28 abril, 2022

Tempo de Pascua: 3ª semana



1 de maio: Domingo 3º de Pascua

1ª lectura: Feit 5, 27b-32. 40b-41. Salmo: 29, 2 e 4. 5 e6. 11 e 12a e 13b.
2ª lectura: Ap 5, 11-14.

Evanxeo: Xn 21, 1-19

Máis adiante Xesús aparecéuselles outra vez aos seus discípulos onda o lago de Tiberíades. Foi deste xeito: estaban xuntos Simón Pedro, Tomé o chamado Xémeo, Natanael o de Caná de Galilea, os do Zebedeo, e máis outros dous discípulos seus. Simón Pedro díxolles:
—Vou pescar.

Eles contestaron:
—Imos tamén nós contigo.

Saíron e subiron a bordo. Pero aquela noite non colleron nada. Xusto cando acababa de romper o día, presentouse Xesús na ribeira do lago. Pero non se decataron os discípulos de que era Xesús. Xesús preguntoulles:
—Rapaces, tedes algo que comer?

Eles responderon:
—Non.

Díxolles entón:
—Largade o aparello por estribor e atoparedes.

Eles largárono e xa non podían alzalo a bordo, de tanto peixe. Entón aquel discípulo a quen amaba Xesús díxolle a Pedro:
—É o Señor.

Daquela Simón Pedro, ao escoitar que era o Señor, cinguiu o vestido –pois estaba espido— e botouse ao mar. Os outros discípulos chegaron no bote, porque non estaban lonxe de terra senón a menos de cen metros, remolcando o aparello cos peixes. Cando vararon en terra, viron que había unhas brasas cun peixe enriba, e máis pan.

Xesús díxolles_
—Traede deses peixes que acabades de coller.

Simón Perdo subiu ao bote e arrastrou para terra o aparello cheo de cento cincuenta e tres peixes grandes; e, con seren tantos, non rachou o aparello.

Xesús díxolles:
—Vinde comer.

Ningún dos seus discípulos se atrevía a preguntarlle “ti quen es”, sabedores de que era o Señor. Foi Xesús, colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe.

Esta foi a terceira vez que Xesús se manifestou aos seus discípulos resucitado de entre os mortos.


(Ata aquí a lectura breve do Evanxeo)

Cando xa comeran, preguntoulle Xesús a Simón Pedro:
—Simón de Xoán, ¿ámasme máis ca estes?

El contestoulle:
—Si, Señor, ti sabes que te quero.

Xesús díxolle:
—Apacenta os meus años.

E de novo preguntoulle por segunda vez:
—Simón de Xoán, ¿ámasme?

El respondeulle:
—Si, Señor, ti sabes que te quero.

Xesús díxolle:
—Apacenta as miñas ovellas.

E preguntoulle por terceira vez:
—Simón de Xoán, ¿quéresme?

Entristeceuse Pedro de que lle preguntase por terceira vez “¿quéresme?”, e respondeulle:
—Señor, ti sabelo todo, ti ben sabes que te quero.

Xesús díxolle:
—Apacenta as miñas ovellas. Con toda verdade cho aseguro: cando eras novo vestíaste ti e ías onde querías; cando te fagas vello, estenderás as túas mans e vestirate outro e levarate onde non queres.

Dixo isto para significar con que clase de morte había de dar gloria a Deus. E despois engadiu:
—Sígueme.

Meditación

Nas celebracións eucarísticas destes domingos seguimos dándolle voltas, coa mente e co corazón, a relatos que nos sitúan ante a resurrección de Xesús e o seu significado para as nosas vidas e para as nosas comunidades cristiás. Xoán, coma os demais evanxelistas, traballa e ordena os datos que recibe da tradición para transmitir o que realmente quere transmitir, neste caso o alcance de ser membro dunha comunidade na que se cre que Xesús está vivo e que acompaña aos seus seguidores e seguidoras con familiaridade, forza e determinación. Neste caso, parece que o evanxelista Xoán optou por recompoñer e xuntar nun único relato de aparición o que eran dous relatos, un de pesca milagrosa e outro de comida en comunidade co Cristo resucitado.

É importante, por sinxelo e cotián, o espazo onde o evanxelista describe a acción e tamén o son os compoñentes da mesma: un mar, o de Galilea, unha beiramar, uns pescadores, sete, unha xornada de traballo, unha experiencia de fracaso laboral, a incitación dun “estraño” que se suma ao que está pasando, a abundancia da pesca con números máxicos que falan de gozos e plenitudes, o lume e brasas na praia, o peixe asado, a invitación a comer...; e, en todo isto, a experiencia dun encontro sinxelo, denso, fondo, que marca a vida, no presente e no futuro dos asistentes. E por debaixo da linguaxe normal, un mundo de símbolos que nos poden dicir moito a quen hoxe pretendemos deixarnos coller tamén pola maxia do encontro con Xesús resucitado e da vida nova que dese encontro se deriva. Cadros coma o descrito polo evanxelista abundan nas nosas vidas de homes e mulleres de aldea ou de cidade. Aí, nese marco de vida nada sagrado, ou, se se quere, fondamente sagrado a forza de humano, nese marco de vida é onde nós, o mesmo que aqueloutros discípulos podemos sentir, vivir, experimentar que Xesús está vivo e que se nos ofrece na sinxeleza do compartir, na demanda de máis amor e máis e mellor servizo á comunidade cristiá, e, desde a comunidade cristiá, á sociedade, ao mundo.

A comunidade cristiá que se debuxa no relato é unha comunidade cristiá unida na busca do pan de cada día, e unida tamén na misión de compartir o de Xesús “pescando xente” para o gozo da fraternidade, para a seriedade e a festa dunha vida digna, sen abusos, con traballo para todos/todas, sen excluídos, con pan e peixe para todas/todos, sen grandes requisitos de trato e relación, desde o coñecemento sinxelo e fondo de sabernos uns a outros/as irmás, irmáns. Unha comunidade cristiá que bota as redes a babor e a estribor, que recolle e abriga moitos peixes, grandes, e as redes non rachan, e a barca non se funde, e a comunidade acepta e goza coa abundancia na diversidade, e collen todos, e non sobra ninguén, e a graza de cadaquén é valorada e posta en servizo, e os rostros quedan iluminados pola presenza viva de Xesús e pola luminosidade de tanta cousa sinxela que densifica as vidas de cada persoa e a vida do conxunto da comunidade cristiá.

O relato ensínanos tamén a situar a autoridade dentro da comunidade cristiá desde a experiencia de resurrección. O evanxelista Xoán gusta de contrapoñer e completar a un tempo o papel do carisma, do gratuíto, do non controlado, o papel do amor, do amante, co papel de quen ten e exerce autoridade dentro da comunidade. O discípulo amado por un lado, e Pedro polo outro. O discípulo amado, o amor, abre sempre os camiños, fai os descubrimentos, dá os primeiros pasos, lanza as persoas, as comunidades cara ao encontro con Xesús; a autoridade obedece as indicacións do amor, e déixase levar apaixonadamente polas súas insinuacións. Á luz do resucitado, a autoridade na igrexa é cabal cando se rende ás esixencias do máis amor aínda, e cando non sabe dicirse máis que en forma de servizo. Porque así era exactamente como Xesús entendía iso de ser e de ter autoridade. Só unha autoridade que vaia por diante na tarefa de amar máis, de amar a tope, de servir tamén a tope, é digna de ser considerada autoridade cristiá, autoridade nacida ao abrigo do encontro con Xesús vivo.

Na Igrexa estamos estreando autoridade na persoa do Papa Francisco. Polo que imos vendo e oíndo, os seus xeitos parecen coincidir bastante co que o Evanxeo de hoxe nos transmite. Un pastor que ama e serve desde a sinxeleza e que nos provoca a investir a nosa vida en tarefa similar. Unha sorte, unha bendición para todos e todas nós, unha experiencia de Pascua para a Igrexa e para o mundo, ante a que estamos tamén nós situados, non como espectadores/as, senón como actores/as, que podemos deixarnos provocar por quen vai diante e abre camiño, ou seguir rosmando polo baixo, laiándonos de que non hai quen pesque nada, de que os peixes son tan soberbios que non queren entrar na rede, de qué pinta comigo na rede este peixe de cores tan raras, etc. Unha igrexa que mire por si e para si, ou unha Igrexa que se desfai para que o mundo teña vida, para que as persoas máis débiles e pobres do mundo teñan vida. A iso nos convoca Xesús resucitado, e a iso nos convoca tamén, no seu nome, no nome de Xesús, o Papa Francisco. Na Eucaristía comemos con Xesús, con toda a comunidade, o peixe e pan da fraternidade. Que nos aproveite.

Preces:

SEÑOR, TI SABES QUE TE QUERO

Ti sabes, Señor, que nos gusta a túa vida, a túa maneira de falar e de vivir, a túa maneira de tratarnos e de tratar a toda a xente, aínda que logo nos custa seguirte. Por iso dicímosche de corazón.

Ti sabes, Señor, que tamén Deus nos apaixona, que nos ilusiona sabernos obxecto de tanto amor, de tanto coidado, de tanto servizo, aínda que logo non sexamos abondo agradecidas. Por iso dicímosche de corazón.

Ti sabes, Señor, que nos atrae o grupo, a comunidade cristiá, baseada en ti, animada por ti, seguidora dos teus camiños, aínda que logo non a gocemos nin lle aportemos todo o que deberamos. Por iso dicímosche de corazón.

Ti sabes, Señor, que nos conmoven as moitas persoas pobres que hai na parroquia, no mundo, con tantas clases de pobreza, e que, seguíndote a ti, queremos debernos a elas, aínda que logo sexamos tan limitados no intento. Por iso dicímosche de corazón.

Ti sabes, Señor, que te queremos, que gozamos coa túa amizade, que descansamos en ti as nosas vidas, que na saúde e na enfermidade, na pobreza e na riqueza, na vida e na morte, nos poñemos confiadamente contigo nas mans de Deus. Por iso dicímosche de corazón.

Oración
(pensando con dor na xente desafiuzada)
Un fogar, Señor,
eu só desexo un fogar.

Un fogar onde estar,
durmir, espertar, comer, folgar, amar,
onde vivir e convivir.

Só un fogar, Señor,
onde ter a sensación de abrigo e de acougo,
de seguridade e de afecto.

Pido moito, Señor?
Un fogar, só un fogar
do que poder saír cada mañá airosa,
para o traballo,
para a convivencia social,
para as loitas solidarias,
para gustar do fogar grande do mundo
onde todos e todas somos un,
irmáns e irmás na mesa e na conversa,
nos soños e nos seus cumprimentos.

Non é moito, verdade, Señor?
Só un fogar,
onde chegar cada noite,
para pousar os corpos cansos,
os espíritos esgotados,
e compartir ambos, corpo e espírito,
coa xente amada que a un lle quere,
e gustar así a dozura de vivir,
e programar as tarefas
para que ninguén se sinta privado de tan simple dozura.

Ai de quen destrúe fogares!
Ai de quen priva dos fogares!
Ai de quen comercializa cos fogares
e con quen os habita gustosamente
por un prato de lentellas,
ou por uns miles de euros!
Ai de quen, podendo,
nega as posibilidades para que todo o mundo teña
simplemente
un fogar!
Acción

¿Somos capaces de sentir a presenza de Xesús resucitado no medio de nós, nas nosas vidas normais, compostas de traballo, comidas, convivencia, tarefas comunitarias diversas, diversións? A nosa fe dinos que está aí interactuando connosco. ¿Cómo podemos experimentalo? Podiamos falar disto con outras persoas cristiás coma nós.


2 de maio: Luns da 3ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 6, 8-16
Salmo: 118, 23-24. 26-27. 29-30

Evanxeo: Xn 6, 22-29

Ao día seguinte de que Xesús multiplicara o pan, a xente que quedara na outra banda do mar decatouse de que alí non había máis ca un bote e que Xesús non montara nel cos seus discípulos, senón que estes marcharan sos. Nisto chegaron algúns botes de Tiberíades, de cerca do sitio onde comeran o pan despois de o Señor dar grazas a Deus. Así que, en vendo a xente que Xesús non estaba alí, nin tampouco os seus discípulos, montaron nos botes e chegaron a Cafarnaúm buscando a Xesús. Atopárono na outra banda do mar e dixéronlle:
—Rabí, cando chegaches aquí?

Xesús contestoulles:
—Con toda verdade volo aseguro: buscádesme non porque vistes sinais, senón porque comestes pan ata vos fartar. Traballade non polo pan que se acaba, senón polo que dura deica á vida eterna, o que vos dará o fillo do Home, pois el é a quen o Pai Deus marcou co seu selo.

Eles preguntáronlle:
—Que temos que facer para realizar as obras de Deus?

Respondeulle Xesús:
—Esta é a obra de Deus: que creades naquel que El mandou.

Meditación

Durante esta semana leremos o capítulo 6 do evanxeo de Xoán, no que o evanxelista nos ofrece o chamado “discurso do pan de vida”. O pedaciño de hoxe vainos dando as claves para poder entendelo e levalo á vida. Preséntanos a un grupo que busca a Xesús con ansia, e non está nada mal iso. Quedaran asombrados polo da multiplicación do pan e dos peixes, e querían beneficiarse dunha presenza tan xenerosa. Xesús axúdalles a que miren para o porqué da súa busca: queren un beneficio material inmediato, non pensan en máis nada. E a cousa non vai por aí. Xesús claro que se esforzou por devolver a dignidade á xente, e iso implicaba cousas tan elementais como garantir o pan de cada día para cada quen, para todo o mundo; pero para Xesús a dignidade dunha persoa non se limitaba a iso; tiña moito que ver con fartar esa fame fonda que todas, todos levamos connosco: fame de paz, fame de recoñecementos, de afectos, fame de solidariedades, de compartir, fame de familia, de comunidade, fame de perdóns, de reconciliacións cun mesmo, coa demais xente, fame … de Deus. E para calmar esa fame Xesús é un bo pan. A pan multiplicado que había pouco calmara a súa fame era un sinal, un símbolo desoutro pan de Xesús, máis substancial, capaz de calmar as fames fondas do ser humano. Se ambas as fames camiñan xuntas nas nosas vidas, é ben que ambos os pans nolas calmen.

Oración
Que bo é ter fames, Xesús,
para buscar calmalas!
Que bo é ter pan, bo pan,
para poder matalas!
Que bo é sentir as fames alleas,
para poder remedialas!
Que bo é sentir as fames do mundo,
para poder alivialas!
Que bo é sentar xuntas á mesa,
para compartir fartadas!
Que bo é terte a ti, Xesús,
espertando desexos do todo e da nada,
ofertando farturas
a prezo de amor, de soños en alza,
a prezo de esperanza,
a prezo sen prezo,
que o pan é de graza!
Acción

Cales son as nosas fames? Que estamos comendo para fartalas? Que fames vemos ao noso redor? Que facemos para alivialas?


3 de maio: Festa de San Felipe e Santiago, apóstolos

1ª lectura: 1 cor 15, 1-8. Salmo: 18, 2-3. 4-5b

Evanxeo: Xn 14, 6-14

Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Eu son o camiño, a verdade e a vida; ninguén chega onda o Pai máis ca por min. Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que xa desde agora o coñecedes e o tedes visto.

Felipe díxolle:
—Señor, móstranos o Pai e abóndanos.

Xesús respondeulle:
—Pero, Felipe, levo tanto tempo convosco e ¿aínda non me coñeces? Quen me viu a min viu o Pai. ¿Cómo dis entón: móstranos o Pai? ¿Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, quen fai as súas obras. Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras. Con toda verdade volo aseguro, quen cre en min fará el tamén as obras que eu fago e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai; e o que pidades no meu nome heino facer, para que o Pai sexa glorificado no Fillo. Se algo me pedides no meu nome, eu fareino.

Meditación

Co asunto de Deus, coa experiencia de Deus, andaba perdida a xente contemporánea de Xesús, e andamos perdidos tamén moitos homes e mulleres de hoxe. Para moit@s é unha pura trola. Para moit@s, un “algo hai”. Para moito@s, un verdadeiro ídolo. Para moit@s, alguén ao que acudir por comenencias. Para moitos e moitas tamén, alguén a quen temer por medo a desgrazas presentes ou eternas. Para moit@s, un sustento, unha fonte de vida, o comezo e a fin de todo, alguén que nos acompaña secretamente, pero eficazmente tamén, nos vaivéns todos da vida: unha forza de solidariedade no amor, que nos conduce cara á total reconciliación e unidade, tantas veces rota entre nós por maldades e abusos que nos facemos.

Xesús ofrécesenos como camiño certo cara a Deus, con quen el trataba coma cun Pai ou Nai, e por iso así o chamaba, como alguén próximo, familiar, íntimo; como alguén con quen paga a pena vincular toda a vida. As palabras de Xesús, as súas obras sobre todo, o seu xeito de tratar con Deus e de tratar coa xente son para quen cremos nel a maneira correcta de achegarnos con verdade a Deus. E respectamos, por suposto, a quen faga esa busca de Deus por outros camiños.

Oración
Polo teu camiño quero andar, Xesús,
para achegarme a Deus con verdade,
para andar entre a xente con verdade tamén,
para entenderme e vivirme a min mesmo na verdade.
Na túa verdade quero camiñar, Xesús,
para atinar nos camiños da vida,
para integrarme en toda a creación fraternalmente
para xerar contigo gozos e esperanzas.
Da túa vida quero vivir, Xesús,
para poder gozar a miña existencia,
para poder compartila xenerosamente,
para deixar que Deus sexa en min, con toda humildade.
Grazas, Xesús,
por seres camiño, verdade e vida.
Acción

Canto tempo levamos nós tamén enredad@s nas cousas de Xesús e tamén escasamente o coñecemos. Xesús era máis de vivir cara a Deus, cara á xente débil, ca non de botar discursos. Con que insistencias vivimos nós a cousa relixiosa?


4 de maio: Mércores da 3ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 8, 1b-8
Salmo: 65, 1-2a. 4-5. 6-7a

Evanxeo: Xn 6, 35-40

Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—Eu son o pan da vida; quen vén onda min non pasará fame e quen cre en min endexamais non terá sede. Pero xa vos dixen que, aínda que vistes, non credes. Todos os que o Pai me entregou virán onda min; e a quen vén onda min non o botarei fóra. Pois eu baixei do ceo non para facer a miña vontade, senón a vontade daquel que me mandou. Esta é a vontade daquel que me mandou, que non perda a ningún dos que me entregou, senón que os resucite no derradeiro día. Esta é, polo tanto, a vontade do meu Pai: que todo aquel que ve o Fillo e cre nel teña vida eterna, e eu resucitareino no derradeiro día.

Meditación

Igual que o pan e os demais alimentos manteñen o corpo e o capacitan para unha chea de funcións e actividades, así tamén o pan de Xesús –Xesús como pan— sostén o noso espírito, o noso ser enteiro, para poder desenvolver unha vida digna, honrada, xusta, fraterna, solidaria. Xesús como pan fortalécenos para que poidamos coidar a nosa vida en todos os seus campos, para o presente e para a eternidade, e tamén para que nos impliquemos no coidado das persoas que nos rodean, para que todo o mundo teña vida, porque ese é o único e fundamental querer de Deus.

Cantas vidas hai desfeitas, maltratadas, ao noso redor, por abandono propio, por abusos alleos! Cantas vidas hai desamparadas polo mundo adiante. As fotos que nos chegan das xentes refuxiadas, retidas en campamentos desamparados nos fríos da invernía, sen ver cubertas as necesidades físicas básicas, sen ver un porvir por ningún lado! E iso es países de matriz cristiá, celebrando con moito bombo a Semana Santa! As escenas de tropas xudías maltratando e matando a multitude palestina que se manifesta protestando pola vida miserable que lles obrigan a vivir! E todo o mundo calamos!

Oración
Ti, Pai, non queres que ninguén se perda.
Ti, Fillo, non queres que ninguén se perda.
Ti, Pai, queres vida,
vida para todo o mundo, sen distincións.
Ti, Fillo, queres vida,
e non calquera vida: vida plena, redonda,
vida por fóra e por dentro,
vida ao fondo e ao alto,
vida no presente e no futuro,
vida para todas e todos,
vida por igual, vida comunal.
Iso é o que nos ofrecedes.
A iso nos invitades.
Para iso nos pedides colaboración.
Grazas. Aquí estou.
No que saiba e poida conta comigo.
Acción

Igual hoxe, da maneira máis apropiada que vexamos, podemos levar algo de vida a algunha persoa ou grupo. Igual podemos facer algo bo pola nosa propia vida, no corpo, no espírito. Iso é o que lle dá gloria a Deus.


5 de maio: Xoves da 3ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 8, 26-40
Salmo: 65, 8-9. 16-17. 20

Evanxeo: Xn 6, 44-51

Nunha ocasión díxolle Xesús á xente:
—Ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou, e eu resucitareino no derradeiro día. Está escrito nos Profetas: “todos serán ensinados por Deus”. Todo aquel que escoita o Pai e aprende, vén onda min. Non porque alguén vise o Pai; o único que viu o Pai é o que estaba onda Deus. Con toda verdade volo aseguro: quen cre ten vida eterna.

Eu son o pan da vida. Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron. Este é o pan que baixa do ceo, para que quen coma del non morra. Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén como deste pan vivirá para sempre; e o pan que eu darei é a miña carne, para a vida do mundo.

Meditación

Que preciosa e fonda é esta frase: “todos, todas serán ensinadas por Deus”. E cando di todos ou todas, di todos ou todas. Se tod@s somos ensinad@s por Deus, iso quere dicir que no fondo de min mesma, e de todo ser humano existe algo limpo, sinxelo e grande que me conecta con Xesús, que é o gran ensinado por Deus. Quere dicir que en min, en todo ser humano hai, pode haber, unha atracción cara a Xesús, unha empatía co que el dixo, co que viviu, co que el nos transmitiu. De feito cantas veces non temos escoitado iso de “eu en Xesús si que creo; en quen non creo é nos curas, ou na Igrexa”. E de feito tamén cantas veces non vemos xente que igual non é crente, ou é crente doutras relixións, pero no fondo conecta co mundo de amores, de inocencias, de transparencias, de solidariedades e servizos, polo que Xesús entregou a súa vida!

Por iso Xesús é pan de vida para todo home ou muller. Por iso nel todos, todas atopamos vida. As nosas raíces están intimamente conectadas. O zume, a “savia”de Deus, do que Xesús está cheo, corre abundante polas nosas veas.

Oración
Veño, Xesús, onda ti
para aprender cousas do noso Deus.
Veño onda ti,
para vivir iso de telo como Pai ou Nai
que todo o sustenta,
que todo o ama,
que todo o coida.
Veño, Xesús, onda ti,
para escoitar e aprender,
para crer
ao xeito de Xesús.
Para fartarme do seu pan
e deixar que a vida me invada
e que reborde de min sen parar
cara ás persoas que me rodean.
Aprender, Xesús,
ir aprendendo,
pouco á pouco,
á medida da miña debilidade,
á medida da túa esplendidez.
Acción

Se todas as persoas son ensinadas por Deus, todas as persoas nos poden pasar algo de Deus. Como vivimos isto cada día no noso trato coa xente que nos rodea?


6 de maio: Venres da 3ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 9, 1-20
Salmo: 116, 1. 2

Evanxeo: Xn 6, 52-59

Unha vez discutían entre si os xudeus:
—Como pode este darnos a comer a súa carne?

Díxolles entón Xesús:
—Con toda verdade volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue permanece en min e eu nel. Así como o Pai, que me mandou, vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este é o pan que baixou do ceo; non como o que comeron os pais que mesmo así morreron; quen come este pan vivirá para sempre.

Dixo estas cousas ensinando na sinagoga, en Cafarnaúm.

Meditación

Todos entendemos ben que quere dicir Xesús con iso de comer a súa carne e de beber o seu sangue. Non se trata de nos facer caníbales. A carne, o corpo, é a vida de Xesús, o seus falar, o seu actuar, as súas maneiras de estar coa xente, de tratar con Deus, o seu poñerse con decisión do lado de quen sofre e peca, de quen é marxinado por calquera razón. Comer a súa carne é compartir o seu estilo de vida. E beber o seu sangue é participar co alento, do nervio, da forza que movía todos os seus andares. Beber o seu sangue é participar do seu mesmo Espírito, para poder facer como el facía.

Cada punto do texto anterior préstase a que o leamos, o releamos con calma, e deixemos que vaia penetrando no noso interior, para que envolva todo o noso corpo, toda a nosa mente, todas as nosas emocións, todo o noso ser de pés a cabeza. Así o que lemos e meditamos pódese ir facendo vida nas nosas vidas.

Oración
Permanecer en ti, Xesús,
permanecer no Pai/Nai,
como no noso lugar habitual
no que estar, pensar e actuar.

Vivir por ti, Xesús,
vivir polo Pai/Nai,
desde os mesmos alentos,
cos mesmos desexos.

Facer da nosa fe
algo de verdadeira calidade,
que nos sosteña realmente a vida,
que ofreza algo convincente.

Andar sempre en humildade,
en pobreza, en seguimento,
non por apoucamento,
senón desde o impulso solidario.
Acción

Podemos revisar como estamos vinculados con Xesús, que cordas nos unen a el. Significa realmente algo nas nosas vidas? Contamos con el á hora de dar pasos na vida, de abastecernos de forzas, de pensar no ben da xente que nos rodea?


7 de maio: Sábado da 3ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 9, 31-42
Salmo: 115, 12-13. 14-15. 16-17

Evanxeo: Xn 6, 60-69

Naquel tempo, cando oíron o que Xesús dicía, moitos dos seus discípulos dixeron:
—Que dura é esta doutrina! Quen pode admitir tal cousa?

Comprendendo Xesús que os seus discípulos murmuraban do asunto, díxolles:
—Escandalízavos iso? E logo se visedes o fillo do Home subindo onde estaba antes? O espírito é quen dá vida, a carne non vale para nada; as palabras que eu vos falei son espírito e son vida. E, aínda así, hai algúns de vós que non cren.

Daquela ben sabía Xesús dende o principio quen eran os que non crían e máis quen o había de entregar. E proseguiu:
—Por iso téñovos dito que ninguén pode vir a min, se non llo concede o Pai.

Dende aquela moitos dos seus discípulos botáronse para atrás e xa non andaban con el. Preguntoulles entón Xesús aos doce:
—Vós tamén vos queredes ir?

Respondeulle Simón Pedro:
—Señor, e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna, e nós cremos e recoñecemos que ti es o Santo de Deus.

Meditación

Que lles pasou con Xesús a moita xente que ata daquela andaba con gusto tras del? Que é o que os botou para atrás e os levou a deixar de andar con Xesús? Puido ser iso de que Xesús se puxese como referencia fundamental á hora de querer andar polos camiños de Deus; esa contundencia coa que Xesús afirmaba que el era o pan necesario, imprescindible para ter vida, vida sa, vida consistente, vida feliz, vida aberta á eternidade.Que es ti para te considerares tan necesario, para crerte o camiño, a verdade e a vida? E máis probablemente aínda botounos para atrás a maneira que Xesús tiña de entender a súa misión: facerse servidor ata o punto de dar a vida, ata o punto de facerse coma un pan que é comido para que a xente, o pobo medre e engorde en vida.

E a nós que nos arreda de Xesús? Que é o que nos impide andar con el de verdade? Que é o que nos leva a ese seguimento apagado que tanto nos caracteriza ás persoas cristiás dos nosos tempos?

Oración
Xesús, onda quen habemos de ir?
Ti tes palabras de vida eterna.
Nós cremos e recoñecemos que ti es o Santo de Deus.
Que o teu espírito
confirme os nosos convencementos,
madure as nosa decisión por ti,
nos faga fortes na hora da dificultade e da dúbida,
cando se trate de facernos pan contigo
para a vida do mundo.
Que non nos engaiolen as promesas fofas,
as felicidades baratas,
as solucións cómodas,
a insensibilidade, o pasar de todo,
a indiferenza.
Nós cremos e recoñecemos que ti es o Santo de Deus.
Acción

Como andamos de fieis cos nosos compromisos alí onde os teñamos? Na comunidade cristiá, na parroquia, na asociación de veciños, no partido político? Como andamos de fieis no noso compromiso con Xesús, o Cristo? Onde están as nosas frouxidades, como as podemos ir superando?



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.