13 maio, 2021

Tempo de Pascua: 7ª semana

 


16 de maio: Domingo 7º de Pascua. Solemnidade da Ascensión do Señor

1ª lectura: Feit 1, 1-11
Salmo: 466, 2-3. 6-7. 8-9
2ª lectura: Ef 1, 17-23

Evanxeo: Mc 16, 15-20

Daquelas, aparecéuselles Xesús aos once e díxolles:

—Ide polo mundo enteiro e anunciado a Boa Nova a toda a creación. Quen crea e reciba o bautismo, será salvo; e quen non crea, ha ser condenado. Os que crean irán acompañados destes sinais: no meu nome han botar os demos fóra e falarán linguas novas; collerán serpes coas mans e, se chegan a beber algún veleno, non lles fará mal ningún; imporanlles as mans aos enfermos e estes curarán.

E o Señor Xesús, despois de lles falar así, foi levado ao ceo e sentou á dereita de Deus.

Eles saíron a predicar por todas parte e o Señor cooperaba e confirmaba a Palabra cos sinais que os acompañaban.

Meditación

Celebrabamos a Ascensión do Señor 40 días despois da Pascua, pero non debemos comprender estas datas como se houbese un tempo intermedio no que Xesús andase por aí dando voltas, medio de incógnito, para despedirse logo dos homes e mulleres que o acompañaran durante a súa vida e morte nesta terra, e marcharse para onda o Pai, a un lugar superior, que chamamos ceo. A nosa realidade humana, necesariamente marcada polo espazo e polo tempo, lévanos a entender desta forma as cousas de Xesús despois de morto e resucitado, pero aí non está nin moito menos o forte do que o evanxelista nos quere transmitir. Desde o mesmo momento da súa morte Xesús descóbrese a si mesmo dunha maneira plena no espazo de Deus, entra en Deus gozosamente, e participa da súa plenitude como correspondía a quen no seu ser e no seu desenvolvemento histórico vivira sempre coma fillo querido e fiel de Deus. Se, conforme di o Concilio Vaticano II, “o misterio do ser humano non se aclara de verdade, senón no misterio do Verbo feito carne” (Gaudium et spes, 22), podemos pensar que tamén as cousas poden ser así para cada un, cada unha de nós. En Deus están as nosas raíces e en Deus está tamén a nosa redondez e plenitude.

A liturxia vai separando e invitándonos a ver e revivir cada un dos momentos desa densa experiencia (morte, resurrección, ascensión, pentecoste); esta é unha pedagoxía apropiada, para que poidamos descubrir a fondura de cada un deses momentos cruciais desa experiencia humana única. Contemplar a Ascensión, a parte de nos adiantar en promesa e esperanza o que será o noso porvir coma fillos e fillas de Deus, tamén nos supón, como lles supoñía aos primeiros seguidores e seguidoras de Xesús, ter que nos enfrontar con estas dúas realidades: non temos a Xesús fisicamente connosco, e, ademais e por iso mesmo, quédanos nas mans a tarefa de seguir desenvolvendo o proxecto persoal e social no que Xesús comprometeu a súa existencia.

De Xesús non temos a súa presenza material, corpórea, que día a día estivese ao noso lado resolvendo dúbidas, marcando camiños, tomando decisións, comprometendo a existencia diaria. Non o temos así. Pero témolo dunha maneira aínda mellor: témolo no Espírito, temos o seu Espírito, que, se o deixamos, traballa en nós, fortalécenos, capacítanos, para que día a día vaiamos asumindo a responsabilidade dunha vida cristiá, respondendo con sinxeleza e audacia a un tempo aos retos que a vida, momento a momento, nos vai propoñendo. Sen Xesús corporalmente ao lado, o Espírito pódenos levar a unha maior madurez. É a aventura humana, persoal e comunitaria, composta, para o crecemento, de dúbidas, de decisións, de erros, de certezas parciais, para a que o Espírito, co seu acompañamento fiel, ofrece garantías.

E quedamos coa tarefa de Xesús nas mans, que é anunciar a Boa Noticia de Deus a toda criatura. Para poder anunciar a Deus coma boa noticia é imprescindible vivilo primeiro coma boa noticia para cada un, cada unha de nós. Ninguén transmite o que non cre, o que non vive, o que non experimenta gozosamente. Moitas veces as persoas cristiás non vivimos a Deus coma unha Boa Noticia, que cada día nos levante o ánimo, nos dea esperanza para vivir, nos afiance no esforzo por humanizar a nosa existencia e a dos demais. Se é así, estaría ben que nos preguntásemos por que nos pasa iso; sobre todo se, por rutina ou por oficio, seguimos dicindo palabras fabulosas sobre Deus, que logo a vida contradí.

A palabra baleira cara a fóra non vale de nada. Xesús pedía acompañala de accións que poñen en claro a súa consistencia: Botar demos fóra, que pode ser eliminar todo aquilo que destrúe a unha persoa e lle impide rir e gozar coa vida; falar falas novas, que pode referirse a unha palabra consistente e tenra, coma a de Xesús, viva e alentadora, capaz de espertar firmezas e esperanzas onde todo era desencanto e temor; coller serpes coas mans, que pode querer dicir ter moita habilidade para manexarse nas situacións complexas da vida, ou ter audacia para non recuar ante o medo e as ameazas do poder; beber velenos sen risco, que pode querer dicir que no fondo non hai cousa que nos poida facer mal, porque estamos protexidos pola densa capa de amor misericordioso e fiel coa que Deus dispuxo envolver a nosa existencia; curar enfermos, que é claramente achegarse a quen padece de calquera mal para alivialo, espantarlle o sufrimento ou axudarlle a afrontalo con aires novos.

Falamos, ou polo menos oímos falar moito, de nova evanxelización. Que podemos facer cada un, cada unha, que pode facer a nosa comunidade cristiá para que a nosa palabra, a nosa vida cristiá recupere a frescura que Xesús soubo poñer --non outra— en momentos complexos e carentes de esperanza coma os nosos?

Preces

DEUS, TI ES BOA NOTICIA!

Que, grazas a ti, poidamos vivirte realmente coma unha boa noticia que nos anime a vida, que esperte en nós ilusións e esperanzas. Oremos.

Que coa túa axuda saibamos reproducir en nós e transmitir algo do vigor, da tenrura, da valentía, do apaixonamento de Xesús. Oremos.

Que saibamos ser esperanza e alegría para as persoas concretas que ao noso carón o están pasando mal; que as vaiamos visitar, acompañar. Oremos.

Que nos dispoñamos a votar con conciencia, arrimando ao partido que non ande en cousas de corrupción, e que aposte por unha sociedade na que a xente máis débil sexa a primeira mellor atendida, e non como está pasando agora. Oremos.

Que gustemos e agradezamos as pequenas satisfaccións da vida, coma un adianto da satisfacción total en Deus cando morramos. Oremos.

Oración
Se ti non vés, Xesús, eu non vou.
So
non podo nada,
non vallo nada,
non chego a nada.

Contigo a carón,
co teu espírito roldándome a alma,
cos compañeiros e compañeiras de grupo,
coas veciñas e veciños,
si,
daquela si,
contigo si,
conta comigo.

Contigo, con Francisco,
onde haxa malas novas,
poña eu a túa boa nova
ou cousas que lle abran unha miguiña as portas.
Onde haxa desesperación,
poña eu esperanza miúda
ou cousas que lle sinalen o camiño.

Onde haxa desprezo aos sindicatos,
poña eu crítica e apoio para que sexan o que deben ser.
Onde haxa trampas e enganos,
falacias,
que auguran e prometen boa convivencia
sobre o a base do abuso e o atropelo,
poña eu lucidez e verdade
sobre o corpo desenganado da xente débil.

Onde haxa rancor e violencia,
poña eu, contigo, perdón e contundencia,
para que o mal non se asente na casa do abusador,
e tampouco na do abusado.
Onde haxa medo e pánico,
encollemento,
poña eu serenidade e audacia,
disposición,
para afrontar en grupo, en comunidade,
os retos do presente.

Onde haxa unha fe apagada ou morta,
fofa e palabreira,
poña eu con humildade a graza do teu nome
e a túa presenza nova e soñadora sobre o ronsel das horas.
Acción

Estamos facendo, dalgunha maneira, algo co que anunciamos a Boa Nova de Xesús? Poderiámoslle poñer nome a iso que facemos? Pensamos que podiamos ser algo máis valentes e decididos para falar do de Xesús con quen convivimos, con quen traballamos, con quen colaboramos na asociación, no sindicato, no partido político?


17 de maio: Luns da 7ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 19, 1-8
Salmo: 67, 2-3. 4-5ac. 6-7ab

Evanxeo: Xn 16, 29-33

Nunha ocasión dixéronlle a Xesús as persoas que o acompañaban de cerca:

—Mira, agora falas claro, sen andar con voltas. Agora sabemos que o sabes todo e non precisas que ninguén che pregunte; por iso cremos que saíches de Deus.

Xesús respondeulles:

—¿Agora credes? Mirade, vai chegar a hora, e xa chegou, en que vos espallaredes cada un pola súa banda e a min deixarédesme só. Aínda que eu non estou só, pois está comigo o Pai. Díxenvos estas cousas para que teñades paz grazas a min. No mundo haberedes ter apertos; pero tede ánimo, eu vencín o mundo.

Meditación

As persoas que acompañaban a Xesús transmiten satisfacción: todo está claro, entendémolo todo, ningunha dúbida nos invade o corazón e a vida. Pero Xesús devólveos á realidade: ¿Pensades crer? Deixarédesme só! Porque crer non é ter unhas ideas máis ou menos razoadas sobre quen é ou non é Xesús. Crer é vincularse vitalmente ao seu estilo de vida. E iso leva consigo inseguridade, conflito, loita, apertos. Iso si, Xesús asegúralles que iso pode convivir perfectamente cunha grande paz. Paz ao estilo de Xesús, ao estilo das persoas fondamente comprometidas co Deus da vida, da dignidade. Canto podemos aprender daqueles primeiros discípulos e, por suposto, do mesmo Xesús!

Oración
Apréndeme, Xesús,
os camiños da vida,
os camiños da xente desvalida,
os camiños de Deus.
Apréndeme a andar por eles
sen aforrar esforzos,
pero con fonda paz.
Apréndeme a ser humilde,
agradecendo o recibido,
ofrecendo xenerosamente
o que foi madurando en min.
Así ata a hora final,
sen renuncios nin abandonos.
Acción

Podemos decatarnos dalgún aperto polo que esteamos pasando na vida: físico ou espiritual, persoal ou comunitario, social. ¿Cómo o estamos xestionando? ¿Desde a paz e a confianza, ou desde a axitación e o desespero? ¿Cómo nos podería axudar Xesús a afrontalo?


18 de maio: Martes da 7ª semana de Pascua.

1ª lectura: Feit 20, 17-27
Salmo: 67, 10-11. 20-21

Evanxeo: Xn 17, 1-11a

Unha vez Xesús, erguendo os ollos cara ao ceo, dixo:

—Pai, chegou a hora; glorifica o teu fillo, de xeito que o teu fillo te glorifique a ti; conforme lle deches poder sobre todo ser humano, para que outorgue vida a todas as persoas que ti lle deches. E nisto consiste a vida eterna: que te coñezan a ti, o único Deus verdadeiro, e a quen mandaches, Xesús Cristo. Eu glorifiqueite na terra, rematando a obra que me encargaches facer. E agora, Pai, glorifícame onda ti, coa gloria que eu tiña onda ti antes de que o mundo existira.

Eu manifesteite aos seres humanos do mundo que ti me deches. Eran teus e déchesmos e gardaron a túa palabra. Agora coñecen que todo canto me deches vén de ti, pois entregueilles as palabras que ti me encomendaches e eles recibíronas; coñeceron verdadeiramente que saín de onda ti e creron que ti me mandaches. Eu rógoche por eles; non che rogo polo mundo, senón polas persoas que me deches, pois perténcenche; todo o meu é teu, e o teu, meu; e neles quedo eu glorificado. Eu xa non vou estar no mundo; pero eles quedan no mundo, mentres que eu vou onda ti.

Meditación

A vida, que importante é a vida, todo o que é e dá vida! E tamén, á inversa, que dramático é tamén todo o que resta vida, o que mata vida. Deus é vida e está ao servizo da vida, para a natureza, para os animais, para a xente. Xesús veu ser testemuña viva de todo isto, e por iso el estivo sempre ao servizo da vida, e ¡con que forza e fondura!, e contra todo o que a afogaba, ata dar a súa vida para que a vida triunfase na xente, no mundo, en todo o mundo. A súa gloria consiste precisamente niso mesmo: que a xente teña vida!. E dentro de todo ese movemento de vida estamos metidas nós, como persoas que recibimos vida e como persoas que a podemos espallar, incrementar, ou, se cadra, apagar, afogar, matar. Aquí está a nosa derrota humana ou a nosa gloria.

Oración
Que saiba estar atento á vida, Xesús,
algo coma ti polo menos.
Para saber percibila ao meu redor,
para saber agradecela,
para saber coidada,
para facela medrar.
para saber compartila,.
Que a chore ausente,
en min ou en calquera outra persoa;
que a reconstrúa,
cando a vexa esboroada.
Vida limpa, vida digna,
vida solidaria,
vida humanizada á altura do mesmo Deus.
Aléntame.
Acción

Podemos mirar en que estamos contribuíndo a que a vida vaia a máis en nós, na xente que nos rodea. Con que accións, con que formas o estamos facendo. E así participar un chisco na gloria do mesmo Xesús de Nazaré.


19 de maio: Mércores da 7ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 20, 28-38
Salmo: 67, 29-30. 33-35a. 35b-36c

Evanxeo: Xn 17, 11b-19

Naquel tempo xesús, erguendo os ollos cara ao ceo, orou dicindo:

—Pai santo, coida ti mesmo dos que me entregaches, para que sexan un coma nós. Cando eu estaba con eles, coidábaos no teu lugar. Ti entregáchesmos, eu agarimeinos e ningún deles se perdeu, fóra do fillo da perdición, de xeito que se cumprise a Escritura. Mais agora estou indo a ti e falo estas cousas no mundo, para que teñan eles a plenitude do meu gozo. Eu deilles a túa palabra e o mundo aborreceunos, pois eles non son do mundo, como tampouco eu non son do mundo. Non che pido que os tires do mundo, senón que os gardes do malo. Eles non son do mundo, como eu tampouco non son do mundo. Conságraos na verdade; a túa palabra é verdade. Como ti me mandaches ao mundo, así os mando eu a eles, e por eles conságrome eu, para que tamén eles sexan consagrados na verdade.

Meditación

O mundo é a casa común habitada por millóns de homes e mulleres, entre os que nos contamos. No mundo, na xente, hai cousas marabillosas que nos levan á admiración e ao agradecemento. No mundo hai tamén cousas malas, mala xente, malas ideas, moitos abusos, moita explotación, moito dominio dos poderosos sobre a xente máis humilde, moitas guerras sempre interesadas nas que morren miles de inocentes. Calquera de nós levamos no noso corazón parte desas cousas marabillosas que hai no mundo e, moi posiblemente tamén, parte desa maldade que ensucia o mundo.

Como habitantes do planeta, como persoas cristiás o mundo é o noso lugar. Non queremos nin debemos fuxir del. Cara a onde? Xesús invítanos a estar no mundo, pero a estar dunha maneira inocente, xusta, responsable, agradecida, loitadora, solidaria, deixándonos conducir pola súa palabra, polo seu estilo de vida, pola súa ilusión de facer deste mundo unha casa de irmás e irmáns en todo. Custe o que custe.

Oración
Ti apréndesme, Xesús,
a gozar coas cousas boas todas que hai no mundo,
a gozar con tanta xente boa que o habita,
a alegrarme polo ben que descubro na miña propia vida.
Grazas, Xesús.
Pero ti apréndesme tamén, Xesús,
a fuxir das cousas malas do mundo
que se achegan á porta do meu corazón tentándome:
o desprezo polo que non é nin pensa coma min,
a avaricia, o afán desmedido de posuír e consumir,
o machismo, o dominio, o querer estar sempre por riba,
a indiferenza polos abusos que sofren tantas persoas débiles,
o clasificar a xente, condenala, non lle dar oportunidades,
a lingua lixeira para criticar e preguiceira para alentar,
… e moito máis.
Grazas, Xesús, polo que me aprendes.
Estarei en vela.
Acción

Intentemos ver en nós algunha cousa boa pola que nos sentir ben agradecidas. Pero intentemos ver tamén en nós algo dese mundo malo, co que contribuímos a afear a nosa convivencia no mundo.


20 de maio: Xoves da 7ª semana de Pascua

1ª lectura: 22, 30; 23. 6-11
Salmo: 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-10. 11

Evanxeo: Xn 17, 20-26

Naquel tempo Xesús, erguendo os ollos cara ao ceo, orou dicindo:

—E non che rogo só por estes, senón tamén polos que han crer en min pola palabra deles; que todos sexan un, como ti, Pai, en min, e eu en ti, que tamén eles sexan un en nós, para que o mundo crea que ti me mandaches. E a gloria que ti me deches déillela a eles, para que sexan un como nós somos un. Eu neles e ti en min, para que cheguen á perfecta unidade, de xeito que o mundo recoñeza que ti me mandaches e que os amaches a eles, como me amaches a min.

Pai, eu quero que os que me deches estean tamén comigo onde eu estou, para que contemplen a miña gloria, a que ti me concediches, porque me amabas xa antes da fundación do mundo. Pai xusto, o mundo non te coñeceu, pero eu coñecinte e estes coñeceron que ti me mandaches. Eu manifesteilles o teu nome e seguiréillelo manifestando, para que o amor co que me amaches estea neles e tamén eu estea neles.

Meditación

A chamada final de Xesús é unha chamada á unidade. Unha unidade nutrida, sostida polo amor, pola solidariedade. Unha unidade que respecte as diferenzas de xeitos de ser e de pensar, de culturas, de sexo, de linguas, mesmo de credos. Deus é moito máis que os mellores intentos de calquera relixión. O que máis manifesta a Deus é a unidade, a aperta, a comuñón, o compartir, a consideración, a compaixón, a compenetración, o común. E curiosamente iso mesmo é o que mellor nos vai e nos expresa aos seres humanos, por moito que moitas veces nos rebelemos contra esas cousas e fagamos as contrarias. O cal, por certo, sempre nos acaba traendo moitas amarguras. Na unidade respectuosa coa diferenza está a maior gloria de Deus. Na unidade respectuosa coa diferenza esta a maior gloria da xente.

Quizais porque descoñecemos moito a este Deus que clama pola unidade na diferenza, quizais porque quen dicimos crer nun Deus así pouco o testemuñamos coa nosa vida, quizais porque a chamada da unión é unha chamada fonda e esixente, quizais por todo iso teñamos que afirmar con Xesús: “o mundo non te coñeceu”; pero quizais por todo iso tamén debamos dicir tamén con Xesús: “eu manifesteilles o teu nome e seguiréillelo manifestando”.

Oración
Que todos, todas sexamos un, unha.
atopando o noso oco nesa unidade total
que es ti, Pai, Nai nosa.
Que todos, todas, sexamos un, unha
na realidade da vida cotiá,
sen diferenzas agraviantes,
compenetrándonos sempre,
agradecéndonos sempre.
Que todos, todas sexamos un, unha
tamén na Igrexa
en todas as súas áreas e funcións.
Se o mundo está ferido pola diferenza,
pola discriminación, polo abuso,
pola prepotencia de tantas cores,
que saibamos curalo
a base de respectos e igualdades,
de reconciliacións e apertas.
Acción

Miremos ata que punto na nosa vida cotiá, no noso espazo laboral, en calquera área da nosa vida, somos persoas de unidade ou persoas de discriminación. Seguro que poderemos cambiar comportamentos e esixir que outros os cambien tamén.


21 de maio: Venres da 7ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 25, 13b-21
Salmo: 102. 1-2. 11-12. 19-20ab

Evanxeo: Xn 21, 15-19

Cando Xesús se apareceu aos seus discípulos, despois de comer preguntoulle a Simón Pedro:

—Simón de Xoán, ¿ámasme máis ca estes?

El contestoulle:

—Si, Señor, ti sabes que te quero.

Xesús díxolle:

—Apacenta os meus años.

E de novo preguntoulle por segunda vez:

—Simón de Xoán, ámasme?

El respondeulle:

—Si, señor, ti sabes que te quero.

Xesús díxolle:

—Apacenta as miñas ovellas.

E preguntoulle por terceira vez:

—Simón de Xoán, quéresme?

Entristeceuse Pedro de que lle preguntase por terceira vez “quéresme?”, e respondeulle:

—Señor, ti sabelo todo, ti ben sabes que te quero.

Xesús díxolle:

—Apacenta as miñas ovellas. Con toda verdade cho aseguro: cando eras novo, vestíaste ti e ías onde querías; cando te fagas vello, estenderas as túas mans e vestirate outro e levarate onde non queres.

Dixo isto para significar con que clase de morte había de dar gloria a Deus. E despois engadiu:

—Sígueme.

Meditación

Pedro tivo que facer un recorrido persoal na súa relación con Xesús: desde o seguimento rápido do primeiro momento, pasando polos momentos nos que non entendía a proposta de Xesús de vivir servindo ata a morte, se fixese falla; pasando tamén pola tiple negación cando unha criada o puxo entre a espada e a parede; e así ata este momento último no que manifesta a súa vinculación fonda con Xesús, en ideas, proxectos e afectos. Así estaba el capacitado para acompañar o camiño de fe das persoas que querían seguir tamén a Xesús en comunidade, en Igrexa.

O camiño de Pedro pódenos levar a preguntarnos polo noso propio camiño en relación con Xesús. ¿En que momento nos atopamos? ¿No momento de decidirnos a seguilo, no momento de disentir da súa estratexia servidora a favor da comunidade, no momento de renegar del coa palabra ou cos feitos, no momento de sentirnos fondamente atraíd@s por el ata vincularnos a el con todo o corazón, con toda a mente, con todo o noso ser? ¿Qué lugar ocupa Xesús nas nosas vidas?

Oración
Señor, ti sabes que te quero.
Ti sabes que, polo menos, quero quererte.
Cos meus quereres brandos, seguro,
pero sabes que te quero.
Cos meus quereres necesitados de maduración e avance,
pero sabes que te quero.
Cos meus quereres tramposos tantas veces,
porque esquezo que quererte é querer tamén a xente,
a xente máis tirada, ou a máis empoleirada,
a que máis custa querer,
pero ti sabes que te quero.
Cos meus quereres enganosos,
que agachan no fondo moito mirar por min,
pero ti sabes que te quero.
Sabes que te quero,
e gustaríame que me chamases para seguirte
e facer de min un servidor/a da comunidade cristiá, do pobo.
Acción

Podemos preguntarnos como estamos colaborando á vida da nosa comunidade cristiá coas nosas particulares habilidades, para que faga ben o labor de amosarlle á sociedade a forza liberadora de Xesús.


22 de maio: Sábado da 7ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 28, 16-20. 30-31
Salmo: 10, 4. 5 e 7

Evanxeo: Xn 21, 20-25

Naquel tempo Pedro volveuse e viu que o seguía o discípulo a quen amaba Xesús, o que se recostara no seu peito na cea e lle preguntara: “Señor, ¿quen é o que te ha entregar?”. Ao velo, preguntoulle Pedro a Xesús:

—E este, que?

Xesús contestoulle:

—Se quero que permaneza ata que eu veña, ¿a ti que che importa? Ti sígueme.

Espallouse entón entre os irmáns a voz de que o discípulo aquel non morrería. Pero non dixera Xesús que non había de morrer, senón: “se quero que permaneza ata que eu veña, ¿a ti que che importa?”

Este é o discípulo que dá testemuño destas cousas e o que as escribiu, e sabemos que o seu testemuño é verdadeiro. Hai aínda moitas máis cousas que fixo Xesús que, de escribilas unha por unha, coido que o propio mundo non podería conter os libros que se habían escribir.

Meditación

Pedro e Xoán, personalidades distintas, funcións distintas na primeira comunidade cristiá. Da orixinalidade de cada un deles, da súa maneira particular de ver, tratar e seguir a Xesús beneficiáronse as persoas contemporáneas deles e beneficiámonos nós tamén. O evanxeo de Xoán, do que hoxe lemos o seu final, foi unha das grandes achegas ao cristianismo dese seguidor de Xesús sensible, fiel, amante, que quixo entrar a fondo no mundo de Xesús ao longo da súa longa vida.

Tamén cada un, cada unha de nós temos a nosa particular historia de fe, de amor, de seguimento con Xesús. Somos únicas no mundo. Nin houbo nin haberá ninguén coma calquera de nós. Temos un oco especial no ser, no pensamento, no corazón de Deus e do seu Cristo. Cada un, cada unha de nós estamos chamados a un desenvolvemento persoal auténtico, fiel ao noso ser particular, fiel a esas raíces fondas que nos enganchan con Deus, fiel ao momento histórico que nos toca vivir, co noso traballo, coas nosas familias, cos nosos pobos, coas nosas comunidades cristiás. No marco desa singularidade propia, no noso corazón inigualable resoa a chamada de Xesús: Ti sígueme. E con el tócanos ir construíndo a nosa vida. Oxalá que de forma satisfactoria.

Oración
Grazas, Xesús, por todas as persoas
que coa súa fe foron sostendo a nosa;
as que co seu seguimento
facilitaron que nós te seguiramos tamén.
Tantas mulleres, tantos homes ao longo de séculos
que foron tecendo a fermosa manta multicolor das comunidades cristiás.
Grazas sobre todo, Xesús,
polas persoas que uniron a súa sorte á túa,
e amaron e serviron ata o martirio incluso,
onte e hoxe.
Grazas por cada historia particular,
entre elas a de cada un, cada unha de nós,
que ti ben coñeces e na que te implicas sempre a fondo.
Grazas por formar parte
desta longa ringleira de persoas chamadas, amantes e seguidoras.
Acción

É frecuente ver que hoxe, véspera de Pentecoste, se celebren vixilias de oración para dispoñerse a recibir o don do Espírito. Pódenos vir ben participar nalgunha delas para reavivar o noso seguimento de Xesús.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.