03 marzo, 2022

Tempo de Coresma: 1ª semana

 



6 de marzo: Domingo 1º de Coresma

1ª lectura: Dt 26, 4-10. Salmo: 90, 1-2. 10-11. 12-13. 14-15.
2ª lectura: Rom 10, 8-13.

Evanxeo: Lc 4, 1-13

Naquel tempo, Xesús, cheo de Espírito Santo, volveu do Xordán e o Espírito levouno ao deserto. Ficou alí corenta días e tentouno o Satán. Durante todos aqueles días non probou bocado, e ao final sentiu fame. E díxolle o Satán:
—Se es o Fillo de Deus, manda que estas pedras se volvan pan.

Respondeulle Xesús:
—Está escrito: “O ser humano vive de algo máis ca de pan.”

Despois levouno a un outeiro e mostroulle nun intre todos os reinos do mundo. Díxolle o Satán:
—Dareiche todo este poder e toda a súa gloria, porque mos entregaron a min e doullos eu a quen quero. Se me adoras, todo será teu.

Pero Xesús respondeulle:
—Escrito está: “Adoraras o Señor, o teu Deus, e só a el darás culto.”

Levouno logo a Xerusalén e púxoo no cumio do templo e díxolle:
—Se es o Fillo de Deus, bótate de aquí abaixo, que está escrito: “Mandará os seus anxos para que te garden.” E tamén: “Levarate nas súas mans, para que non se manquen os teus pés nas pedras.”

Xesús respondeulle:
—Está mandado: “Non tentaras o Señor, o teu Deus.”

E rematadas as tentacións, o Satán deixouno ata o tempo axeitado.

Meditación

Con frecuencia se fai unha lectura moralista deste relato das tentacións. Sería coma unha alerta radical ante as tentacións tan humanas e universais do ter e acumular (as pedras convertidas en pans), do poder (todo o poder e gloria que promete o Satán), e da fama (botarse do alto do templo en baixo). Certamente esas tentacións son universais no tempo e no espazo. Non hai persoa que se vexa libre delas e dos seus efectos desastrosos. Comprobámolo no día a día, ollando para o noso propio corazón e comportamentos e ollando tamén para os comportamentos e corazóns das persoas que nos rodean. Comprobámolo tamén ollando para as institucións relixiosas e sociais, políticas, das que formamos parte. Non se explican moitos problemas da Igrexa desde o afán de fama e poder polo que nos deixamos levar moitos membros da mesma? Non se explica a crise económica, social, de valores, desde a ansia tola por acumular e controlar que teñen institucións económicas, cos seus responsables á fronte, que rexen o mundo enteiro? Pode resultarnos ben positivo, polo tanto, como persoas e como comunidade cristiá, confrontarnos con estes elementos: cartos, poder e fama, que tan doadamente se converten en tentación que nos arrastra e condiciona a nosa vida, os nosos comportamentos.

De todas as maneiras, o relato das tentacións de Xesús apunta tamén, pensamos, a un nivel máis fondo e substancial aínda, e respondería a esta pregunta: que papel xoga Deus na miña vida? Que tipo de relación vital quero establecer con el? Onde me sitúo ante Deus, e onde sitúo a Deus ante min á hora de comprender e de desenvolver a miña existencia concreta? Deus non nos dá solucións fáciles, pero crea vínculos profundos, relacións persoais cálidas (1ª tentación). A “abnegación” do propio ser, da que falará Xesús –ao que se ve, por plena experiencia—, máis ca apuntar a renunciar a cousas máis ou menos importantes da nosa vida, apunta a renunciar a ser un o centro dun mesmo, a orixe dun mesmo, a referencia última dun mesmo. Basicamente vivirnos habitando ao abeiro do Altísimo, morando á sombra do Omnipotente, como di o salmo 90, 1, que hoxe rezamos na celebración. Baixo aparencia de dependencia, realizariámonos na maior liberdade (2ª tentación). O Deus que sustenta a nosa existencia, que establece connosco relacións cálidas, íntimas, quérenos libres e responsables, non substitúe a nosa preguiza, a nosa irreflexión, a nosa covardía, as nosas toleadas. (3ª tentación).

Oración
Señor, Señor,
que non nos poida nunca a tentación.

A tentación da desesperanza
nestas horas escuras para tantas persoas
que amencen cada día entre angustias e sombras.

A tentación da violencia,
cando vemos tanta inxustiza roldándonos a vida
e facéndonola triste e achicada.

A tentación da pasividade,
crendo pechos todos os camiños,
e que non paga a pena loitar contra xigantes.

A tentación da tristura,
que ameaza as nosas vidas
para sumilas no colmo do asoballo.

A tentación da soidade, do enchufe,
cedendo ao canto da serea insolidaria
que invita á desunión e ás solucións por libre.

A tentación do abandono de Deus,
perdendo a súa paz e a súa forza,
a súa incitación profunda ao novo e revolucionario.

A tentación do abuso de Deus,
converténdoo nun moneco fácil nas nosas mans,
negociante servidor das nosas comenencias.

A tentación do moito falar e escribir,
fuxindo dos silencios densos
e da fidelidade vital ao que dicimos.

Señor, Señor,
que non nos poida nunca a tentación.
Acción

¿Podemos poñerlle nome á tentación máis grave que estamos sufrindo contra nós mesmos/as e contra o Deus que nos habita? Se a identificamos, poderemos defendernos mellor dela.


7 de marzo: Luns da 1ª semana de Coresma

1ª lectura: Lev 19, 1-2. 11-18
Salmo: 18, 8. 9. 10. 15

Evanxeo: Mt 25, 31-46

Unha vez díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
—Cando veña o Fillo do home na súa gloria e todos os anxos con el, sentará no seu trono glorioso. Diante del xuntaranse todas as nacións, e separará a unhas persoas doutras, como separa o pastor as ovellas das cabras. E poñerá as ovellas á súa dereita e as cabras á súa esquerda. Entón dirá o Rei ás persoas que están á súa dereita:
Vinde, benditas do meu Pai; recibide a herdanza do Reino preparado para vós dende a creación do mundo. Porque tiven fame e déstesme de comer, tiven sede e déstesme de beber, fun forasteiro e acolléstesme, estiven espido e vestístesme, enfermo e visitástesme, estiven na cadea e viñéstesme ver.
Entón preguntaranlle aquelas persoas xustas:
—Señor, ¿cando te vimos famento e che demos de comer; ou sedento e che demos de beber? ¿Cando te vimos forasteiro e te acollemos, ou espido e te vestimos? ¿Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?

O rei contestaralles:
—Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns ou irmás miñas máis pequenas, fixéstelo comigo.

E diralles logo ás persoas da súa esquerda:
—Arredade de min, malditas; ide para o lume eterno preparado para o Satán e os seus anxos. Porque tiven fame e non me destes de comer, tiven sede e non me destes de beber, fun forasteiro e non me acollestes, estiven espido e non me vestistes, enfermo e na cadea e no me visitastes.

Eles replicaranlle:
—Señor, ¿cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou espido, enfermo ou na cadea e non che acudimos?

El responderalles:
—Asegúrovos que canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a min.

Daquela estas persoas irán ao castigo eterno, e as xustas para a vida eterna.

Meditación

Ata os tempos de Xesús, na tradición relixiosa da Biblia a xente empobrecida era xa un importante reto ético, moral: non se podía servir ben a Deus sen tela ben en conta, porque xa Deus amosaba un fondo interese polas súas vidas fráxiles. Xesús dá un paso máis; a xente empobrecida convértese nunha representación viva do mesmo Xesús, do mesmo Deus. De maneira que recoñecer a xente empobrecida, servila, venerala, poñela no centro do propio corazón e da propia vida era tanto coma poñer ao mesmo Xesús, ao mesmo Deus. Atender a xente empobrecida non é unha obriga moral, á que haxa que responder mellor ou peor; é unha condición imprescindible da nosa profesión de fe cristiá, que podía dicir así: Creo en Deus, Pai/Nai creador de vida, xerador de fraternidade, que nos amosou o seu rostro humano máis logrado na persoa de Xesús de Nazaré, e que na xente empobrecida nos ofreceu un sacramento ou imaxe de si mesmo, ao que lle debemos devoción, adoración e entrega servidora; o Espírito de Xesús capacítanos para así o facer.

Oración
Xesús, sinto que me preguntas:
“¿Cantas persoas pobres hai na túa axenda?
¿Cantas horas do día pasas con algunha delas?
¿Cantas delas che rouban o sono?
¿Con cantas delas tes lazos de fonda amizade,
e compartes o teu pan, a túa palabra, o teu diñeiro, a túa casa?
¿A cantas delas inclúes na túa pregaria diaria
como imaxe viva do Deus que veneramos?
Pensa e saca conclusións.
Pensa e dime se realmente me queres,
se realmente cres en min.
Falamos.”
Acción

Estamos na Coresma. Como práctica coresmal podiamos marcarnos a tarefa de achegarnos a algunhas persoas empobrecidas, e deixarnos conmover por elas.


8 de marzo: Martes da 1ª semana de Coresma

1ª lectura: Is 55, 10-11
Salmo: 33, 4-5. 6-7. 16-17. 18-19

Evanxeo: Mt 6, 7-15

Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Cando vos poñades a rezar, non sexades lareteiros coma os xentís, que pensan que Deus os vai escoitar polo moito falar. Non sexades coma esa xente, porque o voso Pai ben sabe o que precisades xa antes de que llo pidades. Vós rezade así:
Noso Pai que estás no ceo, santificado sexa o teu nome, veña o teu reino, fágase a túa vontade aquí na terra coma no ceo. Dános hoxe o noso pan de cada día, perdoa as nosas ofensas, como nós perdoamos a quen nos ofende; non nos deixes caer na tentación, mais líbramos do Malo.
Porque se lle perdoamos ás demais persoas as súas ofensas, tamén o voso Pai do ceo vos perdoará a vós; pero, se non perdoades a demais xente, tampouco o voso Pai do ceo vos perdoará a vós.

Meditación

Rezar en si mesmo é algo doado. Cómpre ter presente algunhas cousas, como, por exemplo, que non vale de nada o moito barullarlle a Deus. A confianza en Deus é máis importante que as moitas palabras, porque el coñécenos a fondo coas nosas carencias e necesidades. Así, estou ante el simplemente, e máis que dicirlle a el o que ten ou non ten que facer comigo, fíome del e déixolle as mans libres, para que o seu Espírito me vaia levando por onde el e máis eu vaiamos vendo que é bo camiñar. Non importa a miña gloria, senón a de Deus. Non importa a miña vontade, senón a de Deus na miña. Si que importa o pan de cada día para todo ser humano; e importa moito tamén a nosa disposición ao perdón da demais xente, porque sen perdóns, dados e recibidos, este mundo é un inferno. E non somos nós os que medimos o perdón de Deus, como puidera parecer que afirma o evanxeo; ao revés, é o perdón de Deus o que mide e urxe o noso perdón. Para que o mal non nos acabe aburando e desfacendo.

Oración
Meu Deus,
a miña vida nas túas mans.
A vida da miña familia nas túas mans.
A miña saúde ou enfermidade nas túas mans.
A miña participación cidadá nas túas mans.
O meu presente e o meu futuro nas túas mans.
A miña terra e o meu ceo nas túas mans.
Sabendo tamén
que as túas mans son as nosas mans,
que ti precisas de min
para todo o que en min queiras facer.
Xuntas, logo, intimamente unidas.
Grazas.
Acción

Igual algunha persoa nos faltou e gardamos rancor contra ela e estamos lonxe de a perdoar. Igual lle temos feito algún mal a algunha persoa, coa palabra ou cos feitos, e non somos valentes para lle ir pedir perdón. En calquera caso, sería ben que désemos un paso adiante na práctica do perdón dado e recibido.


9 de marzo: Mércores da 1ª semana de Coresma

1ª lectura: Xon 3, 1-10
Salmo: 50, 3-4. 12-13. 18-19

Evanxeo: Lc 11, 29-32

Unha vez a xente xuntouse ao redor de Xesús e el púxose a dicirlle:
—Esta é unha xeración perversa; reclama un sinal, pero non se lle vai dar máis sinal ca o de Xonás. Pois como Xonás foi sinal para os habitantes de Nínive, así o será tamén o Fillo do Home para esta xeración. A raíña do Sur enfrontarase no xuízo con esa xente e fará que a condenen, porque ela veu desde o cabo do mundo para escoitar a sabedoría de Salomón; e aquí está quen é máis ca Salomón. Os habitantes de Nínive enfrontaranse no Xuízo con esta xeración e farán que a condenen, porque eles convertéronse ao escoitaren a predicación de Xonás, e aquí está quen é máis ca Xonás.

Meditación

Quéixase Xesús de que moita da xente que o escoita non lle fai caso. Estáselles ofrecendo a oportunidade dun coñecemento de Deus limpo e dunha práctica relixiosa fondamente ao servizo do benestar persoal e social da xente, e non queren saber nada de Xesús. O falar e o actuar de Xesús non lles vale; desexan ver grandes cousas, grandes sinais, grandes probas; non lles chega a proba dunha palabra cálida, dunha solicitude exquisita pola xente máis fráxil, dun Deus achegado, forte e humilde, que se pon ao noso alcance, para establecer connosco unha relación intensa e transformadora.

¿Facémoslle nós hoxe caso a Xesús, ás cousas que Xesús comparte connosco? ¿Facémoslle caso ás palabras de renovación, que desde persoas crentes ou non crentes chegan aos nosos oídos, para mellorar a nosa vida cristiá, a nosa vida social, a nosa maneira de estar neste mundo?

Oración
Xesús,
sabio para a vida
moito máis ca Salomón;
apaixonado de Deus e da xente
moito máis ca Xonás;
solidario coa nosa fraxilidade
moito máis do que podemos imaxinar;
forte, tenro, humilde, persistente, valente, crítico
moito máis do que lle gusta ás veces aos nosos soños relixiosos
….
Xesús,
apúntome á túa escola,
para que me aprendas a vivir ben.
Acción

¿Estamos pelexándonos contra algunha necesidade de cambio en nós, na nosa vida, que de calquera maneira estamos sentindo dentro de nós? ¿E se recoñecemos sen medos a necesidade dese cambio e nos dispoñemos a realizalo? Posiblemente nos irá mellor.


10 de marzo: Xoves da 1ª semana de Coresma

1ª lectura: Est 4, 17n. p. q. r. aa-bb. gg-hh
Salmo: 137, 1-2a. 2bc-3. 7c-8

Evanxeo: Mt 7, 7-12

Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
—Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos; pois quen pide recibe; quen busca atopa; e a quen peta abriráselle. ¿Ou hai alguén entre vós que, se a súa crianza lle pide pan, lle dá unha pedra?, ¿ou se lle pide pescado lle dá unha cobra? Pois se vós que sodes ruíns, sabedes dar cousas boas á vosa crianza, ¡canto máis voso Pai do ceo dará cousas boas a quen lle pida! Así que tratade a xente en todo conforme queredes que vos traten a vós, porque nisto consiste a Lei e máis os Profetas.

Meditación

O tempo da Coresma é un tempo para sermos persoas abertas. Abertas, porque, pechadas en nós mesmas, non batemos máis que coa nosa fraxilidade, con soños irreais e soberbios de perfección, coa amargura e a desilusión de quen se cre incapaz de mellorar. Pedir, buscar, petar son maneiras de saír de nós mesmas e de nos abrir ao que a vida, a xente nos pode ofrecer. Abríndonos á vida nas súas múltiples oportunidades, abríndonos á xente no moito que nos poden aportar e demandar, dispoñémonos xa para abrirnos tamén a Deus. Conforme somos coa vida, coa xente, así somos con Deus. Se andamos no medio da xente pola vida con aires de autosuficiencia, o máis normal é que tamén ante Deus nos situemos da mesma maneira, por moito que ao mellor o disimulemos con pensamentos e pregarias piadosas. Se estamos pechadas en nós, sóbranos todo, sóbranos Deus. Só contaremos coa demais xente, só contaremos con Deus na medida en que satisfagan os nosos propios criterios, o noso propio mundo, o noso propio ego. Que triste vivir así!

Oración
Coas portas abertas, meu Deus,
así quero estar ante ti,
ante quen me rodea,
ante a vida.
Coas portas sempre abertas,
para que todo entre e todo saia
nun exercicio humilde de comuñón,
de solidariedade,
de agradecemento,
de alegría comunitaria.
Coas portas abertas, meu Deus,
para que nada do teu
quede á espera na soleira do meu ser;
para que nada do meu
quede agochado nos pregues do meu egoísmo.
Acción

¿Rezamos algo? ¿Cómo rezamos? ¿Oramos con confianza en Deus? ¿Abrímoslle de verdade o noso corazón, a nosa vida, crendo que el nos dará sempre cousas boas? ¿Podemos mellorar en algo a nosa maneira de orar?


11 de marzo: Venres da 1ª semana de Coresma

1ª lectura: Ez 18, 21-28
Salmo: 129, 1-2. 3-4ab. 4e-6. 7-8

Evanxeo: Mt 5, 20-26

Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
—Asegúrovos que se non sodes mellores ca os letrados e fariseos, non entraredes no reino dos ceos. Tedes oído que se lles dixo aos vosos devanceiros: “Non matarás, e quen mate será procesado.” Pero eu dígovos: Todo o que se enrabeche co seu irmán ou irmá será procesado; quen o insulte será reo ante o Sanedrín, e quen o aldraxe será reo do lume do inferno.
Así que, se ao presentares a túa ofrenda no altar, te acordas daquela de que o teu irmán ten queixas contra ti, pousa a ofrenda alí mesmo diante do altar e vaite reconciliar primeiro co teu irmán; e logo volve a presentar a túa ofrenda.
Ponte de acordo canto antes con que preitea contigo mentres ides de camiño, non sexa que te entregue ao xuíz, o xuíz ao garda e te metan na cadea. Ten por seguro que non sairás de alí ata que deas pegado o derradeiro céntimo.

Meditación

Que sinxelas, preciosas e claras, que fondas estas palabras de Xesús! O que mide a autenticidade da nosa fe, da nosa práctica relixiosa é a consideración que temos coa xente de cerca ou de lonxe que forma parte da nosa vida. E esa consideración co próximo pode tomar diferentes formas, pero unha delas, e moi importante, é a de facer as paces con esoutras persoas cando vemos que en algo lles temos faltado, coa palabra, cos feitos ou co esquecemento. Non vale con dicir: eu non mato. Cando lle negamos o saúdo a unha persoa, cando a excluímos de nós insultándoa, ríndonos das súas debilidades, cacarexando os seus defectos no medio de bromas sen xeito, ignorando en cambio os seus méritos e calidades, estámola matando, estámoslle roubando o pracer de vivir. E isto é máis importante ante Deus que calquera forma de relixión.

Oración
Respectar, coidar, mimar,
non insultar, non denigrar,
non murmurar, non humillar,
dar a man, acompañar.
Acoller, comprender,
adiviñar medos,
escoitar, calar,
axudar a falar.
Reverenciar.
Perdoar,
pedir perdóns,
darse apertas, chorar.
Irmandarse, gozar.
E logo rezar.
Ou, se cadra,
todo isto xa foi rezar.
Acción

Podemos revisar como tratamos a xente da casa, da parroquia, da comunidade, do pobo. Seguro que, á luz de Xesús poderemos mellorar en algo.


12 de marzo: Sábado da 1ª semana de Coresma

1ª lectura: Dt 26, 16-19
Salmo: 118, 1-2. 4-5. 7-8

Evanxeo: Mt 5, 43-48

Díxolles Xesús á xente que o acompañaba:
—Tedes oído que se vos dixo: “Amarás o teu próximo” e aborrecerás o teu inimigo. Pero eu dígovos: amade os vosos inimigos e pregade polas persoas que vos perseguen. Así seredes fillos e fillas de voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol sobre a xente mala e a boa, e chover sobre a xente xusta e a inxusta. Porque, se amades a xente que vos ama, ¿qué recompensa ides ter? ¿Non fan o mesmo os recadadores de impostos? E se saudades soamente a vosos irmáns ou irmás, ¿qué facedes de especial? ¿Non fan outro tanto as persoas que non teñen fe? Daquela amade dunha forma completa como dunha forma completa ama Deus.

Meditación

De novo estamos ante un pedaciño do Evanxeo que podiamos considerar o Evanxeo do Evanxeo, é dicir, o corazón mesmo do Evanxeo. Poñernos ante este texto permítenos comprobar se andamos metid@s realmente nas cousas de Xesús ou non. E isto a dous niveis. O primeiro e máis importante é ver se sentimos a Deus queréndonos sempre, correspondámoslle nós ou non; se o sentimos queréndolle á xente, correspóndalle a xente ou non. Soamente este convencemento na cabeza e no corazón vainos permitir quererlle á xente, pórtese como se porte connosco. E este é xa o segundo nivel: ¿quen somos nós para negarlle aprecio, atención, coidados, amor a unha persoa, cando temos experimentado que Deus nos quere a pesar de todas as nosas falcatruadas, que seguramente serán moitas?

Oración
Complet@s no amor,
coma ti, meu Deus,
da man de Xesús.
Superando
medidas e razóns humanas.
Deixándonos levar
cara á cerna do Evanxeo,
que é a cerna de Deus,
que é a nosa cerna máis auténtica,
libre e creadora
Acción

Seguro que non nos será difícil comprobar que en moitas circunstancias nos custa tratar a xente ao estilo de Xesús, de Deus. Esa mesma comprobación pode animarnos a dar pasos na liña que Xesús nos propón.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.