13 maio, 2020

Tempo de Pascua: 6ª semana



17 de maio: domingo 6º de Pascua

Evanxeo: Xn 14, 15-21
Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Se me amades, gardaredes os meus mandamentos e eu rogareille ao Pai e daravos outro Paráclito para que decote estea convosco: o Espírito da verdade. O mundo non o pode acoller, pois non o ve nin o coñece; mais vós coñecédelo, pois permanece onda vós e está en vós. Non vos deixarei orfos; logo volvo onda vós. Un pouquiño máis e o mundo xa non me verá; pero vós haberédesme ver, que eu vivo e tamén vós haberedes vivir. Naquel día coñeceredes que eu estou en meu Pai e vós en min, e eu en vós. Quen ten os meus mandamentos e os garda, ese ámame; e a quen me ama amarao meu Pai e amareino eu e manifestareime a el.


Meditación
O Evanxeo de hoxe fálanos de como son as cousas, de como poden ser as cousas, cando nos atrevemos a vivir a relación con Xesús, con Deus, dunha maneira sinxela, clara, verdadeira: establecemos unha relación de amizade, fraterna, con Xesús, deixámonos atraer polo que a el lle gustaba para a vida (o amor, o coidado do débil en todo, a solidariedade a tope, a protesta ante quen abusa no nome de Deus ou dos cartos, a inocencia de vida, etc.), e iso lévanos a unha relación limpa, íntima con Deus, o seu Espírito vainos acollendo, animando, impulsando, e a vida vai collendo outra cor para nós. Seguiremos tendo traballos, seguiranos custando resolver as consecuencias da crise do coronavirus, seguiranos custando, se cadra, sacar a vida adiante, seguiremos preocupados polo prezo do leite que vendemos, seguiremos pensando unha e mil veces en que vai  traballar o noso fillo ou filla, seguiremos alerta por esa enfermidade que me veu hai uns meses, preocuparanos como vai medrando, formándose e facéndose home ou muller o mozo ou a moza da casa, pero dentro de nós hai un lume que ilumina e quenta as nosas vidas, unha forza que as sustenta, unha paz que as pacifica, un vigor que a fai incansable. Eses son os froitos normais de cando, por dicilo de algunha maneira, tomamos en serio a Xesús nas nosas vidas (cousa que non ten nada que ver con andar tristes e apagados, ao revés), e non nos contentamos cunha aparencia de relixiosidade que non leva a nada, que non nos aporta nada. Sería bo que nos preguntásemos como levamos isto cada un, cada unha de nós; sería bo tamén que nos preguntásemos a que nos empuxa a comunidade cristiá da que formamos parte.
A aposta de Xesús resucitado é unha aposta pola vida, pola vida a fondo, pola vida a tope, pola vida non trampeada, non simulada; unha aposta pola vida consistente, pola vida feliz, pola vida eterna incluso, algo que non se esgota nos límites do tempo e do espazo nos que nos toca vivir. Nesta aposta nos quere envolver, porque nos quere ben, porque quere o mellor para nós, porque non lle gusta que nos contentemos con pouca cousa, porque aos seus ollos valemos moito, podemos moito, somos moito.  A celebración da Eucaristía é unha celebración de agradecemento por Xesús, que foi así, un home de vida plena, e de agradecemento por moita xente, homes e mulleres, que, algo coma el, foron e son persoas de vida plena. E seguro que iso nos animará moito tamén.

Oración

Ofrécesteme, Xesús,
para ser alguén importante na miña vida.
Acóllote, Xesús!

Anúnciasme unha fonda familiaridade
co Pai/Nai, co Espírito da Verdade.
Canto me prace, Xesús!

Posme coma condición
seguirte no amor e no servizo solidario.
Acéptoo, Xesús!

Prométesme o Espírito da Verdade,
que me acompañe, que me ilumine o camiño, que me faga forte.
Canto preciso del, Xesús!

Invítasme a andar moi alerta:
podo ser moi relixioso/a sen de verdade descubrir nin coñecer a Deus.
Que non caia nesa tentación, Xesús!

Asegúrasme que non me deixarás orfo/a nunca,
que serás sempre unha compaña fiel, alentadora.
Sen ti que faría, Xesús!

Ofrécesme o teu mesmo estilo de vida
coma un camiño seguro para que todo isto suceda.
Grazas, Xesús!

Ofrécesme os irmáns e irmás da comunidade cristiá
coma compaña con quen experimentar a túa novidade.
Bendita comunidade, Xesús!

Ofrécesme o mundo, a vida, a xente,
como lugar da túa presenza.
Sempre en camiño, Xesús!

Ofrécesme as persoas máis débiles e marxinadas
para poñer verdade e autenticidade na miña relación contigo.
Que te descubra vivo nesa xente, Xesús!

Dásme a man e disme:
vén comigo, vén coa comunidade, cara ao mundo, cara ao seo do Pai/Nai.
Imos xuntos/as, Xesús!

Acción
Hoxe é o día das Letras Galegas. A nosa lingua é un regalo de Deus a través da vida e traballo dos nosos maiores. Coidar a cultura, a lingua que temos é un deber civil e tamén relixioso. Hoxe podemos participar nalgún dos moitos actos que por este motivo se han celebrar en Galicia.


18 de maio: luns da 6ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 15, 26-16, 4a
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Cando veña o Paráclito, que eu vos hei de mandar de onda o Pai, o Espírito da Verdade, que vén do Pai, dará testemuño acerca de min, e tamén vós daredes testemuño, pois levades comigo dende o comezo.
Díxenvos estas cousas para que non vos escandalicedes. Hanvos expulsar das sinagogas, e mesmo chega a hora en que todo aquel que vos mate coide que está dando culto a Deus. E farán iso porque non coñeceron nin o Pai nin a min. Mais díxenvos isto para que, cando chegue a hora, recordedes que xa eu volo tiña dito.

Meditación
De Xesús, de cada un, cada unha de nós, vemos as cousas que se din, que se fan. O que Xesús dixo e fixo gústanos moito; vemos nel un grande apaixonado por Deus e ao tempo, e por iso mesmo, un grande apaixonado por todos os homes e mulleres que o rodeaban, sen límite ningún. Nós non somos tan así. Pero non é doado entender o fondo da persoa de Xesús, como tampouco non é nada doado entender o fondo da nosa propia persoa. Posiblemente coincidamos nunha cousa: as raíces do noso ser están na mesma forza creadora de Deus; o alento que tira para adiante pola nosa vida é o mesmo Espírito de Deus que todo o sostén e dinamiza.
Podemos dar testemuño de Xesús de palabra, falando, escribindo, compartindo. Pero as palabras non chegan. A mellor maneira de dar testemuño de Xesús é ofrecernos como persoas que deixan que o que aconteceu en Xesús aconteza tamén en nós, aínda que sexa dunha maneira máis fráxil e limitada.

Oración

Canto tempo levo estando contigo, Xesús!
Podo dicir que desde o comezo da miña vida!
Pouquiño a pouco,
moi pouquiño a pouco,
a túa memoria foise facendo carne da miña carne,
sangue do meu sangue,
alento do meu alento.
Algo polo menos.
Pero ¿que testemuño dou de ti?
¿Que hai en min que lle permita á xente
ver debuxados no meu rostro
algúns trazos polo menos do teu aire fiel, liberador?
Que o teu Espírito,
o Espírito da verdade e non da simulación,
poida testemuñar en min con verdade
que ti es para nós inocencia, gozo e liberdade!

Acción
¿Temos pensado algunha vez nesta tarefa que Xesús nos encomenda de dar testemuño del? ¿Estámolo facendo dalgunha maneira? ¿Podemos mellorar nisto?


19 de maio: martes da 6ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 16, 5-11
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Agora voume onda quen me mandou e ningún de vós me pregunta: ¿onde vas? Ao contrario, porque vos dixen estas cousas, a tristura encheu os vosos corazóns. Pero eu dígovos a verdade: convenvos que me vaia, pois, se non me vou, non virá a vós o Paráclito; en cambio, se me vou, mandareino onda vós. E, cando el veña, culpará o mundo de pecado, xustiza e condena; pecado, porque non cren en min; xustiza, porque vou onda o Pai e non me veredes; condena, porque o príncipe deste mundo xa resultou condenado.

Meditación
¿Que é o Espírito? Algo así –poderiamos dicir— coma esa presenza calada de Deus que nos acompaña sempre. Podémolo entender coma unha luz que ilumina os nosos pasos, coma unha forza que nos empuxa a andar en fidelidade con Deus e coa xente, coma unha paz que nos serena nas horas turbas da vida, coma unha alegría que nos incita á confianza e ao optimismo, coma un ímpeto que nos fai valentes contra calquera maldade. O Espírito  éncheo todo de ben, como Deus mesmo tamén o enche todo de ben. Deus e o Espírito son o mesmo.
Xesús andou sempre deixándose levar polo Espírito. Soubo moi ben que era iso do Espírito, e por iso nolo ofrece coma o seu mellor regalo de despedida. As persoas cristiás somos tales na medida en que acollemos o Espírito nas nosas vidas e nos deixamos levar polo seu poderío.

Oración

Veña sobre nós o teu Espírito, Xesús.
Veña sobre a xente de aldea velliña e soa
coma unha compaña cálida, necesaria.
Veña sobre a nosa mocidade
coma unha palmadiña de luz na súas vidas.
Veña sobre quen coida a fe do pobo
coma unha incitación á creatividade.
Veña sobre o campo e quen o traballa
coma unha aperta sempre agradecida.
Veña sobre todos os homes e mulleres do mundo
coma unha invitación a facer familia total.
Veña sobre todas as persoas crentes
coma unha forza de humilde e limpo testemuño.

Acción
O Espírito anda espallado polo mundo adiante, nos feitos e persoas máis normais da vida. Podemos ollar un pouco ao noso redor e ver se o vemos presente na vida, no actuar dalgunha persoa ou grupo. Se é así, ¿como nos podemos aproveitar dese Espírito na nosa vida tamén?


20 de maio: mércores da 6ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 16, 12-15
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Aínda teño moitas cousas que vos dicir, pero non podedes con elas agora. Cando veña el, o Espírito da Verdade, havos encamiñar á verdade plena, pois non vos falará pola súa conta, senón que vos dirá o que escoitou e anunciaravos o que ha de acontecer. El hame glorificar, pois recibirá do meu e proclamarávolo. Todo o que ten o Pai é meu, por iso díxenvos que recibirá do meu e volo manifestará.

Meditación
“Aínda teño moitas cousas que vos dicir.” Estas palabras tamén van ditas para cada un, cada unha de nós. Canto do de Xesús aínda non resoou nos nosos corazóns, non entrou nas nosas vidas e, polo tanto, non se manifesta tampouco na nosa maneira de vivir! Sendo isto así, parece que o normal sería que medrase en nós o desexo de entrar cada vez máis nas cousas de Xesús, no seu Espírito, na súa maneira tan familiar e fonda de tratar con Deus, nas súas formas de entender e vivir o trato coa xente. Se o queremos, se o buscamos, iso é posible. A súa vida está aí, o seu Evanxeo está ai, o seu Espírito está aí tamén, a comunidade cristiá cos seus animadores e animadoras está aí, ao noso dispor. Queda acoller, admirar, agradecer, implicarse, servir, loitar, amar, todo ao estilo de Xesús. Queda andar pola vida con suma humildade sabendo que todos temos por diante moito camiño que facer; pero tamén con moita valentía, porque quen nos sinala o camiño tamén nos ofrece a forza para poder andalo.

Oración

Que o teu Espírito, Xesús, nos encamiñe
cara á verdade, cara a honradez, cara á xustiza.
Que non nos permita adormecernos
no camiño andado,
nin, indiferentes,
pasar de largo ante o sufrimento alleo.
Que cada mañá nos esperte o oído
e nos dea palabra e feitos de aprendiz,
para coidar con xeito a nosa vida,
e axudar a quen ande en amarguras.
Que nos amose a fonte da ledicia
e nos conduza cara a ela,
para podermos ser logo humildemente
gozo, paz e festa compartida.

Acción
Sos ou en grupo podiamos pensar que cousas novas nos estará querendo comunicar Xesús nestes nosos tempos tan complexos. Así poderemos abrirlle a porta ao seu Espírito.


21 de maio: xoves da 6ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 16, 16-20
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Un pouquiño e xa non me veredes, e outro pouquiño e volverédesme ver.
Comentaron entón algúns dos seus discípulos: ¿Que é isto que nos di: un pouquiño e xa non me veredes, e outro pouquiño e volverédesme ver? ¿E iso de que “porque vou onda o Pai”? ¿Que é ese un pouquiño? Non sabemos o que quere dicir.
Coñeceu Xesús que lle querían preguntar e díxolles:
—¿Matinades entre vós acerca disto que vos dixen: “un pouquiño e xa non me veredes, e outro pouquiño e volverédesme ver”? Con toda verdade volo aseguro: choraredes e laiarédesvos, mentres que o mundo se alegrará. Vós estaredes tristes, pero a vosa tristura volverase alegría.

Meditación
O Papa Francisco insístenos moito en que a vida cristiá, nas súas diferentes facetas, é un camiño cara a ledicia, que está ben que o andemos con ledicia. Os seus escritos van todos nesa clave: “A ledicia do Evanxeo”, “A ledicia do amor”, “Loado sexa”, “Alegrádevos e brincade de gozo”. E, se insiste niso, podemos pensar que é porque ve que é algo que nos falta. Normalmente a xente que non é crente asocia a fe, a crenza, a vida das persoas crentes, coa tristura. Se nos ven así, ¿será porque en realidade vivimos así?
A vida cristiá, o seguimento de Xesús, o servizo á comunidade, á sociedade como seguidores e seguidoras de Xesús, ten horas duras certamente, non o podemos ignorar nin disimular. Horas de esforzo, de renuncia, de incomprensión, de rexeite incluso, que poden deixar un sabor acedo nas nosas vidas. Sería ese “pouquiño” ao que se refería Xesús. Non nos deberamos estrañar diso. Pasa con calquera vida que queira ser firme e coherente. Pero si que nos debería estrañar se eses tempos de tristura non están compensados, sostidos, superados por un fondo de ledicia humilde e agradecida, esperanzada, que envolva toda a nosa existencia.

Oración

Cos meus “pouquiños” de dor
veño onda ti, meu Señor.
Coas miñas horas amargas,
orfas de paz, de esperanza.
Cos meus desalentos cansos,
na busca do teu descanso.
Coa miña tristura aceda,
agardando a man que aleda.
Buscando o don da alegría,
que ti ofreces cumprida.
Cos meus “pouquiños” de amor
veño onda ti, meu Señor.

Acción
Podemos mirar se somos persoas crentes alegres ou non. Podemos mirar cales son as razóns da nosa tristura ou da nosa ledicia. Igual atopamos camiños para avanzar e ser persoas con máis optimismo cristián.


22 de maio: venres da 6ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 16, 20-23a
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Con toda verdade volo aseguro: choraredes e laiarédesvos, mentres que o mundo se alegrará. Vós estaredes tristes, pero a vosa tristura volverase alegría. A muller cando vai dar á luz ten tristura, pois chegou a súa hora; pero, cando deu á luz o neno, xa non lle acorda o apuro, pola alegría de que naceu un home para o mundo. Así tamén vós tendes agora tristura, pero heivos de ver de novo e o voso corazón alegrarase e a vosa alegría ninguén vola poderá quitar. E aquel día xa non me preguntaredes nada.

Meditación
Insiste o evanxeo na experiencia da tristura e da ledicia. Era algo que lle preocupaba realmente a aquelas comunidades cristiás que estaban sufrindo moito, que estaban sendo maltratadas por seren cristiás. Xesús ofrécelles a comparanza das dores da muller a punto de dar á luz e a ledicia que ten cando xa goza coa criatura nas mans. Unha preciosa foto do que pode ser unha vida cristiá que asume as dificultades de vivir ao estilo de Xesús, pero que o fai sabendo que iso dá pé á ledicia dunha nova criatura: nacemos desa maneira como criaturas novas e contribuímos a poñer a novidade de Deus neste mundo.
Nos mundos de hoxe hai comunidades cristiás que están vivindo isto con moito realismo: nos países de Oriente Medio, nalgúns países de África. Entre nós, ás veces parece que temos renunciado xa a ese tipo de conflitos, de penas e gozos, porque nos temos adaptado demasiado ao funcionamento deste mundo, e non se nos ve especialmente interesados en facernos testemuñas do estilo de vida de Xesús no medio da nosa sociedade. Pero, se renunciamos ás dores do parto, renunciamos tamén á ledicia inmensa da novidade de Deus nas nosas vidas.

Oración

¿Quen nos liberará, Xesús,
da desgana coa que tantas veces vivimos a nosa fe?
¿Quen nos arrincará da rutina case inútil
á que temos reducido a nosa práctica relixiosa?
¿Quen espertará en nós a ansia teimuda
de vivir con humildade ao estilo de Xesús?
¿Quen nos abrirá os ollos para entender
que os camiños da ledicia pasan polas fidelidades fondas?
Ti, Xesús, falabas do que, vivindo en Deus, experimentaras.
Ti tes para nós palabras de ledicia eterna.

Acción
Mirando para as nosas vidas, ¿temos experiencia de ter pasado por algún momento tenso, difícil, doloroso, que ao final nos trouxo satisfacción e ledicia? ¿Algunha vez demos a cara dalgunha maneira por defender algo que teña que ver co estilo de vida de Xesús? Vemos algunha cousa na que poderiamos dar un paso adiante e con humildade deixarnos ver como persoas seguidoras de Xesús?


23 de maio: sábado da 6ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 16, 23b-28
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Con toda verdade volo aseguro: o que lle pidades ao Pai no meu nome, hávolo dar. Ata agora non pedistes nada no meu nome. Pedide e recibiredes, de xeito que a vosa alegría sexa plena. Díxenvos estas cousas en comparanzas. Vai chegar a hora en que xa non vos falarei en comparanzas, senón que vos falarei do Pai abertamente. Naquel día pediredes no meu nome. E non vos digo que eu rogarei por vós ao Pai, xa que o propio Pai vos ama, pois vós amástesme a min e crestes que eu saín de Deus. Saín do Pai e vin ao mundo; de novo deixo o mundo e vou onda o Pai.

Meditación
Pedir no nome de Xesús non quere dicir que teñamos que empregar o nome de Xesús coma unha palabra máxica ou coma un enchufe, para así poder acceder ao corazón dun Deus que fose distante e cativeiro á hora de nos regalar cos seus dons. Xesús mesmo nos di que non é que el vaia rogarlle ao Pai por nós; non fai falla, porque de Deus para nós soamente saen cousas de amor, de acompañamento, de sustento, de esperanza.
Pedir no nome de Xesús é rezarlle a Deus Pai/Nai no espírito de Xesús, é dicir, incorporándonos á mesma confianza, ao mesmo agarimo, á mesma fidelidade, á mesma unión, á mesma dispoñibilidade que Xesús tiña cara a Deus. Pedir no nome de Xesús é saber que estamos nos seus brazos cos gozos e dores da nosa vida, e, mesmo sen dicir palabra ningunha, deixar que o seu Espírito nos envolva e vaia facendo de nós un home ou muller que sabe agradecer os momentos bos e manterse firme e confiada nas horas malas. Pedir no nome de Xesús é deixarlle libres as mans a Deus na nosa vida toda.

Oración

No nome de Xesús ante ti, Deus noso,
renunciando a querer ser eu o dono último da miña vida.
No nome de Xesús,
admirándote, agradecéndoche
todo o ben que hai en min e en todas e cada unha das túas criaturas.
No nome de Xesús,
poñendo nas túas mans as miñas andanzas todas.
No nome de Xesús,
pensando, actuando, vivindo con alma solidaria,
con corpo solidario, con petos solidarios.
No nome de Xesús,
sabendo que do Pai veño coma el,
e ao Pai quero volver
despois dunha vida humilde, inocente e xusta
levando no meu macuto
a lembranza quente dos teus pequenos e pequenas.

Acción
Sería algo moi bo que algunha vez as persoas crentes nos xuntásemos para falar de como lle rezamos a Deus, a Xesús. Seguro que aprenderiamos a rezar mellor, máis no nome de Xesús. E a todo hai que atender para mellorar a nosa vida cristiá.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.