3 de outubro: Domingo 27º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Xén 2, 18-24. Salmo: 127, 1-2. 3. 4-5. 6
2ª lectura: Heb 2, 9-11
Evanxeo: Mc 10, 2-16
Unha vez achegáronse a Xesús algúns fariseos, preguntándolle para probalo, se lle está permitido ao home repudiar a muller. El replicoulles:
—¿Qué foi o que mandou Moisés?
Respondéronlle:
—Moisés permitiu despedila, dándolle certificado de divorcio.
Díxolles Xesús:
—Tendo en conta a dureza do voso corazón, escribiu Moisés para vós esa norma. Pero desde o principio da creación creounos Deus varón e femia. Por iso deixará o home seu pai e máis súa nai e unirase coa súa muller e serán os dous unha soa carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto, o que Deus uniu, que non o separe o home.
Xa na casa os discípulos volvéronlle preguntar acerca disto. El díxolles:
—O que repudia a muller e casa con outra, comete adulterio contra a primeira. E, se a muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio.
Daquela leváronlle a Xesús uns nenos para que os tocase; pero os discípulos rifábanlles. Ao que o viu Xesús, indignouse e díxolles:
—Deixade que os nenos se acheguen a min, non llelo impidades, porque deles é o reino de Deus. dígovolo de verdade: quen non reciba coma un neno o reino de Deus, non entrará nel.
Meditación
O evanxeo de hoxe colócanos ante dúas realidades completamente normais na nosa existencia de cada día: a parella, o matrimonio, e os nenos e nenas. Non está nada de máis que, coma persoas cristiás, nos preguntemos como imos vivindo estas dúas realidades básicas dentro da nosa vida. En moitos fogares o tema de crise é un factor de preocupación que, entre outras cousas, pode afectar, e moito, á convivencia das parellas e á nosa atención cos fillos/as. A maior escaseza económica, as menores posibilidades laborais condicionan, sen dúbida, moitas das relacións e das decisións que se poden dar entre parellas e entre pais e fillos. Por iso non está nada de máis reparar nisto e intentar vivir as cousas ao estilo cristián todo canto se poida. Haberá efectos negativos, sen dúbida, pero tamén pode haber consecuencias positivas; todo dependerá de como vivamos as cousas e nos situemos ante elas.
O evanxeo achéganos unha cuestión moi viva nos tempos de Xesús, que, como ben sabemos, segue a ser unha cuestión viva tamén nos nosos tempos, aínda que, sen dúbida, entre nós ten matices distintos dos que tiña nos tempos de Xesús. Entre os xudeus do tempo de Xesús o divorcio propúñase nun contexto de maior ou menor dominio do home sobre da muller: ata que punto, baixo que condicións, o home podía romper a súa vinculación coa súa parella. As respostas ían desde unhas condicións extremas –o adulterio--, a outras sumamente simples —non me prace como me fai a comida, p.e.—; pero sempre desde unha perspectiva machista: era o home o que tiña ou non a decisión de mandar a súa muller a paseo. Nese senso, a resposta de Xesús rompe radicalmente con toda pretensión machista: a relación de parella non está marcada por un poder do home sobre da muller, senón por unha relación de igualdade no amor, nos
dereitos, no compromiso mutuo que é, pode ser, sería bo que fose, garantía dunha permanencia na relación.
Non podemos dicir que hoxe ese machismo estea acabado. No fondo practicamente todos os casos de violencia de xénero teñen como punto de partida este pretendido dereito do home a decidir sobre a muller, que pasa a ser coma unha pertenza del, sobre a que pode decidir cousas tan importantes como a súa mesma existencia. Nunca está de máis estar en vela fronte a esta pretensión machista que se nos cola a todos de mil maneiras e que, de mil maneiras tamén, segue a ter presenza nas nosas vidas e nas nosas relacións matrimoniais. As parellas cristiás, os matrimonios cristiáns temos aquí un campo de espiritualidade e de testemuño excepcional.
A máis disto, o matiz novo das relacións de parella dos nosos tempos poida que sexa a fraxilidade destas relacións: facilmente se establecen e facilmente se rompen. A xente maior di que os novos non teñen aguante, que á primeira xa tiran a toalla, que para manterse en parella hai que saber sufrir. É todo cuestión de maior ou menor sufrimento? O feito é que na nosa sociedade a vida de parella e matrimonial estase configurando con formas novas, máis espontáneas, máis libres, menos consistentes, con expectativas menores respecto á súa continuidade, moi abertas ao que poida acontecer. É frecuente que as relacións se rompan, non se consoliden nunha primeira convivencia de parella ou de matrimonio. Hai moitas fracturas, moita dor, máxime cando hai nenos e nenas polo medio. Estaremos nunha etapa de proba, na busca de modelos matrimoniais distintos? Estase a facer esta proba con fundamento, con solvencia, ou vivimos isto con banalidade, ao tun-tun? Posiblemente haxa de todo un pouco.
Que papel xoga nisto a proposta de Xesús, a proposta cristiá, na que se fai unha aposta por un amor permanente, baseado no permanente amor de Deus que se mete en todas as nosas estruturas persoais e que nos invita a responder con fidelidade á fidelidade recibida? Que papel xoga a proposta de Xesús, que sabe moito de perdóns, de segundas e terceiras oportunidades (ata 70 veces sete, dicía Xesús), ata que as persoas (e as parellas tamén, como parte das dimensións persoais) encontren o seu espazo de realización? Que papel xoga a proposta de Xesús que conta coa realidade do pecado na persoa e na parella, e lle propón recorridos de revisión, de cambio, de superación? Ata que punto nas comunidades cristiás, na Igrexa, somos servidores da riqueza e do coidado da vida de parella, e non nos limitamos a sermos condenadores dos seus fracasos, para despois negarlle á xente novas oportunidades? Xesús invítanos a non seguir apuntando co dedo cara a fóra, a non dominar, a sermos servidores do amor a fondo. Porque é aí onde hai o maior gozo, o maior pracer.
Preces
QUE NON SE NOS ENDUREZA O CORAZÓN, SEÑOR
Para sabernos amar, comprender, perdoar, apoiar, acompañar na vida matrimonial, facendo do matrimonio unha experiencia sólida de amor. Oremos.
Para saber comprender aos que fracasan na súa experiencia matrimonial, e podelos axudar a reencontrarse co amor dunha maneira máis satisfactoria. Oremos.
Para que as comunidades cristiás, e a Igrexa no seu conxunto, sexamos espazos de acollida para todas as persoas que andan necesitadas de perdón, comprensión e apoio. Oremos.
Para que sexamos moi sensibles á situacións dos nenos e nenas que viven experiencias de ruptura nas súas familias, e poñamos o seu coidado por riba de todo. Oremos.
Para que non xoguemos nunca co amor, para que saibamos iniciar ben no amor aos nosos nenos e nenas, aos nosos mozos e mozas, de xeito que amar sexa sempre unha experiencia gozosa e alentadora na vida. Oremos.
Oración
Agradece, en Deus, a túa parella,a súa presenza ao teu lado,a súa voz, a súa palabra,a súa risa, a súa graza,o seu corpo, o seu estilo,o seu aquel que te namorou nos primeiros momentos.Goza, en Deus, coa túa parella,co seu apoio, co seu alento,coas súas ideas, co seu enxeño,cos seus bicos e aloumiños,coa súa sexualidade toda,coma se fose hoxe en todo a primeira vez.Coida, en Deus, a túa parella,nas súas fraxilidades físicas e mentais,nos seus decaementos e depresións,nas súas horas de cansazo e de abandono,cando a lapa do amor esmorecee cando a cana da fidelidade empeza a quebrar.Coida día a día o amor,e o amor coidará da vosa convivencia.Medra, en Deus, coa túa parella,ampliade día a día as vosas fidelidades,abride cada vez máis as portas do voso fogar,convertédevos en panal de mel que atraia a famentos e sedentos,deixade que o amor se espalle coma fogueira de irmandade,á medida sen medida do mesmo Deus.Facede sólido e consistente o voso amor,coa solidez mesma de Deus.Celebrade, en Deus, o voso amor,cada día, no recoñecemento expreso das palabras miúdas,na oración calada, no canto,dicídevos o moito que vos queredes,obsequiádevos, mimádevos,soñade entre vós cada día,que o amor ten sempre para darmoito máis do que xa vos deixa dado.
Acción
Falamos moito de feminismo. Que non sexa unha moda para nós. ¿Se somos homes, ¿cómo tratamos as mulleres na casa, na parroquia, na comunidade cristiá? Se somos mulleres, ¿cómo nos facemos valer e respectar, como apostamos por estar e participar en todo en igualdade de condición e trato cós homes?
4 de outubro: Luns da 27ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1ª: 1ª lectura: Xon 1, 1—2, 1. 11. Salmo: Xn 2, 2. 3. 4. 5. 8
Ano 2ª: 1ª lectura: Gál 1, 6-12. Salmo: 110, 1-2. 7-8. 9 e 10c
Evanxeo: Lc 10, 25-37
Unha vez ergueuse un letrado e preguntoulle a Xesús para o poñer a proba:
—Mestre, ¿qué teño que facer para herdar a vida eterna?
El respondeu:
—¿Qué pon a Lei? ¿Qué les?
Contestou:
—Amarás o Señor teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa forza e con todo o teu entendemento, e o próximo como a ti mesmo.
E díxolle Xesús:
—Contestaches perfectamente; cúmpreo e vivirás.
Pero o xurista, querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús:
—E ¿quen é o meu próximo?
Xesús contestoulle:
—Unha vez un home baixaba de Xerusalén a Iericó e asaltárono un bandidos, que, despois de o roubaren e mallaren nel, deixárono medio morto. Cadrou de baixar polo mesmo camiño un sacerdote, que, ao velo, deu un rodeo e pasou de largo. Igual fixo un clérigo que pasaba por alí: ao chegar e velo, deu un rodeo e pasou de largo. Pero unha persoa de Samaría, que ía de camiño polo mesmo lugar, ao velo, sentiu mágoa; e achegándose a el, curoulle as feridas con aceite e viño e vendoullas. Logo, montouno na súa cabalgadura, levouno a unha pousada e coidouno. Ao outro día colleu dous denarios, deullos ao pousadeiro e díxolle: “Coida del e, cando volva, xa che pagarei o que gastes de máis”.
—¿Quen desas tres persoas che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos?
El respondeu:
—A que practicou a misericordia con el.
Díxolle Xesús:
—Pois ti vai e fai outro tanto.
Meditación
É ben raro que só o evanxelista Lucas nos conte esta parábola, co fermosa que é e co ben que nos mostra a orixinalidade de Xesús, a súa maneira particular de entender a vida relixiosa, a fidelidade a Deus, como se pode amar e servir a Deus, como se pode acceder á vida xa mentres vivimos e mesmo despois da morte. Xesús non era absolutamente orixinal, porque na tradición profética do Antigo Testamento xa lemos mensaxes semellantes. O que chama aquí a atención é a diferenza de comportamentos entre os dous clérigos (sacerdote e levita) e a persoa de Samaría, porque a xente de Samaría tiñan fama de xente desalmada, xa que se arredaran das prácticas relixiosas xudías no templo de Xerusalén. E curiosamente foi aquela persoa samaritana e non os clérigos a que de verdade honrou a Deus.
Todo o debuxa Xesús á perfección para que nos quede ben claro que, por riba de calquera práctica relixiosa, o cerne do culto e amor a Deus xógase na vida, na maneira como tratamos á xente ferida, coa que imos batendo na vida. Hai pouco o Papa Francisco felicitaba as ONGs que se dedican a recoller persoas que naufragan no Mediterráneo, dicíndolles que eran a xente samaritana de hoxe. Pero, sen ter que ir ao Mediterráneo, todo o mundo podemos vivir o noso amor a Deus atendendo moita xente vulnerable que vive ao noso redor.
Oración
Oio a Deus que me di:Non me preguntes como quererme,como servirme, como reverenciarme,como darme o mellor culto;sábelo de sobra.Sae aos camiños da vida,non poñas escusas, por moi sagradas que che parezan,para evitar bater coa xente marxinada,con grupos marxinados,con pobos e continentes marxinados,achégate, déixate conmover,le,coñece,toca,ama,coida,inviste tempo, cartos, ansias, memorias,e a vida xermolará en ti na mellor primavera.E logo vén ao templo e falemos,e abracémonos.A pregaria do templo será eco dos feitos da rúa.Os feitos da rúa porán verdade nos rezos do templo.
Acción
Se somos xente preocupada por mellor amar a Deus, podemos preguntarnos se na nosa vida concreta estamos pasando de largo ante algunha situación de xente ferida; podemos preguntarnos como sos ou co apoio doutras persoas podemos dar apoio a quen padece, persoas, grupos sociais, países enteiros. A caridade ás veces demanda reclamar xustiza, dereitos; demanda tamén movida social, política.
Memoria de San Francisco de Asís.
Lecturas do día correspondente
Meditación
Hoxe andamos ás voltas tamén coa evanxelización. Estamos necesitados de volver ás propostas de Xesús, aínda que teñamos que adaptalas aos nosos tempos. Francisco de Asís (1182-1226), laico, a quen recordamos hoxe, foi un gran evanxelizador. Ante unha Igrexa que optara polo poder, ante unhas comunidades de monxes arredadas do pobo, con grandes dominios, grandes mosteiros e grandes bibliotecas, optou pola pobreza, por vivir en vivendas pobres a carón da xente, compartindo as súas carencias, coa paz como lema e recurso, nunha fondísima irmandade con todo, coa natureza, cos animais, coa xente, incluso coa xente inimiga. O noso Papa escolleu para si o nome de Francisco, recordando a este santo, pensando que a súa maneira de vivir e ofrecer o Evanxeo era moi necesaria no noso tempo tan precisado da frescura e do vigor do Evanxeo.
Oración
Con Francisco, meu Deus,quero andar en camiños de irmandade.Quero a irmandade que de ti nace, meu Deus,como fonte e sustento de todos os meus pasos.Por ser irmán, irmá,aspiro a chegar a ser pobre,pobre por dentro e por fóra,pobre feliz,porque canto máis un posúe máis protexe a posesióne crea distancias coa xente.Por ser irmán, irmá,quérome persoa de paz,persoa amiga, próxima, familiar,persoa que traballa a paz a forza de paz e de xustiza.Por ser irmá, irmán, meu Deus,quérome envolta coa xente nas súas festas e amarguras,levando o teu alento, o teu consolo,regalándoo, como ti a min mo regalaches.Por ser irmán, irmá,quérome admirador das túas criaturas todase coidadora da casa comúnonde todo o mundo vive en gran familia.Que acolla o teu Espírito, meu Deus,como Francisco o soubo acoller.
Acción
Na nosa sociedade hai moitas desigualdades e tensións, moita falla de irmandade. Seguro que algo poderemos facer para que o estilo de Francisco, que tanto nos cómpre, se vaia instalando entre nós, no propio corazón, na familia, na parroquia, na sociedade.
5 de outubro: Martes da 27 semana do T. O.
Témporas de agradecemento e de apertura aos dons de Deus.
1ª lectura: Dt 8, 17-18. Salmo 1 cro 29, 10-12. 2ª lectura: 2 Cor 5, 17-21
Evanxeo: Mt 7,7-11
Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos. Porque quen pide recibe, quen busca atopa e a quen peta abriráselle.
¿Ou hai alguén entre vós que, se o seu fillo ou filla lle pide pan, lle dá unha pedra? ¿Ou se lle pide un peixe lle dá unha cobra? Pois se vós, que sodes ruíns, sabedes dar cousas boas á vosa crianza, canto máis voso Pai celestial lla dará á xente que llas pida!
Meditación
Iso das “témporas” pódenos soar hoxe a cousas raras. Na Igrexa do pasado tivo bastante importancia. Nunha sociedade eminentemente rural era unha festa poder celebrar ao final do verán o traballo feito e as colleitas que garantían fartura para todo o ano. Nunha sociedade eminentemente relixiosa vivíase e celebrábase iso ollando con agradecemento para Deus, de quen se consideraba que viñan todos os bens.
Hoxe somos menos directamente rurais, menos crentes e cústanos entender que dependan de Deus as cousas que imos producindo, no campo ou na cidade, co noso esforzo persoal e colectivo. ¿Qué pinta, logo, Deus nas nosas vidas? As persoas crentes seguímolo vendo como a fonte de todo canto ben podemos gozar. Vémolo tamén como a enerxía que nos empuxa a organizar o noso traballo para poder vivir do producido. Vémolo como quen nos empuxa a ver o mundo como unha casa común e os homes e mulleres que o habitan como unha gran fraternidade, para que ninguén lle negue a ninguén o seu dereito a traballar e a vivir do seu traballo.
Orar nas Témporas e sempre significa abrirnos con agradecemento e atención a este Deus que nos quere felices traballando e compartindo os bens da terra.
Oración
Que ben que poida medrar ao teu carón, Xesús,guiada e empuxada por ti,en ser persoa permanentemente aberta.Aberta a ti, á xente, á vida,ao teu Deus e noso Deus.Que ben aprender ao teu lado, Xesús,levada polo teu espírito,a pedir, a buscar, a petar,sabéndome carente, necesitada en tantas cousas,pero confiada nas mans xenerosas que mas ofrecen.As mans ben concretas de moitas persoas,as mans casuais da vida,as mans sorprendentes de Deusque guía e sostén todas as nosas mans.Que ben, Xesús, poder gozar contigo, en comunidade,neste outono de froitos e bendicións,coa esperanza de que a ninguén lle falte pan e irmáns con quen comelo.Grazas por tanto ben!
Acción
Cando hoxe xantemos ou cenemos, podemos facer un breve recoñecemento á xente rural que produciu os nosos alimentos, e ao Deus da vida que está detrás de todo canto existe.
6 de outubro: Mércores da 27ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Son 4, 1-11. Salmo: 85, 3-4. 5-6. 9-10
Ano 2: 1ª lectura: Gál 2, 1-2. 7-14. Salmo: 116, 1. 2
Evanxeo: Lc 11, 1-4
Dunha vez, cando Xesús estaba orando en certo lugar, unha das persoas que andaban canda el pediulle:
—Mestre, apréndenos a rezar, como lles aprendeu Xoán ás persoas que o acompañaban.
Respondeulles Xesús:
—Cando recedes, dicide:
Pai, santificado sexa o teu nome, veña o teu reino, dános cada día o noso pan, perdoa os nosos pecados, porque tamén perdoamos nós a quen nos debe algo; e non nos deixes caer na tentación.
Meditación
Que fermoso debía ser ver rezar a Xesús! Véndoo daban ganas de rezar, de rezar coma el. O que sabemos sobre a oración de Xesús é que lle gustaba rezar, que pasaba tempos só ante o Pai/Nai do ceo, que as súas oracións eran máis ca nada como exclamacións cheas de vida e de sentimento. Que saibamos, Xesús non escribiu oracións, como fai quen isto está escribindo. A única oración que nos deixou foi esta do Noso Pai, ben sinxela e directa por outra banda:
Primeiro que Deus sexa santificado entre nós, coa nosa vida honrada, irmandada; que a súa santidade, feita de xustiza sen límites para defender a xente vulnerable, e feita de misericordia sen recortes, luza entre nós. Logo ter pan, o pan que cada día necesitamos para vivir; non máis, non menos; e que o teña todo o mundo; logo o perdón de Deus para curarnos dos nosos pecados, como unha escola onde aprender a perdoarnos entre nós; perdoar, perdoar sempre, o mal que nos fan; facer da dignidade de quen nos rodea a grande ilusión da nosa vida; baleirarnos para enchernos da irmandade, para enchernos de Deus. E por último sermos fortes cando o mal, agochado de calquera maneira, pretenda meterse na nosa vida.
Oración
Grazas, Xesús,porque nos ensinas a rezar,con poucas palabras, con moito sentimento,desde a verdade da vida,desde a verdade de Deus.Grazas, Xesús,por levarnos sempre cara ao sinxelo,cara ao elemental,cara ao realmente necesario:a santidade de Deus nas nosas vidas,o pan compartido,o perdón indo e vindo sen reparos,e o afán cauteloso de que sexa o ben,só o ben,o que oriente e encha as nosas vidas.E con estas ansias no corazónempezar e rematar as nosas xornadas,no teu nome,no nome do Deus da vida que sempre nos acompaña.Amén.
Acción
¿Rezamos algo diariamente? ¿Poderiamos rezar algo en familia ao comezo, ao final do día? Que fermoso sería un Noso Pai diario en familia en calquera momento do día. Rezar ben axúdanos a vivir ben, con ánimo, felices. Fagamos a proba unha tempada.
7 de outubro: Xoves da 27ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Mal 3, 13-20a. Salmo: 1, 1-2. 3. 4 e 6
Ano 2: 1ª lectura: Gál 3, 1-5. Salmo: Lc 1, 69-70. 71-72. 73-75
Evanxeo: Lc 11, 5-13
Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:
—Supoñede que calquera de vós ten un amigo ou amiga, que vos presentades na súa casa pola noite, e desde fóra lle dicides: “Amigo, amiga, déixame tres bolos de pan, que me veu outro amigo de viaxe e non teño nada que lle poñer diante”. E ese amigo ou amiga desde dentro responde: “Non me amoles; está a porta pechada, eu e máis a miña crianza estamos na cama; non me podo erguer agora para chos dar”. Desde logo que, se non se ergue para llos dar por se tratar dunha persoa amiga, polo menos pola túa insistencia erguerase e hallos dar.
Por iso dígovos: “Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos. Que todo o que pide recibe, o que busca atopa e a quen peta abriráselle”. Ou logo ¿qué pai hai entre vós que, se o seu fillo lle pide un peixe, lle dá unha cobra; ou se lle pide un ovo, lle dá un alacrán? Pois se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes dar cousas boas aos vosos fillos e fillas, ¡canto máis o Pai celestial lle dará o Espírito Santo a quen llelo pida!
Meditación
Este pedaciño de Evanxeo é continuación do Evanxeo de onte sobre a oración. Xesús segue aprendendo a rezar ás persoas que lle dixeran: “apréndenos a rezar”. Dentro desas persoas que tal desexan estamos, xaora, tamén nós. E Xesús nesta ocasión insístenos en dúas cousas: primeira, ser constantes na nosa pregaria; pedir, buscar, petar son actitudes propias de quen de verdade ansía algo e se dispón por todos os medios posibles para poder conseguilo. Pedir, buscar, petar é algo propio de quen anda pola vida co corazón aberto, buscando darlle entrada na súa vida a todo canto ben nos vén da mesma vida, das persoas coas que nela batemos, do Deus que de mil maneiras se achega a nós cos seus dons. Se andamos pola vida como persoas pechadas á graza e aos dons da vida, da xente, nunca acertaremos a rezar ben.
E a segunda cousa na que insiste Xesús é que recemos sempre con moita confianza. Diante de nós non temos un Deus cutre, agarrado, avarento, senón un Pai ou Nai espléndida que goza compartindo os seus dons. Os regalos de Deus non son cousas materiais, como se fose o señor da lotería; Deus é abundante no Espírito Santo, que é paz, forza, alento, perdón, berro cara a xustiza, foco de unión, frescura na fogaxe, resistencia…, todo iso que precisamos para ir conseguindo o que na vida nos pode dar unha dignidade feliz.
Os dons de Deus non suplen o noso esforzo. Os dons de Deus axudan a que o noso esforzo frutifique en toda clase de bens, espirituais e mesmo materiais. Os dons de Deus superan os nosos esforzos por moi grandes que estes sexan.
Oración
Quéresme, meu Deus, tan persistente,como se todo dependese das miñas forzas;e tan confiada e entregada,como se todo dependese absolutamente de ti.Quéresme revolvendo ceo e terra,coma quen todo o necesita e non ten nada;pero tamén abandonada e libre,coma quen non necesita nada para vivir.Quéresme buscadora, emprendedora,coma o home de negocios máis infatigable;e tan felizmente desinteresada,coma o meu canciño deitado ao sol do mediodía.Quéresme inqueda e espelida,coma as laparadas de lume no silveiral;máis tamén docemente sosegada,como as horas mainas dun atardecer de outono.E quéresme así, meu Deus,quéresme así, porque me queres.Grazas!
Acción
¿Angustiámonos con facilidade ante determinadas situacións da vida persoal, social, política? ¿Qué papel pode xogar a nosa fe cristiá, a nosa oración neses momentos? Neses casos podiamos rezar insistentemente así: Confío en ti, meu Deus; con Xesús confío en ti.
8 de outubro: Venres da 27ª semana do Tempo Ordinario.
Ano 1: 1ª lectura: Xl 1, 13-15; 2, 1-2. Salmo: 9, 2-3. 6 e 16. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: Gál 3, 7-14. Salmo: 110, 1-2. 3-4. 5-6
Evanxeo: Lc 11, 15-26
Unha vez, despois de que Xesús botase un demo, algunha persoas presentes dixeron:;
—Este bota fóra dos demos co poder de Belcebul, xefe dos demos.
Outras persoas, para probalo, reclamábanlle un sinal do ceo. Pero el, coñecendo o que pensaban, díxolles:
—Todo reino dividido contra si mesmo fica asolado, caendo casa sobre casa. Pois ben, se Satanás está dividido contra si mesmo, ¿como se vai soster o seu reino? Vós dicides que boto os demos co poder de Belcebul. Pero, se eu boto os demos co poder de Belcebul, ¿co poder de quen os botan os vosos fillos? Por iso eles mesmos serán os vosos xuíces. Pero, se boto os demos co poder de Deus, é que xa chegou a vós o reino de Deus. Mentres un home forte e armado garda o seu pazo, os seus bens están seguros. pero se chega un máis forte e o vence, quitándolle as armas nas que confía, repartirá o botín. Quen non está comigo está contra min, e quen non recolle comigo, derrama.
Cando o espírito malo sae dunha persoa, vai polos ermos adiante buscando acougo; se non o atopa, di: "Volverei á miña casa de onde saín;" e, ao chegar, atopa a casa varrida e ordenada. Entón vai, colle consigo outros sete espíritos aínda peores ca el, e entrando todos, establécense alí, e resulta que o final daquel home acaba peor que o principio.
Meditación
Demos para arriba e demos para abaixo. Non fai falla imaxinar personaxes horrendos para decatarse de que o mal anda entre nós, na nosa sociedade, nos nosos pobos, na nosa propia persoa, no noso corazón. É algo que incluso repetimos con insistencia: que mal anda o mundo. Quizais o dicimos menos referido a nós, no sentido de ver que tamén nós, se non nos coidamos, podemos ser axentes de mal, de malicia.
No evanxeo tampouco non se dubidaba diso. A pregunta era quen e como se lle podía facer fronte ao mal, con que forzas. Xesús amósasenos coma unha persoa en conflito permanente con todo o que podería roubarlle a paz, a dignidade, o benestar físico e espiritual a calquera persoa. E con enerxías para facelo. Os evanxeos son un indicador claro de como facelo, desde que bases, con que métodos. Se lemos, meditamos, interiorizamos o que día a día nos evanxeos imos vendo, acabaremos sendo tamén nós, coas nosas limitacións, persoas empoderadas contra o mal.
Oración
O poder de Deus,a forza de Deus:iso era, Xesús, o que a ti te facía forte,e esa é a fortaleza que ti queres compartir connosco.Grazas.Así,só así,poderei ser forte contra o mal,arrincándoo do meu corazón,das miñas palabras,dos meus feitos.Só asípoderei sercoma unha man túano esforzo comúnpor reparar este mundo,por facelo limpo e luminoso.Éncheme, Xesús, co poder de Deus.
Acción
Estamos hoxe especialmente atentos/as a calquera mal, que, na forma que sexa, rolde as portas da nosa vida. E miramos de lle dar cara coa forza que de Deus nos vén, co apoio de xente amiga coa que podemos compartir esas situacións.
9 de outubro: Sábado da 27ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xl 4, 12-21. Salmo: 96, 1-2. 5-6. 11-12
Ano 2: 1ª lectura: Gál 3, 22-29. Salmo: 104, 2-3. 4-5. 6-7
Evanxeo: Lc 11, 27-28
Nunha ocasión, cando Xesús lle estaba falando ao pobo, unha muller de entre a xente dixo berrando:
—¡Ditoso o ventre que te levou e os peitos que te criaron!
Pero Xesús replicoulle:
—Ditosas máis ben as persoas que escoitan a palabra de Deus e a gardan.
Meditación
Reparamos na admiración que Xesús provocou naquela muller do pobo, que acabou proclamando ditosa á nai que o concibira e que o parira. A admiración en si é unha das grandes actitudes humanas que nos pode levar da man a unha vivencia relixiosa auténtica. Admirar é estar aberto ao fermoso, ao sorprendente, ao marabilloso que nos rodea, sexa isto algo grande ou algo pequeno; pero tamén é estar aberto ao feo, á desgraza, á desfeita da natureza, á desfeita de tanta xente fráxil (pobre e rica) que hai polo mundo. Admirar é estar aberto a ese mundo interior noso, que nunca comprendemos abondo, misterioso, que nos introduce no mundo do misterio, no mundo do descoñecido que nos desborda. Admirar vólvese case imprescindible para crer, para vincularse a Xesús, para vincularse a Deus. Admirar leva a agradecer, a adorar, a amar, a implicar a propia vida, á dispoñibilidade. E para admirar necesitamos poder contemplar as cousas, as vidas, as persoas, a propia persoa; necesitamos espazos e tempos de silencio na vida.
O evanxeo de hoxe invítanos a admirar a Xesús, a Deus nel; invítanos a que, como persoas seguidoras del, coa nosa vida cristiá provoquemos tamén a admiración por el. Que, véndonos a nos, a xente poida dicir: que marabilloso debe ser o Deus que os sostén, para viviren eles coa humanidade coa que viven.
Oración
Que grande te nos mostras, meu Deus,no cosmos, na natureza saída das túas mans!Que singular e creativo te aparecesen cada home ou muller, orixinal, irrepetible!Que misteriosamente próximo te presentasno teu fillo Xesús, un de tantos, un excepcionalmente teu!Que íntimo e familiar te me ofreces,acompañándome coma un amigo fiel que me comprende!Que grande es no Espírito co que nos agasallas,para afirmarnos en ti, para sustentarnos na dor!Que sinxelo e marabilloso te nos fasen quen aprendeu de ti a honra de convivir coa xente pequena!Que marxinal e esixente te nos mostrasna metade dos seres humanos que escasamente son!Meu Deus, admírote e adórote,agradézote e entrégome a ti.
Acción
Podemos ser e manifestarnos como persoas relixiosas en moitas circunstancias da nosa vida, fóra da igrexa e do que na igrexa celebramos, porque Deus está en todo. ¿Descubrímolo así na vida? ¿Poderíamos estar máis atentos dalgunha maneira a esta súa presenza na vida?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.