24 de maio:
Solemnidade da Ascensión do Señor
Evanxeo: Mt 28, 16-20
Daquela os once discípulos
fóronse para Galilea ao monte onde Xesús os citara. E, véndoo, prostráronse
ante el, aínda que algúns dubidaban. Xesús achegouse a eles e díxolles:
—Déuseme todo poder no ceo e
máis na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a todos os pobos,
bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo, ensinándolles a
gardar cano vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do
mundo.
Meditación
O relato de
hoxe é un relato final; un relato da despedida, que non o é tal, porque Xesús
segue presente no medio da comunidade cunha presenza nova: a súa palabra, a súa
memoria, o seu Espírito, a súa comunidade, o rostro dos irmáns e irmás, o
rostro sobre todo da xente máis débil e marxinal, coa que Xesús expresamente se
quixo identificar. É a hora da adultez, da responsabilidade. É a hora de
sabernos depositarios/as dun precioso tesouro, levado en vaixelas de barro
certamente, que é a memoria de Xesús, a lembranza da súa vida e da súa morte,
que son as súas palabras, os seus feitos. É a hora de asumir o compromiso de
ser testemuñas de todo iso, coas palabras e coa vida, para que a novidade
humanizadora, liberadora, de Xesús se lle ofreza ao mundo enteiro, e non haxa
home ou muller no mundo que non poida gozar da súa forza de vida, de curación,
de liberdade. Na festa da Ascensión todos, todas, nos vemos ante esta hora de
adultez e de responsabilidade, ante esta encomenda de ser testemuñas vivas de
Xesús e de todo o de Xesús. ¿Somos así persoas e comunidades cristiás adultas,
que nos responsabilizamos da encomenda de Xesús?
A tarefa da comunidade cristiá
é sinxela, clara: axudar a calquera persoa a que tamén descubra esa persoa
marabillosa que é Xesús, ata o punto de que, querendo, poida vincularse ao
grupo de Xesús, á comunidade de Xesús, coma un aprendiz de Xesús. ¿Estamos
facendo isto nas nosas comunidades cristiás? ¿Que lle ofrecemos ás persoas que
na infancia, na mocidade, acoden ás nosas catequeses? ¿Que lle ofrecemos a
calquera persoa adulta, non bautizada ou bautizada pero arredada da Igrexa,
cando se achega ás nosas comunidades? ¿Poden ver en nós a forza e a frescura de
Xesús, da súa persoa, da súa vida? ¿Que lle ofrecemos especialmente á xente
máis abandonada, máis desprezada, máis marxinada?
Ás veces as comunidades
cristiás parecémonos a esas ONGs deficientes –hainas tamén moi boas—, que
gastan boa parte dos seus recursos económicos e humanos en manterse a si
mesmas, e só unha pequena parte para a actividade benéfica que pretenden
atender. Tamén nós dedicamos moitos recursos e esforzos a cousas do
funcionamento interno, e esquecémonos do máis importante: ofrecer a Xesús, non
como palabra morta do pasado, senón coma forza de vida e de ilusión para as
realidades de cada día coas que hoxe nos temos que estar enfrontando. E
quizabes por iso as igrexas van quedando baleiras, e os corazóns tamén.
Na celebración da Eucaristía
podemos revivir o encontro con Xesús, a súa despedida, e recibir del a súa
encomenda e a forza e mantenza para levala a cabo.
Oración
Gloria e loanza a ti,
Xesús resucitado,
Xesús recoñecido e enxalzado!
GLORIA E LOANZA A TI!
Gloria e loanza ti,
humildísimo dentro da historia,
abaixado ata a morte, e morte de cruz,
en amor ata o extremo!
Gloria e loanza a ti,
o Xesús das longas camiñadas polos camiños do
pobo,
que desde o acougo eterno segues camiñando ao
noso lado!
Gloria e loanza a ti,
o Xesús dos encontros, xantares e conversas,
que nos segues convocando á túa mesa, ao teu
pan, á túa palabra!
Gloria e loanza a ti,
Xesús apaixonado pola felicidade de cada ser
humano que batía contigo,
que nos segues transmitindo os teus soños e
ilusións!
Gloria e loanza a ti,
que compartiches coa xente que te tratou o
coñecemento fiel e amoroso do Pai/Nai,
o alento pacificador e rebelde do Espírito,
e séguelo facendo con todos nós, que te
admiramos!
Gloria e loanza a ti,
porque se che revolvían as entrañas
cada vez que vías un desprezo, un abuso a
persoas envoltas en calquera debilidade,
e quéresnos contaxiar a túa indignación!
Gloria e loanza a ti,
que te fuches, pero segues entre nós
sobre todo desde os corpos e as almas feridas
das persoas que viven en amargura!
Gloria e loanza a ti,
amigo dos reencontros, dos perdóns, da festa
e da alegría,
que ris na risa de quen goza e comparte a
vida!
Gloria e loanza a ti,
vivamente presente nas persoas servidoras,
coidadoras
que, admirándote e agradecéndote,
entenden que servir é a mellor maneira de ser
humano/a!
Gloria e loanza a ti,
Xesús morto e resucitado,
Xesús glorificado,
a túa memoria, o teu recendo enche o mundo de
gozo e esperanza!
Acción
Hoxe falamos moito de Igrexa
misioneira. Podemos pararnos a ver que estamos facendo cada un, cada unha de
nós, que está facendo a comunidade cristiá parroquial á que pertencemos para
realizar iso de sermos Igrexa misioneira. Se miramos o noso día a día, ¿vemos
cousas, palabras, feitos, cos que contribuímos a que o espírito, o estilo de
vida de Xesús se espalle entre nós?
25 de maio: luns da
7ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 16, 29-33
Nunha ocasión
dixéronlle a Xesús as persoas que o acompañaban de cerca:
—Mira, agora falas claro, sen
andar con voltas. Agora sabemos que o sabes todo e non precisas que ninguén che
pregunte; por iso cremos que saíches de Deus.
Xesús respondeulles:
—¿Agora credes? Mirade, vai
chegar a hora, e xa chegou, en que vos espallaredes cada un pola súa banda e a
min deixarédesme só. Aínda que eu non estou só, pois está comigo o Pai.
Díxenvos estas cousas para que teñades paz grazas a min. No mundo haberedes ter
apertos; pero tede ánimo, eu vencín o mundo.
Meditación
As persoas que
acompañaban a Xesús transmiten satisfacción: todo está claro, entendémolo todo,
ningunha dúbida nos invade o corazón e a vida. Pero Xesús devólveos á
realidade: ¿Pensades crer? Deixarédesme só! Porque crer non é ter unhas ideas
máis ou menos razoadas sobre quen é ou non é Xesús. Crer é vincularse
vitalmente ao seu estilo de vida. E iso leva consigo inseguridade, conflito,
loita, apertos. Iso si, Xesús asegúralles que iso pode convivir perfectamente
cunha grande paz. Paz ao estilo de Xesús, ao estilo das persoas fondamente
comprometidas co Deus da vida, da dignidade. Canto podemos aprender daqueles
primeiros discípulos e, por suposto, do mesmo Xesús!
Oración
Apréndeme, Xesús,
os camiños da vida,
os camiños da xente desvalida,
os camiños de Deus.
Apréndeme a andar por eles
sen aforrar esforzos,
pero con fonda paz.
Apréndeme a ser humilde,
agradecendo o recibido,
ofrecendo xenerosamente
o que foi madurando en min.
Así ata a hora final,
sen renuncios nin abandonos.
Acción
Podemos
decatarnos dalgún aperto polo que esteamos pasando na vida: físico ou
espiritual, persoal ou comunitario, social. ¿Como o estamos xestionando? ¿Desde
a paz e a confianza, ou desde a axitación e o desespero? ¿Como nos podería
axudar Xesús a afrontalo?
26 de maio: martes da
7ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 17, 1-11a
Nunha ocasión dixo Xesús:
—Eu son a verdadeira vide e meu
Pai é o labrador. A vara que en min non leva froito arríncaa; e a que leva
froito límpaa, para que leva máis froito aínda. Vós xa estades limpos pola
palabra que vos teño falado. Permanecede en min e eu en vos.
Así como a vara non pode levar
froito pola súa conta, se non permanece na vide, vós tampouco, se non
permanecedes en min. Eu son a vide; vós, as varas. Quen permanece en min e eu
nel ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer nada. Se
alguén non permanece en min, tírano fóra, como as varas, e seca; apáñanas,
bótanas no lume e arden. Se permanecedes en min e as miñas palabras permanecen
en vós, pedido o que queirades e hásevos facer.
Meditación
É ben fermosa esa imaxe de Deus
coma un labrego, coma o gran labrego que coida de toda a creación, para que en
toda a creación haxa vida, haxa froitos, haxa seres que poidan aproveitar e
gozar con eses bens que de tantas maneiras diferentes producimos dentro da
creación. Deus é o creador desa casa común que é a creación. Pónnola nas mans
coma un medio de vida; a nosa tarefa é responsabilizarnos do seu coidado, para
que non se perda nada da vida que hai na creación; para que ninguén que forma
parte desta casa común se vexa excluído do seu coidado e do seu gozo.
É un bo día, unha boa ocasión
para agradecer a toda a xente que en Galicia e polo mundo adiante trata a
natureza con respecto, produce alimentos o máis sans posible, practica o
ecoloxismo integral facendo que nada de canto hai na creación se vexa violado e
explotado, escolle un estilo de vida parco no consumir para que os bens da
creación cheguen a todo o mundo. Producir alimentos sans, fóra das grandes
industrias da alimentación, é un dos feitos máis revolucionario que pode haber.
A soberanía alimentaria consiste en que cada país poida producir a alimentación
básica necesaria para a xente que o habita. Traballar pola soberanía
alimentaria é un grande paso para conservar a nosa autonomía e liberdade ante
os grandes grupos financeiros.
Oración
Permanecer en ti, Xesús.
Non só achegarnos á soleira das túas
palabras,
do teu estilo de vida,
da túa sensibilidade
de todo o teu ser,
probar e marchar.
Non só achegarnos,
senón entrar;
non só entrar,
senón permanecer.
Que a oferta e ampla, ditosa e custosa,
e cómpre tempo e fidelidades.
Que o teu espírito, Xesús,
me axude a vencer a tentación
da inconstancia e do abandono.
Acción
¿Nalgún tipo de cousas en
principio boas para o corpo ou para o espírito, pásanos iso de achegarnos, ver,
e ante a lentitude, o esforzo, a fidelidade que leva consigo acadalas,
abandonamos? Se é así, ben poderiamos retomar algunha desas cousas e practicar
a constancia, a fidelidade.
27 de maio: mércores
da 7ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 17, 11b-19
Naquel tempo Xesús, erguendo os ollos cara ao ceo, orou dicindo:
—Pai santo, coida ti mesmo dos que me entregaches, para que sexan un
coma nós. Cando eu estaba con eles, coidábaos no teu lugar. Ti entregáchesmos,
eu agarimeinos e ningún deles se perdeu, fóra do fillo da perdición, de xeito
que se cumprise a Escritura. Mais agora estou indo a ti e falo estas cousas no
mundo, para que teñan eles a plenitude do meu gozo. Eu deilles a túa palabra e
o mundo aborreceunos, pois eles non son do mundo, como tampouco eu non son do
mundo. Non che pido que os tires do mundo, senón que os gardes do malo. Eles
non son do mundo, como eu tampouco non son do mundo. Conságraos na verdade; a
túa palabra é verdade. Como ti me mandaches ao mundo, así os mando eu a eles, e
por eles conságrome eu, para que tamén eles sexan consagrados na verdade.
Meditación
O mundo é a
casa común habitada por millóns de homes e mulleres, entre os que nos contamos.
No mundo, na xente, hai cousas marabillosas que nos levan á admiración e ao
agradecemento. No mundo hai tamén cousas malas, mala xente, malas ideas, moitos
abusos, moita explotación, moito dominio dos poderosos sobre a xente máis
humilde, moitas guerras sempre interesadas nas que morren miles de inocentes.
Calquera de nós levamos no noso corazón parte desas cousas marabillosas que hai
no mundo e, moi posiblemente tamén, parte desa maldade que ensucia o mundo.
Como habitantes do planeta,
como persoas cristiás o mundo é o noso lugar. Non queremos nin debemos fuxir
del. Cara a onde? Xesús invítanos a estar no mundo, pero a estar dunha maneira
inocente, xusta, responsable, agradecida, loitadora, solidaria, deixándonos
conducir pola súa palabra, polo seu estilo de vida, pola súa ilusión de facer
deste mundo unha casa de irmás e irmáns en todo. Custe o que custe.
Oración
Ti apréndesme, Xesús,
a gozar coas cousas boas todas que hai no
mundo,
a gozar con tanta xente boa que o habita,
a alegrarme polo ben que descubro na miña
propia vida.
Grazas, Xesús.
Pero ti apréndesme tamén, Xesús,
a fuxir das cousas malas do mundo
que se achegan á porta do meu corazón
tentándome:
o desprezo polo que non é nin pensa coma min,
a avaricia, o afán desmedido de posuír e
consumir,
o machismo, o dominio, o querer estar sempre
por riba,
a indiferenza polos abusos que sofren tantas
persoas débiles,
o clasificar a xente, condenala, non lle dar
oportunidades,
a lingua lixeira para criticar e preguiceira
para alentar,
… e moito máis.
Grazas, Xesús, polo que me aprendes.
Estarei en vela.
Acción
Intentemos ver en nós algunha
cousa boa pola que nos sentir ben agradecidas. Pero intentemos ver tamén en nós
algo dese mundo malo, co que contribuímos a afear a nosa convivencia no mundo.
28 de maio: xoves da
7ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 17, 20-26
Naquel tempo Xesús, erguendo os
ollos cara ao ceo, orou dicindo:
—E non che rogo só por estes,
senón tamén polos que han crer en min pola palabra deles; que todos sexan un,
como ti, Pai, en min, e eu en ti, que tamén eles sexan un en nós, para que o
mundo crea que ti me mandaches. E a gloria que ti me deches déillela a eles,
para que sexan un como nós somos un. Eu neles e ti en min, para que cheguen á
perfecta unidade, de xeito que o mundo recoñeza que ti me mandaches e que os
amaches a eles, como me amaches a min.
Pai, eu quero que os que me
deches estean tamén comigo onde eu estou, para que contemplen a miña gloria, a
que ti me concediches, porque me amabas xa antes da fundación do mundo. Pai
xusto, o mundo non te coñeceu, pero eu coñecinte e estes coñeceron que ti me
mandaches. Eu manifesteilles o teu nome e seguiréillelo manifestando, para que
o amor co que me amaches estea neles e tamén eu estea neles.
Meditación
A chamada final de Xesús é unha
chamada á unidade. Unha unidade nutrida, sostida polo amor, pola solidariedade.
Unha unidade que respecte as diferenzas de xeitos de ser e de pensar, de
culturas, de sexo, de linguas, mesmo de credos. Deus é moito máis que os
mellores intentos de calquera relixión. O que máis manifesta a Deus é a
unidade, a aperta, a comuñón, o compartir, a consideración, a compaixón, a
compenetración, o común. E curiosamente iso mesmo é o que mellor nos vai e nos
expresa aos seres humanos, por moito que moitas veces nos rebelemos contra esas
cousas e fagamos as contrarias. O cal, por certo, sempre nos acaba traendo
moitas amarguras. Na unidade respectuosa coa diferenza está a maior gloria de
Deus. Na unidade respectuosa coa diferenza esta a maior gloria da xente.
Quizais porque descoñecemos
moito a este Deus que clama pola unidade na diferenza, quizais porque quen
dicimos crer nun Deus así pouco o testemuñamos coa nosa vida, quizais porque a
chamada da unión é unha chamada fonda e esixente, quizais por todo iso teñamos
que afirmar con Xesús: “o mundo non te coñeceu”; pero quizais por todo iso
tamén debamos dicir tamén con Xesús: “eu manifesteilles o teu nome e
seguiréillelo manifestando”.
Oración
Que todos, todas sexamos un, unha.
atopando o noso oco nesa unidade total
que es ti, Pai, Nai nosa.
Que todos, todas, sexamos un, unha
na realidade da vida cotiá,
sen diferenzas agraviantes,
compenetrándonos sempre,
agradecéndonos sempre.
Que todos, todas sexamos un, unha
tamén na Igrexa
en todas as súas áreas e funcións.
Se o mundo está ferido pola diferenza,
pola discriminación, polo abuso,
pola prepotencia de tantas cores,
que saibamos curalo
a base de respectos e igualdades,
de reconciliacións e apertas.
Acción
Miremos ata que punto na nosa
vida cotiá, no noso espazo laboral, en calquera área da nosa vida, somos
persoas de unidade ou persoas de discriminación. Seguro que poderemos cambiar
comportamentos e esixir que outros os cambien tamén.
29 de maio: venres da
7ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 21, 15-19
Cando
Xesús se apareceu aos seus discípulos, despois de comer preguntoulle a Simón
Pedro:
—Simón de Xoán, ¿ámasme máis ca
estes?
El contestoulle:
—Si, Señor, ti sabes que te
quero.
Xesús díxolle:
—Apacenta os meus años.
E de novo preguntoulle por
segunda vez:
—Simón de Xoán, ámasme?
El respondeulle:
—Si, señor, ti sabes que te
quero.
Xesús díxolle:
—Apacenta as miñas ovellas.
E preguntoulle por terceira
vez:
—Simón de Xoán, quéresme?
Entristeceuse Pedro de que lle
preguntase por terceira vez “quéresme?”, e respondeulle:
—Señor, ti sabelo todo, ti ben
sabes que te quero.
Xesús díxolle:
—Apacenta as miñas ovellas. Con
toda verdade cho aseguro: cando eras novo, vestíaste ti e ías onde querías; cando
te fagas vello, estenderas as túas mans e vestirate outro e levarate onde non
queres.
Dixo isto para significar con
que clase de morte había de dar gloria a Deus. E despois engadiu:
—Sígueme.
Meditación
Pedro tivo que
facer un recorrido persoal na súa relación con Xesús: desde o seguimento rápido
do primeiro momento, pasando polos momentos nos que non entendía a proposta de
Xesús de vivir servindo ata a morte, se fixese falla; pasando tamén pola tiple
negación cando unha criada o puxo entre a espada e a parede; e así ata este
momento último no que manifesta a súa vinculación fonda con Xesús, en ideas,
proxectos e afectos. Así estaba el capacitado para acompañar o camiño de fe das
persoas que querían seguir tamén a Xesús en comunidade, en Igrexa.
O camiño de Pedro pódenos levar
a preguntarnos polo noso propio camiño en relación con Xesús. ¿En que momento
nos atopamos? ¿No momento de decidirnos a seguilo, no momento de disentir da
súa estratexia servidora a favor da comunidade, no momento de renegar del coa
palabra ou cos feitos, no momento de sentirnos fondamente atraíd@s por el ata
vincularnos a el con todo o corazón, con toda a mente, con todo o noso ser? ¿Que
lugar ocupa Xesús nas nosas vidas?
Oración
Señor, ti sabes que te quero.
Ti
sabes que, polo menos, quero quererte.
Cos
meus quereres brandos, seguro,
pero
sabes que te quero.
Cos
meus quereres necesitados de maduración e avance,
pero
sabes que te quero.
Cos
meus quereres tramposos tantas veces,
porque
esquezo que quererte é querer tamén a xente,
a xente máis tirada, ou a máis empoleirada,
a que máis custa querer,
pero ti sabes que te quero.
Cos meus quereres enganosos,
que agachan no fondo moito mirar por min,
pero ti sabes que te quero.
Sabes que te quero,
e gustaríame que me chamases para seguirte
e facer de min un servidor/a da comunidade
cristiá, do pobo.
Acción
Podemos
preguntarnos como estamos colaborando á vida da nosa comunidade cristiá coas
nosas particulares habilidades, para que faga ben o labor de amosarlle á
sociedade a forza liberadora de Xesús.
30 de maio: sábado da
7ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 21, 20-25
Naquel tempo Pedro volveuse e
viu que o seguía o discípulo a quen amaba Xesús, o que se recostara no seu
peito na cea e lle preguntara: “Señor, ¿quen é o que te ha entregar?”. Ao velo,
preguntoulle Pedro a Xesús:
—E este, que?
Xesús contestoulle:
—Se quero que permaneza ata que
eu veña, ¿a ti que che importa? Ti sígueme.
Espallouse entón entre os
irmáns a voz de que o discípulo aquel non morrería. Pero non dixera Xesús que
non había de morrer, senón: “se quero que permaneza ata que eu veña, ¿a ti que
che importa?”
Este é o discípulo que dá
testemuño destas cousas e o que as escribiu, e sabemos que o seu testemuño é
verdadeiro. Hai aínda moitas máis cousas que fixo Xesús que, de escribilas unha
por unha, coido que o propio mundo non
podería conter os libros que se habían escribir.
Meditación
Pedro e Xoán,
personalidades distintas, funcións distintas na primeira comunidade cristiá. Da
orixinalidade de cada un deles, da súa maneira particular de ver, tratar e
seguir a Xesús beneficiáronse as persoas contemporáneas deles e beneficiámonos
nós tamén. O evanxeo de Xoán, do que hoxe lemos o seu final, foi unha das
grandes achegas ao cristianismo dese seguidor de Xesús sensible, fiel, amante,
que quixo entrar a fondo no mundo de Xesús ao longo da súa longa vida.
Tamén cada un, cada unha de nós
temos a nosa particular historia de fe, de amor, de seguimento con Xesús. Somos
únicas no mundo. Nin houbo nin haberá ninguén coma calquera de nós. Temos un
oco especial no ser, no pensamento, no corazón de Deus e do seu Cristo. Cada
un, cada unha de nós estamos chamados a un desenvolvemento persoal auténtico,
fiel ao noso ser particular, fiel a esas raíces fondas que nos enganchan con
Deus, fiel ao momento histórico que nos toca vivir, co noso traballo, coas
nosas familias, cos nosos pobos, coas nosas comunidades cristiás. No marco desa
singularidade propia, no noso corazón inigualable resoa a chamada de Xesús: Ti
sígueme. E con el tócanos ir construíndo a nosa vida. Oxalá que de forma
satisfactoria.
Oración
Grazas,
Xesús, por todas as persoas
que coa súa fe foron sostendo a nosa;
as que co seu seguimento
facilitaron que nós te seguiramos tamén.
Tantas mulleres, tantos homes ao longo de
séculos
que foron tecendo a fermosa manta multicolor
das comunidades cristiás.
Grazas sobre todo, Xesús,
polas persoas que uniron a súa sorte á túa,
e amaron e serviron ata o martirio incluso,
onte e hoxe.
Grazas por cada historia particular,
entre elas a de cada un, cada unha de nós,
que ti ben coñeces e na que te implicas
sempre a fondo.
Grazas por formar parte
desta longa ringleira de persoas chamadas,
amantes e seguidoras.
Acción
É frecuente ver que hoxe,
véspera de Pentecoste, se celebren vixilias de oración para dispoñerse a
recibir o don do Espírito. Pódenos vir ben participar nalgunha delas para
reavivar o noso seguimento de Xesús.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.