15 marzo, 2021

Fratelli tutti: oración 4 capítulo

 


PREGARIA 
(Capítulo 4 da encíclica)

Un corazón aberto ao mundo enteiro
 
Manuel Regal Ledo


QUÉROTE PORQUE SI

Que pobre me faría, papama Deus,
se pechase o meu amor,
e todos os feitos que o significan,
á xente do meu pobo ou nación,
do meu sexo, cor, credo ou relixión!

Que pobre e que lonxe de ti, Deus envolvente,
que te nos amosas un na diferenza,
e diferente na unidade!

Que fermosa a tarefa compartida
de acoller, protexer,
promover e integrar
ao diferente que peta ás nosas portas,
maiormente cando demanda solidariedades simples pero recias!

Que marabilloso o exercicio vital,
feito no teu nome, papama Deus,
de dar e recibir,
cando abrimos as portas da casa, do corazón,
da patria, da nación
á xente emigrante expatriada por vontade propia ou allea!

Que liberadores son o amor e a acollida,
a atención e o servizo,
cando se fan porque si,
sen agardar recompensas,
desde a gratuidade
aprendida, gustada no teu seo, papama Deus,
a forza de tanto nos amar gratuitamente!

Amar, amarnos,
amar a propia persoa,
a propia Terra, a propia patria ou nación,
para sermos fieis ás propias raíces,
coidando con esmero a identidade humana, cultural que somos,
como creación túa, Deus universal,
polas mans, a mente, o corazón, o empuxe da xente que nos precedeu.
Pero sen mesquindade,
expoñéndonos ao diferente,
arriscándonos a novas creacións
na compaña de actores diferentes,
tamén no teu nome!

Canto temos que aprender de ti, papama Deus!
Ás túas demandas abrimos a nosa mente, o noso corazón, para a irmandade universal! 
Confiamos en ti.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.