04 febreiro, 2021

Tempo Ordinario: 5ª semana


7 de febreiro: Domingo 5º do tempo ordinario


1ª lectura: Xob 7, 1-4. 6-7. Salmo: 146, 1-2. 3-4. 5-6
2ª lectura: 1 Cor 9, 16-19. 22-23

Evanxeo: Mc 1,29-39

Un día, despois de saír da sinagoga, Xesús foi á casa de Simón e máis de André con Santiago e Xoán. A sogra de Simón estaba na cama con febre e axiña lle falaron dela. E, achegándose, colleuna pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos.

Chegada a tardiña, xa de sol posto, leváronlle todos os enfermos e endemoñados; a vila enteira se amoreou na porta. E sandou a moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demos. Pero aos demos non os deixaba falar, porque o coñecían ben.

Moi cedo, aínda de noite, Xesús ergueuse e saíu para un lugar arredado onde se puxo a orar. Simón e máis os que estaban con el fórono seguindo e, cando o atoparon, dixéronlle:

—Todos te andan a buscar.

El respondeulles:

—Vaiamos a outro sitio, ás aldeas veciñas, para que tamén alí se predique, pois para isto vin.

E marchou e ía predicando nas sinagogas por toda Galilea e botando fóra os demos.

Meditación

Xa diciamos no comentario do domingo anterior que Marcos nos estaba presentando de forma corrida unha xornada completa da vida que Xesús determinara coller despois de romper co grupo de Xoán Bautista, ao que estivera vinculado por un tempo considerable. O texto de hoxe séguenos contando cousas desa xornada evanxelizadora de Xesús.

O relato está cheo de circunstancias sinxelas, ordinarias, cotiás, desas que compoñen tamén moitas veces o conxunto das nosas xornadas: ir de visita á casa duns amigos, consolar e aliviar a unha persoa enferma, preocuparse pola xente que o está pasando mal, falar dela, e facer todo o que se poida por aliviala tamén, comer, durmir, erguerse para rezar, e empezar un novo día con esa idea firme de seguir compartindo a Boa Nova de Deus, o Deus da Boa Nova coas persoas e circunstancias da vida que un vaia atopando ou buscando adrede. O ordinario da nosa vida de cada día podémolo encher, coma Xesús, deste fondo de ilusión e de novidade en Deus pola xente, ou podémolo vivir apagadamente, indo a rastro da vida, sen discernila, sen impulsala nin gozala nun mesmo e nos demais, na sociedade. Se nos apegamos a Xesús, seguro que recuperaremos tamén o seu estilo positivo, a súa maneira sinxela de enchelo todo de vida e de ilusión.

O estilo da vida de Xesús, a súa maneira de levar a cabo a tarefa de Deus entre a xente era así: Xesús ía á sinagoga, algo así como as nosas igrexas; ía tamén ao templo de Xerusalén, pero o seu forte eran as casas, as rúas, os camiños, as comidas, os encontros casuais; calquera espazo se lle facía propicio para transmitir coa palabra e cos feitos aquilo que levaba no corazón, que non era senón a glorificación de Deus mediante o benestar total, completo da xente. Fálase moito na Igrexa da necesidade dunha nova evanxelización das nosas comunidades, da nosa sociedade. Que forma máis sinxela e eficaz de facelo nos ofrece Xesús! Seguro que nos iría a todos moi ben se imitásemos as maneiras evanxelizadoras que tiña Xesús.

Dentro doutros detalles máis ou menos importantes que tamén aparecen neste relato, o que máis se destaca é esa disposición de Xesús a levar saúde ás persoas necesitadas dela que se achegaban a el. Non sabemos ben ata que punto Xesús tiña calidades de “curandeiro”, ata que punto os relatos do Evanxeo esaxeran e multiplican curacións para resaltar a forza, o poderío de ben que tiña Xesús; os estudosos máis serios din que si, que a súa forza de ben e de bondade era tanta que moita xente atribulada, aflixida, enferma, no corpo ou na mente, no corpo ou na alma, se sentía fondamente aliviada nos encontros con el. E non é de estrañar.

O Evanxeo, logo, invítanos a sermos tamén nos beneficiarios do poder curador de Xesús. Sen maxias de ningún tipo, desde a sinxeleza da fe, podemos achegarnos con moito proveito a ese foco de vida, de ilusión, de sanidade que emana da palabra e da vida de Xesús. E tamén doutras persoas que viven e actúan ao seu abeiro, cos seus mesmos método, co seu mesmo espírito, que as hai entre nós, grazas a Deus!

O Evanxeo invítanos tamén a sermos nós mesmos xente de curación, a que desenvolvamos en nós esa capacidade que Deus nos dá, por ternos feito a imaxe e semellanza súa, de xerar vida, saúde, ánimo, resistencia, paz..., que non está nada de máis en tempos coma os que estamos vivindo.

Este labor podémolo facer, coma Xesús, no día a día, no cara a cara de calquera momento. Podémolo facer tamén de forma máis organizada, desde a comunidade cristiá da que formamos parte, desde a asociación, o sindicato ou o partido político no que participamos. Podémolo facer de forma calada, ou de forma estridente, segundo vexamos que o precisa o ben da xente. Sermos hoxe nós, no que poidamos, extensión de Xesús no noso tempo, que cousa máis fermosa!

Preces

TODOS, XESÚS, TE ANDAMOS A BUSCAR

Porque necesitamos da túa forza curadora en moitas horas de dor, de sufrimento, de medo, de pecado, de desesperación. Dicímosche con fe.

Porque na nosa comunidade cristiá, na Igrexa toda, queremos aprender as túas maneiras de vivir e de evanxelizar. Dicímosche con fe.

Porque queremos fortalecernos ao teu lado para poder ofrecer alivio corporal e espiritual a quen nolo demande. Dicímosche con fe.

Porque necesitamos a túa luz e a túa forza para enfrontarnos a quen nos tempos de hoxe quere aproveitarse dos débiles para engordar máis. Dicímosche con fe.

Porque es bo e marabilloso, porque es valente e loitador, porque nos abres os ollos e nos devolves as ilusións. Dicímosche con fe.

Oración
Facer pola saúde no teu nome, Señor,
pola saúde do corpo e da alma,
pola saúde das persoas e dos pobos,
pola saúde da xente nova e da vella.

Facer pola saúde no teu nome, Señor,
defendendo unha sanidade pública gratuíta e universal,
para que a xente máis débil non se vexa marxinada,
sendo peor atendida no nacemento, na enfermidade e na morte.

Facer pola saúde no teu nome, Señor,
urxindo preferencias para os grupos marxinais:
alcohólicos, drogodependentes, feridos pola SIDA, ...
de xeito que tamén aquí os últimos sexan os primeiros.

Facer pola saúde no teu nome, Señor,
traballándoa, buscándoa, esixíndoa
dentro e fóra do noso país,
para que ninguén morra en ningún sitio
por males que a ciencia sabe e pode controlar.

Facer pola saúde no teu nome, Señor,
coidándonos no día a día,
comendo sobriamente, para compartir tamén a nosa abundancia,
cambiando os nosos estilos de vida,
facéndoos máis libres e gratuítos.

Facer pola saúde no teu nome, Señor,
velando pola paz, pola serenidade fonda,
pola reconciliación íntima con nós mesmos
pola harmonía veciñal,
pola comunicación, pola conversa,
pola alegría dada e recibida.

Facer pola saúde no teu nome, Señor,
e así, cando veña a enfermidade irremediable,
saber acollela e vivila tamén no teu nome,
coa túa presenza amable e pacificadora ata o fin.
Amén.
Acción:

¿Cómo está sendo a nosa relación coa xente enferma, a da propia casa ou familia, a da xente veciña que coñecemos? ¿Dedicamos tempos ao acompañamento, ás visitas? ¿Temos palabra amable, motivadora? ¿Somos tolerantes, comprensivas/os coa xente enferma? Visitemos hoxe a algunha persoa enferma como Xesús o faría.


8 de febreiro: Luns da 5ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 1, 1-19. Salmo: 103, 1-2a. 5-6. 10 e 12. 24 e 35c
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 8, 1-7. 9-13. Salmo: 131, 6-7. 8-10

Evanxeo: Mc 6, 53-56

Cando atravesaron para a outra banda, chegaron a Xenesaret e alí desembarcaron. A xente de contado o recoñecía. Puxéronse a recorrer toda aquela comarca; cando a xente sabía onde estaba Xesús, levábanlle todos os enfermos en leitos. Nas aldea, vilas e cidades por onde pasaba poñían os enfermos nas rúas, rogándolle que lles deixase tocar tan sequera a orla do seu manto; e toda a xente que a tocaba quedaba curada.

Meditación

Parece un soño. E seguro que diremos: quen nos dese que entre nós houbese tamén un home así! É posible que o evanxelista, levado polo agarimo e a admiración por Xesús, esaxere algo as cousas. De todos modos Xesús era algo excepcional. Era un verdadeiro apaixonado polo benestar da xente, pola saúde física e espiritual de cantas persoas a el se achegaban, e todo percibían no seu corpo e o seu espírito esa forza de ben. Sen dúbida que, se nos achegamos a el, á súa palabra, ao seu xeito de vivir, moito ben nos virá para o noso espírito e para o noso corpo. Seguro.

Pero tamén sabemos que a vida non se fai con milagres. Faise con apostas humildes, cotiás, valentes, por todo o que leve coidado e dignidade á xente, maiormente á máis débil. Eses son os milagres que hoxe Deus quere e fomenta.

Oración
Tocar a orla do teu manto, Xesús,
quen me dese!
Asomarme sequera a esa fonte de vida
que deitaba xenerosamente de ti,
quen me dese!
Achegar o meu corazón ao teu un chisquiño
para acendelo no mesmo soño humanitario,
quen me dese!
E todo no nome do Deus da vida
que te envolvía por dentro e por fóra,
quen me dese!
Quen me dese, Xesús,
quen me dese!
Acción

Se tes oportunidade, fai por ir visitar un enfermo na súa casa ou na residencia. Está ao tanto e participa en calquera movida que defenda os servizos públicos, especialmente o relativo coa saúde humana en calquera das súas ramas.


9 de febreiro: Martes da 5ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1: lectura: Xén 1, 20—2, 4a. Salmo: 8, 4-5. 6-7. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 8, 22-23. 27-30. Salmo 83, 3. 4. 5 e 10. 11

Evanxeo: Mc 7, 1-13

Reuníronse con Xesús un grupo de fariseos con algúns letrados chegados de Xerusalén e viron que os discípulos de Xesús comían con mans impuras, é dicir, sen antes lavaren as mans. (É sabido que os fariseos e os xudeus todos non comen sen lavaren ben as mans, seguindo así as vellas tradicións; e cando chegan da rúa, tampouco comen sen se bañaren antes; tamén están moi apegados a outras tradicións, como o lavar vasos, xerras e bandexas). Por iso os fariseos e máis os letrados preguntáronlle:

—Por que os teus discípulos non se portan conforme á tradición dos devanceiros, senón que comen con mans impuras?

Xesús contestoulles:

—Que ben profetizou Isaías de vós, hipócritas, como está escrito:
"Este pobo hónrame cos labios,
pero o seu corazón está lonxe de min.
Danme un culto inútil,
porque a doutrina que ensinan
non son máis que costumes humanos.
Rexeitades os mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións da xente."
E dicíalles:

—Que ben quebrantades os preceptos de Deus, para conservar as tradicións humanas! Porque Moisés dixo: Coida de teu pai e máis de túa nai, e quen abandone a seu pai ou a súa nai é reo de morte. Pero vós dicides: Se un home dixese a seu pai ou a súa nai "o sustento que poderías recibir de min é korbán, é dicir, vai para o Templo como ofrenda", xa non lles permitides facer nada por eles, invalidando o mandamento de Deus coa vosa tradición. E así facedes outras moitas cousas parecidas.

Meditación

Daquela, coma hoxe, as normas de hixiene eran cousa boa; iso non se discute. O malo era que daquela había persoas que entendían que esas normas de hixiene eran un mandato de Deus, e facían deses mandatos algo moi importante, case central, da súa vida relixiosa, deixando de lado outras cousas que tiñan que ver co respecto e coidado de xente, coa xustiza, coa consideración polas persoas máis fráxiles e marxinadas.

A nós ás veces pásanos algo parecido: acendémonos na defensa dalgúns costumes do pasado, por exemplo, gardar unha hora de xaxún para poder comungar, confesar dunha determinada maneira, ou mesmo que as mulleres non poidan ser curas, ou que os curas teñan que ser célibes. Son cousas que poden ter a súa importancia, pero non son o principal. O principal dunha vida cristiá é algo moi simple: coidarnos a fondo como persoas no corpo e no espírito, e facer outro tanto coa xente que nos rodea, entendendo que calquera ser humano é tan meu como se fose eu mesmo, porque no fondo todos, todas somos unha realidade en Deus.

Oración
Que ben que me fose liberando coma ti, Xesús,
a base de ir sempre ao esencial,
e co esencial comprometer os meus pasos todos!
Que ben valorar as pequenas cousas
no que son e no que nos ofrecen,
sen apegar a elas o corazón, a vida!
Que ben, Xesús, poñer o amor no centro sempre,
e co amor concreto e real clarificar en todo a miña vida!
Canto me tes que aprender, Xesús,
canto me tes que aprender!
Acción

A vida, a vida relixiosa tamén, construímola día a día con pequenas accións, con pequenos costumes, que valen se nos axudan a camiñar cara ao esencial. Pensa: as túas prácticas relixiosas estante levando ao coidado da vida en ti e na demais xente?


10 de febreiro: Mércores da 5ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 2, 4b-9. 15-17. Salmo: 103, 1-2a. 27-28. 29bc-30
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 10, 1-10. Salmo: 36, 5-6. 30-31. 39-40

Evanxeo: Mc 7, 14-23

Unha vez convocou Xesús a xente e dicíalles:

—Escoitádeme todos e procurade entender. Nada do que hai fóra das persoas pode manchalas ao entrar nel; pero o que sae das persoas iso si que as mancha.

E cando entrou na casa, despois de deixar a xente, os discípulos preguntáronlle polo significado daquilo. Díxolles:

—E logo vós tampouco sodes capaces de entender? Non comprendedes que todo o que vén de fóra e entra no ser humano non o pode manchar, porque non penetra no seu corazón, senón no seu ventre, e de alí vai parar ao escusado?

Así declaraba puros todos os alimentos. E continuou:

—O que sae de dentro, iso si que mancha, porque de dentro, do corazón das persoas, xorden os malos pensamentos, as fornicacións, os roubos, os asasinatos, os adulterios, as cobizas, as maldades, os fraudes, os desenfreos, as envexas, as blasfemias, a soberbia, os desatinos. Todos eses males saen de dentro e manchan as persoas.

Meditación

Que cousa máis simple e máis fonda a que nos propón hoxe Xesús! A xente, todas e todos, tendemos a pacificar as nosas vidas adaptándoas a normas e mandatos que nos veñen de fóra, teñan que ver coa comida ou con calquera outra cousa. Xesús invítanos a ir máis alá. Invítanos a ollar o propio corazón, a propia interioridade, porque é aí onde nos decidimos de verdade polo ben ou polo mal, e onde sentamos as bases da nosa felicidade.

Os seres humanos somos simples e complexos ao mesmo tempo. Non é doado chegar ao fondo do propio corazón, para poder ver nel as forzas destrutivas e construtivas que nos moven; facilmente nos enganamos a nós mesm@s, e chegamos a crernos persoas perfectas, negándonos a ver o que realmente somos, o que realmente nos move. No fondo do noso corazón, das nosas vidas, non estamos só nós, tamén está Deus, coa súa forza de luz, de paz, coas súas apertas, forzas e perdóns. Por iso non debiamos ter medo a entrar no noso mundo interior con dispoñibilidade para todo o que xurda, que sempre será bo.

Oración
Aquí está o meu corazón, Xesús,
a miña vida toda,
coas súas aparencias e coas súas fonduras,
co que creo controlar e co que se me escapa das mans.
aquí estou eu, Xesús, ante ti,
con humildade completa,
cómo senón, Xesús!
Aquí estou desexando que o teu Espírito
me ilumine e me fortaleza,
para facerme libre no que é bo, no que é xusto,
sempre, se é posible.
Grazas, Xesús.
Acción

Podes facer algún pequeno exercicio de clarificación persoal. Por exemplo, que é o que cada día che aporta paz, serenidade, forza? Que é o que te altera e desconsola?


11 de febreiro: Xoves da 5ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 2, 28-25. Salmo: 127, 1-2. 3. 4-5
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 11, 4-13. Salmo: 105, 3-4. 35-36. 37 e 40

Evanxeo: Mc 7, 24-30

Unha vez foi Xesús cara á terra de Tiro. Alí entrou nunha casa, porque non quería que ninguén o recoñecese. Pero non lle foi posible pasar inadvertido, pois deseguida chegou unha mulleriña que tiña unha filla posuída por un espírito malo e botóuselle aos pés. Esta muller era pagá, unha sirio-fenicia, e rogáballe que lle librase a filla do espírito malo. Pero Xesús díxolle:

—Deixa que se farten primeiro os fillos, pois non é ben quitarlle o pan aos fillos, para botárllelo aos cans.

Ela contestoulle:

—Non é, Señor, non é; pero tamén os cadeliños apañan debaixo da mesa as faragullas que deixan caer os fillos.

El díxolle entón: vaite, que polo que acabas de dicir xa o demo saíu da túa filla.

E así foi; ao que chegou á casa, atopou a filla deitada na cama, libre do demo.

Meditación

Un relato precioso. A insistencia dunha muller, dunha nai non xudía, que acaba dobregando as resistencias de Xesús. Quen sabe se estamos ante un relato construído para xustificar a apertura das primeiras comunidades cristiás ao mundo pagán, non xudeu. Pero sorprendeulle a Xesús ver como fóra do xudaísmo había xente, unha muller neste caso, aberta ao Espírito, aberta á Boa Nova, capaz de acoller para si e para os seus toda a bondade que Deus verte sobre todos os seus fillos e fillas, sexa cal sexa a súa procedencia, a súa fe. Con canto orgullo estéril podemos andar a xente relixiosa, orgullo que nos impide achegarnos a Deus e gustar del na nosa vida! E, ao contrario, con canto pracer abre Deus as portas da súa amizade a quen anda humildemente pola vida, mendigando apoios e solidariedades, veñan de onde veñan!

Oración
Coma unha cadeliña, meu Deus,
coma unha cadeliña, non máis,
apañando debaixo da túa mesa
as migallas da túa abundancia
espalladas aquí e acolá por todo o mundo.
Apañándoas de ti sen reparos,
e, sen reparos tamén,
compartíndoas cos meus irmáns e irmás,
sexan do país e da relixión que sexan.
Porque ti, meu Deus, es sen distinción
pai ou mai de todo o mundo,
fonte de vida para todo o universo.
Grazas, meu Deus.
Cóllesme da man
para introducirme nese teu mundo máxico,
infinitamente humano.
Grazas, meu Deus.
Acción

Seguro que coñeces persoas doutras relixións que andan polos nosos pobos e aldeas. Respéctaos fondamente. Comparte con elas cando menos a túa palabra, a túa benevolencia, e, no que poidas e saibas, tamén a túa fe, dispost@ tamén, iso si, a respectar e valorar a súa.


12 de febreiro: Venres da 5ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 3, 1-8. Salmo: 31, 1-2. 5. 6. 7.
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 11, 29-32. 12, 19

Evanxeo: Mc , 31-37

Xesús, deixando Tiro, de novo veu dar por Sidón ao mar de Galilea, atravesando a Decápolis. Presentáronlle un xordomudo e suplicáronlle que lle impuxese as mans. Xesús separouno da xente, meteulle os dedos nas orellas e tocoulle a lingua con cuspe. Logo, erguendo os ollos ao ceo, suspirou e dixo:

—Effatá (ou sexa: "ábrete")

E no instante abríronselle os oídos e falaba perfectamente. Logo prohibiulles contalo a ninguén; pero canto máis llelo prohibía, máis o espallaban. E a xente, totalmente abraiada, comentaba:

—Que ben o fai todo! Fai que os xordos oian e que os mudos falen.

Meditación

Non sabemos exactamente que hai de feito histórico e que hai de esaxeración ou símbolo nos relatos que contan os milagres de Xesús. Parece probado que tiña un don especial para a curación, tanto dos corpos coma dos espíritos, da vida en xeral. E é totalmente seguro que tiña unha paixón especial pola xente máis ferida pola desgraza ou pola maldade doutra xente. O seu era sempre axudar a recuperar persoas para o goce de vida, para a convivencia social. E facíao fuxindo da fama, non buscándose a si mesmo, senón a gloria de Deus que brilla na xente feliz.

Tamén nós temos o don de facer milagres, moito máis do que pensamos. Podemos ser, ou non, persoas que loitan polo bo funcionamento dos servizos públicos para toda a xente; se o somos, moitos milagres facemos. Podemos ser, ou non, persoas que arrimamos a quen máis ande envolta en debilidade para lle amosar o noso aprecio, a nosa compaña e servizos; se o facemos, moitos milagres podemos facer tamén.

Oración
Bendito sexas, meu Deus,
nas persoas todas que miran polos demais
con ollada de misericordia,
con medidas de xustiza.
Bendito sexas, meu Deus,
nas persoas enfermas que son curadas,
nas persoas marxinadas que son integradas na comunidade,
nas persoas tristes que recobran a ledicia.
Bendito sexas tamén
naqueloutras persoas que, a pesar de todo, sofren e morren,
pero fano no medio dos coidados axeitados.
E bendito, sobre todo, en quen padece e morre
no medio do abandono e dos desalentos:
ti, que todo o fas ben,
saberás recuperar para a vida a quen para a vida acabou desafiuzado.
Acción

Oír e falar. Párate a escoitar a algunha persoa que igual tes algo de lado; permítelle que che fale, que che poida dicir algo da súa vida. Escóitaa e conversa con ela desde o corazón.


13 de febreiro: Sábado da 5ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 3, 9-24. Salmo: 89, 2. 3-4. 5-6. 12-13
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 12, 26-32. 13, 33-34. Salmo: 105, 6-7a. 19-20. 21-22

Evanxeo: Mc 8, 1-10

Por aqueles días, como se xuntaba tamén moita xente arredor de Xesús e non tiñan que comer, chamou polos discípulos e díxolles:

—Dáme mágoa esta xente, hai tres días que vén detrás miña e non ten nada que comer. Se os mando para as súas casas, sen que metan algo na boca, poden esmorecer polo camiño, que moita desta xente vén de ben lonxe.

Os discípulos replicáronlle:

—E de onde se pode quitar, en pleno deserto, pan abondo para fartalos?

Xesús preguntoulles:

—E logo canto pan tendes?

Responderon:

—Temos sete bolos.

Foi e mandou que a xente sentase no chan; despois colleu os sete bolos, rezou a acción de grazas, partiunos e déullelos aos seus discípulos, para que os repartisen entre a xente; e así o fixeron. Tiñan tamén algúns peixes; el bendiciunos e mandou que os repartisen. A xente comeu a fartar e cos anacos que sobraron encheron sete cestas. Eran uns catro mil. Despediunos e deseguida embarcou cos seus discípulos e marcharon para a rexión de Dalmanuta.

Meditación

Non se nos invita a esperar milagres nin, por suposto, a facer milagres. Invítasenos a que, se compartimos a palabra de Deus, os momentos chamados relixiosos, compartamos tamén, en boa lóxica, os bens necesarios para a vida: mantenza, traballo, casa, espazo social, amizades etc. Iso Xesús tíñao moi claro e actuaba con coherencia.

Invítasenos tamén a andar cos ollos ben abertos e co corazón ben espelido para percibir as necesidades da xente, e adiantarnos así a buscar solucións que axuden a remedialas.

Invítasenos ao grande milagre do compartir coas pequenas cousas que no día a día podemos facer con quen chama á nosa porta, ou participando en tal ou cal asociación que fai algo por remediar as miserias de xente; pero tamén a facelo apoiando políticos con políticas solidarias, que poñan en primeira liña as necesidades da xente máis desfavorecida, e tamén, as necesidades dun Terceiro Mundo que esgarece mentres nas nosas sociedades unhas minorías engordan sen medida.

Oración
Fólgome, Xesús,
sabendo que tes por min, por nós, ollada fina
para detectar carencias e baleiros
e enchelos coa túa esplendidez.
Fólgome, Xesús,
sabéndome invitad@por ti
a formar parte desa inmensidade de xente compartidora
que pon o seu gozo
en baleirar as arcas e non só en enchelas,
en bailar en corro e non en solitario.
Grazas por ti, Xesús,
polo Espírito que sempre te anima,
polo Deus que nos teus feitos nos mima.
Acción

Mira como está sendo a túa práctica de compartir. Mira se non poderías facer algo máis en calquera aspecto da vida. A ver se chegas á alegría de compartir.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.