31 decembro, 2021

Tempo de Nadal: 2ª semana

 


2 de xaneiro: Domingo 2º despois do Nadal

1ª lectura: Eclo 24, 1-2. 8-12. Salmo: 147
2ª lectura: Ef 1, 3-6. 15-18

Evanxeo: Xn 1, 1-18

No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus e a Palabra era Deus. Ela estaba no principio onda Deus.

Todo foi feito por ela, e sen ela non se fixo nada do que foi feito. Nela estaba a vida, e a vida era a luz da xente toda; a luz alumea na tebra e a tebra non a deu apagado.

Houbo un home mandado por Deus, o seu nome era Xoán. Este veu de testemuña para dar testemuño da luz, para que todas as persoas cresen por el. Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz.

A Palabra era a verdadeira luz que alumea a todo ser humano que vén a este mundo. Ela estaba no mundo, e o mundo foi feito por ela, pero o mundo non a recoñeceu. Veu á súa propiedade e os seus non a acolleron. Pero a cantos a recibiron —aqueles homes e mulleres que cren no seu nome— deulles o poder de seren fillos e fillas de Deus. Estes non naceron do sangue, nin da vontade da carne, nin da vontade do ser humano, senón de Deus.

E a Palabra fíxose carne e plantou entre nós a súa tenda, e nós vimos a súa gloria, gloria coma de Unixénito que vén do Pai, cheo de graza e de verdade.

Xoán deu testemuño del exclamando: "Este é aquel de quen eu vos dixen: O que vén detrás miña pasa diante miña, pois existía primeiro ca min".

Meditación

O evanxelista Xoán non conta nada sobre as orixes e nacemento de Xesús. Sen embargo, con este himno que abre o evanxeo responde ás mesmas preguntas e inquedanzas de fondo ás que tamén queren responder os evanxeos que contan o nacemento e infancia de Xesús (Mt e Lc): Quen é, quen foi Xesús? Que o iguala e que o distingue de cada un, cada unha de nós? Onde están as fontes do seu ser, da súa liberdade, da súa rebeldía, do seu servizo, da súa tenrura? Non é unha curiosidade inútil intentar responder a estas preguntas, porque, no fondo, o que pasou en Xesús dunha maneira plena, redonda, pasa tamén en cada un, cada unha, de nós, dunha maneira, iso si, parcial, incompleta. Pero o misterio de Deus presente en Xesús é o mesmo que nos envolve e dá identidade a todos, todas nós.

Podemos estar vivindo o Nadal superficialmente, sen decatarnos de que no Nadal debúxanse as marcas fundamentais de todos os homes e mulleres do mundo, polo tanto as nosas tamén. O himno antigo co que se abre o evanxeo de Xoán empeza dicindo como entende el a Deus: Deus é Palabra, é comunicación, é un ser aberto, que bota para fóra todo o ben e bondade, toda a vida que leva dentro. Deus é vida, Deus é luz, Deus é calor, para encher de vida, de luz, de calor este mundo, a todas as persoas que xeración tras xeración o imos habitando, esteamos na parte do mundo onde esteamos, sexamos da raza ou da relixión que sexamos. Todo o que somos, todo o que vemos e tocamos, todo o grande, todo o diminuto, todo o vivido, todo o soñado, todo sen excepción ten a súa fonte neste Deus que o enche todo de vida. Como non vivir no agradecemento! Como non vivir querendo imitar a Deus, sendo nós tamén xente de palabra, de apertura, de comunicación, de vida, de compartir, renunciando a acaparar e engordar a costa da penuria doutra xente; renunciando a sermos nós mesmos centros de nada e vivindo con paz e humildade a nosa existencia fraterna asentada neste Deus de vida!

Este Deus estivo sempre en relación co ser humano; estao tamén con todos e cada un, cada unha, de nós. Ofrécesenos. Hai quen o recibe, quen lle abre as portas, o corazón, a vida; hai quen non o recibe, quen lle pecha as portas. Por que esta diferenza? Entre quen nos situamos nós? Como se lle pechan as portas a Deus? Péchanselle as portas a Deus, se se lle pechan as portas ao amor, á solidariedade, á xente, ás persoas débiles, ...As persoas que o reciben, que lle abren as portas da vida, que deixan que a súa forza de amor e de xustiza marque todos os seus movementos e accións, esas persoas así, simplemente, fanse fillos, fillas de Deus; un nacemento que, coma o de Xesús, tampouco se fai ao xeito humano, mediante a unión de sexos, senón ao xeito de Deus, pola forza do Espírito. Que bo sería que nas comunidades cristiás se nos impulsase para vivir a fondo esta aventura humana: chegar a ser no Espírito, no amor, no servizo, fillas e fillos de Deus!

E a Palabra de vida de Deus fíxose carne, ser humano, fíxose historia, limpamente, rotundamente, na persoa de Xesús de Nazaré: nel resplandeceu todo o que de Deus nos parece o mellorciño: a súa tenrura, a súa liberdade, a súa forza de protesta, a súa mansedume, a súa total humanidade, a súa alegría, a súa paz, a súa rebeldía, o seu perdón... Foi coma unha fervenza de graza, de verdade, de vigor, de alegría, de festa, de esperanza, de futuro, de abundancia da que nós podemos ir bebendo, manténdonos, sosténdonos. E Deus quérese facer carne, ser humano, historia, en cada un, en cada unha de nós, para que a súa vida trunfe nas nosas vidas, nas nosas relacións, nos nosos pobos e parroquias. Como conseguilo? Ollando para Xesús. Seguindo a Xesús. Vivindo as nosas vidas, os nosos traballos, as nosas tensións humanas, a nosa participación social, ao estilo de Xesús. Porque “a Deus ninguén o viu”, pero Xesús, “o Unixénito que está no seo do Pai”, que naceu e viviu entre nós, “foi quen nolo revelou”.

Cada celebración eucarística permítenos entrar en contacto co estilo de vida, coa morte de Xesús, coa súa resurrección. Permítenos compartir entre nós e con Xesús as maneiras cristiás de sentir e de vivir a Deus nas nosas vidas; permítenos caer na conta de que é o amor, o servizo á xente máis débil e marxinal, o que nos permite abrirlle as portas a Deus na nosa vida, e facernos así de verdade fillos, fillas del.

Preces

DA ABUNDANCIA DE XESÚS, IRMÁNS, IRMÁS,
RECIBIMOS TODAS NÓS

Que da túa misericordia, Xesús, recibamos misericordia, para recrearnos nela e doernos de verdade de quen padece miserias e aflicións. Oremos.

Que dos teus coidados amantes e respectuosos, Xesús, recibamos abundancia de solicitude para irmos madurando como persoas, e para saber educar os nosos nenos/as e adolescentes con liberdade, respecto e rectitude. Oremos.

Que da forza de ben que hai en ti, Xesús, recibamos abundancia de fortaleza, para darlle cara aos problemas familiares, económicos, sociais, de convivencia que a vida cada día nos presenta. Oremos.

Que da total dispoñibilidade para o servizo que hai en ti, Xesús, recibamos abundancia de dispoñibilidade, para servir na familia, na comunidade cristiá, no pobo. Oremos.

Que do amor e do respecto absoluto que hai en ti, Xesús, por todas as criaturas, recibamos abundancia de amor e de respecto, para saber valorar as persoas que non teñen os nosos costumes, as nosas ideas, a nosa moral. Oremos.

Oración
Agora que empeza o ano, meu Deus,
que nos saibamos sempre acompañados por ti,
pola túa presenza, pola túa palabra,
pola túa forza de vida, pola túa luz.

Que nos descubramos a nós mesmos/as vivindo en ti
e a ti vivindo en nós,
felices de pertencerche a ti
e de terte a ti coma herdanza nosa.

Que a túa Palabra, a túa luz, ti mesmo
ilumines hora a hora os nosos pasos,
nestes tempos confusos, de crise,
que tanto nos poden levar á desesperación
e a pensar en como solucionar unicamente o noso.

Que a túa luz ilumine as nosas vidas,
para abrilas máis ca nunca
ao pensamento e á práctica comunitaria,
descubríndonos en ti irmáns, irmás,
membros dunha mesma familia humana,
tan ampla como amplo é o mundo enteiro.

Que día a día teñamos a audacia de realizar
iso que de verdade xa somos:
fillos, fillas túas,
nacidas polo Espírito a unha nova fraternidade.

Que nos namoremos cada día máis de Xesús de Nazaré
e das súas prácticas solidarias;
pois el veu plantar entre nós a súa tenda,
para acoller nela primeiramente a xente máis débil e marxinada.

Que nos saibamos abrir á abundancia do seu don,
da súa verdade,
para construírnos como homes e mulleres de ben,
para facer un pobo, un país, un mundo máis humano,
para así ir vendo e coñecendo ao Pai/Nai,
vivindo con Xesús a dita sinxela, cotiá,
de ser simplemente irmás, irmáns.
Acción

O Evanxeo invitábanos a contemplar as fontes do ser de Xesús. Igual sería ben que tamén nós nos preguntásemos polas fontes do noso ser, de onde vimos, como somos, que soños temos, que luces nos acompañan, que sombras nos preocupan. Mirar para o noso interior. Escoitar o noso interior. Tamén no noso interior está Deus sempre á espera.


3 de xaneiro: Santísimo nome de Xesús

1ª lectura: 1 Xn 2, 29—3, 6
Salmo: 97, 1. 3cd-4. 5-6

Evanxeo: Xn 1, 29-34

Ao outro día, Xoán Bautista viu a Xesús que viña cara a el e dixo:
—Velaí o Año de Deus, o que arrinca o pecado do mundo! Este é de quen eu dixen: "Despois de min vén un home máis importante ca min, pois existía primeiro ca min". Eu non o coñecía, mais para iso vin eu bautizar con auga: para mostralo a Israel.

E Xoán seguiu testemuñando:
—Eu vin o Espírito baixar do ceo como unha pomba e pousar enriba del. Eu non o coñecía, pero o que me mandou bautizar con auga, díxome: "Cando vexas o Espírito baixar e pousar sobre un, ese é o que bautiza co Espírito Santo". E eu vino e dou testemuño de que este é o Fillo de Deus.

Meditación

Con estas palabras o evanxelista Xoán fálanos do impacto profundo que Xesús causou na xente que o coñeceu e tratou; vírono coma un home totalmente cheo do Espírito de Deus, con capacidade para introducirnos a fondo no mundo do Espírito, cun poder enorme para arrincar as raíces do mal asentadas no corazón da xente e da sociedade, e ao tempo cunha mansedume impresionante, ata o punto de que lle deron en chamar o "Año de Deus".

Para coñecer a Xesús e a súa forza de renovación é necesario tratalo, intimar con el orar con el e co seu Espírito. E cando intimamos con el e palpamos o marabilloso que é, o normal será que, como a Xoán, nos saia da alma falar del, compartilo coma o gran regalo que Deus nos fixo na nosa existencia. Oxalá todo isto se cumpra en nós!

Oración
Grazas a ti, Xoán Bautista,
por ter compartido connosco
as excelencias de Xesús.
Grazas a todos os homes e mulleres
a través das cales nos chegou o coñecemento de Xesús.
Que saibamos entrar no mundo marabilloso de Xesús,
e o saibamos compartir coa xente nova da nosa xeración.
Acción

Polos días do Nadal sempre nos vemos algo máis coa familia, cos amigos. Nas conversas que se dan, non deixes de compartir nalgún momento a túa admiración por Xesús, e o ben que che fai crer nel e seguir a súa maneira de pensar e de actuar.


4 de xaneiro

1ª lectura: 1 Xn 3, 7-10
Salmo: 97, 1. 7-8. 9

Evanxeo: Xn 1, 35-42

Ao outro día estaba outra vez Xoán Bautista con dous dos seus discípulos e, vendo pasar a Xesús, dixo:
—Velaquí o Año de Deus.

Cando os dous discípulos oíron o que Xoán dixera, foron detrás de Xesús. Volveuse Xesús e, vendo que o seguían, preguntoulles:
—Que buscades?

Eles respondéronlle:
—Rabbí (que quere dicir "mestre"), onde paras?

El díxolles:
—Vinde e veredes.

E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde. Un dos dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era André, o irmán de Pedro. Vai e ao primeiro que atopa é a Simón, o seu propio irmán, e dille:
—Encontramos o Mesías (que significa Cristo).

E levouno onda Xesús. Ao velo, díxolle Xesús:
—Ti es Simón, i fillo de Xoán, Ti haste chamar Kefas (que quere dicir Pedro).

Meditación

Chama a atención o encanto que tiña Xesús; chamaba a atención desde o primeiro momento, suponse que polo seu xeito de ser, de mirar, de falar, de vivir, de atraer, de alentar á xente. Seguro que todas, todos, temos experiencia de algo similar na vida, alguén que nos cativou e que se fixo moi significativo para nós, alguén con quen nos compracía e comprace estar. Quen o viu e tratou, quen se fixo compañeiro e amigo del así nolo pinta. Ímolo coñecendo algo polo menos, como para poder dicir que si, que é así, que a súa compaña pacifica e alenta, pecha feridas e abre camiños, disipa escuridades e devolve alegrías.

Se Xoán, André, Pedro e moitos máis naqueles tempos puideron gozar con esta compaña de Xesús en carne viva, nós tamén o podemos facer no espírito, na fe. Xesús está aquí disposto a acollernos, a integrarnos no grupo, a compartir connosco os seus soños e esperanzas, e as forzas para podelas acadar.

Oración
Vinde e veredes,
pasade e entrade,
sentade e acougade,
falemos como amigas e amigos,
como irmás e irmáns, se queredes,
compartamos as nosas sombras e as nosas luces,
levantemos a ollada
cara ao mundo da xente máis fráxil,
falémonos,
escoitémonos,
calemos despois
deixando que o Espírito una
tanta dor e tanto gozo,
tanta desilusión e tanta esperanza.
No teu nome, Xesús.
Acción

Sería estupendo que hoxe puideses invitar a alguén á túa casa, ou ir de invitada a algunha outra casa, para tomar ou comer algo, para falar, para compartir algo a fondo, para animarse e rir e suscitar esperanzas. E así vivir algo ao estilo de Xesús.


5 de xaneiro

1ª lectura: 1 Xn 3, 11-21
Salmo: 99, 2. 3. 4. 5

Evanxeo: Xn 1, 43-51

Ao outro día decidiu Xesús saír para a Galilea; atopou a Filipe e díxolle:
—Sígueme.

Filipe era de Betsaida, da vila de André e mais de Pedro. Atopou Filipe a Natanael e díxolle:
—Atopamos a aquel de quen escribiu Moisés na Lei e máis os Profetas: a Xesús, o fillo de Xosé, o de Nazaré.

Contestou Natanael:
—E de Nazaré pode saír algo bo?

Filipe díxolle:
—Ven e verás.

Viu Xesús a Natanael que viña cara a el e dixo de el:
—Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez.

Preguntoulle Natanael:
—E de que me coñeces?

Contestoulle Xesús:
—Antes de que Filipe chamase por ti, xa eu te vira, cando estabas debaixo da figueira.

Respondeulle Natanael:
—Rabbí, ti es o fillo de Deus, ti es o rei de Israel.

Díxolle entón Xesús:
—Porque che dixen que te vin debaixo da figueira xa cres? Pois cousas máis grandes has ver.

E concluíu:
—Con toda verdade volo aseguro: habedes ver o ceo aberto e os anxos de Deus subindo e baixando onda o Fillo do Home.

Meditación

Chama a atención neste relato de hoxe iso de "atopar". Xesús atopa a Filipe, Filipe atopa a Natanael. Parecen casualidades da vida, pero convértense en encontros, en relacións que modifican as vidas das persoas, a de Filipe, a de Natanael. Así tamén nos pode pasar a nós na normalidade da vida, se andamos cos ollos abertos, co corazón esperto; vivimos encontros que se poden converter en aperturas de novos camiños. Coñecer, ser coñecido, estimar, ser estimado; parecen cousas moi simples, pero que importantes son. Queda tamén moi de manifesto o importante que é contar, compartir aquilo que vimos e experimentamos; cando o facemos, somos persoas que nos podemos iluminar, consolar, fortalecer, ilusionar na vida. Coñecer a Xesús, intimar con Xesús, falar de Xesús, contar a Xesús coa palabra e coa vida isto é algo ben importante para calquera persoa cristiá.

Oración
Sígueme,
sígueme, disme ti, Xesús.
E aínda me prometes:
do teu corazón tan pobriño
da túa casa tan sinxela,
da túa parroquia tan pequena
pode saír algo moi bo,
que te alentará a ti
e alentará tamén as persoas e cousas
coas que te movas na vida.
E eu calo ante ti, Xesús.
Aínda que me pesa a miña vida,
fíome de ti
e dispóñome a seguirte.
sabendo que ti sosterás o meu camiñar.
Acción

Fai por atopar o xeito de contarlle a alguén algo do que a ti che ten aportado iso de crer en Xesús, de seguir a Xesús na vida.


6 de xaneiro: Epifanía do Señor

1ª lectura: Is 60, 1-6. Salmo 71
2ª lectura: Ef 3, 2-3a. 5-6

Evanxeo: Mt 2, 1-12

Xesús naceu en Belén de Xudea nos tempos do rei Herodes. E sucedeu que uns sabios de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:
—Onde esta o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá no Oriente e vimos para o adorar.

Cando o rei Herodes oíu isto, alporizouse e con el todos os habitantes de Xerusalén. Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. Eles responderon:
—En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:
"E ti Belén, terra de Xudea,
de ningún xeito es a máis pequena
entre as vilas de Xudea,
pois de ti ha saír o guía
que será o pastor do meu pobo Israel".
Entón Herodes, chamou os sabios ás agachadas para saber ben cando se lles aparecera a estrela. Logo mandounos a Belén, dicíndolles:
—Ide e informádevos canto poidades dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a adoralo.

Eles, despois de oíren o rei, puxéronse en camiño. E velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. Moito se alegraron ao veren saír de novo a estrela! E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e adorárono; despois abriron os seus tesouros e ofrecéronlle como regalo outro, incenso e mirra. Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, regresaron á súa terra por outro camiño.

Meditación

Debaixo deste relato máis simbólico ca histórico hai varias personaxes que o autor nos ofrece para que reparemos con calma neles: os magos representan a sabedoría humana máis exquisita que vén adorar o neno; guíaos unha estrela, é dicir, unha luz que lle nace no corazón e os empuxa cara ao portal; a sabedoría humana recoñece en Xesús unha luz inmensa para a vida que Deus nos regala. Os magos regálanlle do que teñen, pero son eles os regalados por Deus, por Xesús. Nós podemos facer hoxe de magos nese Nadal vivente que podemos reconstruír.

Herodes quere saber do neno, pero non para adoralo, para acabar con el. Herodes pode representar o poder en todas as súas formas e cores, que normalmente non quere saber nada dun Deus tan humanizado, tan feito carne en toda a xente pobre e marxinada do mundo. Tamén nós podemos caer na tentación de facer de Herodes, rexeitando a este neno Deus así presentado en pobreza que nos cuestiona.

As autoridades relixiosas de Xerusalén sabían moi ben onde había nacer o neno, pero non fixeron nada por adoralo. Hai unha relixiosidade que sabe de teorías, de memoria, de rutinas, pero que non se achega de verdade ao berce do neno, ao berce das pobrezas onde Deus se nos amos. Tamén nós, xente relixiosa, podemos caer nesta tentación. Dicimos crer, pero no fondo non adoramos o misterio e a chamada de Deus presentes no rostro daquel neno e en todos os rostros de fraxilidade que abundan no noso mundo.

Oración
Adórote, Xesús, cos magos,
adórote con todos os homes e mulleres do mundo
que te recoñecen na humildade do pequeno
e nesa humildade te acollen e serven.
Adórote con agradecemento.
Adórote e poño ao teu servizo
e ao servizo de toda debilidade
todo o que son e o que teño.
Que a túa estrela me guíe
cara a todos os Beléns viventes da miña historia.
Acción

Hoxe podo ir visitar algunha familia, algunha persoa débil, para agasallala con algo, sabendo, que facendo iso, son eu o que realmente quedo obsequiada pola súa fraxilidade.


7 de xaneiro

1ª lectura: 1 Xn 3, 22—4,6
Salmo: 2, 7-8. 10-11

Evanxeo: Mt 4, 12-17.23-25

Cando soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea. Deixando Nazaré, foise establecer en Cafarnaúm, na beira do lago, en terras de Zebulón e Naftalí, para que se cumprise o dito polo profeta Isaías:

“Terra de Zebulón, terra de Naftalí, camiño do mar na outra ribeira do Xordán. Galilea dos pagáns. O pobo que xacía na escuridade viu unha gran luz. Para a xente que habitaba no escuro país da morte brillou unha alborada.”

Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a Boa Nova do Reino, curando canta doenza padecía o pobo. Falábase del en toda Siria e traíanlle persoas enfermas con toda clase de doenzas e padecementos, xente endemoñada, epiléptica, tolleita, e a toda ese xente curaba. Eran moias as persoas que o seguían, un mundo de xente chegada de Galilea, Decápolis, Xurusalén, Xudea e da outra banda do Xordán.

Meditación

Durante esta semana que segue á festa de Reis ou Epifanía, os catro evanxelistas irannos presentando os primeiros movementos de Xesús, cando decide darlle un aire novo á súa vida, desvinculándose do grupo de Xoán Bautista, a quen Herodes encadeara, e iniciando unha aventura evanxelizadora polos pobos de Galilea, a súa terra. É un Xesús en saída, itinerante. Leva no corazón moi fresco o soño de Deus: o benestar a fondo da xente, no corpo e no espírito; e a anunciar, promover e realizar ese soño se empeza a dedicar; faino coa palabra e cos feitos. Nós somos receptores dese soño de Xesús: tamén para nós hai por parte de Deus un desexo manifesto de que esteamos ben no corpo e no espírito. Nós somos tamén desa xente arrastrada por Xesús, que con el quere compartir esa marabillosa aventura. Xesús sinálanos o camiño, as formas, os contidos dese traballo. Felices nós invitadas por el a realizalo con el nos nosos tempos, na nosa Terra.

Oración
Conta comigo, Xesús.
No que saiba, valla e poida, conta comigo.
Conta comigo na rengue da xente que precisa de ti,
para ser curada e alentada.
Conta comigo na rengue de xente que ti precisas,
para que o teu soño se alongue no tempo e no espazo,
e todo o mundo poida coñecerte
e, se así o quere, abrirse á túa proposta.
Conta comigo, Xesús.
Acción

Estamos empezando o ano. Igual podiamos renovar, reforzar ou limpar a nosa maneira de seguir a Xesús, de acompañalo na súa tarefa de servizo á xente. ¿En que poderiamos mellorar o noso acompañamento de Xesús?


8 de xaneiro

1ª lectura: 1 Xn 4, 7-10
Salmo: 71, 2. 3-4ab. 7-8

Evanxeo: Mc 6, 34-44

Unha vez atopouse Xesús cunha grande multitude e conmoveuse, porque eran como ovellas en pastor, e púxose a ensinarlles moitas cousas. Cando se fixo tarde, achegáronselle as persoas que o acompañaban de cerca e dixéronlle:
—Isto está despoboado e xa é ben tarde; vai ser mellor que despidas esta xente, para que vaian aos lugares e aldeas veciñas, para que merquen algo de comer. 

Pero el respondeulles:
—Dádelles vós de comer.

Contestaron:
—¿Imos, logo, mercar douscentos denarios de pan para lles darmos de comer?

El preguntoulles:
—¿E logo, canto pan tedes?

Fixeron o reconto e dixeron:
—En total temos cinco bolos e máis dous peixes.

El mandounos sentar en grupos na herba. E foron sentando en grupos de cen ou cincuenta. E colleu os cinco bolos e máis os dous peixes, ergueu a vista ao ceo, bendiciunos, partiu os pans e déullelos ás persoas que o acompañaban de cerca, para que os servisen; e repartiu tamén os dous peixes entre toda a xente. Comeu todo o mundo ata se fartaren, e recolleron doce cestos de sobras de pan e dos peixes. Entre os que comeran os pans había cinco mil homes.

Meditación

Este é o Xesús que se nos ofrece. O que anda entre a xente. O que se conmove cando ve as dificultades de todo tipo nas que a xente pode estar envolta. Entre esa xente estou eu, estamos nós. O que conversa de corazón a corazón, de vida a vida, compartindo as cousas fondas que el leva no corazón como sostén da súa existencia. Así é tamén para nós. O que se embarca e nos embarca na busca de solucións para as necesidades vitais que poidamos ter. O que invita á xenerosidade, á participación, a poñer enriba da mesa común aquilo que a cada quen lle foi dado ou cada quen foi acadando co seu esforzo. O que nos incita a pensar en común, a solucionar en común, a compracernos en común, a festexar en común. O que nos asegura que é así como o pouco se fai moito e aínda sobra, porque hai multiplicacións profundas que van moito máis aló do cálculo matemático. Así é Xesús e así é o seu Deus. Así se nos ofrece. E así, con detalle, o poderemos ir descubrindo no recorrido deste ano que empeza.

Oración
Que nos aproveite o teu pan, Xesús.
Que nos aproveite a túa palabra.
Que nos aproveite a túa compaña.
Que nos aproveite a túa conmoción.
Que nos aproveite a xenerosidade feita vida.
Que nos aproveite a mesa común.
Que nos aproveite a vida toda en común.
Que nos aproveite a graza particular de cada persoa.
Que nos aproveite a túa proposta.
Que nos aproveite o teu espírito.
Que nos aproveites ti, Xesús!
Acción

No mundo hai moitas necesidades, moitas fames. ¿Qué estamos facendo ante iso? ¿Qué poderiamos facer como aprendices do de Xesús? Seguro que podemos dar un paso máis seguindo o seu espírito.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.