24 de abril: Domingo 2º de Pascua ou da Divina Misericordia
1ª lectura: Feit 5, 12-16. Salmo 117, 2-4. 22-24. 25-27a.
2ª lectura: Ap 1, 9-11a. 12-13. 17-19.
Evanxeo: Xn 20, 19-31
Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
—Paz convosco.
Dito isto, mostroulles as mans e máis o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. E díxolles outra vez:
—Paz convosco. Como o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
E, dito isto, alentou sobre eles e díxolles:
—Recibide o Espírito Santo. A quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
Pero Tomé un dos doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús. Dicíanlle entón os outros discípulos:
—Vimos o Señor.
Pero el contestoulles:
—Como non vexa nas súas mans os buracos dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
Oito días despois estaban outra vez dentro dos discípulos e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e, poñéndose no medio, dixo:
—Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.
Tomé respondeulle:
—Meu Señor e meu Deus.
Xesús díxolle:
Meditación
O evanxeo de cada domingo quérenos axudar nesta tarefa, poñéndonos en contacto co Xesús vivo, a través da súa palabra, a través da memoria dos seus feitos de vida. Que fermoso é neste sentido o evanxeo de hoxe! Cóntanos o que Xesús foi sendo para aquelas primeiras discípulas e discípulos de Xesús. Cóntanos polo mesmo o que quere ir sendo con todos e todas nós. Os primeiros discípulos e discípulas forman unha comunidade medrosa. Coma nós, que tamén andamos encollidos de espírito, case avergonzados de sermos cristiás e cristiás e de coma tales nos manifestar no medio da nosa sociedade. Xesús dálles, antes de nada, paz e serenidade, orgullo do bo e valentía. Ponlles unha encomenda nas mans: o Pai me mandou a min, eu tamén vos mando a vós. Nada de estar pechados, agachadas, con medo: saír, ir á vida, ás rúas, aos lugares de traballo, aos tempos de ocio e lecer, e, cos feitos máis que coas palabras, pero tamén coas palabras, ir transmitindo sinxelamente a vida, a riqueza da nosa fe feita vida. Ponnos nas mans unha tarefa, pero tamén nos dá forzas para levala a cabo: verte sobre nós o seu Espírito, que fora o motor da súa vida tan humilde e tan valente, un Espírito que el á súa vez recibira, acollera do Pai, con quen tanto intimaba. E dálles así poder para ser xente de xustiza, de protesta, de perdón, de servizo, de reconciliación. Non é de todo isto do que o Papa Francisco nos está falando tamén unha e mil veces? Pasaron dous mil anos desde o acontecemento narrado polo evanxeo, pero que próximo está de todos nosoutros/as!
Hai quen cre nisto e quen non. Hai a persoa disposta, crente, non inxenua, que se apunta deseguida a todo o que sexa potenciar a vida, a comunidade, a organización, a defensa do débil, ... e goza con iso e transmite ese seu gozo a cantas persoas a rodean; e hai quen recea e recea, aquel para quen todo son pegas, dificultades, desconfianzas, medos, incapaz de dar o salto, de crer, de esperar, ... e derrótase antes tempo nas súa propia amargura. Pero tamén para eses, como lle pasou ao Tomé do evanxeo, tamén para esas persoas pode chegar a hora da súa Pascua particular, a que os pase da desconfianza á entrega, do medo á ousadía, da receo á alegría de vivir e axudar a vivir. Esteamos onde esteamos, deixemos que Xesús nos atope e nos empuxe cara á Pascua. Iranos ben.
Na celebración de hoxe, a través da palabra, do sacramento, da comunidade, se nos deixamos levar polo Espírito de Xesús, podemos revivir todo o que aquelas primeiras discípulas e discípulos viviron hai pouco menos de dous mil anos. Oxalá!
Oración
Non te podo esquecer, Xesús,non te podo esquecer.Desde moito tempo haientraches na miña vidapola porta ampla da comunidade cristiá,pola porta estreita e secretadaquel encontro inesquecible, de ouro,que só ti e máis eu coñecemos.Foron pasando moitas cousas entre nós,cousas de amores e fidelidades,cousas de receos e abandonos,nun longo e pedregoso camiño.E ti segues aí,á espera de reencontros e de apertas,de soños novos, de vida nova.Morriches,ás veces penso que estás morto en min.Pero o teu recordo acéndese no meu corazón,avivécesecomo se avivece o remol do lume,cando o vento o custodia e o azouta.Morriches,pero espertas en min,revives en min,ábresme os ollose véxote valente e festivoen todas as apostas, pequenas ou grandes,que promoven a vida(desde a da labrega loitadora, que coida e defende a terracoma nai servidora de froitos,ata a do voluntario sereno que acompaña presos/as,protexendo a lapiña a piques xa de finar).Recórdasme os preciosos nomescos que petaches outrora á miña porta:soños, irmáns/ás, liberdade,xustiza, perdón, igualdade,dereitos, loita, festa,acougo, paz, comunidade...,e acendese en min a vida,e véxote de novo ao meu carónestendendo a man,incitándome ao camiño,disposto a acompañarme,a facerte unha vez máis servidor da miña fraxilidade.As nosas historias, Xesús,as nosas conversas,os nosos segredos...Meu Señor e meu Deus!
Acción
O Papa invítanos con frecuencia a sermos unha Igrexa en saída, non acurrunchada, con medo. Podemos manifestar a nosa fe cristiá, o noso seguimento de Xesús cando o vexamos oportuno. Sabendo, iso si, que os feitos falan de nós moito mellor do que as palabras.
25 de abril: Festa de San Marcos evanxelista
1ª lectura: 1 Pe 5, 5b-14. Salmo: 88, 2-3. 6-7. 16-17
Evanxeo: Mc 16, 15-20
Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Ide polo mundo enteiro, anunciando a Boa Nova a toda a creación. Quen crea e se bautice salvarase; quen non crea condenarase. Os que crean irán acompañados destes sinais: no meu nome botarán demos, falarán linguas novas, collerán serpes coas mans e, se chegan a beber algún veleno, non lles fará mal ningún; imporanlles as mans aos enfermos e estes curarán.
O Señor, despois de lles falar así, elevouse ao ceo e sentou á dereita de Deus. Eles saíron a predicar por todas partes, contando coa colaboración do Señor, que confirmaba a súa palabra cos sinais que os acompañaban.
Meditación
É de moito agradecer que, xa desde o primeiro momento despois da morte gloriosa de Xesús, houbese homes e mulleres que se sentiron fondamente tocados polo que foi a vida do mestre; lembraban a Xesús con moito agarimo, admiración e agradecemento, compartían o que de Xesús viran ou oíran, e incluso algúns foron poñendo por escrito os seus ditos, os seus feitos e outras cousas que eles consideraban que eran unha aplicación correcta do espírito de Xesús ás novas situacións nas que tiñan que vivir. San Marcos foi unha destas persoas, que fixo do Evanxeo a súa vida.
O evanxeo de hoxe invítanos a todos e todas nós a facer outro tanto; en Xesús, en todo o de Xesús, hai cousas boas para todas as criaturas; invítasenos a ser testemuñas disto, coa nosa palabra e cos nosos feitos: sermos servidoras, servidores da vida, segundo cada etapa da historia nolo vaia pedindo. Paga a pena saber entender os sinais cos que Deus, Xesús, acompañará a nosa tarefa: seremos fortes contra calquera mal, por agudo que sexa; teremos palabras novas que saian das rutinas para expresar a novidade de Xesús en cada momento; seremos capaces de manexarnos positivamente con calquera dificultade, e non haberá cousa que nos impida levar vida e animación, se así o queremos; onde haxa apagamento, saberemos poñer ilusión, esperanza. E todo isto non por nós, senón pola forza do Espírito de Xesús que sempre nos acompaña.
Oración
Facer da túa vida a miña vida, Xesús.Sermos un, unha,contigo,con Deus,coa xente toda,coa creación toda.Acoller, agradecer, gozar, defender, compartir a vidade todas as criaturas,especialmente das máis fráxiles,que precisan dos meus coidados;especialmente das máis próximas,que as circunstancias foron poñendo ao meu carón.Que ben que ti confirmes e acompañes a miña tarefa, Xesús!
Acción
¿En que cousas concretas, con que persoas concretas nos sentimos chamados/as a levar palabra e vida ao xeito de Xesús, a levar a Boa Nova de Xesús, e non o estamos facendo, ou o estamos facendo frouxamente? Co recordo de San Marcos podémonos animar a mellorar a nosa tarefa.
26 de abril: Festa de San Isidoro de Sevilla
1ª lectura: 1 Cor 2, 1-10. Salmo 118, 99-100. 101-102. 103-104
Evanxeo: Mt 5, 13-16
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Vós sodes o sal da terra. Pero se o sal se volve insulso, ¿con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.
Vós sodes a luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa. Alume así a vosa luz á xente, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen o voso Pai está nos ceos.
Meditación
Onte viámonos empuxados a agradecer a vida e o traballo das primeiras persoas que deron testemuño de Xesús coa súa palabra e cos seus feitos; hoxe na figura de san Isidoro, arcebispo santo e sabio do s. VI-VII, somos invitadas tamén a agradecer a presenza desas persoas, homes e mulleres, que ao longo da historia creron a fondo en Deus, en Xesús, animaron as comunidades cristiás e souberon falar de Deus con paixón e acerto e enriqueceron a cultura. Esas persoas que foron sal e luz no seu mundo e aínda no noso.
Este agradecemento por persoas xa ben antigas deberíanos levar a agradecer tamén outras persoas semellantes que nos nosos tempos teñen a mesma paixón de vivir a fondo a súa condicións de cristiás, de poñer vida nas comunidades cristiás, na Igrexa, e que, ao tempo, se converten nunha referencia tanto para a xente que cre como para a que non cre. Grazas a Deus hai moitas persoas así; algunhas teñen moito nome, como o Papa Francisco; outras non son tan coñecidas, pero están aí termando de moitas iniciativas evanxelizadoras, culturais, solidarias. Son tamén sal e luz para o noso mundo.
Pero Xesús, cando dicía o que o Evanxeo de hoxe nos conta, pensaba en calquera home ou muller cristiá; pensaba en ti e en min. Hai moitas maneiras sinxelas de sermos sal, de sermos luz na familia, na parroquia, no concello no que vivimos.
Oración
Non te avergonces de ser cristiá/án –dicho Xesús.Vive con humildade e orgullo a túa condición.Es persoa cristiá por graza de Deus,non por invención nin méritos propios.Pero sé valente e coherente.Non agaches o don de Deusdebaixo da túa frouxidade ou timidez,da túa covardía ou dos teus medos.Levas un tesouro nas mans, no corazón:a memoria quente da miña vida servidora.Se te botan para atrás os teus propios erros e pecados,ou os da comunidade e Igrexa da que formas parte,deixa que o sal de Deus se faga máis sal en ti,deixa que a luz de Deus alumee os recantos todos da túa vida.Para todo hai perdón e novidade.Pero non deixes de ser sal e luz.Polo teu ben,polo ben da comunidade, do pobo ao que pertences.Non deixes de ser sal e luz.Eu estou contigo.
Acción
Miremos a aquelas persoas que no noso entorno están sendo sal e luz, na parroquia, na comunidade cristiá, no pobo; poden ser ou non ser persoas crentes. Acheguémonos a elas nalgún momento. Agradezámoslles o que están facendo, o que nos están aportando. E de paso miremos tamén se nós non poderiamos ser algo máis sal e luz.
27 de abril: Mércores do 2ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 5, 17-26
Salmo: 33, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9
Evanxeo: Xn 3, 16-21
Naquel tempo díxolle Xesús a Nicodemo:
—De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.
Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre xa está xulgado, porque non creu no fillo Unixénito de Deus. Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a luz ao mundo, a xente escolleu a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns. Pois todo o que fai o mal odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras. Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras, porque están feitas como Deus quere.
Meditación
En Xesús Deus ofrécenos unha maneira de vivir curadora, liberadora. Ofrécenos o camiño de encontro co Deus Pai/Nai que nos sustenta en todo momento, que nos envolve en cada instante coa súa vontade amorosa e servidora. Ofrécenos luz para a vida, ensínanos a vernos a nós mesmas como persoas sempre queridas, sempre merecedoras de aprecio; ensínanos a ollar a xente que nos rodea da mesma maneira. Ofrécenos poder vivir como unha grande familia, na que, como pasa nas familias normais, a persoa máis débil é mellor atendida. Ofrécenos perdón para espertar cando desfalecemos e nos deixamos levar por olladas de dominio, de individualismo. Ofrécenos Espírito para resistir as forzas propias ou alleas que nos queren torcer este camiño de encontro e de unidade.
Non por dicir que cremos en Xesús xa está todo feito. Tampouco non podemos condenar a quen non cre en Xesús. Este Espírito de Deus do que falamos anda tamén no medio de xentes e pobos que non teñen fe en Xesús, pero que á hora da verdade actúan conforme a ese fondo de humanidade polo que Xesús apostou vivamente no nome de Deus. E iso é o importante.
Oración
Si, claro que si, meu Deus,podo escoller as tebras no canto da luz,a falsidade no canto da honradez,o aproveitamento no canto do servizo,a indiferenza no canto da solidariedade,a corrupción no canto da transparencia,as trampas no canto da xustiza,o vicio no canto da moderación,as dependencias no canto da liberdade,a mentira no canto da verdade,o odio no canto do amor,e así, así,que difícil resulta amañar a propia vida!Só ti, meu Deus, es quen de me fortalecer.A ti me encomendo.
Acción
Podemos mirar se nalgún campo da nosa vida nos permitimos andar en escuridade, é dicir, fóra do esplendor da Pascua. Algo poderemos facer para a luz de Cristo resucitado alumee e recupere esas escuridades.
28 de abril: Xoves da 2ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 5, 27-33
Salmo: 33, 2 e 9. 17-18. 19-20
Evanxeo: Xn 3, 31-36
Nunha ocasión dixo Xesús:
—Quen vén de arriba está por riba de todos; quen é da terra á terra pertence e da terra fala. O que vén do ceo está por riba de todos; do que viu e oíu, disto dá testemuño; pero ninguén acepta o seu testemuño. Quen acepta o seu testemuño confirma que Deus é verdadeiro. Porque aquel a quen Deus mandou fala as palabras de Deus, que non dá o Espírito cunha medida limitada.
O Pai ama o Fillo e púxolle todas as cousas nas súas mans. Quen cre no Fillo ten vida eterna; pero quen non obedece ao fillo non verá a vida, porque a ira de Deus pesa enriba del.
Meditación
Deus non está fóra de nós, do mundo; Xesús non veu de fóra para facer o seu traballo e volverse para a súa casa do ceo. Ás veces non sabemos ben como explicar o misterio da vida sostida e alimentada polo Espírito de Deus. Pero ese é o noso misterio. Ese foi o misterio de Xesús: home en todo coma nós, pero, iso si, completamente fiel sempre ao Espírito de Deus, a Deus mesmo. Do que el foi aprendendo e vivindo é do que el nos fala; transmítenos a súa experiencia; compártea connosco. Todo ole en Xesús a fidelidade, a verdade, a desprendemento, a solidariedade, a amor. Podémonos fiar del. Hai nel un camiño certo de vida. Iso polo menos cremos as persoas que tivemos a sorte de o ir coñecendo e de introducirnos polo seu camiño de vida. Estamos chamadas a ser testemuñas diso, coa nosa vida sobre todo, tamén coa nosa palabra. Como fai Deus sempre, como fixo Xesús, propoñemos iso humildemente a quen queira aceptalo. Non xulgamos a ninguén, non condenamos a ninguén, non ameazamos a ninguén. Queremos a todo o mundo e gustaríanos que todo o mundo participase do ben que nós atopamos en Xesús, en Deus.
Oración
Grazas, meu Deus,porque es fiel.Grazas porque cada día, cada hora,estás aí, ao pé da nosa vida,sosténdoa, alumeándoa, fortalecéndoa.Grazas porque es abundante nos teus dons:dásnos o teu Espírito sen mérito nin medida.Grazas por Xesús,esa xoia de ser humano,no que ti te nos amosas claramente,no que nós intuímos a verdade da nosa existencia.Grazas, meu Deus.En que misterio de vida nos envolves,con canta solicitude nos abrazas!
Acción
Se somos tratadas por Deus con tanto agarimo, sería ben que nós fosemos testemuñas del envolvendo en agarimo e coidado todas as cousas que facemos, todos os animais cos que vivimos, todas as persoas que nos rodean. Con amor e con xustiza.
29 de abril: Festa de Santa Catarina de Siena, doutora e patroa de Europa
1ª lectura: 1 Xn 1,5—2,2. Salmo: 102.
Evanxeo: Mt 11, 25-30.
Nunha ocasión dixo Xesús:
—Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lle escondiches estas cousas á xente sabia e entendida e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o Fillo agás o Pai, nin ninguén coñece o Pai agás o Fillo e a persoa a quen o fillo llo queira revelar.
Achegádevos a min todas as persoas que estades cansas e oprimidas, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é doado de levar e a miña carga é liviá.
Meditación
Catarina de Siena (Siena, 1347 – Roma, 1380) foi unha gran muller mística; isto quere dicir que, no seu caso, desde moi noviña, tivo unha especialísima experiencia de Deus na súa vida, conforme as formas de piedade daquela época. Meteuse monxa dominica e viviu a fondo o anunciado por Xesús no evanxeo de hoxe. Gozou dun coñecemento amoroso de Deus durante anos de soidade e retiro, pero tamén se ofreceu coma Xesús para ser alivio da xente desfavorecida e, sobre todo a partir dos 23 anos, para promover a paz e a concordia dentro e fóra da Igrexa. Paulo VI nomeouna Doutora da Igrexa no 1970, e Xoán Paulo II declarouna Patroa de Europa no 1999.
Invítanos santa Catarina a coidar a nosa experiencia de Deus, e invítanos tamén a ser persoas de reconciliación. Ambas as dúas cousas ben necesarias no momento histórico que nos toca vivir. Tamén nos invita a soñar co marabilloso papel que poderían desempeñar as mulleres na Igrexa, deixándolles desenvolver as súas capacidades todas.
Oración
Para construír unha Europa fraterna,FORTALÉCENOS, CATARINA.Para superar vellos tics de prepotencia.Para respectar aos pobos pequenos do Terceiro Mundo.Para abrir as nosas portas a quen por necesidade peta nelas.Para construír Europa desde a preferencia polo pequeno.Para vivir e morrer coa paz sempre nas mans.Para investir en pan o que investimos en armas.Para abrir o noso progreso á forza do Espírito.
Acción
Podemos achegarnos algo á biografía de Santa Catarina, desde calquera santoral ou desde o mesmo google. Seguro que atoparemos aspectos que nos sorprendan e animen.
30 de abril: Sábado da 2ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 6,1-7
Salmo: 32, 1-2. 4-5. 18-19
Evanxeo: Xn 6, 16-21
Como xa caera a tarde, os discípulos de Xesús baixaron ao mar, montaron nun bote e dirixíronse cara á outra beira, a Cafarnaúm. Xa era noite pecha e Xesús aínda non chegara onda eles. O mar empezou a picarse, porque ventaba rexo. Despois de levaren vogado unhas tres millas, viron a Xesús camiñando por riba do mar e, conforme se ía achegando ao bote, empezaron a coller medo. Pero el díxolles:
—Son eu, non teñades medo.
Entón queríano facer subir ao bote, pero naquel instante o bote quedou varado no sitio onde ían.
Meditación
Que fai Xesús resucitado no medio da comunidade, no medio dos homes e mulleres que cremos nel? Este relato, no que cómpre restarlle importancia ao seu estilo milagreiro, dános algo de resposta. Unha comunidade cristiá sen Xesús ben no medio vai á deriva. Que a noite sexa pecha, que o mar se pique, que o vento pete forte son maneiras de nomear os diferentes atrancos cos que as persoas, ou cada comunidade nos temos que enfrontar. Eses atrancos poden brotar do interior ou do exterior da comunidade ou das persoas. Que Xesús camiñe por riba das augas é unha maneira de dicir que cando lle dámos acollida na vida, na comunidade, as dificultades non desaparecen, pero vémonos capaces de abordalas, porque nos situamos ante elas ao estilo de Xesús: ben asentadas en Deus Pai/Nai, ben confiadas na forza do Espírito, ben fortalecidas pola mesma comunidade. É ben importante permitirnos que resoen con forza no noso corazón, na nosa vida esas potentes palabras de Xesús: Son eu, non teñades medo.
Oración
Son eu, non teñades medo.Son eu,estou aquí,ao voso carón, no medio de vós:non teñades medo.Se queredes,non hai cousa que vos poida arrincardo lugar da paz,do lugar da esperanza.Nin as ameazas interiores,que cada quen fabrica no seu intimo;nin as agresións exteriores,que desde a maldade, desde o poderse conxuran contra vós.A fe,se é sinxela, fonda e transparente,non vos fará intocable,pero arredará de vós todos os medos e desalentos.
Acción
Pode ser de proveito que intentemos identificar os medos que nos encollen, como persoas ou como comunidade, sexan do tipo que sexan. Como os afronto desde a fe que temos en Xesús?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.