19 novembro, 2020

Tempo Ordinario: 34ª semana

 


22 de novembro: Solemnidade de Xesús Cristo rei do universo. 

Evanxeo: Mt 25, 31-46.

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos: 

—Cando veña o Fillo do home na súa gloria e todos os anxos con el, sentará no seu trono glorioso. Diante del xuntaranse todas as nacións e separará us dos outros, como separa o pastor as ovellas das cabras. E poñerá as ovellas á súa dereita e as cabras á súa esquerda. Entón dirá o rei aos da súa dereita: 

—Vinde, benditos do meu Pai, recibide a herdanza do reino preparado para vós dende a creación do mundo. Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme; estiven espido e vestístesme; enfermo e visitástesme; estiven na cadea e viñéstesme ver. 

Entón preguntaranlle os xustos: 

—Señor, ¿canto te vimos famento e che demos de comer, ou sedento e che demos de beber? ¿Cando te vimos forasteiro e te acollemos, ou espido e te vestimos? ¿Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos? 

O rei contestaralles: 

—Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos, fixéstelo comigo. 

E diralles logo aos da súa esquerda: 

—Arredade de min, malditos; idea para o lume eterno preparado para o Satán e os seus anxos. Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede e non me destes de beber; fun forasteiro e non me acollestes; estiven espido e non me vestistes; enfermo e na cadea e non me visitastes. 

Eles replicaranlle: 

—Señor, ¿cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou espido, enfermo ou na cadea e non che acudimos? 

El responderalles: 

—Asegúrovos que canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a min. 

Daquela irán estes ao castigo eterno e os xustos á vida eterna.
 
Meditación 

Coma todas as parábolas de Xesús, esta tamén é ben suxestiva e provocadora. Cómpre achegarnos a ela con suma humildade, con ganas de conversión; os camiños que nela se nos abren son sorprendentes e lévannos ao corazón da experiencia relixiosa de Xesús, da que en principio nos sentimos amantes e seguidores. 

Preséntase no marco dun xuízo, o xuízo final. Non intenta Xesús meternos medo con iso do xuízo final. O evanxeo de Xesús nunca é para poñermos medo, por moito que na Igrexa, na voz de moitos cregos, na maneira de entender de moitos homes e mulleres crentes, se deixara entender que si que era para meter medo. Hoxe, grazas a Deus, isto do medo ao xuízo final xa non funciona, xa non motiva, xa non empuxa; e, repetimos, cremos que por graza de Deus. A parábola e a súa presentación na escena dramática dun xuízo, dun xuízo final, está orientada a axudarnos a caer na conta da transcendencia para as nosas vidas, para a vidas das comunidades cristiás, de toda a Igrexa, dos criterios últimos, máis determinantes, que Xesús nos ofrece para valorar a calidade, a autenticidade, da nosa vida, sobre todo se esta se quere dicir cristiá. Esa calidade, esa autenticidade, vén definida pola postura que na vida tomemos ante a xente famenta, sedenta, forasteira, espida, enferma, encadeada,..., é dicir ante a xente pobre, diminuída, marxinada... de todos os tempos. Xesús pónnolo ben fácil. É ben doado ver, saber, comprobar como nos tratamos coa xente máis débil da sociedade. É ben doado saber como é ou non é a nosa vida cristiá. A calidade que ten, a verdade que ten. Podemos pensar por uns momentos que caras e que nomes lle poñeríamos a esa xente concreta en relación coa cal se xoga a nosa verdade cristiá. 

Sorprende que ao falar do asunto, Xesús non se quede tampouco en ideas. El fálanos desde o compromiso da súa existencia. Coñecemos de sobra cal foi a postura de Xesús, de palabra e de obra, con toda clase de persoas con vidas rotas: pobres, enfermas, pecadoras, mulleres adúlteras, putas, ladróns, xente de mala vida, xente de vida moi digna só aparentemente. Pero neste evanxeo dá un paso máis. Chega a dicir que el se identificaba con esa clase de xente, que era motivo de desprezo por parte da xente relixiosa, piadosa do seu tempo. Asombroso! Xesús identifícase, cédellelo rostro e a dignidade humana, divina, a esas persoas que deambulan polas nosas rúas cos corpos ou coas almas rotas. Xesús rompe esquemas, descolócanos. E, claro, se está identificado con esa xente (o que lle fixestes ou deixastes de facer a un destes, fixéstesmo ou deixastes de mo facer a min), quen queira amar, servir, honrar a Deus, quen queira ser crente devoto, fiel, xa ten sinalado claramente o camiño. Quen queira ser devoto admirador de Cristo Rei, xa sabe onde atopalo, onde servilo, onde honralo. 

Introducirnos polo camiño proposto por Xesús é garantía dunha vida feliz, colmada en Deus. Abandonar ao débil na súa sorte só fai minguar a vida, o corazón, e a capacidade de gozo eterno en Deus. Non é cuestión de meternos medos. É ganas de axudarnos a achegarnos con pé firme ao corazón de Deus, ao núcleo da felicidade: a que entre todos podemos construír neste mundo e a que se expandirá na solidariedade total en Deus no máis alá, cando chegue a hora. 

A celebración eucarística permítenos palpar e ver, no misterio do Pan e do Viño santos, este mundo de solidariedades que son as que abren camiños, as que salvan. 

Oración 
Canta discusión 
para nada, Señor! 
Canta palabra, canto debate, canto discurso 
para nada, Señor! 

Cóllesme da man, 
entre farto e agarimoso, 
lévasme á casa do débil, 
do máis débil do pobo, 
e disme: 

“Aquí estou eu. 
Este sono eu.” 

Se queres amarme, 
sabes como. 
Se queres servirme, 
sabes como. 
Se queres seguirme, 
sabes como. 

Cóllesme da man, 
entre canso e esperanzado, 
fasme entrar contigo no fogar da marxinación 
e disme: 
“Esta é a casa de Deus. 
Este é Deus en persoa.” 
O camiño está franco e expedito, 
as portas sempre abertas. 
Ven e verás. 

Que doado bater con Deus 
da man do amor acollido e respondido! 
Que peado intentar facelo 
de costas a quen precisa do teu servizo! 

Todo, Xesús, meu Señor, todo 
vivido co rostro divino do débil: 
durmir, espertar, comer, festexar, 
rezar, traballar, asociarse, militar, 
vivir, finar, soñar, resucitar..., 

no nome bendito dos teus irmáns máis pequenos, 
das túas irmás máis pequenas. 

E puxéchesme, Xesús, a casa patas arriba, 
e puxéchesnos a Igrexa patas arriba, 
e puxeches as persoas crentes patas arriba, 
afortunadamente, Xesús. 

Perdón! 
Grazas! 

Acción 

Hoxe non podemos máis ca pensar e ver de que maneiras concretas entra como parte importante da nosa vida de fe cristiá iso de prestar atención e servizo á xente marxinal, ben con obras de caridade, ben coa implicación no traballo social, político, estrutural, que axude a cambiar a sorte desa xentiña. 


23 de novembro: luns da 34 semana do Tempo Ordinario 

Evanxeo: Lc 21, 1-4 

Nunha ocasión Xesús ergueu a vista e viu uns ricos que botaban os seus donativos na boeta do tesouro. E viu tamén unha viúva moi pobre, que botaba unha pouca cousa. Entón dixo: 

—Asegúrovos unha cousa: esta pobre viúva botou máis ca todos. Porque todos estes botaron do que lles sobra, pera ela na súa pobreza botou canto tiña para vivir. 

Meditación 

Este evanxeo, tan curto el tamén en palabras, quere ser en si mesmo como un símbolo da importancia, do valor de todo o curto, de todo o pequeno nas nosas vidas, cando o sabemos encher de corazón, de vida. En realidade a vida está toda ela composta de pequenísimas achegas que, sumadas unhas ás outras, fan posible moitas grandes cousas. A moeda insignificante da viúva desvalida e pobre podémola converter nunha palabra amable de ánimo, ou nunha breve conversa coa que envolvemos en tenrura a unha persoa algo desalentada, ou nunha visita a unha persoa enferma, ou no acompañamento a aquel par de velliñas que envellecen soas na aldea, ou no sinxelo servizo de voluntariado en tal institucións benéfica, ou en apoiar coa miña firma, coa miña presenza a unha asociación veciñal, a un partido político que considero que está do lado tamén da xente máis pequena etc. Estas cousas, na medida en que lles damos entrada nas nosas vidas e as enchemos de afecto gratuíto, son a máis grande revolución da vida, o que permite que a esperanza se multiplique ao noso redor cada día. 

Oración 
Grazas, meu Deus, 
por todas as cousas pequenas 
que a xente máis pequena é capaz de facer, 
buscando vida para a familia, 
para a comunidade, para o pobo. 
Grazas porque grazas a ti 
aprendemos a valorar o pequeno 
e a facer do pequeno 
a forza que move o mundo. 
Grazas polo gran pequeno 
que foi Xesús, 
que tanto nos abriu os ollos 
para descubrirmos no pequeno 
o camiño que leva 
á maior verdade, 
á maior paz, 
á maior revolución. 
Grazas, meu Deus! 

Acción 

Podémonos esforzar hoxe por estar atentas ás pequenas cousas coas que facer máis agradable a vida á xente que nos rodea. Fixámonos nas cousas que nos fan a nós e tamén nas que nós facemos ou podemos facer a outras persoas. 


24 de novembro: martes da 34 semana do Tempo Ordinario 

Evanxeo: Lc 21, 5-11 

Nunha ocasión comentaban algunhas persoas a fermosa cantería con que estaba construído o templo e os exvotos que o adornaban. Pero Xesús díxolles: 

—Todo isto que estades a contemplar, días virán nos que o derrubarán ata que non quede pedra sobre pedra. 

Eles preguntáronlle: 

—Mestre, ¿cando van pasar estas cousas? ¿Cal será o signo de que van suceder? 

El díxolles: 

—Andade con coidado, para que ninguén vos engane. Porque ha vir moita xente no meu nome, dicindo: “son eu” e tamén “está a chegar o momento”, pero non sigades a esas persoas. Cando oiades falar de guerras e desordes, non vos asustedes, porque iso ten certamente que acontecer primeiro, pero aínda non será a fin. 

Entón díxolles: 

—Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino; haberá grandes terremotos, pestes e fames en diversos lugares, cousas espantosas e grandes sinais no ceo. 

Meditación 

A historia, a vida, o bo sentido cristián foinos apartando desa especie de obsesión pola fin do mundo na que viviron moitas xeracións de persoas crentes e non crentes. Preocúpanos o mundo, o seu presente e a súa posible fin, porque entendemos que nós mesmos, e non a suposta ira de Deus, o podemos destruír cos nosos comportamentos egoístas, irresponsables. Polo demais, todos vemos cómo cousas, edificios, institucións, que noutros tempos tiveron moito brillo, están agora desaparecendo, empezando por moitos mosteiros, institutos relixiosos, obras de relixión. Estamos vendo tamén como, para moita xente polo menos, para moitos países, están pasando cousas espantosas, que lles afogan a vida. O que permanece e permanecerá, o que ten solidez indestrutible, máis aló de calquera desgraza ou acontecemento negativo, o que lle dará sentido e futuro a calquera situación, por moura e fatal que sexa, é o amor, a solidariedade, a decisión compartida de andarmos con afán unhas persoas velando polo ben das outras, polo ben de todo o mundo. Isto non pasará. Isto é Deus. 

Oración 
Que bo que nos aprendas, meu Deus, 
a temer, 
pero non a ti, 
que es todo solicitude servidora! 
Que bo que nos aprendas, meu Deus, 
a coidarnos, 
pero non de ti, 
que tes oficio de coidador universal! 
Que bo que nos aprendas, meu Deus, 
a velar por nós, 
a coidarnos a nós, 
para que nunca o afán de riqueza 
nos peche no egoísmo sen solidariedade, 
para que nunca a ansia de dominio 
nos leve a desfacer o mundo, 
esta casa común que nos deches! 
Que bo que esteas ao noso lado, meu Deus, 
educándonos para a vida grande e feliz! 
Aquí estou meu, Deus, 
quero aprender de ti. 

Acción 

Unha maneira de coidar a vida, de coidar o mundo, é saber como van as cousas do mundo. Podiamos hoxe dedicar algún tempo a saber do mundo, das situacións dolorosa dalgúns pobos, dalgunha xente emigrante ou refuxiada que ande preto de nós. Coñecer de cerca axudaranos a ser xente máis solidaria. 


25 de novembro: mércores da 34 semana do Tempo Ordinario 

Evanxeo: Lc 21, 12-19 

Nunha ocasión díxolle Xesús ás persoas que andaban canda el: 

—Botaranse sobre vós e perseguiranvos; levaranvos ás sinagogas e á cadea, ante reis e gobernadores por causa miña; así teredes a oportunidade de dar testemuño. Metede ben na cabeza que non tedes que preocuparvos pola vosa defensa, pois eu heivos dar unhas palabras e unha sabedoría que non poderán resistir nin replicar os vosos adversarios. Hanvos entregar os vosos mesmos pais, irmáns, parentes e amigos. Mataranvos a algúns de vós e aborreceravos todo o mundo por causa miña, pero nin un pelo da vosa cabeza se perderá. Coa vosa perseveranza salvaredes as vosas vidas. 

Meditación 

Non era doado soster a fe, a esperanza daqueles homes e mulleres cristiás que empezaban a ser perseguidas e matadas por seren seguidoras de Xesús. Por iso o evanxelista recolle e reforza as palabras de Xesús para dar ánimos. Nós, aquí en Galicia, non vivimos hoxe nesa situación extrema. Si que a viven moitos cristiáns en Oriente Medio, por exemplo, onde están sendo literalmente aniquilados. Acabo de ler un testemuño estarrecedor dun sacerdote sirio narrando a triste sorte de moitas persoas cristiás, de moitas comunidades cristiás que están sendo esquilmadas criminalmente. E os seus cregos con eles. E todo por seguir a Xesús, pola súa causa, por dar coa vida testemuño de Xesús! Quen nos vería a nós nunha situación así! ¿Que importancia ten para a vida cristiá que nós levamos dar testemuño de Xesús, coa palabra, cos feitos? ¿Qué estamos dispostos a loitar, a sufrir, pola causa de Xesús, que en teoría dicimos que é tamén a nosa causa? Que frouxos e vendidos estamos sendo! 

Oración 
Perdón, meu Deus, 
por ter renunciado tantas veces a dar testemuño de ti. 
Perdón por velar coidadosamente 
de non pasar por ningún conflito 
pola mor túa, 
pola mor do teu nome, da túa causa. 
Perdón polos nosos medos, 
pola nosa covardía, 
por carecer de palabra e sabedoría 
coa que facer valer ante o mundo 
a nosa condición de seguidores/as túas. 
Perdón por non nos fiar de ti, 
e das túas seguridades. 
Perdón pola nosa cativa perseveranza, 
que non garante nada bo 
nin para a gloria do teu nome 
nin para a consistencia das nosas vidas. 
Que o teu perdón nos refaga, meu Deus, 
que o teu perdón nos renove! 

Acción 

É moi posible que nalgunha ocasión, ante algunhas persoas, teñamos agachado a nosa condición de persoas que sentimos agarimo e admiración por Xesús e polo seu estilo de vida. Facémonos conscientes diso e miramos de non ser tan covardes cando se nos volva dar o caso. 


26 de novembro: xoves da 34 semana do Tempo Ordinario 

Evanxeo: Lc 21, 20-28

Unha vez díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban: 

—Cando vexades a Xerusalén asediada polos exércitos, sabede que está a chegar a súa destrución. Entón as persoas que estean en Xudea, que fuxan para os montes; as que estean en Xerusalén, que se afasten, e as que estean no campo, que non entren nela; porque estes son días de escarmento, nos que se cumprirá canto está escrito. Ai das que estean embarazadas ou criando naqueles días! Porque haberá unha grande calamidade no país e un terrible xuízo para este pobo. Caerán baixo a espada, levaranos presos a todos os países do mundo e os pagáns esmagarán cos pés a Xerusalén, ata que aos pagáns lles chegue o seu momento. 

Haberá sinais no sol, na lúa e nas estrelas, e na terra as nacións tremerán coa angustia ante o bruar do mar e das ondas; a xente morrerá chea de medo e de desacougo polo que vén enriba do mundo, pois mesmo os astros abalarán. Entón verán o Fillo do Home vir sobre unha nube con grande poder e gloria. Cando empece a suceder todo isto, poñédevos de pé e erguede ben a cabeza, porque chega o día da vosa liberación. 

Meditación 

As comunidades cristiás, que coñeceron a destrución de Xerusalén por parte do exército do imperio romano, fixeron deste feito unha lectura tremenda: foi o castigo, o escarmento que Deus lles deu por non ter acollido a Xesús. E parece que invitan a que sigamos facendo esa lectura tremenda das desgrazas e desventuras que nos poden pasar no mundo. Pero Deus non é un Deus de castigos e escarmentos. Deus é sempre un Deus de perdón, de acompañamento, de alentos para axudarnos a encarar os males que nos poden chegar; Deus é un Deus preventivo tamén, un Deus que, coma calquera nai ou pai bo, e moito máis aínda, nos advirte de que hai camiños de abuso, de egoísmo, de soberbia, de andar ao vaiche boa, de abandono moral, que nunca levan a nada bo. Pero máis aló de todo iso, el sempre estará acollendo, ofrecendo o que sabe ofrecer: vida, liberación. 

Oración 
Non sei, meu Deus, non sei, 
pero eu imaxinaríate triste por como vai o mundo. 
Andamos rotos, 
pobos do norte e pobos do sur 
uns a cabalo dos outros, 
e entremedias 
regueiros de bágoas e de sangue. 
Non é para aledarse, verdade? 
Un pano de tristura nos envolve, 
por moito que multipliquemos xantares e romarías. 
Un aquel de desesperanza nos nubra o corazón, 
a pesar de tanta palabra pomposa. 
Que mal o estamos facendo, meu Deus, 
que mal o estamos facendo! 
E ti, incansable no teu: 
poñédevos de pé, 
erguede ben a cabeza, 
chega o día da gran liberación! 

Acción 

¿Cómo entendemos normalmente as desgrazas que nos poden pasar a nós ou a calquera persoa ou pobo? ¿Cómo as poderiamos entender á luz de Xesús, do Deus de Xesús? 


27 de novembro: venres da 34 semana do Tempo Ordinario 

Evanxeo: Lc 21, 29-33 

Unha vez propúxolles Xesús esta parábola aos seus discípulos: 

—Reparade na figueira e nas demais árbores; cando as vedes agromar, sabedes por vós mesmos que está vindo o verán. Pois vós igual; cando vexades que pasan estas cousas, caede na conta de que xa está preto o reino de Deus. Asegúrovos que non pasará esta xeración sen que antes aconteza todo isto. O ceo e máis a terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán. 

Meditación 

Pídenos Xesús que nós mesmos esteamos atentos para valorar o que vai pasando nas nosas vidas, nos nosos días. Soamente así poderemos dicir con criterio: mirade por onde asoma o reino de Deus. É dicir: mirade as cousas que o ocultan e as que o fan presente no medio da barafunda que sempre é o mundo no que nos movemos. O reino de Deus, aquilo que a Deus lle reina, sempre anda envolto en sinxeleza, non busca altofalantes, móvese áxil entre o respecto ao vulnerable, é gratuíto, gózase no comunitario, é fondamente alegre. Certamente entre nós está acontecendo xa o reino de Deus. 

Oración 
As miñas palabras non pasarán. 
Prométovolo. 
O mundo está enchoupado das bendicións de Deus, 
por riba, por baixo, polo medio do rebumbio 
que ameaza revolvelo todo, 
engulilo todo. 
Abride os oídos, a mente, o corazón; 
estade atentos/as, reparade. 
Esa é a vosa tarefa: 
detectar, vivir e compartir 
canto no seu seo leva gravado a Espírito 
os trazos invisibles de Deus.

Acción 

Hoxe, ao longo do día, podemos estar atentos ao que imos vendo e vivindo, para poder descubrir detalles da vida nos que o reino de Deus se está amosando xa no medio de nós. Se o podemos compartir con alguén, mellor. 


28 de novembro: sábado da 34 semana do Tempo Ordinario 

Evanxeo: Lc 21, 34-36 

Unha vez díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el: 

—Andade con coidado, non sexa que se vos atorde o corazón coa bebida, os vicios e as preocupacións da vida, e de súpeto caia sobre vós aquel día; porque caerá como un lazo sobre todos os habitantes da terra. Vós vixiade sempre e pregade para que poidades escapar de todo o que está por vir e mantervos en pé diante do Fillo do Home. 

Meditación 

Este texto, coma outros que estivemos lendo estes días pasados, é para contemplar á sombra dese convencemento fondo que sempre nos debe acompañar: Deus non é para meter medo, o evanxeo de Xesús non é nunca unha escola de xente medrosa. Ao contrario, Deus, o evanxeo de Xesús son sempre para axudarnos a quitar de enriba de nós os medos que paralizan; son para espelirnos cara á vida, cara á audacia, cara á esperanza. Si, é certo, unha vida atoleirada sexa coa bebida, co xogo, con calquera comportamento dependente non nos trae nada bo; unha preocupación obsesiva polas cousas da vida tamén nos pode bloquear a existencia, e nos pode levar a non gozar do que cada día a vida mesma nos vai dando. Claro que podemos errar na vida; claro que é bo que esteamos alerta para non rebaixar o potencial de vida que levamos dentro de nós por graza de Deus; claro que é bo coidarnos a nós e coidar este mundo. Pero nunca desde o medo, sempre desde a seguridade de que Deus anda sempre ao noso lado como compañeiro que nos coñece ben e que nunca nos vai fallar. 

Oración 
Creo en ti, meu Deus, 
confío en ti, 
espero en ti. 
Síntote ao meu lado 
en todos os momentos da miña existencia, 
nas duras e nas maduras. 
Grazas por nunca me fallares, 
grazas pola túa compaña fiel, 
grazas polas túas correccións e aloumiños, 
grazas polo inmenso agarimo que me tés, 
que nunca, nunca, 
poderei sopesar abondo. 
Amo a vida, 
pero, por iso mesmo, tárdame verte cara a cara. 
Amo e gozo este precioso mundo que nos deches, 
esta terra galega que tanto me namora, 
pero, por iso mesmo, 
tárdame achegarme a fonte de tanto ben 
e beber nela 
ata a fartura total. 
Grazas! 

Acción 

¿Hai algunha cousa que nos estea obsesionando, que nos estea envolvendo en medos e desesperanzas? Podemos identificala, para poder vivila á luz de Xesús. 


1 comentario:

  1. ¡Por fin estamos a piques de comezar un novo curso na Escola de Espiritualidade!. E cánta ilusión nos fai traballar para poñelo en marcha aínda que sexa con tanto retraso. Será un curso diferente xa que temos que adaptarnos ás penosas circunstancias que estamos vivindo. Pero o importante é que a escola vai continuar funcionando.
    Debido ás actuais circunstancias, o curso será virtual o que supón que non haberá bicos, apertas, sorrisos, nin pequenos encontros interesándonos unhas persoas polas outras, nin sequera o café de media mañá… E tampouco poderemos rezar e celebrar a nosa fe xuntos, nin dialogar directamente con Andrés para presentarlle as nosas preguntas, dúbidas, etc. Unha pena.
    Pero tamén haberá cousas moi boas neste novo formato. O primeiro, é que a reflexión deste curso terá como base a nova encíclica do Papa Francisco, Fratelli tutti, sobre a fraternidade e a amizade social, tema de enorme actualidade para construír un mundo máis xusto e fraterno. Outra cousa boa é que como nos comunicaremos a través de comentarios neste blog, todo o mundo pode participar tranquilamente desde casa expoñendo a súa reflexión, dúbidas, cuestións, e facelo no momento máis oportuno e coa extensión que desexe. E calquera pode contestar a cada comentario e opinar. Estaría moi ben que nos animásemos a participar xa que os diálogos poden ser moi enriquecedores e seguro que sacaremos proveito, tanto para o modo de vivir a fe, como para a nosa vida de cada día.
    Así que ¡Moito ánimo!...e a participar

    ResponderEliminar

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.