27 xaneiro, 2022

Tempo Ordinario: 4ª semana

 


30 de xaneiro: domingo 4º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Xer 1, 4-5. 17-19. Sal. 70, 1-2. 3-4a. 5-6ab. 15ab e 17
2ª lectura: 1Cor 12. 3113. 13. Ou breve: 1Cor 13, 4-13

Evanxeo: Lc 4,21-30

Nunha ocasión empezoulles a dicir Xesús na sinagoga:
—Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.

E toda a xente asentiu, admirada polas palabras de graza que saían da súa boca. E dicían:
—¿Pero non é este o fillo de Xosé?

El díxolles:
—Seguramente me recordaredes aquel refrán: “Médico, cúrate a ti mesmo”; todo canto oímos que fixeches en Cafarnaúm, faino aquí na túa terra.

Pero el continuou:
—Asegúrovos que ningún profeta é ben recibido na súa terra. Tede por seguro que no tempo de Elías había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres anos e seis meses e unha grande fame anegou todo o país; e a ningunha delas mandaron a Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón. E moitos leprosos había en Israel no tempo de Eliseo, o profeta, e a ningún deles curou, fóra de Naamán, o sirio.

Oíndo estas cousas, todos os que estaban na sinagoga se puxeron coma feras; erguéndose, botárono fóra da vila e levárono ata un barranco do monte no que está edificada coa intención de o botaren de alí embaixo. Pero el botou a andar polo medio deles e marchou.

Meditación

Que nos di a nós este evanxeo? Chegados a este punto, xa non nos importa o que lle pasou a Xesús cos seus veciños e veciñas, senón o que lle pode pasar a Xesús coas persoas que formamos parte das comunidades que o temos a el coma irmán maior, coma mestre, coma guieiro. ¿Como nos situamos nós, coma individuos, coma comunidade cristiá, ante as palabras, ante o estilo de vida de Xesús? É posible que tamén admiremos a Xesús, que as súas palabras nos parezan preciosas, que o seu estilo de vida nos envolva e mesmo emocione. Pero, ¿é iso sempre así? ¿Compartimos a súa aposta tan radical polos últimos/as, que entre nós sería unha aposta, por exemplo, polos xitanos, polos negros e negras inmigrantes, polos drogadictos/as, polos alcohólicos/as, pola xente que vive penosamente nos nosos cárceres? ¿Compartimos nas nosas comunidades o seu estilo de vida, que nos fala de non vivir instalados/as, de non andar a procura de seguridades, de facer dos nosos cartos, dos nosos bens, instrumento de solidariedade para que o pan e a dignidade chegue a todos? Nós non apelariamos ás súas raíces populares para desconfiar del, pero cantos prexuízos, cantas xustificacións, cantas escusas e razoamentos poñemos enriba da mesa, para chamarnos cristiáns, cristiás, e seguir enredados en estilos de vida pouco coherentes co de Xesús! Non o tiramos polo barranco abaixo, como parece que querían facer os seus veciños e veciñas, pero acomodámolo canto podemos, para simular estar con el non o estando realmente, ou estándoo nunha medida curta e moi necesitada de revisión e cambio.

Oración
Meu Deus,
forza de amor en expansión,
coa túa tenrura e misericordia,
mírame aquí,
pobre e necesitado/a,
reclamada/o polo amor cada día,
e cada día precisado/a da túa forza
para ser fiel
ás chamadas solidarias do teu Espírito.
Quixera dicirche con convicción:
aquí estou, conta comigo,
pero trémame a voz
e escaséanme as forzas.
¿Serei capaz de andar os teus camiños
ao lado de Xesús, coma Xesús,
enredada/o entre a xente máis débil da parroquia e do mundo?
Meu Deus,
amor que me amas,
fogar que me acolles.
aperta que me aledas!
Acción

O de Xesús, todo o de Xesús, é moi fermoso, pero tamén moi esixente. Por iso, aínda que nos gusta, con frecuencia botamos man de mil escusas para irnos desentendendo do que nos propón. ¿Hai algunha cousa das de Xesús que nos bota para atrás? ¿Qué facemos ante iso? Pensámolo e vemos que podemos facer para mellorar.


31 de xaneiro: luns da 4ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Heb 11, 32-40. Salmo: 30, 20. 21. 22. 23. 24
Ano 2: 1ª lectura: 2 Sam 15. 13-14. 30; 16, 5-13a. Salmo: 3, 2-3. 4-5. 6-7

Evanxeo Mc 5, 1-20

Unha vez chegou Xesús á outra banda do mar, ao país de Gadara. E conforme saltou da barca, un endemoñado saíulle ao encontro desde os sepulcros onde moraba, pois nin con cadeas o podían apreixar. Moitas veces xa intentaran termar del con cadeas e grillóns, pero rompía as cadeas e esnaquizaba os grillóns, e ninguén era capaz de o domear. Pasaba os días e as noites berrando polos sepulcros monte adiante, mancándose coas pedras. Axiña que viu a Xesús de lonxe, foi correndo prostrarse ante el, berrando con toda a forza:
—Que teño que ver contigo, Xesús, Fillo do Altísimo? Pídoche por Deus que non me atormentes.

Pois Xesús mandáralle:
—Bótate fóra dese home, espírito malo.

E preguntoulle Xesús tamén:
—Como te chaman?

El respondeulle:
—Chámanme lexión, porque somos moitos.

E pedíalle con moita ansia que non os botase daquela terra. E como había unha boa manada de porcos comendo pola aba do monte, todos aqueles demos rogáronlle a Xesús:
—Mándanos onda aqueles porcos, para entrarmos neles.

Xesús accedeu e, saíndo do home, fóronse meter nos porcos, que en número duns dous mil se chimparon polo barranco abaixo, e foron afogar no mar. Os porqueiros fuxiron, levando a nova á vila e ás aldeas. A xente ía ver o que pasaba. Chegaron onde estaba Xesús e viron o endemoñado, o mesmo que tivera a lexión, sentado e cheo de xuízo; todos ficaron pasmados. Os que presenciaron aquilo contáronlles o que pasara co endemoñado e máis cos porcos. Entón empezaron a pedirlle que se afastase daquelas terras.

E, cando el se embarcara, o que estivera endemoñado rogáballe que o deixase ir con el. Pero Xesús non llo permitiu, senón que lle dixo:
—Vaite para a túa casa, onda os teus, e cóntalles todo o que o Señor, compadecido, fixo contigo.

El marchou e comezou a pregoar pola Decápolis adiante canto lle fixera Xesús. Todos ficaban admirados.

Meditación

Un relato fabuloso que posiblemente non debamos tomar ao pé da letra, como se todo o que se di pasase realmente. Era frecuente que naquel tempo houbese persoas que, por enfermidade ou por tolemia, vivise apartada da convivencia veciñal, no monte, nos arredores dos pobos. A esas persoas con facilidade se lles chamaba endemoñadas, aínda que o seu mal era ser xente desfeita, famenta, agresiva; xente excluída. Ninguén se achegaba a eles por medo e eles tiñan prohibido entrar nas aldeas.

Xesús entra en contacto cunha desas persoas, saltando unha vez máis a lei que o prohibía. Aténdea, fala con ela, escóitaa nos seus graves pesares, e, dun xeito case incrible, cúraa dos seus males e reincorpóraa para a convivencia veciñal. Xesús fai iso, porque estaba cheo do Espírito bo de Deus, que o facía forte, que o facía apaixonado polo benestar da xente. Os porcos eran considerados animais impuros, e por iso víase ben que os demoños fosen meterse neles. Pero isto forma parte da fábula do relato e carece de importancia no mesmo.

Oración
Grazas, Xesús,
por seres tan considerado sempre
coa xente máis marxinal dos pobos.
Grazas, Xesús,
polo teu poder de ben
que poñías sempre ao servizo da xente débil.
Grazas, Xesús,
porque tamén me atendes a min
nas miñas fraxilidades.
Grazas, Xesús,
porque nos amosas claramente o camiño
para seguirte na nosa vida veciñal.
Acción

Seguro que coñeces a algunha persoa que na túa parroquia ou contorna sufra algo de exclusión. Podes achegarte algo a esa persoa e transmitirlle aprecio, atención?


1 de febreiro: Martes da 4ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Heb 12, 1-4. Salmo: 21, 26b-27. 28 e 30. 31-32
Ano 2: 1ª lectura: 2 Sam: 18, 9-10. 14b. 24-25a. 30—19, 3. Salmo: 85, 1-2. 3-4. 5-6.

Evanxeo: Mc 5, 21-43

Pasou Xesús de novo na barca para a outra banda do lago e xuntouse moita xente ao redor del, que estaba na beira do mar. Nisto chegou un dos xefes da sinagoga chamado Xairo, que, ao ver a Xesús, botouse aos seus pés suplicándolle:
—A miña filla está a piques de morrer, ven impor sobre ela as túas mans, para que sande e viva.

E foise con el, seguido de moito xentío que o estrullaba.

Había unha muller, que padecía hemorraxias desde doce anos atrás, e levaba sufrido moito cos médicos, que lle acababan cos bens; total para nada, porque a cada paso ía a peor. Como oíra falar do que facía Xesús, achegouse entre a xente por detrás e tocoulle o seu vestido, dicindo para si: "Aínda que non sexa máis que tocarlle o seu vestido, ficarei sa". Secóuselle de golpe a fonte da hemorraxia e sentiu no seu corpo que estaba curada do mal.

Xesús decatouse axiña da forza que saíra del e volveuse para preguntar:
—Quen me tocou na roupa?

Os discípulos dixéronlle:
—Ti ben ves a xente preméndote, e aínda preguntas quen te tocou?

Pero el seguía mirando arredor, para ver quen fora. Daquela a muller, chea de medo e tremor, sabendo o que lle sucedera, veu prostrarse ante el e contoulle toda a verdade. El díxolle:
—Filla, a túa fe sandoute, vaite en paz, curada para sempre da túa doenza.

Aínda estaba el falando, cando chegaron da casa do xefe da sinagoga a dicirlle:
—A túa filla acaba de morrer. Para que andar xa molestando ao Mestre?

Pero Xesús, ao escoitar o que estaban a falar, díxolle ao xefe da sinagoga:
—Non temas, abonda que teñas fe.

E non permitiu que ninguén o acompañase, fóra de Pedro, Santiago e Xoán, o irmán de Santiago.

Ao chegaren á casa do xefe da sinagoga, vendo o gran boureo que facían con choros e lamentos, entrou o díxolles:
—A que vén tanto boureo e tanto chorar? A meniña non morreu, está a durmir.

E todos facían riso del. Pero el botounos a todos fóra, levou consigo os pais da meniña e máis os seus acompañantes e entrou onde estaba a nena. Colleuna pola man e díxolle:
—Talitha, qumi (que quere dicir: "rapaza, érguete").

A rapaciña ergueuse de contado e botouse a andar, que xa tiña doce anos. E aquela xente quedou coa boca aberta. El insistiulles en que non llo contasen a ninguén, e mandou que lle desen de comer.

Meditación

Daquela, moito máis aínda ca hoxe, había enfermidades e enfermidades que amargaban a vida da xente. Pero tamén nós con frecuencia nos vemos enfrontados con enfermidades tremendas, que rompen vidas e familias. O primeiro que facemos e ir cabo dos médicos, canto mellores, mellor, para atopar remedio. E queremos que o Servizo Galego de saúde funcione ben. E facemos ben. A medicina é unha presenza preciosa do Reinado de Deus no medio da xente. Meternos nela é dalgunha maneira coma meternos no mesmo Deus.

Pero hai algo máis. Os homes e mulleres somos corpo e espírito, un termando do outro, un axudando ao outro. Un espírito san, positivo, esperanzado, confiado, sereno, crente, ten moito máis poder de axudar a un corpo debilitado. A fe pode axudarnos moito niso. Porque, sas ou enfermas, sabémonos fondamente acollidas por Deus. Porque sans ou enfermos, cremos que a vida non acaba para nós na debilidade do noso corpo.

Oración
Na saúde e na enfermidade,
confío en ti, meu Deus.
Na esperanza e no desespero,
confío en ti, meu Deus.
Na dor e no alivio,
confío en ti, meu Deus.
Na vida e na morte,
confío en ti, meu Deus.
Acción

Loita para defender unha boa sanidade pública, non permitas que a deterioren de ningunha maneira. Revisa como vives ti as enfermidades que vaias tendo; vívelas como persoa crente ou como se non o foses? En que o notas?


2 de febreiro: Festa da Presentación do Señor

1ª lectura: Mal 3, 1-4. Salmo: 23, 7. 8. 9. 10

Evanxeo: Lc 2, 22-40 (breve 2, 22-32)

Cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno a Xerusalén, para llo presentaren ao Señor; pois así está escrito na Lei do Señor: "Consagraredes ao Señor a todo varón primoxénito"; e tamén para faceren unha ofrenda, conforme se di na Lei do Señor: "Un par de rulas ou dous pombiños".

Vivía daquela en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo estaba con el e prometéralle que non había morrer sen ver o Unxido do Señor. Movido polo Espírito foi ao templo e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, el colleuno nos brazos e loou a Deus dicindo:
—Agora, Señor, segundo a túa promesa, podes deixar que o teu servo morra en paz, porque xa os meus ollos viron o teu salvador, o que ti preparaches para todos os pobos:luz de revelación para todas as xentes e gloria do teu pobo Israel.

(ata aquí a lectura breve)

O pai e máis a nai do neno ficaron abraiados polo que tal dicía do neno. Bendiciunos Simeón e díxolle a María, a nai:
—Mira, este está disposto para caída ou levantamento de moita xente en Israel, para ser signo de contradición, e a ti mesma unha espada hache atravesar a alma; así quedarán ao descuberto as intencións de moitos corazóns.

Había tamén alí unha profetisa moi vella chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer; casara e vivira sete anos co seu marido, e logo seguiu viúva ata os oitenta e catro. Non se apartaba do templo, senón que de noite e de día servía a Deus con xaxúns e oracións. Presentouse naquel intre no templo e empezou a loar a Deus e a falar do neno Xesús a todos os que esperaban a redención de Israel.

Cando remataron todo o ordenado pola Lei do Señor, volveron para a aldea de Nazaré en Galilea. O neno ía medrando ben criado, forte e intelixente e o favor de Deus estaba con el.

Meditación

Chaman a atención o velliño Simeón e a velliña Ana. Pola súa esperanza, pola fidelidade coa que custodian esta esperanza. Non se vían trazas de que o de Deus se fixese presente, pero ambos agardaban co corazón aceso, coa alma esperta, firmes na súa fe no Deus que nunca se desdí, que nunca falla ás súas promesas. A luz que celebra Simeón xa estaba acesa no seu corazón e máis no de Ana, na forma dun remol agachado á espera do vento novo do Espírito.

Os nosos tempos son tempos para protexer a esperanza. En todas partes, pero no rural especialmente fainos falla moita esperanza, tanto nas cousas da vida civil coma nas cousas das comunidades cristiás, as cousas da fe. Parece que a luz, o lume esta agochado. Fainos falla o Espírito que nolo aviveza e nos axude a vivir con humildade e orgullo a nosa condicións de xente de aldea, a nosa condición de xente cristiá.

Oración
Ai, Virxe da Candeloria,
Señora, santa María,
que a luz que de ti naceu
ilumine as nosas vidas.

Que o mundo rural atope
en Xesús alento e vía
para afrontar os problemas
que o premen con teimosía.

Ai, Virxe da Candeloria,
que medren o amor e a vida,
cando os paxaros namoran
e a primavera convida.

Que coidemos a esperanza,
cunha fe sinxela e viva,
envolvéndonos na unión,
no servizo, na alegría.

Ai, Virxe da Candeloria,
Señora, santa María,
nas túas mans confiamos
as nosas noites e días.
Acción

Podes acender hoxe unha veliña na túa casa, que che recorde a luz e a forza que precisas para afrontar os problemas da vida do campo cos teus veciños e veciñas. Visita ademais, se podes, a algún veciño ou veciña que ande en cousas de animación da parroquia, falade e animádevos mutuamente.


3 de febreiro: Xoves da 4ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Heb 12, 18-19. 21-24. Salmo: 47, 2-3a. 3b-4. 9. 10-11
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 2, 1-4. 10-12. Salmo: 1 Cro 29, 10. 11ab. 11d-12a. 12bcd

Evanxeo: Mc 6,7-13

Un día Xesús chamou aos doce e empezou a mandalos de dous en dous, dándolles poder sobre os espíritos malos. Recomendoulles que non levasen nada para o camiño, fóra dun caxato: nin pan, nin alforxas, nin cartos na faixa. Que calzasen sandalias, pero que non levasen máis ca unha túnica. E avisounos:
—Cando entredes nunha casa, permanecede nela ata que vos marchedes. Se nalgún lugar non vos acolleren nin vos escoitaren, ídevos, sacudindo o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso. Marcharon e predicaron a conversión. Botaban fóra moitos demoños e curaban os enfermos, unxíndoos con aceite.

Meditación

O normal é que, se as cousas de Xesús nos enchen a vida de paz, de forza, de esperanza, de sentido, pois que as compartamos con outras persoas, simplemente porque lles queremos ben. E, se Deus nos dá os seus bens de balde, que sexa de balde tamén todo o que nos falemos ou fagamos pola xente. Faltaba máis!

Non é doado actuar gratuitamente, actuar desde a pobreza, desde o non poder. Case todo na sociedade funciona desde o interese, desde o poder. O que dá, moitas veces dá buscando carto, poder, prestixio; o que recibe faino moitas veces tamén esperando carto, poder e prestixio. Actuar desde o interese e o poder leva a que se cren moitísimas desigualdades entre a xente, a que os máis débiles queden sempre por debaixo.

O de Xesús é realmente revolucionario. Compartir o de Xesús coa palabra, cos feitos de humanidade para a xente, e facelo gratis de verdade, ese é o plan ao que o mesmo Xesús nos invitada a todos e todas nós tamén.

Oración
Que a miña actividade, Xesús,
estea sempre limpa de interesadas intencións.
Que aprenda contigo, Xesús,
a falar de balde,
a actuar de balde,
sen cobrar nunca nada
nin en cartos,
nin en influencias interesadas,
nin en poder,
nin en afectos que someten.
Desinteresada, pobre é libre coma ti, Xesús,
algo polo menos, por favor!
Acción

Es totalmente desinteresado na túa colaboración social, eclesial, política? Pénsao un pouco. Cambia o que teñas que cambiar. O interese, as comenencias, acaban destruíndo os mellores servizos.

Oración (polo san Brais)
San Brais, santo amigo,
o santo da fala,
das gorxas curadas,
da boa palabra.

Do falar humilde,
das palabras sabias,
do falar con xenio,
das palabras mainas.

O santo da fala,
das gorxas curadas,
das palabras doces,
das palabras bravas.

San Brais, santo amigo,
o santo da fala,
da fala galega,
abondo tripada.

O santo da fala,
das gorxas curadas,
das palabras doces,
das palabras bravas.

San Brais, santo amigo,
das verbas caladas,
das palabras cheas,
das verbas preñadas.

San Brais, santo amigo,
o santo da fala,
do pano ao pescozo,
das roscas que agradan.

O santo da fala,
das gorxas curadas,
dos cantos de fadas,
das linguas ceibadas.

4 de febreiro: Venres da 4ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Heb 13, 1-8. Salmo: 26, 1. 3. 5. 8b-9abc
Ano 2: 1ª lectura: Eclo 47, 2-13. Salmo: 17, 31. 47 e 50. 51

Evanxeo: Mc 6, 14-29

Como a sona de Xesús se estendía por todas partes, tamén o rei Herodes oíu falar del. Uns comentaban: “é o mesmo Xoán Bautista resucitado de entre os mortos, e por iso actúan nel eses poderes”. Outros dicían: “é Elías ou algún profeta”. Pero Herodes dicía: “É Xoán Bautista, a quen eu mandei decapitar, que está resucitado.” Porque Herodes mandara prender a Xoán por causa de Herodías, a muller de seu irmán Filipo, coa que el casara. Xoán non paraba de lle dicir:
—Non che está permitido vivir coa muller do teu irmán.

Por iso Herodías colléralle xenreira a Xoán e queríao matar. Pero Herodes temía a Xoán, sabendo que era home xusto e santo, e protexíao; mesmo o escoitaba con gusto, aínda que quedase desacougado.

Pero chegou a ocasión axeitada, cando Herodes no día do seu aniversario deu un banquete aos ministros, oficiais e xente importante de Galilea. Resulta que a filla de Herodías entrou e bailou moi ben, gustando moito a Herodes e a toda a xente convidada. Entón o rei díxolle á rapaza:
—Pídeme o que queiras, que cho hei dar.

E xurou:
—Dareiche o que me pidas, aínda que sexa a metade do meu reino.

Vaise a rapaza onda a nai e pregúntalle:
—¿Qué lle pedirei?

Ela díxolle:
—Pídelle a cabeza de Xoán Bautista.

E, volvendo onda o rei, díxolle:
—Quero que me deas de contado nunha bandexa a cabeza de Xoán Bautista.

O rei púxose moi triste, pero, polo xuramento feito e máis pola xente convidada, non a quixo defraudar. E de seguida mandoulle a un verdugo que trouxese a cabeza de Xoán. Foi, decapitouno e trouxo a cabeza nunha bandexa, para lla dar á rapaza, que non tardou en levarlla á súa nai. Cando os seus discípulos o souberon, recolleron o cadáver e fórono enterrar.

Meditación

Xoán Bautista foi un personaxe que deixou un impacto grande no mesmo Xesús e nas primeiras comunidades cristiás. Por iso aínda hoxe o recordamos en repetidos momentos durante o ano. Un home íntegro, un buscador apaixonado da verdade de Deus para a xente, unha persoa que renunciou ao oficio sacerdotal que lle correspondía por dereito familiar, para embarcarse nun camiño creativo, porque viu que no seu tempo a vida relixiosa se estaba diluíndo en prácticas sen sentido e sen verdade. Un home que se enfrontou abertamente co poder relixioso e político do momento polos seus descontrois e abusos do pobo. Un home que por todo isto deu a vida. O seu testemuño colle especial relevancia polas mesmas circunstancias da súa morte: nun ambiente de excesos, rodeado de persoas triviais, sen valores consistentes, que actuaban desde o rancor, desde o quedar ben, desde o desprezo á palabra, á vida de quen pretendía axudarlles a ser xente honrada e coherente. Un verdadeiro exemplo para quen nos nosos tempos apostamos por ser persoas cristiás na sociedade tan branda na que vivimos.

Oración
Grazas, meu Deus,
polas persoas mártires
de onte e máis de hoxe,
de todos os tempos da historia da Igrexa.
Grazas tamén polas persoas mártires
doutras relixións ou de ningunha relixión.
Grazas por quen defende o humano, o xusto,
e afronta con valentía as consecuencias desagradables desa defensa.
Grazas pola palabra desas persoas mártires,
pola súa vida, pola súa morte,
polo seu sangue inxustamente vertido,
aínda que valentemente ofrecido.
Grazas, meu Deus, infinitas grazas!
Que ao seu carón, co seu exemplo,
nos encoraxemos nós
para vivir con máis fidelidade e fondura
a nosa humanidade, a nosa fe.
Acción

Seguro que en máis dunha ocasión temos cedido á presión do ambiente, e deixamos de dicir ou facer o que a nosa conciencia nos ditaba por calquera clase de medos. Podemos aprender da nosa experiencia para entrar algo no espírito das persoas mártires, e chegado o caso, dar testemuño dos valores, da fe que levamos no corazón.


5 de febreiro: Sábado da 4ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Heb 13, 15-17. 20-21. Salmo: 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 3, 4-13. Salmo: 118, 9. 10. 11. 12. 13. 14

Evanxeo: Mc 6, 30-34

Candos os apóstolos volveron xuntarse con Xesús, contáronlle canto fixeran e ensinaran. Xesús díxolles:
—Vide vós comigo e un lugar arredado e descansade un pouco.

Eran moita a xente que ía e viña e nin para comer atopaban tempo.

Fóronse sos na barca a un lugar arredado. Pero, ao velos marchar, a xente foinos seguindo por terra desde todas as vilas e chegaron primeiro ca eles. Así, cando desembarcaron atopouse cunha grande multitude. El, conmovido, porque eran coma ovellas sen pastor, púxose a predicar ensinándolles moitas cousas.

Meditación

Unha persoa, unha comunidade cristiá medra cando somos capaces de compartir as nosas tarefas e compromisos persoais e comunitarios, cos seus éxitos, cos seus fracasos. Tamén medramos cando miramos polo noso benestar físico e psíquico e nos dámos tempo para o descanso, para o xogo, para o compartir festivo e de lecer. Tamén medramos cando, por riba de todo, o que nos revolve o corpo e a cabeza e as decisións é a presenza do pobo que anda decaído, esmorecido, como abandonado da mans de Deus. Xesús, ao que se ve, era un experto en todo isto, en tanta humanidade. Que sorte tiveron con el os seus seguidores e seguidoras, e que sorte temos nós tamén de telo así ao noso lado!

Oración
Apréndenos, Xesús,
mestre de vida,
a encontrarnos e compartir.
Dános a ilusión
de vivir en comunidade.
Que saibamos aprender de ti
a ter no centro das nosas vidas
a xente que o estea pasando mal,
non por misericordia paternalista,
senón por pura xustiza e compaixón.
E todo, se pode ser, Xesús,
sen queimarnos,
sen decaer no humor.
Grazas, Xesús.
Acción

Pénsao, que tempo dedicas ao ocio, ao descanso, a divertirte algo con compañeir@s e veciñ@s, a cantar, a rir? Xesús quérete alegre e descansada, e a veciñanza tamén.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.