31 marzo, 2021

Venres Santo

 

Manuel Regal Ledo


VIA CRUCIS ALDEÁN

Ofrecemos este Via Crucis, por se a algunha persoa ou grupo lle pode interesar. Pódese reducir todo o que se considere oportuno.

O porqué deste Via Crucis

Desde o primeiro momento as persoas e comunidades cristiás decatáronse da carga especial que tiña para elas aquel recorrido doloroso que levara a Xesús de Nazaré desde o pazo de Pilatos, que o acababa de condenar a morte, ata o calvario, onde morrería inxustamente axustizado nunha cruz.

Deseguida se construíron relatos que narraban o acontecido, e deseguida tamén estes relatos correron de man en man, de comunidade en comunidade, incluso antes do que os mesmos evanxeos, alimentando a dor, a admiración, o agradecemento por aquel Xesús disposto a morrer, se tal fixese falla, antes de deixar de ser fiel a Deus e ao que Deus lle empuxaba a facer e defender.

Todo isto callou desde hai moitos anos na devoción do “Via Crucis” (Camiño da Cruz), que, sobre todo no tempo da Coresma, foi andado individual ou comunitariamente; para facilitar iso, en todas as igrexas –ás veces tamén fóra das igrexas-- estaban gravadas pequenas taboíñas, cadros ou pinturas, que reproducían cada unha das catorce estacións nas que se dividía o recorrido do pazo de Pilatos ata o Calvario. A xente simbolizaba o recorrido de Xesús desprazándose ela tamén ao longo da Igrexa. E o seu corazón, doído e agradecido, facíase un con Xesús naquelas horas para el tan tremendas.

Desde sempre tamén as persoas e comunidades cristiás entenderon que a dor e morte de Xesús, o seu “Vía Crucis” particular, tiña continuidade na dor, na angustia, na morte de tantísimos homes e mulleres, que, coma el, sufrían na inocencia os golpes inxustos que alguén indebidamente descargaba sobre eles.

O “Vía Crucis” de Xesús resoa no mundo da aldea dun modo moi especial. Pensamos que o mundo da aldea en Galicia ten tamén o seu particular “Vía Crucis”, vinculado ao de Xesús. Por todo isto queremos manter a antiquísima devoción do “Vía Crucis”, unindo entrañablemente esas dúas persoas: a de Xesús e a do home ou muller de aldea, pensando que desa unión lle virá a Xesús un rostro histórico que o identifique entre nós, e ao home ou muller de aldea, alguén con quen identificarse, alguén a quen agarrarse, alguén do que recibir forza, na busca dunha pacificación, dunha liberación da que tanto precisa.

Introdución

Imos facer o Via Crucis, o camiño da cruz. Imos acompañar a Xesús naqueles últimos e dolorosos momentos da súa vida, desde a súa condenación a morte ata a súa sepultura. Con el imos acompañar tamén a moitos homes e mulleres inocentes que hoxe son entre nós unha representación viva do Xesús condenado inxustamente. Fagámolo deixándonos coller, deixándonos afectar por todo o que vaiamos lembrando.

No nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo.

1ª estación: Xesús é condenado a morte.

Todos:

Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,
pola túa santa cruz redimiches o mundo.
ou
Bendito sexas, Xesús,
que nos salvaches na cruz.

Lectura: Mc 15, 12-15

Pílato díxolle á multitude:

—E que fago eu con ese ao que chamades rei dos xudeus?

A xente volveu berrar:

—Crucifícao!

Pilato replicou:

—Pero, que mal fixo?

Mais a xente berraba máis forte:

—Crucifícao!

E Pilato, para compracer o pobo, soltou a Barrabás; e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.

Meditación:

As autoridades relixiosas e políticas condenaron a Xesús a unha morte inxusta, contra a vontade de Deus, por defender o amor preferente de Deus pola xente empobrecida, fráxil, pecadora,

Nós ás veces tamén machucamos o inocente. E polo mundo adiante, polas guerras, a fame, por ter que andar pedindo refuxio e asilo, hai moita xente inocente que padece como Xesús padeceu. Témola presente neste Via Crucis

Silencio.
(todos)

Ti es, Señor, a miña defensa e o meu triunfo.(Sl 3, 4)

Noso Pai.

Canto:
Déixate querer, déixate querer, déixate quere por Deus (2)

2ª estación: Xesús carga coa cruz

Todos:

Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,
pola túa santa cruz redimiches o mundo.
ou
Bendito sexas, Xesús,
que nos salvaches na cruz.

Lectura: Xn 19, 16b-17

Entón colleron a Xesús. E, cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da Caveira, que se di Gólgota en hebreo.

Meditación

Xesús, o santo de Deus, coa cruz ás costas polas rúas adiante cara ao Gólgota. Soportaba moito sufrimento por ser fiel ao seu compromiso con Deus e coa xente.

O camiñar doloroso de Xesús pode estar representado hoxe no camiñar doloroso de tantos refuxiados que buscan vida. E tamén no esforzo da xente do campo por buscar saídas a tanto decaemento que se está dando nas aldeas.

Silencio
(todas)

Con Señor ao meu lado nunca caerei. (Sl l6, 8)

Noso Pai

Canto:
Camiñarei na presenza do Señor (2)

3ª estación: Xesús cae por primeira vez

Todos:

Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,
pola túa santa cruz redimiches o mundo.
ou
Bendito sexas, Xesús,
que nos salvaches na cruz.

Lectura: Is 50, 5-7

O Señor Deus abriu o meu oído
e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
Ofrecín o lombo aos que me azoutaban,
e a miña cara aos que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
Pero o Señor axudarame,
por isto non me sinto avergonzado
poño a miña cara coma un diamante,
pois sei que non me avergonzarei.

Meditación

Xesús está só ante a dor e o abandono. Fállanlle as pernas e cae, pero non decae a súa confianza en Deus, nos fraquea a seguridade de que en Deus atopará un forte valedor.

A caída dolorosa de Xesús vai hoxe entrañablemente acompañada pola caída e recaída de moitos drogadictos e delincuentes que non dan saído do seu pozo e de calquera persoa humana que busca orientar, refacer a súa vida e non o dá conseguido. Tamén para esas persoas Deus quere ser un brazo que sostén e abraza, que dá forza e agarimo.

Silencio
(todas)

Polos xemidos da xente pobre,
agora mesmo me levanto –di o señor. (Sl 12, 6)

Noso Pai

Canto:
Levanto os meus ollos cara aos montes,
na procura da túa axuda, meu Deus,
pois de ti vaime vir a túas axuda,
de ti que fixeches a terra e máis o ceo.

4ª estación: Xesús encóntrase coa súa nai María

Todos:

Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,
pola túa santa cruz redimiches o mundo.
ou
Bendito sexas, Xesús,
que nos salvaches na cruz.

Lectura: Lc 2, 33-35

No momento da presentación do neno Xesús no templo, o pai e máis a nai do neno ficaron abraiados polo que o vello Simeón dicía do neno. Bendiciunos Simeón e díxolle a María, a nai:

—Mira, este neno está disposto para que moita xente en Israel ou caia ou se levante; será unha bandeira ou sinal de contradición, para que fiquen ao descuberto os pensamentos de moitas persoas; e a ti mesma unha espada hache atravesar a alma.

Meditación

A dor de Xesús acentuaba a dor de María, a súa nai. A dor da nai María acentuaba a dor de Xesús. Ambos fundidos nunha misteriosa aposta de fe e de esperanza no Deus que os sostiña.

Canto sabe a aldea da resistencia de nais que choraban ausencias, que mantiñan as casas, que por riba sufrían tanta desconsideración! As dores pasadas das nosas mulleres ou nais continúan baixo tantos comportamentos machistas na aldea e na cidade. E Deus en Xesús facendo súas todas estas dores.

Todos:

Desde o ventre materno ti es o meu Deus. (Sl 22, 11)

Noso Pai

Canto:
María, a nosa Terra quere unha nai,
pra erguerse dun asoballo de moitos anos;
María, se as pobres de hoxe nos liberamos,
María, que máis queremos que o teu cantar.

5ª estación: o Cireneo axúdalle a Xesús a levar a cruz

Todos:

Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,
pola túa santa cruz redimiches o mundo.
ou
Bendito sexas, Xesús,
que nos salvaches na cruz.

Lectura: Mc 15, 21

Pasaba por alí Simón de Cirene, o pai de Alexandro e de Rufo, que volvía da leira, e obrigárono a cargar coa cruz.

Meditación

Botan man do Cireneo que pasaba por alí. O tal Cireneo era un labrego, que sabía de esforzos e de resistencias; así, con gusto ou por forza arrimou o seu lombo, como tantas veces o tiña feito para aliviar a vida doutras persoas.

Benditas as persoas que se doen das cruces alleas! Benditos tantos Cirineos e Cirineas que temos coñecido e que mesmo nos teñen axudado a levar adiante a vida. Benditas nós, cando traballamos polo común para mellorar a vida da xente!

Silencio
(todas)

O teu bastón e o teu caxato son o meu sosego. (Sl 23, 4)

Noso Pai

Canto:
O Señor é o meu pastor, nada me falta,
o Señor é o meu pastor, sempre vai comigo.

6ª estación: a Verónica enxuga e limpa e rostro de Xesús

Todos:

Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,
pola túa santa cruz redimiches o mundo.
ou
Bendito sexas, Xesús,
que nos salvaches na cruz.

Lectura: Is 53, 2-4a

O Servo do Señor subiu como tenro gromo na súa presenza,
como raíz en terra reseca.
Non tiña beleza nin esplendor;
vímolo e o seu aspecto non era atraente.
Desprezado, o máis rexeitado dos seres humanos,
varón de sufrimentos, familiarizado coa dor.
Como algún de quen se esconde a cara,
desprezado, non lle tivemos aprecio.
El cargou coas nosas dores,
el soportou os nosos sufrimentos.

Meditación

Segundo a tradición, foi unha muller, a Verónica, quen se doeu de Xesús; ousou pasar por riba de todas as vixilancias para achegarse a el e aliviar un pouco o seu sufrimento.

Admiramos a aquela muller valente e doída. Admiramos a tantas mulleres que hoxe polas aldeas de Galicia andan facendo o meritorio oficio de coidar a xente maior en orfandade; mulleres de aquí ou mulleres estranxeiras.

Silencio
(todos)

Ten corazón forte e valente,
espera no señor. (Sl 27, 10. 13-14)

Noso Pai

Canto:
Quero estar ao teu lado, Señor.
Quero estar ao teu lado, Señor.
Quero estar ao teu lado, Señor.

7ª estación: Xesús cae por segunda vez

Todos :

Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,
pola túa santa cruz redimiches o mundo.
ou
Bendito sexas, Xesús,
que nos salvaches na cruz.

Lectura: Is 53, 4b-5

Nós considerámolo ferido,
castigado por Deus e aflixido.
Pero foi ferido por causa das nosas rebeldías,
foi esmagado polas nosas iniquidades.
O castigo que nos trouxo a paz caeu sobre el,
a súa ferida foi a nosa curación.

Meditación

Xesús volve caer baixo o peso da cruz. Levaba no seu lombo inocente o peso enorme dei moita xente que malvive e morre como vítimas de gobernos corruptos, do roubo de nacións máis poderosas, de abusos de traficantes de seres humanos, da indiferenza de quen ollamos para outro lado. .

En que medida somos dos que ollamos para outro lado, dos que nada facemos para que a cousa cambie?

Silencio
(todos)

O Señor aluma as miñas tebras. (Sl 18, 29)

Noso Pai

Canto:
Salvador do mundo, sálvanos,
Salvador do mundo, sálvanos,
Salvador do mundo, sálvasnos.

8ª estación: Xesús consola as mulleres de Xerusalén

Todos:

Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,
pola túa santa cruz redimiches o mundo.
ou
Bendito sexas, Xesús,
que nos salvaches na cruz.

Lectura: Lc 23, 27-31

Ía tras de eles unha chea de xente e mulleres chorando e laiándose por el. Xesús volveuse cara a elas e díxolles:

—Fillas de Xerusalén, non choredes por min; chorade máis ben por vós e polos vosos fillos. Porque, mirade, veñen días nos que se dirá: “Afortunadas as estériles, os ventres que non pariron e os peitos que non criaron”. E pediranlles aos montes: Caede enriba de nós!, e aos outeiros: tapádenos! Porque se isto fan coa árbore verde, que lle pasará á seca?

Meditación

Está ben que nos doia o sufrimento de Xesús, que nos sintamos pesarosos polo mal que ás veces facemos. Está ben que nos sintamos mal vendo que nos desentendemos de Deus e da súa ansia por toda a xente do mundo.

Xesús non se busca a si mesmo. Invítanos a coller con forza e rectitude as rendas da nosa vida, do noso pobo, da natureza, fuxindo de mirar soamente polas nosas comenencias e traballando xuntas pola dignidade de homes e mulleres do campo.

Silencio
(todas)

Eu teño confianza en ti, Señor,
ti es o meu Deus. (Sl 31, 15)

Noso Pai

Canto:
Amósame, Señor, os camiños da vida,
amósame, Señor, os teus camiños.

9ª estación: Xesús cae por terceira vez

Todos:

Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,
pola túa santa cruz redimiches o mundo.
ou
Bendito sexas, Xesús,
que nos salvaches na cruz.

Lectura: Is 53, 7-8

Foi oprimido, foi aflixido, pero el non abriu a súa boca.
Foi levado coma unha res ao matadoiro,
e, como ovella muda ante o tosquiador, non abriu a súa boca.
Foi levado coma cun xuízo perverso,
ninguén se preocupou da súa vida.
El foi arrincado do mundo dos vivos,
Para o noso ben foi ferido pola rebeldía do seu pobo.

Meditación

De novo o peso insoportable e a caída. E de novo tamén a resistencia dun home cheo do espírito de Deus.

Con Xesús cae tamén a xente da aldea, vítima das grandes industrias da alimentación, de gobernos inconscientes, e vítimas tamén da propia resignación, dos propios abandonos. Xesús, home de aldea, acompaña os nosos sufrimentos e alerta as nosas covardías.

Silencio
(todos)

Nós agardamos o Señor,
El é o noso socorro, o noso escudo. (Sl 33, 20)

Noso Pai

Canto:
Son pecador, quero arrepentirme,
son pecador, quero arrepentirme,
son pecador, quero arrepentirme,
espero en ti, Señor.

10 estación: os soldados ispen a Xesús para o crucificar e sortean as súas roupas

Todos:

Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,
pola túa santa cruz redimiches o mundo.
ou
Bendito sexas, Xesús,
que nos salvaches na cruz.

Lectura:

Entón os soldados, cando crucificaron a Xesús, colleron a roupa del e fixeron catro partes, unha pare para cada soldado; e a túnica á parte. A túnica non tiña costuras e estaba tecida dunha peza de arriba abaixo. E falaron os soldados entre eles: “Non a rachemos, sorteémola, a ver a quen lle toca”.

Así cumpriuse a Escritura, que di:

“Repartiron entre eles a miña roupa e sortearon a miña túnica.”

Meditación

Xesús espido, exposto como obxecto de risa e de escarmento polos poderes relixiosos e políticos do momento. Xesús empobrecido ao máximo para enriquecer a todo o mundo co seu Espírito.

E o mundo rural con Xesús. Cantas veces pretendemos abrirnos futuro coidando a nosa aparencia, a nosa ridícula prepotencia, as nosas comenencias, os nosos enchufes, aínda a costa do ben común entre veciños e veciñas.

Silencio
(todos)

Esquécense de min como dun morto;
eu son como un cacharro que non serve. (Sl 31, 13)

Noso Pai

Canto:
Preto de ti vivir quero, Señor,
anque deba sufrir na cruz da dor.
Ledo no sufrimento hei de cantar así:
máis preto quero estar, meu Deus, de ti.

11ª estación: Xesús cravado na cruz

Todos

Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,
pola túa santa cruz redimiches o mundo.
ou
Bendito sexas, Xesús,
que nos salvaches na cruz.

Lectura: Mc 15, 24a. 25-32

E crucificaron a Xesús. Era a media mañá cando o crucificaron. Un letreiro anunciaba a causa da súa condena: “O rei dos xudeus”. Con el crucificaron tamén a dous bandidos, un á dereita e outra á esquerda.

Os que pasaban por alí burlábanse del, abaneando as cabezas e dicindo:

—Vaites, vaites, o que destrúe o Tempo e o reconstrúe en tres días! Anda, baixa agora da cruz e sálvate!

Do mesmo xeito, os sumos sacerdotes cos letrados dicían burlándose del:

—Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! O Mesías, o rei de Israel! Que baixe da cruz agora, para que vexamos e creamos!

Tamén os que estaban crucificados con el o aldraxaban.

Meditación

Xesús envolto en dores físicas e burlas. O letreiro era unha burla. Eran unha burla os ataques á confianza absoluta que tiña en Deus. Deus parecía calar. Xesús agoniaba.

Hai millóns de Cristos inocentes crucificados no mundo de hoxe. Tamén entre os nosos veciños e veciñas. E cantas veces nós, no canto de acoller e acompañar con reverencia eses sufrimentos, os xulgamos como castigo ou como abandono de Deus!

Silencio
(todas)

Agardo quen me console e non o atopo. (Sl 69, 21)

Noso Pai

Canto:
Perdón, Señor, perdón.
Perdón, Señor, perdón.

12ª estación: Xesús morre na cruz

Todos:

Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,
pola túa santa cruz redimiches o mundo.
ou
Bendito sexas, Xesús,
que nos salvaches na cruz.

Lectura:

Mc 15, 33-34. 37

Chegado o mediodía, a escuridade cubriu toda a terra ata pouco máis das dúas da tarde. E nesa hora Xesús berrou moi forte:

Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?

E dando un berro moi alto, expirou.

Lc 23, 44-39

Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata a media tarde. Pois houbo un eclipse de sol. E o veo do santuario rachou polo medio. Entón Xesús pegou un berro moi alto e dixo:

—Meu Pai!, nas túas mans entrego o meu espírito.

E dicindo isto, morreu.

O centurión, vendo o que sucedera, glorificou a Deus, dicindo:

—Realmente este home era inocente.

Meditación

Xesús viviu a súa morte inxusta con todo o dramatismo humano, unha morte a fondo, dorida, amarga, pero confiada. Sabía ben en que mans estaba.

Que cando a vida se nos torza, cando a enfermidade nos rompa o corpo e o espírito, cando a morte pete á nosa porta por calquera camiño que sexa, manteñamos firme a nosa confianza en Deus.

Silencio
(todos)

Nas túas mans encomendo a miña vida. (Sl 31, 6)

Noso Pai

Canto:
Vitoria, ti reinarás,
ouh cruz!, ti nos salvarás.

13ª estación: Xesús, baixado da cruz, descansa nos brazos da súa nai.

Todos:

Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,
pola túa santa cruz redimiches o mundo.
ou
Bendito sexas, Xesús,
que nos salvaches na cruz.

Lectura: Xn 19, 25. 38

Ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai ea irmá de súa nai, María a de Cleofás, e máis María a Magdalena.

Xosé o de Arimatea, que era discípulo de Xesús, aínda que ás agachadas, por medo aos xudeus, rogoulle a Pilato que lle deixase retirar o corpo de Xesús. Pila accedeu.

Meditación

A cruz creou un espazo inmenso de dor que se concentrou no corazón da nai santa que recibía de novo no seu seo como morto a quen concibira como fonte de vida.

Pensemos en tantas nais que sofren pola morte dos seus fillos e fillas, por accidentes, por írense como refuxiados e afogar no Mediterráneo, por enfermidades prematuras, acabados pola droga, nas mans do pai machista que verte o seu resentimento matando os neniños.

Silencio
(todas)

Ti, Señor, socorres a persoas e animais.
Que precioso, Deus, é o teu amor! (Sl 36, 8)

Noso Pai

Canto:
No colo da miña nai escoitei que morreras por min,
e aínda é hoxe o día que creo en ti.

14ª estación: Xesús é sepultado

Todos:

Adorámoste, Cristo, e bendicímoste,
pola túa santa cruz redimiches o mundo.
ou
Bendito sexas, Xesús,
que nos salvaches na cruz.

Lectura: Mc 15, 46-47

Xosé de Arimatea mercou unha saba, baixou a Xesús da Cruz, envolveuno na saba e acomodouno nun sepulcro escavado na rocha; logo fixo rodar unha lousa sobre a entrada. María Magdalena e máis María de Xosé miraba a ver onde o poñía.

Meditación

Xesús mantivera a súa fidelidade a Deus traballando por un mundo animado por un fondo alento de irmandade en todo. Fiel a ese proxecto, morría inxustamente na cruz, radicalmente pacífico. Toca agardar en silencio, fiado de Deus, que nunca falla.

Todos, todas pasamos por épocas de acabamento, polas nosas propias limitacións ou pola agresión doutras persoas. Son horas duras do silencio e de espera. Horas de poñer a confianza en quen é merecente de todas as nosas confianzas. El saberá. El fará.

Silencio
(todos)

Ti podes trocar, Señor, o meu loito en danza. (Sl 30,12)

Noso Pai

Canto:
Aos pastos verdecentes me leva a repousar,
me leva a refrescar nas augas tranquilas.

O Señor é o meu pastor, nada me falta,
o Señor é o meu pastor, sempre vai comigo.

Conclusión

Rematamos este Camiño da Cruz. Volvemos para as nosas casas e labores. Que non se nos esqueza canto aquí se nos foi facendo presente. Que saibamos vivir prestando atención aos sufrimentos da xente, aos nosos tamén. Que saibamos revolvernos contra eses sufrimentos cando sexan froito de abusos ou abandonos. Que saibamos encaixalos cando non queda máis remedio.Que en todo momento, coma Xesús, saibamos confiar en Deus que nos sostén nas horas de dor e nos abre sempre as portas da luz e da esperanza.

Vaiámonos, logo, levando sobre nós a bendición de Deus Pai, Fillo e Espírito Santo.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.