17 de xaneiro: Domingo 2º do Tempo Ordinario
1ª lectura: 1 Sam 3, 3b-10. 19. Salmo: 39, 2 e 4ab. 7-8a. 8b-9. 10
2ª lectura: 1 Cor 6, 13c-15a. 17-20
Evanxeo: Xn 1, 35-42
Nunha ocasión estaba Xoán con dous dos seus discípulos e, vendo a Xesús que ía camiñando, dixo:
—Velaquí o año de Deus.
Cando os dous discípulos oíron o que el falara, fóronse detrás de Xesús. Volveuse Xesús e, vendo que eles o seguían, preguntoulles:
—¿Qué buscades?
Eles respondéronlle:
—Rabbí (que quer dicir “Mestre”), ¿onde paras?
El díxolles:
—Vide e veredes.
E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde. Un dos dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era André, o irmán de Simón Pedro. Vai e atopa primeiro a Simón, o seu propio irmán, e dille:
—Encontramos o Mesías (que quere dicir “Cristo”).
E levouno onda Xesús. Ao velo, díxolle Xesús:
Meditación
O relato, ao contar os primeiros momentos da tarefa liberadora de Xesús, preséntao coma Año de Deus, Mestre, Mesías, títulos de verdadeiro calado humano e espiritual, aos que probablemente chegaron os primeiros grupos de cristiáns e cristiás despois de tempo de convivencia con Xesús, de experimentar ao seu carón o vigor da súa existencia totalmente aberta a Deus e totalmente entregado polo ben da xente, especialmente da xente máis deixada ao lado no seu tempo. Invítasenos, loxicamente, a facer un recorrido persoal e comunitario ao seu lado, que nos leve cordialmente, vitalmente, ás mesmas ou semellantes conclusións.
Polo demais, este pedaciño de Evanxeo preséntanos un proceso exemplar de adhesión a Xesús e á súa causa. Alguén fala del; córrese a voz da súa presenza, vaise sabendo dos seus proxectos: o que empeza a vivir e a facer, despois dunha tempada tan intensa pasada ao pé do Bautista, como aprendiz, desenvolvendo conviccións, maneiras de sentir a Deus e de situarse ante a densidade da vida. Quizabes alguén de entre nós se sente coa tarefa de falar del, contar as súas cousas, as súas paixóns, os seus soños, os seus ofrecementos.
Hai persoas que se achegan, que buscan, que o buscan. Un lema forte da súa vida é preguntarse: onde paras? Non é unha pregunta teórica, que deba recibir unha resposta teórica. É unha pregunta por unha experiencia compartida: onde paras, para poder pasar tempos contigo, para coñecer, para aprender, para amar, para compartir. Desde logo o evanxeo de hoxe invítanos a asumir esta actitude vital.
A resposta de Xesús vai polo mesmo camiño: Vide e veredes. Invítaos a tempos de xuntanza ao seu lado. Foron, viron, quedaron con el aquela tarde-noite ditosa, nunha compaña que os marcou para sempre. Estaría ben que nos preguntásemos onde poderán estar hoxe os sitios nos que Xesús para, nos que el nos invita a entrar, ver, compartir, aprender... Sabemos da teima que Xesús tiña por estar alí onde a xente sofre con calquera clase de sufrimento, onde a xente loita por liberarse e dignificar a súa vida, onde a xente verte e recibe perdóns e solidariedades, comparte palabras, ánimos e cartos; alí onde a xente festexa con agradecemento estas pequenas vitorias da vida, á espera dunha vitoria total da fraternidade en Deus. Cada quen pode saber moi ben en que lugares e tempos concretos pode ir e estar con este Xesús, para nutrir a súa vida, a súa esperanza.
Os homes e mulleres que daquela pasaron unhas horas con Xesús saen e cóntano, vano falando, pouco a pouco, en rede como dicimos agora; a noticia feliz de Xesús vaise estendendo, vanse multiplicando as adhesións, vai habendo xente que vén, comparte vida, experimenta, anímase, asume tarefas e responsabilidades. Pouco a pouco, baixo a guía e forza do Espírito, na compaña cálida de Xesús, algo novo nace e se ofrece. Seguro que cada un, cada unha de nós teriamos moito que contar sobre desta rolada de adhesións á que nun momento determinado da nosa vida nos unimos. E quen considere sentirse xa collido por Xesús e pola súa causa queda igualmente invitado/a a unha maior intensidade e frecuencia. O de Xesús non ten remate.
Xesús non é algo inútil para os tempos críticos que vivimos. Celebrar a adhesión á súa persoa, á súa causa, non é desentenderse de todo o que nos está vindo enriba, de todo o que lles está vindo enriba á xente máis débil da sociedade. O proxecto de Xesús si que pon no centro aos máis débiles; se non, non é o proxecto de Xesús.
Preces
ONDE PARAS, XESÚS? QUEREMOS ESTAR CONTIGO
Que teñamos coma ti, Xesús, espírito buscador, e te busquemos e atopemos nas casas e nas vidas da xente máis débil. Oremos.
Que poidamos gozar da túa amizade, ser empuxados/as polo teu Espírito, atraídos/as pola túa causa, e nos convertamos en xente fiel e loitadora ao teu lado. Oremos.
Que nas nosas comunidades cristiás, na nosa Igrexa, sexamos capaces de crear espazos de vida e de convivencia, onde se contaxie a túa frescura, a túa vitalidade, a túa maneira nova de vivir e de convivir. Oremos.
Que os nosos veciños/as que o están pasando mal sintan o apoio da comunidade cristiá, e poidan chegar a ter pan e paz nas súas vidas aflixidas. Oremos.
Que os pobos pobres do mundo se poidan defender de quen os explota e esquilma, que a fe cristiá os fortaleza na busca e defensa da súa dignidade humana máis completa. Oremos.
Oración
Porque ti es, meu Deus,quen nos colmas da túa presenza,quen nos ofreces teimudamente a túa amizade íntima--ti es en nós, e nós somos en ti, a fondo, para sempre--,desexo ardentemente as túas apertas fondas,que perdoan ata as derradeiras torpezas,que renovan as vidas máis murchadas,que fan saltar de ledicia a quen anda canso/a e apagado/a.Porque ti es, meu Xesús, o Cristo,quen nos ofreces diariamente o pan da vida e da comuñón,en casa e mesa provocadora de fraternidade simple e radical;porque ti es quen camiñas a diario ao noso carón,nas nosas vidas vulgares feitas de lama e de milagres,sen romper de todo a cana crebadanin apagar a torcida que esmorece,suspiro pola hora de verte e estar contigo,contigo e coa túa xente,para aprender camiños de comunidade na paz e no servizo.Porque es ti, Espírito bo e santo de Deus,quen nos fas alentar e amar,quen sostés as miúdas ilusións de cada díarelanzándoas ata o corazón mesmo de Deus,madrugo cada mañá co afán medradode sentirte moito onda min en toda hora:cando ando nos traballos toda apurada,cando como coa familia ou coas amigas,cando falo, canto ou río con quen amo,cando me uno a quen se une para a vida,e loito e sufro e soño e choro e durmo o meu cansazo.Porque es ti, comunidade, o berce dos meus gozos,e me sostés nas túas mans de nai sempre afanadas,ora suaves, ora duras, degretadas,por iso busco e peto á túa porta,para vivirte a fondo, canto poida,na forma da familia escollida e regalada,ou do grupo cristián que me acolle e me constrúe;para vivirte a fondo, comunidade,cando coa xente como e bailo polas festas,cando agradezo a quen morreu no seu velorio,cando protesto con quen protestapor tanta man inxusta que anda pola terra,e vou aos plenos do Concello,falando sempre do que conta quen non conta,sabéndome feliz no grupo dos que perden,do grupo dos que soñan ser posible o que é imposible.Porque somos no Pai, en Xesús, no Espíritocasa, fogar, conversa, unión, comunidade,gozo de ser e de vivir fraternalmente,onde paras, Xesús, que quero ir,onde vive e loita e repousa a túa xente?
Acción
Podemos recordar hoxe a persoa ou persoas que por primeira vez nos puxeron en contacto con Xesús dun xeito significativo. Podemos contactar con esa persoa e agradecerllo. Podemos tamén ver se para alguén fomos a persoa que lle servimos de ponte para acceder a Xesús, e gratificarnos con iso.
18 de xaneiro: Luns da 2ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Her 5, 1-10. Salmo: 109, 1. 2. 3. 4
Ano 2: 1ª lectura: 1 Sam 15, 16-23. Salmo: 49, 8-9. 16bc-17. 21 e 23
Evanxeo: Mc 2, 18-22
Un día no que os discípulos de Xoán e máis os fariseos gardaban o xaxún, viñéronlle preguntar:
Como é que mentres os discípulos de Xoán e máis os dos fariseos gardan o xaxún, os teus non o gardan?
Xesús contestoulles:
—Pero, logo, poden os compañeiros do noivo xaxuar mentes o noivo está con eles? Mentres teñan consigo o esposo non poden xaxuar. Xa virá o día no que lles leven o esposo e daquela si que xaxuarán.
Ninguén lle bota un remendo de pano novo a un vestido vello, porque o novo tiraría polo vello e a rachadura faríase máis grande. Tampouco ninguén bota viño novo en pelellos vellos, porque o viño rebentaría os pelellos e perderíanse pelellos e viño. Xa sabedes, a viño novo, pelellos novos.
Meditación
Para Xesús o importante non era cumprir con normas relixiosas tales coma as do xaxún; para el o primeiro, o máis importante, aquilo polo que de verdade había que preguntarse, era se de verdade temos consideración, agarimo, servizo coa xente que nos rodea, maiormente se é xente envolta en calquera debilidade. Para Xesús, aí é onde se xoga o fundamental dunha persoa relixiosa. Porque tal como nos relacionamos coa xente, así, no fondo, nos relacionamos con Deus.
As primeiras comunidades cristiás deseguida tiveron claro que o de Xesús era coma un pano novo que non se podía aplicar a un vestido vello, ou coma un viño novo que non era ben vertelo en pelellos vellos. Cando de todo isto non nos estará pasando a nós tamén? Canto nas nosas vidas cristiás, nas vidas das nosas comunidades cristiás non se fixo xa un vestido vello, un pelello vello, que non aguantan a novidade de Xesús? Cantas rutinas baleiras ocupan o lugar do fundamental na vida das nosas parroquias?
Oración
Achégome a ti, Xesús,para aprender a coñecerme,para poder ver canta rutina hai na miña vida relixiosa.Porque, se cadra,doulle importancia ao que non a ten,e réstolla ao que verdadeiramente a ten.para poñer no centro de todo o coidado da xente,no nome de Deus,e así poder avanzar polos teus camiños novos.Achégome a ti, Xesús,ben sabes ti que facer comigo.
Acción
Repasa as túas prácticas relixiosas. Mira se hai algunha que esteas cumprindo por rutina. Mira se teñen algo que ver ou non con iso de coidar de veras a xente e a nós mesmos no nome de Deus. E limpa a túa vida de cousas sen xeito.
19 de xaneiro: Martes da 2ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Heb 6, 10-20. Salmo: 110, 1-2. 4-5. 9-10c
Ano 2: 1ª lectura: 1 Sam 16, 1-13. Salmo: 88, 20. 21-22. 27-28
Evanxeo: Mc 2, 23-28
Un sábado cadrou que pasaron Xesús e os seus discípulos por uns terreos sementados; os seus discípulos, mentres ían de camiño, empezaron a arrincar espigas. Entón dixéronlle os fariseos:
—Mira para aí, por que fan o que non lles está permitido facer en sábado?
El respondeulles:
—Seica non sabedes o que fixo David, cando el e máis os seus acompañantes se viron apurados e con fame? No tempo do Sumo Sacerdote Abiatar entrou na casa de Deus e comeu o pan ofrecido --pan que só podían comer os sacerdotes-- e repartiu incluso cos seus compañeiros.
E concluíu:
—O sábado fíxose para o servizo do ser humano, e non o ser humano para o servizo do sábado. Así que o Fillo do Home é Señor incluso do sábado.
Meditación
Non entenden os fariseos que os discípulos collan unhas espiguiñas de ao pé do camiño e as debullen para matar un nada a fame; para eles era quebrantar o mandamento que prohibía traballar en sábado. Noutros tempos tamén na nosa Igrexa había normas algo semellantes. Hoxe xa non corremos tanto ese perigo. A práctica relixiosa déixase de lado sen pega ningunha na maioría dos casos.
Por iso para nós o reto é outro: como recuperar unhas boas prácticas relixiosas, esas que humanizan de verdade, esas que están ao servizo da dignidade e da pacificación das persoas, esas que nos axudan a vivir en comunidade, que nos fan xente atenta ás persoas débiles e fracasadas, esas que nos axudan a recoñecer os erros sen fundirnos, esas que nos animan a loitar contra quen quere facer das persoas uns monecos ao mandado do consumo, esas que nos axudan a non rendernos coma paifocos ante unha cultura do fácil, do rápido, do gustoso.
Oración
E ti, Xesús, segues estando aí,aprendéndonos a criticar a relixión,cando tamén nos escraviza;e aprendéndonos a apegarnos de corazónao Deus da vida,que mira pola nosa vidacomo pai ou nai amorosa e solícita.Eu quero andar canda ti, Xesús,en fidelidade fonda,en liberdade fonda.Cólleme da mane fagamos xunt@s ese camiño.Contigo ao carón todo saíra ben.Seguro.Grazas.
Acción
Pensa de novo nas túas prácticas relixiosas. Repara hoxe naquelas que máis che axudan a medrar como individuo e como persoa comunitaria. Mira como as poderías mellorar, para que de verdade se cumpra en ti iso de que o sábado está ao servizo das persoas e non ao revés.
20 de xaneiro: Mércores da 2ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Heb 7, 1-3. 15-17. Salmo: 109, 1. 2. 3. 4
Ano 2: 1ª lectura: 1 Sam 17, 32-33. 37. 40-51. Salmo: 143, 1. 2. 9-10
Evanxeo: Mc 3, 1-6
Volveu entrar Xesús na sinagoga e alí atopou un home que tiña a man tolleita. Toda a xente estaba observando a ver se ousaba curalo en sábado, para o poderen acusar. Entón díxolle Xesús ao home da man tolleita:
—Érguete e ponte no medio.
E preguntoulle a eles:
—Que está permitido no sábado: facer o ben ou facer o mal, salvar a vida ou deixar morrer?
Eles calaron. Xesús, botándolles unha ollada chea de carraxe e tristura debido á dureza do seu corazón, díxolle ao enfermo:
—Estende a túa man.
El estendeuna, e a man curou. E xa ao saíren da sinagoga os fariseos empezaron a maquinar cos herodianos no xeito de acabar con Xesús.
Meditación
Estamos outra vez ante un caso no que os fariseos, xente moi relixiosa do tempo de Xesús, ven máis importante cumprir certas normas relixiosas (non traballar en sábado, o seu día santo) ca valerlle a unha persoa. Xesús rebelouse contra este tipo de historias; non lle collía na cabeza que unha persoa relixiosa puidese pensar así, por iso di o evanxeo que lles botou unha ollada chea de carraxe ou rabia e tristura. Dáballe mágoa que alguén puidese entender e vivir dese xeito a fe en Deus. A verdadeira fe sempre pon por riba de todo o ben da xente. A fe sempre debe estar ao servizo da vida na xente. Que podemos aprender disto?
Xesús non disimula o seu cabreo e tristura, ao contrario, maniféstao publicamente. Xesús era polémico pola honra de Deus e polo ben da xente fráxil. E aqueles fariseos, no canto de recapacitar, recoñecer os erros e cambiar, o que fan é confabularse con outros para acabar con Xesús. Tamén isto é ben penoso; alguén alumeaba as súas escuridades, pero eles non queren abrirse á luz. Que podemos aprender tamén disto?
Oración
Ti, Xesús,quéresme librar dos perigos da relixiónabríndome os ollos e o corazónpara poñer o ben da xente por riba de todo.Grazas, Xesús.Ti, Xesús,apréndesme a cabrearmee a manifestar o meu cabreocando a relixión lle faga trampas a Deuse á xente máis débil.Grazas, Xesús.Ti, Xesús,chámasme ao recoñecemento dos meus erroscando alguén me chama a atenciónno nome de Deus,no nome da xente máis necesitadaa quen Deus defende por riba de todo.Grazas, Xesús.
Acción
Pénsao. Que cres que poderiamos facer e non estamos facendo as persoas crentes polo ben da xente máis débil e necesitada que hai ao noso redor? Cres que poderías facer algo, en por ti so ou uníndote a outras persoas? Faino.
21 de xaneiro: Xoves da 2ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Heb 7, 25—8,6. Salmo: 39, 7-8a. 8b-9. 10. 17
Ano 2: 1ª lectura: 1 Sam 18, 6-9; 19, 1-7. Salmo: 55, 2-3. 9-10. 11-12. 13
Evanxeo: Mc 3, 7-12
Un día foi Xesús cos seus discípulos para a ribeira do mar, e seguiuno moitísima xente chegada de Galilea e de Xudea. Ao oíren as cousas que facía, acudía a el unha morea de xente de Xerusalén, de Idumea, da outra banda do Xordán e máis da comarca de Tiro e Sión. El encargoulles aos seus discípulos que lle tivesen preparada unha lanchiña para que a xente non se lle botase enriba, porque curara a tantas persoas enfermas que todo o mundo o quería tocar para quedar así curadas das súas doenzas. Mesmo os malos espíritos se prostraban ante el cando o vían, e berraban:
—Ti es o Fillo de Deus.
Pero Xesús reprendíaos severamente para que non o descubrisen.
Meditación
As cousas vanlle ben a Xesús. A xente anda a moreas ao redor del; el ten un aquel especial para curar, animar, alentar, motivar a aqueles homes e mulleres que andaban derreadas pola vida, arrastrando tantas veces un corpo ferido e un espírito apoucado. Que é o que estaba pasando? Era o Espírito bo de Deus que se facía presente naquel veciño aldeán? Como vivía Xesús todo aquilo? Parece como se Xesús tivese as súas reservas con tanto éxito. Vivir sensatamente nos éxitos é tan difícil como vivir os fracasos. E estes habían chegar.
A vida das nosas comunidades parroquiais non pasa, en xeral, polos mellores momentos. Entre nós son agora multitudes as que parece que non queren saber nada da fe, da Igrexa, e se van arredando dela. Por que pasa isto? Non ollemos para fóra, miremos para a propia casa. Andamos no medio da xente, en contacto coas súas penas e alegrías, como se ve que andaba Xesús, deixándose afectar por elas? Ofrecemos limpamente o aire curador, liberador, que ofrecía Xesús?
Oración
Veño onda ti, Xesús,coas miñas doenzas nas mans,coas doenzas tamén de moitos homes e mulleresque ti coñeces moi ben.Veño esperando contaxiarme de ti,algo polo menos;contaxiarme da túa curación, do teu alento;e, se pode ser,contaxiarme tamén un pouquiñoda túa marabillosa capacidadede recuperar corpos e ánimospara a saúde, para a esperanza.Se puidera ser, Xesús!Canto me gustaría!
Acción
Se estás pasando por unha enfermidade corporal ou por un mal momento de ánimos; se na túa comunidade cristiá as cousas non van ben; se na túa asociación, sindicato ou partido político as cousas se torcen, preséntalle todo iso a Deus na túa oración, e compárteo tamén con algunha persoa que te poida alentar. Tamén podes visitar algunha persoa enferma para confortala algo.
22 de xaneiro: Venres 2ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: He 8, 6-13. Salmo: 84, 8 e 10. 11-12. 13-14
Ano 2ª 1ª lectura: 1 Sam 24, 3-21. Salmo: 56, 2. 3-4. 6 e 11
Evanxeo: Mc 3, 13-19
Unha vez subiu Xesús ao monte, chamou a quen el quixo e xuntáronse con el. Logo nomeou doce para que o acompañasen e para envialos a predicar con poder de botar os demos fóra.
Estes foron os doce que nomeou Xesús: Simón, a quen lle puxo de nome Pedro; Santiago, o fillo de Zebedeu e máis seu irmán Xoán, aos que lles puxo de sobrenome Boanerxes, que quere dicir "fillos do trono"; André e Filipe, Bartolomeu e Mateu, Tomé e Santiago, o fillo de Alfeu, Tadeu e Simón o Zelota, e Xudas Iscariote, o traidor.
Meditación
A xente do pobo dos tempos de Xesús estábao pasando moi mal, e a vida relixiosa, tal como a levaban, pouco lles valía. Hoxe, sen ser nin moito menos os que peor o pasamos no mundo, tamén nós temos problemas, no campo dun xeito moi particular: pouca xente, xente maior, aldeas despoboadas, parroquias que se quedan sen cura e sen vida parroquial tanto nos camiños e nas terras, como nas mesmas igrexas. Que facer? Que podemos facer na comunidade cristiá da que formamos parte? Que nos ofrecería Xesús se estivese hoxe aquí connosco?
Xesús non era daqueles que se laian sen facer nada. Diríanos: xuntádevos, precisamente porque sodes pouc@s e vell@s, coidádevos, mimádevos, alentádevos, non digades nada, non fagades nada que roube a paz e os ánimos, apuntádevos a todo o que sexa común, gustade o bo que é vivir en irmandade, xuntádevos nunha cociña, nun camiño, no adro da igrexa, na mesma igrexa, contádevos as cousas entre vós, contádelle as vosas vidas a Deus con confianza, escoitade tamén o que el vos diga. E eu estou no medio de vós, dinos Xesús. Para iso todas, todos valedes, dinos Xesús: a Visita, o Maxín, o Santiago, a Carme, o Manolo, a Delia, ...
Oración
Que te sintamos vivo no medio de nós, Xesús,chamándonos polo nome para facer pobo,espelindo en nós a esperanzae converténdoa en cousas de unión ao teu redor.
Acción
Seguramente na túa parroquia ou pobo estanse levando a cabo cousas de unión, relacionadas ou non coa vida relixiosa. Apúntate. A parroquia necesita de ti para seguir sendo unha parroquia viva.
23 de xaneiro: Sábado da 2ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Heb 9, 2-2. 11-14. Salmo: 46, 2-3. 6-7. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: 2 Sam 1, 1-4. 11-12. 19. 23-27. Salmo: 79, 2-3. 5-7
Evanxeo: Mc 3, 20-21.
Naquel día Xesús e os seus discípulos fóronse para a casa; alí xuntouse de novo tanta xente que nin comer podían. E cando o souberon os seus parentes, fórono buscar á forza, porque a xente dicía que perdera o sentido.
Meditación
Si, Xesús estaba algo tolo. Metéranselle na cabeza cousas tolas, como pensar que Deus era por riba de todo un Deus de perdón, achegado á xente en todo; como pensar que, aínda que sexamos ruíns, Deus espera algo grande de nós e nos acompaña na nosa transformación; como pensar que había que darlle cara a tanto abuso que facía que a xente malvivise con amargura e desesperanza. E botárase polos camiños a contaxiar a xente destas ideas tolas. E a xente arremuiñábase ao redor del. E os seus parentes non viron cousa mellor que facer ca collelo á forza, levalo para a casa, cantarlle as corenta, para que asentase a cabeciña.
Moi probablemente nós fariamos outro tanto. Porque iso é o que normalmente facemos cando alguén remexe as cousas, nos quere sacar das rutinas, tanto nas cousas da igrexa, nas cousas da fe, coma nas cousas da vida corrente, da vida social e política.
Claro que tamén podemos meternos entre a xente que se arremuíña ao redor de Xesús, escoitalo atentamente, e deixarnos envolver no seu afán de cambio no nome de Deus.
Oración
Quen me dese ser un pouco tolo coma ti, Xesús,un pouco polo menos!Quen me dese poder saír contigo de tanta rutina,relixiosa e social,na que envolvo a miña vida!Quen me dese un chisco da túa rebeldía,para facerme máis limpo e verdadeira,para axudar a mellorar a sorte de quen máis apanda na vida.Veño onda ti, Xesús,o toliño de Nazaré.Faime un pouco tol@ coma ti.
Acción
Observa como falamos normalmente das persoas que rompen algo os moldes tradicionais nas cousas relixiosas ou nas cousas normais da vida. Non te deixes levar por esa corrente. Intenta comprender as persoas innovadoras; quizais Deus te estea ofertando algo a través delas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.