24 de outubro: Domingo 30º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Xer 31, 7-9. Salmo: 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5. 6
2ª lectura: Heb 5, 1-6
Evanxeo: Mc 10, 46-52
Nunha ocasión, ao saír Xesús de Iericó cos seus discípulos e outra moita xente, o fillo de Timeo, Bartimeo, que era cego, mendigaba sentado a carón do camiño. Oíndo que pasaba Xesús o Nazareno, púxose a berrar e a dicir:
—Fillo de David, Xesús, ten piedade de min!
Xesús detívose e dixo:
—Chamade por el.
Chaman entón polo cego e dinlle:
—Veña, érguete, que te chama!
El, deixando o seu manto, veu dando brincos ata onde estaba Xesús. Este preguntoulle:
—¿Qué queres que che faga?
O cego respondeulle:
—Mestre, que volva ver.
Xesús díxolle:
Vai, a túa fe salvoute.
Meditación
Estamos ante un relato que, máis alá da súa historicidade ou non historicidade, se nos ofrece coma unha parábola en acción do que pode dar de si un encontro vital de cada un de nós con Xesús. É algo que podemos realizar cada un de nós con Xesús. É algo que a comunidade cristiá da que formamos parte pode realizar tamén, e estaría ben que así o fixésemos.
Bar-Timeo, o fillo de Timeo, representa perfectamente a realidade de cada ser humano, de cada un, cada unha de nós, de cada comunidade cristiá: cego pobre de pedir a carón do camiño. Non é malo, ao revés, saberse, sentirse, vivirse coma cego pobre de pedir a carón do camiño. Coa man sempre estesa, co corazón sempre aberto, coa mente sempre dispoñible para acoller, cambiar e medrar. Cos ollos ansiosos de ver a luz, de descubrir tantas marabillas que nos rodean, sen nós caer na conta. E iso aínda que nos chufemos moito e pretendamos andar de sobrados pola vida. Pobre de quen é rico! Pobre de quen vai de sobrado/a! Pobre de quen o entende todo, o sabe todo, o coñece todo!
Despois, claro –tamén é certo--, hai entre nós pobres elementais, aos que a vida e os sistemas sociais que construímos as persoas lles restan o máis elemental para vivir: o anaco de pan co que manterse, o posto de traballo co que levar pan e dignidade ao corpo e ao espírito de cada un e da familia da que un forma parte. Esta pobreza non é boa. É froito de sistemas inxustos ou de configuracións persoais carentes tamén de recursos primarios.
Xesús –que curioso!— sempre en contacto con estas pobrezas, sempre pasando por onde esas pobrezas se dan. E así é que, aínda que alguén pretende acalar os berros do pobre cego de pedir, chegan aos seus oídos. E empeza unha relación viva, unha pregaria en acción, a historia dun encontro que ten un recorrido de aparencia sinxela, pero que acaba sendo fondo, estremecedor. Ben que nos poñamos na vida de cego de pedir, ben que asumamos o papel de seguidores ou seguidoras de Xesús para imitalo en algo, é de capital importancia este cruce de camiños, estes encontros. Nunca se dan, case nunca, desde os despachos, desde os salóns, nin sequera desde as mesmas igrexas. Danse normalmente na rúa, na praza pública, na manifestación, no encontro de pais, no lugar menos imaxinable. Importancia de andar cos ollos, cos oídos, co corazón ben aberto.
O cego pobre de pedir, expresión de todas as pobrezas habidas e por haber, solidario con elas, achégase a Xesús, con ilusión, axilmente; os brincos do corpo expresan a ilusión vital que o envolve, a súa esperanza forte, a súa fe. Vai aberto absolutamente a Xesús, e a todo o que pode estar representado por Xesús: o mellor, o máis san, o máis xusto que na vida uns e outros e outras nos podemos ir ofrecendo e dando.
Xesús é o ser totalmente dispoñible, para o cego de pedir, para todos e todas nós: que queres que che faga? Xesús é o símbolo tamén dunha actitude realmente solidaria ante os cegos de pedir de a carón do camiño da vida: que podo eu, que podemos nós, que pode a miña comunidade facer por ti? Que podemos facer nós, a nosa comunidade cristiá nesta circunstancias de crise nas que estamos e polas que tantos veciños/as nosas o están pasando tan mal? Que podemos facer nós por persoas e pobos do sur, que de sempre andaron na crise que agora un chisco nos toca a nós? Que podemos facer nós pola xente refuxiada ou simplemente inmigrante que peta á nosa porta?
O mellor resultado que se pode dar do noso encontro de cegos de pedir con Xesús é, desde logo, que se nos abran os ollos, que a vida colla outras cores para nós, que nos decatemos do precioso mundo da solidariedade que Xesús representa, e que con el nos embarquemos na aventura preciosa de facer que a vida sexa risoña para tantas persoas que con amargura seguen quedando a carón do camiño. E de ser xente necesitada de curación e curada e, por iso mesmo, agradecidos/as, pasar a ser persoas entregadas á causa da fraternidade real. Pode haber felicidade maior, alegría máis grande? A este pracer nos invita Xesús.
Preces
SEÑOR, MEU SEÑOR,
QUE VOLVA VER!
Que poida ver as miñas pobrezas con humildade, sen afogarme nelas. Oremos.
Que teña os ollos ben abertos e limpos para ver as situacións de marxinación de moita xente que o está pasando mal, para axudar. Oremos.
Que vexa e entenda a fondo o que está pasando na hora presente, para non me deixar enganar e para poder arrimar o lombo en boa dirección. Oremos.
Que saiba pedir sen vergoña; que saiba dar sen miramentos. Oremos.
Que as persoas que están reunidas en Sínodo co Papa de Roma para fortalecer as familias cristiás, vexan a fraxilidade de moitas delas e as sirvan con misericordia entrañable. Oremos.
Oración
(Esta pregaria pódese cantar coa melodía da coñecida canción
“Onda ti, noso Pai, á tardiña”).
Esmoleiro ao carón do camiño,coa pobreza na palma das mans,cara a ti, meu Xesús, o meu berro,cara a ti, meu Señor, meu irmán.O baleiro da miña persoaé máis fondo ca o fondo do mar;só ti tes, meu Xesús, para encheloluz e ben, ilusión, forza e paz.Nestas mans que eu estendo confiado/aas dos pobres do mundo están,as que choran tristuras, miserias,as que buscan tenrura e pan.Cara a ti me levanto lixeiro,que o amor novas forzas me dá,cara a ti que nos meus compañeirosme regalas consolo e fogar.Cómo medra a fe no meu peitoe coa fe a ilusión de loitarcanda ti, meu Xesús, o camiñoque nos leva a total irmandá(de)!
Acción
Hoxe podemos vivir e agradecer especialmente a graza da vista. Gozar vendo o que nos rodea, gozar vendo a quen nos rodea. Podemos exercitarnos algo tamén en ollar con calma, procurando ir algo ao fondo das cousas, das persoas, dos acontecementos. E deixarnos iluminar polo que vemos. E tamén iluminar algo o que nós vemos.
25 de outubro: Luns da 30ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 8, 12-17. Salmo: 67, 2 e 4. 6-7ab. 20-21.
Ano 2: 1ª lectura. 4, 32—5, 8. Salmo: 1, 1-2. 3. 4 e 6
Evanxeo: Lc 13, 10-17
Un sábado estaba Xesús ensinando nunha sinagoga. Había alí unha muller que levaba dezaoito anos eivada por causa dun espírito; andaba dobregada sen se poder endereitar. Xesús, ao vela, chamouna e díxolle:
—Muller, quedas libre da túa enfermidade.
E impúxolle as mans. Ela púxose dereita no momento e loaba a Deus. Entón o xefe da sinagoga, indignado de que Xesús curase nun sábado, díxolle á xente:
—Hai seis días para traballar, vide durante eses días para que vos cure e non precisamente no sábado.
Replicoulle Xesús:
—Hipócritas! ¿Non ceibades vós nos sábados o voso boi ou o voso burro, para os levar a beber? E logo esta filla de Abraham, que leva dezaoito anos atada por Satanás, ¿non a imos poder ceibar por ser sábado?
Cando tal lles dixo, aos seus adversarios quedaron avergonzados e toda a xente se alegraba das marabillas que facía.
Meditación
Certamente a enfermidade daquela muller era cousa mala, cousa que lle impedía levar unha vida sa, digna, ben integrada; ademais, segundo o pensamento relixioso do momento, era unha muller posuída polo demo, unha muller arredada de Deus, case malquerida de Deus. Xesús, aínda movéndose dentro daquela cultura, rompe con todo iso e intégraa na vida social e relixiosa. Cousa que importaba máis ca todas as normas relixiosas que había daquela.
A muller dobregada do evanxeo válenos para pensar nos miles e millóns de mulleres da historia, que andaron e andan dobregadas baixo o poder machista da nosa cultura civil e relixiosa. Aínda hoxe, fóra e dentro da Igrexa, persiste moito deste machismo opresor, que lle rouba á muller a súa dignidade, a súa condición de persoa con igualdade absoluta de dereitos e deberes, ante a xente, ante Deus. Defender esta dignidade da muller importa máis ca calquera outra norma civil ou relixiosa que se lle queira opoñer.
Oración
Ai de quen lle negue á muller a súa dignidadee a poña por baixo do seu gusto e capricho!Ai de quen amoree cargas no seu lombo cansoe a force a vivir máis derreada de calquera maneira!Ai de quen a maltrate coa palabra ou cos feitose a condene á amargura e á frustración!Ai de quen lle negue o título de irmá absolutae a reduza a un ben útil do que usar ou prescindir!Ai de quen ignore o don e a valía da mullere pretenda facer vida sen ela, ás costas dela, contra ela!Quen así faga negarase, perderase, racharase,machucará a propia dignidade ante a xente, ante Deus.
Acción
Podemos revisar unha vez máis a nosa relación coas mulleres. ¿Desde o respecto absoluto, desde algún tipo de machismo? Podemos caer na conta que respectar a muller a fondo é unha práctica relixiosa moi grata a Deus.
26 de outubro: Martes da 30ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 8, 18-25. Salmo: 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5. 6
Ano 2: 1ª lectura: Efg 5, 21-33. Salmo: 127, 1-2. 3. 4-5
Evanxeo: Lc 13, 18-21
Nunha ocasión dicíalle Xesús á xente:
—¿A que se parece o reino de Deus, con que volo compararía eu? É semellante a un gran de mostaza que un home sementa na súa horta; medrou e converteuse nunha árbore e os paxaros do ceo aniñaron nas súas pólas.
E seguiu dicindo:
—¿Con que compararía eu o reino de Deus? É semellante ao fermento que unha muller botou en tres medidas de fariña ata que todo levedou.
Meditación
O reino de Deus, o proxecto de Deus, o soño de Deus para este mundo noso: sermos unha terra de redes, de vínculos, de relacións, de compenetracións, de interdependencias, de fraternidade, de xustiza, de respecto preferente sempre polo máis fráxil entre a xente, entre a natureza, en todo. Sermos así terra de Deus!
Xesús amósanos como se constrúe ese tipo de cousas. El opta non polo barullo, senón polo silencio. Non pola presenza de medios aparatosos, senón pola pequenez. Non por obras de lucimento, senón polas cousas humildes. Non polas grandes palabras, senón polas pequenas e cotiás fidelidades. Non polos grandes empeños humanos, senón pola fe confiada en Deus. Canto disto nos fai falla nestes tempos nos que nas nosas comunidades sentímonos a necesidade de retomar o reinado de Deus, o seu soño para nós, para toda a humanidade!
Oración
Que ben, meu Deus, que ben!O teu Espírito en min, en nós,coma un graociño de mostaza,sementado nas nosas vidas, na nosa comunidade,que medra e medra, sen case saber nós como,ata se converter nunha árbore vigorosa,onde aniña quen queira pousar os seus péspara acougare gustar o gozo dunha vida xusta, pacificada!Que ben!O teu Espírito convertido en fermentoque unha muller coloca no noso seo,no seo da comunidade feito fariña—grao moído no muíño simple da vida—,para convertela en pan saborosoa disposición de calquera famento que pete á porta,e ser simplemente pan comido,sen máis,sen méritos nin glorias.Que ben, meu Deus, que ben!
Acción
Podemos facernos conscientes de que cada día coa nosa palabra, cos nosos feitos, se son xustos e fraternos, estamos construíndo iso que Xesús chamaba o reino de Deus, o soño de Deus. E, se en algo non son xustos nin fraternos, daquela podemos cambiar para que en nós se cumpra de verdade o soño de Deus.
27 de outubro: Mércores da 30ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 8, 26-30. Salmo: 12. 4-5. 6
Ano 2: 1ª lectura: Ef 6, 1-9. Salmo: 144, 10-11. 12-13ab. 13cd-14
Evanxeo: Lc 13, 22-30
Xesús atravesaba por vilas e aldeas ensinando, camiño de Xerusalén. Un preguntoulle:
—Señor, ¿e logo son poucas as persoas que se salvan?
El respondeu:
—Esforzádevos por entrar pola porta estreita, porque vos aseguro que moita xente intentará entrar e non poderá. Cando o dono da casa se erga e peche a porta, quedaredes fóra e petaredes na porta dicindo: “Señor, ábrenos”; pero el responderá: “Non sei quen sodes”. Entón empezaredes a dicir: “Se nós comemos e bebemos contigo e ti ensinaches polas nosas prazas!” El repetirá: “Non sei quen sodes. Arredade de min todas as persoas que practicades a inxustiza!”.
Daquela habedes chorar e hanvos renxer os dentes; cando vexades que Abraham, Isaac, Xacobe e todos os profetas están no reino de Deus e que a vós vos botan fóra. E chegarán de oriente e occidente, do norte e do sur e sentarán na mesa do reino de Deus. Si, hai persoas que son últimas e serán primeiras, e hainas primeiras que serán últimas.
Meditación
Pero ¿qué é salvarse? Para unha persoa cristiá é algo así como desenvolver a propia vida respondendo a esas chamadas fondas que Deus mesmo insire no noso corazón; sermos como persoas aquilo que cada quen está chamado a ser. Algo que xa se realiza neste mundo, aínda que despois da morte acade a súa plenitude. A vontade de Deus é sempre unha vontade de salvación, que nada nin ninguén torce. Nós si que podemos frustrar a propia construción como persoas, a propia felicidade. É a nós a quen nos interesa entrar pola porta estreita, a porta da responsabilidade sobre a propia vida, aproveitando o tempo presente para madurar como persoas para unha felicidade eterna en Deus. É a cousa non é cuestión de pertencer ou non a tal raza, a tal credo relixioso, a tal Igrexa. Iso pouco importa. O que importa é deixar que a propia vida sexa unha vida xusta na xustiza de Deus, que prefire, en todo caso, a misericordia ao xuízo. Deus é sempre un Deus de salvación, de vida, para quen se abra á vida nos seus comportamentos de cada día.
Oración
Sen tristuras, sen medos, sen angustias,apréndesme a coidar a propia vidae as vidas dos teus pobres a min encomendadas.Con ledicia, con humor, con esperanza,apréndesme a entrar pola porta estreitaque me introduce na terra da irmandade.Máis que as máis santas palabras,será a túa xustiza, acollida como don, como tarefa,a que me abra as portas da vida para sempre.Sen torpes pretensións, sen chulerías,o humilde camiñar polas vías da inocencialevarame ao berce de todas as unións.E o mal que se me vaia das mans, da boca, do corazón,serás ti quen o confundas nas lapas do teu amor.Grazas, meu Deus, grazas por tanto ben!
Acción
Posiblemente iso de salvarse, non salvarse, sexa unha linguaxe que hoxe pouco nos di. Pero, ¿preocúpanos desenvolver a nosa vida na honradez, na legalidade, mirando pola xente débil, buscando o ben común, respectando o diferente, sen nos poñer por riba de ninguén? ¿Ocupan estas cousas a nosa atención real? Seguro que tamén por aquí podemos dar pasos.
28 de outubro: Festa dos santos Simón e Xudas, apóstolos
1ª lectura: Ef 2, 19-22. Salmo: 18, 2-3. 4-5
Evanxeo: Lc 6, 12-19
Por aqueles días Xesús foi orar ao monte e pasou a noite orando a Deus. Cando se fixo de día, chamou os seus discípulos e escolleu doce entre eles, aos que nomeou apóstolos: Simón, a quen lle deu o nome de Pedro, e seu irmán Andre; Santiago, Xoán, Filipe, Bartolomeu, Mateu, Tomé, Santiago o de Alfeo, Simón chamado o Zelota, Xudas o de Santiago e Xudas Iscariote, que logo sería o traidor.
Baixou con eles e detívose nunha valgada cun bo grupo de discípulos e numerosa xente de toda Xudea, de Xerusalén e máis de toda a ribeira de Tiro e Sidón, que viñan escoitalo e a que os curase das súas doenzas. Os atormentados por espíritos inmundos quedaban curados, e toda a xente intentaba tocalo, pois del saía unha forza que curaba a todo o mundo.
Meditación
A elección dun apóstolo sempre nos remite á nosa propia elección. Se estamos no de Xesús, atraídos/as pola súa figura histórica, pola súa palabra, polos seus feitos de vida, pola súa maneira de entender a persoa e as relacións entre as persoas,…, se estamos niso, é porque dalgunha maneira, misteriosa e real, fomos afectados/as e nos deixamos afectar pola súa elección. Xesús escolle de entre a xente e para o servizo da xente. Nunca nos escolle para arredarnos da xente, do pobo, coma un grupo selecto, privilexiado, colocado aló arriba; e menos aínda nos escolle para que acabemos tendo a xente ao noso servizo. Xesús escolle para facernos máis radicalmente da xente, para debernos á xente en todo, para facer da nosa vida un constante empeño por compartir con quen o necesite a forza de curación que de Xesús recibimos.
Oración
Grazas, Xesús,por ter batido contigo,por ter experimentado, algo polo menos,a fortaleza da túa palabra,a consistencia do teu xeito de vivir.Grazas, Xesús,por terme así escollido,pola vía da máis completa normalidade,para testemuñartecoas miñas palabras,coa miña maneira de vivir.Que quen me vexadescubra en minpolo menos unha liviá memoriado teu paso humilde e vigoroso,servidor,polas entrañas deste mundo.
Acción
Seguro que na nosa historia persoal hai algunha persoa que axudou a espertar en nós o interese por Xesús e a súa causa. Podemos falar con ela e agradecerllo.
29 de outubro: Venres da 30ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 9, 1-5. Salmo: 147, 12-13. 14-15. 19-20
Ano 2: 1ª lectura Flp 1, 1-11. Salmo: 110, 1-2. 3-4. 5-6
Evanxeo: Lc 14, 1-6
Un sábado ía Xesús comer á casa dun xefe dos fariseos, e eles vixiábano. Entón apareceu diante del un home hidrópico. Xesús preguntoulles aos xuristas e fariseos:
—¿Está ou non está permitido curar no sábado?
Pero eles non abriron a boca. Xesús colleu o enfermo, curouno e despediuno. E mirando para eles, díxolles:
—¿Quen de vós, se un fillo ou un boi lle cae nun pozo, non o tira do pozo no instante aínda que sexa sábado?
A isto non lle souberon que contestar.
Meditación
Chama a atención esta habilidade de Xesús para aproveitar todas as circunstancias para anunciar a Boa Nova de Deus. Xesús era un misioneiro, un bo mestre do que hoxe chamamos Igrexa en saída. Que fose invitado a xantar na casa dun xefe dos fariseos indica tamén que era este un grupo co que Xesús tiña simpatías e afinidades, aínda que tamén, como vemos no relato, fondas diferenzas. Como que lle daba pena que unha xente tan boa no fondo estivese coa mente tan pechada. Pasa moito isto.
E, sen medo a romper a harmonía dun xantar compartido, vendo a un enfermo, un home hidrópico, failles unha pregunta provocativa, pois Xesús ben sabía que a Lei dicía que non se podía curar en sábado. Calan. Xesús cúrao e ponlles un exemplo, que lles axude a ver o absurdo das prácticas relixiosas que os fariseos defendían con tanto ardor. Non souberon que contestar. Aí queda a Boa Nova de Xesús, anunciando que a Deus non está atado nas leis relixiosas, que a lei relixiosa fundamental é a de coidar a xente, curar, sexa isto cando sexa. E seguiron co xantar.
Oración
Que fermosa esa túa audacia, Xesús,ese teu saber falar e actuar,a tempo e a destempo,para que a luz de Deuspuidese alumear o corazón humano!Que fermoso o teu apaixonamento por Deus,o teu apaixonamento pola xente máis fráxil,que mobilizaba todas as túas enerxíaspara a curación,para o desbloqueo mental da xente!Son beneficiario de ti,que tamén sexa, Xesús,imitador creativo do teu xeito de ser.
Acción
Sen chulerías, con humildade, con espírito construtivo, podemos hoxe aproveitar as oportunidades que se nos dean para falar con feitos das prioridades de Deus cara á xente, sobre todo cara á xente máis fráxil.
30 de outubro: Sábado da 30ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 11, 1-2a. 11-12. 25-29. Salmo: 93, 12-13a. 14-15. 17-18
Ano 2: 1ª lectura: Flp 1, 18b-26. Salmo: 41, 2. 3. 5bcd
Evanxeo: Lc 14, 1.7-11
Un sábado foi comer Xesús á casa dun xefe dos fariseos e eles estábano vixiando. Xesús, decatándose de que a xente invitada buscaba os primeiros postos, contoulles esta parábola:
—Cando alguén te convide a unha voda, non sentes no primeiro posto. Pode suceder que unha persoa máis distinguida ca ti tamén estea convidada, e que veña quen vos convidou e che diga: “Déixalle o sitio a esta persoa”, e ti, cheo de vergonza, teñas que ir para o derradeiro lugar. Ao revés, cando alguén te convide, ti senta no último lugar, para que, cando chegue quen te convidou, che poida dicir: “Amigo, sube máis arriba”. E quedarás moi ben diante de todos os comensais. Porque a persoa que se enaltece será rebaixada, e a que se rebaixe será enaltecida.
Meditación
Aquí está Xesús, que non perde ocasión de transmitir os convencementos que moven a súa vida. Observa, pensa e fala con coherencia, dicindo palabras que poden cuestionar os comportamentos doutras persoas. Dunha anécdota máis ou menos simple, saca unha pauta para o conxunto da vida: a persoa que anda pola vida presumindo, con ostentación, buscando primeiros postos, recoñecementos e loanzas, fará da súa vida unha vulgaridade e acabará en nada, facendo o ridículo con frecuencia; en cambio, a persoa que gusta de estar simplemente canda os demais coma unha de tantas, en humildade, sen querer nunca alzarse sobre a demais xente, respectando e valorando a quen a rodea, servindo, esa persoa acaba tendo o respecto e recoñecemento de todo o mundo. E isto que vale moito aos ollos da xente, vale moito tamén aos ollos de Deus. Porque no fondo tal como somo ante a xente que nos rodea, así acabamos sendo ante Deus. E sería ben ridículo que acabásemos intentando quedar por riba do mesmo Deus!
Oración
Que descubra o gozo da humildade, meu Deus,o gozo de ver en calquera cousa,en calquera animal,en calquera persoaunha irmá, un irmán,algo ou alguén que me convoca á festa do pequeno,onde todo o mundo collee nada nin ninguén sobra,onde todo se me ofrecepara ser alegremente parte do meu ser,da miña vida;onde todo espera de minun anaco de carne e sangue,un anaco de alento,unha man,unha voz,un chucho.Que descubra, si, a cada hora,o gozo da humilde e valente irmandade.
Acción
Podemos revisar como nos situamos ante as demais persoas, sobre todo ante as persoas que teñan pouco poder, pouco saber, pouco valer. Á luz de Xesús podemos cambiar a nosa maneira de situarnos ante elas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.