09 febreiro, 2022

Tempo Ordinario: 6ª semana



13 de febreiro: Domingo 6º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Xer 17, 5-8. Salmo: 1, 1-2. 3. 4 e 6.
2ª lectura: 1Cor 15, 12. 16-20.

Evanxeo: Lc 6, 17.20-26

Unha vez Xesús baixou do monte coas persoas que o acompañaban de cerca, detívose nunha chaeira cos seus discípulos e outra moita xente de toda Xudea, de Xerusalén e máis de toda a ribeira de Tiro e Sidón. E Xesús, coa mirada posta nos seus discípulos, dixo:
—Ditosas vós, a persoas pobres, porque voso é o Reino de Deus.
Ditosas vós, as que agora pasades fame, porque Deus vos fartará.
Ditosas vós as persoas que agora chorades, porque riredes.
Ditosas vós, cando vos aborreza a xente, vos expulsen e vos aldraxen, cando poñan nas listas negras o voso nome por causa do Fillo do Home; alegrádevos nese día, brincando de gozo, porque grande será a vosa recompensa no ceo, pois o mesmo fixeron seus pais cos profetas.
Pero, ¡ai de vós, a xente rica, porque xa acadastes a vosa recompensa!
¡Ai de vós, as persoas que agora estades fartas; xa pasaredes fame!
¡Ai de vós, as persoas que agora rides; xa choraredes e xa laiaredes!
¡Ai, cando todo o mundo fale ben de vós; o mesmo fixeron os seus pais cos falsos profetas!
Meditación

Seguro que recordamos as 8 benaventuranzas que, sendo nenos, nenas, a xente máis maior aprendiamos de memoria. Son as benaventuranzas do evanxeo de Mateu. Hoxe lemos as benaventuranzas do evanxeo de Lucas. Son catro benaventuranzas no canto de oito.

Non se afirma que esas situacións dolorosas (ser pobre, pasar fame, chorar, ser persoas perseguidas) sexan queridas e buscadas por Deus para os seus fillos e fillas, e que polo tanto deban ser tamén buscadas por nós; non, Xesús declara feliz á xente que está nesas situacións, porque chega a hora en que esas situacións van cambiar. Xesús está convencido de que esas situacións son situacións dolorosas, faltas de humanidade, e di: non, isto non pode seguir así, isto vai cambiar; quen agora é pobre terá a abundancia de Deus, quen pasa fame terá fartura, quen chora rirá, quen se sinta persoa perseguida e aldraxada por soñar os soños de Xesús, soños de fraternidade viva e real, terá o gozo e a recompensa sen medida que só Deus sabe dar. As benaventuranzas non son un aplauso polas situacións amargas que pode haber, que hai, en calquera sociedade de calquera época –tamén na nosa, ben o sabemos—, senón un recio acto de protesta, no nome de Deus, contra ese estado de cousas, que está clamando polo seu cambio.

Oración
Ditosa a xente refuxiada,
porque Deus terá para vós pan, abrigo e fogar.

Ditosas as persoas gays e lesbianas,
porque Deus mesmo oficiará as vosas vodas.

Ditosas as familias desafiuzadas,
porque Deus encabezará as vosas marchas de protesta
e daravos vivenda digna.

Ditosas as mulleres maltratadas,
porque Deus mesmo será o voso marido.

Ditosas as persoas divorciadas voltas a casar,
porque, se o pedides, Deus daravos gratis o corpo do seu Fillo.

Ditosa quen soña cos soños de Deus e rema contra corrente,
porque o teu gozo non terá nunca fin.
Acción

Podemos pensar no que, ao noso ver, nos está facendo persoas felices. ¿Coincide en algo co que Xesús afirma? ¿Cómo podemos axudar a que atopen atención e coidados as persoas que están vivindo sen dignidade, para que se cumpra nelas a benaventuranza de Xesús?


14 de febreiro: Festa dos santos Cirilo e Metodio

1ª lectura: Feit 13, 46-49. Salmo: 116, 1. 2.

Evanxeo: Lc 10, 1-9

Un día designou o Señor a outras setenta e dúas persoas, e mandounas diante del de dúas en dúas a todas as vilas e aldeas a onde tiña pensado ir. Díxolles:
—A anada é ben boa, pero hai pouco quen a traballe; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros e xornaleiras para a seitura. Ide e sabede que vos mando como años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén polo camiño. Cando entredes unha casa, antes de máis nada dicide: “Paz a esta casa”. E se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco. Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que quen traballa ten dereito ao seu xornal. Non andedes de casa en casa. Cando entredes nunha aldea e vos acollan, comede do que vos dean, curade a xente enferma que haxa e dicídelles: “Xa chega a vós o reino de Deus”.

Meditación

Amósasenos o primeiro plan de evanxelización levado a cabo polas primeiras comunidades cristiás seguindo as palabras e o estilo de Xesús. Moito bo hai en Deus para a xente, que merece atención; moita xente hai precisada desa abundancia de Deus. Oxalá se multiplicasen os homes e mulleres dispostas a facer florecer tanto ben! Andar en pobreza total, que evanxelizar non pareza nunca un negocio en nada. Saír, andar os camiños, bater coa xente, establecer vínculos fraternos, dando e recibindo paz, anunciando o ben de Deus, non as nosas ideas, implicándose nos problemas da veciñanza, aceptando que haxa quen nos desprece.

Cirilo e Metodio foron dous irmáns gregos do s. IX que se converteron en apóstolos dos pobos eslavos, cando estes entraban en contacto co mundo cristián oriental; mesmo chegaron a crear o alfabeto glagolítico, o primeiro que se empregou para escribir o antigo eslavo eclesiástico. No ano 1980 o Papa Xoán Paulo II declarounos copatróns de Europa xuntamente con Bieito de Nursia. Cirilo e Metodio, para nós ben descoñecidos, pódennos meter no corpo a creatividade para a evanxelización que tanta falla nos fai nos ambiente descristianizado no que vivimos.

Oración
Señor, Señor,
amo, sementador
e das colleitas da vida
absoluto coidador!
Velaquí as miñas mans,
o meu empeño e amor;
velaquí o meu desexo
de estar contigo, a carón
nas loitas nas que ti loitas
por un mundo máis mellor:
Que a vida abunde e floreza
onde a vida é escaso don.
E que abunden as obreiras
que a traballen con paixón.
Acción

Fan falla xornaleiros xornaleiras para espallar o ben de Deus nos nosos pobos e aldeas. ¿Estamos colaborando nalgunha acción que axude a isto? ¿Poderiamos dar un paso adiante e colaborar algo máis?


15 de febreiro: Martes da 6ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1º lectura: Xén 6, 5-8; 7, 1-5. 10. Salmo: 28, 1a e 2. 3ac-4. 3b e 9b-10
Ano 2: 1ª lectura: Sant 1, 12-18. Salmo: 93, 12-13a. 14-15. 18-19

Evanxeo: Mc 8, 14-21.

Os discípulos esqueceran levar pan e non tiñan máis ca un bolo na barca. Xesús recomendoulles:
—Tende coidado e gardádevos do fermento dos fariseos e de Herodes.

Pero eles latricaban entre si: "o caso é que non temos pan".

Xesús decatándose díxolles:
—Como! Así que estades a falar de que non tendes pan! Seica non acabades de entender, nin caedes na conta do que quero dicir? Tan cegos estades? Tendes ollos e non vedes; oídos e non oídes? Xa non vos acorda cantas cestas de sobras recollestes, cando repartín cinco bolos de pan entre cinco mil persoas?

Contestaron:
—Foron doce.

—E cando repartín sete bolos entre catro mil, cantas cestas recollestes?

Responderon:
—Recollemos sete.

E concluíu:
—E logo aínda non comprendedes?

Meditación

Do milagre da abundante comida para todo o mundo, grazas ao xeneroso compartir do pouco que había coa bendición e o empuxe de Xesús, os discípulos só se quedaron coa cousa de que encheran a barriga. Non entendían ese nova urxencia de Deus de entrar en camiños comunitarios, nos que o de cada persoa entra en todo a formar parte dun proxecto común de comunidade, de pobo, para que ningunha persoa quede excluída en nada.

E como non entendían iso, cando Xesús lles fala do fermento dos fariseos e de Herodes, non comprenden que os está avisando doutra maneira vella de entender a Deus e a vida que exclúe a xente, ben desde a forza do poder asoballante, ben desde unhas normas relixiosas frías que secan o corazón e marxinan as persoas. Pero isto non entraba aínda dentro das preocupacións dos seus discípulos.

Oración
Xesús,
velaquí a miña ollada,
para que ti a limpes
e así poida ver a fondura
de todo canto ti vives e anuncias.
Velaquí o meu corazón,
para que rompas as súas estreituras
e o fagas capaz de incluír e abrazar,
de atender e servir
sen límites.
Algo coma ti, Xesús.
Acción

Por razón das túas ideas relixiosas ou políticas, polos teus prexuízos sociais, estás excluíndo, apartando da túa vida a algunha persoa? Estala marxinando? A túa fe lévate a ser máis egoísta ou máis comunitario? Pénsao e, se cres necesario cambiar, faino.


16 de febreiro: Mércores da 6ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 8, 6-13. 20-22. Salmo 115, 12-13. 14-15. 18-19
Ano 2: 1ª lectura: Sant 1, 19-27. Salmo: 14, 2-3a. 3bc-4ab. 5

Evanxeo: Mc 8, 22-26

Nunha ocasión Xesús e as persoas que canda el andaban chegaron a Betania. Trouxéronlle un cego e pedíanlle que o tocase. El, collendo o cego pola man, sacouna para fóra da aldea; botoulle cuspe nos ollos, estendeu as mans sobre el e preguntoulle:
—¿Ti ves algo?

El, que comezaba a albiscar algo, dixo:
—Vexo xente, aínda que me parecen árbores que andan.

Púxolle outra vez as mans nos ollos; entón empezou a enxergar ben; estaba curado e vía todo claramente. Logo mandouno para a casa dicíndolle:
—Nin tan sequera entre na aldea.

Meditación

En si o relato é unha sinxela e excelente parábola dos procesos de cambio que se poden dar nas nosas vidas, cando nos aproximamos a Xesús e nos deixamos tocar polo seu espírito, nós que agora non podemos ser tocados polo seu mesmo corpo. Achegarse a Xesús, frecuentemente co apoio doutras persoas que teñen experimentado a súa fonda humanidade afincada en Deus, deixar que te colla pola man, deixarse acompañar por el; deixar que che toque coa súa palabra, co seu espírito; ver como os ollos se che abren, como te vas vendo a ti mesmo e a demais xente doutra maneira: todo o mundo como algo amable, digno de ser amado e coidado; ver como a vista se che ilumina, para verte a ti mesma a fondo, na túa humildísima dignidade en Deus, para ver tamén así a toda a creación, a toda a xente; sen disimular sombras e carencias, pero todo iluminado polo agarimo, a forza e a esperanza de Deus. E vivilo todo coa máxima humildade, non atopando nunca razón para verte por enriba de ninguén. Simplemente irmán, irmá absoluta.

Oración
Grazas, Xesús,
polas persoas e circunstancias da vida
que me permitiron achegarme a ti.
Grazas pola túa presenza en min,
pola túa palabra, polo teu espírito,
que pouco a pouco me foron abrindo
os ollos do corpo e da alma,
para verme e ver a realidade toda
con ollos humildes de irmán.
Grazas porque non desistes
e segues ao meu carón
para completar a túa obra.
Grazas, Xesús,
ti es a man de Deus na miña vida.
Acción

Podemos reparar hoxe nas nosas propias mans. ¡A cantidade de cousas boas, animadoras, alentadoras, que podemos facer con elas! Témolo en conta, sobre todo cando estamos coa xente.


17 de febreiro: Xoves da 6ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xén 9, 1-13. Salmo 101, 16-18. 19-21. 29 e 22-23
Ano 2: 1ª lectura: Sant 2, 1-9. Salmo: 33, 2-3. 4-5. 6-7

Evanxeo: Mc 8, 27-33

Unha vez ía Xesús cos seus discípulos cara ás aldeas de Cesarea de Filipo, e polo camiño preguntoulles:
—¿Quen di a xente que son eu?

Eles responderon:
—Algunhas persoas din que es Xoán Bautista; outras, que Elías; e outras, que algún dos profetas.

El preguntoulles a eles:
—E vós ¿quén dicides que son?

Respondeu Simón Pedro:
—Ti es o Mesías.

E prohibiulles dicir nada a ninguén.

Entón empezou a adoutrinalos con toda claridade acerca de que era preciso que o Fillo do home padecese moito e que o rexeitasen os anciáns, os sumos sacerdotes e máis os letrados; que o ían matar e que aos tres días había resucitar.. explicoulles isto con toda claridade. Entón Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifarlle. Pero Xesús, volvéndose cara aos discípulos, reprendeuno:
—¡Arreda de min Satanás, que ti non te me deixar guiar por Deus, senón polos criterios humanos!

Meditación

Cantas veces nos pasa a nós coma a Pedro! Pretendemos ditarlle a Deus os nosos camiños, as nosas maneiras de ver a realidade, de ver a xente, e as maneiras de estar ante a realidade, ante a xente. E case sempre as nosas maneiras son maneiras de poder e non de servizo, de éxito rápido e non de paciente resistencia, de arrimarnos á xente de carto e de poder e non á xente vulnerable. Polo visto, en movementos relixiosos americanos, do norte e do sur, que non son católicos, pero que se din cristiáns, é corrente despedirse dicíndose a palabra “bendicións”, no canto de dicir “adeus” ou “ata logo”; pero a tal palabra quere dicir éxitos, riquezas, postos importantes, triunfo, etc. E, claro, como o éxito e as riquezas normalmente arriman a quen xa as ten, daquela chegamos á conclusión perversa de que é a xente rica a que ten acceso a Deus e goza das súas bendicións. Nós non temos costume de despedirnos con esa palabra e con esas intencións, pero no fondo ¿non estamos tocados, feridos, polo mesmo espírito mundano?

Oración
Que o teu Espírito, Xesús,
me limpe a mente e o corazón,
me abra os ollos do corpo e do espírito
para ver as cousas como ti as ves;
e guíe a miña fe, a miña vida relixiosa
polos mesmos camiños de servizo
polos que ti andaches.
Que o teu xeito de ser e de vivir
prenda firme na nosa comunidade cristiá,
na nosa Igrexa toda.
Acción

Para non facer como Pedro, sempre que nos dispoñamos a levar a cabo algo como persoas cristiás ou como comunidade cristiá, podiámonos preguntar: ¿e isto cadra coas maneiras que Xesús tiña de pensar e de actuar?


18 de febreiro: Venres da 6ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1. 1ª lectura: Xén 11, 1-9. Salmo: 32, 10-11. 12-13. 14-15
Ano 2. 1ª lectura: Sant 2, 14-24. 26. Salmo: 111. 1-2. 3-4. 5-6

Evanxeo: Mc 8, 34—9,1

Nunha ocasión Xesús chamou a xente onda os seus discípulos e díxolles a todos:
—Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, cargue coa súa cruz e que me siga. Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa e pola do Evanxeo, ese poñeraa a salvo. Pois, ¿de que lle serve ao ser humano gañar o mundo enteiro, se perde a súa vida? E ¿qué pode dar un ser humano por recobrar a súa vida? Porque quen se avergonce de min e das miñas palabras, nesta xeración idólatra e pecadora, tamén o fillo do Home se avergonzará del, cando veña na gloria de seu Pai entre os santos anxos.

E engadiu:
—Tende por seguro que algúns dos aquí presentes non han morrer sen veren antes chegar o reino de Deus con gran poder.

Meditación

Ter vida ou non ter vida. Salvar a vida ou perder a vida. ¿En que consiste iso? ¿Cómo se consegue iso? O primeiro instinto lévanos a pensar que un ten e conserva a vida na medida en que se enche de medios e recursos, para poder gozar, para ter múltiples satisfaccións, desentendéndose do que aconteza ao seu redor. Descansa e a vivir, como dicía o home rico da parábola. Ese primeiro instinto é cativador, porque ten algo de verdade. Pero, a lo menos para quen olle a vida con algo de fondura –e Xesús sempre así o facía—, ese primeiro instinto leva moita trampa consigo. Somos feitura de familia, de grupo, de pobo, de comunidade, e soamente cando respondemos á chamada da comunidade, do común, nos atopamos realmente coas fontes da nosa felicidade, da nosa vida. Así, dar, compartir a vida e todo o que a enriquece é a principal maneira de ter vida.

Oración
Grazas, Xesús,
por me dar sentido común,
por me levar da man
ata as fontes da vida feliz.
Que nunca me avergonce de ti.
Que me fíe de ti, Xesús,
que saiba apostar diariamente
por esa maneira túa sorprendente
de encherme de vida
compartindo vida.
Así, ata a vida eterna.
Acción

Hoxe podemos facer expresamente algunha práctica de compartir vida con alguén: palabra, tempo, convencementos, cartos, alegrías, esperanzas, penas… Para ir experimentando en propia carne a verdade do que Xesús propón.


19 de febreiro: Sábado da 6ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Heb 11, 1-7. Salmo: 144, 2-3. 4-5. 10-11
Ano 2: 1ª lectura: Sant 3, 1-10. Salmo: 11, 2-3. 4-5. 7-8

Evanxeo: Mc 9, 2-13

Nunha ocasión colleu Xesús a Pedro, Santiago e Xoán, e subiu con eles sos ao coto dun monte. Alí transfigurouse na súa presenza. Os seus vestidos viráronse resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar. Nisto apareceron Elías e máis Moisés e estaban a falar con Xesús. E Pedro, tomando a palabra, díxolle a Xesús:
—Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Elías e outra para Moisés.

Tan asustado estaba, que non sabía o que dicía. E unha nube cubriunos coa súa sombra, e saíu dela unha voz:
—Este é o meu fillo benquerido, escoitádeo.

E de súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, fóra de Xesús. Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada ata que o Fillo do home resucitase de entre os mortos. Eles colleron ben o aviso; pero empezáronse a preguntar uns a outros o que querería dicir con aquilo de “cando resucite de entre os mortos”. E preguntáronlle:
—¿Cómo é que din os letrados que primeiro ten que vir Elías?

El contestoulles:
—Elías virá primeiro e restablecerao todo. Agora ben, ¿cómo é que está escrito que o Fillo do home ten que padecer moito e ser aldraxado? O que vos digo é que Elías xa veu e que fixeron con el canto lles petou, como estaba escrito del.

Meditación

Somos persoas creadas a imaxe e semellanza de Deus. Deus sostenos. Estamos en Deus, vivimos en Deus, somos en Deus. Coma Xesús, pero nunha leve semellanza nada máis. O evanxeo de hoxe, con formas e imaxes simbólicas, fálanos deste Xesús Cristo total, espléndido, na súa humanidade humildísima, potentísima para toda clase de ben; resistente a tope ante toda clase de mal e de perversión dos poderosos; é o Xesús, o Cristo, collido de pés a cabeza, no corpo e no espírito, pola mesma inmensa fermosura de Deus. O Fillo benquerido que Deus nos ofrece, para que o escoitemos, para que o acollamos, para que lle deixemos entrar a fondo na nosa existencia diaria.

Oración
Que ben, meu Deus, que ben!
Canto che agradecemos o teu don, o teu regalo!
O teu Fillo benquerido,
feito irmán noso!
Un irmán noso
que se nos amosa como Fillo benquerido teu!
Igual non sabemos moito
o que estas mesmas palabras queiran dicir.
Pero, dun xeito ou doutro,
que fermoso é
verte enredado connosco,
buscando tempos e maneiras
para encher as nosas vidas
de ben, de forza e bendición!
Acción

Hoxe, que é sábado, podiamos facer un pouco coma Xesús: sos ou acompañados/as, subir a algún monte, e alí marabillarse ante a fermosura da natureza, pensar na nosa mesma grandeza como criaturas de Deus, e contemplarnos á luz de Deus. E logo volver con forza para a vida.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.