02 setembro, 2021

Tempo Ordinario: 23ª semana



5 de setembro: Domingo 23º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Is 35, 4-7a. Salmo: 145, 7. 8-9a. 9bc-10
2ª lectura: Sant 2, 1-5

Evanxeo: Mc 7, 31-37

Un día Xesús deixou Tiro e veu dar por Sidón ao mar de Galilea, atravesando a Decápole. Presentáronlle un xordomudo e suplicáronlle que lle impuxese as mans. Xesús, separándoo da xente, meteulle os dedos nas orellas e tocoulle a lingua con cuspe. Logo, erguendo os ollos ao ceo, suspirou e dixo:

—Effatá (ou sexa: “ábrete”).

E no instante abríronselle os oídos e falaba perfectamente. Logo prohibiulles contalo a ninguén; pero canto máis llelo prohibía, máis o espallaban. E a xente, totalmente abraiada, comentaba:

—Que ben o fai todo! Fai que os xordos oian e que os mudos falen.

Comentario

Estamos ante un relato de curación, que só Marcos narra. De entrada recórdanos cousas básicas sobre Xesús, que xa noutras ocasións se nos teñen ofrecido para a nosa meditación e proveito: a afección de Xesús por andar próximo da xente que se vía envolta en debilidade, en enfermidade, e, en consecuencia, en marxinación social e relixiosa. Esta afección de Xesús é, sen dúbida, unha garantía para nós mesmos, na medida en que participamos da condición de xente abundante tamén en carencias e debilidades de todo tipo. Somos obxecto da proximidade de Xesús. Xesús está a fondo por todos/as e cada un, cada unha de nós. Isto é un consolo grande.

As maneiras de Xesús convértense para nós en indicación para orientar a nosa maneira de nos situar na sociedade coma cristiáns, coma comunidade cristiá: a afección pola xente débil e marxinal é, estaría moi ben que fose, un sinal, o sinal maior da nosa identidade cristiá. E, para ver como isto o imos vivindo na nosa vida, ás veces é importante facernos preguntas sinxelas, que mesmo poden parecer excesivamente simples, pero que acaban sendo reveladoras de como imos respondendo a esta identidade cristiá: con cantas persoas débiles, marxinais tratei neste día, nesta semana, nesta tempada? Que tipo de trato tiven con elas? Que recibín delas? Que lles aportei? Como, a conta diso, renaceu en min a presenza e a paixón do mesmo Xesús?

Outra cousa que nos recorda este Evanxeo é a capacidade curadora que tiña Xesús. É voz común entre os estudosos da historia de Xesús recoñecer que Xesús tiña unhas capacidades curadoras extraordinarias, tiña un don especial de curar, os corpos, as almas, a persoa toda, para pacificala, para poñela a ben consigo mesma, con Deus, para reintegrala con dignidade na convivencia social. Este don de curación Xesús ségueo exercendo hoxe con cada un ou cada unha de nós mediante a súa presenza no Espírito. Na fe podémonos abrir a este don de curación a fondo, que non ten por que implicar que as enfermidades desaparezan da nosa existencia.

Ser persoas e comunidades de curación é outra das tarefas que temos por diante. É inmenso o traballo de acompañamento para a curación que podemos levar a cabo unhas persoas coas outras. A crise dos tempos presentes veu engadir un aspecto máis, e ben importante, ao mundo de fraxilidade persoal e comunitaria no que estamos metidos/as, baixo unha imaxe ou aparencia de éxito, de forza, de poder, de felicidade. Unhas persoas con outras, nun empeño común por acoller, escoitar, comprender, aportar, recibir, agradecer, acompañar, celebrar.

O relato do xordomudo do Evanxeo de hoxe ofrécenos perspectivas particulares que nos poden ser de proveito. Ser xordos implica ser mudos. Non escoitar implica a dificultade para falar, a lo menos para falar con xeito. Primeiro é scoitar, e logo falar. Un aprende a falar escoitando. A realidade física das cousas lévanos da man a outras realidades comunitarias, sociais, espirituais, ás que sen dúbida nos quere orientar o evanxelista. Que preciosa a arte de saber escoitar, escoitar a fondo! Escoitar as persoas, os ecos do corazón; escoitar o que se di e o que se insinúa; escoitar a vida, escoitar o que sucede ao redor dun; escoitar o momento histórico que nos toca vivir. Escoitarnos a nós mesmos, o noso corazón, os nosos berros interiores, onde o Espírito xurde e se nos amosa con sorpresa moitas veces, levándonos cara á paz, cara á vida, cara á fidelidade, cara ao compromiso.

E despois falar. Xesús era un gran conversador. Tiña o don, a graza da palabra. Non era unha palabra vana, inútil, precisamente porque antes escoitaba a fondo, cordialmente, amorosamente. Esta é a maxia de Xesús, á que se nos invita. Que pena, por exemplo, que desde as comunidades cristiás, colectivamente, nos esteamos negando a dar unha valoración do momento presente da inmigración, con centos e miles de persoas mortas, con masas inmensas de xente fuxindo do terror! E case nada máis que facemos que pecharlle portas e camiños. Negámonos á graza da palabra. Quizabes porque antes non escoitamos abondo? Cantas veces todos/todas non ofrecemos o regalo da palabra doce, forte, agarimosa, provocadora, capaz de xerar vida, de incorporar as persoas á tarefa humana e divina de escoitar e falar?

Preces

TI FAS, XESÚS, QUE OS XORDOS OIAN E QUE OS MUDOS FALEN

Que os nosos oídos se abran, Xesús, para escoitar o clamor da xente máis humilde, que máis precisa do noso apoio. Oremos.

Que a nosa lingua se desprenda, Xesús, para dicir palabras de alento a quen ande angustiado/a na vida. Oremos.

Que saibamos acompañar debidamente ás persoas que teñen carencias de calquera tipo e ás que a vida se lles pode facer moi costa arriba. Oremos.

Que teñamos voz para protestar contra todo aquilo que sexa un abuso da xente máis débil, para sumarnos a protestas sociais xustas. Oremos.

Que oiamos o clamor das persoas e dos pobos africanos, que de maneira máis ou menos rebelde están petando ás nosas portas. Oremos.

Oración
Xordo e mudo, Señor,
así estou eu hoxe,
bloqueado,
cos sentimentos apertados no meu interior,
co xenio enfurruñado,
apático,
sen ganas de moverme por nada,
para nada.

Cos oídos pechados a calquera voz,
a calquera demanda;
coa lingua presa ao padal
sen implicarme en nada,
nin no canto,
nin na conversa,
nin no simple murmurio do nome dunha amiga,
dunha persoa amada,
dun pobre ou marxinado.

Así estou hoxe, Xesús,
ao pé do camiño da vida,
esperando o teu paso,
a túa presenza,
o teu contacto,
a túa voz: Ábrete!

Aquí estou, Xesús,
desexando poder exclamar
desde o fondo da propia experiencia:
Que ben o fas todo:
fas que oian as persoas xordas,
e que falen as mudas!

Xordo e mudo ante ti, Xesús,
así estou eu.
Acción

Hoxe podemos prestar especial atención a oír, escoitar: a natureza, as persoas que nos rodean, o que bole e rebole no noso propio corazón, … Só quen escoita con tino, contemplativamente, é capaz de sentir o que pasa e poder dialogar de forma cordial e comprometida co que escoita e acontece.


6 de setembro: Luns da 23ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Col 1, 24—2,3. Salmo: 61, 6-7. 9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 5, 1-8. Salmo: 5, 5-6. 7. 12

Evanxeo: Lc 6, 6-11

Un sábado entrou Xesús na sinagoga a ensinar. Había alí un home que tiña impedida a man dereita. Os letrados e máis os fariseos estaban ao axexo, a ver se ousaba curalo en sábado, para o poderen acusar. Pero el, coñecendo os seus pensamentos, díxolle ao home que tiña a man tolleita:

—Érguete e ponte no medio.

El ergueuse e púxose no medio. Entón Xesús díxolles:

—Fágovos unha pregunta: ¿Qué está permitido no sábado: facer o ben ou o mal, salvar unha vida ou deixar que se perda?

E, ollando a todas as persoas que o rodeaban, díxolle ao home:

—Estende a túa man.

El fíxoo e a man quedoulle curada. Pero eles, todo enrabechados, discutían entre si o que poderían facer con Xesús.

Meditación

Claro que Xesús podería dicirlle ao home aquel: vémonos mañá e a ver o que podo facer, hoxe non, que é sábado. Pero Xesús neste caso, coma noutros moitos, é provocador, para que quede máis en claro aquilo que el consideraba un error: nas prácticas relixiosas do seu tempo era máis importante o requisito da lei que a saúde, o benestar da xente; e Xesús tiña moi claro que tiña que ser ao revés: o ben, a dignidade, o respecto da xente por riba de todo. Nisto xogábase algo que era esencial no pensamento e práctica relixiosa que o Espírito de Deus alimentaba diariamente nel. ¿É así de claro tamén o noso pensamento e a nosa práctica relixiosa?

É curiosa a actitude pechada dos letrados e fariseos ante quen lles poñía diante un error evidente. Pero non é cousa que só a eles lles pasase. É frecuente que reaccionemos así, cando nos deixamos levar por prexuízos, por ideoloxías establecidas en nós, por sentimentos. É unha mágoa, porque esta actitude impídenos avanzar, mellorar, como persoas e como comunidade cristiá.

Oración
A xente,
a xente é o que importa,
por riba de todo,
por riba de calquera lei civil ou relixiosa.
A xente,
esa persoa descoñecida que se cruza contigo,
esa traballadora de hotel que demanda melloras,
ese velliño ou velliña que morre de soidades cada día e cada noite,
ese mozo ou moza que intenta abrir camiño na vida,
esas persoas refuxiadas deixadas na man de Deus,
ese neno ou nena violada por un clérigo,
ti mesma, eu mesmo.
Non hai relixión máis santa e máis perfecta,
non hai relixión que máis honre a Deus,
e máis nos complete como persoas
que tratar a xente con humanidade.
Simplemente.
Así de claro.

(Dínolo Xesús como irmán maior e mestre.)
Acción

Nós pasamos bastante das leis relixiosas. Aínda así, cando pretendemos cumprir algo coa nosa vida cristiá, ¿poñemos en primeiro lugar a atención á xente que nos rodea, sobre todo se é xente vulnerable por calquera razón? Podémolo revisar e cambiar, se é do caso.


7 de setembro: Martes da 23ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Cor 2, 6-15. Salmo: 144, 1-2. 8-9. 10-11
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor, 6, 1-11. Salmo: 149, 1-2. 3-4. 5-6a e 9b

Evanxeo: Lc 6, 12-19

Unha vez Xesús foi orar ao monte e pasou a noite orando a Deus. Cando se fixo de día, chamou a xente que o acompañaba e escolleu doce, aos que nomeou apóstolos: Simón, a quen lle deu o nome de Pedro, e Andrés seu irmán; Santiago, Xoán, Felipe, Bartolomeu, Mateu, Tomé, Santiago o de Alfeo, Simón chamado o Zelota, Xudas o de Santiago e Xudas Iscariote, que logo sería o traidor.

Despois baixou con eles e detívose nunha chaeira cun bo grupo de persoas que o acompañaban e numerosa xente de toda Xudea, de Xerusalén e máis de toda a ribeira de Tiro e Sidón, que viñan escoitalo e a que os curase das súas doenzas. As persoas atormentadas por espíritos inmundos quedaban curadas e toda a xente intentaba tocalo, pois del saía unha forza que curaba a todo o mundo.

Meditación

Xesús entendeu que debía compartir con outras persoas a tarefa do anuncio da boa nova de Deus, consistente en alentar coa palabra e cos feitos de curación, de reinserción social e relixiosa, cara a unha vida fraterna. Escolleu un grupo de homes, ao que sabemos que tamén se uniu un bo grupo de mulleres. Da nada, de seren uns homes e mulleres normais, fixo persoas implicadas a fondo. Curiosamente Xesús pasou a noite anterior orando a Deus, como para que a súa chamada puidese ter forza abonda de atracción e de encantamento.

Na Igrexa de hoxe sentimos unha aguda necesidade da implicación da xente normal, o laicado, nas variadas tarefas da comunidade cristiá. Os clérigos din que custa moito que o laicado se implique. Pode ser. Pero ¿pasan eles noites en oración para atraer e implicar a homes e mulleres do común? ¿Enchen de afecto e paixón a súa palabra para mobilizarnos? E, se non o fan, ¿temos que agardar a que sexan os clérigos os que nos mobilicen? ¿Xesús mesmo non é quen de tocarnos o corazón, espelirnos e converternos en persoas asentadas nel para o ben propio e o alleo?

Oración
“Foi orar ao monte
e pasou a noite orando a Deus”.
¿Como orarías, Xesús?
¿Cómo lle falarías ao teu Deus querido?
¿Cómo abrirías ante el o teu corazón?
¿Cómo poñerías nas súas mans
os mesmos soños que el espertara en ti?
¿Cómo deixarías que todo o teu ser
se enchoupase de Deus e do seu Espírito?
Tíñalo moi claro, Xesús:
rezábaslle ao teu Pai no segredo,
confiado en que quen ve o segredo te había recompensar;
rezábaslle ao teu Pai con poucas palabras,
porque sabe o Pai o que precisamos antes de llo pedir.
O teu orar, Xesús,
sería simplemente estar e amar,
estar e confiar,
estar e ofrecerse.
Así, Xesús, ensínasnos a orar.
Grazas, Xesús.
Acción

Podemos reparar en que lugar ocupa a oración na nosa vida cristiá. E tamén en como oramos. ¿Por comenencia, intentando convencer a Deus, con moitas palabras, ou con confianza, no silencio amoroso, con dispoñibilidade? Podemos reparar tamén en que implicación temos nas variadas tarefas da comunidade cristiá parroquial? Seguro que poderemos mellorar en calquera dos dous campos.


8 de setembro: Festa da Natividade de Santa María

1ª lectura: Miq 5, 1-4a. salmo 12, 6ab. 6cd

Evanxeo: Mt 1, 1-16. 18-23 (Breve: Mt 1,18-23)

Libro da xenealoxía de Xesús Cristo, fillo de David, fillo de Abraham. Abraham xerou a Isaac. Isaac xerou a Xacobe. Xacobe xerou a Xudá e máis os seus irmáns. Xudá, de Tamar, xerou a Peres e máis a Zarán. Peres xerou a Esrón. Esrón xerou a Arán. Arán xerou a Aminadab. Aminadab xerou a Naasón. Naasón xerou a Salmón. Salmón, de Rahab, xerou a Booz. Booz, de Rut, xerou a Obed. Obed xerou a Iexé. Iexé xerou o rei David.

David, da que foi muller de Urías, xerou a Salomón. Salomón xerou a Roboam. Roboam xerou a Abías. Abías xerou a Asá. Asá xerou a Ioxafat. Ioxafat xerou a Ioram. Ioram xerou a Ozías. Ozías xerou a Iotán. Iotán xerou a Acaz. Acaz xerou a Ezequías. Ezequías xerou a Menaxés. Menaxés xerou a Amón. Amón xerou a Ioxías. Ioxías xerou a Ieconías e máis os seus irmáns en tempos da deportación a Babilonia.

Despois da deportación a Babilonia, Ieconías xerou a Xealtiel. Xealtiel xerou a Zerubabel. Zerubabel xerou a Abiud. Abiud xerou a Eliaquim. Eliaquim xerou a Asor. Asor xerou a Sadoc. Sadoc xerou a Aquim. Aquim xerou a Eliud. Eliud xerou a Elazar. Elazar xerou a Matán. Matán xerou a Xacobe. Xacobe xerou a Xosé, esposo de María, da que naceu Xesús, chamado Cristo.

O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; e antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, non a querendo aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Tal era a súa resolución, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños, dicíndolle:

—Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida, que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. Dará a luz un fillo e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.

Todo isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:
“Mirade: a virxe concibirá e dará a luz un fillo,
e poñeranlle de nome Enmanuel (que quere dicir “Deus connosco)”.
Meditación

A historia é lenta e solidaria. Cómpren séculos e séculos, cómpre xente e xente para que a humanidade avance, progrese. Cumpriu tamén o exercicio relixioso de moitas persoas, de moitas xeracións, ben empuxado e amparado silandeiramente polo Espírito de Deus, para que a cousa chegase a María e Xosé, para que a cousa chegase a Xesús; para que se dese o estoupido de luz e de vida que en Xesús de Nazaré se deu para proveito de todas as persoas que agora o gozamos. Ver as cousas así –e así pensamos que hai que velas— lévanos a ser persoas fondamente agradecidas, fondamente humildes; todo o que somos e temos debémosllo en boa medida a persoas e xeracións anteriores a nós.

María estivo aí no seu momento, cumprindo o seu papel, deixándose moldear en todo polo Espírito de Deus, facilitando a nacenza e a crianza humana e relixiosa dun neno que chegaría a ser o que foi grazas tamén á contribución de millóns de criaturas. Foi así fillo do Espírito dunha maneira moito máis humana e fonda –e por isto tamén divina-- do que vulgarmente pensamos. ¿Saberemos estar cada un, cada unha de nós, no noso lugar, non lle fallando á demanda do Espírito, para que nada do ben de Deus morra en nós, para que o seu proxecto de irmandade total atope en nós humilde e fiel colaboración?

Oración
Bendita ti, María,
no teu nacemento, na túa natividade.
Cando naciches ti,
naceu a criatura máis guapa e santa do mundo.
Nove meses concibida por Ana,
coma unha de tantas,
froito dos amores de Ana con Xoaquín.
Nove meses alentada polo Espírito de Deus
que te facía filla de Deus,
como o somos cantas persoas vimos a este mundo.
Bendita ti, María,
tan humana, tan humilde,
tan entrañablemente querida por Deus,
como polo demais o somos todas as súas criaturas.
En ti achegábase a este mundo
a luz, a paz, o consolo de Deus ,
que no teu fillo Xesús tería rostro humano.
Bendita ti, María,
na túa natividade
todos, todas nos sentimos benditas e agraciadas.
Acción

Son moitos os pobos de Galicia que no día de hoxe honran a Santa María. Podemos participar nalgunha desas celebracións, honrando a María, agradecéndoa, comprometéndonos a andar tamén polos seus camiños de humilde fidelidade a Deus.


9 de setembro: Xoves da 23º semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Cor 3, 12-17. Salmo: 150, 1-2. 3-4. 5-6
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 8, 1b-7. 11-13. Salmo: 138, 1-3. 13-14ab. 23-24

Evanxeo: Lc 6, 27-38

Unha vez díxolle Xesús á xente que o acompañaba:

—A vós, que me escoitades, dígovos: Amade os vosos inimigos, facédelle ben ás persoas que vos odian, bendicide ás que vos maldín e rogade polas que vos calumnian; a quen che zoupe nunha meixela, preséntalle a outra; e a quen che leve o manto, non lle prives de levar tamén a túnica. A quen che pida, dálle; e a quen che leve o teu, non lle reclames nada. Así que tratade á xente tal como queredes que vos traten a vós.

Se amades a quen vos ama, ¿qué facedes de máis? As persoas pecadoras tamén aman a quen os ama. E se lle facedes ben a quen vos fai ben, ¿qué mérito tedes? As persoas pecadoras fan outro tanto. E se non emprestades máis que cando esperades cobrar, ¿qué mérito tedes? As persoas pecadoras tamén se emprestan entre elas para cobraren despois outro tanto. Vós non, vós amade os vosos inimigos, facede o ben e emprestade sen esperardes nada a cambio. E así teredes unha grande recompensa e seredes fillas e fillos do Altísimo, pois el é bo coa xente mala e desagradecida. Dádevos á compaixón, como o voso Pai se dá a compaixón.

Non xulguedes e non vos xulgarán; non condenedes e non vos condenarán; perdoade e hanvos perdoar. Dade e darásevos a vós: poñeranvos nas mans unha boa medida, acugulada, rebordada, apertada, pois coa medida coa que midades hanvos medir a vós.

Meditación

Estamos ante o Evanxeo do mesmo Evanxeo, ante o corazón do Evanxeo, o máis fondo, radical e revolucionario que Xesús de Nazaré nos transmitiu e nos transmite. Aprendeuno de Deus. Se Deus é dado á misericordia, nós tamén podemos selo, debemos selo. Se Deus ama, serve, atende, dóese aínda de calquera home ou muller que non parece ter merecementos para iso, nós tamén podemos e debemos facelo. Se Deus é gratuíto, non é violento, non responde á nosa posible ruindade con castigos, con maldicións, con abandono, ao revés, nós tamén podemos tratar así as persoas que igual nos fan mal de calquera maneira que sexa.

Non é doado, pero é máis fondamente humano que se pode dar. Non é doado, pero é o único que pode acabar coa forza do mal, quitarlle o seu enorme poder de destrución, que se multiplica cando ao mal lle contestamos con mal. Non é doado, pero só así conseguiremos cambiar os aires violentos que xeración tras xeración rompen as persoas e arrasan os pobos. No pasado e no presente. Ten habido xente que se fiou deste novo aire de Xesús; algunhas persoas cristiás coma Luter King ou o irmán Carlos de Foucauld e moita máis xente; outras non cristiás coma Gandhi e xentes do pacifismo activo que houbo e hai no mundo.

Oración
Bendito sexas, Deus, bendito sexas
en toda a xente que ama os seus inimigos,
bendí a quen a maldí,
e roga polos que a calumnian.
Bendito sexas, Deus, bendito sexas
nas persoas que non responden á violencia con violencia,
que se exceden no ben con quen lles fai mal.
Bendito sexas, Deus, bendito sexas
nas persoas que aman a quen non as ama,
que fan o ben a quen non llelo fai
e dan do seu sen esperar ser recompensadas por iso.
Bendito sexas, Deus, bendito sexas
en quen actúa doéndose da xente mala e desagradecida,
como tamén a ti che gusta facer.
Bendito sexas, Deus, bendito sexas
na xente que non anda pola vida xulgando nin condenando,
senón perdoando
e tratando o próximo como por el lle gustaría ser tratada.
Acción

Posiblemente todas, todos esteamos vivindo na nosa vida situacións tensas con algunhas persoas ou grupos sociais, nas que nos custe responder con amor a quen non nos quere, facerlle ben a quen pensamos que nos está facendo algún mal, reaccionar pacificamente ante provocacións violentas, de palabra e cos feitos. Igual temos entrado xa na lóxica da violencia, do xulgar, do condenar, contra a que Xesús nos pon en garda. ¿Qué podemos facer para ir practicando o estilo de Xesús? ¿Podiamos propoñernos dar algún paso ao respecto?


10 de setembro: Venres 23ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 1, 1-2. 12-14. Salmo: 15, 1-2a e 5. 7-8. 11
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 9, 16-19. 22b-27. Salmo: 83, 3. 4. 5-6. 12

Evanxeo: Lc 6, 39-42

Unha vez púxolles Xesús unha comparanza:

—¿Acaso poderá un cego guiar a outro cego? ¿Non caerán os dous na fochanca? Non está o discípulo por enriba do mestre; aínda que todo discípulo que chegue a prepararse ben, será coma o seu mestre. ¿Por qué reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán, e non te decatas da trabe que está no teu propio ollo? Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo, e logo verás mellor para quitar o lixo do ollo de teu irmán.

Meditación

Dúas recomendacións de Xesús que teñen que ver co ver ou non ver. Unha persoa cega non pode guiar a outra que sexa cega; para guiar a quen non vexa cómpre poder ver. Para transmitir experiencia relixiosa cómpre tela primeiro. Moito do noso falar de Deus, de evanxelizar, vólvese inútil, porque igual falamos do que non vimos e experimentamos, e acabamos falando de ideas, de supostos. E iso non conmove a ninguén.

A outra recomendación é aínda máis elemental, pero non por iso menos necesaria. Todas, todos tendemos a ser moi hábiles en ollar para os demais, en descubrir e analizar os seus fallos, en criticar…, sen reparar no que nós somos e facemos, nas nosas carencias e pecados. Limpar a propia ollada, limpar o propio corazón, unha tarefa á que paga a pena dedicarlle esforzo e paixón. Permitiranos mirar a xente doutra maneira, relacionarnos con ela con outra sensibilidade e comprensión.

Oración
Canto desexo, meu Deus,
poder percibirte e verte,
dalgunha maneira,
experimentarte na miña vida
coma compañeiro de camiño,
e poderte dicir así,
compartirte con quen cadre!
Canto desexo tamén, meu Deus,
limpar a miña ollada nas túas augas,
nas augas da verdade e da humildade,
para poder ollar a quen me rodea
con ollos limpos de irmá,
con ollos acolledores, comprensivos,
para facer camiño xuntos ,
sen competencias,
desde a solicitude compartida!
Acción

Revisamos a ver se estamos facendo algunhas das dúas cousas das que nos advirte o Evanxeo: falar de Deus sen vivilo, ou censurar a outras sen ollar para nós. E miramos de cambiar.


11 de setembro: Sábado da 23 semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 1, 15-17. Salmo: 112, 1-2. 3-4. 5a e 6-7
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 10, 14-22. Salmo: 115, 12-13. 17-18

Evanxeo: Lc 6, 43-49

Unha vez díxolles Xesús aos seus discípulos:

—Non hai árbore boa que produza froitos ruíns, nin tampouco árbore ruín que produza froitos bos. Así, cada árbore coñécese polos seus froitos. Pois dos toxos non se collen figos, nin das silveiras se vendiman uvas. O home bo saca o ben da bondade do seu propio corazón e o home malo saca o mal da súa maldade, pois do que reborda o corazón fala a boca.

¿Por qué me chamades Señor, Señor!, e non facedes o que vos eu digo? Todo aquel que, achegándose a min, escoita as miñas palabras e as pon en práctica, vouvos dicir a quen se parece. Parécese a un home que, ao edificar unha casa, cavou fondo e puxo os alicerces sobre rocha. Cando o río desbordou, bateu a enchente contra aquela casa, pero non a puido abanear, porque estaba ben construída. Pero quen escoita as miñas palabras e non as pon en práctica é coma aquel home que edificou unha casa sobre terra, sen cimentos; ao romper contra ela a enchente, xa se derrubou e converteuse nunha grande ruína.

Meditación

¿Realmente queremos coñecernos ben a nós mesmos, o noso propio corazón, o noso íntimo máis íntimo? ¿Levamos dentro de nós a ansia por atinar co que nos pode construír coma persoas, coma crentes, ou non? Temos unha grande capacidade de burlarnos a nós mesmas, de enganarnos, de montar aparencias de cousas que non son, de simular ser moi crentes, moi devotos, moi de Xesús, moi da Igrexa, pero logo a realidade non se corresponde con esas nosas aparencias.

Non se trata de andar obsesionados pola nosa perfección, senón de que, con humildade e verdade, coñezamos o noso corazón para non diluírnos en aparencias estériles. Xesús ofrécenos un criterio de observación: ver os froitos que damos. Se a nosa vida abonda en froitos de bondade, é que o noso corazón é bo. Se abundamos en maldade, o noso corazón está envolto en escuridades. E tamén nos ofrece un criterio moi sinxelo para construírnos na verdade: escoitar a súa palabra e poñer en práctica.

Oración
Ai, o meu corazón, Xesús!
O meu íntimo,
ese fondo do meu ser
onde aniña a fonte do mal e do ben!
O meu corazón,
onde aniña o noso Deus queridiño,
alumando escuridades,
para atinar na vida
e poder facer dela un fogar de paz,
un lugar de encontro e de convite!
Ai, o meu corazón, Xesús,
que pouso confiadamente na túas mans!
Acción

¿Cómo andamos co escoitar e facer ou non facer? Se o pensamos, seguro que atopamos algunha cousa onde se nos faga máis evidente iso de escoitar e non facer, falar e quedarnos na palabra. Seguro que podemos dar algún paso na boa dirección.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.