13 de marzo: Domingo 2º de Coresma
1ª lectura: Xén 15, 5-12. 17-18. Salmo: 26, 1. 7-8. 9abc. 13-14.
2ª lectura: Flp 3, 17—4, 1.
Evanxeo: Lc 9, 28b-36
Nunha ocasión colleu Xesús a Pedro, a Xoán e máis a Santiago e subíu ao monte a orar. Mentres estaba orando, cambiou o aspecto do seu rostro e os seus vestidos viraron brancos e resplandecentes. De súpeto apareceron dous homes falando con el: eran Moisés e máis Elías. Tiñan un aspecto glorioso e falaban do camiño de Xesús que remataría en Xerusalén. Pedro e os seus compañeiros caían co sono, pero, manténdose espertos, contemplaron a súa gloria e os dous homes que o acompañaban. Cando estes se arredaban, díxolle Pedro a Xesús:
—Mestre, que ben que esteamos nós aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías.
Non sabía o que dicía. Aínda estaba falando, cando chegou unha nube que os cubriu coa súa sombra; eles asustáronse ao entraren nela. Entón unha voz dixo dende a nube:
—Este é o meu Fillo, o elixido: escoitádeo.
Cando a voz acabou, Xesús apareceu só. Eles gardaron silencio e naqueles días non lle dixeron a ninguén nada do que viran.
Meditación
Invitamos a ler este relato como narración feita por alguén sobre un encontro habido nun lugar apartado entre varias persoas que queren xuntarse para falar, conversar sobre o sentido da súa vida, das súas opcións, compartir os seus conflitos, os seus medos, as súas ilusións,... todo nun clima de oración, de encontro do Deus ao que buscan ser fieis en todo momento. Moitos, moitas de nós, temos participado en encontros similares, e posiblemente neles teñamos vivido experiencias que nos axuden a comprender o gran momento vivido por Xesús e os seus discípulos Pedro, Xoán e Santiago.
Segundo Lucas, soben ao monte para orar. E Xesús vive unha fonda experiencia de Deus, que ten que ver coa certeza do éxito que conseguirían seguindo no estilo de vida e de acción que estaban levando a cabo. Foi coma un flash de gloria, de triunfo, persoal, pero tamén do proxecto comunitario, social, asentado en Deus, no que Xesús cos seus amigos e amigas se sentía totalmente embarcado. Foi coma unha confirmación, recibida de parte de Deus: ten sentido o que fago, haberá conflitos, haberá que loitar e sufrir, pero paga a pena, o rexurdimento final xustifica a loita de cada día. En épocas de crise como a presente, soñar, seguir apostando contra corrente por comunidades cristiás de irmáns e irmás, por unha sociedade civil vinculada con sólidas redes de solidariedade e de corresponsabilidade, seguir na loita día a día, a pesar do peso enorme das persoas e institucións que persisten en construír un mundo roto, escindido, todo isto ten pleno sentido. Oxalá todos, todas, nos sintamos con Xesús, coma Xesús, solidamente confirmadas nesta aposta, nesta tarefa!
Oración
Xesús, contigo, sempre contigo,na oración de cada día,no silencio, na contemplación do monte,na baixada do monte cara á complexidade da vida,na comunidade cristiá,nas asociacións, na loita sindical honesta,na participación política limpa,nas protestas populares coherentes,na fidelidade ao exacto traballo diario,na defensa das familias desafiuzadas,na aposta por un mundo novo,na consolidación dunha banca diferente, ética,na defensa do traballo e da vida na aldea,na consideración co duro e amargo Terceiro Mundo,...Xesús, contigo, sempre contigo,o fillo querido, o elixido,o noso guieiro na fee na forma de coidala e de vivila.
Acción
A coresma é un bo tempo para xuntarnos en grupo unha mañá, unha tarde, un día enteiro, para estar entre nós con Deus, con Xesús, co seu proxecto de vida, co seu evanxeo.
14 de marzo: Luns da 2ª semana de Coresma
1ª lectura Dn 9, 4b-10
Salmo: 78, 8. 9. 11 e 13
Evanxeo: Lc 6, 36-38
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Sede compasivos como o voso Pai é compasivo. Non xulguedes e non seredes xulgados; non condenedes e non seredes condenados; perdoade e seredes perdoados. Dade e darásevos a vós; verteranvos unha boa medida, acugulada, rebordante, apertada; pois coa medida que midades hanvos medir a vós.
Meditación
A Coresma é un tempo que nos pode valer, entre outras cousas, para recompoñer as nosas relacións interpersoais, nas que tantas veces nos xogamos a nosa paz, o noso benestar, a nosa ledicia de cada día; novas relacións persoais que inevitablemente modificarán tamén o funcionamento social. Con este fin, ben paga a pena que neste tempo coresmal reparemos nesas catro propostas de Xesús, simples e fondas —como todo o de Xesús—, que tanta aplicación teñen na nosa vida cotiá: non xulgar as persoas, sabendo que detrás de cada persoa —de cada un de nós tamén— hai un mundo de circunstancias que ignoramos; non condenar, porque o oficio de alguén que se considera irmán ou irmá nunca é pechar portas e oportunidades; perdoar, que supón crer no cambio das persoas, que supón unha vontade de lles botar unha man para axudar a ese cambio; e dar, dar sempre, vencendo esa manía egoísta que todos levamos dentro de nós, que tende teimosamente a querer recibir, amorear: bens materiais, recoñecementos, afectos, servizos etc. É aplicar simplemente aquilo que tanto nos gusta e valoramos: tratar como nos gustaría ser tratados.
Oración
Gustaríame ser, Xesús, un pouquiño coma ti:no canto de xulgar, comprender, acompañar;no canto de condenar, perdoar, alentar cambios,no canto de recibir ata encherme, dar ata baleirarme,con abundancia, sen medida, ata o extremo.Como Deus me trata, Xesús,(sempre comprendendo, acompañando, perdoando, alentando...),así me gustaría tratar eu tamén a quen a min se achegue.Que saiba ser fiel ao teu Espírito, Xesús,que en min clama por esta forma de ser.
Acción
Tendo en conta o que Xesús nos di no Evanxeo de hoxe, podemos revisar como nos desenvolvemos coa xente que conviven connosco, coa xente que tratamos na vida. Seguro que todas, todos, atoparemos moito no que cambiar. Non se fai unha sociedade nova sen cambio persoal, sen cambios nas relacións entre as persoas.
15 de marzo: Martes da 2ª semana de Coresma
1ª lectura: Is 1, 10. 16-20
Salmo: 48, 8-9. 16bc-17. 21 e 23
Evanxeo: Mt 23, 1-12
Unha vez Xesús dirixiuse aos discípulos e máis á xente dicindo:
—Na cátedra de Moisés sentaron os letrados e máis os fariseos. Facede, logo, e cumprido canto vos digan, pero non imitedes a súa conduta, porque falan pero non cumpren. Atan fardos pesados e cánganos ao lombo dos outros, pero eles nin un dedo poñen para os mover. Todo o que fan é para que os vexan: visten aparatosamente, agrandan as filacterias e anchean as franxas dos seus mantos; buscan os primeiros postos nos banquetes e os primeiros asentos nas sinagogas, que lles fagan reverencias polas rúas e que os chamen mestres.
Pero vós non vos deixedes chamar mestre, pois un só é o voso mestre, e todos vós sodes irmáns. E a ninguén chamedes pai na terra, porque un só é o voso Pai, o do ceo. Nin tampouco vos deixedes chamar dirixentes, porque un só é o voso dirixente, Cristo. O máis importante entre vós debe ser o voso servidor. Porque quen se enaltece será rebaixado, e quen se rebaixa será enaltecido.
Meditación
Se nós lemos hoxe este Evanxeo non é para que aprendamos como de bos ou de malos eran aqueles letrados e fariseos criticados por Xesús. Lémolo pensando en nós, como palabras dirixidas a nós. Canto de aparencia baleira hai nas nosas vidas? Canto de ir dando o bombo por aí, no falar, no vestir, no chufarse, no aparentar, tentando simular pobrezas, miserias, limitacións de todo tipo que ben coñecemos. Non nos iría mellor se andásemos con máis verdade, deixando ver o que somos con humildade? Este mundo noso, do que formamos parte, está moi cheo destas aparencias enganosas que a nada levan.
Tamén podemos ler este evanxeo pensando en como son e funcionan as nosas parroquias, as nosas comunidades cristiás. Escoitando as palabras de Xesús é difícil non pensar que moitos dos nosos dirixentes relixiosos, e nós con eles, caemos nas trampas que o noso Señor tanto criticaba. Está ben asentada a nosa comunidade cristiá, a nosa parroquia, no convencemento de que todas, todos, somos irmáns e irmás, e que iso é o máis fermoso que temos? Estamos todos, todas á escoita agradecida do noso único mestre, que é Cristo? Vivimos todos, incluído por suposto o clero, sabendo nos debemos unicamente ao noso Pai, pois só el é a nosa fonte de vida, quen lle dá sentido e forza ás nosas vidas? Moitos temos que cambiar tamén nas nosas comunidades cristiás, tan feridas tamén polas aparencias deste mundo.
Oración
Xesús,irmán Xesús,como a ti che gustaría ser chamado sempre,ti amósasnos a grandeza e fermosurade ser irmáns, irmás entre nós.Xesús,o humildísimo Xesús,ti amósasnos a grande revolución da humildade,que acaba coa vaidade deste mundo,tan asentada nos nosos corazóns,nas nosas vidas,na nosa sociedade,nas nosas mesmas comunidades cristiás.Xesús,irmán maior Xesús,mestre Xesús,deixarémonos aprender por ti?
Acción
Podemos mirar un chisco como nos amosamos nas nosas relacións sociais. Simulamos, aparentamos, andamos buscando chufas, loanzas, vaidades, mentíndonos a nós mesmos? Podemos mirar un chisco para a nosa comunidade cristiá. Deixamos que haxa curas ou outras persoas que o fagan todo, que o manden todo, que o adoutrinen todo como se fosen Xesús, como se fosen deuses?
16 de marzo: Mércores da 2ª semana de Coresma
1º lectura: Xer 18, 18-20
Salmo: 30, 5-6. 14. 15-16
Evanxeo: Mt 20, 17-28
Unha vez, segundo ían subindo a Xerusalén, chamou Xesús a un lado aos doce polo camiño e díxolles:
—Vede que subimos a Xerusalén e o Fillo do Home vai ser entregado aos sumos sacerdotes e máis aos letrados; condenarano a morte e entregarano aos pagáns para que fagan riso del, o azouten e o crucifiquen, pero ao terceiro día resucitará.
Entón achegóuselle a nai dos fillos do Zebedeo cos seus fillos prostrándose para pedirlle algo. El preguntoulles:
—Que queres?
Respondeulle:
—Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outra á túa esquerda no teu Reino.
Respondeulle Xesús:
—Non sabedes o que pedides. Poderedes beber o cáliz que eu teño que beber?
Respondéronlle:
—Podemos.
Xesús replicou:
—O meu cáliz beberédelo; pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo, é para quen o meu Pai o ten preparado.
Ao escoitaren isto, os outros dez, anoxáronse todos cos dous irmáns. Entón Xesús chamou por eles e díxolles:
—Xa sabedes que os xefes dos pobos tiranízanos e os poderosos asobállanos. Pero entre vós non pode ser así, nin moito menos. Quen queira ser importante, que sirva aos demais, e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servidor; porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos.
Meditación
Día a día, evanxeo a evanxeo, Xesús vainos ofertando campos e perspectivas aos que aplicar a nosa vontade de cambio. Que torpes eran aqueles discípulos, seguidores de Xesús! Xesús fálalles de como por ser unha persoa totalmente dedicada a Deus, totalmente dedicada á xente máis desamparada, ía encontrar incomprensión, persecución e morte, e os discípulos pensan en postos de honra. Xesús fálalles de baleirarse de si mesmo, baleirarse de toda clase de poder, e os discípulos soñan con medrar en poder. Dúas maneiras de entender a vida totalmente distintas.
Igual nos estraña que os discípulos, despois de pasar uns dous anos con Xesús, non desen comprendido o seu proxecto de vida persoal e comunitaria, a súa maneira de entender a vida e de se desenvolver nela. Pero, se o pensamos ben, non nos parecemos tamén nós aos discípulos? E iso que levamos, como Igrexa, non dous anos, senón dous séculos lendo os evanxeos, meditando neles.
Se Xesús veu para servir, non para ser servido, as persoas, as comunidades cristiás que queremos ser discípulos e discípulas súas sería ben que fósemos aprendendo algo polo menos iso de servir e non ser servidas, iso de ir dando algo da vida para que o pobo medre. E se alguén entre nós quere chulearse de ser o primeiro, xa sabe o consello de Xesús: fágase o máis grande servidor dos demais.
Oración
Que ao teu lado, Xesús,aprenda o gozo maiorde servir antes ca ser servido,de ansiar os últimos postos antes que os primeiros,de dar algo do meu para que a comunidade medre,pois tamén a comunidade me obsequiacon innumerables achegas,sen as que eu non sería nada na vida.Que ao teu lado, Xesús,aprenda ese xeito teu de vivir contracorrente,e faga del o motor da miña vida.Que ao teu lado, Xesús,saiba vivir con asento e mesmo alegríaos momentos dolorosos e conflitivosque me sobreveñan por ser algo coma ti.
Acción
Podemos mirar en que cousas estamos sendo xente servidora como Xesús, e agradecer esa cousa boa que forma parte da nosa vida. Podemos pensar tamén en como dar algún paso máis cara abaixo na vida, cara aos lugares de máis servizo.
17 de marzo: Xoves da 2ª semana de Coresma
1ª lectura: 17, 5-10
Salmo: 1, 1-2. 3. 4 e 6
Evanxeo: Lc 16, 19-31
Unha vez dixo Xesús:
—Había un home rico que vestía roupa de púrpura e liño fino, e que celebraba todos os días espléndidos banquetes. Ao pé da súa porta xacía un pobre, chamado Lázaro, todo cuberto de chagas, que estaba desexando matar a fame co que caía da mesa do rico; e incluso os cans se achegaban a lle lamber as chagas.
Resulta que morreu o pobre e levárono os anxos ao seo de Abraham. Morreu tamén o rico e enterrárono. Estando no lugar dos mortos, no medio dos tormentos, ergueu os ollos e viu a Abraham e máis a Lázaro no seu seo. Entón suplicoulle dicindo: "Ai, pai Abraham, ten pena de min; mándame a Lázaro para que molle o seu dedo na auga e refresque a miña lingua, porque me atormenta o lume." Pero Abraham contestoulle: "Fillo, recorda que ti recibiches bens na túa vida, mentres Lázaro recibiu males; agora el recibe consolo e ti tormento. Ademais, entre nós e vós hai un grandísimo abismo, de xeito que desde aquí non se pode pasar onda vós, nin desde aí se pode vir onda nós". Entón el insistiu: "Suplícoche, pai Abraham, que o mandes á casa do meu pai, onde teño cinco irmáns, para que lles fale claramente e non veñan dar a este lugar de tormentos". Pero Abraham respondeulle: "Xa teñen a Moisés e os profetas, que lles fagan caso a eles".
El volveu insistir: "Pero non llelo van facer, pai Abraham, non; se un morto, vai onda eles, seguro que se converterán". Pero Abraham replicoulle: "Se a Moisés e máis aos profetas non lles fan caso, tampouco llo farán nin a un morto resucitado."
Meditación
Este conto ou parábola de Xesús ten un realismo impresionante. Nela con facilidade nos podemos ver retratados a maioría de todos e todas nós. ¿Quen nos representará mellor a nós, o pobre Lázaro ou o ricachón sen nome que pasaba do pobre, aínda que diante dos seus ollos o tiña cada mañá cando saía da súa casa?
Nos tempos de hoxe segue habendo diferenzas inxustas, aínda que os mecanismos cos que se desenvolven entre nós sexan diferentes. Nos tempos de hoxe tamén hai países e persoas moi empobrecidas, moi marxinais, que non teñen pan que levar á boca, casa onde gardarse, traballos cos que gañar a vida, menciñas para curarse, escolas onde formarse, cariños cos que medrar agarimados. Son xentes e países que claman xustiza. En España mesmo disque estamos saíndo da crise, pero as diferenzas entre as persoas e familias van moito a máis. Que facemos nós? Quedámonos de brazos cruzados? Que estamos dispostos a facer para que todo o mundo poida vivir dignamente co necesario? A que estamos dispostos a renunciar para que isto poida pasar?
Xesús conta esta parábola non para meternos medo sobre o máis alá, senón para urxirnos a facer do máis acá, deste mundo, unha terra de irmáns e irmás, e non de xente insolidaria e aproveitada. Vivir ignorando a miseria da xente é algo tremendamente inhumano que acaba desfacendo tamén a vida de quen así vive.
Oración
Oxalá a xente empobrecida me quite o sono, e algúns cartos.Oxalá a diferenza entre o Norte rico e o Sur pobre me revolva as entrañas.Oxalá os nenos e nenas mal nutridas me inciten á compaixón.Oxalá quen vive en soidades e orfandades me atope como amiga e compañeira.Oxalá que calquera inxustiza se volva en min un clamor pola xustiza.No teu nome, Xesús.No nome de Deus.No nome da xente pobre de Deus.
Acción
Persoal ou comunitariamente podemos buscarlle remedio a algunha pobreza que se estea dando ao redor noso. Seguro que desde aí se nos abrirán os ollos para ver mellor as grandes inxustizas que nos rodean e arrimaremos máis o lombo para ilas reducindo.
18 de marzo: Venres da 2ª semana de Coresma
Venres da 2ª semana de Coresma
1ª lectura: Xén 37, 3-4. 12-13a. 17b-28
Evanxeo: Mt 21, 33-43.45-46
Díxolles Xesús aos Sumos Sacerdotes e aos anciáns do pobo:
— Escoitade esta parábola:
Dunha vez había un propietario que plantou unha viña, rodeouna dunha sebe, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo arrendóullela a uns viñateiros e marchou para lonxe.
Cando chegou o tempo da vendima, mandou os seus criados onda os viñateiros para cobrar as rendas. Pero os viñateiros agardáronos e a un zorregáronlle, a outro matárono e a outros apedrárono. De novo mandou outros criados en maior número, pero tratáronos do mesmo xeito.
Por último, mandoulles o seu propio fillo, dicindo para si: “Ao meu fillo hano respectar.” Pero os viñateiros, ao veren o fillo, comentaron: “Este é o herdeiro, veña, matémolo e a herdanza será nosa” E agarrárono, botárono fóra da viña e matárono.
Ben, e cando veña o señor da viña, que fará cos viñateiros aqueles?
Respondéronlle:
—A eses malvados faraos morrer de mala morte e arrendaralles a viña a outros viñateiros, que lle paguen as rendas no seu tempo.
Díxolles entón Xesús:
—Seica non lestes nunca na Escritura:
“A pedra que desbotaron os canteirosé agora o esquinal;esa pedra colocouna o Señor,que regalía para nós”.
Por iso dígovos: quitarásevos a vós o Reino de Deus e daráselle a un pobo que produza bos froitos.
Oíndo as súas parábolas, os Sumos Sacerdotes e máis os fariseos decatáronse de que ían por eles. Quixérono prender, pero tivéronlle medo á xente, que o tiña por profeta.
Meditación
Os bens da terra —esa viña plantada polo propietario da parábola—son para que todo o mundo participemos deles e con eles cubramos as nosas necesidades. Tanto as necesidades materiais como os espirituais. Pero, onte coma hoxe, hai xente que pretende facerse dono exclusivo deses bens. A manía de acumular, que estraga a harmonía da irmandade. A manía de dispoñer todo, nas cousas do corpo, nas cousas do espírito; manía que mata a orixinalidade de cada persoa.
Cando Xesús lles pon isto diante a aqueles que no seu tempo tal facían, en vez de o escoitaren e modificar os seus comportamentos, aínda se pechan máis na súa actitude e nos seus feitos, e mesmo pretenden matar a voz que os denunciaba. E aqueles tales, curiosamente, eran os xefes relixiosos do pobo, que pretendían así facer como se eles fosen máis ca Deus.
Aínda que é unha parábola especialmente dirixida ás persoas que teñen autoridade na Igrexa e no pobo, vale para todo o mundo. A todos nos gusta acaparar, a todos nos gusta facernos pequenos deuses, pequenos amos e señores, a todos nos doe cando alguén nos chama a atención, e con frecuencia queremos matar a voz de quen estas cousas nos pon diante.
Oración
Quero ser humilde, Xesús,para aceptar a crítica,cando alguén me poña algo diante.Para aceptala e agradecela.Porque soamente así,aproveitándonos do servizo da correcciónque mutuamente nos podemos prestar,soamente asímedraremos como persoas e como crentes.Quero ser humilde, Xesús,só ti mes podes axudar a selo a fondo.Confío en ti.
Acción
Xesús púñalles cousas diante aos seus líderes relixiosos. As veces nós queixámonos dos comportamentos dos nosos curas na súa función de curas. Se temos algunhas queixas deles, non sería mellor dicírllelo á cara con vontade de axudalos a eles e ao conxunto da comunidade? E moito mellor ca andar murmurando por detrás. Miremos a ver.
19 de marzo: Solemnidade de San Xosé
1ª lectura: 2 Samo 7, 4-5a. 12-14a. 16. Salmo: 88, 2-3. 4-5. 27 e 29.
2ª lectura: Rom 4, 13. 16-18. 22
Evanxeo 1, 16.18-21.24a
Xacobe xerou a Xosé, esposo de María, da que naceu Xesús, chamado Cristo.
O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; pero antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, como non a quería aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Xa tiña pensado facelo así, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños dicíndolle:
—Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida, que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. María dará a luz un fillo e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.
Acordou Xosé do seu soño, fixo tal como lle mandara o anxo do Señor.
Meditación
A figura de Xosé é unha figura entrañable. Home silencioso e silenciado. Compartiu con María a paternidade/maternidade de Xesús; colaborou na educación de Xesús coma cidadán e coma persoa crente; transmitiulle ao seu fillo as habilidades na carpintería e traballos similares; horas e horas de acompañamento, de conversas sobre do divino e do humano, acollendo seguramente expectativas e ilusións do seu Fillo e ofrecéndolle as súas. Quen puidese traer ao presente o mundo marabilloso e/ou complexo que puido existir entre ambos. Pero todo quedou no silencio. Home, ao que parece, dado a calar e remoer as cousas; home dado a pensalas e repensalas ao abrigo de Deus; as citas co anxo non deixan de ser unha evocación literaria das súas citas co mesmo Deus en tempos de pregaria silenciosa, confiada –parece—, pero tamén ás veces cun aquel de amargura, que a fe máis fonda non era quen de varrer da propia experiencia. E, envolvéndoo todo, como principio e fin das vacilacións, dos silencios, das ansiedade, envolvéndoo todo a decisión firme de facer sempre o que lle mandara o anxo do Señor, é dicir, o mesmo Deus.
Oración
Espléndido Xoséna túa condición de home de aldeabuscando vida con Maríaao amparo de Deus,intentando adiviñar a súa vontadea través das circunstancias da vida,que ás veces parecían revirarse!Espléndido Xoséna túa busca do querer de Deus,na túa obediencia silenciosa e fecunda,na túa disposición absolutaa facer o que o Espírito che indicaba facer!Lévanos da manao encontro da vontade Deus,coa humilde disposiciónde quen cre e colaborasilenciosamente.
Acción
¿Que facemos cando na vida familiar ou comunitaria xorden dificultades, ou cando non sabemos ben que é o que Deus quere de nós ante algunha circunstancia concreta? ¿Dámoslle tempo ao silencio, a pensar, a dispoñernos a seguir o que o Espírito nos vaia amosando? ¿Buscamos sos ou na compaña doutras persoas os camiños do Espírito de Deus, para podelos seguir?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.