09 xuño, 2021

Tempo Ordinario: 11ª semana



13 de xuño: Domingo 11º do tempo ordinario

1ª lectura: Ez 17, 22-24. Salmo 91, 2-3. 13-14. 15-16
2ª lectura: 2 Cor 5, 6-10

Evanxeo: Mc 4, 26-34

Unha vez díxolle Xesús á multitude:

—Así é o reino de Deus, coma un home que bota a semente na terra e, durma ou estea esperto, sexa de noite ou de día, a semente agroma e medra, sen que el chegue a saber como. A terra vai dando froito por si mesma; primeiro herba, logo espigas, e por último o gran ben abundante na espiga. E, cando o froito xa está en sazón, de seguida se lle mete o fouciño, por ser o tempo da seitura.

E tamén dicía:

—¿Con que compararemos o reino de Deus? É coma o gran de mostaza, que cando se sementa na terra é a máis miúda de todas as sementes. Pero despois de sementala, medra ata ser a maior de todas as hortalizas, chegando a botar unha pólas tan grandes que na súa sombra poden vir aniñar os paxaros.

E así, con moitas comparanzas coma estas, íalles mostrando a mensaxe, de xeito que puidesen entender. Non lles falaba máis que en parábolas, pero logo explicáballelas aos seus discípulos.

Meditación

Podemos imaxinar a Xesús con aquela ilusión vivísima porque as cousas todas da xente se fosen desenvolvendo en conformidade coa vontade de Deus; é dicir, na verdade, na inocencia, na xustiza, na misericordia, tanto nas relacións persoais como nas relacións entre os pobos. E, ao tempo, podemos ver a Xesús ollando para aquel grupiño de discípulos e discípulas, poucos en número, aparentemente entregados á súa causa, pero tamén moi covardes e negados para entender e vivir conforme Xesús lles ensinaba coas palabras e coa vida. Xesús mesmo houbo de matinar moito niso, houbo de dubidar de a onde ía chegar con aquel pequeno grupo, houbo de rezar tendo en conta esa situación. As dúas breves parábolas do evanxeo de hoxe poden ser o froito das súas matinacións, dúbidas e pregarias.

Podemos imaxinar tamén as mesmas primeiras comunidades cristiás, poucas en número, sen moitas seguridades interiores, perseguidas por uns e por outros, aínda que, iso si, mantendo o soño de Xesús, que tampouco acababan de ver moi claro. Á forza houberon de recordar as palabras de Xesús, estas dúas parábolas pequeniñas que tanto consolo lles habían dar. Consolo e confianza. Eran pouca cousa, é certo, os seus recursos eran cativos; comparados cos movementos relixiosos e políticos que había ao seu redor, non eran ninguén. Pero así son as cousas de Deus, cando de verdade son de Deus: semente que medra, porque o seu vigor non depende de nós, senón de Deus que responde del; semente pequeniña, da que ninguén espera gran cousa, pero que medra e medra ata acubillar nas súas gallas os paxaros; e os paxaros ben poden ser o símbolo da fermosura, da liberdade, de quen necesita refuxio e amparo. Xesús fóra aquela semente pequeniña. E aquelas primeiras comunidades cristiás seguíano sendo; ou nesa esperanzas se querían fortalecer recordando as palabras de Xesús.

Que nos pasa a nós coas nosas parroquias, coas nosas comunidades cristiás? Tanto que ollemos para as das vilas e cidades como que reparemos nas das aldeas, hai acordo común en que, con diferenzas, claro, somos comunidades cristiás moi débiles, moi pouca cousa; somos un rabaño pequeniño en número e escaso en alentos. Mesmo hai quen di que moitas delas están chamadas a desaparecer. Que fixemos do soño de Xesús? Pois moitas veces convertémolo nunha serie de ritos relixiosos, que simplemente nos dan un chisco de tranquilidade por aquilo de que podemos dicir que cumprimos con Deus, pero pouco máis. As persoas que van á Misa os domingos, que non son moitas, oímos o Evanxeo, pero as nosas vidas séguense desenvolvendo coas rutinas de sempre, sen diferenciarse moito das vidas de quen nin vai á Misa nin se considera crente.

Ante isto igual nos acosa a tentación de renunciar á comunidade cristiá, de abandonar o seguimento de Xesucristo, de facer a vida ao noso aire e punto. Entón é Xesús quen se nos presenta con dúas parábolas para devolvernos a paz e a esperanza, e, con elas, as ganas de sacarlle máis forza, gozo e proveito á nosa condición de persoas cristiás, xente seguidora de Xesús. Igual non todo é tan mouro como parece. Igual nas vidas das persoas hai correntes de inocencia, de solidariedade, de servizo, que nin sequera nos imaxinabamos, e que xustamente en tal ou cal ocasión, se me fixeron manifestas. É a semente do Reino que poida que medre entre a xente que é relixiosa e cumpre coa relixión, pero poida que medre tamén en persoas que non o son, nin pisan unha igrexa. As cousas de Xesús sempre saben a acollida, a alento, a liberdade, a misericordia, a compartir bens e dereitos, a esforzo, a resistencia. Calquera pequeniña cousa que fagamos en liña co estilo de Xesús nunca quedará sen froito. Ao seu tempo frutificará.

Polo demais Deus sempre mostra preferencias polo pequeno. Nós con frecuencia facemos ao revés. Céganos o grande, a todos os xeitos. Non é doado aprender a lección do pequeno. Xesús ofrécenola hoxe, non para que nos acomodemos nas nosas maneiras frouxas de vivir en comunidade cristiá, senón para que, con paz, con confianza, con esperanza, sabéndonos nas mans de Deus, nos decidamos a medrar cada día e a dar froitos.

Na Eucaristía do domingo Xesús sementa no noso corpo, no noso espírito, a semente diminuta do seu corpo entregado para paz e crecemento das nosas vidas, e régaa co seu sangue de liberdade.

Preces

QUE FRUTIFIQUE EN NÓS, SEÑOR, A TÚA SEMENTE

Que sexamos humildes e constantes en facer o ben, en seguir o camiño de Xesús. Oremos.

Que non nos deixemos desalentar pola nosa debilidade e pecado, que nos sosteña e alente o teu Espírito. Oremos.

Que os Concellos todos que hoxe se constitúen en Galicia, en España, se convertan en boa semente de convivencia e en amparo privilexiado para os máis débiles da sociedade. Oremos.

Que aprendamos a querer e coidar a nosa comunidade cristiá, a nosa parroquia, por moi fráxil que nos pareza, e precisamente por iso. Oremos.

Que non sexamos derrotistas nin contribuamos a iso; que todo o mundo encontre nas comunidades cristiás unha fonte de ilusión e de esperanza. Oremos.

Oración
Tranquilo, tranquila,
confía,
estás en boas mans.

Es pequeniña
coma semente pequeniña,
pero estás en boas mans.

Non sabes o que se coce no teu interior,
as enerxías profundas e simples
que te constrúen momento a momento,
pero estás en boas mans.

Pasea, descansa,
acouga, durme,
estás en boas mans.

Esperta, érguete,
espabila, traballa, loita,
estás en boas mans.

Ti es a terra fértil,
na que o Espírito botou a semente do Reino,
estás en boas mans.

A túa parroquia, toda, sen excepción,
tamén é terra fértil sementada por Deus,
estades en boas mans.

O mundo enteiro é a inmensa parcela
onde prende, medra, florece, frutifica o Espírito,
estades en boas mans.

Olla cos ollos mesmos de Xesús,
penetra e descubre como el o facía,
a presenza diminuta e eficaz do Espírito,
estamos en boas mans.

Alégrate pola semente pequeniña,
Xesús mesmo,
que medra e medra
para dar sempre sombra, respiro, amparo
a ti e a todos os teus irmáns e irmás.

Alégrate de seres ti tamén,
en Cristo, coma el, canda el,
semente pequeniña,
que medra e medra,
para dar acubillo a quen precise amparo.

Que non te cegue o grande,
en ningunha das súas formas.
Déixate conmover polo pequeno,
polo humilde, polo calado.

Confía.
Confía.
O Espírito non o ves,
pero está.
Contacta con el,
déixate arrastrar por el.

Pequeniño rabaño,
canto Deus te quere!

Confía,
estás en boas mans,
en moi boas mans.
Deus conta contigo.
Oración
Grazas, meu Deus,
por todas as cousas pequenas,
por todas as sementes humildes,
por toda a xente insignificante
que cada día aposta por vivir, amar e coidar.

Grazas, meu Deus,
pola xente que semente e traballa,
programa e organiza pacientemente,
e pacientemente tamén
cala, reza, acolle, festexa, agradece e dorme.

Grazas por esa familia que acolle o fillo no paro,
por esa filla que renunciou a tantas cousas merecidas
para acompañar o seu pai na enfermidade e na morte,
por esas casas nas que houbo que descubrir de novo con sorpresa
o valor da austeridade e mesmo da pobreza.

Grazas, meu Deus, pola xente solidaria,
que bebe humanidade nas túas diversas fontes,
e a practica no día a día,
andando camiños e rúas,
para descubrir o rostro pobre necesitado de pan e de compaña.

Grazas por quen, asegurado e seguro
na súa condición de rico ben pagado
ou de menos rico ben asistido,
opta por romper seguridades,
por poñerse contigo e cos teus pobres á intemperie
reclamando o necesario para todos/as.

Grazas, meu Deus, por ti,
dona e servidora de todas as sementes,
de todas as esperas produtivas,
de todas as árbores fornecedoras de amparos e de sombras,
de todos os froitos saborosos,
dona e servidora, ti, meu Deus,
do tempo novo que, no fondo, desde a fe ou desde o desespero,
todos anhelamos.
Acción

Hoxe podemos decatarnos de cousas pequenas que nós, na comunidade cristiá ou fóra dela, se están a facer. Valorémolas, agradezámolas. Reforcémonos así para dar máis pasos nesa dirección de crer no pequeño.


14 de xuño: Luns da 11ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 6, 1-0. Salmo 97, 1. 2-3ab. 3cd-4
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 21, 1-16. Salmo: 5, 2-3. 5-6. 7

Evanxeo: Mt 5,38-42

Naquel tempo díxolles Xesús á xente:

—Tedes oído que se vos dixo: ollo por ollo e dente por dente. Pero eu dígovos: non volvades mal por mal. Ao contrario, se alguén che dá un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra; a quen queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir tamén o mantelo; a quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas. A quen che pide, dálle; e non lle vires as costas a quen che pida emprestado.

Meditación

Frecuentemente fanse bromas a conta destas palabras de Xesús. Cando se escoitan, aló por dentro moita xente dicimos: si, ho, estás ti bo! E damos por feito que o bo, o correcto, o xusto é responder ao mal con mal, tanto ou máis do que nos fixeron, para que aprenda.

O de “ollo por ollo e dente por dente” no tempo de Xesús era unha medida de contención, para non excederse en responder ao mal, cando non había leis coma hoxe e a xente tomaba a xustiza pola súa man. Xesús propoñía dar un paso adiante, para poder romper coa forza do mal: o mal non se acaba con máis mal, senón con ben. Pero parece que non estamos polo labor. Parécenos que iso é cousa de mexericas covardes, sendo que a proposta de Xesús é de persoas valentes, apaixonadas polo ben propio e o das outras persoas, que non quere que a roda do mal, das xenreiras, nos fira no máis fondo da vida e nos impida vivir co corazón solto, ledo, vendo sempre nos demais un irmán ou unha irmá, un amigo ou unha amiga. E iso non quita, claro, que chegado o caso teñamos que regular algunhas diferenzas a través de xuízos xustos.

Oración
Canto custa, Xesús,
non devolver mal por mal,
insulto por insulto,
desprezo por desprezo,
pasas de min por paso de ti,
ata vivir multiplicando distancias e paredes,
co corazón engurrado,
coa alma no máis fondo ferida!
E ves ti, Xesús,
e rétasnos ao que parece imposible,
e proposnos un remedio simple, eficaz,
ousado, valente,
e ofrécestenos como exemplo e camiño,
e dásnos o bo Espírito para poder facelo.
E eu dígoche:
grazas, Xesús,
fíome de ti,
desde xa vou cambiar de chip na miña vida,
velarei polas miñas emocións, polas miñas respostas,
tentarei imitarte.
Dáme a túa man para camiñar xuntas.
Acción

¿Estamos nalgunha cousa concreta, con algunha persoa concreta, reaccionando coa lóxica do mal por mal? ¿Poderiamos propoñernos facer un cambio, empezando polo que nos pareza máis sinxelo, máis ao noso alcance?


15 de xuño: Martes da 11ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 8, 1-9. Salmo: 145, 2. 5-6. 7. 8-9a
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 21, 17-29. Salmo: 50, 3-4. 5-6a. 11 e 16

Evanxeo: Mt 5, 43-48

Naquel tempo díxolle Xesús á xente:

—Tedes oído que se vos dixo: Amarás o teu próximo e aborrecerás o teu inimigo. Pero eu dígovos: amade os vosos inimigos e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol sobre malos e bos e chover sobre xustos e inxustos. Porque, se amades os que vos aman, ¿qué recompensa ides ter? ¿Non fan o mesmo os recadadores de impostos? E, se saudades soamente os vosos irmáns, ¿qué facedes de máis? ¿Non fan outro tanto os pagáns? Daquela sede completos en todo como completo en todo é o voso Pai celestial.

Meditación

Por tendencia natural tendemos a mostrar atencións e agarimos á xente que nos é próxima por parentesco, por amizade, por coincidir nos xeitos de ver a vida, de entender a política, nas afeccións deportivas etc. E ao resto de persoas deixámolas de lado. Sen deixar de valorar a parte de mérito que isto pode ter e ten, podémonos preguntar se con eses amores estamos realmente amando, é dicir, saíndo de nós para entregarnos libremente a outras persoas, ou estamos simplemente amando as prolongacións de nós mesmos que as outras persoas representan para nós. Amar, amar ben, non é doado.

Xesús invítanos a achegarnos á fonte de todo amor para aprender a amar. E esa fonte do amor, que é Deus, ama sen diferenzas nin distincións. Ama buscando non a propia compracencia, senón o ben e as medras da persoa amada. Deus a través de Xesús invítanos ao mesmo. E dinos que hai aí grande felicidade. Claro que o amor tampouco é cousa de andar sempre aloumiñando; ás veces amar pide palabras e xestos fortes, correccións, críticas, buscando con humildade e valentía axudarlle a outras persoas a pararse ante o que fala e fai. Sempre dispostas, por suposto, a que os demais poidan facer outro tanto connosco.

Oración
Como aprendiz do amor,
así me achego hoxe ante ti, Xesús,
e, contigo, ante o Deus do amor,
o Deus do bo amor,
o Deus de todo amor,
o Deus do amor máis completo.
Que lonxe estou de amar ben,
esquecéndome de min,
buscando sempre a compracencia da persoa amada!
Que lonxe estou de amar sen distincións,
superando parentescos familiares, relixiosos, políticos, ideolóxicos!
Que lonxe estou do pequeno amor cotián,
feito de pequenas palabras, xestos, mimos e atencións!
Que lonxe estou do amor laico, secular,
que se exerce desde a militancia social, política, ecolóxica!
Como aprendiz do amor,
así ante ti hoxe, Xesús,
para que me aprendas,
para aprender.
Grazas!
Acción

Seguro que nos é doado sentirnos interpelados/as polas palabras de Xesús sobre o amor. ¿Podémonos propoñer dar un paso adiante nalgún campo concreto, con algunha persoa concreta?


16 de xuño: Mércores da 11ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 9, 6-11. Salmo: 111, 1-2. 3-4. 9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 2, 1. 6-14. Salmo: 30, 20. 21. 24

Evanxeo. Mt 6,1-6. 16-18

Naquel tempo díxolle Xesús á xente:

—Tede coidado de non practicardes a vosa xustiza para que vos vexa a xente, que daquela o voso Pai celestial non vos dará recompensa ningunha.

Cando deas unha esmola, non o vaias proclamando diante de ti cunha trompeta, como fan os hipócritas nas sinagogas e nos rueiros para seren loados pola xente; asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando deas unha esmola, que non saiba a túa man esquerda o que fai a dereita. Así a esmola será secreta e teu Pai, que ve o segredo, xa te recompensará.

Cando recedes, non fagades coma os hipócritas, que gustan de rezar moi ergueitos nas sinagogas e nas esquinas das prazas para que os vexa a xente; asegúrovos que tamén recibiron a súa recompensa. Ti, polo contra, cando queiras rezar métete no teu cuarto, pecha a porta e rézalle a teu Pai que está no segredo; e teu Pai, que ve o segredo, hate recompensar.

Cando xaxuedes, non poñades caras tristeiras, como fan os hipócritas, que desfiguran as súas caras para que a xente llelo note. Asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando xaxúes, perfuma a cabeza e lava a cara, para que non che se note ante a xente, senón ante teu Pai celestial; e teu Pai, que ve o que está escondido, hate recompensar.

Meditación

Urxente e ben necesaria esa advertencia de Xesús de non practicar a nosa xustiza, calquera clase e forma de xustiza, para que nos vexa e aplauda a xente. É ben difícil escapar desta tentación. O coidado do ego, do propio valor, imaxe e recoñecemento, ten un poder inmenso sobre nós, e pode falsear ata as mellores accións, por moita aparencia que teñan de xenerosidade, de servizo, de amor. Sabémolo ben por experiencia. Cómpre que andemos ben alerta con iso. Se no fondo nos buscamos a nós mesmas, pouca recompensa imos ter, porque nos atoparemos unicamente con nós mesmas, coa nosa pouquidade.

A invitación de Xesús é a entrar no segredo, no oculto, no baleiro, no esquecemento de nós, na marabilla dun amor limpo, desinteresado a fondo; alí bateremos cara a cara co Pai-Nai, coa fonte de toda xenerosidade. Non quedaremos sen recompensa, pero por vías moi distintas das nosas torpes ganas de ser chufado e aplaudido. Polas vías que soamente Deus coñece. Que han ser boas. Confiámonos nel.

Oración
Ai, meu Deus,
canto me pesa o que pensen e digan de min!
Canto condiciona iso as miñas accións e omisións,
as miñas palabras e os meus silencios!
Canto busco torpemente, infantilmente,
loas, aprecios, aloumiños!
Canto me custa ser libre, desapegada,
facer as cousas simplemente desde min,
simplemente desde o amor,
desde o servizo, cando cousas de servizo sexan!
Quen me poderá curar deste cancro destrutor,
desta metástase que o quere invadir todo?
Cólleme da man,
méteme onda ti,
no segredo, no baleiro, no esquecemento,
para aprender a gustar o gozo simple dos amores libres.
Ai, meu Deus, meu Deus!
Acción

Podemos mirar que é o que realmente nos move cando emprendemos algunha acción, algún servizo, algunha actividade privada ou pública. Podemos mirar tamén se son as chufas as que nos alegran o día e as críticas as que nos fonden. Irémonos coñecendo por dentro e poderemos achegarnos ao que Xesús nos ofrece.


17 de xuño: Xoves da 11ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 cor 11, 1-11. Salmo:110, 1-2. 3-4. 7-8
Ano 2: 1ª lectura: Eclo 48, 1-15. Salmo: 96, 1-2. 3-4. 5-6. 7

Evanxeo: Mt 6, 7-15

Naquel tempo díxolle Xesús á xente:

—Cando vos poñades a rezar, non sexades laretas coma os pagáns. Botan de conta que os van escoitar polo moito falar. Non sexades coma eles, porque voso Pai ben sabe o que precisades xa antes de que llo pidades. Vós rezade así:

Noso Pai, que estás no ceo: santificado sexa o teu nome; veña o teu reino; fágase a túa vontade aquí na terra coma no ceo. Dános hoxe o noso pan de cada día. E perdoa as nosas débedas como tamén nós perdoamos xa os nosos debedores. E non nos sometas á tentación, mais líbramos do Malo.

Porque, se vós perdoades aos outros as ofensas que vos fan, tamén voso Pai celestial perdoará as vosas; pero, se non perdoades aos outros, voso Pai celestial tampouco non perdoará as vosas ofensas.

Meditación

Moitas veces a nosa oración facémola consistir nunha chea de indicacións a Deus, nunha chea de presións, para que nos conceda aquilo que a nós nos parece que nos convén. Como se Deus non fose coñecedor abondo, como se Deus non fose misericordioso abondo, e tivésemos nós que informalo e arrequentarlle o corazón. Vállanos Deus!

Xesús invítanos ao silencio, a poucas palabras, a estar sinxelamente, confiadamente ante Deus, a abrirlle o noso corazón, a nosa vida, a abrirnos á súa presenza, ao seu amor que sempre está por nós a fondo, a deixarnos envolver polo seu Espírito de fraternidade, de solidariedade. A nosa vida é sempre fráxil no corpo e no espírito; Deus non é un curandeiro, pero si que nos pode dar alentos fortes que nos sosteñan nas horas boas e nas horas duras da vida. Pódenos curar certamente os ánimos e, con eles, ás veces mesmo os corpos. Con el ben ao noso lado as noites énchense de luz e os días fanse máis claros para descubrir o veciño ou veciña que necesita dos nosos apoios.

Oración
Noso Pai maternal,
que nos queres sen medida
que te sentes honrado véndonos felices en irmandade:
sexa respectado, querido e agradecido o teu nome!
Que levemos adiante o teu proxecto fraternal
sobre a xente, a natureza, o mundo, o cosmos todo.
Que o teu querer, asentado en nós como matriz de vida,
se desenvolva en nós ata a súa plenitude,
nos grandes proxectos, nos pequenos feitos de cada día.

Que a ninguén lle falte o pan de cada día,
o pan, a casa, a saúde, a educación, a dignidade, a liberdade,…
sen que ningunha persoa ou pobo quede excluído.
Que saibamos ser humildes para recibir perdóns,
os da xente e os teus,
e ser valentes para saber ofrecelo
e non enredarnos nas destrutoras cordas dos resentimentos e vinganzas.
Que as forzas do mal que aniñan no noso mesmo corazón
non nos poidan, por moito que se vistan de cores vistosas.
E que, ben apoiadas en ti, poidamos co Mal, co Malo,
que ameaza as nosas vidas e a casa común
con proxectos dominadores, imperialistas, deshumanizados,
que buscan triunfar á conta da saúde corporal e espiritual da xente.
Acción

¿Cómo oramos, cando oramos, de que maneira oramos? ¿Temos a Deus coma un gran señor a quen hai que gañar e convencer con enchufes, con obsequios, con cartos? Individualmente ou en grupo podemos pensar e falar algo sobre a nosa oración, para mellorala.


18 de xuño: Venres da 11ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 11, 18. 21b-30. Salmo: 33, 2-3. 4-5. 6-7
Ano 2: 1ª lectura: 2 Re 11, 1-4. 9-18. 20. Salmo: 131, 11. 12. 13-14. 17.18

Evanxeo. Mt 6, 19-23

Naquel tempo díxolle Xesús á xente:

—Non amoreedes tesouros na terra onde a traza e máis a ferruxe acaban con eles, e os ladróns asaltan as casas para roubalos. Amoreade tesouros no ceo, onde non hai traza nin ferruxe que acaben con eles, nin ladróns que asalten e os rouben. Que onde está o teu tesouro está o teu corazón.

A luz do corpo é o ollo. Se o teu ollo está san, todo o teu corpo estará alumado; pero, se o teu ollo está malo, todo o teu corpo está na escuridade. E se a luz que hai en ti é escuridade, ¡canta escuridade!

Meditación

Un pedaciño de Evanxeo para lelo con calma, e con calma deixar que nos entre ben dentro, porque el mesmo fai referencia a dimensións profundas da nosa existencia, e tamén dos nosos comportamentos normais de cada hora. Que importante é ter unha ollada sa, limpa, libre de prexuízos, de malicias, de egoísmos, de segundas intencións, reconciliada coa propia persoa e coas demais persoas! Que distinto se ve todo, cando a nosa ollada é sa e limpa abondo, está pacificada abondo, para se converter en canle de afectos e solidariedades que poden máis do que calquera outra diferenza! Esta luz da ollada é un dos máis grandes dons que Deus nos pode dar, el que é todo luz, todo esplendor, todo transparencia.

Se ollamos con esa ollada sa, purificada, libre, seguro que atinaremos con tesouros sólidos para a nosa vida; buscaremos loxicamente ter o necesario e suficiente para vivir con dignidade, pero o noso corazón estará aberto para andar en grupo, en comunidade, as rutas todas da solidariedade. O máximo pracer que salta ata a vida eterna.

Oración
¿Onde está o meu tesouro, meu Deus,
onde está con el o meu corazón?
¿Onde está o meu corazón, meu Deus,
onde está con el a miña vida toda?
¿Onde está a miña vida toda, meu Deus,
onde está con ela o meu apego a ti?
¿Onde está o meu apego a ti, meu Deus,
onde está a miña consideración co próximo?
¿Onde está a miña consideración co próximo, meu Deus,
onde está con el o meu servizo á xente insignificante?
¿Onde está o meu servizo á xente insignificante, meu Deus,
onde está con el a miña acollida á xente refuxiada?
¿Onde está o miña acollida á xente refuxiada, meu Deus,
onde está iso de ser e sentirme irmán universal?
¿Onde está iso de ser e sentirme irmá universal, meu Deus,
onde está, logo, o meu tesouro, o meu corazón?
Acción

¿De que forma poderiamos sandar e limpar algo a nosa ollada? Igual podiamos empezar por non pensar nin actuar coas persoas desde clixés que delas nos temos feito: É de dereitas, é de esquerdas, é homosexual, é independentista, é españolista, é …


19 de xuño: Sábado da 11ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 12, 1-10. Salmo: 33, 8-9. 10-11.12-13
Ano 2: 1ª lectura: 2 Cro 24, 17-25. Salmo 88, 4-5. 29-30. 31-32. 33-34

Evanxeo: Mt 6, 24-34

Naquel tempo díxolle Xesús á xente:

—Ninguén pode servir a dous amos, porque ou lle ten lei a un e xenreira a outro, ou ben atende a un e menospreza a outro. Non podedes servir a Deus e máis o diñeiro.

Por iso dígovos: non andedes agoniados pola vosa vida, pensando no que ides comer ou no que ides beber; nin polo voso corpo, pensando no que ides vestir. ¿Non vale máis a vosa vida cá mantenza, e non vale máis o voso corpo có vestido? Ollade para as aves do ceo: nin sementan nin seituran, nin recollen nas arcas e, con todo, o voso Pai celestial mantenas. ¿Non valedes vós máis ca elas? E ¿quen de vós, por máis que se angustie, pode engadir un minuto ao tempo da súa vida?

E polo vestido ¿Por qué vos angustiades? Aprendede dos lirios do campo: como medran e non traballan nin fían. E asegúrovos que nin Salomón en toda a súa gloria se chegou a vestir coma un deles. Pois se a herba do campo, que hoxe verdea e mañá botarana ao forno, Deus así a viste, ¿canto máis non fará por vós, xente de pouca fe?

Non andedes angustiados, dicindo: “¿Qué imos comer ou que imos beber ou que imos vestir?” Por todas esas cousas andan angustiados as persoas que non cren. Ben sabe voso Pai celestial que as precisades. Procurade primeiro o Reino de Deus e máis a súa xustiza e todas esas cousas hánsevos dar de máis a máis. Así que non vos angustiedes polo de mañá, mañá xa traerá a súa angueira. Cada día ten abondo cos seus pesares.

Meditación

Xesús non nos fala de non ocuparnos do pan, da mantenza, do vestido, da saúde, da vivenda, da educación. Xesús dinos que non nos angustiemos. A palabra angustia ou o verbo angustiarse aparece ata cinco veces no texto. Unha persoa angústiase cando entende que non é capaz de acadar o que pretende, e pensa que para a súa situación non hai valedor ou valedora posible. Xesús preséntanos e ofrécenos a Deus como alguén en que confiar, alguén que coñece o que precisamos, alguén implicado no noso esforzo, alguén que nos garante ese fondo de confianza que nos permite traballar con serenidade e eficacia; alguén tamén que abre a nosa perspectiva: a mellor maneira de acadar todo iso que consideramos básico para unha existencia digna é preocuparnos polo común, facer da nosa loita individual un proceso comunitario, do que ninguén quede arredado. Iso que el chama “reino ou reinado de Deus”. Non é o “sálvese quen poida” que tantas veces nos domina; senón o “salvémonos en fraternidade”. E niso andar no día a día, porque a cada día certamente lle chega a súa carga de esforzo e preocupación.

Oración
No meu hoxe, estás ti, meu Deus,
como rocha firme,
como fundamento certeiro,
como aval absoluto.
Cando as cousas nos van ben, meu Deus,
e cando as cousas nos van mal,
e os días amencen mouros
e os horizontes mingúan entre preocupacións.
Na vida e na morte estás ti, meu Deus,
na graza e na desgraza,
no pranto e na risas.
Estás ti especialmente
con quen loita e sofre
por non ter o pan de cada día,
roupa coa que vestirse,
casa onde gardarse,
traballo co que sustentarse,
amores nos que ampararse, …
Estás ti
acompañando pesares e fracasos,
alentando esforzos,
retirando angustias,
espertando solidariedades,
alentando esperanzas.
Grazas, meu Deus, grazas.
Acción

É doado que descubramos nas nosas vidas algo que nos está levando á angustia, de forma persoal, ou familiar, ou asociativo, a calquera nivel. Podiamos coller esa anaco de angustia e ollala cos ollos de Xesús, a ver.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.