23 febreiro, 2022

Tempo Ordinario: 8ª semana

 



27 de febreiro: Domingo 8º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Eclo 27, 5-8. Salmo: 91, 2-3. 13-14. 15-16.
2ª lectura: 1Cor 15, 54-58.

Evanxeo: Lc 6, 39-45

Nunha ocasión Xesús púxolles esta comparanza ás persoas que andaban canda el:
—¿Acaso poderá unha persoa cega guiar a outra que tamén o é? ¿Non caerán as dúas na fochanca? Non está o discípulo por enriba do mestre, aínda que todo discípulo, home ou muller, que chegue a prepararse ben, será coma o seu mestre. ¿Por qué reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán e non te decatas da trabe que está no teu propio ollo? ¿Como lle poderás dicir a teu irmáns: “Irmán, deixa que che quite o lixo que tes no ollo”, sen reparar na trabe que tes no teu? Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo e logo verás mellor para quitar o lixo do ollo de teu irmán.

Non hai árbore boa que produza froitos ruíns, nin tampouco árbore ruín que produza froitos bos. Así, cada árbore coñécese polos seus froitos. Pois dos toxos non se collen figos, nin das silveiras se vendiman uvas. A persoa boa saca o ben da bondade do seu propio corazón, e a persoa mala saca o mal da súa maldade, pois a boca fala do que reborda o corazón.

Meditación

Na vida de cada día, na nosa vida familiar, na vida da comunidade cristiá, na vida da realidade social que vivimos, teñen moita importancia os pequenos detalles, as pequenas palabras, os pequenos feitos. Son estas cousas miúdas as que normalmente máis nos entristecen ou máis nos alegran, máis nos alentan ou máis nos desesperan cada día. Cómo nos tratamos, cómo nos relacionamos, cómo nos situamos uns ante os outros, as outras, cómo nos situamos coma grupo, coma comunidade, coma parroquia, coma partido político, ante outros grupos, comunidades, parroquias, partidos políticos que coinciden ou non coa nosa maneira de pensar, de sentir, de actuar. O Evanxeo de hoxe atende a estas cousas miúdas. Xesús fálanos destas cousas, dános orientacións, axúdanos a situarnos na actitude correcta, que nos permita vivir con paz e proveito a convivencia comunitaria, social.

Non hai cousa máis penosa para a convivencia familiar, comunitaria, social que a torpe manía de andar reparando no lixo do ollo alleo sen caer na conta da viga que impide a visión no propio. Quen non teña caído neste vicio tan común que levante a man. E non é que non poidamos ver o mal que outros fan; non é que non poidamos axudarlle a superar os seus errores e pecados. Xesús mesmo noutras ocasións nos dirá que si, que está ben que o fagamos. Pero o que debemos evitar, dinos Xesús, é andar pola vida con ese espírito inquisidor, afanados por descubrir calquera detalle de mal no comportamento das demais persoas, aireándoo deseguida, sen ter a mínima humildade que nos permita primeiro mirar en cómo imos levando nós a nosa vida nese ou noutros campos. Só cando somos capaces de ver o mal de que nós somos capaces, só entón teremos o ánimo serenado, a palabra dócil, o corazón misericordioso e acendido para dicirlle algo construtivo a outras persoas da familia, da comunidade, do grupo do que formamos parte. Revisemos tamén como andamos con isto na nosa vida.

Oración
Cantas veces, Xesús,
me chufo de ser mestre,
mestre cego guiando a cegos
cara ao fondo da fochanca!

Cantas veces, Xesús,
me apropiei indebidamente
do divino oficio de xulgar
e me dediquei a emitir xuízos e condenas
sen rixo nin compaixón,
botando sobre a propia vida
os cascallos dos que pretendía limpar os ollos alleos!

Cantas veces, Xesús,
ignorei estar chamado a ser home bo,
que saca a bondade coidada no propio corazón
e preferín deixar que o mal me infecte por dentro
e verta cara a fóra sen rubor nin tempero!

Grazas, Xesús, por me poñer tantas cousas diante dos ollos.
Grazas polo teu perdón.
Grazas pola túa forza de renovación.
Acción

Hoxe podemos mirar como é o noso trato coas persoas que nos rodean na casa, na comunidade cristiá, na sociedade; en concreto podemos mirar como andamos con iso de andar xulgando, condenando a xente, con xuízos, opinións, palabras de crítica, nas que nós nos poñemos case como modelo.


28 de febreiro: Luns da 8ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Eclo 17, 20-28. Salmo: 31, 1-2. 5. 6. 7
Ano 2: 1ª lectura 1 Pe 1, 3-9. Salmo:110, 1-2. 5-6. 9 e 10c

Evanxeo: Mc 10, 17-27

Nunha ocasión, no preciso momento en que Xesús se puña en camiño, chegou un a correr, axeonllouse diante del e preguntoulle:
—Mestre bo, ¿Qué teño que facer para acadar a vida eterna?

Xesús contestoulle:
—¿E por que me chamas bo? Ninguén e bo, fóra de Deus. Xa sabes os mandamentos: Non mates, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso testemuño, non defraudes, honra o teu pai e máis a túa nai.

El respondeu:
—Mestre, todas esas cousas gardeinas dende a miña mocidade.

Entón Xesús pousou nel a súa ollada chea de cariño e engadiu:
—Aínda che falta unha cousa: vai, vende todo o que tes e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.

Ante estas palabras mudóuselle o rostro e marchou desconsolado, pois tiña moitos bens.

Xesús, mirando todo arredor, díxolles aos discípulos:
—¡Que difícil lles vai ser aos ricos entrar no Reino de Deus!

E os discípulos ficaron moi sorprendidos por estas palabras. Pero Xesús volveu a insistir:
—Fillos, ¡que difícil é entrar no Reino de Deus! É máis doado para un camelo pasar polo ollo dunha agulla, do que para un rico entrar no Deino de Deus.

Eles, aínda moi asombrados, comentaban entre si:
—Entón, ¿quen se vai poder salvar?

Xesús, mirando para eles fixamente, dixo:
—Si, para a xente é imposible, pero non para Deus, pois todo é posible para Deus.

Meditación

Quedou desconsolado o home aquel que se achegou a Xesús preguntándolle qué máis tiña que facer para ter unha vida densa, feliz, redonda, eterna. Pensando, seguro, que os moitos bens que tiña eran unha bendición de Deus, ¡cómo os ía repartir entre a xente necesitada e logo seguir a Xesús! Tamén os discípulos, escoitando a proposta de Xesús, se quedaron sorprendidos, asombrados. E seguro que todos e todas nós tamén.

Normalmente pensamos que ter vida con éxito, ter éxito na vida, é cuestión de acumular cousas: cultura, bens, diñeiro, vivendas, bo nome, fama, poder… Encher, encher, encher. En cambio a proposta de Xesús vai por baleirar, baleirar, baleirar. Baleirarnos por dentro e por fóra, para que dentro de nós quede espazo para a demais xente, para a solidariedade, para o comunitario, para o amor, para Deus, que é quen promove en nós todas estas cousas. ¿Hai que ser, logo, unha xente parva, analfabeta, miserable, para ser bo seguidor de Xesús? Non, porque hai unha cultura, un consumo, un manexo dos cartos, un uso da autoridade e aínda do poder desde a solidariedade e para a solidariedade.

A todas e todos se nos fai difícil entendelo e vivilo. Practicándoo é cando empezamos a ver que si, que é certo, que aí hai vida da boa, da que nunca remata.

Oración
Xesús, eu fíome de ti.
Aínda que me custe entenderte,
eu fíome de ti.
Aínda que o instinto me leve a sentirme seguro
rodeándome de cousas, de afectos de todo tipo,
fíome de ti.
Aínda que toda a propaganda me asegure
que só hai felicidade no moito ter e consumir,
eu fíome de ti.
Aínda que na Igrexa te anunciemos pobre
e con frecuencia te vivamos con gusto desde a riqueza,
eu fíome de ti.
E ao teu carón quero andar o prometedor camiño
que polo baleiro e a nada leva á solidariedade e á plenitude.
Xesús, coas miñas resistencias, fíome de ti.
Acción

Igual estamos pechados/as aos demais no tema dos cartos, ou non deixamos que ninguén ocupe o noso tempo de ocio, ou nunca imos a algunha charla sobre os problemas que outra xente poida ter, ou nunca participamos nunha manifestación apoiando algo xusto, ou nunca lemos o Evanxeo para poder coñecer ben as propostas de Xesús. Seguro que poderemos facer algo nalgún destes sentidos, sos ou en grupo.


1 de marzo: Martes da 8ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Eclo 35, 1-15. Salmo: 49, 5-6. 7-8. 14 e 23
Ano 2: 1ª lectura: 1 Pe 1, 10-16. Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3c-4

Evanxeo: Mc 10, 28-31

Nunha ocasión Pedro púxose a dicirlle a Xesús:
—Pois nós deixámolo todo e seguímoste.

Dixo Xesús:
—Tende por seguro que non hai ninguén que deixe casa ou irmáns ou irmás, ou nai ou pai, ou fillo ou leiras por causa miña e polo Evanxeo, que pase sen recibir agora cen veces máis en casas, irmáns, irmás, nai, pai, fillos e leiras, aínda que con persecución, e que no mundo futuro non reciba a vida eterna. E moitos que son os primeiros serán os últimos e moitos que son os últimos serán os primeiros.

Meditación

O evanxeo de hoxe é continuación do de onte. Ante a proposta de Xesús de deixalo todo para seguilo, Pedro afirma que o grupo de seguidores e seguidoras de Xesús deixárono todo e seguírono. Pensamos que a resposta de Xesús non hai que tomala ao pé da letra, como se quen deixe algo por seguilo vaia recibir unha chea de cousas. Baleirarse para encherse de máis cousas do mesmo tipo non tería sentido ningún.

Quen pola causa de Xesús se desprende de todas esas seguridades, ás que normalmente estamos tan atados, acaba atopando unha seguridade máis fonda que sustenta toda a súa vida; quen pola causa de Xesús enuncia a esas ofertas de benestar e felicidade, acaba atopando un benestar e unha felicidade maior, que non fraquea nin que teñamos que pasar por momentos de aperto. É esta unha fonda sabedoría de vida, que podemos aprender a vivir seguindo a Xesús.

Oración
Xesús, teño tanto que aprender de ti!
Hai tantas cousas túas que me descolocan!
Aquí estou en silencio ao teu carón.
Como todo home ou muller buscando fontes.
Como todo home ou muller soñando felicidades.
Xesús, teño tanto que experimentar contigo!
Aquí estou ao teu carón co corazón aberto.
Disposta a camiñar ao teu lado,
comprometido a amar e servir no que poida,
sentada a gusto entre as últimas.
Xesús, fai de min un instrumento dos teus soños.
Acción

Seguro que entre nós hai algunhas persoas desas que, para a opinión xeral, son das últimas. Fai o que poidas por pasar hoxe algún tempo con algunha delas. Faino co pensamento, co corazón de Xesús.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.