PREGARIA 2
(Capítulo 1 da encíclica)
Manuel Regal Ledo
Non torzas a vista, a cara
—dicho Deus, dicho o sentido común das cousas—.
Se queres soñar o soño da irmandade,
aprende a ollar de fronte
todo aquilo que dela te arreda.
Mira o que pasa ao teu redor
con ollada limpa, intelixente, penetrante.
Le, infórmate, comparte, estuda no que poidas.
Non te deixes levar por ditos e rumores,
colle datos, analiza, reflexiona,
escoita, opina, axuda a crear opinión.
Mira tamén o que pasa no teu interior.
Todo o que acontece ao redor de nós
vai deixando pouso positivo ou negativo
no teu corpo, na túa mente,
nos teus sentimentos e emocións,
no teu consciente, no teu inconsciente.
Escóitate a ti mesma/o,
que o propio ser se fai eco do auténtico e do banal,
do que constrúe e do que destrúe a irmandade.
Que non te asombren as sombras do mundo,
e tampouco as do teu propio corazón.
Que non te encollan, que non te afoguen.
Que che abran os ollos para mellor ver.
Que che quenten o corazón para mellor sentir.
Que che espilan as mans para mellor actuar.
Que se convertan no teu interior
nun clamor de irmandade real,
anheloso, suplicante, buscador, loitador.
E ponte a actuar.
Pasiño a pasiño.
Dálle saída a calquera cousa miúda
que vaias vendo que fai irmandade da boa.
Contempla e admira
o que outras persoas están facendo,
que é moito.
Goza con cada novo rostro irmán
que se vai integrando na túa vida,
na vida do teu grupo ou comunidade.
Déixate contaxiar,
que medre sen fin a pandemia da irmandade
ata o trunfo final
no fogar da Nai /Pai , na fonte limpa da maior amizade.
c.1
ResponderEliminarEntre as sombras do mundo actual o Papa nomea sete realidades. Vexo que as cousas son así, aínda que se poderían engadir máis. Igual fose ben que sistematizase tamén as cousas positivas do mundo moderno.
Subliño dúas cousas:
1ª.- A carta vai dirixida a crentes e non crentes, é certo; pero non fai case ningunha referencia á participación da mesma Igrexa institución e individuos, por acción ou por omisión, no reforzamento desas escuridades. Só no n. 39 di: “É inaceptable que os cristiáns compartan esta mentalidade (xenófoba) e estas actitudes, facendo prevalecer ás veces certas preferencias políticas por riba de fondas conviccións da propia fe”. E no n. 46 tamén di: “Cómpre recoñecer que os fanatismos que levan a destruír a outros son protagonizados tamén por persoas relixiosas, sen excluír os cristiáns…” Ben podería poñer un apartado, p.e. ao final do capítulo, para sinalar como tamén desde a mesma Igrexa entramos moitas veces neste mundo de sombras.
2ª.- Gustáronme, como galego que son, as referencias que fai á importancia de recoñecer e coidar as propias raíces como pobo. Faino no n. 12, cando falando da globalización absorbente, di: “O avance deste globalismo favorece normalmente a identidade dos máis fortes que se protexen a si mesmos, pero procura licuar as identidades das rexións máis débiles e pobres, facéndoas máis vulnerables e dependentes.”
E logo todo o apartado titulado “Sometementos e autodesprezos” (nn. 51-53), abonda nesta cuestións. Recollo algunha frase solta: “…advírtese a incapacidade de aceptar características e procesos propios caendo nun menosprezo da propia identidade cultural como se fose a única causa dos males”(n. 51). “Esnaquizar a autoestima de alguén é unha maneira doada de o dominar” (n. 52). “Por outra banda, ignorar a cultura dun pobo fai que moitos líderes políticos non logren implementar un proxecto eficiente que poida ser libremente asumido e sostido no tempo” (n.52). “Non existe peor alienación que experimentar que non se teñen raíces, que non se pertence a ninguén. Unha terra será fecunda (…) só na medida que xere relacións de pertenza entre os seus membros, que cre lazos de integración entre as xeracións e as distintas comunidadews que a conforman (…)”.