19 de decembro: domingo 4º de Advento
1ª lectura: Miq 5, 1-4a. Salmo: 79
2ª lectura: Heb 10, 5-10.
Evanxeo: Lc 1, 39-45
Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña a unha vila de Xudea. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Isabel. E en oíndo Isabel o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón chea do Espírito Santo, exclamou Isabel a grandes voces:
—Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. ¿Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. ¡Ditosa ti, que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!
Meditación
Os relatos da infancia de Xesús escritos por Lucas, máis que datos históricos, pretenden ofrecernos cadros simbólicos, cos que describir as formas da presenza de Deus no medio de nós –presenza sinxela e misteriosa a un tempo—, e as mellores maneiras de captar esa presenza e de gozar con ela, pois trátase dunha presenza de vida e de liberdade para todos nós, para o conxunto da nosa sociedade. Son relatos sinxelos, moi vivos, construídos ao redor de figuras crentes moi expresivas, que se desenvolven con maneiras das que moito podemos aprender. Neste contexto, a figura de María colle importancia nas celebracións cristiás do Advento na medida en que se van achegando os días do Nadal.
María visita á súa prima Sabela. Podemos reparar na importancia do vivido nesa acción relativamente simple, que todos tantas veces facemos, ou podemos facer. Cousas sinxelas, pero que posibilitan que o misterio de Deus, a bondade de Deus sexa coñecida e gozada.
Visitar: saír da casa, do propio, ir á casa allea, ao mundo alleo; andar camiños, asumir dificultades, superar comodidades; visitar a calquera, a aqueles/as de quen sabemos que son portadores/as de moitas bondades, ou a aqueles/as que nestes tempos de crise están envoltas en aflición, esperando apoios e alentos. Quizabes especialmente a estes.
Encontrarse: situarse corporalmente, espiritualmente diante do outro/a; os encontros sempre teñen algo de reto, de incomodidade segundo os casos. Porque, se visitamos, o encontro leva consigo compartir: falar das cousas fondas, gratas ou non gratas que cada un leva na súa mente, no seu corazón. Falar de ideas, de feitos, de sentimentos. Falar do que un soña, e mesmo dos soños que Deus vai depositando, como semente de vida, nas nosas entrañas, no noso corazón. Os encontros resultan imprescindibles para o noso benestar, para o noso crecemento, para a nosa liberación.
Visitar, encontrarse, compartir, facéndoo con humildade, co desexo de descubrir o don de Deus encerrado no ventre, na vida da outra persoa; a presenza de Deus que nela se me ofrece, se me regala. Cantas veces se nos escapan verdadeiras marabillas de Deus agachadas nas vidas humildes de persoas humildes! É unha bendición, que un pode desexar, buscar con todo o corazón, iso de saber descubrir as sementes de Deus nas mil pequenas cousas que compoñen o noso día a día. Sen dúbida as persoas que están sufrindo as consecuencias moitas veces dramáticas da crise pódennos abrir os ollos para comprender moitas cousas sobre a vida, sobre as relacións sociais, sobre a nosa maneira de vincularnos aos bens materiais, sobre a nosa liberdade ante eles, sobre ata que punto o amor, a solidariedade ten peso e consistencia nas nosas vidas, sobre as nosas opcións políticas.
Visitar, encontrarse, compartir, descubrir, aprender, darlle nome ás cousas, dicilas, publicalas, para que o que é don de Deus saia e colla a canta máis xente mellor. E que a forza de salvación vivida nos seos humildes das persoas humildes se espalle alentando soños, axudando a superar perezas, creando redes de afecto, de agradecemento, de animación, de esperanza, agora que as esperanzas tanto fraquean e todos estamos tentados de cruzarnos de brazos e abandonar, ou refuxiarnos quizabes no feito de que, polo que sexa, eu podo estar librando da crise coas súas inxustas perturbacións.
E bendicir a Deus con alegría pola súa presenza viva entre nós, desenvolvendo unha espiritualidade sinxela na vida, desde a vida, que nos vigorice no noso estar presente na vida das persoas, na sociedade, e no de aceptar as demais persoas como presenza de Deus na nosa vida.
María é un modelo de toda esta labor humana, espiritual. María, a crente, a que se fia de Deus, a que cre que Deus é capaz de encher de vida os ventres humildes, mesmo os ventres estériles; a que nos invita a encher do necesario as casas que o precisan; María, a entregada , a disposta a esperar contra toda esperanza, a soñar, porque aprendeu a pousar a súa esperanza nas mans sólidas de Deus, das promesas de Deus. María, a alentadora de soños, soños persoais e soños sociais. María, a mestra, a que nos leva da man nun recorrido humano e espiritual desde a esterilidade á plenitude, desde a tristeza á ledicia, desde o uso exclusivista e competitivo dos bens materiais ao seu uso compartido, fraterno, desde a escravitude á liberdade. María, a revolucionaria. María, a toda de Deus. María, a toda do pobo, a toda nosa.
Preces
¡BENDITA TI ENTRE AS MULLERES, MARÍA,
E BENDITO O FROITO DO TEU VENTE!
Que saibamos pensar nos demais, preocuparnos por eles/elas, visitalos/as, con disposición de compartir, de dar e recibir, para que a vida medre en todos. Oremos.
Que aprendamos de ti, María, a fiarnos de Deus sempre, dunha forma total, cando nos invite a participar con el nos seus soños de máis liberdade e fraternidade entre todos as persoas. Oremos.
Que saiamos das nosas casas cara ás casas e barrios das persoas que peor o están pasando nestes momentos, para que poidamos oír ben a palabra forte de Deus que nos chama á solidariedade. Oremos.
Para que saibamos celebrar con María a preferencia de Deus pola xente máis humilde, e, hoxe que é día de eleccións, convertamos esas preferencias nun voto que mellore a condición de vida da xente máis necesitada. Oremos.
Que en María honremos a todas as mulleres, que militemos contra calquera tipo de violencia contra as mulleres, sempre. Oremos.
Oración
LADAÍÑAS A MARÍAMaría nazarena MARÍA NOSAMaría muller MARÍA NOSAMaría aldeáMaría labregaMaría do poboMaría traballadoraMaría nena e mozaMaría casadeiraMaría amante e amadaMaría festeiraMaría casadaMaría embarazadaMaría caladaMaría escoitadoraMaría abertaMaría meditadoraMaría bendicidaMaría crenteMaría entregadaMaría esperanzadaMaría libreMaría pobreMaría humildeMaría visitadoraMaría camiñanteMaría faladoraMaría compartidoraMaría cantoraMaría soñadoraMaría subversivaMaría solidariaMaría parturienteMaría maiMaría aleitadoraMaría educadoraMaría coidadoraMaría transmisora da feMaría mestraMaría dubitativaMaría desbordadaMaría discípulaMaría compañeiraMaría asembleariaMaría colaboradoraMaría ocultaMaría cativadoraMaría silenciosaMaría velliñaMaría santaMaría mortaMaría resucitadaMaría da comunidadeMaría da xente pobreMaría do Terceiro MundoMaría de DeusMaría de XesúsMaría do EspíritoMaría do NadalMARÍA NOSA
Acción
Para ir entrando no onda do Nada, podiamos hoxe ir visitar tamén a algunha persoa, coa que poder falar, compartir dalgunha maneira a nosa ilusión cara ao Nadal, cara ao Xesús do Nadal, que está ás portas.
20 de decembro: luns da 4ª semana de Advento
1ª lectura: Is 7, 10-14
Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6
Evanxeo: Lc 1, 26-38
Sucedeu que aos seis meses (do anuncio do nacemento de Xoán Bautista) Deus mandou o anxo Gabriel a unha aldea chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.
O anxo entrou onde estaba ela e díxolle:
—Alégrate, chea de graza, o señor está contigo.
Ela turbouse con estas palabras, cavilando que podería significar aquel saúdo. O anxo continuou:
—Non teñas medo, María, porque ti gozas do favor de Deus. Mira, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo, a quen chamarás Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob e o seu reinado non terá fin.
María respondeulle ao anxo:
—E como pode ser isto, si non convivo con ningún home?
O anxo contestoulle:
—O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que consideraban estéril, pois para Deus non hai imposibles.
María contestou:
—Pois aquí está a escrava do Señor: que se cumpra en min canto dixeches.
E o anxo marchou de onda ela.
Meditación
É algo moi fermoso ver que as grandes cousas de Deus se desenvolven moi especialmente en persoas humildes, en medios humildes. María era unha simple muller de aldea, ignorante en moitísimas cousas, pero sabia en levar a vida adiante, sabia en traballar, en amar o seu mozo Xosé, sabia en atender as fonduras do seu propio corazón e en telo aberto ás sorpresas de Deus.
O que María viviu é o que dalgunha maneira vivimos todos, todas nós. Coma ela somos persoas que gozamos do agarimo total de Deus, porque Deus non sabe querer soamente a anaquiños poucos. Coma ela somos persoas invitadas a deixar que Deus tome carne en nós, que as cousas de Deus enchan as nosas vidas, os nosos pensamentos, as nosas accións. Coma ela contamos coa garantía do Espírito de Deus. Coma ela podemos dicir si ou non á proposta de Deus. Oxalá a saibamos imitar e poidamos dicir desde o fondo da nosa vida: aquí está tamén unha persoa disposta a que estas cousas fondas de Deus tomen corpo na miña vida.
Oración
Recoñezo que che teño algo de medo, meu Deus,que a miña fe é cativa,que dubidoá hora de darche entrada no meu corazón,na miña vida toda.Que o teu Espírito me aclare e me fortaleza,para poderche dicir sempre “si”,coa humilde convicción coa que cho dixo Santa María.
Acción
Observa a túa vida. Deus preséntasenos moitas veces na voz, nas propostas de diferentes persoas ou realidades que nos falan de cousas que saben a Deus: acompañar a alguén, participar en algo comunitario, sumarse a algunha protesta digna, rexeitar unha chamada ao odio, á vinganza, etc. Case sen nos decatar, a diario estamos practicando iso do “si” e do “non” a Deus. Repara en como vives isto no día de hoxe.
21 de decembro: martes da 4ª semana de Advento
1ª lectura: Sof 3, 14-18a
Salmo: 32, 2-3. 11-12. 20-21
Evanxeo: Lc 1, 39-45
Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudea. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Sabela. E en oíndo Sabela o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Sabela a grandes voces:
—Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. Ditosa ti, que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!
Meditación
É ben fermosa esa solicitude, esas présas de María por ir compartir coa súa parente Sabela o que estaba acontecendo na súa vida. É ben fermoso ver como tamén a Sabela se lle revolven as entrañas ao entrar en contacto coas cousas do Espírito. E de fondo está todo o que o Espírito é capaz de facer en nós, connosco, cando lle abrimos de par en par as portas do corazón, da vida.
Todas, todos estamos chamados a vivir e compartir cousas semellantes. Por Deus non queda. Polo Espírito non queda. De nós depende acoller ou non a proposta de Deus de deixar que as cousas do Espírito de Deus —todo o que ula a coidados e solidariedades— tomen corpo, collan carne, na nosa existencia diaria. De nós depende gozar ou non compartindo entre nós o que o Espírito vai facendo florecer nas nosas vidas.
Oración
Bendita ti entre as mulleres, María visitadora,e bendito o froito do teu ventre, Xesús!Bendita ti, Sabela acolledora,por saberes captar e espallar os ecos do Espírito!Bendita a inmensidade de mulleresque xeraron e pariron vida de mil maneiras!Benditos todos nós,invitados a facer que a vida floreza nas nosas manspara ben, sobre todo, de quen de menos vida goce!
Acción
Visita a alguén que necesite ser visitada. Comparte bens materiais e espirituais que a vida che foi poñendo nas mans. E cantade algo xunt@s.
22 de decembro: mércores 4ª semana de Advento
1ª lectura: 1 Sam 1, 24-28
Salmo: 1 Sam 2, 1. 4-5. 6-7
Evanxeo: Lc 1, 46-56
Entón María exclamou:
A miña alma proclama a grandeza do Señor, e alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador, porque reparou na súa humilde escraviña.
Velaí, desde agora todas as xeracións me van felicitar, porque o Poderoso fixo en min marabillas. Santo é o seu nome! A súa misericordia chega sempre a toda a xente que o honra.
Manifesta todo o seu poder desbaratando os plans dos soberbios. Derruba os poderosos do seu trono e fai subir os humildes; enche de ben os famentos e despide baleiros os ricos.
Ampara a Israel, o seu servo, lembrándose da súa misericordia, conforme prometera aos nosos pais, en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.
María permaneceu con ela (Sabela) tres meses e logo volveu para a súa casa.
Meditación
Estamos invitados todos, todas, a participar na ledicia de María. A ledicia de María nace da súa conciencia de ser pequeniña cousa diante de Deus, pero pequeniña cousa querida e agraciada. Pequeniña cousa disposta toda ela para acoller as propostas liberadoras de Deus en favor de todo o seu pobo.
María ve que se realiza nela o que en verdade Deus viña realizando con todo o seu pobo, con toda a humanidade, ao longo dos séculos: unha ondada de paixón amorosa que o envolve todo, e que se manifesta expresamente na vontade de Deus de remediar a humanidade desde unha atención preferente polas necesidades e dereitos da xente máis débil. A salvación no vén desde o poder, desde a riqueza, senón desde a debilidade.
María vive e celebra este xeito de ser do Deus do seu pobo. Estamos invitados a participar, ben desde dentro de nós mesmas, desta ledicia de María.
Oración
Quen me dese pequeniño diante túa, meu Deus,asombrado pola humilde marabilla da túa forzaque non para de amosarse nos feitos miúdosda xente miúda que confía cegamente en ti!Quen me dese facerme música das túas fazañas,cantora en todos os escenarios da vidaonde o máis pequeno e humilde é valoradoe o máis poderoso e soberbio, rebaixado!Quen me dese levar no meu corazón a túa festa, Deus,e poder contribuír con ela á festa e ledicia do meu pobo!Quen me dese, Deus, quen me dese!Que ti me deas, que Santa María me dea!
Acción
Apúntate a algún festexo do Nadal, onde se poidan cantar, con voz crente ou non, as marabillas de Deus no medio do seu pobo.
23 de decembro: xoves 4ª semana de Advento
Mal 3, 1-4. 23-24
Salmo: 24, 4bc-5ab. 8-9. 10 e 14
Evanxeo: Lc 1, 57-66
Cando se lle cumpriron os meses a Sabela, deu a luz un fillo. E oíron dicir os seus veciños e parentes con canta misericordia o Señor a favorecera, e compartían a súa alegría.
Aos oito días, foron circuncidar o meniño e queríanlle poñer de nome Zacarías, coma seu pai. Pero interveu a nai, dicindo:
—Non, chamarase Xoán!
Eles replicáronlle:
—Pero se non hai ninguén na túa parentela que se chame así!
Entón con acenos preguntáronlle ao pai do meniño como quería que se chamase. El pediu unha taboíña na que escribir e puxo:
Xoán é o seu nome.
Todos ficaron sorprendidos. E no intre a el ceibáronselle os labios e a lingua, e empezou a falar bendicindo a Deus. Os veciños quedaron todos abraiados e por toda a montaña de Xudea difundiuse a noticia destes feitos. E cantos oíron gardábanos no corazón e dicían:
—¿Qué virá a ser este neno?
Porque a man de Deus estaba con el.
O meniño medraba e facíase forte de espírito; e viviu no deserto ata o día no que se manifestou a Israel.
Meditación
Os nomes tiñan un significado especial na vida das persoas e familias xudías. Con eles sempre se quería dicir algo, revelar algo do xa sucedido, do pasado que se quería manter vivo, ou expresar algún desexo, algunha ilusión, algunha esperanza cara ao futuro. Case sempre en clave relixiosa. Zacarías é un nome composto de dúas raíces: lembranza e Deus, Deus lémbrase, un nome moi acaído para a criatura nacida, porque Deus lembrárase da esterilidade de Sabela para remediala. Pero a nai preferiu o nome de Xoán, tamén de dúas raíces: Deus e misericordia. Todo o acontecido quedaba envolto na presenza misericordiosa de Deus, que en Xoán, o precursor de Xesús, iniciaba unha etapa nova, final, na que a misericordia de Deus había ser o feito máis sorprendente.
E iso é o que Lucas nos quere transmitir con este relato todo el orientado a nos ir preparando para o encontro coa presenza de Deus entre nós. Preparádevos para entrar en clave de misericordia. Preparádevos para lle abrir as portas a un Deus a quen lle doedes vós, a quen lle doen as persoas, a historia, os acontecementos, sobre todo cando polo medio hai pobrezas de todo tipo e marxinación. Preparádevos para acoller e practicar a misericordia, a solidariedade máis ampla e máis fonda, con vos mesmos, coa demais xente.
Oración
Grazas, Deus noso queridiño,por te lembrares de nós.Se un pai ou unha naison incapaces de esquecer a súa crianza,como te ías esquecer ti de nós,de cada un, de cada unha de nós,coa nosa particular graza e desgraza,co noso particular mérito e demérito!Grazas, Deus noso queridiño,por ser un Deus doído da túa creación toda,sempre disposto a acompañarnos con solicitude extremapara que nada da nosa rica humanidade se perda,para que a semente de divindade que inseriches en nósfrutifique nunha vida inocente, xusta, colmada, feliz.Deus da lembranza,Deus da misericordia,si, pon entre nós a túa tenda!
Acción
A parte de preparar as cousas materiais para o encontro e a celebración do Nadal, podemos dispoñernos tamén a esta celebración facendo memoria de persoas e grupos sociais significativos para nós, por proximidade, por fraxilidade, e dispoñernos tamén a entrar en feitos de solidariedade, recibida e dada.
24 de decembro: venres da 4ª semana de Advento (Misa da mañá)
1ª lectura: 2 Sam 7, 1-5. 8b-12. 14a. 16
Salmo: 88, 2-3. 4-5. 27 e 29
Evanxeo: Lc 1, 67-79
Zacarías, o pai de Xoán Bautista, cheo do Espírito Santo, profetizou dicindo:
—Bendito sexa o Señor, Deus de Israel, porque veu visitar e redimir o seu pobo, suscitando para nós unha forza de salvación na casa de David, o seu servo, conforme prometera dende antigo por boca dos seus santos profetas: que nos salvaría dos nosos inimigos e das mans dos que nos teñen odio; que tería misericordia dos nosos pais, tendo presente a súa Santa Alianza e a promesa que lle fixera a Abraham, noso pai, para concedernos que, libres das mans dos inimigos, o sirvamos con santidade e xustiza, na súa presenza, todos os días da nosa vida.
E a ti, meu meniño, hante chamar profeta do Altísimo, porque irás por diante do Señor, preparando os seus camiños, anunciándolle a salvación ao seu pobo mediante o perdón dos pecados E así, pola misericordia entrañable do noso Deus amencerá dende o ceo un sol para nós: luz para os que viven nas tebras e xacen entre as sombras da morte, para guiar os nosos pasos polos camiños da paz.
Meditación
O que Zacarías, movido polo Espírito Santo, anuncia como inmediato para o pobo de Israel, ofrécesenos tamén a todos nós, a todos os pobos do mundo, na persoa de Xesús. O mundo todo, os pobos todos, as persoas todas, ti e máis eu entre elas, estamos metidos nesa rede amorosa, solidaria de Deus; un Deus que se preocupa pola súa creación, que xera dinamismos de coidados, de solidariedade, de xustiza, de santidade, para que con eses dinamismos vivamos e construamos día a día a nosa existencia, ante el, na luz, na paz. Deus xa está aquí, á porta, disposto a nacer para as nosas vidas, coma o sol que cada día, sen fallar, se ergue ante nós coa súa luz, coa súa calor. É o Nadal xa.
Oración
Bendito sexas, Deus noso,porque nos queres e nos visitas,porque non te esqueces de nós,porque es sempre pura misericordia.Bendito sexas, Deus noso,porque na persoa humildísima de Xesúsnos regalas unha potente forza de salvación:unha luz que mata as nosas escuridades,unha xustiza que afoga os nosos abusos,unha paz que anula as nosas violencias.Bendito sexas, Deus noso,porque ti nunca fallas ás palabras dadas,porque sempre estás aí,cando de ti precisamos.Que con Xoán Bautistasaibamos ir preparando os teus camiños.
Acción
No Nadal con frecuencia vemos propostas solidarias, cara á xustiza, cara á paz. Podemos participar nalgunha delas, que vexamos
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.