18 abril, 2021

Fratelli tutti: oración 5 capítulo

  


PREGARIA 
(Capítulo 5 da encíclica)

A mellor política
 
Manuel Regal Ledo

Cando, Xesús, cando,
cando seremos persoas apaixonadas a fondo
pola xente, polo pobo?

Cando deixaremos que o amor,
a solicitude, o afecto, a tenrura
—iso ao que lle damos o nome grande de Deus—
invada todo o noso actuar;
e se converta en nós en pensamento clarividente,
en estratexias eficaces
en dereitos, en xustiza, en deberes compartidos,
para que a xente, toda a xente, viva
e vida dignamente?

Cando amaremos tanto,
tan limpamente, tan libremente,
que as sombras do prestixio, do poder,
dos intereses do propio grupo, partido ou país
deixen de condicionar as mellores decisións
para o mellor futuro do noso pobo
e de todos os pobos do mundo, por pequenos e insignificantes que sexan?

Cando liberaremos o amor dos espazos curtos,
das discusións eufóricas,
das asembleas devotas,
e o levaremos no teu nome, Xesús,
no nome do teu Deus da vida,
alí onde cada día se xoga a vida da xente,
a vida das persoas e pobos máis excluídos?

Cando apreciaremos a política,
cando agradeceremos a vida de quen a practica honradamente,
cando sairemos das sancristías
para meternos na complexidade do mundo, no rebumbio da vida,
o lugar dun laicado comprometido coa causa de Deus?

Cando aprenderemos de ti, Xesús,
da túa implicación valente en defensa da xente abusada,
da teu proceder amoroso, pero non populista,
entregado e por iso mesmo tamén esixente?
Cando nos dispoñeremos a morrer coma ti,
un chisquiño polo menos,
para que todo o pobo viva?

Que o teu Espírito guíe e fortaleza os nosos pasos
neste campo tan urxente e delicado.
Grazas, Xesús.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.