20 de febreiro: Domingo 7º do Tempo Ordinario
1ª lectura: 1Sam 26, 2. 7-9. 12-13. 22-23. Salmo: 102. 1-2. 3-4. 8 e 10. 12-13
2ª lectura: 1Cor 15, 45-49.
Evanxeo: Lc 6, 27-38
Unha vez díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:
—A vós, homes e mulleres que me escoitades, dígovos: Amade os vosos inimigos, facédelle ben a quen vos odia, bendicide a quen vos maldí e rogade pola xente que vos calumnia; a quen che zoupe nunha meixela, preséntalle a outra; e a quen che leve o manto, déixalle tamén a túnica. A quen che pida, dálle; e a quen che leve o teu, non lle reclames nada. Tratade á xente tal como queredes que a xente vos trate a vós.
Se amades só a quen vos ama a vós, ¿Qué mérito tedes? A xente pecadora tamén aman a quen os ama. E, se lle facedes ben só a quen volo fai a vós, ¿qué mérito tedes? A xente pecadora fai outro tanto. E, se emprestades só cando esperades cobrar, ¿qué mérito tedes? A xente pecadora tamén se empresta entre si para recibiren despois outro tanto. Vós non; vós amade os vosos inimigos, facede o ben e emprestade sen esperardes nada a cambio. E así teredes unha grande recompensa e seredes fillos do Altísimo, pois El é bo coa xente mala e desagradecida.
Sede persoas compasivas como o voso Pai é compasivo. Non xulguedes e non se vos xulgará; non condenedes e non se vos condenará; perdoade e hásevos perdoar. Dade e darásevos a vós: poñeranvos nas mans unha boa medida, abundante, acugulada, apertada. Coa medida coa que midades hanvos medir a vós.
Meditación
O evanxeo de hoxe podémolo considerar como o evanxeo do evanxeo, é dicir, o centro, o corazón da boa nova de Xesús; algo do máis importante e fundamental de todo canto Xesús coas súas palabras, coa súa vida nos foi transmitindo. Por iso mesmo é ben importante que reparemos con ollada e oído de aprendiz en cada detalle do que Xesús comparte connosco neste pedaciño de evanxeo.
Se só amarmos, facemos ben, bendicimos, pregamos por quen a nós nos ama, nos fai ben, non bendí, nos recorda nas súas oracións, ¿que hai aí de xenerosidade, de gratuidade? ¿Non estamos, no fondo, coidándonos a nós mesmos cando así facemos? ¿É iso amar, amar gratuitamente, libremente? Xesús estanos incitando, empuxando á fondura do amor que sanda e que libera. Non é doado, non; é algo que nos desborda, que vai máis aló das nosas propias forzas, ¿quen nos habilitará para amar así?
Xesús amósanos o camiño. Será o contacto, a amizade, o trato con Deus o que nos vaia capacitando a nós para tratar a xente, algo polo menos, como Xesús a trataba, como Deus a trata.
Oración
Xesús,lévame pola manata o corazón do Pai.Que poida experimentar contigoen carne propia,en vida propiao bo que é Deus comigopor tortos que sexan os meus camiños,por ruín e desagradecido/a que eu sexa.Que poida experimentar contigoo bo que é Deus con toda a xente,con toda sen excepción,por moi mala e desagradecida que sexa.Que aprenda contigo, Xesús,que aprenda contigo do Pai-Naia súa desmesura escandalosa,a única capaz de cambiar a cara deste mundo.
Acción
Para experimentar algo do que Xesús nos propón, podiamos probar de lle facer algunha atención, algún servizo a algunha persoa da que, polo que sexa, esperamos que non nos vai poder corresponder.
21 de febreiro: Luns da 7ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Eclo 1, 1-10. Salmo: 92, 1ab. 1c-2. 5
Ano 2: 1ª lectura: Sant 3, 13-18. Salmo: 18, 8. 9. 10. 15
Evanxeo: Mc 9, 14-29
Naquel tempo, cando Xesús e os seus tres discípulos baixaron da montaña, chegaron onde estaban os outros discípulos e atoparon moita xente arredor e uns letrados discutindo con eles. En canto que a xente o albiscou, correu sorprendida a saudalo. El preguntoulles:
—¿De que estades a discutir?
Un deles respondeu:
—Mestre, trouxen o meu fillo, que ten un espírito que non o deixa falar. Cando se apodera del, tírao no chan, o rapaz bota escuma pola boca e renxe os dentes e fica teso. Rogueilles aos teus discípulos que o librasen e non puideron.
El contestou:
—¡Ouh xeración incrédula! ¿Ata cando terei que estar convosco? ¿Ata cando terei que aturarvos? Traédemo acá.
Trouxéronllo e, mal viu a Xesús, o espírito sacudiu violentamente o neno, que caeu polo chan, escumando pola boca. Entón preguntoulle Xesús ao pai:
—¿Dende cando anda así?
El respondeulle:
--Dende picariño. E hai veces que mesmo o bota no lume ou na auga, para acabar con el. Pero, se podes facer algo, ten dó do rapaz e bótanos unha man.
Xesús contestoulle:
—¿Cómo que “se podo”? Para quen ten fe non hai imposibles.
Inmediatamente o pai do neno exclamou:
—¡Creo; axúdame no que lle falta á miña fe!
Vendo Xesús que a xente se amoreaba, increpou o espírito malo:
—Espírito mundo e xordo, mándocho eu: sae deste rapaz e non volvas entrar nel nunca máis.
E, dando berros e fortes sacudidas, saíu, deixando o neno como morto, de tal xeito que moitos xa dicían que morrera. Pero Xesús colleuno pola man e ergueuno ata que se mantivo de pé.
Ao entraren con el na casa, preguntábanlle á parte os discípulos:
—¿E por que non o demos botado nós?
El respondeulles:
—Esta caste non sae se non é a forza de oración.
Meditación
Este relato é un tanto estraño. ¿Había daquela persoas endemoñadas e tiña Xesús tanta forza espiritual que era capaz de liberar a esa xente do poder do mal? ¿Segue habendo hoxe persoas endemoñadas que soamente co poder do espírito do ben poden ser liberadas por persoas expertas? Seguro que haberá opinións moi diferentes.
Podemos ir ao esencial deste relato, á luz de cómo Xesús falaba e actuaba. E o importante, que nos pode valer para nós hoxe, vai por aquí: Xesús andaba enredado sempre en cousa de axuda a xente desfeita; Xesús poñía todo o seu poder de ben ao servizo desa xente, conseguindo recuperacións abraiantes; Xesús liberaba os corpos e os espíritos, cousas dúas que sempre van moi mesturadas; a forza de Xesús víñalle sen dúbida da súa forte vinculación con Deus a través da oración, da vida toda; ter fe en Xesús, crer e confiar na súa forza de ben, era imprescindible para poder gozar dela.
Sen sermos persoas endemoñadas, a todas e todos nos pasa que hai moitos e diversos males que nos enturban a vida, que a apagan, que a entristecen. Xesús está aí ao noso dispor. Se confiamos nel, nel atoparemos luz e forza para sobrepoñernos aos nosos males.
Oración
Gustaríame, Xesús, ser vigoroso coma ti.Gustaríame andar sempre enredada coa xente que precisa apoios.Gustaríame ter fe abonda para poder crer contigoen cousas imposibles de ben, de mellora, de liberdade.Gustaríame, Xesús, ter trato fondo e limpo con Deus, algo coma ti.Gustaríame ter voz recia e potente para achicar o mal e quen o defende.Gustaríame poder coller da man e erguer do chan a tanta xente caída.Mentres e non, Xesús,cólleme ti da túa e sándame das miñas miserias.
Acción
¿Que males enturban a nosa vida persoal, a vida da nosa comunidade cristiá, a vida do noso pobo? ¿Qué podemos facer para librarnos dun deles polo menos?
22 de febreiro: Festa da Cátedra de San Pedro
1ª lectura: 1 Pe 5, 1-4. Salmo: 22, 1b-31. 4. 5. 6
Evanxeo: Mt 16, 13-19
Nunha ocasión, cando Xesús chegou á comarca de Cesarea de Filipo, preguntoulles aos seus discípulos:
—¿Quen di a xente que é o Fillo do home?
Eles responderon:
—Unhas persoas din que é Xoán Bautista; outras, que Elías; outras, que Xeremías ou algún dos profetas.
Insistiu Xesús:
—E vós ¿quen dicides que son eu?
Respondeulle Simón Pedro:
—Ti es o Mesías, o Fillo do Deus vivo.
E Xesús contestoulle:
—Ditoso ti, Simón fillo de Xonás, porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo. E eu asegúroche que ti es Pedro, e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa; e o poder do inferno non a derrotará. Dareiche as chaves do reino dos ceos; todo o que ates na terra ficará atado nos ceos, e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos.
Meditación
Lemos o mesmo evanxeo de onte, só que neste caso segundo conta a escena o evanxelista Mateu, que subliña o papel de Pedro na Igrexa, cousa que nin Marcos nin Lucas comentan. A versión de Mateu cadra ben coa festa de hoxe titulada “Cátedra de san Pedro”; é dicir, que celebramos o servizo de orientación, de alento e de unidade co que cumpre o Papa de Roma para ben de toda a Igrexa. Segundo comentamos onte, tamén aquí temos o perigo de entender as cousas con criterios humanos e non segundo o pensar e querer de Deus; moitas veces o Papa exerceu como un soberano, créndose o dono do mundo, o que o sabía todo, o que podía falar do divino e do humano sen ningún risco de equivocación. Grazas a Deus, actualmente temos un Papa que, seguindo tamén pasos doutros Papas, intenta facer do seu cargo un verdadeiro servizo á Igrexa e ao mundo. Ben é que o escoitemos con corazón de discípulos/as, que lle agradezamos o seu traballo e que o sosteñamos co noso afecto e coa nosa pregaria; e, se algunha vez o consideramos necesario, tamén coa nosa contribución crítica, humilde e respectuosa.
Oración
Dámosche grazas, Deus noso,por todo o teu pobo santo,no que prendeu a semente do Evanxeo de Xesús.Dámosche grazaspolos homes e mulleres que ao longo dos séculosexerceron diferentes liderados na Igrexa,e, como bos camareiros e camareiras túas,nos foron servindo as túas viandas,para sermos fortes na fe, na esperanza, no amor.Dámosche grazas polo Papa de Roma,que quere ser servidor dos teus servidores e servidoras.Que o poder nunca nos corrompa, Deus noso,que o poder nunca corrompa a túa Igrexa!
Acción
A Igrexa grande, a comunidade cristiá da que formas parte é cousa de todas e todos. ¿Participamos nela, asumimos tarefas nela? ¿Non nos deixan facelo? ¿Reivindicamos ese dereito e ese deber?
23 de febreiro: Mércores da 7ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Eclo 4, 12-22. Salmo: 118, 165. 168. 171. 172. 174. 175
Ano 2: 1ª lectura: Sant 4, 13-17. Salmo: 48, 2-3. 6-7. 8-10. 11
Evanxeo: Mc 9, 38-40
Nunha ocasión díxolle Xoán a Xesús:
—Pois vimos un que botaba demos no teu nome e quixémosllo privar, porque non é dos nosos.
Xesús contestoulle:
—Pois non llo privedes, porque ninguén que faga milagres no meu nome fala despois mal de min. O que non está contra nós está connosco. Ademais todo aquel que vos dea un vaso de auga por serdes seguidores de Cristo, tendo por seguro que non quedará sen recompensa.
Meditación
Parece que o problema estaba en facer as cousas de ben ou non facelas no nome de Xesús. Como se os discípulos fosen os donos desa patente, o cal quere dicir seren donos da patente do Espírito, da forza de ben que hai en Deus. Loxicamente Xesús non ara con eses bois. Quen fai o ben no nome de Xesús está dicindo ben de Xesús. O texto valora facer as cousas do nome de Xesús; o texto valora tamén un vasiño de auga que se dea en consideración de Xesús. Pero de ningún modo sacraliza ese nome. Máis aló das palabras, dos nomes, están os feitos. Os feitos son os que honran ou deshonran e non as titulacións. Persoas cristiás, dicíndonos tales, podemos facer, e temos feito moitas parvadas, moitas inxustizas, tamén moitas cousas boas e xustizas; e persoas non cristiás, honrando ou non o nome de Xesús de palabra, téñeno honrado con feitos de respecto, verdade e solidariedade. Todo isto é especialmente importante nos nosos tempos, nos que tanto temos que convivir con persoas de distinta relixión e mesmo con persoas non crentes.
Oración
Bendito o teu nome, Xesús;bendita a túa persoa,bendita a túa palabra,benditos os teus feitos.Bendito ti, fonte de bendiciónpara todos e todas nós,para toda a humanidade,creamos ou non en ti,sexamos ou non seguidoras túas.Bendito na túa liberdade,na túa entrega servidoraque non agarda recoñecementos.Bendito en todas as persoas,que, co teu nome por diante ou sen el,se fan unhas contigo no agarimo á xente,e te honran cos seus feitos.Bendito o teu nome, Xesús.
Acción
Podemos revisar como nos comportamos con persoas que sexan de diferente relixión, de diferente patria, de diferente partido político, de diferentes ideas. ¿Liberámonos da nosa ideoloxía para respectalas na súa diversidade? ¿Valorámolas polos seus feitos de vida e non por outras historias?
24 de febreiro: Xoves da 7ª semana do Tempo Ordinario.
Ano 1: 1ª lectura: Eclo 5, 1-10. Salmo: 1, 1-2. 3. 4 e 6
Ano 2: 1ª lectura: Sant 5, 1-6. Salmo 48, 14-15ab. 15cd-16. 17-18. 19-20
Evanxeo: Mc 9, 41-50
Díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:
—Calquera persoa que vos dea un vaso de auga por serdes seguidores ou seguidoras de Cristo, tende por seguro que non quedará sen recompensa. E a quen escandalice a unha destas criaturiñas que cren en min, élle mellor que lle colguen ao pescozo unha pedra de muíño e o boten ao mar. Se a túa man te fai caer, córtaa; máis che vale entrar toco na vida ca ir parar coas dúas mans ao inferno, no lume que nunca se apaga. Se o teu pé te fai caer, córtao; mellor será que entres coxo na vida, ca ir dar cos dous pés no inferno. Se o teu ollo te fai caer, arríncao; máis che vale entrar cego no reino de Deus e non que te boten cos dous ollos no inferno, onde o verme non morre nin o lume se apaga. Pois todo se salga co lume. O sal e bo, pero se o sal se volve insulso, ¿con que o salgaredes? Que non falte o sal entre vós e vivide en paz.
Meditación
Que non falte o sal entre nós e que vivamos en paz. A paz venlle a unha persoa cristiá cando non lle falta o sal. E ¿qué é o sal para un home ou unha muller cristiá? O sal, aquilo que fai que non podreza a nosa vida, aquilo que lle dá gusto e sabor, aquilo que lle dá gozo e graza, é ter un coidado exquisito por todas aquelas persoas que dentro ou fóra da comunidade cristiá son pouca cousa, fráxil, vulnerable. O sal da vida cristiá é velar polo ben das persoas que desde a súa pequenez están á expectativa da bondade da xente, a través da cal poderán sentir a bondade mesma de Deus. Ante iso, todo o demais, por moi sagrado que pareza (pés, mans, ollos, organización, oracións, Misas, doutrinas etc.), todo o demais pode quedar tranquilamente nun segundo plano. Non sendo así, a nosa vida cristiá convértese nunha podremia, algo que só vale para ir parar nunha esterqueira, que iso era o inferno do que falaba Xesús.
Oración
¿Cando poñeremos, Xesús,no primeiro lugar de todos os nosos pensamentos,proxectos, accións, avaliaciónsa vida digna da xente máis miúda que nos rodea?¡Que claras tiñas ti as cousas,e como as complicamos e enredamos nós?¡Canta cousa inútil,canta podrén nas nosas vidas,que irá parar á esterqueira da nada!¡Que simple e que complexo a un tempovolver a ti, Xesús,volver con simplicidade ao teu Evanxeo!
Acción
Podemos reparar se a nivel persoal ou como comunidade cristiá estamos esquecendo a xente máis débil que nos rodea, con calquera escusa, por moi digna que nos pareza. Podemos pensar como fiarnos máis das palabras de Xesús e darlle a volta a esas posibles situacións.
25 de febreiro: Venres da 7ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Eclo, 6, 5-17. Salmo: 118, 12. 16. 18. 27. 34. 35
Ano 2: 1ª lectura: Sant 5, 9-12. Salmo: 102, 1-2. 3-4. 8-9. 11-12
Evanxeo: Mc 10,1-12
Nunha ocasión foise Xesús para as terras de Xudea na outra banda do Xordán. A xente amoreábase de novo no seu camiño e, como sempre, púxose a ensinar. Achegáronselle algúns fariseos preguntándolle, para probalo, se lle está permitido ao home repudiar a muller. El replicoulles:
—¿Qué foi o que mandou Moisés?
Respondéronlle:
—Moisés permitiu despedir a muller, dándolle certificado de divorcio.
Díxolles Xesús:
—Tendo en conta a dureza do voso corazón, escribiu Moisés para vós esa norma. Pero desde o principio da creación fíxoos home e muller. Por iso deixará o home a seu pai e máis a súa nai, unirase coa súa muller e serán os dous unha soa carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. O que Deus uniu que non o separe o home.
Xa na casa, os discípulos volvéronlle preguntar acerca disto. El díxolles:
—O que repudia a muller e casa con outra comete adulterio contra a primeira. E, se a muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio.
Meditación
Xa no tempo de Xesús había un debate entre a xente relixiosa sobre a legalidade do divorcio. Naquel tempo era desde unha actitude descaradamente machista, pois era o home o que podía largar a muller, e case que por calquera cousa. Hoxe seguimos tamén con ese debate, aínda que desde unhas claves menos machistas.
Xesús remítenos ao fundamental, a esa identificación fonda que se dá entre dúas persoas que se queren e que deciden facer vida xuntas. Todos, todas coñecemos moitas parellas felizmente unidas de por vida; tamén coñecemos situacións nas que o divorcio parece a opción menos mala; a mala sería unha convivencia amargada, sen amor. Xa o dicía o mesmo Xesús: “Tendo en conta a dureza (ou a fraxilidade) do voso corazón…”. Non estamos en tempos moi dados a grandes e longas fidelidades. Para quen pensa casar ou vive xa en parella, máis que debater sobre se divorcio si, divorcio non, igual pagaría a pena gastar esforzos en posibilitar e gustar o gozo diario da convivencia. A vida de parella, cos seus esforzos para sacarlle todo o proveito, empeza, non remata, cando un estabiliza a relación. As familias cristiás poderíamos ofrecer un campo de esperanza neste senso.
Oración
Que regalo máis grande nos deches, meu Deus,facéndonos home e muller,para complementarnos a fondo entre nósata sermos unha soa carne, un só espírito,á túa sombra, á túa imaxe e semellanza,en ti!Que regalo máis grande, meu Deus,poder amarnos e medrar no amor,poder respectarnos e medrar na singularidade,poder ser muller e home a fondo,sen dominios nin sometementos,sen agresións de ningún tipo,desde a máis fonda e limpa liberdade,no máis grande e impresionante pracer!Que regalo máis grande, meu Deus,que marabilla, que tesouro,iso si, levado sempre en vaixelas de barro,coa necesidade de mimalo, coidalo, limpalocada noite, cada díacon todos as precaucións que a mesma vida nos suxire,que ti nos inspiras!Pero, que regalo máis grande, meu Deus!
Grazas!
Acción
O Papa Francisco escribiu un libriño moi fermoso titulado “A ledicia do amor”. Para fortalecernos nas nosas vidas de parella, igual podiamos lelo, empezando, se cadra, polos capítulos 2 e 4. Se o lemos muller e home xuntos, mellor; se o lemos con outras parellas, mellor aínda. Pero que o ler nos valla para ver como nos vai na vida de parella, que fortalezas temos, que debilidades temos, e poder avanzar.
26 de febreiro: Sábado da 7ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Eclo 17, 1-13. Salmo: 102, 13-14. 15-16. 17-18
Ano 2: 1ª lectura: Sant 5, 13-20. Salmo: 140, 1-2. 3 e 8
Evanxeo: Mc 10, 13-16
Nunha ocasión leváronlle a Xesús unhas criaturas para que as tocase. Pero os discípulos rifábanlles. Mais a Xesús non lle gustou aquilo e dixo:
—Deixade que as criaturiñas se acheguen a min; non llelo impidades, porque delas é o Reino de Deus. Asegúrovos que aquel que non reciba como unha criatura o reino de Deus non entrará nel.
E abrazounas e bendiciunas e impúxolles as mans.
Meditación
A escena é todo un símbolo dos gustos, das preferencias de Deus, de Xesús. Este símbolo ten varios actores: os nenos ou nenas que andaban por alí e que algunhas persoas lle presentaron a Xesús para que os acollese, acariñase, bendicise. Aos discípulos moléstalles aquilo; a Xesús encántalle, porque ve nos nenos e nenas e en quen é coma elas, e en quen os acolle a clave do seu proxecto de vida e de sociedade.
Os nenos e nenas, naquela cultura máis aínda que na nosa, eran xente que non contaba, que non tiña peso na sociedade, xente fráxil, sempre exposta a calquera abuso ou marxinación. No ser do neno ou nena había unha conciencia espontánea, fonda, de non ter dereito a nada, de ter que estar calado, a un lado; todo o que lle chegaba chegáballe gratis. Xesús intuía, por unha parte, que así somos todos nós en realidade ante Deus. Non podemos reivindicar dereitos ante el; todo o seu cara a nós é absolutamente gratuíto. Nós en por nós non somos fonte de nada. Pero, por outra banda e por iso mesmo, Deus si que reivindica a nosa dignidade, acolle a nosa fraxilidade, ponnos en plan de igualdade absoluta, e apréndenos a que así tratemos a toda a xente que na sociedade estea en condicións similares ás que os nenos e nenas vivían daquela. Deus acolle e ennobrece a nosa fraxilidade, sexa a que sexa.
Oración
Bendito sexa Deus e o seu fillo Xesús,que se achega con mans agarimosas a todos/as nós.Bendito sexa Deus e o seu fillo Xesús,que nos agarima e nos consola nas nosas fraxilidades,sexan estas as que sexan.Bendito sexa Deus e o seu fillo Xesús,que nunca nos marxina, nunca nos deixa de lado,sempre nos rodea co seu respecto e consideración,sexamos como sexamos.Bendito sexa Deus e o seu fillo Xesús,que nos incita a un trato preferente cos máis débiles de entre nós,sexa cal sexa a súa debilidade.Bendito sexa Deus e o seu fillo Xesús,porque nos saca da nada e nos colma de dignidade,sen intereses, sen xogar connosco,por puro apaixonamento, porque nos quere.
Acción
Hoxe dise moito que malcriamos os nenos e nenas. Podemos revisar, á luz de Xesús, como nos estamos relacionando cos nenos e nenas que nos rodeen: ¿que nos suxiren os nenos e nenas, que nos aprenden, que trato cos nenos e nenas é adecuado, que trato non?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.