30 marzo, 2021

Xoves Santo



Oración da noite, acompañando a Xesús

Ofrecemos esta posible maneira de levar a cabo ese tempo de oración que, persoalmente ou en grupo, moitas persoas crentes gustan de realizar, para acompañar a Xesús nesta hora do seu completo ofrecementos por todos e todas nós, para enchouparnos desa fondura de amor co que nos amou ata o extremos. Agradecemento e dispoñibilidade serán as dúas actitudes básicas coas que achegarnos a este momento.


Signos: 
Os da Última Cea: un mantel, un pan, unha xerra das de viño, unha toalla, unha almofía (palangana), un mandil.

Breve explicación do que imos facer:

Coméntanse os signos, que nos recordan a Última Cea e os signos que Xesús fixo nela. Queremos acompañar a Xesús, como un amigo/a acompaña a un amigo/a cando o ve pasando por unha situación tensa. Acompañar, para deixarnos arrastrar por el nas súas opcións de vida, no seu estilo de vida, na súa decisión firme de chegar ata a morte, se fixese falla, antes de renunciar a ser persoa de amor e de servizo. Entrar no mundo de sentimentos de Xesús, asociarnos a el, deixarlle a el que conmova a nosa existencia toda. Imos facer iso parándonos en cinco momentos especiais que Xesús viviu con especial intensidade, antes, durante e despois da Última Cea.

Actualizar este momento. Xesús está vivo no rostro da persoa pobre, marxinal, débil... Escollemos cada un unha persoa destas, ou un grupo de persoas, un grupo social, para identificala con Xesús e introducila tamén; oramos con ela, con ese grupo, escoitámola tamén a ela, adoramos nela a presenza de Xesús, dispoñémonos a servila...

Canto:
Nesta tarde de gloria e de festa
recordamos o amigo Xesús,
na súa cea cos seus compañeiros,
pouco antes de morrer por nós.

Cos seus feitos, coas súas palabras,
ensinounos a todas Xesús
que servindo e amando os veciños
faise aquí a vontade de Deus.

1. “Moito levo desexado comer esta Pascua convosco antes de eu padecer” (Lc 22,15).

Dínolo tamén hoxe a cada un de nós. Dínolo Xesús e dínolo esa persoa débil, oculta, que temos no corazón con Xesús. Acollemos a fondo este sentimento de Xesús. Coñéceme ben, e por iso mo di. É unha proposta de amor, de amizade; é unha busca de afecto, de apoio, de axuda. É a súa ansia por estar na comunidade nova, de irmáns e irmás, ao redor da mesa do pan compartido, dos dereitos compartidos tamén. Xesús necesitado de min, de nós, da comunidade. O amigo/a oculta necesitada de min, da comunidade.

Acollo e oro. Contesto en privado ou en público o que lle queira contestar a Xesús que me di iso.

Canto:
Déixate querer,
déixate querer,
déixate querer por Deus.

(por Xesús, pola persoa oculta)

2. “Este é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria de min.(...) Esta copa é a Nova Alianza, selada co meu sangue, que se verte por vós” (Lc 22,19b.20b).

Comer xuntos/as como sinal de fonda intimidade, compenetración, comuñón de sentimentos e de vida: entregarse, pensar nos demais, desfacerse para que outros/as tivesen vida, medrasen, recuperasen dignidade, ganas de vivir, alento, paz, alegría. Que forte ser comensal con Xesús e co amigo/a oculta que o acompaña. Que lle tes que dicir a Xesús por iso? Estás disposto a acoller tanto don? Asústate iso? Dillo a Xesús, dillo ao amigo/a invisible que o representa.

Ora. Se queres, comparte algo do que ores. Podes erguerte e bicar o cáliz, o copón.

Canto:
Xuntiños o pan dos amigos hemos comer.
Xuntiños o viño do encontro hemos beber.

3. “Pois, quen é máis importante, quen está sentado á mesa ou quen o serve? Acaso non é quen está sentado á mesa? Pero eu ando entre vós coma quen serve.” (Lc 22,27). E por iso, durante a cea, “botou auga nunha palangana e comezou a lavarlles os pés aos discípulos/as e a secarllelos coa toalla que levaba cinguida” (Xn 13,5).

Imaxínome a Xesús diante de min, lavándome os pés. Así era Xesús, así é Xesús, así é Deus. Deus ao meu servizo. “Tamén vós debedes larvarbos os pés uns a outros/as.”(Xn 13,14b). Ser servido, servida por Xesús, por Deus, de tantas maneiras. Asústame servir? No servizo está a túa liberación. No servizo está a liberación da sociedade, do mundo; non no poder, no mando. Cres isto? Pregúntacho tamén o amigo/a oculta que acompaña a Xesús, en representación dos centos de persoas que esperan algo de ti.

Ora. Comparte. Podes erguerte e bicar o mandil, a toalla, os pés dun compañeiro/as...

Canto:
Douvos un novo mandato(2),
que vos amedes (2),
como eu vos teño amado.

4. “Xudas, cun bico entregas o Fillo do home?

Todos/as levamos dentro de nós un Xudas, un covarde, un violento que non cre na forza do servizo, un desilusionado que abandona o camiño, a tarefa común. Un inconsecuente, que semella andar en amizade, pero que non se deixa conmocionar pola túa vida, pola vida da túa xente máis querida: a xente que por calquera razón non conta. Igual queres bicar a Xesús, pero sen bicar ao amigo/a invisible que o acompaña. Que fácil é ás veces bicar a Deus, cando nos desentendemos da xente débil. Eses son bicos de traizón. “Ten por seguro –dicíalle tamén Xesús a Pedro—que hoxe, antes de que o galo cante, negarás tres veces que me coñeces”. Que pena, cando os máis amigos, as máis amigas, dan as costas!

Ora. Comparte.

Canto:
Levanto os meus ollos cara os montes
na procura da túa axuda, meu Deus,
pois de ti vaime vir a miña axuda,
de ti que fixeches o ceo e máis a terra.
5. “Meu Pai, se queres, arreda de min este cáliz. Pero que non se faga a miña vontade, senón a túa. E, cheo de angustia, pregaba con máis intensidade aínda, mentres suaba coma pingas de sangue que esvaraban ata o chan” (Lc 22,42.44)

O camiño de Xesús non foi un camiño de rosas. Angustiado, abandonado, cheo de pavor, buscou axuda nos máis amigos, buscouna tamén en Deus. Xesús na hora do aperto busca axuda en ti, na comunidade. O amigo invisible busca axuda en ti. Os apóstolos quedaron durmidos. Non caeron na conta do drama que alguén vivía ao seu redor. Estás viva, esperta, para acompañar a Xesús e á xente máis débil nas súas angustias?

Xesús totalmente disposto a cumprir a vontade do Pai, que coincidía co seu empeño por estar cheo de valentía e de tenrura do lado de quen tiña a vida máis hipotecada. Deus non lle fallou, deulle conforto. Deus tamén che ofrece a ti todo o conforto do mundo. Fíaste del algo polo menos coma Xesús?

Ora, comparte.

Canto:
Aquí estou, Señor, pra facer a túa vontade,
veño renovar diante de ti a fidelidade.
Final

Coas mans unidas, rezamos o Noso Pai con Xesús, que nolo ensinou, e con esas persoas débiles que levamos escondidas no corazón, con todas as persoas máis débiles do mundo, que hoxe prolongan na historia a Paixón de Cristo e tamén son obxecto da súa solicitude extrema.

Despedímonos de Xesús. En silencio ou mediante unha palabra agarimosa, como cando nos despedimos dun amigo, dunha amiga.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.