PREGARIA
(Capítulo 6 da encíclica)
Diálogo e amizade social
Manuel Regal Ledo
Bendito sexas, Deus,
Pai e Nai nosa,
que en ti mesma es
todo relación, todo comunicación,
todo diálogo!
Bendito sexas, Deus queridiña,
porque es saíndo de ti,
creando amorosamente
e amorosamente establecendo vencellos substanciais
con todas as criaturas,
con todos e cada un, cada unha de nós,
coa ilusión última
de facernos Un en ti,
tal como o viviu e anunciou
o teu fillo Xesús,
o noso irmán maior e guieiro imprescindible!
Bendito sexas, Deus feito palabra,
para lembrarnos a cotío
que na palabra transparente e coherente
está a esencia da nosa condición de criaturas
e o instrumento fundamental
para facer valer a nosa dignidade
e respectar a dignidade de toda criatura!
Bendito sexas, Deus queridiño,
eterno dialogante respectuoso,
que te achegas a nós,
escoitándonos, ollándonos, coñecéndonos,
comprendendo pacientemente as nosas fraxilidades
iluminándoas apaixonadamente co teu Espírito,
co afán de conseguir de cada persoa o mellor de nós,
e deste mundo unha gozosa e respectuosa casa común!
Bendito sexas sempre
no diálogo e na amizade social
das persoas, dos grupos políticos, das nacións!
Sempre a palabra, a razón, o encontro, a complementariedade,
nunca o desprezo, o abuso, o illamento, as armas!
Bendito sexas,
e que cada día te saibamos bendicir
coa nosa palabra clara e respectuosa,
coa nosa amabilidade sen fisuras,
co noso interese por unir ideas e forzas
para garantir o digno benestar de cada ser humano,
sobre todo o benestar da xente máis vulnerable!
Por un mundo de irmás, de irmáns, no teu nome!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.