23 decembro, 2020

Tempo de Nadal: 1ª semana



N A D A L 


Xa o 24 de decembro empeza o tempo do Nadal, que durará ata o domingo do Bautismo do Señor, este ano o 7 de xaneiro. 

O Nadal é un tempo frío e chuvioso normalmente nas nosas latitudes, pero ao mesmo tempo cálido, que envolvemos en sinais de tenrura, de ledicia e de festa: luces, ceas e xantares, compras, regalos, relacións coa familia e con xente amiga. Un tempo no que, no medio de todo isto, hai bastante superficialidade, bastante insatisfacción, bastante baleiro, porque frecuentemente nos quedamos a medio camiño, non imos ao fondo das cousas, das vidas. 

O cristianismo achegouse á festa pagá do Sol --que está na base da nosa festa do Nadal-- ofrecendo unha fe, un convencemento fondo: os homes e mulleres que imos poboando o mundo non estamos sos, non estamos tampouco ao libre dispor dunhas forzas escuras, nin dun fatídico destino. Todos, todas nós somos persoas acompañadas. Somos persoas habitadas por un misterio de luz e de amor, que nos dá orixe e que camiña ao noso lado, dentro de cada un, de cada unha de nós, invitándonos a entrar nunha dinámica de unidade solidaria, onde todos, todas, atoparemos a nosa máis limpa identidade, a nosa paz. Un misterio de luz e de amor que podemos percibir, nomear coa palabra que máis nos praza, e que sempre se nos ofrece para unha relación misteriosa e fecunda. Todo isto, iso si, vivido nas ás da inseguridade, da fe, desde o respecto máis profundo polo que somos os seres humanos, sen xogar para nada coas nosas nudeces, cos nosos medos, coas nosas aspiracións. 

Deus é amor. Deus é presenza. Deus éncheo todo. Deus é carne, é materia, é historia. Deus é ser humano e natureza. Deus ofrécesenos en todo. Deus é amigo. Deus anuncia solidariedades fondas. En Deus vivimos e existimos. 

O Nadal vainos permitir entrar neste mundo. Faino con relatos, con escenas moi sinxelas, moi familiares, recubertas, se cadra, por unha nube de fantasía que non intenta sobar o misterio, senón poñernos humildemente ás súas portas, para que o percibamos con inocencia. Algo delicado, que podemos estragar co noso afán de querer razoar e dominar todos os bordes dese misterio de Deus, que, ao tempo, é o misterio dos seres humanos. 

25 de decembro: Nacemento do Señor. 

Misa da noite: 

1ª lectura: Is 9, 1-6. Salmo 95. 1-2a. 2b-3. 11-12. 13 
2ª lectura: Tit 2, 11-14 

Evanxeo: Lc 2,1-14. 

Naqueles días, saíu un decreto do emperador Augusto ordenando facer un censo do mundo enteiro. Este primeiro censo fíxose no tempo en que Quirino era gobernador de Siria. E todos se ían empadroar, cada quén á súa cidade. Tamén subiu Xosé desde Galilea, da cidade de Nazaret, ata Xudea, á cidade de David chamada Belén, por ser el da casa e da familia de David, para se empadroar con María, a súa prometida, que estaba embarazada. 

Estando alí, chegoulle a María o tempo do parto e deu a luz o seu fillo primoxénito, envolveuno nuns capizos e deitouno nunha manxadoira, porque dentro da pousada non había lugar para eles. 

Había naquela comarca uns pastores que pasaban a noite ao descuberto vixiando o seu rabaño. Presentóuselles un anxo do Señor e a gloria do Señor rodeounos co seu resplandor e colleunos un gran temor. Pero o anxo díxolles: 

—Non teñades medo, que vos veño trae a boa nova dunha grande alegría para todo o pobo: hoxe, na cidade de David, naceuvos un Salvador, o Mesías, o Señor. E este será o sinal para vós: Atoparedes un neno, envolto en capizos e deitado nunha manxadoira. 

E, de súpeto, arredor do anxo apareceu unha multitude do exército celestial, que loaba a Deus dicindo: 

—Gloria a Deus no ceo e na terra paz á xente que goza do seu amor. 

Misa do día: 

1ª lectura: Is 52, 7-10. Salmo: 97: 1. 2-3ab. 3cd-4. 5-6 
2ª lectura: Heb 1, 1-6. 

Evanxeo: Xn 1, 1-18 (Breve: 1, 1-5. 9-1) 

No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus e a Palabra era Deus. Ela estaba no principio onda Deus. Todo foi feito por ela, e sen ela non se fixo nada do que foi feito. Nela estaba a vida, e a vida era a luz da xente; a luz aluma na tebra, e a tebra non a deu apagado. A Palabra era a verdadeira luz que aluma a todo ser humano que vén a este mundo. 

Ela estaba no mundo e o mundo foi feito por ela, pero o mundo non a recoñeceu. Veu á súa propiedade e os seus non a acolleron. Pero a cantos a recibiron –aos que cren no seu nome— deulles o poder de seren fillos de Deus. Estes non naceron do sangue, nin da vontade da carne, nin da vontade do ser humano, senón de Deus. 

E a Palabra fíxose carne, e plantou entre nós a súa tenda, e nós vimos a súa gloria, gloria coma de Unixénito que vén do Pai, cheo de graza e de verdade. 

Meditación 

Podemos celebrar o Nadal ben na Misa da noite do 24, no amencer do 25, ou na Misa do día do 25. Para cada un destes momentos a liturxia ofrécenos lecturas distintas, que contribúen a achegarnos desde diferentes vivencias e perspectivas a un acontecemento tan fundamental para a vida cristiá: a presenza total de Deus na nosa historia, concentrada fundamentalmente no corpo fráxil dun neno nacido de pouco. 

O relato de Lucas ten un aire completamente humanizado, vivo e cordial. Unha parella en viaxe obedecendo ordes políticas do poder establecido; unha muller a punto de parir obedecendo leis normais da natureza, nas que o autor intúe fonduras de amor dado e respondido, que van máis aló das simples aparencias; un parto apresurado, atendido como mellor se podía nunhas circunstancias pobres, limitadas, marxinais; uns pastores que van e veñen obedecendo sentimentos espontáneos de solidariedade, nos que se fai visible a solidariedade fondísima de Deus con toda a humanidade sufrinte; anxos por aquí e por alí (onde aparece un anxo sempre se está a falar de algo maior que nos transcende ou pola súa grandiosidade, ou –como é neste caso— pola súa desconcertante simplicidade), que nos incitan a arrecantar os medos e a abrir os corazóns á ledicia máis fonda e plena; presenza de Deus desbordante nun marco vivo e real de pobreza e de solidariedade, que non é doado entender, acoller, agradecer, celebrar, e que por iso demanda corazóns silenciosos, acolledores coma o de María. 

Faríamos mal en entrar a preguntarnos se tal ou cal cousa pasou ou non pasou así. Lucas non pretende narrar historia, senón transmitir certeza, convicción, fe, vivencia: Deus presente de forma absoluta e total na persoa e na vida de Xesús de Nazaré; o mundo da pobreza e da marxinación, onde xorde e medra a solidariedade coidadora, como espazo preferido por Deus para a súa manifestación en carne humana. 

O evanxelista Xoán dinos o mesmo, pero neste caso na forma dunha viva e sentida meditación teolóxica, na que quedamos todos e todas incluídas. Deus non é absentista; o seu ser realízase na presenza, na comunicación; estamos vivos/as, vivimos en Deus; a carne, a existencia humana, a historia, a debilidade do presente todo iso é lugar propio de Deus; todo iso está embarazado de Deus. Xesús, coma fillo de Deus, viviu a fondo todo isto, desvelounos a nosa identidade máis fonda e real, a nosa condición de fillos/as, de criaturas onde Deus nun máximo de humildade se materializa e nos descobre o máis limpo e fermoso da nosa condición humana. Xoán invítanos a entrar neste mundo de luz e de dignificación humana. 

Podemos caer na tentación de ler e meditar o texto de Xn 1,1-18 converténdoo nunha fantasía espiritual, tanto menos divina canto máis a apartemos da realidade humana que nos rodea. Lucas, coa súa narración humanizada e contextualizada, pódenos axudar a vivir o misterio do Nadal –Deus feito carne, feito mundo--, empuxándonos e poñerlle rostro presente ás conviccións relixiosas, e animándonos e escoller os espazos de solidariedade real coma os únicos onde se realiza a presenza de Deus, que todo el é apego, amor, solidariedade. 

Preces 

QUE A LUZ DE DEUS ALUME AS NOSAS VIDAS 

Que nos deixemos visitar e acompañar por Deus en todas as horas e circunstancias da nosa vida. Oremos xuntos/as. 

Que sexamos sempre xente positiva, e acollamos a luz, a alegría, a forza que nos pode vir das persoas que nos rodean a diario. Oremos xuntos/as. 

Que, sendo crentes e precisamente por selo, saibamos estar moi a carón das persoas que vexamos débiles, necesitadas, marxinadas e nos poñamos ao seu servizo en todo o que poidamos. Oremos xuntos/as. 

Que nos animemos a participar en asociacións de todo tipo, en sindicatos e partidos políticos, e que o fagamos honestamente, buscando non as nosas comenencias, senón que a vida lles vaia mellor a quen nestas horas de crise o están pasando tan mal. Oremos xuntos/as. 

Que os nosos gobernos acerten a defender o pan dos pobres, o traballo dos parados, a dignidade das mulleres, a esperanza dos inmigrantes, as expectativas da xente nova, os dereitos de todos os cidadáns e cidadás. Oremos xuntos/as. 

Oración 
Feliz aniversario, Xesús, 
feliz aniversario! 

Lembras? 
Aquel nacemento teu tan chocante, 
tan pobre, tan humilde, 
como era normal en quen era fillo 
un pai e dunha nai pobres e humildes, 
dun pobo pobre e humilde, 
afeito a abusos e exclusións! 

Aquel nacemento teu 
por fonda e sinxelamente humano tan divino, 
e por divino tan fonda e sinxelamente humano! 

E logo os días, os meses, os anos, 
os coidados da nai, do pai e da familia, 
as influenzas do teu pobo, da túa cultura, 
o Espírito humildemente actuando 
lentamente, coma quen non quere a cousa, 
ata ese estoupido de graza e de verdade 
no que te convertiches 
para gloria e bendición de todos e todas nós. 

Feliz aniversario, Xesús! 
Felices nós no teu aniversario, 
sabendo que as cousas son así para todo o mundo, 
que Deus é así de familiar e de entregado para todo o mundo, 
que misteriosamente 
xongue a súa sorte coa nosa, 
a súa vida, coa nosa, 
o seu Espírito, co noso, 
a súa carne, coa nosa. 

Feliz aniversario, Xesús! 
Felices nós por ti, 
que desde aquela bendita hora 
quedamos asolagados nun mar de amor, 
de solidariedade real e eficiente, 
que lle dá norte e forza aos nosos amores cotiáns, 
aos nosos compromisos e desvaríos! 

Estaremos á altura de tanta bendición? 
Saberemos acollela, agradecela, vivila felizmente? 
Saberemos ir vertendo nos pequenos moldes do cotián 
tal enxurrada de luz e de solidariedade? 

Feliz aniversario, Xesús! 
Sabemos que a túa presenza 
se perpetúa entre nós 
no rostro de cada criatura habitada por Deus, 
nos rostro sen rostro de calquera pobre sufrinte. 

Por iso, máis aínda, 
un bico, unha aperta, 
agarimosa e agradecida, 
comprometida. 

Feliz aniversario, Xesús! 
Acción 

É un fermoso costume visitar nestes días algúns dos moitos Beléns que hai polos nosos pobos. Pero tamén sería ben completar ese costume co de ir visitar algunhas persoas que estean sufrindo máis as carencias, o peso da vida, e dispoñernos a facer algo por remedialo. 


26 de decembro: festa de santo Estevo, o primeiro mártir 

1ª lectura: Heb 6, 8-10. 
Salmo: 30, 3cd-4. 6 e 8ab. 16bc-17. 

Evanxeo: Mt 10, 17-22 

Naquela hora díxolles Xesús aos seus discípulos: 

—Tende coidado coa xente, porque vos han entregar aos tribunais e golpearanvos nas sinagogas, e pola miña causa hanvos levar ante gobernadores e reis; así daredes testemuño de min diante deles e da xente pagá. 

E cando vos entreguen, non andedes angustiados polo que ides dicir e por como dicilo, porque naquela hora Deus vos suxerirá o que tedes que dicir. Non sodes vós os que falaredes, senón que será o Espírito de meu Pai quen falará por vós. Haberá irmáns que entreguen a seus irmáns á morte, pais a fillos, fillos que denuncien a seus pais ata facelos matar. Pola miña causa hanvos odiar, pero o que persevere ata o final, ese salvarase. 

Meditación 

Chama ben a atención que, despois da paz, do gozo, da tenrura do Nadal, deseguida nos poñamos a celebrar a memoria de santo Estevo, considerado o primeiro mártir, a primeira persoa que foi matada por manterse fiel ao seu seguimento de Xesús, o neno aquel que nacera en Belén. A paz que se anunciara no seu nacemento non quita do medio as dificultades da vida, que nalgúns casos chegan á mesma morte. Non as quita do medio, pero a paz do Nadal dános sentido e forza para afrontalas dun xeito positivo, con serenidade. Sabernos en Deus e a Deus en nós --iso celebramos no Nadal-- permítenos encaralo todo desde a humilde valentía que o mesmo Xesús tantas veces amosou. 

Oración 
Nas horas de dor, 
a túa paz, Señor. 
Nas horas de conflito, 
saberte ben ao meu ladiño. 
Nas horas dos desprezos, 
o teu maternal aprecio. 
Nas horas de abatemento, 
o gozo do teu seguimento. 
Acción 

Evitas en ocasións dicirte persoa cristiá por medo a desprezos ou ridiculizacións? Fagamos a proposta de non calar os nosos convencementos cristiáns, con humildade, sen chulerías, cando sexa do caso. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.