30 setembro, 2020

Tempo Ordinario: 27ª semana

 


4 de outubro: domingo 27 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 21, 33-43

            Nunha ocasión díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:

            —Escoitade esta parábola:

            Había unha vez un propietario que plantou unha viña, rodeouna dunha sebe, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo arrendóullela a uns viñateiros e marchou para lonxe. Cando chegou o tempo da vendima, mandou os seus criados onda os viñateiros para cobrar as rendas. Pero os viñateiros agardáronos e a un zorregáronlle, a outro matárono e a outro apedrárono. De novo mandou outros criados máis numerosos, pero tratáronos do mesmo xeito. Por último mandou o seu propio fillo, dicindo para si: “Ao meu fillo hano respectar”. Pero os viñateiros, ao veren o fillo, comentaron: “Este é o herdeiro; veña, matémolo e a herdanza será nosa”. E agarrárono, botárono fóra da viña e matárono.

            Ben, e cando veña o señor da viña, ¿Qué fará cos viñateiros aqueles?

            Respondéronlle:

            —A eses malvados faraos morrer de mala morte e arrendará a viña a outros viñateiros, que lle paguen as rendas no seu tempo.

            Díxolles entón Xesús:

            —¿Seica non lestes nunca na Escritura: “A pedra que desbotaron os canteiros é agora o esquinal; esa pedra colocouna o Señor, ¡que regalía para nós!?

            Por iso dígovos: quitaranvos o reino de Deus e darase a un pobo que produza bos froitos.

Meditación

            As palabras de Xesús van dirixidas especialmente ás persoas que están ao fronte das nosas comunidades, e, a través delas, ás comunidades mesmas. ¿Que tipo de comunidades cristiás estamos construíndo? Quen ten o servizo de presidilas ¿estanse convertendo en señores que impoñen a súa vontade, como se fose a de Deus, que non favorecen a autonomía e responsabilidade dos membros da comunidade, que non fomentan os camiños persoais de relación con Deus, as capacidades de cada quen para facer unhas comunidades máis ricas, máis fermosas, máis auténticas? ¿Fan e desfán na comunidade cristiá sen contar coa xente, sexa para rexer os cartos ou os bens da comunidade, sexa para dar orientacións sobre a vida cristiá, sobre a sexualidade, por exemplo, sobre a constitución da familia, sobre a participación cidadá? ¿Respectan a comunidades coma comunidade de Deus, propiedade de Deus, ou enseñóranse dela, para medraren a conta da comunidade?

            Pero, de rebote, estas preguntas que lles podemos facer, no nome de Xesús, a quen preside as nosas comunidades, tamén nos afectan a todas as persoas que formamos a comunidade cristiá. ¿Que facemos nós para que os nosos líderes respondan ao que Xesús quere deles? ¿Valoramos a nosa autonomía, valoramos as calidades que cada un, cada unha de nós temos, para poñelas ao servizo da comunidade? ¿Ou deixámonos levar, deixamos que outros decidan, desentendémonos da responsabilidade que temos sobre a marcha das nosas comunidades e parroquias? Moitas veces queixámonos das arbitrariedades dos bispos e dos curas, pero ¿non estamos nós contribuíndo a elas co noso pasar de todo no que se refire á vida da comunidade? ¿Cando actuaremos dando a entender que a comunidade é cousa nosa, que estamos dispostos/as a implicarnos nela, a pedir, a esixir que se nos teña en conta, que sexamos tratadas coma persoas adultas? ¿Cando apostaremos por ter unha experiencia espiritual propia, adulta, ben formada, que nos capacite para entender das cousas da comunidades e participar nela con humildade, si, pero tamén con decisión e valentía?

        Este evanxeo, logo, oriéntanos sobre o ser ou non ser das nosas comunidades cristiás,  sobre o feito de enseñorarnos da comunidade ou de permitir que outros o fagan. Dicía nunha ocasión o papa Francisco: “A Igrexa ten respostas para a infancia do home, pero non para a súa idade adulta”. E iso é así porque hai quen nos trata coma nenos e nenas en moitísimas cousas, aínda que sexamos completamente adultos/as; pero tamén é así porque gústanos vivir coma nenos en cousas nas que estaría moi ben que funcionásemos coma adultos.  Cando unha comunidade cristiá está infantilizada, perde calidade, perde atractivo, non chama, bota para atrás.

            A celebración eucarística é a celebración da comunidade, presidida por Cristo, enriquecida cos valores e achegas de cantos nela participamos, para vivir en todo en adultez.

Oración

Ai, Señor,
ese desmedido afán de ter,
do que nos chufamos os humanos,
esa tola ansia por posuír
cousas, ideas, persoas…!
Este corpo é meu,
e fago con el o que eu quero!
Esta muller é a miña,
e podo dispoñer dela cando quero,
do seu corpo,
das súas decisións,
e mesmo da súa vida, se me prace!
Este é o meu grupo,
a miña comunidade;
estes son os meus cartos,
a miña casa,
a miña finca;
estas son as miñas ideas,
a miña teoloxía…,
dicimos tantas veces
con aires de suficiencia, de propiedade, de dominio,
querendo ignorar
que somos simplemente debedores de todo canto somos,
que nada é meu,
nada é noso,
como non sexa esa sede insaciable, enfermiza,
de afogarnos nas cousas,
escapando de sermos nós mesmos,
libremente.
Ai, Señor,
cando descubriremos o pracer
de fuxir de todo acto de posesión,
para atopar con humildade o que somos,
para bater coa verdade que nos explica,
para abrazarme na comunidade que nos acubilla,
para ver por todas partes irmáns e irmás
e non inimigos cos que combater
nin rivais cos que competir!
Ai, Señor,
cando serei de verdade home, muller,
no teu seo,
no seo da creación,
no seo baleiro da xente que me rodea?
Cando serei unha muller nova, 
un home novo?

Acción

            ¿Gustaríanos compartir co cura que preside a nosa comunidade parroquial que non estou de acordo con algunhas cousas que el fai? ¿Vemos que poderiamos implicarnos algo máis na marcha da nosa comunidade cristiá?  Deamos un paso adiante.

 

5 de outubro: Témporas de agradecemento e de apertura aos dons de Deus.

Evanxeo: Mt 7,7-11

            Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:

            —Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos. Porque quen pide recibe, quen busca atopa e a quen peta abriráselle.

            ¿Ou hai alguén entre vós que, se o seu fillo ou filla lle pide pan, lle dá unha pedra? ¿Ou se lle pide un peixe lle dá unha cobra? Pois se vós, que sodes ruíns, sabedes dar cousas boas á vosa crianza, canto máis voso Pai celestial lla dará á xente que llas pida!

Meditación

            Iso das “témporas” pódenos soar hoxe a cousas raras. Na Igrexa do pasado tivo bastante importancia. Nunha sociedade eminentemente rural era unha festa poder celebrar ao final do verán o traballo feito e as colleitas que garantían fartura para todo o ano. Nunha sociedade eminentemente relixiosa vivíase e celebrábase iso ollando con agradecemento para Deus, de quen se consideraba que viñan todos os bens.

            Hoxe somos menos directamente rurais, menos crentes e cústanos entender que dependan de Deus as cousas que imos producindo, no campo ou na cidade, co noso esforzo persoal e colectivo. ¿Qué pinta, logo, Deus nas nosas vidas? As persoas crentes seguímolo vendo como a fonte de todo canto ben podemos gozar. Vémolo tamén como a enerxía que nos empuxa a organizar o noso traballo para poder vivir do producido.Vémolo como quen nos empuxa a ver o mundo como unha casa común e os homes e mulleres que o habitan como unha gran fraternidade, para que ninguén lle negue a ninguén o seu dereito a traballar e a vivir do seu traballo.

            Orar nas Témporas e sempre significa abrirnos con agradecemento e atención a este Deus que nos quere felices traballando e compartindo os bens da terra.

Oración

Que ben que poida medrar ao teu carón, Xesús,
guiada e empuxada por ti,
en ser persoa permanentemente aberta.
Aberta a ti, á xente, á vida,
ao teu Deus e noso Deus.
Que ben aprender ao teu lado, Xesús,
levada polo teu espírito,
a pedir, a buscar, a petar,
sabéndome carente, necesitada en tantas cousas,
pero confiada nas mans xenerosas que mas ofrecen.
As mans ben concretas de moitas persoas,
as mans casuais da vida,
as mans sorprendentes de Deus
que guía e sostén todas as nosas mans.
Que ben, Xesús, poder gozar contigo, en comunidade,
neste outono de froitos e bendicións,
coa esperanza de que a ninguén lle falte pan e irmáns con quen comelo.
Grazas por tanto ben!

Acción

        Cando hoxe xantemos ou cenemos, podemos facer un breve recoñecemento á xente rural que produciu os nosos alimentos, e ao Deus da vida que está detrás de todo canto existe.

 

6 de outubro: martes da 27 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 10, 38-42

            Un día entrou Xesús nunha aldea e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa. Esta tiña unha irmá chamada María, que, sentada aos pés de Xesús, escoitaba as súas palabras. Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa, e, achegándose, dixo:

            —Señor, ¿non che importa que a miña irmá me deixe a min soa servindo? Dille que me bote unha man.

            Pero o Señor respondeulle:

            —Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas; pero soamente unha é a necesaria. María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar.

Meditación

            Todo o mundo lle dariamos a razón a Marta, que ademais fora a que invitara e acollera a Xesús na súa casa. ¿Qué nos pasaría, sen a xente que se preocupa polas mil cousas miúdas, pero imprescindibles, das que se compón a vida, o benestar diario? Polo tanto Xesús non nos invita a pasar deses servizos miúdos que fan agradable a vida.

            Xesús invítanos a non contentarnos con iso. Podémonos ver, acollernos, obsequiarnos con cousas, mesmo dicirnos palabras durante horas enteiras, sen nos comunicar a un nivel fondo: nin falamos do que na vida nos doe ou nos aleda, nin nos facemos capaces de escoitar o que a outras persoas lles doe ou lle dá ledicia na vida. Xesús invítamos, logo, a unha relación de corazón a corazón. Relacionarnos así coa xente vainos habilitando para relacionarnos con Deus, que lle gusta andar agachado alí onde as persoas vibran, onde sofren e festexan.

Oración     

Sentar,
acougar,
pararme ao lado da xente,
pararme no paso da vida,
pararme onda ti, meu Deus.
Sentar,
acougar,
escoitar,
afiar os oídos do corpo e do corazón,
os oídos do espírito,
para percibir a vida
na súa presenza ou na súa ausencia,
para acoller os gozos da vida,
as queixas e dores da vida.
Sentar,
acougar,
escoitar,
enchouparme da vida,
enchouparme de ti, meu Deus,
e logo vivir,
vivir a tope,
vivir ao ritmo da vida,
vivir ao ritmo de Deus.
Coma ti, Xesús.

Acción

            Podemos facer o esforzo por parar hoxe un momento, 15, 20 minutos, escoitando as voces que resoan no noso interior, escoitando a vida que xorde en nós. Ou, se alguén nos visita, podemos esforzarnos por escoitalo a fondo, con atención ao que di, ao que hai no fondo do que di. Facéndoo, escoitamos a vida, escoitamos a Deus.

 

7 de outubro: mércores da 27 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 11, 1-4

            Dunha vez, cando Xesús estaba orando en certo lugar, unha das persoas que andaban canda el pediulle:

            —Mestre, apréndenos a rezar, como lles aprendeu Xoán ás persoas que o acompañaban.

            Respondeulles Xesús:

            —Cando recedes, dicide:

            Pai, santificado sexa o teu nome, veña o teu reino, dános cada día o noso pan, perdoa os nosos pecados, porque tamén perdoamos nós a quen nos debe algo; e non nos deixes caer na tentación.

Meditación

            Que fermoso debía ser ver rezar a Xesús! Véndoo daban ganas de rezar, de rezar coma el. O que sabemos sobre a oración de Xesús é que lle gustaba rezar, que pasaba tempos só ante o Pai/Nai do ceo, que as súas oracións eran máis ca nada como exclamacións cheas de vida e de sentimento. Que saibamos, Xesús non escribiu oracións, como fai quen isto está escribindo. A única oración que nos deixou foi esta do Noso Pai, ben sinxela e directa por outra banda:

            Primeiro que Deus sexa santificado entre nós, coa nosa vida honrada, irmandada; que a súa santidade, feita de xustiza sen límites para defender a xente vulnerable, e feita de misericordia sen recortes, luza entre nós. Logo ter pan, o pan que cada día necesitamos para vivir; non máis, non menos; e que o teña todo o mundo; logo o perdón de Deus para curarnos dos nosos pecados, como unha escola onde aprender a perdoarnos entre nós; perdoar, perdoar sempre, o mal que nos fan; facer da dignidade de quen nos rodea a grande ilusión da nosa vida; baleirarnos para enchernos da irmandade, para enchernos de Deus. E por último sermos fortes cando o mal, agochado de calquera maneira, pretenda meterse na  nosa vida.

Oración    

Grazas, Xesús,
porque nos ensinas a rezar,
con poucas palabras, con moito sentimento,
desde a verdade da vida,
desde a verdade de Deus.
Grazas, Xesús,
por levarnos sempre cara ao sinxelo,
cara ao elemental,
cara ao realmente necesario:
a santidade de Deus nas nosas vidas,
o pan compartido,
o perdón indo e vindo sen reparos,
e o afán cauteloso de que sexa o ben,
só o ben,
o que oriente e encha as nosas vidas.
E con estas ansias no corazón
empezar e rematar as nosas xornadas,
no teu nome,
no nome do Deus da vida que sempre nos acompaña.
Amén.

Acción

            ¿Rezamos algo diariamente? ¿Poderiamos rezar algo en familia ao comezo, ao final do día? Que fermoso sería un Noso Pai diario en familia en calquera momento do día. Rezar ben axúdanos a vivir ben, con ánimo, felices. Fagamos a proba unha tempada.

 

8 de outubro: xoves da 27 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 11, 5-13

            Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:

            —Supoñede que calquera de vós ten un amigo ou amiga, que vos presentades na súa casa pola noite, e desde fóra lle dicides: “Amigo, amiga, déixame tres bolos de pan, que me veu outro amigo de viaxe e non teño nada que lle poñer diante”. E ese amigo ou amiga desde dentro responde: “Non me amoles; está a porta pechada, eu e máis a miña crianza estamos na cama; non me podo erguer agora para chos dar”. Desde logo que, se non se ergue para llos dar por se tratar dunha persoa amiga, polo menos pola túa insistencia erguerase e hallos dar.

            Por iso dígovos: “Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos. Que todo o que pide recibe, o que busca atopa e a quen peta abriráselle”. Ou logo ¿qué pai hai entre vós que, se o seu fillo lle pide un peixe, lle dá unha cobra; ou se lle pide un ovo, lle dá un alacrán? Pois se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes dar cousas boas aos vosos fillos e fillas, ¡canto máis o Pai celestial lle dará o Espírito Santo a quen llelo pida!

Meditación

            Este pedaciño de Evanxeo é continuación do Evanxeo de onte sobre a oración. Xesús segue aprendendo a rezar ás persoas que lle dixeran: “apréndenos a rezar”. Dentro desas persoas que tal desexan estamos, xaora, tamén nós. E Xesús nesta ocasión insístenos en dúas cousas: primeira, ser constantes na nosa pregaria; pedir, buscar, petar son actitudes propias de quen de verdade ansía algo e se dispón por todos os medios posibles para poder conseguilo. Pedir, buscar, petar é algo propio de quen anda pola vida co corazón aberto, buscando darlle entrada na súa vida a todo canto ben nos vén da mesma vida, das persoas coas que nela batemos, do Deus que de mil maneiras se achega a nós cos seus dons. Se andamos pola vida como persoas pechadas á graza e aos dons da vida, da xente, nunca acertaremos a rezar ben.

            E a segunda cousa na que insiste Xesús é que recemos sempre con moita confianza. Diante de nós non temos un Deus cutre, agarrado, avarento, senón un Pai ou Nai espléndida que goza compartindo os seus dons. Os regalos de Deus non son cousas materiais, como se fose o señor da lotería; Deus é abundante no Espírito Santo, que é paz, forza, alento, perdón, berro cara a xustiza, foco de unión, frescura na fogaxe, resistencia…, todo iso que precisamos para ir conseguindo o que na vida nos pode dar unha dignidade feliz.

            Os dons de Deus non suplen o noso esforzo. Os dons de Deus axudan a que o noso esforzo frutifique en toda clase de bens, espirituais e mesmo materiais. Os dons de Deus superan os nosos esforzos por moi grandes que estes sexan.

Oración     

Quéresme, meu Deus, tan persistente,
como se todo dependese das miñas forzas;
e tan confiada e entregada,
como se todo dependese absolutamente de ti.
Quéresme revolvendo ceo e terra,
coma quen todo o necesita e non ten nada;
pero tamén abandonada e libre,
coma quen non necesita nada para vivir.
Quéresme buscadora, emprendedora,
coma o home de negocios máis infatigable;
e tan felizmente desinteresada,
coma o meu canciño deitado ao sol do mediodía.
Quéresme inqueda e espelida,
coma as laparadas de lume no silveiral;
máis tamén docemente sosegada,
como as horas mainas dun atardecer de outono.
E quéresme así, meu Deus,
quéresme así, porque me queres.
Grazas!

Acción

            ¿Angustiámonos con facilidade ante determinadas situacións da vida persoal, social, política? ¿Qué papel pode xogar a nosa fe cristiá, a nosa oración neses momentos? Neses casos podiamos rezar insistentemente así: Confío en ti, meu Deus; con Xesús confío en ti.

 

9 de outubro: venres da 27 semana do Tempo Ordinario.

Evanxeo: Lc 11, 15-26

            Unha vez, despois de que Xesús botase un demo, algunha persoas presentes dixeron:;

            —Este bota fóra dos demos co poder de Belcebul, xefe dos demos.

            Outras persoas, para probalo, reclamábanlle un sinal do ceo. Pero el, coñecendo o que pensaban, díxolles:

            —Todo reino dividido contra si mesmo fica asolado, caendo casa sobre casa. Pois ben, se Satanás está dividido contra si mesmo, ¿como se vai soster o seu reino? Vós dicides que boto os demos co poder de Belcebul. Pero, se eu boto os demos co poder de Belcebul, ¿co poder de quen os botan os vosos fillos? Por iso eles mesmos serán os vosos xuíces. Pero, se boto os demos co poder de Deus, é que xa chegou a vós o reino de Deus. Mentres un home forte e armado garda o seu pazo, os seus bens están seguros. pero se chega un máis forte e o vence, quitándolle as armas nas que confía, repartirá o botín. Quen non está comigo está contra min, e quen non recolle comigo, derrama.

            Cando o espírito malo sae dunha persoa, vai polos ermos adiante buscando acougo; se non o atopa, di: "Volverei á miña casa de onde saín;"  e, ao chegar, atopa a casa varrida e ordenada. Entón vai, colle consigo outros sete espíritos aínda peores ca el, e entrando todos, establécense alí, e resulta que o final daquel home acaba peor que o principio.

Meditación

            Demos para arriba e demos para abaixo. Non fai falla imaxinar personaxes horrendos para decatarse de que o mal anda entre nós, na nosa sociedade, nos nosos pobos, na nosa propia persoa, no noso corazón. É algo que incluso repetimos con insistencia: que mal anda o mundo. Quizais o dicimos menos referido a nós, no sentido de ver que tamén nós, se non nos coidamos, podemos ser axentes de mal, de malicia.

            No evanxeo tampouco non se dubidaba diso. A pregunta era quen e como se lle podía facer fronte ao mal, con que forzas. Xesús amósasenos coma unha persoa en conflito permanente con todo o que podería roubarlle a paz, a dignidade, o benestar físico e espiritual a calquera persoa. E con enerxías para facelo. Os evanxeos son un indicador claro de como facelo, desde que bases, con que métodos. Se lemos, meditamos, interiorizamos o que día a día nos evanxeos imos vendo, acabaremos sendo tamén nós, coas nosas limitacións, persoas empoderadas contra o mal.

Oración

O poder de Deus,
a forza de Deus:
iso era, Xesús, o que a ti te facía forte,
e esa é a fortaleza que ti queres compartir connosco.
Grazas.
Así,
só así,
poderei ser forte contra o mal,
arrincándoo do meu corazón,
das miñas palabras,
dos meus feitos.
Só así
poderei ser
coma unha man túa
no esforzo común
por reparar este mundo,
por facelo limpo e luminoso.
Éncheme, Xesús, co poder de Deus.

Acción

            Estamos hoxe especialmente atentos/as a calquera mal, que, na forma que sexa, rolde as portas da nosa vida. E miramos de lle dar cara coa forza que de Deus nos vén, co apoio de xente amiga coa que podemos compartir esas situacións.

 

10 de outubro: sábado da 27 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 11, 27-28

            Nunha ocasión, cando Xesús lle estaba falando ao pobo, unha muller de entre a xente dixo berrando:

            —¡Ditoso o ventre que te levou e os peitos que te criaron!

            Pero Xesús replicoulle:

            —Ditosas máis ben as persoas que escoitan a palabra de Deus e a gardan.

Meditación

            Reparamos na admiración que Xesús provocou naquela muller do pobo, que acabou proclamando ditosa á nai que o concibira e que o parira. A admiración en si é unha das grandes actitudes humanas que nos pode levar da man a unha vivencia relixiosa auténtica. Admirar é estar aberto ao fermoso, ao sorprendente, ao marabilloso que nos rodea, sexa isto algo grande ou algo pequeno; pero tamén é estar aberto ao feo, á desgraza, á desfeita da natureza, á desfeita de tanta xente fráxil (pobre e rica) que hai polo mundo. Admirar é estar aberto a ese mundo interior noso, que nunca comprendemos abondo, misterioso, que nos introduce no mundo do misterio, no mundo do descoñecido que nos desborda. Admirar vólvese case imprescindible para crer, para vincularse a Xesús, para vincularse a Deus. Admirar leva a agradecer, a adorar, a amar, a implicar a propia vida, á dispoñibilidade. E para admirar necesitamos poder contemplar as cousas, as vidas, as persoas, a propia persoa; necesitamos espazos e tempos de silencio na vida.

            O evanxeo de hoxe invítanos a admirar a Xesús, a Deus nel; invítanos a que, como persoas seguidoras del, coa nosa vida cristiá provoquemos tamén a admiración por el. Que, véndonos a nos, a xente poida dicir: que marabilloso debe ser o Deus que os sostén, para viviren eles coa humanidade coa que viven.

Oración

Que grande te nos mostras, meu Deus,
no cosmos, na natureza saída das túas mans!
Que singular e creativo te apareces
en cada home ou muller, orixinal, irrepetible!
Que misteriosamente próximo te presentas
no teu fillo Xesús, un de tantos, un excepcionalmente teu!
Que íntimo e familiar te me ofreces,
acompañándome coma un amigo fiel que me comprende!
Que grande es no Espírito co que nos agasallas,
para afirmarnos en ti, para sustentarnos na dor!
Que sinxelo e marabilloso te nos fas
en quen aprendeu de ti a honra de convivir coa xente pequena!
Que marxinal e esixente te nos mostras
na metade dos seres humanos que escasamente son!
Meu Deus, admírote e adórote,
agradézote e entrégome a ti.

Acción

            Podemos ser e manifestarnos como persoas relixiosas en moitas circunstancias da nosa vida, fóra da igrexa e do que na igrexa celebramos, porque Deus está en todo. ¿Descubrímolo así na vida? ¿Poderíamos estar máis atentos dalgunha maneira a esta súa presenza na vida?

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.