21 outubro, 2020

 


 25 de outubro: domingo 30 de Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 22, 34-40

            Nunha ocasión os fariseos, ao se informaren de que Xesús lles tapara a boca aos saduceos, reuníronse; e un deles, que era xurista, preguntoulle, para poñelo a proba:

            —Mestre, ¿cal é o mandamento máis importante da Lei?

            El respondeulle:

            —“Amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu entendemento”. Este é o mandamento primeiro e máis grande. O segundo é semellante a el: Amarás o teu próximo como a ti mesmo. Destes dous mandamentos dependen a Lei enteira e máis os Profetas.

Meditación

            Polo que se ve é cousa vella iso de debater que é o máis importante da vida relixiosa. Tamén hoxe debatemos diso, e, se non debatemos, deberiamos facelo, con liberdade, con desexo sincero de bater con aquilo que realmente a Deus lle importa, que será, sen dúbida, o que nos faga máis ben á xente. ¿Que é o máis importante da nosa vida cristiá?  ¿Cal é mandamento máis importante?

            Xesús responde a esa pregunta orientándonos cara ao fundamental: o importante, o nuclear é amar, deixar que esa onda de amor que sae de Deus cara á creación, cara aos seres humanos de todos os tempos e de todos os lugares, nos envolva por riba e por baixo, por dentro e por fóra; o importante é que nos subamos a esa onda e que fagamos dela o noso propio lugar de vida e de acción; o importante é que correspondamos co noso amor total a quen é a fonte do mesmo; que nos amemos a nós mesmos, respectándonos, coidándonos, contribuíndo a desenvolver en nós o proxecto solidario que Deus soñou para toda a creación; o importante é que teñamos cara á demais xente eses sentimentos e boas prácticas do amor solidario, a través dos mil detalles dos que se compón a vida humana de cada día. Así de claro. Así de simple. Así de fondo. Sería moi bo que este fose sempre o convencemento principal de calquera persoa, de calquera comunidade cristiá; que esta fose a mensaxe que saíse a diario das nosas palabras, do noso estilo de vida.

            Xesús no evanxeo de hoxe invítanos a embarcarnos nesta aventura, que ten os seus riscos e dificultades. Non é doado amar a fondo: a Deus, a nós mesmas, a demais xente, a creación, a xente máis débil. Asustámonos. Rebaixamos con facilidade a medida dos nosos afectos. Temos medo a que dando moito nos vaiamos quedando sen nada, en nada. Facemos pequenas concesións a iso de amar, de ser solidarios, pero deseguida retiramos a man, o abrazo, a carteira, non sexa que nos pasemos de rosca. Ao pé de Xesús podemos descubrir a forza do amor, as maneiras concretas de desenvolvelo sobre todo no servizo á xente máis débil, e a audacia de amar a tope convencidas/os de que amar non mata, non fire, non debilita nunca, ao contrario. San Agostiño, na onda de Xesús, dicía: “Ama e fai o que queiras”. Se amamos, a maioría dos debates que nos montamos na Igrexa, nas comunidades cristiás, nas nosas mesmas persoas particulares irían perdendo sentido, o mesmo que as nebras outonizas destes días se esvaecen ante a presenza do sol.

            A eucaristía é un canto comunitario ao amor, unha experiencia comunitaria de amor que pode nutrir as nosas vidas día tras día. Gocémola. Aproveitémola. Compartámola dentro e fóra.

Oración

Grazas pola túa proposta, Xesús,

en tempos recios de incertezas fondas,

cando a tanta xente se nos encolle o alento

se nos engurra a luz e a esperanza.

Grazas pola túa chamada ao amor,

á tenrura, á solicitude, aos coidados,

á solidariedade, á implicación,

a sentirnos un/unha con todo, con todas.

Grazas por invitarnos ao común, ao comunitario,

ao social, ao que é de todos e para todos,

cando tanto tendemos a agarrarnos apaixonadamente

á táboa do particular e do privado.

Grazas por recordarnos que Deus é amor, todo amor,

que ao amor incita e no amor se atopa,

desarmado doutros títulos e roupaxes

cos que torpemente o temos ocultado.

Grazas por recordarnos o máis simple

o que nos fai verdadeiramente humanos:

espallar o amor en capas de servizo,

bicar como nos gustaría ser bicadas/os.

Grazas por suxerirnos que seremos felices,

superaremos crises, espantaremos medos,

só cando abramos casas e corazóns,

para que pan e afectos entren e saian libremente.

Grazas pola palabra amor, a única sagrada,

tan tripada, simulada, escurecida,

bandeira de nortes e amenceres,

reclamo contra o espanto, contra a nada.

Acción

            Hoxe podémonos exercitar expresamente no amor a Deus e ao próximo. Dirixímonos a algunha persoa, a algunha situación de necesidade ou a algunha acción solidaria civil ou relixiosa, sabemos de que vai a cousa, e colaboramos. E ofrecémolo como un paso da amor a Deus, a quen queremos amar e compracer.

 

26 de outubro: luns da 30 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 13, 10-17

            Un sábado estaba Xesús ensinando nunha sinagoga. Había alí unha muller que levaba dezaoito anos eivada por causa dun espírito;  andaba dobregada sen se poder endereitar. Xesús, ao vela, chamouna e díxolle:

            —Muller, quedas libre da túa enfermidade.

            E impúxolle as mans. Ela púxose dereita no momento e loaba a Deus. Entón o xefe da sinagoga, indignado de que Xesús curase nun sábado, díxolle á xente:

            —Hai seis días para traballar, vide durante eses días para que vos cure e non precisamente no sábado.

            Replicoulle Xesús:

            —Hipócritas! ¿Non ceibades vós nos sábados o voso boi ou o voso burro, para os levar a beber? E logo esta filla de Abraham, que leva dezaoito anos atada por Satanás, ¿non a imos poder ceibar por ser sábado?

            Cando tal lles dixo, aos seus adversarios quedaron avergonzados e toda a xente se alegraba das marabillas que facía.

Meditación

            Certamente a enfermidade daquela muller era cousa mala, cousa que lle impedía levar unha vida sa, digna, ben integrada; ademais, segundo o pensamento relixioso do momento, era unha muller posuída polo demo, unha muller arredada de Deus, case malquerida de Deus. Xesús, aínda movéndose dentro daquela cultura, rompe con todo iso e intégraa na vida social e relixiosa. Cousa que importaba máis ca todas as normas relixiosas que había daquela.

            A muller dobregada do evanxeo válenos para pensar nos miles e millóns de mulleres da historia, que andaron e andan dobregadas baixo o poder machista da nosa cultura civil e relixiosa. Aínda hoxe, fóra e dentro da Igrexa, persiste moito deste machismo opresor, que lle rouba á muller a súa dignidade, a súa condición de persoa con igualdade absoluta de dereitos e deberes, ante a xente, ante Deus. Defender esta dignidade da muller importa máis ca calquera outra norma civil ou relixiosa que se lle queira opoñer.

Oración  

Ai de quen lle negue á muller a súa dignidade
e a poña por baixo do seu gusto e capricho!
Ai de quen amoree cargas no seu lombo canso
e a force a vivir máis derreada de calquera maneira!
Ai de quen a maltrate coa palabra ou cos feitos
e a condene á amargura e á frustración!
Ai de quen lle negue o título de irmá absoluta
e a reduza a un ben útil do que usar ou prescindir!
Ai de quen ignore o don e a valía da muller
e pretenda facer vida sen ela, ás costas dela, contra ela!
Quen así faga negarase, perderase, racharase,
machucará a propia dignidade ante a xente, ante Deus.

Acción

     Podemos revisar unha vez máis a nosa relación coas mulleres. ¿Desde o respecto absoluto, desde algún tipo de machismo? Podemos caer na conta que respectar a muller a fondo é unha práctica relixiosa moi grata a Deus.

 

27 de outubro: martes da 30ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 13, 18-21

            Nunha ocasión dicíalle Xesús á xente:

            —¿A que se parece o reino de Deus, con que volo compararía eu? É semellante a un gran de mostaza que un home sementa na súa horta; medrou e converteuse nunha árbore e os paxaros do ceo aniñaron nas súas pólas.

            E seguiu dicindo:

            —¿Con que compararía eu o reino de Deus? É semellante ao fermento que unha muller botou en tres medidas de fariña ata que todo levedou.

Meditación

            O reino de Deus, o proxecto de Deus, o soño de Deus para este mundo noso: sermos unha terra de redes, de vínculos, de relacións, de compenetracións, de interdependencias, de fraternidade, de xustiza, de respecto preferente sempre polo máis fráxil entre a xente, entre a natureza, en todo. Sermos así terra de Deus!

            Xesús amósanos como se constrúe ese tipo de cousas. El opta non polo barullo, senón polo silencio. Non pola presenza de medios aparatosos, senón pola pequenez. Non por obras de lucimento, senón polas cousas humildes. Non polas grandes palabras, senón polas pequenas e cotiás fidelidades. Non polos grandes empeños humanos, senón pola fe confiada en Deus. Canto disto nos fai falla nestes tempos nos que nas nosas comunidades sentímonos a necesidade de retomar o reinado de Deus, o seu soño para nós, para toda a humanidade!

Oración        

Que ben, meu Deus, que ben!
O teu Espírito en min, en nós,
coma un graociño de mostaza,
sementado nas nosas vidas, na nosa comunidade,
que medra e medra, sen case saber nós como,
ata se converter nunha árbore vigorosa,
onde aniña quen queira pousar os seus pés
para acougar
e gustar o gozo dunha vida xusta, pacificada!
Que ben!
O teu Espírito convertido en fermento
que unha muller coloca no noso seo,
no seo da comunidade feito fariña
—grao moído no muíño simple da vida—,
para convertela en pan saboroso
a disposición de calquera famento que pete á porta,
e ser simplemente pan comido,
sen máis,
sen méritos nin glorias.
Que ben, meu Deus, que ben!

Acción

     Podemos facernos conscientes de que cada día coa nosa palabra, cos nosos feitos, se son xustos e fraternos, estamos construíndo iso que Xesús chamaba o reino de Deus, o soño de Deus. E, se en algo non son xustos nin fraternos, daquela podemos cambiar para que en nós se cumpra de verdade o soño de Deus.

 

28 de outubro: Festa dos santos Simón e Xudas, apóstolos

Evanxeo: Lc 6, 12-19

            Por aqueles días Xesús foi orar ao monte e pasou a noite orando a Deus. Cando se fixo de día, chamou os seus discípulos e escolleu doce entre eles, aos que nomeou apóstolos: Simón, a quen lle deu o nome de Pedro, e seu irmán Andre; Santiago, Xoán, Filipe, Bartolomeu, Mateu, Tomé, Santiago o de Alfeo, Simón chamado o Zelota, Xudas o de Santiago e Xudas Iscariote, que logo sería o traidor.

            Baixou con eles e detívose nunha valgada cun bo grupo de discípulos e numerosa xente de toda Xudea, de Xerusalén e máis de toda a ribeira de Tiro e Sidón, que viñan escoitalo e a que os curase das súas doenzas. Os atormentados por espíritos inmundos quedaban curados, e toda a xente intentaba tocalo, pois del saía unha forza que curaba a todo o mundo.

Meditación

            A elección dun apóstolo sempre nos remite á nosa propia elección. Se estamos no de Xesús, atraídos/as pola súa figura histórica, pola súa palabra, polos seus feitos de vida, pola súa maneira de entender a persoa e as relacións entre as persoas,…, se estamos niso, é porque dalgunha maneira, misteriosa e real, fomos afectados/as e nos deixamos afectar pola súa elección. Xesús escolle de entre a xente e para o servizo da xente. Nunca nos escolle para arredarnos da xente, do pobo, coma un grupo selecto, privilexiado, colocado aló arriba; e menos aínda nos escolle para que acabemos tendo a xente ao noso servizo. Xesús escolle para facernos máis radicalmente da xente, para debernos á xente en todo, para facer da nosa vida un constante empeño por compartir con quen o necesite a forza de curación que de Xesús recibimos.

Oración

Grazas, Xesús,
por ter batido contigo,
por ter experimentado, algo polo menos,
a fortaleza da túa palabra,
a consistencia do teu xeito de vivir.
Grazas, Xesús,
por terme así escollido,
pola vía da máis completa normalidade,
para testemuñarte
coas miñas palabras,
coa miña maneira de vivir.
Que quen me vexa
descubra en min
polo menos unha liviá memoria
do teu paso humilde e vigoroso,
servidor,
polas entrañas deste mundo.

Acción

     Seguro que na nosa historia persoal hai algunha persoa que axudou a espertar en nós o interese por Xesús e a súa causa. Podemos falar con ela e agradecerllo.       

29 de outubro: xoves da 30ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 13, 31-35

            Nunha ocasión chegaron onda Xesús uns fariseos para o avisar:

            —Veña, vaite de aquí, que Herodes te quere matar.

            El respondeulles:

            —Ídelle dicir a ese raposo: eu hoxe e mañá seguirei curando e botando fóra os demos e no terceiro día xa acabo. Pero hoxe, mañá e pasado mañá cómpre que siga camiñando, pois non é ben que un profeta morra fóra de Xerusalén.

            Xerusalén, Xerusalén, que asasinas os profetas e acantazas os que mandan onda ti! Cantas veces quixen aconchegar os teus fillos, como a galiña aconchega os seus pitiños baixo as ás e non quixeches! Pois mirade, a vosa casa fica baleira e asegúrovos que non me volveredes ver ata que exclamedes: Benia o que vén no nome do Señor!

Meditación

            Xesús era unha persoa con determinación. Sabía o que quería. Tiña claro cal era a súa tarefa diaria: andar cabo da xente ferida pola vida, no corpo e no espírito, aportando o que el tiña abundantemente: alento, espírito de vida. Non o freaba o medo, non o paraban personaxes déspotas, extravagantes, coma Herodes, nin a sospeita de que en Xerusalén, onde estaban os poderes relixiosos e civís do país, as cousas se lle complicasen seriamente. Doíalle que a inmensa carga de luz e de afecto que vertía sobre o su pobo non fose recibida con ilusión, coma unha bendición de Deus. Pero non recuaba. Os tempos de Deus non son os tempos da xente. No medio das tebras é onde a luz amosa mellor o seu valor e o seu encanto. No medio deste drama cotián, que se estende ata os nosos días, que papel xogamos nós?

Oración

Perdón, Xesús,
por sucumbir tantas veces ao medo.
Perdón
pola falla de determinación:
vexo claro cara a onde ir,
pero freo o paso ou torzo o camiño.
Perdón, Xesús,
por recear aconchegarme a ti,
por rexeitar o agarimo do teu Espírito.
Perdón
por pechar as portas
a tanta xenerosidade, a tanta esplendidez.

Acción

      Podemos concretar algunha cousa, algunha situación, na que por medo, por falta de decisión, por non dar a cara ante algunha persoa, deixamos de dicir ou de facer algo que considerabamos xusto. E dámonos aviso para non reincidir nese tipo de comportamentos.

 

30 de outubro: venres da 30 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 14, 1-6

            Un sábado ía Xesús comer á casa dun xefe dos fariseos, e eles vixiábano. Entón apareceu diante del un home hidrópico. Xesús preguntoulles aos xuristas e fariseos:

            —¿Está ou non está permitido curar no sábado?

            Pero eles non abriron a boca. Xesús colleu o enfermo, curouno e despediuno. E mirando para eles, díxolles:

            —¿Quen de vós, se un fillo ou un boi lle cae nun pozo, non o tira do pozo no instante aínda que sexa sábado?

            A isto non lle souberon que contestar.

Meditación

            Chama a atención esta habilidade de Xesús para aproveitar todas as circunstancias para anunciar a Boa Nova de Deus. Xesús era un misioneiro, un bo mestre do que hoxe chamamos Igrexa en saída. Que fose invitado a xantar na casa dun xefe dos fariseos indica tamén que era este un grupo co que Xesús tiña simpatías e afinidades, aínda que tamén, como vemos no relato, fondas diferenzas. Como que lle daba pena que unha xente tan boa no fondo estivese coa mente tan pechada. Pasa moito isto.

            E, sen medo a romper a harmonía dun xantar compartido, vendo a un enfermo, un home hidrópico, failles unha pregunta provocativa, pois Xesús ben sabía que a Lei dicía que non se podía curar en sábado. Calan. Xesús cúrao e ponlles un exemplo, que lles axude a ver o absurdo das prácticas relixiosas que os fariseos defendían con tanto ardor. Non souberon que contestar. Aí queda a Boa Nova de Xesús, anunciando que a Deus non está atado nas leis relixiosas, que a lei relixiosa fundamental é a de coidar a xente, curar, sexa isto cando sexa. E seguiron co xantar.

Oración

Que fermosa esa túa audacia, Xesús,
ese teu saber falar e actuar,
a tempo e a destempo,
para que a luz de Deus
puidese alumear o corazón humano!
Que fermoso o teu apaixonamento por Deus,
o teu apaixonamento pola xente máis fráxil,
que mobilizaba todas as túas enerxías
para a curación,
para o desbloqueo mental da xente!
Son beneficiario de ti,
que tamén sexa, Xesús,
imitador creativo do teu xeito de ser.

Acción

   Sen chulerías, con humildade, con espírito construtivo, podemos hoxe aproveitar as oportunidades que se nos dean para falar con feitos das prioridades de Deus cara á xente, sobre todo cara á xente máis fráxil.

 

31 de outubro: sábado da 30 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 14, 1.7-11

            Un sábado foi comer Xesús á casa dun xefe dos fariseos e eles estábano vixiando. Xesús, decatándose de que a xente invitada buscaba os primeiros postos, contoulles esta parábola: 

            —Cando alguén te convide a unha voda, non sentes no primeiro posto. Pode suceder que unha persoa máis distinguida ca ti tamén estea convidada, e que veña quen vos convidou e che diga: “Déixalle o sitio a esta persoa”, e ti, cheo de vergonza, teñas que ir para o derradeiro lugar. Ao revés, cando alguén te convide, ti senta no último lugar, para que, cando chegue quen te convidou, che poida dicir: “Amigo, sube máis arriba”. E quedarás moi ben diante de todos os comensais. Porque a persoa que se enaltece será rebaixada, e a que se rebaixe será enaltecida.

Meditación

            Aquí está Xesús, que non perde ocasión de transmitir os convencementos que moven a súa vida. Observa, pensa e fala con coherencia, dicindo palabras que poden cuestionar os comportamentos doutras persoas. Dunha anécdota máis ou menos simple, saca unha pauta para o conxunto da vida: a persoa que anda pola vida presumindo, con ostentación, buscando primeiros postos, recoñecementos e loanzas, fará da súa vida unha vulgaridade e acabará en nada, facendo o ridículo con frecuencia; en cambio, a persoa que gusta de estar simplemente canda os demais coma unha de tantas, en humildade, sen querer nunca alzarse sobre a demais xente, respectando e valorando a quen a rodea, servindo, esa persoa acaba tendo o respecto e recoñecemento de todo o mundo. E isto que vale moito aos ollos da xente, vale moito tamén aos ollos de Deus. Porque no fondo tal como somo ante a xente que nos rodea, así acabamos sendo ante Deus. E sería ben ridículo que acabásemos intentando quedar por riba do mesmo Deus!

Oración

Que descubra o gozo da humildade, meu Deus,
o gozo de ver en calquera cousa,
en calquera animal,
en calquera persoa
unha irmá, un irmán,
algo ou alguén que me convoca á festa do pequeno,
onde todo o mundo colle
e nada nin ninguén sobra,
onde todo se me ofrece
para ser alegremente parte do meu ser,
da miña vida;
onde todo espera de min
un anaco de carne e sangue,
un anaco de alento,
unha man,
unha voz,
un chucho.
Que descubra, si, a cada hora,
o gozo da humilde e valente irmandade.

Acción

       Podemos revisar como nos situamos ante as demais persoas, sobre todo ante as persoas que teñan pouco poder, pouco saber, pouco valer. Á luz de Xesús podemos cambiar a nosa maneira de situarnos ante elas.

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.