14 xullo, 2021

Tempo Ordinario: 16ª semana

  


18 de xullo: Domingo 16º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Xer, 23, 1-6. Salmo: 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
2ª lectura: Ef 3, 13-18

Evanxeo: Mc 6, 30-34

Sucedeu que os apóstolos volveron reunirse con Xesús e contáronlle canto fixeran e ensinaran. El díxolles:

—Vinde vós sos a parte, a un lugar arredado e descansade un pouco.

Porque eran moita a xente que ía e viña, e nin para comer atopaban tempo. Entón marcharon na barca á parte, a un lugar arredado. Pero víronos marchar e déronse conta moitos e desde todas as aldeas foron andando para alí, e chegaron primeiro ca eles.

Cando desembarcou Xesús, atopouse cunha gran multitude e sentiu compaixón por eles, porque eran coma ovellas sen pastor, e púxose a ensinarlles moitas cousas.

Meditación

Continuando co falado a semana pasada, estamos aprendendo cousas sobre a “nova evanxelización”, que é tarefa para todos e todas nós, reparando precisamente no que foi aquela “nova evanxelización” primeira que levaron a cabo as primeiras comunidades cristiás, que asumiron o compromiso de facer chegar aos seus conveciños/as a boa nova de Xesús. Son cousas sinxelas, pero que, precisamente por selo, moitas veces faltan na vida e nas programacións das nosas comunidades cristiás de hoxe.

Feito xa o traballo, as persoas que partiran falando e actuando ao xeito de Xesús, volven onda Xesús, xúntanse con el, comparten o que fixeran; valórano – suponse -, avalíano, dicimos nós hoxe. É unha práctica sinxela, xuntarse entre nós, con Xesús, en espazos de oración e de comunicación, falar do vivido, do traballado; escoitar, sentirse escoitado, saber recibir chufas e tamén críticas; corrixir actuacións, reforzar os ánimos; sempre desde a importancia da comunidade, do comunitario. Non vos parece que facer isto con normalidade, con asiduidade, con fe, como buscadores/as, nos faría sentirnos ben coma cristiáns/cristiás, nos faría máis eficaces na tarefa de Xesús que prolongamos?

A proposta de Xesús invitando á distancia coa tarefa diaria e ao descanso é ben humana, é ben de Deus tamén. Responde a necesidades elementais que como homes e mulleres temos, para non chegar a iso de andar despois queimados/as, e responde tamén a dinámicas espirituais fondas: descansar, relaxarse, durmir ben, conversar, rir,..., porque non estamos nas nosas pobres mans, senón nas mans fortes e sabias de Xesús, de Deus, do Espírito. Non vos parece tamén que ao falado no punto anterior habería que lle engadir deseguida este tipo de cousas? Era o estilo de Xesús, tan humano sempre, tan, no humano, repleto de Deus.

Xesús, coas persoas que o seguían e acompañaban, atópase cunha grande cantidade de xente que andaba desexosa de bater con el, de estar con el, de beneficiarse da súa forza de vida e de ben. Podémonos incluír entre eses buscadores/as de Xesús. Podemos buscalo, buscando todo aquilo que ole a Xesús, que nos aproxima a el; achegándonos ás persoas que deixan o rastro de Xesús por onde pasan.

Xesús soubo vivir na aclamación dos seguidores e no desprezo dos que o aborrecían. Sabemos que o ser cristián/á, hoxe polo menos, non é cousa de multitudes fervorosas. Quizabes estamos en momentos de aprender a tolerar o desprezo, a cuestionarnos por el, a apostar, a pesar de todo, polas fontes da nosa condición cristiá: a paixón por Deus, a paixón polos máis débiles do noso entorno.

E Xesús ollou a toda aquela xente con ollos de compaixón, cun corazón doído por como vía a aquela xentiña toda. Podía vela con outros ollos: ollos moralistas, por exemplo, de quen pensa que o seguen por interese. Pero ollounos como el ollaba sempre: con ollos de misericordia; misericordia da boa, da que non se queda na tona das cousas e dos sentimentos. E ponse a dedicarlles un tempo que, en principio, era tempo de descanso. Se os vía abatidos e desnortados, párase a falar con eles, a ensinarlles cousas, seguro que era desde entendelos, coñecer os seus traballos, doerse deles, transmitirlles o afecto e o poderío de Deus, como sempre facía; desde entusiasmalos cunha maneira nova de estar consigo mesmo e cos demais en sociedade ao estilo de Deus.

Moi posiblemente nos sentiremos a gusto sabéndonos uns/unhas máis entre esta xente abatida, desnortada, atendida por Xesús. Co gusto de falar con el, de contarlle as nosas cousas, de escoitalo, de aprender del. E, se nos sentimos continuadores da tarefa de Xesús nestes tempos de tanta dor e tanto desnorte, moi posiblemente aprenderemos del tamén a doernos da xente, a tomala en serio, a coñecela, entendela, e, no que poidamos, a servila, sumándonos aos grupos de servidores bos, que, grazas a Deus, aínda abundan nas nosas aldeas, vilas e cidades. E así, por activa e por pasiva, que viva a “nova evanxelización” de Xesús!

Preces

QUE SAIBAMOS VELO TODO
COS TEUS OLLOS, XESÚS.

Que ollemos sempre as cousas, as persoas con ollos de misericordia entrañable. Oremos.
Que nos esforcemos por entender, por coñecer as persoas na súa vida, na súa historia, nas súas calidades, nos seus defectos. Oremos.
Que saibamos alentar a xente cansa, ilusionar á desilusionada, darlle esperanza a quen carece dela. Oremos.
Que nos dispoñamos a actuar en favor das persoas e dos grupos sociais que peor o están pasando neste momento de crise. Oremos.
Que saibamos gozar co descanso, coas vacacións, refrescándonos coa natureza, coas amizades, con Deus. Oremos.

Oración
Como di o poeta,
como canta o cantor,
nada nunca na vida
me sexa indiferente, Señor.
Nin a dor de quen sofre,
nin un risco de amor,
nada nunca na vida
me sexa indiferente, Señor.
Nin a fame dun neno,
nin a luz dunha flor,
nunca nada na vida
me sexa indiferente, Señor.
Nin a cruz dos parados,
nin os lazos da unión,
nunca nada na vida
me sexa indiferente, Señor.
Nin a negra emigrante,
nin a paz e o perdón,
nunca nada na vida
me sexa indiferente, Señor.
Nin as trampas dos grandes,
nin o afán loitador,
nunca nada na vida
me sexa indiferente, Señor.
Acción

Podiamos aproveitar o maior lecer do verán para parar algo e, sos ou en grupo, conversar de cómo nos vai a vida, a amizade con Xesús. De paso podiamos tamén ver se estamos pasando dos problemas da xente, daqueles polo menos que están máis a nosa man para poder axudar.


19 de xullo: Luns da semana 16ª do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Ex 14, 5-18. Salmo: Ex 15, 1-2. 3-4. 5-6
Ano 2: 1ª lectura: Miq 6, 1-4-6-8. Salmo: 49, 5-6. 8-9. 16bc-17. 21 e 23

Evanxeo: Mt 12, 38-42

Nunha ocasión algúns letrados e fariseos dixéronlle a Xesús:

—Mestre, queremos ver un sinal teu.

Respondeulles el:

—Unha xeración perversa e adúltera reclama un sinal! Pois non se lle dará máis sinal ca o de Xonás o profeta. Que así como estivo Xonás tres días e tres noites no ventre do peixe, así estará o Fillo do Home no seo da terra tres días e tres noites. Os habitantes de Nínive enfrontaranse no xuízo con esta xeración para condenala, porque se converteron cando escoitaron a predicación de Xonás; pero aquí está quen é máis ca Xonás. A raíña do Sur enfrontarase no xuízo con esta xeración e fará que a condenen; porque ela veu dende o cabo do mundo para escoitar a sabedoría de Salomón e aquí está quen é máis ca Salomón.

Meditación

Este anaquiño de Evanxeo remítenos á suposta historia, ou mellor parábola, do libro do profeta Xonás: mandado por Deus a predicar á cidade de Nínive para que se arrepentise das súas maldades, Xonás fai canto pode por non ir, porque consideraba que esa cidade, ao non pertencer ao pobo de Deus, non debía ser tratada con misericordia. Vai á forza, predica, Nínive convértese, e el enfurrúñase contra Deus, pola amplitude da súa misericordia.

A este relato fai referencia a contestación de Xesús, cando letrados e fariseos lle piden un sinal. O sinal que Xesús ofrece a todo o mundo sen distinción é o ofrecemento dun Deus achegado á xente, doído da fraxilidade humana, colaborador a tope para dignificar a vida de toda persoa. E este era o sinal que Xesús anunciou e defendeu coa súa vida, coa súa morte, coa súa resurrección. Nese ámbito estamos metidos todas e todos nós, sexa boa ou mala a disposición que teñamos para o ben na vida. Deus non renega de nós. Nunca. Non vaia ser que nós, por nos crer xente xusta e perfecta, reneguemos de entrar na onda misericordiosa e curadora de Deus!

Oración
Ti sempre coa man tendida,
meu Deus.
Ti sempre co corazón disposto,
coa ilusión a flor de pel,
para que nada se perda,
para que ninguén,
sexa quen sexa,
sexa como sexa,
estrague a súa vida,
deixe de ser a muller ou o home feliz
que ti soñaches.
Grazas.
Que saibamos vivirte así con sumo agradecemento
recoñecéndote capaz de acelerar en nós os cambios necesarios.
Que saibamos transmitirte tamén así
cun corazón espléndido coma o teu.
Acción

¿Dalgunha maneira somos persoas que excluímos a outras persoas dos bens da vida, do ben de Deus? ¿Dalgunha maneira sinalamos a algunha persoa, porque a consideramos mala, ruín, malvada, e arredámola da nosa vida, da nosa palabra, do noso afecto curador, como se nós fosemos xente perfecta? Pensémolo á luz da palabra de Xesús


20 de xullo: Martes da 16ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Ex 14, 21—15, 1. Salmo: Ex 15, 8-9. 10 e 12. 17
Ano 2: 1ª lectura: Miq 7, 14-15. 18-20. Salmo: 84, 2-4. 5-6. 7-8

Evanxeo: Mt 12, 46-50

Nunha ocasión, mentres Xesús lle estaba falando á xente, súa nai e máis os seus irmáns presentáronse fóra buscando o xeito de falaren con el. Díxolle un:

—Mira que túa nai e máis os teus irmáns están aí fóra, que te buscan para falaren contigo.

El respondeu ao que llo dicía:

—¿Quen é a miña nai e quen son os meus irmáns?

E, sinalando coa man os seus discípulos, dixo:

—Velaí a miña nai e máis os meus irmáns: o que cumpre a vontade do meu Pai celestial ese é o meu irmán, a miña irmá e máis a miña nai.

Meditación

Xesús non despreza a súa familia nin nos ensina a non apreciala. Canto lle debemos á familia! Debémoslle a existencia, a crianza, a formación, o arroupe afectivo, o acompañamento nas duras e nas maduras, os inicios na nosa sociabilidade, os coidados na enfermidade, ledicias, bágoas por nós… Agradecidas/os debiamos estar, normalmente, e moito, cara á nosa familia, aínda que ás veces as mesmas familias nos enredan tamén nas súas propias carencias.

Pero Xesús proponnos meter a familia propia dentro dun proxecto familiar máis soñador, máis fondo, universal. Os vínculos non son xa os da carne e o sangue, senón os do espírito; a nai, o pai, os irmáns e irmás non son xa os limitados á cada familia, senón os que se derivan de termos un Pai/Nai único que nos irmanda a todas e todos; o afán desa nova familia non é preservarnos como tal seguindo as pautas honestas dunha familia decente, senón descubrir en nós e en todas as cousas da vida o querer dese Pai/Nai apaixonada pola nosa boa ventura infinitamente máis do que nós o podemos estar por nós mesmas. Nesta familia universal entran incluso as persoas non crentes, porque aínda sen fe relixiosa podemos buscar vivir unha verdadeira fraternidade universal.

Oración
Cada día erguerme soñando contigo.
Cada día descubrir a túa presenza envolvéndoo todo
(“en todo estás e ti es todo,
para min e en min mesmo moras”).
Cada día escoitar cos oídos do corazón
a túa voz oculta en tantas palabras e silencios.
Cada día saberme fillo ou filla, irmán ou irmá
dunha familia inmensa e creadora.
Cada día ampliar un pouco máis o meu corazón
ata facelo universal coma o teu.
Cada día arrimar o lombo a outros lombos
na procura dunha inmensa casa común,
Cada día saberme acollida, abrazada por ti,
integrada por ti no teu soño humanitario.
Cada día agradecerche, meu Deus,
o que cada día me ofreces vivir.
Acción

¿Qué poderiamos facer hoxe, como persoa e/ou como comunidade cristiá para medrar un pouco nesta nova familia que Xesús nos propón? ¿Qué poderiamos facer se realmente pensamos que calquera refuxiado é irmán, irmá nosa, que o é tamén calquera veciño ou veciña ao que nos custa tratar?


21 de xullo: Mércores da 16ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Ex 16, 1-5. 9-15. Salmo: 77, 18-19. 23-24. 25-26. 27-28
Ano 2: 1ª lectura: Xer 1, 1. 4-10. Salmo: 70, 1-2. 3-4a. 5-6ab. 15ab e 17

Evanxeo: Mt 13, 1-9

Un día Xesús saíu da casa e foi sentar á beira do mar. Tanta era a xente reunida ao pé del, que tivo que subir e sentar nun bote, mentres a xente toda ficaba na beira. E faloulles de moitas cousas en parábolas. Dicía:

—Unha vez saíu un labrego a sementar. E, ao botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros e comérona. Outra caeu entre as pedras, onde apenas había terra; e naceu de contado porque a terra non tiña fondura, pero, non ben saíu o sol, queimouna e, como non tiña raíz, secou. Outra parte caeu na silveira e, ao medraren as silvas, afogárona. Outra caeu en boa terra, dando froito: unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta. Quen teña oídos que escoite!

Meditación

Quen teña oídos que escoite. O primeiro que podemos escoitar é que o labrego sementa xenerosamente; non di: ui, igual me cae algunha semente no camiño, mellor non sementar; por aquí hai moita pedra, mellor non; por aquí hai moita silva, tampouco. Non escolle unicamente a terra boa, boa. Deus non é selectivo. A súa palabra non é selectiva. E menos é só para xente privilexiada. A súa presenza, a súa palabra é un regalo xeneroso para quen lle queira abrir as portas. Se somos terra ruín, a semente cae igual nos nosos corazóns, e quen sabe? Pero mellor é facernos terra traballada, coidada, para que a semente de Deus e da vida prenda, se desenvolva ben, medre e dea froitos. Iso é a gloria de Deus. Iso é a nosa bendición.

Oración
Eu quero ser terra boa, meu Deus.
Que a túa xenerosidade se vexa correspondida
coa miña mellor disposición.
Eu quero participar da túa abundancia,
para frutificar con ela,
para gozar dela,
para compartila.
Eu quero facerme contigo,
ao teu carón sempre,
sementador, sementadora,
para que o ben da vida
chegue a toda a xente por igual,
como regalo teu,
como froito dunha boa planificación social,
como mimo especial para coa xente máis vulnerable.
Asóciame, meu Deus,
ao teu labor de sementeira.
Acción

¿En algo somos terra dura, tripada, terra con moita pedra, terra con moitas silvas, terra pouco coidada para a semente da vida, a semente de Deus? ¿Qué podemos facer e cambiar para facernos terra boa?


22 de xullo: Festa de Santa María Magdalena, apóstola dos apóstolos

1ª lectura: Cant 3, 1-4b. salmo: 62, 2. 3-4. 5-6. 8-9

Evanxeo: Xn 20, 1.11-18

O primeiro día da semana María a Magdalena foi ao sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada e quedou ao pé do sepulcro, fóra, chorando. Sen deixar de chorar, abaixouse a ollar no sepulcro. Viu dous anxos vestidos de branco, sentados, un á cabeceira e outro aos pés do sitio onde xacera o corpo de Xesús. Eles preguntáronlle:

—Muller, por que choras?

Ela respondeulles:

—Porque colleron o meu Señor e non sei onde o puxeron.

Dito isto, virouse cara atrás e viu a Xesús alí de pé, pero sen se decatar de que era Xesús. Xesús preguntoulle:

—Muller, por que choras? A quen buscas?

Ela, coidando que era o xardineiro, díxolle:

—Señor, se o levaches ti, dime onde o puxeches, que eu o collerei.

Xesús díxolle:

—María!

Ela, virándose, exclamou en hebreo:

—Rabbuni! (que quere dicir “Mestre”)

Xesús díxolle:

—Sóltame, que aínda non subín onda o Pai; máis ben, vai onda os meus irmáns e dilles: subo onda meu Pai e voso Pai, o meu Deus e o voso Deus.

María Magdalena foilles contar aos discípulos que vira o Señor e que lle dixera estas cousas.

Meditación

Se dicimos que María Magdalena é apóstola dos apóstolos non o dicimos porque si. Foi apóstola, anunciadora, mensaxeira, si, porque lles foi aos apóstolos derrotados coa narración dunha experiencia de encontro con Xesús resucitado. Pero, a máis diso, María Magdalena foi apóstola, anunciadora, mestra, polo mesmo proceso de vida que viviu en contacto con Xesús: unha vida rota de mil maneiras, polo que parece, que se engancha con Xesús, que o segue polos camiños de Galilea e cara a Xerusalén, que o acompaña na hora da paixón, que o chora morto e ausente, que o busca coa forza dun amor sen medida, que se reencontra con el nunha dimensión nova con evocacións vivas, que acepta a tarefa de contar a súa experiencia e de axudar a que outros, polo mesmo camiño, poidan experimentar a forza renovadora de Xesús, agora cunha vida nova en Deus.

E todo isto unha muller, que parte dunha vida desfeita e que, en Xesús, se reencontra a si mesma, para si, para a comunidade, para a Igrexa. Cantas mulleres houbo e hai así na Igrexa! Merecen o noso recoñecemento, que aínda non teñen como é debido, nin moito menos.

Oración
María, Magdalena,
irmá maior e mestra,
apréndeme os camiños do encontro vivo con Xesús.
Máis alá de teorías e doutrinas,
ensíname a agarrarme a el
amorosamente,
vitalmente.
Apréndeme a vincularme con el,
co seu estilo de vida,
cos seus fondísimos convencementos,
coa súa maneira de sentir e vivir a Deus,
coa súa maneira de sentir a vivir as persoas,
que, envoltas en fraxilidade,
se ían cruzando con el.
Ensíname a poñer as miñas nudeces,
coma ti, sen escusas,
á auga, á luz, ao clareo de Xesús.
Acción

Podemos reparar nas mulleres que nos acompañan na familia, na comunidade cristiá. Seguro que atopamos nelas motivos para o agradecemento. Dalgunha maneira podémoslles expresar o noso agradecemento.


23 de xullo: Festa de Santa Bríxida, patroa de Europa

1ª lectura: Gal 2, 19-20. Salmo: 33, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9. 10-11

Evanxeo: Xn 15, 1-8

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:

—Eu son a verdadeira vide e meu Pai é o labrador. A rama de vide que en min non leva froito arríncaa, e a que leva froito límpaa, para que leve máis froito aínda. Vós xa estades limpos pola palabra que vos teño falado. Permanecede en min e eu en vós.

Así como a rama da vide non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na cepa, así tampouco vós, se non permanecedes en min. Eu son a vide, vós as ramas. Quen permanece en min e eu nel, ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer nada. A quen non permanece en min, tírano fóra, coma as varas da vide, e secan; apáñanas, bótanas no lume e arden. Se permanecedes en min e as miñas palabras permanecen en vós, pedide o que queirades e hásevos facer. Nisto é glorificado meu Pai, en que levedes froito abondoso e vos mostredes como discípulos meus.

Meditación

Santa Bríxida (1303-1373) naceu en Suecia, foi muller casada e tivo oito fillos. Quedou viúva e optou por dedicarse á oración, ao servizo á xente, a vivir intensamente a súa paixón por Xesús que tanto padecera por nós. Foi unha muller que tivo grandes revelacións espirituais, recollidas en libros; foi, polo tanto, unha muller mística, teóloga, escritora. Viviu isto nun constante peregrinar (Santiago de Compostela dúas veces, Roma, Xerusalén, entre outros sitios), e nunha constante relación cos poderosos daqueles tempos, incluído o mesmo Papa, mediando sempre para conseguir paz e entendemento entre os pobos de Europa. Por todo isto no ano 1999 o Papa Xoán Paulo II nomeouna patroa de Europa xuntamente con Santa Catalina de Siena e Santa Tareixa Benedicta da Cruz.

Canto necesitamos persoas así nos nosos tempos, cando tantos parecen gozar encirrando persoas, comunidades e países! Xentes de paz, de sólida espiritualidade, que tezan respectos, vínculos, solidariedades no nome dun Deus apaixonado e dun Cristo sufrinte pola humanidade, como Bríxida, ou no nome do que cada quen sinta e queira!

Oración
Grazas por Bríxida, Deus noso;
Grazas pola súa condición de muller,
pola súa condición de esposa e nai.
Grazas pola súa vontade firme
de permanecer fondamente unida ao Cristo sufrinte,
para facerse así sensible ás dores do seu tempo.
Grazas polas súas mediacións, polas súas revelacións,
pola súa vontade firme de restaurar e pacificar,
respectando sempre a xente máis fráxil.
Grazas nela por todas as persoas
que queren facer de Europa e do mundo
un espazo fraterno,
a base de privilexiar as necesidades e dereitos da xente máis empobrecida.
Grazas por Bríxida, Deus noso,
que o se exemplo nos conforte e nos arrastre.
Acción

En Galicia, en España, tamén andamos enredados en conflitos, aínda que sexan conflitos menores. Por razóns relixiosas, por razóns políticas sobre todo (Cataluña, xente refuxiada, diferentes partidos políticos…). ¿Qué papel xogamos nós neses casos? ¿Mediamos para poñer cordura e respecto, ou encirramos buscando confrontacións estériles?


24 de xullo: Sábado da 16ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Ex 24, 3-8. Salmo: 49, 1-2. 5-6. 14-15
Ano 2: 1º lectura: Xer 7, 1-11. Salmo: 83, 3. 4. 5-6a e 8a. 11

Evanxeo: Mt 13, 24-30

Nunha ocasión Xesús contoulles outra parábola:

—Parécese o reino dos ceos a unha persoa que sementou boa semente na súa leira. Pero, mentres toda a xente durmía, un inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e marchou. Cando a planta medrou e empezou a espigar, apareceu o xoio tamén. Os criados do dono fóronlle dicir: “Señor, ¿ti non sementaras boa semente na túa leira? ¿De onde lle vén, logo, o xoio?” El contestoulles: “Isto é obra dun inimigo”. Os criados preguntáronlle: “¿Queres que o vaiamos arrincar?” El respondeulles: “Non, non sexa que, ao collerdes o xoio, arrinquedes tamén o trigo. Deixádeos medrar xuntos deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir aos segadores: “Apañade primeiro o xoio, e atádeo en mollos para queimalo; e o trigo recollédeo na miña hucha”.

Meditación

Calquera persoa o sabe de sobra. Hai mal e ben. Hai quen sementa o ben e hai quen sementa o mal. Hai quen goza co ben, hai quen parece gozar co mal. Persoas e grupos sociais, institucións públicas e privadas. Hai mal e ben polo mundo adiante e haino dentro de nós tamén. O mal anda moitas veces camuflado co ben, nas nosas mesmas intencións, nos nosos feitos. Cómpre ser humildes, cómpre estar alerta. Cómpre saber descubrir o mal que se agocha e se manifesta ao noso redor, pero tamén en nós mesmas. Sinalalo, non disimulalo. Entendelo como parte da nosa condición fráxil. Intentalo superar segundo os casos con paciencia, con resistencia, con intelixencia, con organización, con agarimo polas persoas que o producimos. E Deus dirá. A última palabra tena el, que aposta con forza pola bondade en todo, que coñece o íntimo das persoas, que garante un porvir novo, restituído, pleno de ben. Un soño no que nos invita participar. Con humildade, con ousadía. Ao estilo de Xesús.

Oración
Que non peche os ollos, meu Deus,
que non peche os ollos nin tampouco o corazón
ante o mal que medra en min
e que medra ao meu redor, no meu pobo.
Mal que sempre se converte
en vidas desnortadas, airadas,
en vidas abusadas, empobrecidas,
en vidas diminuídas, deshumanizadas.
Que non me envolva o qué máis dá, a indiferenza,
que non me queime a impaciencia,
que atine coa palabra axeitada,
coa colaboración precisa,
co tempero necesario,
para ser un bo instrumento teu
ao servizo do ben
na miña propia vida persoal e familiar,
en todo canto faga ou axude a facer.
Necesito de ti, meu Deus,
para ser un fiel colaborador de todo o teu ben.
Acción

Seguro que, abrindo os ollos, vemos o mal en nós, ao noso redor. Mal que pode ter diferentes autores, diferentes consecuencias. ¿Cal é a nosa reacción ante ese mal? ¿Murmurar, queixarnos, angustiarnos, desesperarnos? ¿Poderiamos facer algo distinto para acompañar a quen o sofre, e cambiar a quen o produce?



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.