Dia 27 de decembro: Domingo dentro da Oitava do Nadal. Sagrada Familia
1ª lectura: Eclo 3, 3-7. 14-17a. Salmo: 127, 1-2. 3. 4-5
2ª lectura: Col 3, 12-21
Evanxeo: Lc 2, 22-40
Cando chegou o tempo de se purificaren conforme a Lei de Moisés, os pais de Xesús levárono a Xerusalén, para llo presentaren ao Señor –pois así está escrito na Lei do Señor: “Todo varón primoxénito ha ser consagrado ao Señor”--, e tamén para ofreceren o sacrificio, conforme se di na Lei do Señor: “Un par de rulas ou dous pombiños.”
Vivía entón en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a consolación de Israel, e o Espírito Santo estaba con el. E recibira do Espírito Santo unha revelación de que el non había morrer sen antes ver o Unxido do Señor. Movido polo Espírito foi ao templo e, cando entraban os pais co neno Xesús para cumpriren con el o mandado pola Lei, Simeón colleuno nos brazos e loou a Deus, dicindo:
—Agora, Señor, segundo a túa promesa, podes despedir en paz o teu servo, porque xa os meus ollos viron a túa salvación, a que ti preparaches á vista de todos os pobos, luz de revelación para os xentís e gloria do teu pobo Israel.
O pai e máis a nai do neno quedaron pasmados polo que del oían dicir. Simeón bendiciunos e díxolle a María, a nai do neno:
—Mira, este neno está aquí para caída e rehabilitación de moitos en Israel e para ser un sinal discutido –a ti mesma unha espada hache atravesar a alma--; así ficarán descubertas as cavilacións de moitos corazóns.
Había tamén unha profetisa chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer. Era unha muller moi vella, que vivira, desde que casara, sete anos co seu marido, e logo, como viúva, ata os oitenta e catro. Non se apartaba do templo, servindo a Deus noite e día con xaxún e oracións. Ela compareceu naquel intre e glorificaba a Deus e falaba do neno a todos os que esperaban a redención de Xerusalén.
Cando cumpriron todo conforme a Lei do Señor, volveron para Galilea, para a súa cidade de Nazaret. O neno, rebordando sabedoría, medraba e facíase forte, e a graza de Deus estaba con el.
Meditación
A familia, a familia de Xesús de Nazaret, a nosa familia, as nosas familias, as familias todas do mundo. Son consecuencias ben sinxelas e ben preciosas do feito de que Deus se fixese ser humano entre nós. As miudezas das nosas casas, da nosa convivencia adquiren categoría divina, son espazos nos que podemos atopar a Deus entre nós; e iso tanto cando as cousas na familia van moi ben, coma cando poidan ir só regular, ou incluso mal, moi mal. Deus está aí, disposto sempre a acompañarnos, a botar unha man, a envolvernos en alentos e esperanzas.
Oímos por todas partes que a familia anda mal, aínda que nestes tempos de crise as familias foron, están sendo o gran soporte, a gran defensa de moitas vidas en cousas tan elementais coma o pan de cada día, a cobertura necesaria, a roupa, a compaña, os alentos para non desesperar. Será que a familia non anda tan, tan mal.
Desde logo non son as familias dos nosos avós e avoas; na casa había avós, pais, nais, nenos e nenas en abundancia. Coidábase dos nenos/as canto se podía, que ás veces non era moito; coidábase dos maiores, que non precisaban ir a unha residencia ou asilo, porque a familia se ocupaba deles. Educábase os fillos na rectitude, na honradez, no respecto. Moitas veces transmitíase tamén a fe con claridade. Cousas moi fermosas, pero non todo era gloria. Había tensións, amarguras, desunións, abusos, desprezos, e ás veces mesmo malos tratos e golpes.
Temos hoxe familias moi diferentes: menos xente, poucos fillos, avós sos ou que acaban na residencia, pais sen fillos, fillos/as cos pais separados, mozos que se xuntan sen casaren, parellas divorciadas, xente divorciada que volve casar, parellas homosexuais, … A educación é como é; a fe cristiá transmítese pouco. Para moita xente isto é unha desfeita. Pero é a nosa realidade, con moitas carencias, con moitos baleiros, seguro, pero tamén cos seus méritos, coas súas oportunidades, cos seus grandes respiros para moita xente. E desde logo Deus está aí, Deus non se arreda das nosas familias por complexas que estean sendo, ao contrario. Nunha etapa de busca, de readaptación familiar, Deus quere acompañarnos. As comunidades cristiás non podemos estar ausentes desta busca, non o estamos. Sen chulerías, podemos achegar o noso gran de area nesta construción común.
As familias cristiás podemos vivir todo isto desde o estilo de Xesús, iso é o que se espera de nós. O estilo de Xesús sabe moito de acompañamento, de entrar no mundo da outra persoa, da outra familia, para entendelo e amalo; sabe moito de acollida, de respecto profundo; sabe moito de erros e de perdóns, de restauracións; sabe moito tamén de solucións abertas, audaces, non raquíticas; o estilo de Xesús sabe moito de desenvolver posibilidades, de non contentarse con solucións curtas, de soñar, de lanzar as persoas cara a metas amplas, xenerosas, auténticas, ricas en amor e en servizo. E nisto os exemplos de vida valen máis ca mil palabras, e infinitamente máis ca un millón de críticas e murmuracións.
O estilo de Xesús sabe moito de respecto pola xente máis débil, polas situacións de maior fraxilidade. Por iso estamos invitados/as a ollar para os cativos/as e polos maiores das nosas casas. O Papa Francisco invítanos con frecuencia a que teñamos moi en conta os nenos/as e os anciáns/ás. O evanxeo de hoxe preséntanos a Xesús de neno, participando na vida e na fe do seu pobo, coidado con agarimo, medrando no corpo e no espírito, sabéndose amado por Deus. Quen nos dese que así pasase con todos os nosos nenos e nenas! Pois é tarefa nosa, para a que Deus nos convoca neste día. O evanxeo preséntanos tamén os velliños Simeón e Ana, persoas xustas, piadosas, amigas do espírito co que tiñan tratos e promesas, soñando coa liberación do pobo, descubrindo e celebrando nas sombras os pasos miúdos desta liberación popular, aventurando os traballos e cruces imprescindibles para que as cousas de Deus e as da xente vaian arriba en común; xentiña maior que fala do vivido, do soñado, do descuberto, do paso de Deus pola súa vida; xentiña maior que segue sementando e celebrando esperanzas. Quen nos dese poder envellecer así nas nosas familias, nas nosas comunidades cristiás!
A celebración eucarística é unha celebración da familia cristiá, na que Xesús quere ser mantenza e compaña diaria, forza para vivir cada día ao seu estilo en todo, tamén por suposto na familia.
Preces
GRACIAS, DEUS, POLA TÚA COMPAÑA FIEL
Que nos sintamos acompañados sempre por ti, sabéndote coma o Pai ou a Nai da casa, da familia, da comunidade, e gozando coa túa presenza alentadora. Oremos.
Que coma ti saibamos acoller e acompañar as diferentes formas de familia que se están dando na nosa sociedade, dando o noso apoio a todo o que sexa auténtico, sincero, amoroso. Oremos.
Que saibamos aceptar a presenza de parellas homosexuais e integralas coa súa realidade concreta dentro das nosas relacións, das nosas comunidades, da nosa sociedade. Oremos.
Que loitemos coma ti por facer de cada aldea, pobo e cidade unha gran familia, onde todo o mundo teña teito, pan, traballo, acollida, atención en todo. Oremos.
Que saibamos mirar pola familia concreta de cada un, de cada unha de nós coma un espazo no que Deus se nos fai presente e nos incita cada día ao amor, ao servizo e ao agradecemento. Oremos.
Oración
Oio no meu corazón, Deus,a túa voz de Nai solícitaque me encomenda:mira polos meus fillos e fillas,os Santos Inocentes de onte e de hoxe,non pases de largo ao seu lado,detente, escóitaos, míraos, aténdeos, sírveos.Os nenos e nenas da guerra,que aprenden a matar coma un xogodesfacéndose nas mans de quen busca o poder con toda violencia.As nenas e nenos do sexo infantil,corpos e almas abertas á frescura da vida,saboreadas indecentemente por adultos pervertidos.As nenas e nenos que escasamente comenen fogares escasamente asistidospor pais e nais que escasamente teñen teito, traballo e pan.Os velliños e velliñas que, nun exceso de amor e de confianza,expuxeron o seu para atender o de outrose se ven forzadas a abandonar o seu fogar entre choros e rabias.A xente traballadora normal,enganada, esquilmada, roubada pola xente de poder,ante a ollada compracente de quen, podendo, non fai nada por evitalo.Os traballadores e traballadoras despedidasou rebaixadas nos seus dereitos e salariospara manter a competencia e os beneficios dos máis poderosos.Os mártires anónimos, homes e mulleres, de todas as guerras,que seguen presentes polo mundo adiante,coma consecuencia do xogo de poderes e rendibilidadesentre os que manexan ou queren manexar o mundo.Os mártires de calquera credo ou relixión,homes e mulleres, vítimas de intolerancias e resentimentos,vítimas dun deus vivido coma cacique terreo.En fin,os Santos Inocentes da túa aldea, vila ou cidade,esas persoas menores aos vosos ollos,que por pobrezas, miserias e abandonos de todo tipoocupan os últimos postos sempree viven resignadas ou amargadas ou felices, se cadra,a súa condición de últimas.Mira, mira, polos meus fillos e fillas,os Santos Inocentes de onte e de hoxe.
Acción
¿Qué papel estamos xogando na nosa propia familia? ¿Somos persoas integradas nela, asumimos responsabilidades, agradecemos os esforzo que outras persoas fan, sabemos perdoar, sabemos pedir perdón? ¿Somos persoas atentas aos altos e baixos que poidan ter os membros da familia que nos rodean? Agradecemos a familia? Facémolo algunha vez dalgunha maneira, de palabra e con feitos?
28 de decembro: festa dos Santos Inocentes
1ª lectura: 1 Xn 1, 5—2, 2.
Salmo: 123, 2-3. 4-5. 7b-8
Evanxeo: Mt 2, 13-18
Cando os sabios se foron, un anxo do Señor apareceulle a Xosé en soños e díxolle:
—Érguete, colle o neno e máis a nai e fuxe para Exipto. Non te movas de alí ata que eu te avise, porque Herodes vai buscar o neno para acabar con el.
Xosé ergueuse, colleu o neno e máis a nai pola noite e marchou para Exipto. Alí permaneceu ata a morte de Herodes, e así cumpriuse o que dixera o Señor por medio do profeta:
—De Exipto chamei o meu fillo.
Daquela Herodes, ao decatarse de que os sabios se burlaran del, aborreceuse moito, e, botando contas polo que os sabios lle dixeran, mandou matar a todos os nenos de dous anos para abaixo que vivían en Belén e na súa bisbarra. E así cumpriuse tamén o dito polo profeta Xeremías:
Oíuse un berro en Ramah,choros e lamentos por todas partes;é Raquel que chora polos seus filliños,e non se quere consolar porque xa non existen.
Meditación
O Evanxeo de hoxe converte a familia de Xesús e ao mesmo Xesús nunha familia de prófugos, que foxe buscando refuxio nun país onde poder conservar a vida. Tocoulle pasar polas que hoxe están pasando moitas familias máis ben do Sur, que veñen a Europa na procura de seguranza, de medios de vida. Non está mal que pensemos que esa xente refuxiada de hoxe son coma unha representación, un sacramento vivo da presenza de Xesús no medio de nós. Os inocentes que hoxe veneramos sono eses nenos e nenas, homes e mulleres, que, a causa dos abusos e animaladas dos señores da guerra e de cantos os seguen, padecen inocentemente e con inocencia petan ás nosas portas.
Non ten xeito celebrar o Nadal con moita panxoliña, moitas luces e adornos, moita boa mesa, se non nos solidarizamos coa inocencia, e con quen con inocencia pasa penalidades. A festa dos santos Inocentes non vai de inocentadas, senón de inocencia, vivida e defendida ante quen queira burlarse dela. A festa dos santos Inocentes vai incluso de martirio, por apegarse a Xesús e á súa causa.
Oración
Que a inocencia me namore, Xesús,e me leve a vivir sen malicia.Que me namore o teu corpo fráxil,e todas as fraxilidades que poboan esta terra.Que o meu corazón, a miña casa se volva fogarpara quen precise teito, leito, pane dignidade.Que a miña voz se sume convencidaa quen te vive, canta, sofre e loita na inocencia.
Acción
Grazas a Deus, grazas á boa humanidade, hai moita xente que se está agrupando para dar acollida e atencións á xente refuxiada ou inmigrante ou derreada por calquera razón. Igual poderías integrarte nalgunha asociación que ande nesas cousas, para andar así polos camiños de Xesús.
29 de decembro: día 5º dentro da oitava de Nadal
1ª lectura: 1 Xn 2, 3-11
Salmo: 95, 1-2a. 2b-3. 5b-6
Evanxeo: Lc 2, 22-35
Cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno a Xerusalén, para llo presentaren ao Señor; pois así está escrito na Lei do Señor: "Consagraredes ao Señor a todo varón primoxénito"; e tamén para faceren unha ofrenda, conforme se di na Lei do Señor: "Un par de rulas ou dous pombiños".
Vivía daquela en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo estaba con el e prometéralle que non había morrer sen ver o Unxido do Señor. Movido polo Espírito foi ao templo e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, el colleuno nos brazos e loou a Deus dicindo:
--Agora, Señor, segundo a túa promesa,
podes deixar que o teu servo morra en paz,
porque xa os meus ollos viron o teu salvador,
o que ti preparaches para todos os pobos:
luz de revelación para todas as xentes
e gloria do teu pobo Israel.
O pai e máis a nai do neno ficaron abraiados polo que tal dicía do neno. Bendiciunos Simeón e díxolle a María, a nai:
--Mira, este está disposto para caída ou levantamento de moita xente en Israel, para ser signo de contradición, e a ti mesma unha espada hache atravesar a alma; así quedarán ao descuberto as intencións de moitos corazóns.
Meditación
Xosé e María aparecen facendo o que por lei e costume todos facían cando tiñan un picariño. Algo ordinario que os responsables do templo vían unha e mil veces ao ano. Pero o vello Simeón, home xusto e bo, familiarizado co Espírito, co que tiña intimidades fondas, intúe, ve, anuncia o que os outros asistentes non podían nin ver nin proclamar. As cousas de Deus son así, onte e hoxe: están aí, envoltas nas miudezas e normalidades da vida, á espera de que alguén, familiarizado co Espírito, as descubra, goce con elas e as comparta para bendición da demais xente. As cousas de Deus sempre son cousas de liberación, aínda que o camiño sexa complexo e arrastre sufrimentos.
Oración
Quero ser coma o vello Simeón.Quero saber agardar coma o vello Simeón.Quero ter complicidades co Espírito, coma o vello Simeón.Quero ollar a vida miúda cos ollos fondos do vello Simeón.Quero albiscar o paso de Deus polos sucesos coma o vello Simeón.Quero loar o Deus solícito coma o vello Simeón.Quero bendicir a xente toda coma o vello Simeón.Quero aceptar as penalidades coma o vello Simeón.Quero..., meu Deus, .... quero ...Só o teu Espírito é quen de cumprir os meus quereres.Señor, polo teu amor...
Acción
Seguro que coñeces algún velliño ou velliña sabia nas cousas da vida, nas cousas do Espírito. Visítaa. Escóitaa. Móstralle o teu agradecemento e admiración.
30 de decembro: día 6º dentro da oitava de Nadal
1ª lectura: 1Xn 2, 12-17
Salmo: 95, 7-8a. 8b-9. 10
Evanxeo: Lc 2, 36-40
Naquel tempo (cando Xesús foi presentado no templo) había tamén alí unha profetisa moi vella chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer; casara e vivira sete anos co seu marido, e logo seguiu viúva ata os oitenta e catro. Non se apartaba do templo, senón que de noite e de día servía a Deus con xaxúns e oracións. Presentouse naquel intre no templo e empezou a loar a Deus e a falar do neno Xesús a toda a xente que esperaba a redención de Israel.
Cando remataron todo o ordenado pola Lei do Señor, volveron para a aldea de Nazaré en Galilea. O neno ía medrando ben criado, forte e intelixente e o favor de Deus estaba con el.
Meditación
A figura de Ana faise entrañable. Muller que casa e enviúva --cousa moi dura naqueles tempos e lugares-- e que se refuxia en Deus, co que se encariña e a quen serve botando man do que ela coñecía: andar polo templo, rezar, xaxuar... Unha muller de limpa relixiosidade popular, que a habilita para entender que alí algo moi grande estaba pasando; e logo iso de falar do neno Xesús a quen tivese ansias de que as cousas cambiasen para que o pobo levantase a cabeza. Unha muller misioneira, que comparte o misterio que a súa fe traballada lle permite ver e vivir.
Mentres o neno, coma un neno calquera, vai medrando ben criado no corpo e no espírito, empezando a gustar o favor que Deus lle ofrecía gratuitamente. Cómo un neno, un adolescente, un mocete iría construíndo fidelidades e apegos fondos? Cousas de Deus, cousas do Espírito, cousas dos seres humanos todos, que en tales enredos de graza andamos tan envoltos.
Oración
Grazas, meu Deus, por Anae por todos os homes e mulleresque na relixiosidade popularvan construíndo a súa fidelidade a ti,e te aman e serven e anunciancomo mellor saben e entenden.Grazas, meu Deus, polo nenoque medra grazas aos mil coidadosque a familia e a xente lle foi dando,ata chegar a ser aquel home cabal,ben curtido no corpo e no espíritono que descansa tanta luz, tanta esperanzapara todo o pobo.Grazas por todos os nosos nenos e nenas.Cando se acaba o ano, meu Deus,qué ben pechalo con estas figuras entrañables,e contigo vivo dentro delas!Grazas!
Acción
Se tes maneira de visitar algunha muller velliña crente para escoitar dela a fe que a anima, faino. Se podes participar en algo que anime a formación, o divertimento, a ledicia dos nenos e nenas, faino tamén. E saúda o ano novo coa túa esperanza cristiá.
31 de decembro: día 7º dentro da oitava de Nadal
1ª lectura: 1 Xn 2, 18-21
Salmo: 95, 1-2. 11-12. 13
Evanxeo: Xn 1,1-18
No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus e a Palabra era Deus. Ela estaba no principio onda Deus.
Todo foi feito por ela, e sen ela non se fixo nada do que foi feito. Nela estaba a vida, e a vida era a luz da xente toda; a luz alumea na tebra e a tebra non a deu apagado.
Houbo un home mandado por Deus, o seu nome era Xoán. Este veu de testemuña para dar testemuño da luz, para que todas as persoas cresen por el. Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz.
A Palabra era a verdadeira luz que alumea a todo ser humano que vén a este mundo. Ela estaba no mundo, e o mundo foi feito por ela, pero o mundo non a recoñeceu. Veu á súa propiedade e os seus non a acolleron. Pero a cantos a recibiron --aqueles homes e mulleres que cren no seu nome-- deulles o poder de seren fillos e fillas de Deus. Estes non naceron do sangue, nin da vontade da carne, nin da vontade do ser humano, senón de Deus.
E a Palabra fíxose carne e plantou entre nós a súa tenda, e nós vimos a súa gloria, gloria coma de Unixénito que vén do Pai, cheo de graza e de verdade.
Xoán deu testemuño del exclamando: "Este é aquel de quen eu vos dixen: O que vén detrás miña pasa diante miña, pois existía primeiro ca min".
E da súa abundancia recibimos todos nós, graza e máis graza. Pois a Lei deuse por medio de Moisés; a graza e a verdade realizáronse por Xesús Cristo. A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou.
Meditación
A Palabra é a luz, é a vida. Estas primeiras palabras do evanxeo de Xoán anúnciannos o que logo vai explicar con detalle ao longo de todo o evanxeo: que Xesús é luz, que Xesús é vida, que ten capacidade de nos dar unha e outra, para sermos nel persoas fondamente humanas ao estilo de Deus. Xesús, o mellor rostro humano de Deus, fálanos dun Deus que está entre nós, que dialoga connosco, que lle interesa a nosa vida, que se pon ao noso dispor para nos axudar a facela completa, feliz. Deus non é agarrado; espalla a súa abundancia de mil maneiras, para que ninguén quede envolto na escuridade, na tristura, no illamento. Deus quere ser para nós compaña certa, amigable; quere camiñar ao noso lado, comprendéndonos, alentándonos, tirando de nós para adiante na vida. Sería normal que as persoas crentes, ao tempo que gozamos deste Deus, nos fixémonos exemplo vivo deste Deus solícito, que o pasa ben envolvéndose coa xente e facendo corpo e causa con ela.
Oración
(Na Noite Vella familiar: antes ou despois ou no canto das doce uvas das horas do ano que acaba, podemos coller 12 uvas cada un dos membros da familia; cada persoa vai lendo a primeira parte de cada un dos doce versos seguintes, por orde; todos contestamos coa segunda parte do verso, e comemos a uva correspondente. Ao final dámonos chuchos e apertas de felicitación).
A uva da alegría, ai que graciosa!A uva da unión, moi rica cousa!A uva do respecto, ben candorosa!A uva do perdón, marabillosa!A uva do agradecemento, que saborosa!A uva da comunicación, cousa fermosa!A uva da paciencia, humilde rosa!A uva da corrección, dura e gustosa!A uva da escoita, que ceos amosa!A uva dos alentos, tan xenerosa!A uva das apertas, sempre famosa!A uva da oración, doce, preciosa!
Acción
Igual podiamos facer un pequeno balance da nosa vida durante este ano. ¿Cómo nos foi? ¿En que medramos? ¿En que non? ¿En que fallamos? ¿Por que medramos e por que fallamos? ¿Qué papel lle damos a Deus na nosa vida?
1 de xaneiro: Oitava do Nadal, Solemnidade de Santa María
1ª lectura: Núm 6, 22-27.
Salmo: 66, 2-3. 5. 6 e 8
Evanxeo: Lc 2, 16-21
Naquel tempo, os pastores foron correndo e atoparon a María e máis a Xosé e o neno deitado na manxadoira. Ao que o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño aquel. E cantos o oíron, quedaron pasmados do que os pastores lle dixeron.
María, que trataba de comprender, conservaba todas estas cousas no seu corazón. E os pastores volveron, glorificando e loando a Deus por canto oíran e viran, todo como lles fora anunciado.
Aos oito días tocaba circuncidar o neno e puxéronlle de nome Xesús, tal como o chamara o anxo antes da súa concepción.
Meditación
Lucas ofrécenos un relato sobre o nacemento de Xesús cheo dunha fantasía preciosa e suxestiva, a través da cal nos transmite vivencias básicas, actitudes fundamentais para entender a presenza total de Deus en Xesús, naquel neno fráxil que se amosa en Belén.
Para entrar na alma deste relato é importante irse fixando nos verbos que emprega o autor para narrar o que as diferentes persoas facían ou deixaban de facer: correr, atopar, contar, quedar pasmados, tratar de comprender, conservar as cousas no corazón, volver, glorificar, oír, ver, anunciar. Detrás de cada un deses verbos, de cada unha desas accións agáchase unha actitude vital básica para entender a presenza de Deus en Xesús e noutras circunstancias da nosa vida de cada día.
O centro de todo está ocupado polo cadro sinxelo, desconcertante, dun neno nacido de pouco, deitado nunha manxadoira, ao que lle dan compaña, calor e mimos os seus pais María e Xosé. E anúnciase por todo o alto que aí está a presenza, o poder, a salvación de Deus!
Uns con outros, unhas con outras, quen participa na escena comparten narracións, ditos, admiración, esforzos de comprensión, empeño por gardar todo aquilo no corazón, loanzas a Deus. Unha verdadeira celebración vivente do impacto da presenza de Deus na fraxilidade daquel neno.
A narración do nacemento de Xesús fálanos por adiantado do estilo de Xesús, do estilo de Deus reflectido en Xesús: nada de poder, nada de prepotencia, nada de imposicións, nada de violencias, nada de tristuras, nada de encollementos; abundancia de fraxilidade, abundancia de coidados, abundancia de solidariedade, abundancia de admiración, abundancia de silencio, abundancia de alegría, abundancia de compartir o vivido, abundancia de glorificación do pequeno, do débil, do marxinal.
Cando falamos tanto dunha nova evanxelización desde unha Igrexa misioneira –cousa, desde logo, moi necesaria--, estaría ben non esquecer o estilo que Deus se marca en Xesús desde o primeiro momento do seu nacemento, estaría ben empezar por deixarnos evanxelizar as persoas que pretendemos ser axentes de evanxelización. Vivir entre nós a cultura do asombro agradecido, compartido, ante o Deus do pequeno, de todo o pequeno.
Pois de pouco nos vale admirarnos agradecidos ante o nacemento de Xesús en Belén, se non o facemos tamén ante os mil cadros que a vida de cada día nos ofrece, onde Deus tamén se nos presenta hoxe humanizado en pobreza. As actitudes vitais que Lucas ofrece e demanda para entender o estilo pobre de Deus serannos moi útiles, imprescindibles, para achegarnos ás pobrezas de cada día, onde Deus nos pide ser descuberto, venerado, agradecido, acompañado, correspondido, servido: ver esas pobrezas, contalas, descubrir a presenza de Deus nelas, asombrarse, conservalas no corazón, superalas no que teñan de indigno do ser humano, alegrarse, loar a Deus que tanto gusta de andar na sinxeleza do cotián. Daquela o Nadal será Nadal e non fantasía inútil.
Preces
SANTA MARÍA, NAI DE XESUS CRISTO,
CAMIÑA CONNOSCO
Para que saibamos admirarnos ante o misterio de Deus presente nas nosas vidas, gozar con el, e corresponderlle en todo. Oremos.
Para que cultivemos nas nosas vidas a cultura da pobreza digna, do agradecemento e da solidariedade. Oremos.
Para que nunca utilicemos a Deus nin nada do relixioso como factor de violencia, senón coma o máximo instrumento para a paz. Oremos.
Para que fagamos a paz cada día na nosa convivencia doméstica, nas nosas relacións sociais e laborais. Oremos.
Para que, en tempos de crise e de reestruturación social, saibamos defender o pan e os dereitos da xente máis pequena e marxinal por riba de todo. Oremos.
Oración
Ano novo, vida nova.
Contigo, Deus, a carón,
contigo, Emmanuel, Deus connosco.
Que gozada!
Iluminados/as pola presenza marabillosa de Xesús,
que desde o portal da pobreza rompe rutinas, abre camiños.
Arrastrados/as polo Espírito,
levados/as da man por esa forza contra toda forza,
que resplandece na debilidade .
Da man dos irmáns e irmás,
da man da comunidade,
que suple carencias e achanza os camiños.
En familia, en pobo,
en fartura comedida ao redor da mesa,
en alegría e en festas populares,
en traballo diario, esixente, persistente.
Nesta preciosa terra galega,
cunha fala tamén preciosa,
que nos legaron coma don de Deus os nosos maiores.
Abertos/as en irmandade mundial
a todos os pobos que suspiran polos dereitos, pola paz,
pola soberanía alimentaria,
polo humanización plena da súa existencia.
Coidadores/as, coma servidores, non coma amos,
da terra, do aire, da auga,
dos animais todos, das plantas,
das enerxías que fan andar e progresar,
para que nada nin ninguén se perda,
para que todos/as sexamos un, unha,
na fermosura insondable da unidade total,
no corazón amante do Deus un.
Ano nova, vida nova,
Emmanuel.
Acción
Día de felicitacións e acompañamentos. Enmanuel: Deus connosco. Esteamos hoxe especialmente ao lado de xente coa que queremos facer camiño e vida este ano, na casa e fóra da casa.
2 de xaneiro: sábado da 1ª semana do Tempo de Nadal
1ª lectura: 1Xn 2, 22-28
Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3cd-4
Evanxeo: Xn 1,19-28
E este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén sacerdotes e levitas onda el para lle preguntar:
—Ti quen es?
El declarou claramente:
—Eu non son o Cristo.
Preguntáronlle:
—Entón, quen es ti? Es Elías?
Contestou:
—Non son.
—Es o profeta?
Respondeu:
—Non.
Daquela dixéronlle:
—E, logo, quen es, para que lles poidamos dar unha resposta aos que nos mandaron? Que dis de ti mesmo?
El díxolles:
—Como escribiu o profeta Isaías, eu son a voz do que clama no deserto: endereitade o camiño do Señor.
Algúns dos mandados eran fariseos e preguntáronlle:
—Entón por que bautizas, se non es ti o Cristo nin Elías nin o profeta?
Xoán respondeulles:
—Eu bautizo con auga, mais entre vós está quen vós non coñecedes, o que ven detrás miña, e eu non son merecente de lle desatar o amalló das súas sandalias.
Todo isto pasou en Betania, ao oriente do Xordán, onde estaba Xoán bautizando.
Comentario
Volvémonos ver con Xoán Bautista, ese personaxe tan especial e entrañable que nos acompañou nos días previos á celebración do Nadal. Hoxe está aquí para dicirnos que o anunciado xa chegou, está por aí entre nós, e igual nin o coñecemos, porque anda con maneiras tan humildes, marxinais, que pouca xente repara nel. Pero está. Xa chegou. Xoán invítanos a andar cos ollos ben abertos, co corazón ben aberto, para podermos bater con el e recrearnos na súa humilde grandeza servidora.
Xoán tamén nos invita a que nos preguntemos: e quen son eu? Que levo no fondo de min mesma? Que luces e sombras andan canda min? Que misión desempeño dentro da comunidade da que formo parte? Que anuncio coa miña palabra, coa miña vida sobre todo? En que son algo profeta? Cal é a tarefa que me propoño levar a cabo neste ano que entra, estando ao lado deste Deus metido no mundo, que chamamos Xesús?
Oración
Xesús,tampouco eu non son merecentenin de che desatar o amalló das túas sandalias,pero aquí estou,desexando acompañarte neste ano que entra.No que poida, valla e saiba, conta comigo.
Acción
Párate a pensar no que che gustaría facer neste ano que empeza, no que che gustaría colaborar, ou medrar, ou a quen che gustaría acompañar especialmente, ou que pobrezas che gustaría remediar. Poderás facelo só ou será ben que te unas a outras persoas para o que queres conseguir?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.