16 xaneiro, 2021

Fratelli tutti: oración 2 capítulo

 


PREGARIA 
(Capítulo 2 da encíclica)

Un estraño no camiño
 
Manuel Regal Ledo

Xesús,
irmán maior e mestre,
canto desexo deixarme coller todo/a enteiro/a
pola túa persoa,
polos teus feitos de vida,
pola túa palabra sinxela e directa,
crítica e alentadora!

Cólleme da man e lévame
ata o mesmo corazón de Deus,
alí onde todo amor
ten a súa fonte e clarificación,
para aprender a amar e servir,
como a Deus lle acae,
como ti mesmo, Xesús, nos aprendiches.

Que ao teu carón, Xesús,
seguindo as túas pegadas de bo samaritano,
entenda que servir a xente,
sobre todo a máis desvalida,
é o máis principal acto de culto ao noso Deus querido.

E que, superando toda indiferenza,
o meu corazón se acenda,
as miñas mans se multipliquen,
os meus gustos e intereses se dilúan,
ata que ninguén xaza mallado nas cunetas da vida.

Que a túa intelixencia amorosa
me axude a comprender
os complexos males que poden aflixir a xente.
Que saiba amar, acompañar, servir
ata o extremo,
coma ti.

Contigo, Xesús,
que acerte a combinar,
sen ningún tipo de trampas,
os coidados tenros dados á persoa concreta
coa atinada organización política e social de todo tipo.

Que bo, Xesús,
saberme persoa asaltada na ruta da vida,
e atendida por ti mesmo e por tantos samaritanos/as que me acompañan!
Que bo, Xesús,
saberme samaritano, samaritana,
para atenderte cando es ti mesmo o que xaces mallado
nas vidas desfeitas de quen sofre abusos e exclusións!



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.