3 de xaneiro: Domingo 2º despois do Nadal
1ª lectura: Eclo 24, 1-4. 12-16. Salmo: 147, 12-13. 14-15. 19-20
2ª lectura: Ef 1, 3-6. 15-18
Evanxeo: Xn 1, 1-18 ou máis breve: Xn 1, 1-5. 9-14
No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus e a Palabra era Deus. Ela estaba no principio onda Deus. Todo foi feito por ela, e sen ela non se fixo nada do que foi feito. Nela estaba a vida, e a vida era a luz da xente; a luz aluma na tebra, e a tebra non a deu apagado. A Palabra era a verdadeira luz que aluma a todo ser humano que vén a este mundo.
Ela estaba no mundo e o mundo foi feito por ela, pero o mundo non a recoñeceu. Veu á súa propiedade e os seus non a acolleron. Pero a cantos a recibiron –aos que cren no seu nome— deulles o poder de seren fillos de Deus. Estes non naceron do sangue, nin da vontade da carne, nin da vontade do ser humano, senón de Deus.
E a Palabra fíxose carne, e plantou entre nós a súa tenda, e nós vimos a súa gloria, gloria coma de Unixénito que vén do Pai, cheo de graza e de verdade.
Meditación
Normalmente ao redor do Nadal armamos moito rebumbio. Arma rebumbio a sociedade de consumo incitándonos ao gasto de todo tipo, rodeándonos de luces, músicas, desexándonos regalos, cantándonos felicidades. Tamén dentro das mesmas comunidades cristiás abonda o rebumbio nestas datas: panxoliñas, Beléns, felicitacións, versos, obriñas de teatro, festiñas e encontros especiais. Moitas cousas destas están moi ben; necesitamos eses empuxóns que nos manteñan na alegría, na esperanza. Pero tamén pode ser que todo quede en nada, porque pasamos por riba das cousas, por riba do “misterio” do Nadal, sen apenas asomarnos con algo de calma á ventá desde a que contemplar, admirar e agradecer o que nel se nos mostra, se nos regala.
Hai cando menos tres lugares desde os que entrar con pé firme no “misterio” do Nadal. Un é o cadro do nacemento de Xesús que nos ofrece o evanxelista Lucas; as lecturas destes días pasados fóronnolo describindo e os diferentes Beléns represéntannolo con máis ou menos graza e fermosura. Todo xira ao redor dun pai e dunha nai que se esforzan por andar en fidelidade a Deus en todo; todo xira ao redor dun neno que nace en pobreza e debilidade, do que a fe nos afirma que é a carne viva de Deus; todo xira, polo tanto, ao redor dun Deus que, por ser tal, por ser doído ata o máximo de todo home e muller, se vincula desde sempre ca xente máis débil; todo xira ao redor de persoas do pobo, humildes, humilladas, que acollen esta esperanza de Deus e persoas do poder que a discuten e intentan neutralizala. E nós aí no medio. Contemplando a escena vital, sendo invitados, invitadas, a entrar nela en corpo e alma, para que o “misterio” do Nadal se cumpra graciosamente en nós tamén.
Outra ventá desde a que asomarnos para entrar no “misterio” do Nadal é este texto do evanxeo de Xoán, un texto algo complicado e de non doada comprensión, pero que, en resume, nos di cousas moi próximas ás anunciadas no cadro anterior do evanxeo de Lucas. Dinos que Deus, o noso Deus, non é un Deus mudo, calado, illado, distante, indiferente ante a sorte dos seres humanos, os homes e mulleres que houbo, que hai e que haberá no mundo. Non, o noso Deus é un Deus que ten por costume e natureza saír de si mesmo, falar, entrar en comunicación connosco, aventurarse nunha relación amante e servidora; o noso Deus é un Deus de palabra, fala e cumpre. E como testemuña aí está o seu fillo, aí está Xesús de Nazaret, palabra de Deus que nolo conta, que nos fala do apaixonamento de Deus por cada un, cada unha de nós, por ti, por min. Deus quere envolvernos nesta súa roda de relacións amorosas, coidadoras, servidoras; iso é o del, e iso é o noso, porque nós estamos feitos a imaxe e feitura de Deus. Podemos deixarnos cativar por esta proposta gratuíta de Deus ou podemos deixala a un lado, desprezala, rirnos dela; é algo que xa o evanxelista comprobaba e é algo que tamén hoxe segue a pasar. Deus é persistente, non cansa de achegarse á nosa porta coa súa proposta, porque cre nela, porque entende que é o mellor para calquera home ou muller de todos os tempos. E neste Nadal repítenos a oferta. Pecharémoslle a porta?
E a outra ventá, a terceira, desde a que podemos contemplar, admirar e agradecer o “misterio” do Nadal é a ventá da mesturanza coa xente máis débil, para deixarnos coller pola súa demanda de afecto e de servizo limpo, intelixente. O amor é o que mellor nos permite entrar no “misterio” de Deus, coñecelo por dentro, saborealo, vivilo. O amor pequeno, miúdo, cotián das relacións de amizade, familia, pequeno grupo, e o amor grande das relacións sociais, económicas, políticas. O amor convertido en forza de solidariedade eficaz coa xente máis deixada de lado, da que todos/as coñecemos rostros e nomes. É xustamente o que Deus mesmo fixo, segundo nos recorda o Nadal. Abaixouse, mesturouse coa xente máis pequena do mundo, para restituírlle a dignidade; mesturouse coa máis pecadora tamén, para garantirlle que as cousas poden cambiar e todo se pode recompoñer, por deteriorado que estea. Por iso polo Nadal todos, todas, nos sentimos convocadas, provocadas ao amor, ao compartir, ao compromiso, á participación social e política para que as cousas cambien e a salvación de Deus tome corpo e se faga historia nas nosas vidas.
Na celebración eucarística palpamos a graza e a verdade de Deus na persoa mesma de Xesús, na súa vida, morte e resurrección por nós. En cada celebración eucarística Xesús vén aos seus; tócanos a nós recibilo como merece.
Preces
A PALABRA FÍXOSE CARNE
E PLANTOU ENTRE NÓS A SÚA TENDA
Para que nós tivésemos paz e forza para a vida, e a transmitísemos ás persoas que andan ao noso redor. Por iso rezamos aclamando.
Para que non nos sintamos nunca desamparados, e poñamos as nosas mans, o noso corazón ao servizo de calquera persoa desamparada. Por iso rezamos aclamando.
Para soster e amparar a vida toda da creación, da natureza, dos animais, das persoas, e invitarnos desde dentro a coidar a terra como fogar de toda a xente, especialmente da máis débil. Por iso rezamos aclamando.
Para darnos ánimos, alentos, e facernos a nós alento tamén para as persoas e familias máis desalentadas. Por iso rezamos aclamando.
Para ter amizade e convivencia connosco e aprendernos a facer e gozar a convivencia coa xente amiga e veciña. Por iso rezamos aclamando.
Pregaria
Faise Deus para nós carne,carne de paz farturenta.Faise Deus bico e aperta,faise pan, compango, mesa,faise amizade e conversa,faise encontro, risa, festa.Faise Deus palabra amena,faise Deus palabra recia,faise indignación, protesta,faise berro, rabia, queixa.Faise Deus a man que aperta,o brazo que abraza e terma,agarimo que arrequentae alento que nos alenta.Faise Deus mar, faise terra,faise casal e facenda,faise froitos, faise herba,faise auga, faise regaFaise Deus traballo, empresa,faise loita viva, acesa,faise xornada que pesae a paga que se desexa.Faise Deus amor que apreixa,que vincula e que libera,faise sexo en horas ledas,familia en gozos e penas.Faise Deus soño, mantenzada pobre que soña esperta,que agarda que a luz se acenda.Faise Deus luz, xogo e prenda.Faise Deus para nós carne,carne de paz farturenta.
Acción
Acompañar e ser acompañadas/os é do máis fermoso e proveitoso que pode haber para levar unha vida vigorosa. Pensa en alguén que consideres que necesita e precisa a túa compaña especial; non lla negues. Pensa tamén en ti mesma/o: ¿non necesitas dalgunha persoa próxima coa que especialmente compartir para poder avanzar mellor na vida?
4 de xaneiro: luns da 2ª semana despois de Nadal
1ª lectura: 1 Xn 3, 7-10
Salmo: 97, 1. 7-8. 9
Evanxeo: Xn 1, 35-42
Ao outro día estaba outra vez Xoán Bautista con dous dos seus discípulos e, vendo pasar a Xesús, dixo:
—Velaquí o Año de Deus.
Cando os dous discípulos oíron o que Xoán dixera, foron detrás de Xesús. Volveuse Xesús e, vendo que o seguían, preguntoulles:
—Que buscades?
Eles respondéronlle:
—Rabbí (que quere dicir "mestre"), onde paras?
El díxolles:
—Vinde e veredes.
E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde. Un dos dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era André, o irmán de Pedro. Vai e ao primeiro que atopa é a Simón, o seu propio irmán, e dille:
—Encontramos o Mesías (que significa Cristo).
E levouno onda Xesús. Ao velo, díxolle Xesús:
—Ti es Simón, o fillo de Xoán, Ti haste chamar Kefas (que quere dicir Pedro).
Meditación
Chama a atención o encanto que tiña Xesús; chamaba a atención desde o primeiro momento, suponse que polo seu xeito de ser, de mirar, de falar, de vivir, de atraer, de alentar á xente. Seguro que todas, todos, temos experiencia de algo similar na vida, alguén que nos cativou e que se fixo moi significativo para nós, alguén con quen nos compracía e comprace estar. Quen o viu e tratou, quen se fixo compañeiro e amigo del así nolo pinta. Ímolo coñecendo algo polo menos, como para poder dicir que si, que é así, que a súa compaña pacifica e alenta, pecha feridas e abre camiños, disipa escuridades e devolve alegrías.
Se Xoán, André, Pedro e moitos máis naqueles tempos puideron gozar con esta compaña de Xesús en carne viva, nós tamén o podemos facer no espírito, na fe. Xesús está aquí disposto a acollernos, a integrarnos no grupo, a compartir connosco os seus soños e esperanzas, e as forzas para podelas acadar.
Oración
Vinde e veredes,pasade e entrade,sentade e acougade,falemos como amigas e amigos,como irmás e irmáns, se queredes,compartamos as nosas sombras e as nosas luces,levantemos a olladacara ao mundo da xente máis fráxil,falémonos,escoitémonos,calemos despoisdeixando que o Espírito unatanta dor e tanto gozo,tanta desilusión e tanta esperanza.No teu nome, Xesús.
Acción
Sería estupendo que hoxe puideses invitar a alguén á túa casa, ou ir de invitada a algunha outra casa, para tomar ou comer algo, para falar, para compartir algo a fondo, para animarse e rir e suscitar esperanzas. E así vivir algo ao estilo de Xesús.
5 de xaneiro: martes da 2ª semana despois de Nadal
1ª lectura: 1 Xn 3, 11-21
Salmo: 99, 2. 3. 4. 5
Evanxeo: Xn 1, 43-51
Ao outro día decidiu Xesús saír para a Galilea; atopou a Filipe e díxolle:
—Sígueme.
Filipe era de Betsaida, da vila de André e mais de Pedro. Atopou Filipe a Natanael e díxolle:
—Atopamos a aquel de quen escribiu Moisés na Lei e máis os Profetas: a Xesús, o fillo de Xosé, o de Nazaré.
Contestou Natanael:
—E de Nazaré pode saír algo bo?
Filipe díxolle:
—Ven e verás.
Viu Xesús a Natanael que viña cara a el e dixo de el:
—Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez.
Preguntoulle Natanael:
—E de que me coñeces?
Contestoulle Xesús:
—Antes de que Filipe chamase por ti, xa eu te vira, cando estabas debaixo da figueira.
Respondeulle Natanael:
—Rabbí, ti es o fillo de Deus, ti es o rei de Israel.
Díxolle entón Xesús:
—Porque che dixen que te vin debaixo da figueira xa cres? Pois cousas máis grandes has ver.
E concluíu:
—Con toda verdade volo aseguro: habedes ver o ceo aberto e os anxos de Deus subindo e baixando onda o Fillo do Home.
Meditación
Chama a atención neste relato de hoxe iso de "atopar". Xesús atopa a Filipe, Filipe atopa a Natanael. Parecen casualidades da vida, pero convértense en encontros, en relacións que modifican as vidas das persoas, a de Filipe, a de Natanael. Así tamén nos pode pasar a nós na normalidade da vida, se andamos cos ollos abertos, co corazón esperto; vivimos encontros que se poden converter en aperturas de novos camiños. Coñecer, ser coñecido, estimar, ser estimado; parecen cousas moi simples, pero que importantes son. Queda tamén moi de manifesto o importante que é contar, compartir aquilo que vimos e experimentamos; cando o facemos, somos persoas que nos podemos iluminar, consolar, fortalecer, ilusionar na vida. Coñecer a Xesús, intimar con Xesús, falar de Xesús, contar a Xesús coa palabra e coa vida isto é algo ben importante para calquera persoa cristiá.
Oración
Sígueme,sígueme, disme ti, Xesús.E aínda me prometes:do teu corazón tan pobriñoda túa casa tan sinxela,da túa parroquia tan pequenapode saír algo moi bo,que te alentará a tie alentará tamén as persoas e cousascoas que te movas na vida.E eu calo ante ti, Xesús.Aínda que me pesa a miña vida,fíome de tie dispóñome a seguirte.sabendo que ti sosterás o meu camiñar.
Acción
Fai por atopar o xeito de contarlle a alguén algo do que a ti che ten aportado iso de crer en Xesús, de seguir a Xesús na vida.
6 de xaneiro: Epifanía do Señor
1ª lectura: Is 60, 1-6. Salmo:71, 1-2. 7-8. 10-11. 12-13
2ª lectura: Ef 3, 2-3a. 5-6
Evanxeo: Mt 2, 1-12
Xesús naceu en Belén de Xudea en tempos do rei Herodes. E nisto uns magos de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:
—¿Onde está o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá no Oriente e vimos para lle render homenaxe.
Oíndo isto, o rei Herodes alporizouse e con el toda Xerusalén. Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. Eles responderon:
—En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:
“E ti, Belén, terra de Xudea, de ningún xeito es a máis pequena entre as vilas de Xudea, que de ti ha saír o guía que será o pastor do meu pobo Israel.
Entón Herodes, ás agachadas, chamou polos magos para se informar ben de cando lles aparecera a estrela. Logo mandounos a Belén dicíndolles:
—Ide e informádevos ben do que hai dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme para ir eu tamén a lle render homenaxe.
Eles, despois de oíren o rei, puxéronse en camiño. E, velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. Grande alegría sentiron ao veren saír de novo a estrela.
E, cando entraron na casa, atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e rendéronlle homenaxe; logo, abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle como regalo ouro, incenso e mirra. Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, saíron para a súas terra por outro camiño.
Meditación
O relato da visita e adoración dos Magos é exclusivo do evanxelista Mateu. Coma outros relatos dos evanxeos da infancia en Mateu e Lucas, non debe ser lido cunha mentalidade historicista, senón teolóxica e espiritual.
Dos Magos non se di que fosen reis, xente de poder, senón Magos, xente do saber, xente da ciencia, xente da sabedoría, xente da sabedoría da vida, para a vida. O primeiro que chama a atención é a disposición dos tales Magos a se poñer en camiño. Son sabios con sabedoría de vida, pero buscan, saen da súa terra, póñense en camiño, seguen os reclamos dunha estrela, é dicir, buscan non empuxados por ningunha seguridade, senón atraídos por indicios incertos, inseguros, misteriosos, que os levan a camiñar. Saen, camiñan, preguntan... Que actitude vital máis preciosa, sobre todo para os que, con máis ou menos satisfacción ou mesmo arrogancia, nos podemos sentir tentados de vernos xa na posesión da verdade por iso de que temos oído falar de Xesús, somos cristiáns, estamos dentro da Igrexa! Buscar, petar, pedir, que dirá o mesmo Xesús en momentos adultos da súa vida. Uns crentes que buscan, que son constantes, solícitos, fieis e honrados na busca. Unhas comunidades que buscan tamén dese xeito. E que dirixen os seus pasos buscadores cara á vida, cara ás situacións que se dan na vida, cara ás complexidades que no momento presente azoutan as nosas vidas, a vida da xente máis débil socialmente. Preguntando, preguntándose, comprometendo a palabra, a vida. Non estaría aquí unha das claves dunha presenza cristiá viva, dunha nova evanxelización? Unha das claves da esperanza, mesmo da alegría vital?
Fronte aos Magos, a actitude nada buscadora, ao revés soberbia, dominadora do rei Herodes, que nin busca a verdade, aínda que dela recibe referencias importantes, nin gusta de que outros a busquen, a atopen, a gocen. El, co seu poder, era a verdade suficiente para el e para o pobo. O rei Herodes poderíase chamar hoxe o rei Mercado, o rei Finanzas, o rei Política submisa; pero, ollo!, tamén podería levar o nome de cada un de nós e das nosas comunidades, temerosos todos da pequena presenza da sabedoría da dignidade.
Fronte aos Magos, os eruditos xudeus que saben, pero non van, non se moven. A súa ciencia non lles conmove os corazóns, non lles mobiliza os pés. Canto podemos ter da actitude pecha, belixerante de Herodes e da actitude fría dos teólogos oficiais, en cada un dos nosos corazóns, dentro das nosas comunidades cristiás. Podemos ser persoas que saibamos ou creamos saber de todo, do divino e do humano, pero cunha ciencia paralizada, paralizante. O relato invítanos a revisar e corrixir posturas, que non levarán a nada, máis que a perder a oportunidade de atoparnos cara a cara, corazón a corazón, vida a vida, con Xesús, con Deus, e coas súas oportunidades de potenciación para as nosas vidas.
Os Magos, os homes de ciencia, de sabedoría para a vida, atópanse cun neno no colo da súa nai. Atópanse coa normalidade da vida, coa fraxilidade, coa tenrura, coa muller e o seu don, co amor matrimonial e o seu don, e, cos ollos fondos e buscadores que Deus lles deu, descobren a sabedoría da pobreza, a sabedoría do pequeno, a sabedoría do débil, a sabedoría do servidor, a sabedoría do dado á comunidade, a sabedoría da gratuidade. Descobren esa sabedoría de vida e inclínanse ante ela; abren os seus tesouros, como símbolo do corazón que abriran antes. Entregan do que teñen, coma símbolo da entrega gozosa das súas vidas ás formas da sabedoría do pobre servidor que tiñan diante. Canto podemos hoxe, ante as pobrezas que xera a crise, desenvolver esa sabedoría da fraxilidade, da solidariedade, do cambio desde o débil!
E, como remate da súa peregrinación espiritual, vital, os Magos volven tomando distancias máis sólidas coa persoa e co talante de quen desde o poder pretende ensinar a ler e a construír a vida. A alegría cerra e enche esa experiencia vital. O neno débil, servidor, é o tesouro agachado que atoparon en Belén, e que encheu as súas vidas de alegría, de entusiasmo. E todo isto ofrécesenos para ser vivido e experimentado por nós non nos soliloquios do noso corazón, que tamén, senón fundamentalmente na crúa realidade da vida, da nosa e da dos concidadáns/ás que nos rodean, porque crúa era tamén a experiencia daquel neno e daquela familia desafiuzada, rexeitada polos servizos sociais do seu tempo, que non había, e que ollaba para o futuro coas inseguridades todas pousadas nas mans do Deus que todo os sostén.
Preces
OFRECÉMOSCHE, NENO, OS NOSOS REGALOS
Ofrecémosche o esforzo de buscarte son sinceridade, para bater contigo, para chegar a ter trato de amizade contigo no medio das persoas máis débiles. Oremos.
Ofrecémosche a nosa axuda, axudando as persoas e familias que o están pasando mal nesta hora. Oremos.
Ofrecémosche o noso agradecemento por ti, Xesús, e por toda a xente de ben que nos sostén na vida, na alegría, na loita. Oremos.
Ofrecémosche os soños e esperanzas de todos os nenos e nenas do mundo, especialmente os daqueles que dispoñen de poucos recursos para soñar a vida con dignidade. Oremos.
Ofrecémosche a nosa vontade de colaborar para que a comunidade cristiá, a parroquia, da que formamos parte se enganche máis a ti, e te anuncie con verdade mediante un estilo de vida semellante ao teu. Oremos.
Oración
Que aprenda de ti, meu Deus,a graza de regalar,a graza de ofrecer cousas,a graza de darme no dar.Que aprenda ti, meu Deus,a andar cos ollos abertospara ver a quen precisedalgún dos meus cumprimentos.Que aprenda de ti, meu Deus,a saber e a vivirque hai ledicia maioren dar ca en recibir.Que aprenda de ti, meu Deus,o malo que é amontoar,mentres haxa quen non teñapan para a boca levar.Que aprenda de ti, meu Deus,todo e desmedido amor,a facerme pouco a poucodo teu don fiel seguidor.Que aprenda de ti, meu Deus,a dar sen que iso comportequitarlle vigor ao débilpara que o seu soñe e loite.Que aprenda de ti, meu Deus,a dar con limpeza plena:que a man esquerda ignoreo que regala a dereita.Que aprenda de ti, meu Deus,que a miña vida é un regalo,para acoller, compartir,agradecer e coidalo.
Acción
Podemos pensar nalgunha persoa á que lle facer un regalo; un regalo sinxelo, que lle signifique algo na súa vida, polas circunstancias concretas polas que estea pasando.
7 de xaneiro: xoves da Epifanía do Señor
1ª lectura: 1 Xn 3, 22—4,6
Salmo: 2, 7-8. 10-11
Evanxeo: Mt 4, 12-17.23-25
Cando soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea. Deixando Nazaré, foise establecer en Cafarnaúm, na beira do lago, en terras de Zebulón e Naftalí, para que se cumprise o dito polo profeta Isaías:
“Terra de Zebulón, terra de Naftalí, camiño do mar na outra ribeira do Xordán. Galilea dos pagáns. O pobo que xacía na escuridade viu unha gran luz. Para a xente que habitaba no escuro país da morte brillou unha alborada.”
Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a Boa Nova do Reino, curando canta doenza padecía o pobo. Falábase del en toda Siria e traíanlle persoas enfermas con toda clase de doenzas e padecementos, xente endemoñada, epiléptica, tolleita, e a toda ese xente curaba. Eran moias as persoas que o seguían, un mundo de xente chegada de Galilea, Decápolis, Xurusalén, Xudea e da outra banda do Xordán.
Meditación
Durante esta semana que segue á festa de Reis ou Epifanía, os catro evanxelistas irannos presentando os primeiros movementos de Xesús, cando decide darlle un aire novo á súa vida, desvinculándose do grupo de Xoán Bautista, a quen Herodes encadeara, e iniciando unha aventura evanxelizadora polos pobos de Galilea, a súa terra. É un Xesús en saída, itinerante. Leva no corazón moi fresco o soño de Deus: o benestar a fondo da xente, no corpo e no espírito; e a anunciar, promover e realizar ese soño se empeza a dedicar; faino coa palabra e cos feitos. Nós somos receptores dese soño de Xesús: tamén para nós hai por parte de Deus un desexo manifesto de que esteamos ben no corpo e no espírito. Nós somos tamén desa xente arrastrada por Xesús, que con el quere compartir esa marabillosa aventura. Xesús sinálanos o camiño, as formas, os contidos dese traballo. Felices nós invitadas por el a realizalo con el nos nosos tempos, na nosa Terra.
Oración
Conta comigo, Xesús.No que saiba, valla e poida, conta comigo.Conta comigo na rengue da xente que precisa de ti,para ser curada e alentada.Conta comigo na rengue de xente que ti precisas,para que o teu soño se alongue no tempo e no espazo,e todo o mundo poida coñecertee, se así o quere, abrirse á túa proposta.Conta comigo, Xesús.
Acción
Estamos empezando o ano. Igual podiamos renovar, reforzar ou limpar a nosa maneira de seguir a Xesús, de acompañalo na súa tarefa de servizo á xente. ¿En que poderiamos mellorar o noso acompañamento de Xesús?
8 de xaneiro: venres da Epifanía do Señor
1ª lectura: 1 Xn 4, 7-10
Salmo: 71, 2. 3-4ab. 7-8
Evanxeo: Mc 6, 34-44
Unha vez atopouse Xesús cunha grande multitude e conmoveuse, porque eran como ovellas sen pastor, e púxose a ensinarlles moitas cousas. Cando se fixo tarde, achegáronselle as persoas que o acompañaban de cerca e dixéronlle:
—Isto está despoboado e xa é ben tarde; vai ser mellor que despidas esta xente, para que vaian aos lugares e aldeas veciñas, para que merquen algo de comer. Pero el respondeulles:
—Dádelles vós de comer.
Contestaron:
—¿Imos, logo, mercar douscentos denarios de pan para lles darmos de comer?
El preguntoulles:
—¿E logo, canto pan tedes?
Fixeron o reconto e dixeron:
—En total temos cinco bolos e máis dous peixes.
El mandounos sentar en grupos na herba. E foron sentando en grupos de cen ou cincuenta. E colleu os cinco bolos e máis os dous peixes, ergueu a vista ao ceo, bendiciunos, partiu os pans e déullelos ás persoas que o acompañaban de cerca, para que os servisen; e repartiu tamén os dous peixes entre toda a xente. Comeu todo o mundo ata se fartaren, e recolleron doce cestos de sobras de pan e dos peixes. Entre os que comeran os pans había cinco mil homes.
Meditación
Este é o Xesús que se nos ofrece. O que anda entre a xente. O que se conmove cando ve as dificultades de todo tipo nas que a xente pode estar envolta. Entre esa xente estou eu, estamos nós. O que conversa de corazón a corazón, de vida a vida, compartindo as cousas fondas que el leva no corazón como sostén da súa existencia. Así é tamén para nós. O que se embarca e nos embarca na busca de solucións para as necesidades vitais que poidamos ter. O que invita á xenerosidade, á participación, a poñer enriba da mesa común aquilo que a cada quen lle foi dado ou cada quen foi acadando co seu esforzo. O que nos incita a pensar en común, a solucionar en común, a compracernos en común, a festexar en común. O que nos asegura que é así como o pouco se fai moito e aínda sobra, porque hai multiplicacións profundas que van moito máis aló do cálculo matemático. Así é Xesús e así é o seu Deus. Así se nos ofrece. E así, con detalle, o poderemos ir descubrindo no recorrido deste ano que empeza.
Oración
Que nos aproveite o teu pan, Xesús.Que nos aproveite a túa palabra.Que nos aproveite a túa compaña.Que nos aproveite a túa conmoción.Que nos aproveite a xenerosidade feita vida.Que nos aproveite a mesa común.Que nos aproveite a vida toda en común.Que nos aproveite a graza particular de cada persoa.Que nos aproveite a túa proposta.Que nos aproveite o teu espírito.Que nos aproveites ti, Xesús!
Acción
No mundo hai moitas necesidades, moitas fames. ¿Qué estamos facendo ante iso? ¿Qué poderiamos facer como aprendices do de Xesús? Seguro que podemos dar un paso máis seguindo o seu espírito.
9 de xaneiro: sábado da Epifanía do Señor
1ª lectura: 1 Xn 4, 11-18
Salmo: 71, 2. 10-11. 12-13
Evanxeo: Mc 6, 45-52
Despois de calmar a fame de moitísima xente coa multiplicacións dos pans, mandoulles aos seus discípulos que embarcasen e fosen indo diante para Betsaida, mentres el despedía a xente. E, cando rematou de se despedir, foi orar ao monte.
Fíxose noite e a barca estaba no medio do mar, mentres el quedaba só en terra. Vendo o fatigados que estaban de tanto vogar co vento en contra, ao raiar o día foi cara a eles, andando polo mar e fixo como que pasaba de largo. Eles, ao velo andar polo mar, coidaron que era unha pantasma e empezaron a berrar. Mais el de contado faloulles:
--Tranquilos, que son eu, non teñades medo!
E subiu ao bote onda eles. Amainou o vento e todos quedaron completamente abraiados, porque non comprenderan o milagre do pan, polo cerrados que eran para entender.
Meditación
Este segue sendo o Xesús que se nos manifesta, o que andará canda nós os camiños da vida, como fillo de Deus que é, como grande e humildísimo servidor que é. Ten forza porque saca forzas dunha pregaria intensa, dun intenso achegarse ao corazón de Deus. A oración empuxábao á acción solidaria, e a acción solidaria remataba sempre en oración. Este é Xesús, o que se para coa xente. Que precioso sería ver aquel despedirse de Xesús coa xente! Imaxinámolo preguntándolles o nome, de onde eran, como era a súa familia, cales eran as súas penalidades, ofrecéndose, ofrecéndolles o agarimo de Deus, suscitando esperanzas. A aquela xente, a nós tamén. Así é Xesús. Enrédase coa xente, pero non esquece os que reman na barca con medo e angustia. Alí está de novo. Tranquilos, tranquilas, que son eu. Non quita os problemas, pero fortalece para afrontalos. Así con aquela xente. Así con todos nós, homes e mulleres de hoxe, coas nosas particulares angustias e desesperanzas, cos nosos particulares medos.
Oración
Aí estás ti, Xesús.Sempre.Sempre.No momento oportuno,cando fan falla palabras de amigo,cando necesitamos alentos e apertas.Sempre.Cando os medos nos envolven,e pasamos por circunstancias dolorosas,nas que a barca da vida se nos funde.Aí estas ti, Xesús.Non é un fantasma.Sabereite descubrir?Saberei axudar a que outra xente te descubra?
Acción
Seguro que poderemos buscar maneiras de intimar algo máis con Xesús, para sentilo cerca de nós nos momentos duros da vida. Lendo os evanxeos, oíndo falar del, contactando con persoas que o sigan de corazón, orando… Seguro tamén que poderemos buscar maneiras de estar algo máis preto da xente que estea pasando por horas escuras na vida. Igual é aí onde mellor podemos bater con Xesús, intimar con el.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.