21 abril, 2021

Tempo de Pascua: 4ª semana

 


 25 de abril: Domingo 4 de Pascua

1ª lectura: Feit 4, 8-12
Salmo: 117, 1 e 8-9. 21-23. 26 e 28 e 29
2ª lectura: 1 Xn 3, 1-2

Evanxeo: Xn 10,11-18

Unha vez díxolles Xesús aos fariseos:

—Eu son o bo pastor. O bo pastor dá a súa vida polas ovellas. O criado, que non é pastor, de quen non son as ovellas, cando ve vir o lobo, deixa as ovellas e foxe e o lobo rapínaas e dispérsaas, porque el anda ao xornal e as ovellas non lle importan.

Eu son o bo pastor; coñezo as miñas e as miñas coñécenme a min. Igual que o Pai me coñece a min e eu coñezo o Pai e dou a miña vida polas ovellas. Teño ademais outras ovellas que non son deste curro: tamén a esas téñoas que guiar, e escoitarán a miña voz e farase un único rabaño e un único pastor.

Por iso ámame o Pai, porque eu dou a miña vida, para tomala de novo. Ninguén ma quita, non, eu douna voluntariamente. Teño poder para dala e teño poder para tomala de novo. Este mandato recibino do meu Pai.

Meditación

O Evanxeo de hoxe recolle parte dunha reflexión do evanxelista Xoán sobre a identidade de Xesús, que ocupa a metade do capítulo 10 do seu Evanxeo. Esa identidade coméntaa Xoán a partir da imaxe do pastor, imaxe á que se recorría xa no Antigo Testamento cando se quería falar de Deus mesmo, ou dos seus representantes máis considerados. No apartado deste domingo a reflexión versa sobre a realidade e o sentido da morte de Xesús, cousa que conmocionou moito aos primeiros seguidores e seguidoras de Xesús; para entendela e asumila tiveron que pararse, pensar, orar, meditar en vivencias próximas aparecidas xa no Antigo Testamento, e, sobre todo, tiveron que deixarse envolver pola realidade mesma de Xesús, que desbordaba todos os anuncios e promesas.

Xoán xoga coa imaxe do pastor amo e do pastor asalariado, contrapoñendo figuras e funcións, intereses e apaixonamentos. Ao pastor amo as ovellas interésanlle; ao asalariado interésalle o salario. Como ao pastor amo lle interesan as ovellas, por iso mesmo é capaz de dar a vida por elas, se fixer falla. E iso é o que fixo Xesús. Interesoulle a tope o pobo pobre, desnortado, deprimido, asoballado por poderes políticos e relixiosos, asoballado tamén pola propia inconsistencia e pecado, e levou as cousas ata o extremo, ata o fondo, ata a morte. A súa tarefa esténdea sobre todos e cada un, cada unha de nós. É ben gratificante e animador saberse obxecto da paixón de Xesús.

Xoán esténdese noutra condición típica do pastor apaixonado: é coñecedor das súas ovellas, establece con elas unha relación de coñecemento e intimidade, comparable coa que poden ter entre si os dous membros dunha parella. Xesús ofrécenos esta intimidade e invítanos a ela; intimidade que non é senón un reflexo da intimidade mesma que el ten establecida con Deus Pai/Nai.

Xesús non fixo de todo isto un xogo espiritualista, como moitas veces adoitamos facer nós; sabémolo ben polo estilo de vida que el levou, polos compromisos concretos coas persoas nos que el sempre se embarcaba. O seu era coñecer a xente, entendela, acompañala, entregarse a ela, ofrecerlle todo o que era e tiña, así, día a día, persoa a persoa, ata o acabamento final, que foi o estoupido desmedido de amor en Deus e pola xente. A morte de Xesús convértese así na referencia dos nosos servizos, dos nosos amores: gratificados/as por ela, obsequiados/as con ela, urxidos/as por ela, comprometidos/as nela.

Xesús abre a tenda do seu amor, da súa vida en tempos e espazos ilimitados; nada, ninguén queda ao marxe das súas ansias: o soño eterno dunha humanidade reconciliada, vinculada á experiencia diaria do amor e do servizo, desde o minúsculo detalle agachado no recanto máis retirado dunha vivenda, ata a acción máis solemne e pública coa que queiramos proclamar a prioridade dos máis débiles no ensarillado social.

O de Xesús foi así: andar coa vida nas mans e no corazón, dando libremente, con esa liberdade fonda, fondísima, que só é capaz de criarse ao abeiro do amor, da paixón polos demais, polas demais, enredada en Deus día a día, hora a hora.

Imaxinámonos a Xesús deste xeito vivindo os tempos de hoxe, duros, complexos, angustiosos para moitos/moitas, abertos por iso mesmo á sorpresa, ao inaudito de Deus? O Evanxeo de hoxe invítanos a asolagarnos na persoa, no estilo de Xesús, a enchouparnos del, e a recrear no Espírito a súa presenza nesta hora, coa humildade de quen se sabe aprendiz, coa ousadía de quen se descubre amado e acompañado diariamente por un mestre sabio e experimentado en loitas curtidas.

Preces

GRAZAS, XESÚS, BO PASTOR

Porque nos ensinas a mirar polas persoas, sobre todo polas que están en perigo de sufrir calquera tipo de abuso ou atropelo. Rezamos.

Porque coa túa vida nos ensinaches a amar con verdade, sen trampas, sen falsas aparencias. Rezamos.

Porque nos chamas a intimar contigo, con Deus, e a intimar coa xente que nos rodea, sen contentarnos con relacións baleiras e inútiles. Rezamos.

Porque fuches libre para amar, para servir, para protestar, para plantarte diante dos poderosos políticos e eclesiásticos. Rezamos.

Porque o teu corazón non ten barreiras, e queres a toda a xente unida en Deus na dignidade dunha vida recoñecida e auténtica. Rezamos.

Oración
Que marabilloso resulta, Xesús,
vivir ao abeiro da túa persoa,
da túa vida,
dos teus plans e proxectos,
dos teus soños!
Que marabilloso es, Xesús!

Que alentador descubrirte
coñecendo e amando de verdade a xente,
a toda a xente,
aínda que preferentemente a máis débil da túa contorna!
Sempre a xente débil a meniña dos teus ollos!

Que consolador, polo tanto,
ver que me coñeces e que me estimas,
que non reparas nas miñas maldades
para vincularte comigo,
para acompañarme na densa tarefa cotiá
de ser home ou muller,
de ser irmán ou irmá!
Grazas pola amizade íntima que me ofreces!

Que animador erguerse cada mañá,
e verte ao noso lado
axudándonos a abrir os ollos
e descubrir os novos lobos modernos
que rapinan e dispersan as ovellas;
os mercados e os seus levadores
que esquilman o pobo,
que o debilitan e someten,
que o converten en mantenza dos seus intereses!

Que esixente tamén, Xesús,
pretender acompañarte paso a paso,
sen facer do amor un enredo baleiro,
sen facer do servizo unha palabra lixeira!
Grazas polas persoas concretas que me impiden perderme en vaguidades
polas organizacións que me abren ao social e comunitario!

Que fonda e grande e limpa
a túa liberdade, Xesús!
Empeñada día a día
en gañar tamén a miña!
Acción

Todas, todos temos algún oficio como de pastoreo con algunhas persoas, familiares, xente amiga, xente envolta en debilidade… Seguro que tamén nós recibimos os coidados, o pastoreo, por parte doutras persoas. Como andamos con todo isto? Sabemos agradecer a quen mira por nós? Esmerámonos en coidar a quen de nós precise?


26 de abril: Festa de San Isidoro de Sevilla

1ª lectura: 1 Cor 2, 1-10
Salmo 118, 99-100. 101-102. 103-104

Evanxeo: Mt 5, 13-16

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:

—Vós sodes o sal da terra. Pero se o sal se volve insulso, ¿con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.

Vós sodes a luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa. Alume así a vosa luz á xente, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen o voso Pai está nos ceos.

Meditación

Onte, día de san Marcos, viámonos empuxados a agradecer a vida e o traballo das primeiras persoas que deron testemuño de Xesús coa súa palabra e cos seus feitos; hoxe na figura de san Isidoro, arcebispo santo e sabio do s. VI-VII, somos invitadas tamén a agradecer a presenza desas persoas, homes e mulleres, que ao longo da historia creron a fondo en Deus, en Xesús, animaron as comunidades cristiás e souberon falar de Deus con paixón e acerto e enriqueceron a cultura. Esas persoas que foron sal e luz no seu mundo e aínda no noso.

Este agradecemento por persoas xa ben antigas deberíanos levar a agradecer tamén outras persoas semellantes que nos nosos tempos teñen a mesma paixón de vivir a fondo a súa condicións de cristiás, de poñer vida nas comunidades cristiás, na Igrexa, e que, ao tempo, se converten nunha referencia tanto para a xente que cre como para a que non cre. Grazas a Deus hai moitas persoas así; algunhas teñen moito nome, como o Papa Francisco; outras non son tan coñecidas, pero están aí termando de moitas iniciativas evanxelizadoras, culturais, solidarias. Son tamén sal e luz para o noso mundo.

Pero Xesús, cando dicía o que o Evanxeo de hoxe nos conta, pensaba en calquera home ou muller cristiá; pensaba en ti e en min. Hai moitas maneiras sinxelas de sermos sal, de sermos luz na familia, na parroquia, no concello no que vivimos.

Oración
Non te avergonces de ser cristiá/án –dicho Xesús.
Vive con humildade e orgullo a túa condición.
Es persoa cristiá por graza de Deus,
non por invención nin méritos propios.
Pero sé valente e coherente.
Non agaches o don de Deus
debaixo da túa frouxidade ou timidez,
da túa covardía ou dos teus medos.
Levas un tesouro nas mans, no corazón:
a memoria quente da miña vida servidora.
Se te botan para atrás os teus propios erros e pecados,
ou os da comunidade e Igrexa da que formas parte,
deixa que o sal de Deus se faga máis sal en ti,
deixa que a luz de Deus alumee os recantos todos da túa vida.
Para todo hai perdón e novidade.
Pero non deixes de ser sal e luz.
Polo teu ben,
polo ben da comunidade, do pobo ao que pertences.
Non deixes de ser sal e luz.
Eu estou contigo.
Acción

Miremos a aquelas persoas que no noso entorno están sendo sal e luz, na parroquia, na comunidade cristiá, no pobo; poden ser ou non ser persoas crentes. Acheguémonos a elas nalgún momento. Agradezámoslles o que están facendo, o que nos están aportando. E de paso miremos tamén se nós non poderiamos ser algo máis sal e luz.


27 de abril: Martes da 4ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 11, 19-26
Salmo: 86, 1-3. 4-5. 6-7.

Evanxeo: Xn 10, 22-30

Naquel tempo celebrábase en Xerusalén a festa da Dedicación. Era inverno. Xesús paseaba polo templo no Pórtico de Salomón. Rodeárono entón os xudeus e preguntáronlle:

—Ata que día nos terás en suspenso? Se es ti o Cristo, dínolo abertamente.

Xesús respondeulles:

—Xa volo dixen e mais non credes; as obras que eu fago no nome do meu Pai son o meu aval. Pero vós non credes, porque non sodes das miñas ovellas. As miñas ovellas escoitan a miña voz: eu coñézoas e elas séguenme. Eu doulles vida eterna e non se perderán para sempre; ninguén mas quitará da man. Meu Pai, que mas deu, é máis ca todos e ninguén pode repañalas da man do Pai. Meu Pai e máis eu somos un.

Meditación

Xesús atopou moita oposición, sobre todo curiosamente entre a xente máis relixiosa do seu tempo; non reparaban nas obras de Xesús, obras de vida, de recuperación das persoas a todos os xeitos, e quedábanse nos seus debates teóricos sobre de onde viña ou non viña Xesús, quen era ou quen non era Xesús. Era unha maneira tramposa de se pechar ao que Xesús lles propuña sobre como entender o trato con Deus, sobre como levar o trato con Deus a unha maneira nova de vivir e convivir coa xente.

Tamén nos tempos de hoxe nos pode pasar algo semellante. Claro que nos nosos tempos no mundo relixioso non sempre temos diante a persoas íntegras, servidoras a tope, coherentes coma Xesús. Pero cantas veces nos enredamos en debates teóricos sobre se a vida cristiá debera ser tal ou debera ser cal, e deixamos de lado a práctica solidaria con toda persoa que sofre. Para Xesús a práctica solidaria era o corazón da súa existencia, era o cerne da súa identidade persoal e de misión.

Oración
Meu Pai e máis eu somos un.
Eu e a xente somos un.
Vivo para o Pai,
vivo para o pobo.
Soño co Pai,
soño co pobo.
Comprázome no Pai,
comprázome no pobo.
Sirvo o Pai,
sirvo o pobo,
sobre todo a quen no pobo
máis precisa de defensa e atencións,
de alentos e perdóns.
Nesta unidade vivo cada día,
a esta unidade cotiá e eterna invito
a quen queira andar canda min os meus camiños.
Meu Pai e máis ti e máis eu somos un.
Meu Pai e máis o pobo e máis eu somos un.
Acción

¿Somos desas persoas que se lían en debates sobre calquera tema relixioso, social ou político, e logo non arriman moito o lombo para ningunha causa xusta? Se o somos, ¿como podemos cambiar algo?


28 de abril: Mércores 4ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 12, 24—13, 5a
Salmo: 66, 2-3. 5. 6 e 8

Evanxeo: Xn 12, 44-50

Nunha ocasión falou Xesús así berrando:

—Quen cre en min realmente non cre en min, senón naquel que me mandou; e quen me ve a min ve a quen me mandou. Eu son a luz que veu ao mundo, para que quen crea en min non permaneza nas tebras.

Se alguén escoita as miñas palabras e non as garda eu non o xulgo, pois non vin para xulgar o mundo, senón para o salvar. Quen me despreza e non recibe as miñas palabras, ten que o xulgue: a palabra que eu falei hao xulgar no derradeiro día. Porque eu non falei pola miña conta, senón que o mesmo Pai, que me mandou, deume a encomenda do que debo dicir e do que hei falar. E eu sei que a súa encomenda é vida eterna. Por iso as cousas que eu falo, fáloas como mas dixo o Pai.

Meditación

En Xesús a súa vida nunca se apartou do que pensaba e falaba: se falaba de amar a Deus ata o extremo, amábao ata o extremo; se falaba de perdoar mil veces, mil veces perdoaba; se falaba de poñer as persoas por riba das leis relixiosas, tal foi o que fixo ata poñer en perigo a súa mesma vida; se falaba da urxencia de respectar e coidar das persoas máis depauperadas, a esas persoas dedicou especialmente a súa vida toda.

Sabemos que nós, os seguidores e seguidoras de Xesús de hoxe, somos xente de moitas palabras, pero non de moita palabra. Dicimos e non facemos. Aparentamos moitas veces andar apegados a Xesús, pero a nosa vida desmínteo. ¡Canto temos por aprender para a nosa vida cristiá deste Xesús ao que diariamente diriximos a nosa ollada e o noso corazón!

Oración
Que a túa luz, Xesús,
ilumine as nosas tebras.
Que a túa palabra asente en nós
e se converta en vida.
Que avancemos humildemente na tarefa
de amosarte coa nosa maneira de vivir,
o mesmo que ti coa túa maneira de vivir
nos amosaches o rostro humano de Deus.
Acción

¿Cómo andamos coas nosas palabras e cos nosos feitos? ¿Lembramos ter dito algo, ter apostado de palabra por algo e logo na práctica ternos desentendido do falado? Sempre podemos cambiar.


29 de abril: Festa de Santa Catarina de Siena, doutora e patroa de Europa

1ª lectura: 1 Xn 1,5—2,2. 
Salmo: 102.

Evanxeo: Mt 11, 25-30.

Nunha ocasión dixo Xesús:

—Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lle escondiches estas cousas á xente sabia e entendida e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o Fillo agás o Pai, nin ninguén coñece o Pai agás o Fillo e a persoa a quen o fillo llo queira revelar.

Achegádevos a min todas as persoas que estades cansas e oprimidas, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é doado de levar e a miña carga é liviá.

Meditación

Catarina de Siena (Siena, 1347 – Roma, 1380) foi unha gran muller mística; isto quere dicir que, no seu caso, desde moi noviña, tivo unha especialísima experiencia de Deus na súa vida, conforme as formas de piedade daquela época. Meteuse monxa dominica e viviu a fondo o anunciado por Xesús no evanxeo de hoxe. Gozou dun coñecemento amoroso de Deus durante anos de soidade e retiro, pero tamén se ofreceu coma Xesús para ser alivio da xente desfavorecida e, sobre todo a partir dos 23 anos, para promover a paz e a concordia dentro e fóra da Igrexa. Paulo VI nomeouna Doutora da Igrexa no 1970, e Xoán Paulo II declarouna Patroa de Europa no 1999.

Invítanos santa Catarina a coidar a nosa experiencia de Deus, e invítanos tamén a ser persoas de reconciliación. Ambas as dúas cousas ben necesarias no momento histórico que nos toca vivir. Tamén nos invita a soñar co marabilloso papel que poderían desempeñar as mulleres na Igrexa, deixándolles desenvolver as súas capacidades todas.

Oración
Para construír unha Europa fraterna,
FORTALÉCENOS, CATARINA.
Para superar vellos tics de prepotencia.
Para respectar aos pobos pequenos do Terceiro Mundo.
Para abrir as nosas portas a quen por necesidade peta nelas.
Para construír Europa desde a preferencia polo pequeno.
Para vivir e morrer coa paz sempre nas mans.
Para investir en pan o que investimos en armas.
Para abrir o noso progreso á forza do Espírito.
Acción

Podemos achegarnos algo á biografía de Santa Catarina, desde calquera santoral ou desde o mesmo google. Seguro que atoparemos aspectos que nos sorprendan e animen.


30 de abril: Venres da 4ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 13, 26-33
Salmo: 2, 6-7. 8-9. 10-11

Evanxeo: Xn 14, 1-6

Díxolles Xesús aos seus discípulos:

—Non vos angustiedes. Crede en Deus e máis crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito ¿teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde vou eu ben sabedes o camiño.

Dille Tomé:

—Señor, se non sabemos onde vas, ¿cómo imos saber o camiño?

Xesús respondeulle:

—Eu son o camiño, a verdade e a vida; ninguén chega onda o Pai máis ca por min.

Meditación

Hai moita xente angustiada. Os tranquilizantes son os medicamentos máis solicitados e consumidos nas nosas sociedades. Angustiámonos por cousas de peso, pero moitas veces por calquera cousa. Temos pouca capacidade para dixerir fracasos, negativas, demoras. A angustia é a cara negativa dunha sociedade que aspira a telo todo, que aspira á riqueza, ao éxito, á satisfacción plena.

¿Como resoan nas nosas vidas as palabras de Xesús: Non vos angustiedes? ¿Qué ten Xesús para conter a nosa angustia? Xesús, falando desde a súa experiencia, dinos simplemente: confiade en Deus, confiade en min. Confiar en Deus: non somos seres abandonados; estamos envoltos por unha inmensa vontade de tenrura solícita que nos acompaña desde o nacemento ata a morte e máis alá da morte. Confiar en Xesús: temos alguén que abriu camiño para atinar no que nos leva á satisfacción, á vida. Desde esta confianza básica vivida en comunidade poderemos afrontar mellor os retos da vida. Confiar non elimina as dificultades nin o esforzo para superalas, pero ofrécenos a actitude vital desde a que loitar a vida sen angustia.

Oración
Grazas, Xesús,
por estar aí, ao noso lado, en todo momento.
Grazas por acompañarnos
cando a vida se nos fai costa arriba,
e nos angustian os problemas familiares ou laborais.
Grazas por estar ben a rente de nós
cando no fondo do noso ser non temos paz
nin o camiño para atopala.
Grazas, Xesús,
por soster a nosa esperanza
cando a maldade do mundo nos desborda
e a xente máis débil padece inxustiza.
Grazas porque ti co teu Deus
estades sempre do noso lado,
sostendo alentos,
garantindo felicidades.
Grazas.
Acción

Podemos palpar a nosa existencia e ver que angustias temos. ¿Son angustias por cousas que pagan a pena, ou deixámonos envolver na roda das angustias á que a sociedade nos somete? Como as estamos resolvendo? Podemos compartilas. Podemos axudarnos mutuamente.


1 de maio: Festa de S. Xosé obreiro, o día internacional da xente traballadora

1ª lectura: Feit 13, 44-52
Salmo: 97

Evanxeo: Mt 13, 54-58

Nunha ocasión Xesús volveu para a súa terra, e, de tal xeito ensinaba na sinagoga, que a xente dicía abraiada:

—¿De onde lle veñen a este esa sabedoría e eses milagres? ¿Non é o fillo do carpinteiro? ¿Non se chama María a súa nai, e seus irmáns Santiago, Xosé, Simón e Xudas? E súas irmás ¿non viven connosco? Entón, ¿de onde lle vén todo isto?

Estaban realmente escandalizados por causa del. Pero Xesús díxolles:

—A un profeta só o aceptan mal na súa terra e na súa casa.

E non fixo alí moitos milagres pola falta de fe daquela xente.

Meditación

Xesús falaba de forma tan sorprendente, que deixaba a xente abraiada. Noutro lugar dise que Xesús impresionaba falando, porque falaba con autoridade. Unha persoa fala con autoridade cando o fai con convencemento, que se ve que transmite o que vive, que non é un barulleiro baleiro, que a súa vida se corresponde co que fala. Persoas desas igual non hai moitas, pero todo sabemos distinguilas e aprecialas moi ben. Xesús era así. E a xente estrañábase, porque Xesús era un obreiro, un carpinteiro, ben coñecido el e ben coñecida toda a súa parentela na aldea, e parecíalles que iso de falar con competencia era cousa dos estudados.

O de Xesús era vivir e falar con competencia de Deus e da vida, de Deus e da xente, de Deus e das persoas máis fráxiles, de Deus e do mundo do traballo daqueles tempos. Que bo militante obreiro era Xesús! Quen nos dese que houbese así coma el moitos e moitas militantes obreiras nos días de hoxe! Que ben se cada cristián ou cristiá traballadora nos nosos días tivésemos a forza, a conciencia, a honestidade, a liberdade, o desprendemento, o mirar polos outros, que Xesús tiña! Con cantos valores cristiáns –dos de Xesús— poderiamos enriquecer a clase traballadora tamén nos nosos tempos!

Oración
Que non nos falte a ninguén o pan de cada día
—orabas ti, Xesús.
Que a xente toda, sen excepción, sen exclusión,
teña traballo, terra e teito
—suplicaba o Papa Francisco co movemento obreiro internacional.
Que se acabe esa historia mortífera
de que unha inmensa maioría de xente pobre é cada vez máis pobre,
mentres unha minoría rica se enriquece cada día máis
—berran hoxe multitudes de xente excluída.
Que aceptemos o decrecemento, rebaixando afeito a nosa renda,
empezando polos máis ricos,
para que todo o mundo teña pan, sanidade, escola, traballo, dignidade
—di hoxe unha escasa minoría soñadora.
Que todo o mundo nos tratemos en todo coma se fosemos irmáns e irmás,
fillos e fillas da mesma familia,
ao redor da fonte da fraternidade que chamamos Deus
—di a conciencia crente de toda a humanidade.
Que saibamos escoitar esas voces, Xesús,
escoitar e facer.
Acción

Podemos participar nalgunha manifestación obreira deste día. Nalgunha conversa que teñamos podemos compartir os nosos soños cristiáns de fraternidade ao redor dun decrecemento que posibilite vida digna para toda a poboación do mundo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.