Durante a oitava de Pascua o Evanxeo de cada día permite aproximarnos á experiencia daquelas persoas que dun xeito sorprendente tiveron a experiencia de que Cristo estaba vivo no medio delas, no medio da comunidade, no medio do mundo. Morrera, pero a morte non lle arrebatara a capacidade de estar no medio dos seus –todo o mundo é seu--, iso si, dunha forma nova, que se percibe cunha sensibilidade nova.
Durante o tempo da Pascua invitarásenos a realizar nos mesmos esa experiencia de encontro con Cristo resucitado; cousa que non é cuestión de ningún tipo de maxia, senón cuestión de estar moi atentas/os á vida de cada día, pois é na vida de cada día onde Xesús se nos amosará a través de pequenos sinais que falan del, que nolo fan presente. Por exemplo, se eu levo tempo sen lle falar a unha persoa veciña, percibo que iso é un atranco para a nosa felicidade, e me dispoño a retomar esa relación, é a vida que trunfa en min, é Xesús que resucita en min, ou eu nel. Ou se estaba deixando de participar en algo comunitario, e vexo que non podo deixar de lado os intereses comunitarios, e me dispoño a volver a botar unha man, é a vida que trunfa en min, é Xesús que resucita en min ou eu en Xesús.
A Pascua é un clamor de vida, un clamor pola vida. A nosa Pascua sempre será unha Pascua parcial, en camiño. Pero é Pascua, porque é gustar xa o fermoso que é vivir, o fermoso que é compartir vida, o fermoso que é traballar para que a vida o envolva todo: natureza, animais, xente. A Pascua realízase sobre todo cando todo o máis fráxil da natureza, dos animais, das persoas, por fóra ou por dentro, é especialmente atendido, e recupera o gozo de vivir e de celebrar a vida. No nome do Deus da vida, que para a vida nos creou e para a vida nos recompuxo en Cristo Xesús.

12 de abril: Domingo de Pascua

Evanxeo: Xn 20, 1-9
O día primeiro da semana María a Magdalena foi ao sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada. Botou a correr e, chegando onda Simón Pedro e  o outro discípulo a quen amaba Xesús, díxolles:
—Colleron do sepulcro o Señor e non sabemos onde o puxeron.
Pedro e máis o outro discípulo saíron correndo cara ao sepulcro. Corrían os dous á par, pero o outro discípulo corría máis lixeiro ca Pedro e chegou primeiro ao sepulcro. Abaixándose, viu que estaban  os lenzos, pero non entrou. Daquela chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou; viu os lenzos pousados alí, pero o sudario que envolvera a súa cabeza non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar. Entón entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro ao sepulcro; viu e creu. Pois aínda non entenderan que, conforme a Escritura, era preciso que resucitase de entre os mortos.

Meditación
Fixémonos en María Magdalena. Vai ser un personaxe clave en moitos dos relatos que teñen que ver coa resurrección de Xesús. A Magdalena é unha muller que percibira no seu ser a forza renovadora de Xesús; dalgunha maneira fora ela mesma resucitada por Xesús das moitas mortes que enchían a súa vida. Sabía de mortes, de amores, de renovacións incribles, de resurreccións. E, con estas vivencias no corazón, acudiu ao sepulcro. Moi cedo. O amor, a dor, non a deixara descansar. O amor mantíñalle vivo o desexo do reencontro. E volve ao sepulcro, cando menos para chorar ausencias. E atópase coa sorpresa dunha tumba baleira. Segue soñando cun corpo morto, sobre o que pousar todos os seus coidados amorosos. Pero as cousas empezan a tomar outro rumbo. E se o morto non está morto? E se o baleiro, a forza de buscas, de amor e de fe, se vai enchendo dunha presenza nova? E corre a compartir coa comunidade os seus achados, as súas ansias, os seus amores, as súas dúbidas. Ela, a primeira testemuña da resurrección. E, o mesmo que se correu a pedra do sepulcro, bótase a correr tamén unha roda de amores, de inquedanzas, de fe, de encontros, que permitiu ter o convencemento de que Xesús estaba vivo no seo do Pai, no corazón da comunidade, no corazón de cada persoa que lle abre as portas da vida, no corazón do mundo da solidariedade, que fora sempre o mundo de Xesús. Viron, entenderon e creron. E invítannos a todas e todos nós a un recorrido semellante. Desde a busca, desde a fe, desde o amor.

Oración

Alegría, meu Deus,
porque a noite se fai día,
porque a esperanza renace,
porque a morte se fai vida!
O que pasou con Xesús
sucede nas nosas vidas.
Alegría, meu Deus,
porque o amor e norte e guía
que abre portas pechadas
co gozo das amencidas!
O que pasou con Xesús
sucede nas nosas vidas.
Alegría, meu Deus,
canto vale a teimosía
de quen corre, busca, loita
con fe humilde, acendida!
O que pasou con Xesús
sucede nas nosas vidas.
Alegría, meu Deus,
porque a morte foi vencida
porque a vida nos foi dada
sen nós a ter merecida!
O que pasou con Xesús
sucede nas nosas vidas.

Acción
Podemos celebrar a Pascua de Xesús e a nosa con festeira sobriedade. Podemos compartir con outras persoas a nosa alegría, a nosa esperanza, especialmente con alguén que vexamos máis maltratadas pola vida.


13 de abril: luns da Oitava de Pascua

Evanxeo: Mt 28, 8-15
As mulleres (María Magdalena e máis a outra María) marcharon do sepulcro con toda a présa, con temor, pero cheas de gozo; e correron para llelo comunicaren aos seus discípulos.
Entón Xesús saíulles ao encontro dicindo:
—Alegrádevos.
Elas achegáronse a el, abrazáronlle os pés e prostráronse ante el. Xesús díxolles:
—Non teñades medo; ide avisar a meus irmáns de que marchen para Galilea, que alí me verán.
Mentres elas ían, algúns da garda foran á cidade para informaren aos sumos sacerdotes de canto acontecera. Eles reuníronse cos senadores e acordaron  darlles unha boa presa de cartos aos soldados, encargándolles:
—Vós dicide: “os seus discípulos fórono roubar de noite, mentres nós durmiamos”. E, se o gobernador chega a saber algo, xa o convenceremos nós, sacándovos do apuro.
Eles colleron os cartos e fixeron tal como lles mandaran. E así correu este rumor entre os xudeus ata o día de hoxe.

Meditación
Durante este semana contemplaremos a resurrección de Xesús vista e vivida por diferentes persoas ou grupos. Estas experiencias serán coma unha incitación para que tamén nós teñamos a nosa particular experiencia de Cristo resucitado. Serán experiencias distintas, pero seguro que coincidirán no fundamental. E o fundamental está moi ben recollido no relato de hoxe: Un certo temor, que sabe máis a asombro e admiración que a outra cousa; unha alegría moi grande porque os mellores soños seguen vivos, unha vontade de compartir o visto e oído con outras persoas; un reeencontro con Xesús, para o que Xesús dá sempre o primeiro paso, e unha invitación a retomar no noso lugar de vida o estilo de vida de Xesús, a seguir soñando os seus mesmos soños.
E así espelir os ánimos para saber descubrir e realizar a vida resucitada que pode ir xurdindo nas nosas vidas, no noso entorno. Cousas pequenas nas que se amose o triunfo da vida sobre da morte, da verdade sobre a mentira, da bondade sobre a maldade, do comunitario sobre o individualismo, etc. Descubrilo e celebralo á sombra de Cristo resucitado.

Oración

Que saiba ter os ollos e o corazón ben abertos, meu Deus,
para descubrir a vida gañándolle a partida á morte:
cando noutras persoas ou en min mesma
os amores poidan máis ca os rancores;
cando non quedemos indiferentes ante as dores alleas;
cando nos alegremos coas alegrías da xente débil;
cando gañen a paz sobre a guerra,
e os dereitos da xente humilde sobre os privilexios dos grandes.
E así mil cousas máis,
nas que a vida se me pode facer coma da casa.
E que nos saibamos alegrar con ela,
e que a festexemos en comunidade,
e que a compartamos para maior gloria túa
e maior gozo e irmandade nosa.

Acción
Podémonos esforzar un pouco por ver cousas da nosa vida persoal, familiar, comunitaria, social, nas que a vida estea podendo máis que a morte. E estaría ben que o celebrásemos dalgunha maneira coa xente que tales cousas realiza.


14 de abril: martes da Oitava de Pascua

Evanxeo: Xn 20, 11-18
Mentres tanto María Magdalena quedara ao pé do sepulcro, fóra, chorando. Sen deixar de chorar, abaixouse a ollar no sepulcro. Viu dous anxos vestidos de branco, sentados, un á cabeceira e outro aos pés do sitio onde xacera o corpo de Xesús. Eles preguntáronlle:
—Muller, por que choras?
Ela respondeulles:
—Porque colleron o meu Señor e non sei onde o puxeron.
Dito isto, virouse cara atrás e viu a Xesús alí de pé, pero sen se decatar de que era Xesús. Xesús preguntoulle:
—Muller, por que choras? A quen buscas?
Ela, coidando que era o xardineiro, díxolle:
—Señor, se o levaches ti, dime onde o puxeches, que eu o collerei.
Xesús díxolle:
—María!
Ela, virándose, exclamou en hebreo:
—Rabbuni! (que quere dicir “Mestre”)
Xesús díxolle:
—Sóltame, que aínda non subín onda o Pai; máis ben, vai onda os meus irmáns e dilles: subo onda meu Pai e voso Pai, o meu Deus e o voso Deus.
María Magdalena foilles contar aos discípulos que vira o Señor e que lle dixera estas cousas.

Meditación
Volvemos atoparnos con María Magdalena. Coa súa constancia: os demais marchan, pero ela queda alí, ao pé do sepulcro. Coa súa dor: chora e chora a ausencia do Xesús querido. Coa súa busca: entra e mira, observa. Cos seus amores en ausencias: “leváronme o meu Señor, non sei onde o puxeron”. Coa súa capacidade de percibir as chamadas cando oe o seu nome. Cos súa dispoñibilidade comunitaria, renunciando á apetencia de se quedar apegadiña a Xesús.
Por todo isto, María a Magdalena é unha referencia para nós, cando buscamos ter unha experiencia de encontro con Xesús resucitado. Nunca se realizará de forma corporal, nin cos sentidos corporais; pero si se pode sentir co corazón, cos sentidos espirituais, con esa forma especial de oír, ver, gustar, tocar da que os seres humanos somos capaces cando nos deixamos levar polo espírito de Deus. Os lugares onde hoxe podemos atoparnos co Cristo resucitado non é xa un sepulcro, senón o campo todo da vida, onde se vive e dramatiza a nosa existencia, con toda clase de circunstancias e sentimentos. Xesús está aí, á espera de nós.

Oración

Quen me dera, como a Magdalena,
amor e ansias para atoparme contigo, Xesús!
Quen me dera busca, paixón, coma a dela,
para descubrirte vivo
no traballo da vida, na loita da vida de cada día,
ben ao noso lado,
alentando os nosos esforzos por unha vida digna!
Quen me dera ser sensible coma ela
para pronunciar o teu nome con agarimo e admiración,
para seguir os teus pasos rebeldes
neste meu mundo apoucado e prepotente a un tempo!
Quen me dera sentirte dentro, alá no fondo,
conmocionando a miña vida,
converténdoa nunha humilde fervenza de gozos e de loitas,
de soños e de encontros!
Quen, senón ti, Xesús,
quen, senón o teu Espírito, Xesús!

Acción
Podemos volver á nosa vida de cada día, e intentar ver nela algún sinal de vida, que nos manifeste que Xesús está vivo no medio de nós. Comentámolo. Agradecémolo. Celebrámolo incluso cun sinxelo brinde.


15 de abril: mércores da Oitava de Pascua

Evanxeo: Lc 24, 13-35
Aquel mesmo día dous deles ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén. Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:
—De que ides falando polo camiño?
Eles pararon cunha cara moi tristeira e Cleofás, un deles, respondeulle:
—Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?
El preguntou:
—De que, logo?
Eles contestaron:
—Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; de cómo os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o crucificaron. Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días dende que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres da nosas déronnos un susto, porque foron ao riscar o día ao sepulcro, e, ao non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ao sepulcro e atopárono todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.
Entón díxolles Xesús:
—Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?
E comezando por Moisés e todos os profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.
Ao entraren na aldea onde ían, fixo como quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo:
—Queda connosco, porque se fai tarde e a noite bótase enriba.
Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu. E dixeron:
—Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándonos as Escrituras?
E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os once reunidos cos seus acompañantes, que dicían:
—É certo, o Señor resucitou e apareceuse a Simón.
Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño e como o recoñeceran no partir o pan.

Meditación
Estamos ante un relato intensísimo, emocionante. Recolle o estado de ánimo dos seguidores e seguidoras de Xesús despois da súa morte violenta, e o proceso externa e interno que foron seguindo ata chegar ao convencemento de que Xesús estaba vivo no medio deles, sosténdoos nas súas amarguras, alentándoos a proseguir o estilo de vida que cabo del experimentaran. Relendo as Escrituras, decatándose dos xeitos de actuación de Deus, que nunca son de poder, senón de servizo, lembrando os xestos de Xesús, a súa maneira de desenvolverse, de falar, de tratar a xente, de partir o pan en comunidade, caeron na conta de que Xesús permanecía con eles; dunha maneira nova, pero permanecía con eles, e con que intensidade!
E nós estamos invitad@s a ter unha experiencia semellante. A morte non pode co amor. A morte non borra presenzas fondas. Ao contrario, pode avivecelas. Non se trata en ningún caso de pensar en aparicións raras. Trátase de ver cos ollos do corazón, do espírito, e poder percibir presenzas, forzas, alentos que sosteñen a vida e a volven fresca e vigorosa. Así somos, así podemos ser as persoas cristiás co noso Cristo no corazón, apostando vigorosamente pola vida.

Oración

Desexo, Xesús,
que se me abran os ollos para verte
ben vivo e presente
nas cousas todas da vida.
No rostro da miña parella, dos meu fillo ou filla,
nas historias da xente veciña,
amargas ou ledas,
nos tempos de traballo,
nos tempos de lecer,
cando penso nos meus problemas,
cando me asomo aos problemas alleos,
e vexo aquí e acolá
o gozo e a dor que hai polo mundo,
nas horas de ledicia e esperanza,
nas horas de tristura e desespero…
Desexo, Xesús, canto o desexo,
que se me abran os ollos para verte,
para ver que me ollas
e me falas con palabras de alento.
Que o teu Espírito me limpe os olliños
e sempre os manteña espertos.

Acción
Igual estamos pasando por algún momento de desesperanza; podemos buscar a alguén con quen compartir o noso desánimo. Igual sabemos doutras persoas que o están pasando mal; podemos achegarnos a elas para as animar.


16 de abril: xoves da Oitava de Pascua

Evanxeo: Lc 24, 35-48
Naquel tempo contaban eles (os dos discípulos de Emaús) o que lles pasara polo camiño e como o recoñeceran no partir o pan. Estando eles comentando estas cousas, presentouse Xesús no medio e díxolles:
—A paz sexa convosco!
Sobresaltados e cheos de medo, coidaban contemplar un espírito. Pero el díxolles:
—Por que estades asustados e a que veñen esas dúbidas? Mirade para as miñas mans e para os meus pés: sonvos eu. Palpade aquí e decatádevos de que un espírito non ten carne nin ósos, como vedes que teño eu.
E dicindo isto, mostroulles as mans e máis os pés. Pero eles, tolos de contento e sen saíren do seu asombro, non acababan de crer. Xesús preguntoulles:
—Tedes por aí algo que comer?
Déronlle un anaco de peixe asado. El colleuno e comeuno diante deles. Logo díxolles:
—A isto me refería eu cando, estando aínda convosco, vos dicía que conviña que se cumprise todo o que está escrito na Lei de Moisés, nos Profetas e máis nos Salmos acerca de min.
E abriu os seus entendementos para que comprendesen as Escrituras. E engadiu:
—Así esta escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e máis o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén. Vós seredes testemuñas de todo isto.

Meditación
Os primeiros discípulos de Xesús, uns e outros, mulleres e homes, van vivindo a experiencia de que Deus está vivo no medio deles. E vana contando, vana compartindo, vana facendo comunitaria. Len as Escrituras santas e van vendo que hai unha corrente fonda de unidade que explica o sentido dunha morte que parecía carecer de sentido, e que mesmo semellaba ser consecuencia dun abandono de Deus.
Así, coa súa palabra e sobre todo coa súa vida, aquelas mulleres e homes vanse converter en testemuñas do que Xesús foi e viviu. Testemuñas daquelas mans furadas, tan afeitas  a dar apoios e alentos; testemuñas daqueles pés, tamén agora furados, tan afeitos a andar camiños, para atoparse coa xente, coas súas vidas, ledicias e pesares; testemuñas de Xesús comendo peixe en grupo, aquel Xesús tan amante das comidas compartidas, onde vía sempre un adianto dun futuro feliz, en irmandade, en festa, en paz. Testemuñas dun Xesús morto por amor, por solidariedade, pero vivo no seo de Deus, no seo da comunidade, no seo do mundo. Vivo e dando vida. Vivo e alentando contra todo mal, contra toda desgraza, contra toda indignidade.

Oración

E dinos Xesús:
Mira a miñas mans furadas,
meu amigo, miña amiga,
douchas como mostra da miña amizade comprometida
contigo.
Mira os meus pés furados,
meu amigo, miña amiga,
dispostos a seguir facendo camiño
contigo.
Mira o peixe que como,
a fame inmensa de todos as famentas/os
que quero compartir e matar
contigo.
Mira a miña vontade de seguir vivo entre vós,
ofrecéndolle ao mundo,
á xente máis fráxil sobre todo,
a posibilidade de ter vida e tela digna e tela en abundancia,
contigo.

Acción
Podemos recordar e celebrar hoxe as feridas, ou mesmo mortes, dalgunhas persoas, que acabaron converténdose en causa de vida para outra xente, para o mundo. Empezamos mirando para as nosas mesmas vidas, aínda que nos parezan moi pequenas.


17 de abril: venres da Oitava de Pascua

Evanxeo: Xn 21, 1-14
Máis adiante Xesús aparecéuselles outra vez aos seus discípulos onda o lago de Tiberíades. Foi deste xeito: estaban xuntos Simón Pedro, Tomé o chamado Xémeo, Natanael o de Caná de Galilea, os do Zebedeo, e máis outros dous discípulos seus. Simón Pedro díxolles:
—Vou pescar.
Eles contestaron:
—Imos tamén nós contigo.
Saíron e subiron a bordo. Pero aquela noite non colleron nada. Xusto cando acababa de romper o día, presentouse Xesús na ribeira do lago. Pero non se decataron os discípulos de que era Xesús. Xesús preguntoulles:
—Rapaces, tedes algo que comer?
Eles responderon:
—Non.
Díxolles entón:
—Largade o aparello por estribor e atoparedes.
Eles largárono e xa non podían alzalo a bordo, de tanto peixe. Entón aquel discípulo a quen amaba Xesús díxolle a Pedro:
—É o Señor.
Daquela Simón Pedro, ao escoitar que era o Señor, cinguiu o vestido –pois estaba espido— e botouse ao mar. Os outros discípulos chegaron no bote, porque non estaban lonxe de terra senón a menos de cen metros, remolcando o aparello cos peixes. Cando vararon en terra, viron que había unhas brasas cun peixe enriba, e máis pan.
Xesús díxolles_
—Traede deses peixes que acabades de coller.
Simón Perdo subiu ao bote e arrastrou para terra o aparello cheo de cento cincuenta e tres peixes grandes; e, con seren tantos, non rachou o aparello.
       Xesús díxolles:
—Vinde comer.
Ningún dos seus discípulos se atrevía a preguntarlle “ti quen es”, sabedores de que era o Señor. Foi Xesús, colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe.
Esta foi a terceira vez que Xesús se manifestou aos seus discípulos resucitado de entre os mortos.

Meditación
Este relato ten un encanto especial. Xesús resucitado é como un amigo que se reencontra cos seus amigos e convídaos a tomar algo. Neste caso, no canto dunhas copas, un café ou un vaso de viño, algo máis saudable: un anaco de pan e un pouco de peixe asado. Que simple, que humano, que precioso iso de Xesús de preguntarlles se teñen algo que comer, de acender lume e preparar un pique de pan con peixe, e logo dicirlles: “vide comer”!
Ao ir contando o sucedido, o evanxelista vai soltando certos convencementos: sen Xesús a pesca non dá froito; as persoas que o queren son as que máis axiña descobren a súa presenza; os máis botados para adiante, como Pedro, son resolutivos en todas as cousas; os 153 peixes, e grandes, fala de abundancias compartidas, como cando comeran o pan multiplicado, que coas sobras encheran 7cestas; aquel pan con peixe sabía a eucaristía, porque, en realidade, o cerne da eucaristía non está sometido ao pan e ao viño, senón ao corazón con que Xesús o comparte, con que nós o compartimos.
Pero todo nunha normalidade, nunha familiaridade sorprendente. A nosa vida relixiosa carece moitas veces desta normalidade humana, destes momentos de estar compartindo, gozando; desta grandeza de vida amosada en xestos humildes, en solicitudes por cousas simples, que tanto contribúen a sentirnos ben, a gusto, dentro do noso grupo de fe e de vida.

Oración

Sinto que te preocupas por nós, Xesús:
se temos ou non que comer,
se temos ou non de que vivir,
se a nosa vida é boa, feliz, completa…
Sinto que para min, para nós,
preparas o pan con peixe,
como un detalle de amizade,
porque tes ansia de nós,
e queres matar as nosas fames,
as fames de todos,
todas as fames.
Imaxínote dándonos o pan con peixe,
como noutrora nos dás pan con viño,
signos da vida, do traballo, dos soños compartidos.
Imaxínote preguntando amigablemente
como nos vai,
na casa, na comunidade, no pobo, en Galicia, no mundo,
acollendo as nosas ansias,
compartindo tamén as túas.
E desta forma tan sinxela,
amosándote vivo, resucitado,
no medio da nosa comunidade,
das nosas vidas.
Grazas, Xesús.

Acción
Seguro que temos algunha persoa ou grupo co que nos xuntar, para tomar algo xuntas, para falar como nos vai na vida, para compartir algo do que vai sucedendo no fondo das nosas vidas. É unha forma de vivir ao estilo de Xesús resucitado.


18 de abril: sábado da Oitava de Pascua

Evanxeo: Mc 16, 9-15
Xesús resucitou no abrente do primeiro día da semana e aparecéuselle en primeiro lugar a María Magdalena, da que botara sete demos. Ela fóillelo dicir aos compañeiros del, que estaban chorosos e tristeiros. Pero estes, oíndolle dicir que estaba vivo e que ela o vira, non llo creron.
Despois disto, aparecéuselles en figura diferente a dous que ían de camiño a un lugar. Estes fóronllelo contar tamén aos demais, pero nin a eles os creron.
Por último aparecéuselles aos once mentres estaban á mesa e botoulles na cara a súa incredulidade e a dureza de corazón por non creren a aqueles que o viran resucitado de entre os mortos. E díxolles:
—Ide polo mundo enteiro, anunciando a Boa Nova a toda a creación.

Meditación
Neste pedaciño de Evanxeo Marcos fai como un resume de varios encontros de Xesús resucitado con diferentes persoas. Xa os fomos vendo en días pasados. Chama a atención neste resume a incredulidade dos discípulos, que o mesmo Xesús lles bota en cara nun encontro co grupo. Quizais tamén nós dubidemos. Resucitar non é crer que Xesús recuperou o seu corpo e anda por aí como ás agachadas. Resucitar quere dicir que Xesús está en Deus, totalmente en Deus, dunha maneira nova, inimaxinable para nós. E que polo tanto forma parte deste mundo de ben, de amor, de solidariedade no que nos movemos tamén os humanos todos.
Pode estar ben crer porque nolo contan. Pero realmente un cre de veras cando fai a experiencia daquilo no que cre. Non podo crer que Deus é un Deus de amor, se non me sinto realmente amado por el. Non podo crer que Xesús resucitou e está vivo na miña vida, no medio da comunidade, no medio do mundo, se realmente non o experimento vivo en min. As nosas comunidades cristiás deberían axudarnos a experimentar isto.

Oración

Que podo facer, meu Deus,
para sentir vivo dentro de min,
o teu Cristo,
a Xesús de Nazaré?
Cavilar e cavilar,
debater e debater,
rezar e rezar,
ou simplemente amar e servir,
seguindo de cerca as súas pegadas?
Ti acompáñasme na miña incredulidade:
que non se me endureza o corazón, meu Deus.

Acción
Sería ben bonito xuntarnos as persoas cristiás un día para compartir como estamos crendo nós en Xesús resucitado, como apostamos por el. Tamén sería ben bonito xuntarse xente diferente para compartir como estamos crendo no porvir das nosas vidas no campo ou na cidade, e como apostamos por ese futuro.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.