17 marzo, 2021

Tempo de Coresma: 5ª semana


  

 21 de marzo: Domingo 5 de Coresma


1ª lectura: Xer 31, 31-34
Salmo: 50, 3-4. 12-13. 14-15
2ª lectura: Heb 5, 7-9

Evanxeo: Xn 12,20-33

Sucedeu un día que algúns dos gregos que subían a adorar no día da Festa achegáronse a Filipe, o de Betsaida de Galilea, e pedíronlle:

—Señor, queremos ver a Xesús.

Foi Filipe e díxollo a André; André e máis Filipe foron dicirllo a Xesús. Xesús respondeulles:

—Chegou a hora de que sexa glorificado o Fillo do home. Évos ben certo: se o gran de trigo cae na terra, pero non morre, quedará el só; pero, se morre, dará froito abondoso. Quen ama a súa vida, pérdea; mais quen aborrece a súa vida neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. Se alguén quere servirme, que me siga, e alí onde estou eu estará tamén o meu servidor. Se alguén me serve hao honrar o Pai.

Agora o meu espírito está turbado. ¿E que hei de dicir: Pai, sálvame desta hora? Pero se para iso cheguei a esta hora! Pai, glorifica o teu nome.

Chegou entón unha voz do ceo:

—Xa o glorifiquei e glorificareino aínda de novo.

Ao oílo o xentío alí presente, dicía que fora un trono; outros dicían: “Faloulle un anxo.” Xesús interveu dicindo:

—Esta voz non foi por min, senón por vós. Agora é o xuízo deste mundo; agora ao príncipe deste mundo vano botar fóra. E eu, cando me ergan da terra, atraerei a todos cara a min.

Dicía isto, indicando de que morte había de morrer.

Meditación

Seguimos estando ante as primeiras comunidades cristiás que seguen afectadas pola morte de Xesús, o xusto condenado inxustamente, e intentan buscarlle un sentido a ese acontecemento. A morte inxusta de Xesús prolóngase no tempo nos miles e millóns de mortes inocentes inxustamente provocadas pola xente que detecta o poder social ou relixioso, ou por quen pensa que a violencia segue a ser camiño para resolver conflitos e inxustizas, ou por quen ve e contempla todo isto e consente e cala. Non é doado liberarse da tentación de matar, de aniquilar ou de menosprezar o contrario, o diferente; non é doado vivir de forma rotunda na non violencia, no pacifismo activo, como fixo Xesús. Non é doado entender a morte de quen é vítima da violencia persoal ou institucional. Se transiximos tranquilamente con que a diario haxa centos de miles de mortos de fame ou de enfermidades curables, non temos o Espírito de Xesús, e a violencia feita ou consentida ten espazos fondos no noso corazón, na nosa vida.

Para entender a morte de Xesús, as primeiras comunidades cristiás remitíronse sempre a determinadas palabras de Xesús, que recollen tanto os tres evanxeos sinópticos (Mateu, Marcos e Lucas) coma Xoán. Que estean nos catro evanxelistas proba que son palabras fondas, densas, que se espallaron polas primeiras comunidades dando explicación moi seria da vida e da morte de Xesús. Cando o Fillo do Home, o Ser Humano, atopa a súa glorificación? Cando se salva, cando se constrúe a fondo unha persoa? Xesús teno moi claro e propono tamén con moita claridade ás persoas que queiran ser seguidoras del: non hai éxito en quen medra, engorda, se ama sen máis, e se constrúe ao marxe do amor, do servizo, da consideración cara ás persoas que o rodean. En cambio, pode haber éxito, haino e garantido en quen se entende coma gran de trigo que morre para dar froito; hai éxito en quen mesmo aborrece a “súa” vida, como algo particular, privilexiado, central, e entende que ser persoa a fondo soamente se é cando un vive coma membro dunha totalidade (familia, comunidade, sociedade...) á que se debe por agradecemento e por coherencia, coma quen é servido/a pola comunidade e coma quen á comunidade serve. Esta é a proposta que Xesús nos fai. Proposta de vida, de morte, de glorificación. Descentrados/as, para servir e gozar no comunitario, no total, no único, no Un. Non é doado vivir así, nunca. As persoas e as comunidades, as Igrexas, fuximos disto coma do lume. A proposta de Xesús segue sendo un reto para nós todos/as nos tempos de hoxe.

O evanxelista Xoán non nos fala da oración de Xesús en Xetsemaní, pero no evanxeo de hoxe tráenos palabras e sentimentos de Xesús que enganchan totalmente coa oración de Xetsemaní narrada polos sinópticos: Espírito turbado, medo, ganas de librarse do sufrimento, vontade firme de ser fiel a Deus, á xente, á xente débil maiormente. O plan de vida como servizo que Xesús presentaba antes, leva consigo frecuentemente unha experiencia de dor, de medo, de ganas de fuxir; o corpo e a alma séntense entre a espada e a parede; a espada do amor e do servizo, e a parede do pobo, de Deus. Hai aquí grande fondura, grande misterio: no máis fondo da dor prende e xermola a máis limpa alegría. E isto tócanos vivilo día a día en mil e unha ocasións. Xesús foi mestre nesta experiencia vital: sen querer o sufrimento, gustando verse libre del, aceptouno convencido cando o sufrimento se lle presentou coma consecuencia dunha fidelidade coa que quixo envolver a súa vida. E ofrécesenos para acompañarnos por estes camiños.

A voz do ceo, un trono ou un anxo, son formas simbólicas de falar, para nos confirmar que esta maneira de vivir, de morrer, de ser glorificado responde ao proxecto de Deus que é todo amor, paixón, entrega. Xesús viviu, morreu, glorificouse ao xeito de Deus, coma Deus. O seu camiño é un camiño limpo e fondo de humanización, que se nos ofrece tamén para estes tempos convulsos que estamos vivindo. Tócanos a cada un, a cada unha, mirar como cada día somos, podemos ser, granciño de trigo que morre para que o froito medre abondoso na casa, na comunidade, no mundo.

Preces

QUEREMOS VER A XESÚS

Queremos deixarnos coller pola maneira orixinal, fonda que Xesús tiña de ver e de vivir a vida. Por iso oramos.

Queremos ser grans de trigo que cae na terra da comunidade e morre para chegar a dar froito abondoso. Por iso oramos.

Coma persoas, coma comunidade, coma Igrexa, queremos estar no medio da nosa sociedade coma quen serve e atopa en servir o sentido e o gozo de vivir. Por iso oramos.

Queremos sentirnos consolados/as e confortados/as nas horas de sufrimento e de medo, cando nos sentimos tentados/as de deixalo todo, de fuxir, de atender só ao noso. Por iso oramos.

Queremos ter forza, humor e amor para acompañar a quen peor o estea pasando nestes tempos de paro, de angustia, de desesperanza, de enganos, de perda de dereitos. Por iso oramos.

Queremos berrar con quen saia de folga: non ao abuso e á acumulación do capital, si ao pan e ao traballo digno para todas e todos. Por iso oramos.

Oración
Señor Xesús,
que sexa sabio, sabia, para a vida
coma ti o fuches.

Que me descubra na miña identidade fonda,
centrada, centrado no corazón de Deus,
no corazón da comunidade,
coma ti, Xesús.

Que saiba servir sen amargura,
porque me sae de dentro,
desa fonte inesgotable de amor comunitario
que ten en Deus a súa orixe e alimento diario.

Que saiba morrer a min mesmo cada día,
nas cousas pequenas e humildes de cada día,
nos servizos sinxelos ás persoas sinxelas que me acompañan,
sabendo, sentindo, vivindo, gozando
que é así como me fago feliz.

Que saiba servir nestas horas escuras da sociedade,
cando o débil se debe pregar ás esixencias do forte coma nunca;
que saiba nesta hora servir con intelixencia e paixón,
dando a cara, unindo vontades,
reflexionando, rezando,
defendendo dereitos, socializando a amor e os servizos.

Que acerte, Xesús, a seguirte no servizo,
a honrar o Pai-Nai co meu servizo,
a construír comunidade ao teu carón.

E nas horas turbas da vida,
cando a carga me pese abondo
e estea tentada/do de pousar e abandonar,
que te sinta ao meu lado termando pacientemente da miña debilidade.
Acción

Bo día para ver en que cousas estamos sendo gran que cae na terra e morre para que a vida floreza ao noso redor. Seguro que en algo vivimos así. Seguro tamén que, coa forza de Xesús, poderemos vivilo algo máis, tanto a nivel persoal coma a nivel de comunidade cristiá da que formamos parte.


22 de marzo: Luns da 5ª semana de Coresma

1ª lectura: Dn 13, 41c-62 (breve)
Salmo: 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6

Evanxeo: Xn 8,1-11

Xesús foise para o monte das Oliveiras. Pero á alborada presentouse outra vez no templo e toda a xente veu onda el; el sentou e empezou a ensinar.

Os escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio; puxérona no medio e medio e preguntáronlle:

—Mestre, a esta muller collérona en flagrante adulterio. Moisés na Lei mandounos apedrar a esta xente. Ti que dis?

—Preguntábanllo a mala fe para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía co dedo na terra. Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles:

—Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra. E, abaixándose outra vez, escribía na terra. Pero eles, ao que o escoitaron, foron liscando un a un, comezando polos máis vellos. Quedou el só coa muller, que seguía no medio. Ergueuse entón e preguntoulle:

—Muller, onde están? Ninguén te condenou?

Ela respondeulle:

—Ninguén,Señor.

Díxolle Xesús:

—Tampouco eu non te condeno; vaite e dende agora non peques máis.

Meditación

“Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra”: un deses ditos históricos que se pode converter en criterio de trato e relación, sobre todo cando nos temos que confrontar co mal e co pecado. Un dito histórico que, por dar por suposto que todos temos moito que rascar, aínda radicaliza aqueloutro que tamén coñecemos ben: “Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo e logo verás mellor para quitar o lixo do ollo do teu irmán” (Mt 6,5). Son ditos, conviccións cristiás básicas, herdadas de Xesús, que nos poden axudar a situarnos ante momentos históricos coma o presente, no que o mal abunda en forma de mentira, de trampas, de abusos, de corrupción, de insolidariedade, de defensa da propia ideoloxía política e relixiosa por riba dos intereses sociais, públicos, etc.

Está ben que nos enfrontemos co mal, para extirpalo do medio de nós, das nosas sociedades e comunidades cristiás, e facer así as nosas vidas máis sas e felices. Está ben que abramos os ollos para detectar cales son as fontes maiores do mal, de xeito que poidamos atallalo oportunamente. Pero hai demasiada tendencia a coller ao outro, a levalo á praza pública, a demandar o estrito cumprimento da lei contra as demais persoas, a lavarse as mans ante todo o que acontece, descargando responsabilidades persoais e sociais, a coller pedras verbais e mesmo físicas contra quen se poña a tiro, sen botar a ollada ao propio corazón, ás propias ideas, á propia vida. E así é moi difícil rectificar, reparar, reconstruír, abrir o presente persoal e social a novos tempos que, polo demais, todos/todas necesitamos e todos/todas estamos desexando.

Oración
Como a muller pillada en adulterio,
de xeonllos no medio da comunidade,
así eu ante ti, Xesús.

Cos meus pecados ao lombo,
coa miña vergoña ao lombo,
así eu ante ti, Xesús.

Abríndome confiadamente á túa palabra liberadora,
que me arrinque das miñas escravitudes e dependencias,
así eu ante ti, Xesús.

Deixándome envolver e vigorizar
pola forza e novidade do teu perdón,
así eu ante ti, Xesús.

Comprometéndome a andar contigo
con máis humildade e coherencia,
estou ante ti, Xesús.

Coa miña paz, co meu silencio,
co meu corazón fondamente agradecido,
estou ante ti, Xesús.
Acción

¡Cantas veces na vida nos dedicamos a xulgar e condenar os demais! Pensamos en situacións concretas en que así o fixemos, recoñecémolo e reconciliámonos coas persoas ás que así tratamos.



23 de marzo: Martes da 5ª semana de Coresma

1ª lectura: Núm 21, 4-9
Salmo: 101, 2-3. 16-18. 19-21

Evanxeo: Xn 8, 21-30

Nunha ocasión díxolles Xesús aos fariseos:

—Eu voume e habédesme buscar e morreredes no voso pecado: onde eu vou, vosoutros non podedes vir.

Dicían entón os xudeus:

—E irase matar, porque di “onde vou eu, vosoutros non podedes vir?

E seguiulles dicindo Xesús:

—Vós sodes de aquí abaixo, eu son de alá arriba; vós sodes deste mundo, eu non son deste mundo. Díxenvos que habedes morrer nos vosos pecados; como non creades que “Eu son”, morreredes nos vosos pecados.

Preguntáronlle entón:

—Pero, logo, ti quen es?

Xesús contestoulles:

—O que vos veño dicindo desde o comezo. Moito podería falar e condenar de vós; mais quen me mandou é veraz e eu só lle falo ao mundo do que lle oín a el.

Pero eles non coñeceron que lles falaba do Pai. Entón Xesús continuou:

—Cando ergades o Fillo do Home, entón comprenderedes que “Eu son”, e que non fago nada pola miña conta, senón que falo do que o Pai me ensinou. E quen me mandou está comigo; non me deixou só, pois eu fago sempre o que a El lle agrada.

Ao dicir estas cousas, moitos creron nel.

Meditación

Non nos interesa debater teoricamente quen foi ou non foi Xesús, de onde veu ou de onde deixou de vir. O que nos fai ben é achegarnos á súa persoa, á súa vida, entrar nela dentro do posible, deixarnos tocar por ela, e experimentar o que Xesús é capaz de facer en nós cando nos achegamos a el co corazón aberto, coa vida nas mans.

Se o facemos así, caeremos na conta de que Xesús non é un bicho raro caído do ceo, senón unha persoa humana coma nós, pero chea a tope do Espírito de Deus; sempre obediente á voz de Deus que escoitaba de mil maneiras na vida, sobre todo andando enredado coa xente máis débil; un home que falaba e facía sempre conforme o Pai lle ensinaba na escola da vida; un home que sempre se sentiu acompañado por Deus. Por iso a cruz non foi o lugar da súa derrota, senón o lugar onde triunfou nel o ser de Deus que levaba no seu seo.

Oración
Veño á túa escola, Xesús,
como sendo neno/a ía á escola da miña mestra.
Veño á túa escola,
para que me aprendas
a facer non o que a min me pete,
senón o que o Pai do ceo nos ensina
a partir da vida e da xente que nela nos acompaña.
Veño onda ti para que me aprendas
a ser feliz coma ti
pensando no ben dos demais,
e traballando polo ben común.
Veño onda ti, Xesús,
para aprender contigo
iso de sentirse sempre ben acompañado por Deus,
aínda nas horas de dor e escuridade.
Veño á túa escola, Xesús,
sento no banco cos meus compañeiros/as
e estou atenta, en silencio, para aprender ben.
Acción

Seguro que no día de hoxe nos pasaron cousas e vimos persoas que algo nos dixeron no nome de Deus. Podiamos recapacitar nesas voces de Deus que así nos chegaron, e aprender e medrar como persoas cristiás.


24 de marzo: Mércores da 5ª semana de Coresma

1ª lectura: Dan 3, 14-20. 91-92. 95
Salmo: Dn 3, 52. 53. 54. 55. 56

Evanxeo: Xn 8, 31-42

Nunha ocasión dicíalles Xesús aos xudeus que creran nel:

—Se permanecedes na miña palabra, seredes de verdade discípulos meus, e coñeceredes a verdade e a verdade faravos libres.

Eles respondéronlle:

—Somos semente de Abraham e endexamais non fomos escravos de ninguén; como, logo, dis ti “seredes libres”?

Respondeulles Xesús:

—Con toda verdade volo aseguro: quen comete o pecado é escravo. E o escravo non queda para sempre na casa; o fillo queda para sempre. Logo, se o Fillo vos libera, seredes libres de verdade. Ben sei que sodes semente de Abraham, pero tratades de me matar, porque a miña palabra non prende en vós. Eu falo do que vin onda o Pai, e vós facedes o que oístes de voso pai.

Eles respondéronlle:

—O noso pai é Abraham.

Xesús replicoulles:

—Se fósedes fillos de Abraham, fariades as obras de Abraham, mais agora procurades matarme, a min, que vos dixen a verdade que oín de Deus; iso non o fixo Abraham. Vós facedes as obras do voso pai.

—Dixéronlle:

—Nós non nacemos da prostitución, temos un pai, Deus.

Contestoulles Xesús:

—Se o voso pai fose Deus, amariádesme a min aporque eu veño e procedo de Deus. Pois non vin por min mesmo, senón que el me enviou.

Meditación

Conta o evanxelista algo que pasou entre Xesús e algúns xudeus que creran nel. Nós tamén cremos en Xesús e por iso podemos tomar o que aquí se conta como dito para nós. Unha cousa é crer simplemente, quedándose niso: son bautizado, figuro como persoa cristiá, confésome cristiá, e mesmo cumpro con certas prácticas relixiosas. Para Xesús iso é quedarse no primeiro paso, pouco nos aproveita.

Xesús fainos unha proposta moito máis densa e proveitosa: permanecer na palabra de Xesús, ser de verdade discípulos/as del, coñecer a verdade e permitir así que a verdade nos faga libres. Isto é desenvolver na nosa vida todo un proceso interior e exterior de marabillosas consecuencias para a nosa vida. Permanecer na súa palabra, é dicir, ser constante na aposta por Xesús, ou, dito con outras palabras, ser de verdade discípulas/os del; isto permitirá coñecer, experimentar a verdade, a verdade de Xesús, a nosa propia verdade nel, cousa que nos fará persoas libres a fondo, sen trampas nin enredos. Oxalá!

Oración
Oxalá!,
oxalá, Xesús,
permanecese na túa palabra,
na túa maneira de falar,
na túa maneira de vivir,
na súa paixón polo débil,
sen recuar ante nada!
Oxalá me fixese de verdade discípulo/a túa,
sen dar por sabida ningunha lección!
Oxalá coñecese a fondo
a túa verdade en min,
a miña verdade en ti
sen simular zonas escuras dentro de min!
Oxalá empezase a camiñar
polo camiño amplo da liberdade
que ti vivías e transmitías, Xesús,
sen disimular nunca as miñas escravitudes!
Oxalá!
Acción

Podemos ollar un pouco para a nosa vida cristiá. Témola viva ou témola adurmiñada? Contentámonos con mínimos ou dámonos a oportunidade de experimentar a verdade de Deus nas nosas vidas? En que máis cousas andamos así pola tona, nas aparencias nada máis?


25 de marzo: Solemnidade da Anunciación do Señor

1ª lectura: Is 7, 10-14; 8, 10b
Salmo: 39, 7-8a. 8b-9. 10. 11
2ª lectura: Heb 10, 4-10

Evanxeo: Lc 1, 26-38

Sucedeu que aos seis meses (do anuncio do nacemento de Xoán Bautista) Deus mandou o anxo Gabriel a unha aldea chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.

O anxo entrou onde estaba ela e díxolle:

—Alégrate, chea de graza, o señor está contigo.

Ela turbouse con estas palabras, cavilando que podería significar aquel saúdo. O anxo continuou:

—Non teñas medo, María, porque ti gozas do favor de Deus. Mira, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo, a quen chamarás Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob e o seu reinado non terá fin.

María respondeulle ao anxo:

—E como pode ser isto, si non convivo con ningún home?

O anxo contestoulle:

—O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que consideraban estéril, pois para Deus non hai imposibles.

María contestou:

—Pois aquí está a escrava do Señor: que se cumpra en min canto dixeches.

E o anxo marchou de onda ela.

Meditación

O que pasou en Xesús, con Xesús, axúdanos a entender o que pasa con todos os homes e mulleres que vimos a este mundo. Calquera home ou muller temos partes de nós que máis ou menos podemos coñecer ben; temos un corpo, temos un xeito de ser, temos unha maneira de pensar, temos unha mente, unha maneira de nos situar ante nós mesm@s, ante os demais, antes Deus; temos tamén un mundo de sentimentos… Todo isto permite coñecernos, identificarnos e diferenciarnos.

Pero, aínda así, hai un algo de nós, fondo, misterioso, que se nos escapa a nós mesm@s e, por suposto, tamén a quen nos rodea. Para as persoas que temos fe relixiosa, esa zona inabarcable de misterio que nos envolve conéctanos co misterio mesmo de Deus. Somos persoas así de fondas, de ricas, de insondables porque as nosas raíces están en Deus e en Deus nos movemos e existimos diariamente. Somos persoas así de ricas porque, a semellanza de Xesús, tamén nós somos dalgunha maneira persoas feitas tales polo Espírito mesmo de Deus. O que en Xesús foi plenitude e redondez en nós é intento e aproximación. E todo isto podémolo ir vivindo e realizando nas mil circunstancias miúdas do día a día. Somos queridas e agraciadas por Deus, somos invitad@s á alegría e á confianza, Podemos deixar que o Espírito nos fecunde, si ou non. María é un referente. Algo marabillosamente humano, marabillosamente divino. Así somos nós.

Oración
Velaquí a escrava,
o escravo do Señor.
Disposta/o a dicir un si
que me rompa e me libere.
Disposto/a a deixar que o Espírito
faga de min,
algo polo menos,
un reflexo do mesmísimo Xesús.
Deixando que se constrúa en min
o rostro humano de Deus
que levo nas miñas entrañas agochado.
Velaquí a pobre criatura do Señor!
Acción

Podemos mirar para nós mesm@s e ver en que cousas nos vemos algo semellantes a Xesús e en que cousas non. Agradecemos o primeiro e temos en conta o segundo para aprender a non poñer freo ao Espírito que nos quere transformar


26 de marzo: Venres da 5ª semana de Coresma

1ª lectura: Xer 20, 10-13
Salmo: 17, 2-3a. 3bc-4. 5-6. 7

Evanxeo: Xn 10, 31-42

Nunha ocasión os xudeus volveron coller pedras para acantazar a Xesús. Xesús replicoulles:

—Moitas obras boas fixen diante de vós de parte do meu Pai. Por cal delas me acantazades?

Respondéronlle os xudeus:

—Non te apedramos por ningunha obra boa, senón por blasfemia, pois ti, sendo home, faste Deus.

Xesús replicoulles:

—Non está escrito na vosa Lei “Eu dixen: sodes deuses?” Se lles chamou deuses a aqueles sobre os que veu a palabra de Deus –e non pode fallar a Escritura--, por que me acusades de blasfemia a min, a quen o Pai santificou e mandou ao mundo, por dicir que son Fillo de Deus? Se non fago as obras do meu Pai, seguide sen crerme. Pero se as fago, aínda que non creades en min, crede nas obras, para que comprendades e recoñezades que o Pai está en min e eu estou no Pai.

Unha vez máis trataban entón de o prender, pero Xesús liscóuselles das mans. E foi de novo á outra banda do Xordán, ao sitio onde estivera Xoán bautizando ao comezo e permaneceu alí. E acudiron moitos onda el e dicían: “Xoán non fixo ningún sinal, mais todo canto Xoán dixo acerca deste, era verdade.” E moitos comezaron a crer nel alí.

Meditación

Xesús crea conflito. Hai xente que ve as súas obras e cre nel, e hai xente que nin vendo as súas obras lle dá fe. Tamén hoxe, entre nós mesmos, existe esta división. Hai xente, entre a que nos contamos, que cre en Xesús, como unha manifestación, unha revelación de Deus neste mundo polas súas obras. Pero hai tamén moita xente, moita, que non cre en Xesús; igual mesmo admiran os seus feitos, a súa chamada fonda á irmandade, á dignidade de todos, especialmente da xente máis maltratada, pero non cren en Xesús como Fillo de Deus, e menos na Igrexa.

É posible remediar este conflito? Desde logo non a base de insultos, desprezos ou pedradas. Quen seguimos a Xesús temos a responsabilidade grande de non agravar ou deformar ese conflito con doutrinas torpes ou con prácticas relixiosas decadentes; se hai conflito, que sexa porque procuramos seguir o estilo de vida de Xesús, na súa maneira de sentir e vivir a Deus, na súa maneira de respectar e defender a dignidade radical de toda persoa.

Oración
Meu Deus,
sinto que o teu Espírito me alenta
a respectar a todas as persoas,
crean ou non crean en ti,
sigan ou non as pisadas de Xesús.
Meu Deus,
sinto que o teu Espírito me anima
a adherirme a Xesús,
en quen creo como un home
totalmente un contigo.
Que a miña fe non te traizoe,
meu Deus.
Que a miña maneira de vivir
axude a outras persoas a achegarse a ti.
Acción

Queixámonos de que a xente non cre, pero ¿que facemos as persoas, as comunidades cristiás para facer crible a nosa vida, o noso testemuño cristián? Vemos que podiamos cambiar en algo?


Sábado da 5ª semana de Coresma

1ª lectura: Ez 37, 21-28
Salmo: Xer 31, 10. 11-12ab. 13

Evanxeo: Xn 11, 45-57

Daquela, moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixera, creron nel. Pero algúns deles foron onda os fariseos e contáronlles o que fixera Xesús. Entón os sumos sacerdotes e os fariseos reuniron o Consello e dicían:

—Que imos facer? Porque este home fai moitos signos. Se o deixamos así, todos crerán nel e virán os romanos e quitarannos o noso lugar santo e máis a nosa nación.

Pero un deles, Caifás, que era o Sumo Sacerdote aquel ano,díxolles:

—Non entendedes nada. Non coidades que vos convén que morra un home polo pobo e non que pereza a nación enteira?

Iso non o dixo por súa conta, senón que, sendo Sumo Sacerdote aquel ano, profetizou que Xesús había morrer pola nación; e non só pola nación, senón tamén para reunir os fillos de Deus que estaban dispersos. Por iso aquel día decidiron matalo.

En consecuencia, Xesús xa non andaba á vista entre os xudeus. Marchou para a rexión próxima ao deserto, a unha vila chamada Efraím, e alí permanecía cos seus discípulos. Estaba próxima a Pascua dos xudeus e subiron moitos daquela rexión a Xerusalén antes da Pascua, para se purificaren. Andaban entón buscando a Xesús e, cando estaban no templo, preguntábanse entre eles: “Que vos parece? Non virá á festa?” Pero os sumos sacerdotes e os fariseos tiñan dada orde de que, se alguén sabía onde estaba, que o comunicase para lle botaren man.

Meditación

A morte de Xesús foi unha morte inxusta, e, como tal, nin foi querida por Deus nin polo mesmo Xesús. O plan de quitalo de en medio obedecía ao medo a que o pensamento e a práctica de Xesús collese corpo entre a xente, e iso cuestionase o funcionamento das autoridades relixiosas do seu tempo e das prácticas relixiosas que promovían. Ante Xesús podían recapacitar e cambiar, ou obcecarse e acabar con el. Preferiron isto último. Pero curiosamente a morte coa que pretendían anular a súa influencia converteuse nunha fonte de vida e de esperanza para cantas persoas quixesen ser seguidoras del, e aínda para o mundo enteiro.

Tamén nós podemos acoller a palabra e a vida de Xesús ou resistirnos a elas. Podemos acollelo de corazón, deixando que revolva e alente as nosas vidas, ou persistir na nosa cegueira, pechándolle as portas a quen vén para enriquecernos coa súa paz, coa súa forza.

Oración
En busca e captura, Xesús,
así estiveches ti,
como calquera malfeitor común,
sen ter feito máis ca ben.
En busca e captura
quen nos buscou apaixonadamente
para a maior liberdade.
En busca e captura
para lle dar morte
a quen era a fonte da vida.
En busca e captura, Xesús,
como tantos e tantas irmás túas
de sangue africana
que percorren os nosos pobos e cidades.
En busca e captura
agochándote
na máxima dor,
no máximo servizo.
Acompáñote, Xesús.
Acción

Igual nalgunha ocasión temos a oportunidade de poñernos do lado dalgún inocente fronte ao poder, fronte a quen abusa del. Podemos facelo por el, por Xesús que nel repite a súa historia.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.