26 de setembro: Domingo 26º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Núm 11, 25-19. Salmo: 18, 8. 19. 12-13. 14
2ª lectura: Sant 5, 1-6
Evanxeo: Mc 9, 38-43. 45. 47-48
Nunha ocasión díxolle Xoán a Xesús:
—Vimos un que botaba demos no teu nome e quixémosllo privar porque non é dos nosos.
Xesús contestoulle:
—Pois non llo privedes, porque ninguén que faga milagres no meu nome fala despois mal de min. O que non está contra nós, está connosco. Ademais todo aquel que vos dea un vaso de auga por serdes seguidores de Cristo, tende por seguro que non quedará sen recompensa.
E a quen escandalice a un destes pequeniños que cren en min, éralle mellor que lle colgasen do pescozo unha pedra de muíño e o largasen ao mar.
E, se a túa man te fai caer, córtaa; máis che vale entrar toco na vida que ir parar coas dúas mans ao inferno, no lume que nunca se apaga. E, se o teu pé te fai caer, córtao; mellor será que entres coxo na vida, que ir dar cos dous pés no inferno. E, se o teu ollo te fai caer, arríncao; máis che fale entrar cego no reino de Deus e non que te boten cos dous ollos no inferno, onde o verme non morre nin o lume se apaga.
Meditación
Aos discípulos de Xesús preocupáballes máis salvagardar a imaxe do propio grupo ca o beneficio da xente. Xesús non está de acordo. O importante, precisamente, é que a xente sexa beneficiada polo servizo dos demais, sexa cal sexa o grupo, a ideoloxía, as referencias coas que se vincule. O problema existía daquela, polo que se ve, e tamén existe hoxe. Na sociedade, pertencemos uns e outros a diferentes partidos políticos, a diferentes liñas ideolóxicas; na Igrexa pertencemos tamén a diferentes “correntes”, a diferentes maneiras de entender a fe e de intentar levala á práctica. E moitas veces funcionamos e movémonos desde estas instancias particulares, intentando salvalas por riba de todo, non recoñecendo o ben que pode saír doutras maneiras de pensar e de actuar. Xesús recórdanos a todos e todas que o criterio último para medir as cousas, para medir a calidade da nosa militancia é ver se a xente débil é ou non convenientemente
atendida; atendida con respecto, dándolle prioridade; atendida por si mesma, sen manipulala, sen empregala, de ningunha maneira, para o noso crecemento persoal, ou para o crecemento do noso grupo.
É moito o que temos que aprender a convivir, tanto na sociedade coma na Igrexa. Convivir que implica dar e recibir, falar e escoitar, recoñecer erros e méritos tanto no noso grupo coma nos outros grupos. Convivir que implica tamén acoller a corrección que nos pode vir dos outros, e asumir igualmente o servizo da corrección. Sempre desde un sentimento fondo de irmandade, de complementariedade, apelando sempre ao único maior e absoluto, que é Deus, ante o que tamén todos nos descubrimos en camiño, en busca, e nunca –faltaba máis— en posesión. Está claro que fóra da Igrexa hai salvación, hai vida en Deus; e está claro –dito por Xesús-- que fóra da confesión do seu nome tamén hai salvación, hai vida en Deus. Algo para agradecer que así sexa.
Chama a atención a radicalidade de Xesús cando fala de escandalizar a calquera das persoas máis pequenas que cren nel. Ou aínda que non crean –poderíamos completar, sabendo como pensaba Xesús. Escandalizar é poñer atrancos para que as persoas non poidan gustar a vida con normalidade, para que non poidan gustar o Deus da vida a través do don da vida. Hai moitas maneiras de poñer atrancos aos máis débiles. Hoxe mesmo, no que está pasando na sociedade co tema da crise, ou co tema da xente refuxiada que está intentando entrar en Europa, estánselle poñendo moitos atrancos á xente pequena. Cal é a nosa parte, por activa ou por pasiva? Nas comunidades cristiás, na Igrexa, ábresenos moito a boca para dicir que temos a chave das noces para case todo, pero onde vai o noso servizo completo, para que a xente máis débil teña vida, e a teña en abundancia, como Xesús Cristo quería e pretendía por encomenda do Pai? Polo
que Xesús mesmo di, é algo ao que el lle daba moitísima importancia. Sería ben que tamén nós lla demos, e que revisemos o noso funcionamento persoal e comunitario; seguro que atoparemos moito no que mellorar, ao tempo que nos decataremos de que, por ser nós mesmos débiles, somos ao mesmo tempo obxecto dunha persistente atención e agarimo por parte da radicalidade de Xesús, de Deus.
Chama a atención a radicalidade de Xesús cando fala de andar en fidelidades. Non é para asustar, é para animar. Non é para meter medos, é para alertar. Non é a radicalidade do temor, senón a radicalidade do amor. A vida pódesenos ir das mans coas nosas parvadas, o sol pódenos pasar pola porta, mentres gastamos o tempo, o xenio en cousas que non o merecen. É indubidable que Xesús non nos convoca para formar unha comunidade de vagos, de abandonados/as, senón para formar unha comunidade de irmáns/irmás, que poñen alma, vida e corazón en acoller o ben de Deus e en facelo medrar no propio corazón, na propia vida, na nosa sociedade. Iso era, iso é, o Reino de Deus, ao que Xesús estivo e está totalmente entregado. E nós?
Preces
BENDITO SEXAS, XESÚS,
NO SERVIZO DE CALQUERA PERSOA
Bendito en quen te serve, servindo os nenos/as, mozos/as que nestas semanas están empezando a ir á escola. Bendito sexas.
Bendito nos homes e mulleres de calquera relixión, de calquera grupo político, que se empeñan en facer o ben servindo as persoas e grupos máis débiles. Bendito sexas.
Bendito sexas nas persoas animosas, que na nosa comunidade coñecemos, coma o N., o N. (pódense dicir nomes concretos), que fan o ben sen mirar para quen. Bendito sexas.
Bendito sexas nas institucións, nas familias, nas persoas estes días se están empeñando en dar acollida a persoas refuxiadas e inmigrantes, tratándoas coma xente irmá, aínda que sexan de raza e credo distinto. Bendito sexas.
Bendito sexas nas persoas firmes e comprometidas, que non se deixan corromper, honradas a tope, dispostas a perder do seu o que sexa, antes de volverse atrás da súa entrega aos demais. Bendito sexas.
Oración
A miña ideoloxía,o meu credo relixioso ou político,o meu partido, Xesús,cantas veces os poño coma motor e referenteda miña actuación!Boto a visa atrás,reviso as miñas accións,incluso aquelas que digo facer no teu nome,e cantas veces están infectadas de particularismos,de intereses propios ou do propio grupo!Perdón, Xesús, perdón!Que difícil é limpar a ollada, o corazón, as mans,e deixar que sexas ti quen esteas no centro,que sexa a xente débil quen estea no centro!Que o teu Espírito me ilumine e purifique!Que a túa corrección me cure e me faga libre!Cantas veces son un radical equivocado!Cantas veces ignoro a inmensa riquezade dar ou recibir un vasiño de auga--un bico, unha tenrura, unha atención, un apoio—no teu nome!Cantas veces prefiro andar fachendoso, enteiro,coas dúas mans, os dous pés, os dous ollosco corazón intacto,co tempo reservado,escandalizando os teus pequenos ou pequenas,que me solicitan un anaco de man soltándose cara á súa,un anaco de pé axustado ao seu,unha ollada próxima cruzada coa súa,un chisco de corazón latindo ao seu son,un pouco de diñeiro cambiando de carteira,un minuto de tempo confundido co seu!Cantas veces, Xesús, cantas!E son discípulo teu?E deféndome e ataco coma quen posúe as esenciasde ti e do teu grupo?Pobre de min, Xesús!Por canto tempo tanto despropósito!Perdón, Xesús, perdón!
Acción
¿Cómo somos e nos tratamos coa xente que non comparte a nosa fe, pero coa que compartimos en moitas outras cousas da vida? ¿Sabemos valorar, recoñecer os seus méritos? ¿Cómo somos de esixentes con nós mesmos/as, para que a maldade non se vaia apoderando de nós?
27 de setembro: Luns da 26ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Zac 8, 1-8. Salmo: 101, 16-18. 19-21. 29 e 22-23
Ano 2: 1ª lectura: Xob 1, 6-22. Salmo: 16, 1. 2-3. 6-7.
Evanxeo: Lc 9, 46-50
Unha vez as persoas que seguían a Xesús de cerca empezaron a discutir sobre quen delas era a persoa máis importante. Xesús, léndolles o pensamento, colleu pola man unha criatura, achegouna a si e díxolles:
—Quen acolle a esta criaturiña no meu nome, acólleme a min, e quen me acolle a min acolle a quen me enviou; porque a persoa máis pequena entre vós esa é a máis importante.
Tomando entón a palabra Xoán, dixo:
—Mestre, vimos a alguén que botaba demos fóra no teu nome e tratamos de llo impedir, porque non é do noso grupo.
Xesús contestoulle:
—Pois non llo impidades, que quen non está contra vós, está convosco.
Meditación
Querer ser a persoa máis importante; que alguén sexa ou non sexa do noso grupo, do noso país, da nosa raza ou cor, do noso credo, do noso pensamento político: velaquí dúas realidades que condicionan moito os nosos comportamentos, a nosa busca de benestar, nos tempos de Xesús e nos nosos, pois responden a un aquel humano que permanece no tempo. Xesús sitúase, como moitas veces máis, contra corrente: a obsesión por ser a persoa máis importante é absurda, pois rompe de raíz coa chamada humana máis auténtica, polo tanto tamén divina, a vivir en fraternidade; ante iso Xesús invítanos a vivir envolvéndonos no pequeno, no fráxil, como o noso lugar natural. E ante o desexo de querer excluír a quen non é do noso grupo, a proposta de Xesús, como tantas veces, é remitirnos aos feitos de vida: o importante é que a xente sexa querida, atendida, coidada, veña de onde veña a forza que anima a quen tal fai.
Oración
Apréndeme, Xesús,
a descubrir contigo
a importancia do pequeno,
do fráxil, do vulnerable,
e a atopar aí
o lugar privilexiado de encontro con Deus.
Apréndeme a obsesionarme
por esa experiencia elemental
que marcou a túa existencia,
e que ti nos ofreces
como camiño de autenticidade cristiá.
Grazas, Xesús.
Acción
Se nos paramos un pouco, non nos resultará difícil descubrir como moitas veces aspiramos ao grande, a ser dos grandes, a intimar cos grandes. Tamén nos será doado descubrir como tendemos a excluír do noso mundo a quen é distinto, non cre coma nós, non pensa coma nós, non é do noso país ou raza… Collamos algún detalle concreto e vexamos como cambiar niso o noso comportamento.
28 de setembro: Martes da 26ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Zac 8,20-23. Salmo: 86, 1-3. 4-5. 6-7.
Ano 2: 1ª lectura: Xob 3, 1-3. 11-17. 20-23. Salmo: 87, 2-3. 4-5. 6. 7-8
Evanxeo: Lc 9, 51-56
Daquela, cando se ía cumprir o tempo de que levantasen a Xesús deste mundo, decidiu en firme ir a Xerusalén. Mandou mensaxeiros por diante.
Entrando estes nunha aldea de samaritanos, para lle prepararen pousada, non o recibiron, porque lle coñeceron que ían cara a Xerusalén. Ao veren isto, os discípulos Santiago e Xoán dixeron:
—Señor, ¿queres que digamos que baixe do ceo un raio que os parta?
Pero el volveuse e rifoulles. E foron para outra aldea.
Meditación
Cousas miúdas como as que a calquera de nós nos poden pasar cada día. Pero cousas miúdas a través das cales se nos ofrece poder vivir ao estilo de Xesús ou ao estilo de Deus sabe quen. Xesús emprende unha viaxe cara a Xerusalén, onde ben sabía o que lle agardaba: o conflito aberto coas autoridades relixiosas; outras persoas ante iso posiblemente recuaríamos polo que puidese pasar. Xesús non. Decide en firme ir. Un trazo máis da admirable e humilde valentía que sempre distinguiu a Xesús.
Van a unha aldea, onde non os acollen ben por seren xudeus e non samaritanos, pois non se levaban ben. Hai que asumir ese conflito menor, esa desconsideración, integrala dentro da propia condición humana. Dous dos discípulos falan de pedir que os parta un raio. Por iso se lles ha chamar “fillos do trono”, porque permitían que a violencia guiase a súa conduta e acelerase os procesos. Xesús non está de acoro. Rífalles. E simplemente van para outra aldea. Ditosos nós que podemos gozar sempre da compaña alentadora, clarificadora de Xesús.
Oración
Si, Xesús,Ti diario ao meu lado,diario ao noso lado.Compartindoos teus íntimos convencementos,as túas firmes decisións.Sempre ao carón nosoinvitándonos a encaixara lentitude dos procesos persoaise grupais,sen violentalos con remedios absurdos.É a semente miudiñaque precisa tempos e atencións,sacrificios,ata a hora dos froitos.Bendito sexas, Xesús.
Acción
¿Estámonos vendo ante a necesidade de ter que tomar algunha decisión necesaria e encollémonos por medo? Estamos afrontando algunha dificultade con algunha persoa ou grupo, e sáenos a violencia como remedio? Contemplémonos á luz de Xesús.
29 de setembro: festa dos santos arcanxos Miguel, Gabriel e Rafael
1ª lectura: Dan 7, 9-10. 13-14. Salmo: 137, 1-2a. 2b-3. 4-5. 7c-8
Evanxeo: Xn 1, 47-51
Unha vez viu Xesús a Natanael, que se achegaba, e dixo del:
—Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez.
Preguntoulle Natanael:
—¿E de que me coñeces?
Contestoulle Xesús:
—Antes de que Felipe chamase por ti, xa eu te vira, cando estabas debaixo da figueira.
Respondeulle Natanael:
—Rabí (mestre), ti es o fillo de Deus, ti es o rei de Israel.
Díxolle entón Xesús:
—¿Porque che dixen que te vin debaixo da figueira, xa cres? Pois cousas máis grandes has ver.
E concluíu:
—Con toda verdade volo aseguro: habedes ver o ceo aberto e os anxos de Deus subindo e baixando onda o Fillo do home.
Meditación
Case sempre pasa así. Accedemos a Xesús, porque alguén nos falou del, ben coa súa palabra, ben sobre todo co seu xeito de vivir. A maneira de vivir atrae e engancha máis do que a mesma palabra. Achegándonos a Xesús, entrando na roda dos seus seguidores e seguidoras, recibimos del a promesa de que se nos agrandará a ollada e o corazón, as esperanzas e as ilusións para algo novo, nunca visto, que desborda as nosas expectativas. Xesús nunca decepciona. “Vin o ceo aberto”, dicimos, cando nos atopamos con algo case inesperado, que ten a capacidade de aclarar escuridades, de desbloquear situacións persoais ou comunitarias, sociais, que semellaban sen saída. Os anxos simbolizan esa claridade e esa forza que nos chega de Deus en horas e con maneiras insospeitadas. Os anxos son coma dicir a compaña benévola, alentadora que Deus permanentemente os garante.
Oración
Miguel, e quen coma Deus?Potente, marabilloso,abnegado servidor,do noso ben moi celoso.Gabriel, forza de Deusque nos fai recias e fortes,para a paz, para a xustizaincuestionable soporte.Rafael, o Deus que curatodas as nosas feridas,e nos unxe con tenrurapara alegrarnos a vida.
Acción
¿Falámoslle de Xesús algunha vez a algunha persoa que nos parece que o descoñece? ¿Compartimos con alguén a nosa fe relixiosa, os nosos convencementos cristiás? ¿E si hoxe probáramos a facelo?
30 de setembro: Xoves da 26ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Neh 8, 1-4a. 5-6. 7b-12. Salmo: 18, 8. 9. 10. 11
Ano 2: 1ª lectura: Xob 19, 21-27. Salmo: 26, 7-8a. 8b-9abc. 13-14
Evanxeo: Lc 10, 1-12
Un día designou o Señor a outras setenta e dúas persoas, e mandounas diante del de dúas en dúas a todas as vilas e aldeas a onde tiña pensado ir. Díxolles:
—A anada é ben boa, pero hai pouco quen a traballe; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros e xornaleiras para a seitura. Ide e sabede que vos mando como años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén polo camiño. Cando entredes unha casa, antes de máis nada dicide: “Paz a esta casa”. E se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco. Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que quen traballa ten dereito ao seu xornal. Non andedes de casa en casa. Cando entredes nunha aldea e vos acollan, comede do que vos dean, curade a xente enferma que haxa e dicídelles: “Xa chega a vós o reino de Deus”. Pero cando non vos acollan na aldea na que entredes, saíde ás prazas dicindo: “Non queremos levar da vosa aldea nin o po que se nos pegou aos pés. Aí vos queda. Pero sabede que xa chegou o reino de Deus.” Asegúrovos que o día aquel será máis suave para Sodoma do que para esa aldea.
Meditación
Amósasenos o primeiro plan de evanxelización levado a cabo polas primeiras comunidades cristiás seguindo as palabras e o estilo de Xesús. Moito bo hai en Deus para a xente, que merece atención; moita xente hai precisada desa abundancia de Deus. Oxalá se multiplicasen os homes e mulleres dispostas a facer florecer tanto ben! Andar en pobreza total, que evanxelizar non pareza nunca un negocio en nada. Saír, andar os camiños, bater coa xente, establecer vínculos fraternos, dando e recibindo paz, anunciando o ben de Deus, non as nosas ideas, implicándose nos problemas da veciñanza, aceptando que haxa quen nos desprece.
Oración
Señor, Señor,amo, sementadore das colleitas da vidaabsoluto coidador!Velaquí as miñas mans,o meu empeño e amor;velaquí o meu desexode estar contigo, a carónnas loitas nas que ti loitaspor un mundo máis mellor:Que a vida abunde e florezaonde a vida é escaso don.E que abunden as obreirasque a traballen con paixón.
Acción
Fan falla xornaleiros xornaleiras para espallar o ben de Deus nos nosos pobos e aldeas. ¿Estamos colaborando nalgunha acción que axude a isto? ¿Poderiamos dar un paso adiante e colaborar algo máis?
1 de outubro: Venres da 26ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Bar 1, 15-22. Salmo: 78, 1-2. 3-5. 8. 9
Ano 2: 1ª lectura: Xob 38, 1. 12-21; 40, 3-5. Salmo: 138, 1-3. 7-8. 9-10. 13-14ab
Evanxeo: Lc 10, 13-16
Nunha ocasión dixo Xesús:
—¡Ai de ti, Corozaín! ¡Ai de ti, Betsaida! Porque se en Tiro e Sidón se fixesen os milagres que se fixeron en vós, hai ben tempo que farían penitencia, cubertos de saco e de cinsa. Pero o día do xuízo será moito máis doado de levar para Tiro e Sidón do que para vós. E ti, Cafarnaúm, ¿seica pensar que vas chegar ata o ceo? ¡Afundiraste no abismo!
Quen vos escoita a vós, escóitame a min, e quen vos rexeita a vós, rexéitame a min; pero o que me rexeita a min, rexeita a quen me mandou.
Meditación
Palabras de crítica amarga contra as cidades de Corozaín, Betsaida e Cafarnaúm, onde Xesús se amosara como profeta de palabra viva e de feitos contundentes a prol do pobo, da xente máis envolta en debilidade social ou moral. Palabras hoxe para nós, para alertarnos, porque tamén nós podemos estar diario ao pé de Xesús, escoitando as súas palabras, participando nos sacramentos que o fan presente no medio de nós, e, non obstante, facer de xeito que pouco se nos note que o escoitamos de veras e que o seguimos de corazón. Este pode ser incluso o gran drama das comunidades cristiás dos nosos tempos.
Oxalá que as nosas palabras e as nosas actuacións coma crentes remitan sen ambigüidades a Xesús, como Xesús remitía sen ambigüidade ningunha ao Deus da vida no que tiña a súa fonte!
Oración
Que non me peche nuncaá túa crítica, Xesús.Que non negue as evidencias,que falan da miña inconsistencia cristiá.Se oio, non escoito;se escoito, non asinto;se asinto, non actúoe non deixo que o meu vivirfale ás claras de tidos soños de Deusdos que ti fuches sementador.Grazas pola túa corrección.Axúdame a cambiar.
Acción
Igual non nos resulta difícil ver en nós algún tipo de comportamento que estea claramente en contra do que Xesús ensinaba ou facía. ¿Será ten difícil cambialo? Xesús está sempre disposto a botarnos unha man.
1 de outubro: Memoria de Santa Tareisiña do Neno Xesús
Lecturas do día correspondente
Meditación
Santa Tareixa do Neno Xesús naceu en Francia no ano1873. Sendo aínda unha nena, tivo experiencias relixiosas moi intensas, por exemplo, cando fixo a Primeira Comuñón aos 11 anos. Despois de llo solicitar ao mesmo Papa nunha audiencia, con 15 anos ingresou no Carmelo de Lisieux, onde profesou con 17 anos. Morreu moi nova, 24 anos. Escribiu un libro, “Historia de un alma”, unha autobiografía espiritual, no que podemos seguir a súa sinxela e fonda traxectoria crente. Patroa das Misións desde o ano 1925, no 1997 foi declarada Doutora da Igrexa. A súa achega á espiritualidade cristiá podémola ver resumida no que se deu en chamar “infancia espiritual”. A súa profunda e moi madura experiencia relixiosa viviuna nun marco de sinxeleza e confianza absoluta en Deus, fuxindo sempre de calquera forma de vaidade e superando importantes dificultades no seu camiño de fe. O seu camiño espiritual non é un xogo pueril, senón a máxima madurez na máis grande simplicidade.
Oración
¿A que me invitas, Xesús,co exemplo de Santa Tareixiña?¿A que nos provocascoa súa imaxe fráxil e a súa curta historia,repletas de vida e de intensidade?¿A que nos chamascoa súa sorprendente madurezrodeada de inocencia e simplicidade?Eu teño o meu camiño,cada quen ten o seu camiño,para o que ti te ofreces como compañeiro fiel.Non me pides milagres,pero si que vaia madurando pouco a pouco,mesturando humildementeo empeño persoal coa confianza absolutaen ti, Xesús, no teu Espírito, no teu Deus,no noso Deus.Ben asentada no anaco de terra e tempono que me toca vivir.Ben asentada en ti,coma unha criaturiña no colo da súa nai.
Acción
O evanxeo de hoxe e tamén a experiencia de Santa Tareixiña invítannos a rexeitar todo tipo de violencia, tanto a que nós poidamos cometer contra persoas, animais ou natureza, coma a que outras persoas poidan cometer contra nós. Pensamos e cambiamos algo.
2 de outubro: Memoria dos Santos Anxos Custodios
1ª lectura:
Bar 4, 5-12. 27-29. Salmo: 68
Evanxeo: Mt 18, 1-5.10
Nunha ocasión achegáronse a Xesús as persoas que o seguían máis de cerca para lle preguntar:
—¿Quen é o máis importante no reino dos ceos?
El chamou por unha criaturiña, púxoa no medio do grupo e dixo:
—Asegúrovos que se non cambiades e non vos facedes coma esta criaturiña, non entraredes no reino dos ceos. Quen se faga pequena coma esta criaturiña será a persoa máis importante no reino dos ceos. E quen acolla unha criaturiña coma esta no me nome, acólleme a min.
Coidado con desprezar a unha destas criaturiñas! Asegúrovos que os seus anxos no ceo están sempre contemplando o rostro do meu Pai celestial.
Meditación
Unha vez máis a alerta de Xesús contra o afán mundano de buscar ser importantes a base de poder, de forza, de dominio, de cartos. Outra vez a chamada de Xesús para que entendamos que ser importante é poñerse no centro coa xente máis fráxil e fundirse con ela nunha aperta vital, nunha disposición a servir, coa suma humildade, coa suma intelixencia que a xente máis vulnerable se merece.
Así unhas persoas convertémonos para outras neses anxos custodios, a través dos cales Deus mira con sumo respecto e consideración polos seus fillos e fillas. As persoas máis vulnerables son algo absolutamente sagrado para Deus, son os especiais anxos custodios de toda a humanidade; de aí que todo o que teña que ver coa súa vida, co seu trato, coa súa dignidade está especialmente presente aos ollos de Deus, ten suma importancia para el. E deberíaa ter tamén para nós, para toda persoa que cre en Deus.
Oración
Grazas, meu Deus,por todas as persoas que ao longo da miña vidaforon sendo para min santos anxos custodios.Amosáronme moi realmentea túa presenza, compaña e protección,grazas!Grazas, meu Deus,por esa incomprensible forza de ben,por esa inaudita chamada á irmandade, á xustiza, á unión,que misteriosamente se fai persistente en mine empuxa a miña vida,a pesar das miñas preguizas, covardías e egoísmos.Ti estás certamente aí protexendo,grazas!Grazas polas criaturas máis fráxiles,verdadeiros anxos custodios da comunidade cristiá,que nos amosan o teu rostroe o camiño de luz que leva ao teu encontro.Grazas!
Acción
¿Poderiamos sinalar algunhas persoas que foron ou son coma anxos custodios para nós? Agradezámosllo dalgunha maneira. ¿Estamos nós sendo coma anxos custodios para outras persoas vulnerables? Celebrémolo tamén, para fortalecernos nesa tarefa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.