28 outubro, 2021

Tempo Ordinario: 31ª semana



31 de outubro: Domingo 31º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Dt 6, 2-6. Salmo: 17, 2-3a. 3bc-4. 47 e 51ab
2ª lectura: Heb 7, 23-28

Evanxeo: Mc 12, 28b-34

Nunha ocasión acercouse a Xesús un letrado e preguntoulle:

—¿Cal é o primeiro de todos os mandamentos?

Respondeu Xesús:

—O primeiro é: “Escoita, Israel: O Señor, noso Deus, é o único Señor. Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa mente e con toda a túa forza.” O segundo é este: “Amarás o teu prróximo coma a ti mesmo”. Non hai mandamento máis importante ca estes.

O letrado replicou:

—Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que Deus é único e non hai outro fóra del; e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con toda a forza, e amar o próximo coma a un mesmo, é máis importante do que todos os holocaustos e sacrificios.

Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle:

—Non estás lonxe do reino de Deus.

E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.

Meditación

Nun momento de discusión de Xesús con persoas que se tiñan por moi entendidas en cousas de relixión, un letrado achégase a Xesús para lle preguntar algo que para os xudeus tiña a súa importancia, porque, no seu afán por convertelo todo en normas e preceptos, chegaran a facer un compendio de 613 que deberían cumprir para satisfacer a Deus. Nós non chegamos a tanto, pero temos que recoñecer que moitas veces discutimos, debatemos, de palabra ou por escrito, sobre mil cousas que teñen que ver tamén con ritos, normas, formas, credos, palabras,... Por iso, non está de máis que tamén aprendamos con Xesús a pousar os ollos e o corazón no esencial. Que é o esencial da nosa fe, da nosa condición de persoas cristiás? Que é aquilo que nos distingue coma tales?

En realidade, os xudeus tíñamo claro, e incluso claramente escrito no mandamento principal, que lembraban cada día na oración da mañá: “Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa mente e con toda a túa forza”. Ante a pregunta do letrado, Xesús non fai senón remitilo ao que de todos era ben sabido; iso si, se lle preguntan polo primeiro dos mandamentos, ao responder, sen que lle pregunten, contesta tamén advertindo sobre da igual importancia do que Xesús chama o segundo: “Amarás o próximo coma a ti mesmo”. Xesús non entende un sen o outro.

Está claro qué é o importante, o máis importante para Xesús. Está claro que é o importante, o máis importante para aqueles que pretendemos andar no seu seguimento. É importante subliñar a radicalidade coa que Xesús anuncia cada un deses dous mandamentos principais. A Deus é necesario amalo “con todo o corazón, con toda a alma, con toda a túa mente e con toda a túa forza”; é coma dicir, amalo con todas as posibilidades e recursos, físicos, psíquicos, sociais, do teu ser. Non é bo para a limpeza dese amor que nada quede excluído. Nada queda excluído cando o amor é potente, como nos pasa cando estamos namorados dunha persoa. E ao próximo é necesario amalo “coma a ti mesmo”, entendendo, en principio, cando non estamos danados por algún deterioro psíquico ou social, que o amor a un mesmo é ese algo case instintivo ao redor do cal se desenvolve con naturalidade a nosa actividade vital.

Certo que, aínda que as cousas parecen moi claras e moi sinxelas, os homes e mulleres de todos os tempos temos as nosas dificultades para entrar con pé dereito polo carreiro dos amores, do amor. Amar é unha arte, que precisa aprendizaxe e exercicio diario, para poder chegar a converterse no motor feliz da nosa vida. Xesús é experto e mestre nesa arte, moito máis ca en doutrinas de ningunha clase. O Evanxeo non é senón unha mostra viva de como Xesús entendía iso de amar, tanto a Deus coma a xente, nun mesmo é único movemento.

Como vivimos hoxe este mandamento básico do amor, como persoas e como comunidade cristiá? Que poderiamos facer para reforzarnos no amor a Deus, á xente, aos veciños/as? Que trampas hai que nos poden estar empuxando cara a ilusións, nas que dicimos amar a Deus, e sabe Deus a quen amamos, nas que dicimos estar amando á xente, e sabe Deus a quen amamos? Un criterio moi bo, aconsellado por Xesús, é, como vimos, que non desaparellemos nunca o amor do próximo do amor a Deus. E como se ama ao próximo sabémolo ben. Sabémolo ben especialmente en tempos de crise, de carencias, de desesperanzas. Outro criterio pode ser o de conxugar sempre un amor de compartir inmediato (tenrura, pan, apertas, esmolas, acompañamento...) cun amor responsable, estrutural, que axuda a situar a outra persoa ante a súa propia responsabilidade e que mira tamén polo cambio de sistemas sociais, políticos, económicos que con frecuencia son os causantes das necesidades que as persoas teñen.

Preces

CONFIAMOS EN TI, SEÑOR,
PARA SER GRANDES NO AMOR.

Para amar a Deus con paixón e limpeza, como ti o fixeches. Oremos.

Para amar as persoas que nos rodean con desinterese e devoción. Oremos.

Para mellor servir a quen precisa de nós, sen esperar nada a cambio. Oremos.

Para amar loitando por cambiar as estruturas sociais inxustas, das que depende moito benestar da xente. Oremos.

Para nos sentir fondamente amados/as por ti, e así amar non por obriga, senón desde a experiencia de que o amor é o máis grande, o que de verdade nos dá respiro na vida. Oremos.

Oración
Sempre ao teu lado, Xesús,
sempre ao teu lado,
sempre aprendendo,
sempre ti reconducíndonos ao esencial,
onde se xoga
a verdade de Deus en nós,
a nosa verdade en Deus.
Grazas!

Por riba de leis e de normas,
por riba de credos e de dogmas,
está o amor;
dísnolo con voz convencida,
coa firmeza de quen ten experimentado
a humilde e fermosa graza
de amar a fondo porque a fondo foi amado.
Grazas!

O camiño está trazado con limpeza,
non hai lugar a dúbidas e enganos:
amar, só amar, amar a presas,
poñendo en xogo todo o mellor do ser humano.

E andar co corazón na man a cada hora,
deixando que o amor libere as nosas vidas:
amar a Deus con formas espelidas,
compartindo agudamente as dores de quen chora.

Co nome de Deus fresco e san na boca,
co nome sagrado de veciños e veciñas
cubrindo o amor co manto da xustiza,
gardándonos a vida de ilusións ocas.

Sempre ao teu lado, Xesús,
sempre ao teu lado,
sempre aprendendo
Grazas!
Acción

¿Cómo andamos de feitos de amor real cara á xente que nos rodea, sobre todo cara á xente máis necesitada? Podemos hoxe botarlle unha ollada a isto, que para Xesús é o sinal máis claro do nos amor a Deus. Podémolo incluso anotar nun caderno persoal, para tomar máis conciencia do feito.


1 de novembro: Solemnidade de todos os Santos e Santas

1ª lectura: Ap 7, 2-4. 9-14. Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6. 2ª lectura: 1 Xn 3, 1-3

Evanxeo: Mt 5, 1-12a

Vendo Xesús a multitude, subiu ao monte e sentou. Achegáronselle as persoas que acompañaban máis de preto e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo:
Ditosas as persoas totalmente pobres,
porque delas é o Reino dos ceos.
Ditosos as que choran,
porque elas serán consoladas.
Ditosos as non violentas,
porque elas herdarán a terra.
Ditosos as persoas que pasan fame e sede de xustiza,
porque elas ficarán fartas.
Ditosas as misericordiosas,
porque elas acadarán a misericordia.
Ditosos as de corazón limpo,
porque elas verán a Deus.
Ditosos as que traballan pola paz,
porque elas serán chamados fillas de Deus.
Ditosos as persoas perseguidas por causa da xustiza,
porque desas tales é o Reino dos ceos.
Ditosos vós, cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa; alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos ceos.
Meditación

Sentamos aos pés de Xesús como o fixeron no seu momento as persoas que o acompañaban. Abrimos ben os ollos do corpo e do espírito para escoitar, acoller e facer nosas as palabras e as propostas de Xesús. Procuramos non lle buscar rebaixas ao que Xesús comparte connosco. Aceptámolo todo tal como soa, aceptando a nosa dificultade para entendelo, para embarcar nesa ilusión as nosas vidas. Deixamos que cada unha desas nove propostas de felicidade se vaian pousando lentamente sobre o noso corpo, sobre o noso espírito, sobre a nosa vida toda, e nos enchoupen da fonda e insospeitada novidade da boa nova de Xesús. No posible fuxamos da simulación. Frecuentemente lemos estas palabras de Xesús –tamén moitas outras--, dicimos aceptalas como palabras de vida para nós, pero logo, na práctica, a nosa busca de felicidade vai por outros camiños, porque no fondo desconfiamos de que esa proposta de Xesús sexa algo que valla, que funcione. Fagamos a proba. Experimentémolo. Con humildade, fiándonos de Xesús, dispoñámonos a esa aventura; poñamos nela todo o noso interese. Quizais empecemos a gustar cousas que nunca imaxinamos gustar. E a pouco prezo. Case coma un regalo que nos chega das mans de quen ben nos coñece e de quen moito nos aprecia. Por iso nos dá o mellor que ten para axudar a sermos xente feliz.

Oración
Xesús, meu irmán e mestre,
quero ser feliz, ben o sabes,
aínda que cos anos me vaia resignando
e vaia aceptando vivir en paz coas carencias.
Pero aínda así, meu irmán e mestre,
que non se durman en min
os soños dunha felicidade compartida;
que asenten en min amplamente
as ansias de felicidade de toda a xente infeliz do mundo.
Xesús, meu irmán e mestre,
só ti podes agrandar o espazo dos meus soños,
só ti coas cousas do teu Deus, co noso Deus,
podes colmalos ata o infinito.
Felices as persoas que de ti podemos aprender
insospeitadas maneiras de sermos persoas felices!

Acción

Podemos ler hoxe algo do libriño do Papa Francisco titulado “Alegrádevos e brincade do gozo”, que fala da chamada á santidade no mundo actual; o capítulo 3º, por exemplo, que entre outras cousas vai comentando as benaventuranzas.


2 de novembro: Conmemoración de todos os fieis defuntos

1ª lectura: Lam 3, 17-26. Salmo: 129.

Evanxeo: Xn 14, 1-6

Nun momento da Última Cea díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:

—Non vos angustiedes; crede en Deus e crede tamén en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; se así non for, ¿teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde vou eu, ben sabedes o camiño.

Dille Tomé:

—Señor, se non sabemos onde vas, ¿cómo imos saber o camiño?

Xesús respondeulle:

—Eu son o camiño, a verdade e a vida; ninguén chega onda o Pai máis ca por min.

Meditación

Xesús fálanos de moradas, de moitas moradas, de lugares que nos prepara, para alí estar con el, para alí chegar onda o Pai indo polo camiño que é el mesmo. Ben se ve que non se trata de lugares físicos; non hai un lugar físico ao que lle chamemos ceo, nin neste mundo, non en ningún outro lugar do cosmos. Tratase dun lugar espiritual. Trátase de estar en Deus simplemente, fóra do tempo e do espazo. Non sabemos o que iso pode ser. Sabemos que é cousa boa, porque Deus é a fonte de todo ser, de toda vida, de toda paz, de toda unión, de toda boa experiencia comunitaria.

Cando morremos, ese é o noso destino. Invítanos Xesús a agardalo sen angustia; hai moitas moradas; todos, todas collemos en Deus; a pesar das nosas ruindades, todos, todas temos lugar no corazón de Deus; todas, todos temos un algo de amor, que é en nós a semente de Deus, semente de eternidade. Xesús, camiño, verdade e vida, lévanos da man cara a ese encontro definitivo con Deus, con todos os homes e mulleres do mundo, con toda a creación reconciliada. Deus sexa bendito por esta esperanza tan grande asentada nos nosos corazóns.

Oración
Grazas, Deus noso,
polos homes e mulleres defuntas
das nosas casas, das nosas parroquias, das nosas aldeas e cidades.
Grazas polas súas vidas en tantas cousas tan sufridas,
en tantas cousas tan exemplares tamén.
Grazas polo que fixeron, polo que amaron, polo que serviron,
polos bens materiais, culturais, espirituais
que nos deixaron en herdanza.
Grazas, Deus noso,
polo respecto e agarimo que tiveron por ti,
e polo agarimo que ti tes por todas elas,
garantía do seu descanso eterno no teu seo,
porque ti, Deus noso,
es todo amor, todo perdón, e todo reconciliación.
Grazas, Deus noso,
que a memoria dos nosos defuntos
nos sosteña na nosa vida cristiá de cada día.
Acción

Seguro que neste día visitaremos o lugar onde repousan os nosos defuntos, para recordalos, para agradecelos, para gozar sabéndoos nas mans de Deus. Podemos fixarnos en tal ou cal aspecto deles máis orixinal e fermoso, para agradecelo especialmente e, no posible, imitalo.


3 de novembro: Mércores da 31ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 13, 8-10. Salmo: 111, 1-2. 4-5. 9
Ano 2: 1ª lectura: Flp 2, 12-18. Salmo: 26, 1. 4. 13-14

Evanxeo: Lc 14, 25-33

Nunha ocasión volveuse Xesús cara á moita xente que o acompañaba e díxolle:

—Se alguén vén onda min e non é persoa disposta a deixar en segundo lugar o seu pai e a súa nai, a muller, o home e máis os fillos ou fillas, os irmáns e as irmás, e incluso a súa propia vida, non pode ser discípulo ou discípula miña. Quen non carga coa súa cruz e me segue, non pode ser discípulo ou discípula miña.

Pois ¿quen de vós, querendo construír unha torre, non se para a pensar no presuposto, a ver se a pode rematar? Non vaia ser que bote os alicerces e non a dea rematado e a xente que o vexa faga risa del, dicindo: “Este empezou a construír e non deu rematado”.

Ou ¿qué rei, que sae á guerra contra outro, non senta primeiro a cavilar se lle chegarán dez mil homes para loitar contra vinte mil? E, se ve que non, cando aínda o ten lonxe, mándalle unha embaixada, pedindo condicións de paz.

Pois así, quen de vós non renuncie a todo o que ten, non pode ser discípulo ou discípula miña.

Meditación

Non se trata de desprezar a familia ou a propia persoa. Ambas, familia e persoa, son realidades que forman parte da nosa existencia, querida así por Deus. Trátase de ver cal é o nervio que unifica e potencia a nosa vida de cada día. Trátase de ver onde se asenta a nosa vida, onde atopa sentido e luz. Xesús dinos que, se queremos ser persoas que gocemos da súa compaña, do seu alento, daquela é necesario estar dispostas a dicir que non a certas esixencias familiares que non vaian co de Xesús; igual que é necesario estar dispostas a romper coas propias apetencias, con aqueles afáns persoais que nos distancien do seguimento de Xesús. Isto pódenos parecer duro, pero non deixa de ser unha condición de madurez que noutros campos da vida tamén o consideramos necesario. É a cruz coa que é necesario cargar cando queremos ser coherentes coas nosas opcións. A molicie, a brandura, non vale para facer persoas consistentes, nin seguidoras ou seguidores de Xesús consistentes.

Oración
Quero madurar ao teu lado, Xesús.
Quero vincularme fondamente a ti
desde a atracción, desde o encanto,
non desde a simple obriga de coherencia.
Quero que o teu Espírito entre a fondo en min
me traballe por dentro e por fóra
e me faga capaz das maiores fidelidades
coa maior normalidade e humildade.
Quero madurar ao teu lado, Xesús,
ao lado tamén das tarefas domésticas,
do trato familiar coidadoso,
dos servizos á comunidade veciñal, ao pobo,
da participación social, política.
Grazas polo teu acompañamento permanente.
Acción

Encontrámonos nalgún aperto, nalgunha disxuntiva, entre vivir como persoas cristiás na vida e manter algunhas opcións persoais a nivel familiar, social, político? ¿Podemos dar algún paso á luz deste evanxeo de Xesús? Seguro que si.


4 de novembro: Xoves da 31ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 14, 7-12. Salmo: 26, 1. 4. 13-14
Ano 2: 1ª lectura: Flp 3, 3-8a. Salmo: 104, 2-3. 4-5. 6-7

Evanxeo: Lc 15, 1-10

Naquel tempo os publicanos e a xente pecadora achegábanse a Xesús para o escoitaren. Por iso os fariseos e mestres da Lei murmuraban, dicindo:

—Este acolle a xente pecadora e come con ela.

Entón Xesús contoulles esta parábola:

—¿Quen de vós, se ten cen ovellas e perde unha delas, non deixa as noventa e nove no descampado e vai en busca da perdida, a ver se a atopa? E cando a atopa, volve todo contento para a casa, con ela ao lombo; e, chamando pola xente amiga e veciña, dilles: “Alegrádevos comigo, que atopei a ovella que perdera”. Pois eu tamén vos aseguro que haberá máis alegría no ceo por unha persoa pecadora que se converta que por noventa e nove xustas que non precisen conversión.

E ¿qué muller que teña dez moedas e perde unha, non acende a luz e non varre a casa, buscándoa con coidadiño ata atopala? E, cando a atopa, chama pola xente amiga e veciña para lles dicir: “Alegrádevos comigo, que atopei a moeda perdida”. Asegúrovos que outro tanto se alegran os anxos de Deus por unha soa persoa pecadora que se converta.

Meditación

Parábolas exclusivas de Lucas que nos sitúan no centro da experiencia relixiosa cristiá. Así é o Deus de Xesús, así é Xesús mesmo: o pastor que sae tras da perdida, busca ata atopala, e cando a atopa goza e comparte os seus gozos; a muller que acende a luz, varre, remexe na procura da moeda perdida, ata que a atopa, gózase por iso e comparte coa veciñanza a súa ledicia. Así é Deus, así é Xesús. E dentro desa realidade estamos metidas todas e todos nós. E estámolo sendo obxecto desa busca apaixonada de Deus. En algo somos sempre persoas perdidas, obxecto de busca, motivo de gozo, motivo de festa. E estámolo tamén recibindo a invitación de Deus, de Xesús, a sermos nós tamén pastor e muller que se erguen e saen, que dispoñen todos os medios necesarios para atopar o perdido, e poder logo festexar comunitariamente pola recuperación da xente. E todo isto sen ningún aire de superioridade paternalista; simplemente desde un sentido fondo de irmandade. En comunidade facémonos, recuperámonos, gozámonos, construímonos ao gusto de Deus, que así nos quere.

Oración
Grazas, meu Deus,
porque andas tras min
con ollada tenra e respectuosa.
Grazas porque che intereso,
porque ocupo un lugar no teu corazón
e velas e desvelas por mor miña.
Grazas porque te apenas cos meus fracasos
e te aledas cos meus éxitos
medidos coa vara da fraternidade.
Grazas porque me fas motivo de festa
para toda a comunidade,
motivo de festa e de esperanza.
Grazas porque me invitas a andar contigo
polos camiños da solicitude solidaria,
sen aires de chulería, humildemente.
Grazas, meu Deus, grazas.
Acción

É algo arriscado, pero igual podiamos pensar nalgunha persoa a quen vexamos algo perdida, algo desalentada, algo equivocada, e, con todo o respecto e agarimo do mundo, achegarnos a ela, falar, ver de entendela, ver como axudala. Paga a pena.


5 de novembro: Venres da 31ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 15, 14-21. Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3cd-4
Ano 2: 1ª lectura: Flp 3, 17—4,1. Salmo: 121, 1-2. 3-4a. 4b-5

Evanxeo: Lc 16, 1-8

Unha vez díxolles Xesús aos seus discípulos:

—Había un home rico que tiña un administrador, do que lle foron contar que estaba a lle acabar cos bens. Chamou por el e díxolle: “¿Qué é iso que sinto falar de ti? Dáme conta da túa administración, que quedas despedido”.

O administrador púxose a cavilar: “¿E agora que vou facer, que quedo sen traballo? Cavar, non podo; e botarme a pedir, dáme vergonza. Xa sei o que vou facer para que cando me despidan haxa quen me acolla na súa casa”.

Vaise e chama por cada un dos debedores do seu amo, e pregúntalle ao primeiro: “¿Ti canto lle debes ao meu amo?” El respondeulle: “Débolle cen bocois de aceite”. El díxolle: “Pois colle o teu recibo e escribe axiña cincuenta”. Despois preguntoulle ao segundo: “¿Ti canto debes?” Respondeulle: “Debo cen ferrados de trigo”. Díxolle el: “Pois colle o teu recibo e escribe oitenta”.

O amo loou a aquel administrador inxusto pola astucia coa que actuara, pois os fillos deste mundo son máis asisados nas cousas deles cós fillos da luz.

Meditación

Na Igrexa –tamén na sociedade civil— estamos en tempos de certa desfeita; as cousas non van ben, como tampouco lle ía ben a facenda do home rico da parábola de Xesús. Oímos dicir por un lado e outro: se as cousas non van ben, e queres ter resultados distintos, debes empezar a facer cousas distintas. É dicir, debes poñer intelixencia, astucia, mañas –sempre lexítimas— para que as cousas funcionen e poidas chegar ao que aspiras, que no noso casa é ter unhas comunidades cristiás vivas ao servizo dunha sociedade xusta e irmandada en todo. Sentar, cavilar, ensaiar, revisar, todo con astucia da boa. E, seguramente, antes, no medio e despois de todo iso, simplificar o corazón e a vida, baleirarnos de mil historias, e deixar que o Espírito de Deus nos colla por fóra e por dentro, como facía Xesús, para sermos de verdade fillos e fillas da luz.

Oración
Cantas veces non sabemos que facer, meu Deus!
Témoste a ti como inmensa riqueza nas mans,
e non sabemos que facer contigo,
nin co teu Espírito
que tan ben guiou os pasos de Xesús de Nazaré.
O Pan volveuse balorento nas nosas mesas.
As nosas palabras volvéronse acedas.
E a cantas persoas lles feden a pasado e canso
as nosas comunidades!
Será posible botar viño novo en pelellos vellos?
Ou mendar un vestido vello cun mendo novo?
Será posible darlle paso á astucia, á ousadía no teu nome?
Nas túas mans nos poñemos, meu Deus.
Ti pódelo todo.
Acción

Se nos paramos a pensar, seguro que atoparemos algún aspecto da nosa vida persoal, comunitaria, social, que nos está pedindo astucia, iniciativa, creatividade, para reparalo, para avivecelo. Probemos niso a ser fillos e fillas da luz.


6 de novembro: Sábado da 31ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 16, 3-9. 16. 22-27. Salmo: 144, 2-3. 4-5. 10-11
Ano 2: 1ª lectura: Flp 4, 10-19. Salmo: 111, 1-2. 5-6. 8a e 9

Evanxeo: Lc 16, 9-15

Nunha ocasión díxolle Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:

—Facede amigos coas riquezas inxustas, para que, cando vos falten, vos acollan nas moradas eternas. Quen é fiel no pouco tamén, tamén no moito será fiel; e quen é inxusto no pouco, tamén no moito será inxusto. Pois, se coa riqueza inxusta non sodes fieis, ¿quen vos vai confiar a verdadeira? E, se no alleo non sodes fieis, ¿quen vos vai confiar o voso? Ningún criado ou criada pode servir a dous señores, porque ou lle ten xenreira a un e ama o outro, ou ben atende a un e menospreza a outro. Non podedes servir a Deus e máis o diñeiro.

Os fariseos, que tan amigos son dos cartos, escoitaban estas cousas e burlábanse del. Xesús díxolles:

—Vós aparentades moi perfectos diante da xente, pero Deus coñécevos por dentro, e Deus anoxa o que aos ollos da xente é admirable.

Meditación

Xesús non critica para nada o diñeiro honrado como medio de vida digna. O pan de cada día, polo que el clamaba, demanda ter diñeiro co que adquirilo. E quen di pan, di todo o necesario para unha vida digna. Pero o diñeiro, convertido en riqueza, normalmente é algo ao que se serve; e servir quere dicir que a nosa vida, as nosas enerxías, os nosos afáns estean basicamente orientados a conseguir esas riquezas.

Xesús ben ve que o diñeiro crea imaxe social, normalmente moi honorable. A Deus non lle vai iso da imaxe social, mesmo lle dá noxo, por dicilo dalgunha maneira; é unha pura aparencia, moitas veces fabricada con corrupción, como ben sabemos. Ademais Xesús pensa que manexar o diñeiro é coma manexar un ben menor, un ben alleo, necesario para o elemental, pero que propiamente non forma parte da nosa valía humana, que se expresa en cousas moito máis valiosas, como pode ser a humanidade, o respecto, a consideración co débil, o non abusar en nada, a honradez, … Quen non xestiona ben ese ben menor, que é o diñeiro, malamente vai xestionar ben a súa vida humana.

Posiblemente estas ideas e sentimentos de Xesús nos deixen un pouco descolocados/as. En poucas cousas somos tan pouco consecuentes coa nosa condición cristiá coma neste tema dos cartos. É para que o pensemos.

Oración
Benditos os cartos, Xesús,
que lle aportan vida digna á xente empobrecida.
Malditos, en cambio, os cartos
conseguidos con calquera clase de inxustiza.
Benditos os cartos, Xesús,
que empregamos para crear irmandade.
Malditos, en cambio, os cartos
que valen para establecer diferenzas indignas.
Benditos os cartos limpos, Xesús,
gañados co esforzo e coa intelixencia.
Malditos, en cambio, os cartos
acumulados a base de corrupción e abusos.
Benditos os cartos, Xesús,
acollidos e gozados con agradecemento.
Malditos, en cambio, os cartos
que ensoberbecen á conta da amargura da xente débil.
Acción

¿Cómo nos situamos ante o diñeiro? ¿Adoptamos ante el as precaucións que Xesús nos indica? Ben seguro que todas, todos sen excepción temos moito que rascar neste tema. Rascar e mellorar.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.