12 de setembro: Domingo 24º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Is 50, 5-9a. Salmo: 114, 1-2. 3-4. 5-6. 8-9
2ª lectura: Sant 2, 14-18.
Evanxeo: Mc 8, 27-35
Un día ía Xesús cos seus discípulos cara ás aldeas de Cesarea de Filipo e polo camiño preguntoulles:
—¿Quen di a xente que son eu?
Eles responderon:
—Hai quen di que Xoán Bautista; hai quen di que Elías; e tamén hai di que algún dos profetas.
El preguntoulles:
—¿E vós quen dicides que son?
Respondeu Simón Pedro:
—Ti es o Mesías.
E prohibiulles diciren nada a ninguén.
Entón empezou a adoutrinalos dicíndolles:
—O Fillo do home ten que padecer moito e ser rexeitado polos sumos sacerdotes e polos letrados, e ser axustizado e despois de tres días ha de resucitar.
E dicíao con toda claridade.
Entón Pedro levouno consigo e empezou a rifarlle. Pero Xesús deu a volta e, mirando cara aos seus discípulos reprendeu a Pedro:
—Camiña detrás min, Satanás, que ti non consideras as miras de Deus senón ás da xente.
E chamou a xente onda os seus discípulos e díxolles a todos:
—Se alguén quere vir detrás de min, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga. Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa e pola do Evanxeo, ese poñeraa a salvo.
Meditación
É ben interesante ver o labor formativo de Xesús coas persoas que o seguían e acompañaban. Nós, con dous mil anos polo medio, na fe, no Espírito, de moitos modos e maneiras, podemos revivir con Xesús esta mesma experiencia de ser por el formados/as na comprensión da súa persoa, da súa tarefa, da súa causa, para máis lucidamente vincularnos a ela, se así nos prace. O lóxico sería que, coma bos seguidores e seguidoras de Xesús, individualmente e coma comunidade cristiá, estivésemos desexando que así fose e puxésemos da nosa parte todos os medios para facelo posible.
A pregunta de Xesús, a pregunta que hoxe nos podemos facer na celebración ou fóra dela, non é unha pregunta retórica, nin tampouco unha pregunta teórica, á que haxa que responder con palabras tamén retóricas ou de libro. Non. É unha pregunta vital, que demanda tamén respostas vitais. Quen é, quen está sendo Xesús para min, para ti, para a comunidade cristiá da que formo parte? Como se está introducindo Xesús e o seu Evanxeo nas nosas vidas, nos nosos planes, nas nosas tarefas de cada día, no noso estilo de vivir, de relacionarnos, de gañar e gastar os cartos, de tomar postura nas grandes cuestións que hoxe se están debatendo na nosa sociedade?
É moi ilustrativo ver a secuencia do relato que nos ofrece Marcos. Xesús pregunta: “E vós, quen dicides que son?”, e Pedro dá unha resposta correcta, mesmo dogmática: “Ti es o Mesías”. Xesús, di Marcos, prohíbelles dicir nada a ninguén. Os estudosos téñennos falado moito desta afección de Marcos polo “segredo”, pola ocultación que o mesmo Xesús quere facer da súa verdadeira identidade. A realidade é que Xesús séguelles aclarando aspectos da súa realidade, da súa persoa –aspectos que nunca ocultou a ninguén, ao contrario--, que teñen que ver precisamente co seu conflito coas autoridades relixiosas do seu tempo, que teñen que ver tamén cos seus traballos, coas súas penalidades, coa súa morte, coas súas ansias e expectativas, coa súa confianza de vida plena en Deus. E entón Pedro, o que antes tan serenamente definira quen era Xesús, xa non entende nada, rebélase e mesmo ousa reprender a Xesús. O ser de Xesús era o que a realidade de cada momento estaba demostrando que era, máis que as palabras exactas que pretendían encadralo. Xesús era “o conflitivo”.
Todos, todas, tendemos a facer o mesmo ca Pedro; tendemos a buscar respostas perfectas, que nos deixan cómodos nos nosos estilos de vida. Moitas das nosas loitas eclesiais teñen que ver precisamente con estas respostas teóricas perfectas. Enredámonos tanto nelas, que acabamos ignorando o lugar preciso onde se xoga a identidade de Xesús e, polo tanto, tamén a nosa identidade como seguidores del e da súa causa. Se algunhas veces vos dá por entrar nos diferentes blogues aos que podemos entrar en Internet, vemos con moita frecuencia que as cousas son así. Establécese o debate, a batalla –moitas veces cunha linguaxe nada respectuosa, nada cristiá (ata niso nos arredamos xa, de entrada, do estilo de Xesús)— onde realmente non importa, onde realmente Xesús non a colocaría, e perdemos enerxías onde realmente non paga a pena perdelas.
E onde é que se xoga a identidade de Xesús e, polo tanto, tamén a nosa coma seguidores, seguidoras del? Dínolo o mesmo Xesús na parte final deste Evanxeo: a identidade de Xesús está no sentirse vinculado a fondo a una realidade solidaria maior, que chamamos Deus, que chamamos Pai/Nai, que chamamos Amor; está, en consecuencia, en vivir totalmente despegado de si mesmo, descentrado, ata o punto de relativizar a propia vida, a propia existencia, que non é o importante, senón que o importante é que a vida de todos, de todas, se vaia enchendo desa forza de amor asentada en Deus, que leva a crear irmandade e consideración especialmente con quen é máis débil, e máis pode quedar ao marxe dun proxecto tan fermoso. Xesús é o que “se perde” niso; porque vivir no amor solidario leva á conflitividade e mesmo á morte. Pero, curiosamente, aí está o segredo da vida, aí está a nosa felicidade, aí está a identidade de Xesús, e, se queremos seguilo, tamén a nosa.
Crer en Xesús é un acto de vida, é unha maneira de estar día a día coa xente da familia, cos veciños e veciñas, coa nosa sociedade en conxunto, cos máis débiles dela. Estar aí desde o soño comunitario de Deus ou desde as nosas comenencias particulares. Temos que escoller.
Preces
QUE APRENDAMOS A VER A VIDA
COA TÚA MIRADA,, DEUS NOSO-
Que aprendamos de ti, Xesús, a facer da vida cristiá unha militancia activa, e non unha confesión baleira de verdades teóricas. Oremos.
Que non teñamos medo a entrar en conflito con quen sexa, con tal de defender a gloria de Deus realizándose na vida sobre todo da xente máis débil. Oremos.
Que coa túa forza, Xesús, non temamos saír de nós mesmos, esquecernos de nós mesmos, para coidar e servir mellor a quen de nós precise. Oremos.
Que, agora que empeza o curso, lle prestemos especial atención aos nosos nenos/as e mozos/as, que retoman a súa tarefa escolar, e que os saibamos acompañar coma pais ou mestres. Oremos.
Que nos tempos de outono e de recolleitas, lle saibamos agradecer á xente do campo o seu traballo, os alimentos que producen, o coidado do campo; e que os apoiemos nas súas reivindicacións, en concreto na dun prezo xusto para o leite que producen. Oremos.
Oración
Perdón, Señor,polas moitas veces que teño feito da miña vida cristiáunha rutina, un baleiro,unha labia sen xeito nin proveito.Perdón, Xesús,polas veces que teño pronunciado o teu nome inutilmente,ou lido os teus evanxeospoñendo unha coiraza sobre o meu corazón,para que non me afecten,para que non me convertan.Perdón, Señor,polas veces que mirei por min por riba de todo,poñéndome no centro da miña historia,no centro da comunidade da que formo parte,no centro incluso da túa presenza en min.Perdón, Xesús,por non saber perder a vida, morrer,ocultarme, desaparecer,para acollerme gozoso e agradecidoá sombra do amor, do teu amor, do amor total,que é a nosa fonte e a nosa plenitude.Perdón, Señor,por dicir tantas veces “noso Pai”, sen sentirme irmán,por dicir “irmán, irmá”, sen que me trema a voz,por dicir “pobre”, sen levar a man ao peto,por dicir “comunidade”, sen poñerme a construíla,por dicir “pobo, sen dedicarlle o meu servizo,por dicir “conflito”, sen buscarte no seu centro.Perdón, Señor!
Acción
Hoxe podemos facer un exercicio sinxelo: coller un papel e un bolígrafo e escribir tres palabras que resuman de verdade o que Xesús é para cada un, cada unha de nós. Aquilo que realmente é para nós, non cousas de memoria ou que escoitamos a outros. Sería ben bonito poder compartir iso con outros compañeiros/as cristiás. E sacar conclusións.
13 de setembro: Luns da 24ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 2, 1-8. Salmo: 27, 2. 7. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 11, 17-26. 33. Salmo 39, 7-8a. 8b-9. 10. 17
Evanxeo: Lc 7,1-10
Nunha ocasión, cando Xesús acabou de lle falar á xente, entrou en Cafarnaum. Había alí un centurión que tiña un criado enfermo, a quen estimaba moito e que estaba á morte. Ao oír falar de Xesús, mandou onda el uns anciáns dos xudeus, para lle rogaren que fose curar o criado. Eles presentáronse a Xesús e suplicábanlle encarecidamente:
—Merece que lle fagas isto, pois ama o noso pobo, e el mesmo nos construíu unha sinagoga.
Xesús foi con eles; mais cando xa estaba preto da casa, o centurión mandou unhas persoas amigas a lle dicir:
—Señor, non te molestes, pois non son merecente de que entres baixo o meu teito; por iso coidei que non era digno de ir eu ao teu encontro. Abonda cunha palabra túa e o meu criado quedará curado. Pois eu, aínda que son un subordinado, tamén teño homes baixo as miñas ordes, e dígolle a este: “vai”, e vai; ao outro: “ven”, e vén; e ao meu criado: “fai isto”, e faino.
Oíndo isto, Xesús ficou abraiado e, virándose cara á xente que o seguía, díxolle:
—Asegúrovos que nin en Israel atopei tanta fe.
E, ao volveren á casa, as persoas mandadas atoparon san o criado.
Meditación
Podemos considerar a figura do centurión. O centurión era un oficial do exército romano que ocupaba Palestina. Este centurión parecía un home ben especial: tiña un criado que estimaba moito; preocúpase pola súa saúde e búscalle un remedio. Aínda que seguro que non era ben visto polos xudeus por formar parte do exército ocupador, el amaba o pobo xudeu; e, aínda que seguramente practicaría calquera relixión do imperio, construíralles unha sinagoga. Ao que se ve, era un home humano, colaborador, aberto. O seu corazón estaba aberto, a súa mente tamén. Oe falar de Xesús e aló vai contactar con aquela fonte de vida e de ben. Era un home de confianzas humanas, de confianzas espirituais. Á súa maneira cre en Xesús, e con que fe! Ata o punto de que o mesmo Xesús queda sorprendido de atopar tanta fe nun oficial do exército ocupador.
Ben é que esteamos alerta coas nosas actitudes relixiosas. Pode haber xente aparentemente moi crente, pero que no fondo é moi cerrada, cun corazón e cunha mente pechada, á defensiva, mesmo agresiva. Para esta xente crer é unha arma de ataque máis ca un espazo de encontro, de respecto, de convivencia con quen cre e con quen non cre, ou con quen cre con sensibilidades diferentes. E pode haber xente con fe relixiosa diferente á nosa, ou mesmo sen fe relixiosa, que se cadra, está máis aberta ao de Deus do que nos podemos imaxinar.
Oración
Bendito centurión,chufado por ti, Xesús.Bendito centurión,que non se deixa condicionar polo ambiente negativo.Bendito centurión,aberto ao distinto, ao novo, ao descoñecido.Bendito centurión,atento ao que pasa, distinguindo e valorando.Bendito centurión,que se deixa cativar pola túa presenza, Xesús.Bendito centurión,que acode a ti, á túa forza de ben.Bendito centurión,exemplo de fe simple e fonda, razoada.Bendito centurión,que nos regalou unha humildísima confesión de fe:“non son merecente de que entres baixo o meu teito”,“abonda cunha palabra túa para que cure”.Bendito ti, Xesús,que tal fe promoves e sostés.
Acción
¿Somos ou non somos mulleres e homes de fe? ¿Somos homes e mulleres dadas xa a unha fe que lle poderiamos chamar humana, ou somos xente de entrada desconfiada de todo, ante todo, sen crer nas posibilidades da vida? Seguro que poderiamos medrar algo na nosa fe.
14 de setembro: Festa da Exaltación da Santa Cruz
1ª lectura: Núm 21, 4b-9. Salmo 77, 1-2. 34-35. 36-37. 38
Evanxeo: Xn 3, 13-17
Nunha ocasión díxolle Xesús a Nicodemo:
—Ninguén subiu ao ceo, fóra do que baixou do ceo, o Fillo do Home. Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna. Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que o mundo se salve por el.
Meditación
As cruces non son, non deberían ser, un simple adorno nos nosos peitos, sobre do noso leito, nos nosos camiños e prazas, nos nosos centros de estudo, nas nosas igrexas e outeiros. En ningunha parte. A cruz é un recordatorio, unha memoria. Un recordatorio e unha memoria por unha parte doloroso, por outra parte feliz, esperanzador. Doloroso porque recorda a agresividade dos poderes relixiosos e civís que se cebaron naquel home xusto, humanísimo, que pasou pola vida facendo o ben, porque estaba cheo do Espírito de Deus; doloroso tamén porque recorda a tanta xente que de mil maneiras sofre na vida, sobre todo a que sofre pola ruindade doutras persoas; e sabemos que isto pasa, e moito.
É un recordatorio feliz, esperanzador, porque na cruz asumida desde o amor e desde o servizo o fillo de Deus Xesús rompeu as forzas do mal que aparentemente acabaran con el, e converteuse no camiño para o seu triunfo, para a súa gloria. A cruz fálanos do moito amor que Deus nos ten, da súa fonda paixón por nós, manifestada no Cristo que nela morreu por manterse firme na súa fidelidade a Deus e a nós.
Desde aí é difícil entender a trivialidade coa que tratamos a cruz as mesmas persoas cristiás; pero tamén é difícil entender o noxo ante a cruz de persoas e grupos humanos que parecen querer rebelarse contra calquera forma de dominio e explotación da xente. ¿Quizais porque a xente cristiá, a Igrexa, lle quitamos á cruz a súa verdade histórica de solidariedade coa xente marxinal, de enfrontamento ao poder abusón?
Oración
Adorámoste, oh cruz!,o memorial de Xesús.Sinal de empeño no amor,proba do gran Servidor.Quen nela por nós morreuante o abuso non cedeu.Sufriu, berrou e rezou:cheo de amor se entregou.A cruz, rebelde paixónque reborda o corazón.Fervente facho de gloriaque enche de luz a historia.No desespero, esperanzade quen baila amarga danza.Camiño recio do poboque en Deus soña tempos novos.A cruz dos grandes momentos,a cruz dos pequenos tempos.Por min tanta dor e amor,tamén polo mundo enteiro,na cruz do noso Señor.Adorámoste, oh cruz!,o memorial de Xesús.
Acción
Repararemos nalgunha cruz pola que estea pasando algunha xente amiga, coñecida. Reparemos tamén nalgunha cruz pola que nós esteamos pasando. ¿Podemos aprender a vivir as nosas cruces algo como Xesús a viviu? ¿Podemos botarlle unha man a quen está pasando por horas malas, por horas de cruz?
15 de setembro: Memoria de Santa María das Dores.
Evanxeo: Xn 19, 25-27
Naquela hora, ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e máis María a Magdalena. Xesús, vendo a súa nai e onda ela o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:
—Muller, velaí o teu fillo.
Despois díxolle ao discípulo:
—Velaí a túa nai.
E dende aquela hora o discípulo acolleuna con el.
Meditación
María, a nai, ao pé da cruz, encaixando o momento da derrota dos soños do seu fillo. Pero alí, ao pé da cruz. Envolvendo ese momento coa tenrura da nai, coa dor da nai, coa esperanza da nai, que nunca dá por acabadas as posibilidades dun fillo, a capacidade de sobrepoñerse ás maiores adversidades. Ao pé da cruz, desbordada polos acontecementos, que poñían a proba unha vez máis a súa firme fe, coa que iniciara aquel recorrido de nai todo cheo de graza e de misterio.
María aprende en carne propia o que Xesús aprendía tan dolorosamente na súa: a resistencia do mal, do poder, ante calquera proposta que poida poñer en cuestión o seu dominio, o seu control, o seu sometemento dos corpos e dos espíritos da xente, a súa liberdade, a súa verdade. Mai e fillo unidos na mesma ilusión, na mesma amargura, na mesma fe, na mesma cruz, na mesma esperanza. E o fillo querendo que nos introduzamos nesa sociedade histórica e mística a un tempo. Que nos metamos neses espazos de silencio que encaixa o mal e o sitúa nas zonas de esperanza, para que o mal non teña a última palabra.
Cada persoa temos as nosas particulares batallas e cruces. En cada momento o conxunto da Igrexa ten tamén os seus; nesta hora concretada no ataque vergoñento ao Papa Francisco que pretende sanear a Igrexa desde o Evanxeo de Xesús.
Oración
Santa María das Dores,nai de Xesús e nai nosa,lévanos da túa manpolos camiños da historia.Contigo queremos serde Xesús fieis seguidoras,mulleres e homes de fe,na cruz da presente hora.A cruz de males e abusosque desde dentro ou de fórarevolven o corazón,e estragan a vida toda.A cruz de tantas mulleresvivindo ou morrendo á sombrade mans e de relaciónsamargas, abusadoras.Nas cruces da nosa vidapor nai te temos, xaora,consolo, forza e alentode quen sofre, de quen loita.Con Xesús do berce á cruz,en paciencia vigorosa,día a día, en noite ou luz,fidelidade amorosa.
Acción
Podemos agasallar hoxe as nosas nais, pois seguro que por nós pasaron moitos momentos de dores. Podemos falar con algunha muller, escoitar as súas particulares dores por ser tal. Podemos facer algo por apoiar a presenza da muller na igrexa en condición de igualdade.
16 de setembro: Xoves de 24 semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 4, 12-16. Salmo: 110, 7-8. 9. 10
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 15, 1-11. Salmo: 117, 1-2. 16ab-17. 28
Evanxeo: Lc 7, 36-50
Unha vez un fariseo convidou a Xesús a comer. Xesús entrou na súa casa e púxose á mesa. Unha muller, coñecida como pecadora na vida, sabedora de que estaba alí Xesús, levou un frasco de alabastro con perfume de mirra, botouse por detrás aos pés del chorando e comezou a regarllos coas báboas; secáballos cos cabelos da súa cabeza e bicáballos mentres llos unxía co perfume. Vendo aquilo, o fariseo que o convidara dixo para si:
—Se este fose un profeta, coñecería quen é e que caste de muller é a que o está a tocar, unha pecadora.
Xesús tomou a palabra a díxolle:
—Simón, teño algo que che dicir.
El contestou:
—Pois dimo, Mestre.
—Había dúas persoas que lle debían cartos a un prestamista; unha debíalle cincocentos denarios e o outra cincuenta. Como non tiñan con que lle pagar, o prestamista perdooulles ás dúas persoas. Ora, ¿quen delas o amará máis?
Respondeulle Simón:
—Supoño que aquela a quen máis lle perdoou.
El contestou:
—Ben dito.
E volvéndose cara á muller, díxolle a Simón:
—¿Ti ves esta muller? Entrei na túa casa e non me deches auga para os pés, pero ela regoumos coas súas bágoas e secoumos cos seus cabelos. Non me deches o bico, pero ela dende que entrou non parou de me bicar os pés. Non me unxiches a cabeza con aceite, pero ela unxiume os pés con perfume. Por iso dígoche: moitos pecados se lle perdoaron, cando mostra tanto amor; a quen pouco se lle perdoa, pouco amor mostra.
E díxolle a ela:
—Os teus pecados están perdoados.
Entón a demais xente convidada empezou a comentar entre si:
—¿Quen é este, que mesmo pretende perdoar os pecados?
Pero el díxolle á muller:
—Salvoute a túa fe, vai en paz.
Meditación
Hai dúas olladas coas que podemos mirar para nós e para a xente que nos rodea: a ollada do corpo e a ollada do corazón. A ollada do corpo depende da ollada do corazón. Se a ollada do corazón é limpa, transparente, pacífica, perdoadora, solidaria, xusta, misericordiosa, tamén a ollada do corpo será así. O evanxeo de hoxe fálanos destas dúas olladas, unha a do fariseo: unha ollada superficial, legalista, acusadora, excluínte, insolidaria, propia de quen se cre persoa perfecta, unha ollada que pecha camiños e vidas, unha ollada triste, amarga e que entristece e crea amargura tamén; outra a de Xesús: unha ollada que vai ao fondo onde ve ou intúe procesos fondos, unha ollada incluínte, solidaria, perdoadora, propia de quen comunga coa fraxilidade humana e ansía o ben das persoas e por iso acaba abrindo camiños de vida; unha ollada leda, esperanzada, que suscita alegría e esperanza, que remata en bágoas de amor e felicidade.
Que diferentes son as persoas, os que miran e as miradas, cando ollamos coa ollada de Xesús! Que diferente sería o mundo, se educaramos un pouco a nosa ollada para aproximala algo á de Xesús!
Oración
Quen me dese, Xesús,ollar como ti ollas!Quen me dese ter o corazón pacificadocomo ti sempre demostras telo!Quen me dese unha ollada amante,para poder ver a xente toda con comprensión e esperanza!Quen me dese ter unha ollada iluminada,para poder ver ou intuír fonduras aparentemente ausentes!Quen me dese ter unha ollada inocente,para detectar e suscitar inocencias!Quen me dese ter unha ollada sabia,para transmitir sabiamente perdón e alentos para o cambio!Quen me dese, Xesús, sentir sobre de mina mesma ollada túa que tanto agradeceu a pecadora!Quen me dese ollarme a min mesma, Xesús,cos ollos acolledores cos que ti me ollas!
Acción
¿Como ollamos habitualmente a xente? Podemos repasar o noso xeito de ollar sobre as persoas que nos rodean, maiormente sobre aquelas que nos parecen máis negativas. ¿Que poderiamos facer para cambiar o noso corazón, para que así cambie tamén a nosa maneira de ollar e estar coa xente?
17 de setembro: Venres da 24ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 6, 2c-12. Salmo: 48, 6-7. 8-10. 17-18. 19-20
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 15, 12-20. Salmo: 16, 1. 6-7. 8b e 15
Evanxeo: Lc 8, 1-3
Xesús púxose a camiñar por vilas e aldeas, predicando e anunciando a boa nova do reino de Deus. Ían canda el os Doce e máis algunhas mulleres que el curara de doenzas e de malos espíritos: María, chamada a Magdalena, curada de sete demos; Xoana, a muller de Cusa, administrador de Herodes; Susana e outras moitas que o servían cos seus bens.
Meditación
Lucas refírese á gran camiñada de Xesús, que o levaría de Galilea a Xerusalén, para confrontar alí cos líderes relixiosos do seu tempo, cos que mantiña serias diferenzas. Unha viaxe chea de riscos, que remataría na súa morte en cruz. E van canda el os Doce e con eles un grupo significativo de mulleres, algunhas das cales citadas expresamente polo seu nome e, seguro, tamén polo significado que tiveron no grupo: María a Magdalena, Xoana, Susana. Todo o mundo está de acordo en admirar esta incorporación de mulleres no fato misioneiro, en tempos nos que estaban absolutamente anuladas na visibilidade social e relixiosa. ¡Que non faría hoxe Xesús, cando a cultura reclama unha absoluta igualdade, dentro do ser de cada persoa ou grupo social! ¡Canta da liberdade de Xesús nos fai falla á Igrexa predominantemente masculina para vivir de preto o Evanxeo!
Oración
Grazas polas mulleres,na súa historia amarga, sufrida,fóra e dentro da Igrexa.Grazas polo testemuño da súa fe,do seu seguimento de Xesús,a pesar de todo.Grazas polas súas voces reivindicativas,clamando polo seu recoñecementodentro e fóra das nosas comunidades.Grazas polos seus soñosde seren o que están chamadas a ser,como revolución no mundo e na Igrexa.Grazas a ti, Xesús,por abrires a porta a tanta normalidade.
Acción
Se somos homes, reparamos como estamos tratando as mulleres dentro e fóra da comunidade cristiá. Se somos mulleres, reparamos se nos encollemos ou non ante prácticas eclesiais que intentan rebaixarnos e agocharnos. Nos dous casos, pensamos en como dar pasos no espírito do Evanxeo.
18 de setembro: Sábado da 24ª semana do Tempo Ordinario.
Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 6, 13-16. Salmo: 99, 2. 3. 4. 5
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 15, 35-37. 42-49. Salmo: 55, 10. 11-12. 13-14
Evanxeo: Lc 8, 4-15
Unha vez, xuntouse onda Xesús moita xente chegada de moitas vilas e el propúxolles esta parábola:
—Saíu un labrego a sementar. E ao botar a semente, parte dela foi caendo polo beira do camiño; a xente pisouna e os paxaros comérona. Outra caeu en terreo pedregoso, pero, aínda que xermolou, secou por non ter lentura. Outra caeu entre silvas, pero ao medrar o silveiral, afogouna. Outra caeu en boa terra, xermolou e deu o cento por un.
A continuación exclamou:
—Quen teña oídos para oír, que escoite.
Entón a xente que o acompañaba de cerca preguntoulle que significaba aquela parábola. El respondeu:
—A vós concedéusevos coñecer os misterios do Reino de Deus, pero aos outros unicamente en parábolas, de xeito que vendo non vexan e escoitando non entendan.
A parábola significa isto: a semente é a palabra de Deus. As do camiños son as persoas que, tan pronto como oen a palabra, vén o Satán e arrapáñallela do seu corazón, non vaia ser que crean e se salven. As do terreo pedregoso son aquelas persoas que, cando oen a palabra, acóllena con alegría, pero, como non teñen raíz, cren por certo tempo, máis, cando vén a tentación, abandonan. As das silvas son as persoas que escoitan a palabra, pero por mor das preocupacións, riquezas e praceres da vida, afogan e non chegan a madurecer. As da terra boa, son aquelas que con bo e xeneroso corazón escoitan a palabra, retéñena e producen froito coa súa perseveranza.
Meditación
O que a parábola nos vai aclarando con precisión é que todas as persoas recibimos a diario moitas achegas boas, que nos veñen de Deus como palabra súa, frecuentemente a través da normalidade da vida. Agora ben, non chega con que esa semente caia en nós, para que prenda en nós e se converta en nós nun froito madurecido. Cómpre atendela, coidala, traballala, deixar que colla fondura e lentura en nós, pelexar por ela, dedicarlle tempo, perseveranza. Sábeo moi ben a xente do campo: non chega con botar a semente na terra. Canto hai que esforzarse e suar para poder recoller froitos dela! Pois co ben de Deus en nós pasa outro tanto.
Ao mellor, por exemplo, gustaríame ser un bo home para a miña muller, ou unha boa muller para o meu home; ese desexo bo é xa unha palabra de Deus dentro de min. Pero a este desexo teño logo que lle ir dando corpo; ver como lle falo á miña parella, como colaboro con ela na casa, como me preocupo por como lle vai no traballo, como a respecto no seu xeito particular de ser, como a perdoo cando erra, como comparto con ela momentos felices etc, etc. Facer todo isto supón atención, esforzo, sacrificio, perseveranza. Pero é así como o desexo bo inicial se converte nun froito gustoso dunha convivencia feliz. E como este hai mil exemplos máis na vida.
Oración
Que a túa palabra, falada con mil linguas,se faga en min semente produtiva.Que atope en min terra branda, traballada,e non a beira dura dun camiño,onde un paxaro calquera a lavará no peteiro.Que a túa palabra, dita de mil xeitos,atope en min terra con lenturaonde enraizar e medrara proba de tentacións e contratempos.Que a túa palabra, abundante e gratuíta,non morra en mintristemente afogadano medio de afáns, riquezas e praceres.Que a túa palabra, fonte de toda abundancia,atope en min terra boa, preparada, regada,con coidado traballada,e me faga abundante en froitos,onde o próximo poida vir, coller e fartarse.
Acción
Podemos reparar a ver se en algo nos está pasando o que anuncia a parábola: que a palabra de Deus, que case sempre ten rostros moi humanos, estea chegando a nós e polo que sexa non lle deixemos frutificar en nós. Nese caso, podémolo corrixir. E se vemos que lle estamos prestando atención e facendo todo o posible para que dea froitos en nós, daquela podémolo agradecer e gozarnos con iso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.