8 de maio: Domingo 4º de Pascua
1ª lectura: Feit 13, 14. 43-52. Salmo: 99, 2. 3. 5.
2ª lectura: Ap 7, 9. 14b-17.
Evanxeo: Xn 10, 27-30
Naquel tempo Díxolles Xesús aos fariseos:
—As miñas ovellas escoitan a miña voz; eu coñézoas e elas séguenme; eu doulles vida eterna, e non se perderán para sempre; ninguén mas quitará da man.
Meu Pai, que mas deu, é máis ca todos, e ninguén pode repañalas da man do Pai. Meu Pai e máis eu somos un.
Meditación
O texto deste domingo, coma os dos domingos seguintes, é un texto breve. Poucas cousas, moi substanciais, que marcan fondamente a nosa identidade cristiá, ás que sería ben que lle fixésemos un oco no noso corazón, na nosa vida. Xesús aparece no evanxeo falándolles aos fariseos. É un recurso literario de Xoán. O evanxelista Xoán —e con el os grupos que o secundaron— despois da morte de Xesús, por sentilo vivo no medio da comunidade, empezaron a reflexionar, a orar, a vivir esa nova presenza de Xesús e a formulala con textos moi densos, coma este que hoxe se nos ofrece. Quen é Xesús para nós, quen pode ser para nós, como persoas e como comunidade cristiá? Quen é Xesús para nós nos tempos complexos que estamos vivindo?
Xesús foi medrando nunha experiencia fonda de unidade, unidade co Pai/Nai, que o levou a unha unidade coherente e solidaria coas persoas, coas máis débiles sobre todo, porque son as persoas máis débiles as que provocan e reclaman a urxencia do un, da unidade, do compartir, da comensalidade, do servizo. Foi descubrindo e vivindo a fondo que o seu ser estaba afincado en Deus, no un, no todo, no todo amor, no todo perdón, no todo misericordia, no todo xustiza, no todo paz. Ata o punto de poder dicir con convicción: o Pai/Nai e máis eu somos un. O descubrimento progresivo desa identidade fíxoo participar no poderío enorme de Deus, que é un poderío de vida e de servizo. Xesús ábrenos a mente, os ollos e os corazóns para a comprensión da nosa propia identidade: tamén nós estamos chamados a ser un con Deus; esa é a nosa identidade máis fonda e verdadeira. Xesús traballou isto ao longo da súa vida, e traballouno co estilo de vida que polos evanxeos ben coñecemos. Como o traballamos nós, como o traballamos nas nosas comunidades?
Xesús estivo sempre coa ollada, co corazón posto na xente, na máis débil preferentemente. A chamada do Un, da unidade coherente, foi viva e consecuente nel. E el converteuna en dúas cousas básicas: coñecer e dar vida. Os que saben de lingua e cultura bíblica dinnos que coñecer para un xudeu era algo moi fondo, que ía moito máis alá de saber catro cousas sobre cada persoa. Coñecer era coñecer, por suposto, pero tiña moito que ver co intimar, coa capacidade de entrar a fondo na interioridade dunha persoa, con amor, con respecto, con vontade de servizo, coma dicindo: aquí me tes para todo o que che faga falla. Non era, nunca, un coñecer para condenar, senón para aportar comprensión, alento, esperanzas, vigor, vida, vida firme, vida consistente, “vida eterna”, como gusta dicir o evanxelista Xoán.
Xesús ofrécesenos así a cada un/unha de nós, a cada unha das nosas comunidades. Xesús, Deus en nós, preséntasenos, ofrécesenos cunha enorme intensidade, coma un verdadeiro reto vital. Xesús, Deus, coñécenos, a fondo, ámanos, acompáñanos, úrxenos para a vida. Quen se quere embarcar nesta experiencia progresiva, marabillosa, que comporta tanta garantía de vida? Cando como persoas ou como comunidade cristiá miramos cara a fóra, e nos diriximos aos nosos veciños/as, crentes ou non, participamos do estilo de Xesús? Somos, coma el, portadores/as dunha oferta similar: coñecer e servir? Non debería ser isto o corazón da nova evanxelización?
O de Xesús, o de Deus en nós, non é unha oferta de pasividade. Pide resposta e colaboración, pide compromiso. O evanxeo de hoxe resúmeo en dúas palabras: escoita e seguimento. Escoitar significa andar coa orella aberta, co corazón aberto, a toda voz, a todo sinal, que nos poida vir de Deus. Deus é inmenso. A súa presenza éncheo todo, e, por iso mesmo, en todo podemos escoitar a súa voz. Xesús, Deus, intensifica, clarifica a súa presenza nas persoas máis débiles, máis marxinais, de aí que sexa nelas, entre elas, onde con máis claridade podermos escoitar a súa voz. Deus fálanos, máis que desde os libros, desde a vida. Andamos, como persoas e como comunidade, nesta onda do mellor escoitar, para mellor seguir e amar?
O seguimento de Xesús vén determinado polos mesmos pasos do Evanxeo. Non se nos propón seguir a ningún ser extraterrestre. Nin a ningunha figura ou mito virtual. Para o seguimento ofrécesenos a persoa dun tal Xesús de Nazaré, que viviu como viviu, que amou como amou, que andou entre ricos e pobres como andou, que se apaixonou por Deus e polos débiles como se apaixonou, que entrou en conflito cos poderes relixiosos como entrou, que padeceu e morreu e resucitou, por esta orde, como el o fixo. A vida abundante, consistente, eterna, que nos garante vai vinculada a este camiño simple, humilde, do que, grazas a Deus, coñecemos os detalles suficientes para non errar. Xesús resucitado estanos convidando. O convite da Eucaristía leva encerrado, como sorpresa, este convite maior, este convite da vida plena.
Preces
QUE SAIBAMOS ESCOITARTE E SEGUIRTE, SEÑOR
Que teñamos valentía para escoitarte no clamor das persoas máis pobres e marxinais que tanto abundan na nosa sociedade. Oremos.
Que saibamos escoitar e seguirte na voz da natureza, que nos fala de respecto e coidados, de compartir e non acaparar os bens da terra, da vida. Oremos.
Que teñamos humildade para escoitarte e seguirte nas voces de protesta dos grupos sociais que máis están reivindicando unha maneira nova de organizar a sociedade. Oremos.
Que abramos os nosos oídos ás voces do Terceiro Mundo, que reclaman poder vivir coma persoas humanas. Oremos.
Que te escoitemos na voz das mulleres, na voz do feminismo, que conmove moitas seguridades culturais e éticas que tiñamos tan asumidas. Oremos.
Que te escoitemos, Xesús, cando nos invitas tamén a entrar con paso humilde e ousado no misterio de Deus, e a vivir na súa presenza. Oremos.
Oración
Meu Pai e máis eu somos un.Que así eu tamén, Xesús,que así sexa eu uncontigo, co Pai, no materno Espírito,sentindo contigo,amando contigo,servindo contigo,pacificándome a fondo contigo.Que sexa un contigo, Xesús,que sexa un cos meus irmáns e irmás,que sexa un coa xente desafiuzada,coñecéndoa, tratándoa,doéndome con ela,sentindo con ela a súa mesma rabia,reclamando con ela o dereito elementalao froito do seu esforzo.Que sexamos un contigo, Xesús,que sexamos un coas persoas máis débiles e marxinais,máis abandonadas e deterioradas(a N., o N., a N.,),que as desgrazas da vida,os abusos doutras persoasou o propio abandonoqueren repañar da man do Pai.Que sexamos un contigo, Xesús,que sexamos un con esta natureza preciosaque esperta pascual na primavera,defendéndoa de violacións, de agresións,—coma as explotacións mineiras extensivas que queren estender por Galicia—agradecéndoa, traballándoa, coidándoa, gozándoa.Que sexamos un contigo, Xesús,que sexamos un coa xente malvada, abusona,entrando no seu corazón esgazado,ofrecéndolle de mil maneiras o tesouro de vidaagachado na sinxeleza de vivir e convivircoma irmáns, coma irmás.Que sexamos un, Xesús, contigo,que sexamos un,renunciando á autoafirmación prepotente, exclusiva,sobrepoñéndonos á constante tentación de estar no centrosendo amos de cartos, mandos e prestixios,para gozar humildementeco don, coa graza da común unidade,da comunidade.Que sexamos un contigo, Xesús,co Pai, no materno Espírito.
Acción
¿Qué trato temos con Xesús, que trato temos coa xente da comunidade cristiá, coa xente toda da parroquia? ¿Coñecemos, escoitamos, establecemos trato, amizades, intimidades? ¿Ou andamos moito ao noso e punto?
9 de maio: Luns da 4ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 11, 1-18
Salmo: 41, 2-3; 42, 3. 4
Evanxeo: Xn 10,1-10
Naquel tempo dixo Xesús:
—Con toda verdade volo aseguro: o que non entra pola porta no curral das ovellas, senón que sobe por outra parte, é un ladrón e un bandido. En cambio, quen entra pola porta é o pastor das ovellas. A ese ábrelle o porteiro e as ovellas escoitan a súa voz. Chama as súas polo nome e lévaas a fóra. Cando as dá sacado todas, vai diante delas e as ovellas ségueno, pois recoñecen a súa voz. Pero a un alleo non o seguirán, senón que fuxirán del, pois non coñecen a voz dos alleos.
Díxolles Xesús esta comparanza, mais eles non coñeceron qué era o que lles daba a entender. Entón díxolles de novo:
—Con toda verdade volo aseguro; eu son a porta das ovellas. Todos os que viñeron antes ca min eran ladróns e bandidos; pero as ovellas non os escoitaron. Eu son a porta; se alguén entra por min, salvarase; entrará e sairá e atopará pasto. O ladrón non entra senón para roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e para que a teñan de abondo.
Meditación
A comparanza de Xesús como pastor e as persoas como ovellas dá moito xogo. Claro que debemos absternos de pensar que, por comparársenos coas ovellas, teñamos que ser persoas abobadas, aparvadas; nada diso. Sermos dóciles a Deus non quere dicir ser persoas aparvadas, nin paradas, nin faltas de creatividade, de iniciativa, de forza para a vida, para dar a cara, para defender dereitos propios e alleos. Nada diso. O exemplo témolo en Xesús mesmo, a persoa máis fiel a Deus que houbo e haberá no mundo, e, por iso mesmo, a máis valente e ousada.
A comparanza do pastor insiste hoxe no tema da porta. Neste caso Xesús é a porta. As persoas que lideran a comunidade en calquera dos seus niveis e responsabilidades deberían pasar pola porta, é dicir, pasar por Xesús, imitar o seu estilo servidor, pastorear dando a vida pola xente, non aproveitándose da vida da xente para o propio engorde. Xesús nunca actuou para vivir el a conta da comunidade, senón ao revés para que a comunidade vivise a conta del. Só un pastor así acaba facendo da comunidade un pobo vivo, ilusionado, esperanzado. Canto precisamos pastores así nestes tempos de tanta fraxilidade!
Oración
Grazas, Deus noso,polas persoas que animan a nosa fe,que aguantan do noso amor,que sosteñen a nosa esperanza.Grazas polas persoas que, como Xesús,dan a súa vida, o seu xenio,o seu tempo, os seus afectos,a súa creatividade, os seus coñecementospara que outros e outras teñamoso gozo de vivir en comunidade,de medrar como crentes, como cidadás.Grazas, Deus noso,polas persoas que nos axudana orar e a loitar,a resistir e a festexar,a implicarnos na vidae a fiarnos completamente de ti.Grazas, Deus noso.
Acción
Podemos achegarnos hoxe a algunha das persoas que para nós teñen sido persoas que termaron de nós en calquera campo da nosa vida. Expresámoslle o noso agradecemento da maneira que mellor vexamos.
10 de maio: Martes da 4ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 11, 19-26
Salmo: 86, 1-3. 4-5. 6-7.
Evanxeo: Xn 10, 22-30
Naquel tempo celebrábase en Xerusalén a festa da Dedicación. Era inverno. Xesús paseaba polo templo no Pórtico de Salomón. Rodeárono entón os xudeus e preguntáronlle:
—Ata que día nos terás en suspenso? Se es ti o Cristo, dínolo abertamente.
Xesús respondeulles:
—Xa volo dixen e mais non credes; as obras que eu fago no nome do meu Pai son o meu aval. Pero vós non credes, porque non sodes das miñas ovellas. As miñas ovellas escoitan a miña voz: eu coñézoas e elas séguenme. Eu doulles vida eterna e non se perderán para sempre; ninguén mas quitará da man. Meu Pai, que mas deu, é máis ca todos e ninguén pode repañalas da man do Pai. Meu Pai e máis eu somos un.
Meditación
Xesús atopou moita oposición, sobre todo curiosamente entre a xente máis relixiosa do seu tempo; non reparaban nas obras de Xesús, obras de vida, de recuperación das persoas a todos os xeitos, e quedábanse nos seus debates teóricos sobre de onde viña ou non viña Xesús, quen era ou quen non era Xesús. Era unha maneira tramposa de se pechar ao que Xesús lles propuña sobre como entender o trato con Deus, sobre como levar o trato con Deus a unha maneira nova de vivir e convivir coa xente.
Tamén nos tempos de hoxe nos pode pasar algo semellante. Claro que nos nosos tempos no mundo relixioso non sempre temos diante a persoas íntegras, servidoras a tope, coherentes coma Xesús. Pero cantas veces nos enredamos en debates teóricos sobre se a vida cristiá debera ser tal ou debera ser cal, e deixamos de lado a práctica solidaria con toda persoa que sofre. Para Xesús a práctica solidaria era o corazón da súa existencia, era o cerne da súa identidade persoal e de misión.
Oración
Meu Pai e máis eu somos un.Eu e a xente somos un.Vivo para o Pai,vivo para o pobo.Soño co Pai,soño co pobo.Comprázome no Pai,comprázome no pobo.Sirvo o Pai,sirvo o pobo,sobre todo a quen no pobomáis precisa de defensa e atencións,de alentos e perdóns.Nesta unidade vivo cada día,a esta unidade cotiá e eterna invitoa quen queira andar canda min os meus camiños.Meu Pai e máis ti e máis eu somos un.Meu Pai e máis o pobo e máis eu somos un.
Acción
¿Somos desas persoas que se lían en debates sobre calquera tema relixioso, social ou político, e logo non arriman moito o lombo para ningunha causa xusta? Se o somos, ¿como podemos cambiar algo?
11 de maio: Mércores 4ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 12, 24—13, 5a
Salmo: 66, 2-3. 5. 6 e 8
Evanxeo: Xn 12, 44-50
Nunha ocasión falou Xesús así berrando:
—Quen cre en min realmente non cre en min, senón naquel que me mandou; e quen me ve a min ve a quen me mandou. Eu son a luz que veu ao mundo, para que quen crea en min non permaneza nas tebras.
Se alguén escoita as miñas palabras e non as garda eu non o xulgo, pois non vin para xulgar o mundo, senón para o salvar. Quen me despreza e non recibe as miñas palabras, ten que o xulgue: a palabra que eu falei hao xulgar no derradeiro día. Porque eu non falei pola miña conta, senón que o mesmo Pai, que me mandou, deume a encomenda do que debo dicir e do que hei falar. E eu sei que a súa encomenda é vida eterna. Por iso as cousas que eu falo, fáloas como mas dixo o Pai.
Meditación
En Xesús a súa vida nunca se apartou do que pensaba e falaba: se falaba de amar a Deus ata o extremo, amábao ata o extremo; se falaba de perdoar mil veces, mil veces perdoaba; se falaba de poñer as persoas por riba das leis relixiosas, tal foi o que fixo ata poñer en perigo a súa mesma vida; se falaba da urxencia de respectar e coidar das persoas máis depauperadas, a esas persoas dedicou especialmente a súa vida toda.
Sabemos que nós, os seguidores e seguidoras de Xesús de hoxe, somos xente de moitas palabras, pero non de moita palabra. Dicimos e non facemos. Aparentamos moitas veces andar apegados a Xesús, pero a nosa vida desmínteo. ¡Canto temos por aprender para a nosa vida cristiá deste Xesús ao que diariamente diriximos a nosa ollada e o noso corazón!
Oración
Que a túa luz, Xesús,ilumine as nosas tebras.Que a túa palabra asente en nóse se converta en vida.Que avancemos humildemente na tarefade amosarte coa nosa maneira de vivir,o mesmo que ti coa túa maneira de vivirnos amosaches o rostro humano de Deus.
Acción
¿Cómo andamos coas nosas palabras e cos nosos feitos? ¿Lembramos ter dito algo, ter apostado de palabra por algo e logo na práctica ternos desentendido do falado? Sempre podemos cambiar.
12 de maio: Xoves da 4ª semana de Pascua.
1ª lectura: Feit 13, 13-25
Salmo: 88, 2-3. 21-22. 25 e 27
Evanxeo: Xn 13, 16-20
Cando Xesús acabou de lles lavar os pés aos discípulos, díxolles:
—Con toda verdade volo aseguro: o servo non é meirande que o seu Señor, nin o mensaxeiro é meirande ca quen o mandou. Se sabedes estas cousas, seredes felices, con tal de que as cumprades.
Non o digo por todos vós; eu ben sei a quen escollín, pero para que se cumpra a Escritura: “O que come comigo o pan levantou contra min o seu pé”. Dígovolo da dende agora, antes de que suceda, para que cando suceda, creades que eu son. Con toda verdade volo aseguro: quen acolla a aquel que eu mande, acólleme a min, e quen me acolle a min acolle a quen me mandou.
Meditación
Está claro que nós, simples servidores e mensaxeiros, non somos máis grandes có noso Irmán maior e Guieiro. Se lle preguntamos a Xesús, nun suposto curriculum vitae, ¿cal é o teu oficio ou profesión?, el hanos dicir: “Servidor; para iso vin e para iso estou neste mundo”. Non cadra, logo, que nós, as persoas que nos dicimos seguidoras e seguidores del, aspiremos a outra cousa. Ese debería ser o fundamento do noso proxecto de vida. E ver como, sexa cal sexa a nosa profesión, todo o vaiamos levando a nos converter en simples servidores e servidoras no medio dos grupos humanos nos que nos movemos. Non é cuestión de arrastrarse ante ninguén, non é cuestión para nada de perder a propia dignidade, nin de deixar que nola tripen, senón precisamente de atopar a máxima dignidade, a máxima liberdade, o máximo crecemento levando na man diariamente o gusto por contribuír a que outras persoas medren ao meu carón.
Oración
Pódoche facer caso ou non, Xesús,pero ti ofrécesme o que a ti te fixo feliz.E ti, afincado fortemente en Deus,sabes como un ser humano calquerase fai verdadeiramente humano,verdadeiramente feliz,aínda que a nós nos estrañe.Grazas, Xesús,acollo as túas palabrase dispóñome a convertelasno ser do meu ser.
Acción
Podemos mirar ata que punto a nosa vida está marcada polo servizo ou non. Podemos mirar en que cousas nos poderiamos facer persoas máis e mellores servidoras, á luz de Xesús.
13 de maio: Venres da 4ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 13, 26-33
Salmo: 2, 6-7. 8-9. 10-11
Evanxeo: Xn 14, 1-6
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Non vos angustiedes. Crede en Deus e máis crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito ¿teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde vou eu ben sabedes o camiño.
Dille Tomé:
—Señor, se non sabemos onde vas, ¿cómo imos saber o camiño?
Xesús respondeulle:
—Eu son o camiño, a verdade e a vida; ninguén chega onda o Pai máis ca por min.
Meditación
Hai moita xente angustiada. Os tranquilizantes son os medicamentos máis solicitados e consumidos nas nosas sociedades. Angustiámonos por cousas de peso, pero moitas veces por calquera cousa. Temos pouca capacidade para dixerir fracasos, negativas, demoras. A angustia é a cara negativa dunha sociedade que aspira a telo todo, que aspira á riqueza, ao éxito, á satisfacción plena.
¿Como resoan nas nosas vidas as palabras de Xesús: Non vos angustiedes? ¿Qué ten Xesús para conter a nosa angustia? Xesús, falando desde a súa experiencia, dinos simplemente: confiade en Deus, confiade en min. Confiar en Deus: non somos seres abandonados; estamos envoltos por unha inmensa vontade de tenrura solícita que nos acompaña desde o nacemento ata a morte e máis alá da morte. Confiar en Xesús: temos alguén que abriu camiño para atinar no que nos leva á satisfacción, á vida. Desde esta confianza básica vivida en comunidade poderemos afrontar mellor os retos da vida. Confiar non elimina as dificultades nin o esforzo para superalas, pero ofrécenos a actitude vital desde a que loitar a vida sen angustia.
Oración
Grazas, Xesús,por estar aí, ao noso lado, en todo momento.Grazas por acompañarnoscando a vida se nos fai costa arriba,e nos angustian os problemas familiares ou laborais.Grazas por estar ben a rente de nóscando no fondo do noso ser non temos paznin o camiño para atopala.Grazas, Xesús,por soster a nosa esperanzacando a maldade do mundo nos desbordae a xente máis débil padece inxustiza.Grazas porque ti co teu Deusestades sempre do noso lado,sostendo alentos,garantindo felicidades.Grazas.
Acción
Podemos palpar a nosa existencia e ver que angustias temos. ¿Son angustias por cousas que pagan a pena, ou deixámonos envolver na roda das angustias á que a sociedade nos somete? Como as estamos resolvendo? Podemos compartilas. Podemos axudarnos mutuamente.
14 de maio: Festa de San Matías apóstolo
1ª lectura: Feit 1, 15-17. 20-26. Salmo: 112, 1-2. 3-4. 5-6. 7-8
Evanxeo: Xn 15, 9-17
Naquel tempo díxolles Xesús:
—Como me amou o Pai, así vos amei eu: permanecede no meu amor. Se gardades os meus mandamentos, permaneceredes no meu amor, como eu gardei os mandamentos de meu Pai e permanezo no seu amor. Díxenvos estas cousas, para que a miña alegría estea en vós e a vosa alegría sexa plena.
Este é o meu mandamento: que vos amedes uns a outros como eu vos amei. Ninguén ten amor meirande ca este: que un dea a súa vida polos amigos. Vós sodes amigos meus, se facedes canto eu vos mando. Xa non vos chamo servos, que o servo non sabe o que fai o seu señor; a vós trateivos de amigos, pois todo o que lle oín a meu Pai déivolo a coñecer. Non me escollestes vós a min, senón que vos escollín eu a vós, e púxenvos para que vaiades e levedes froito e o voso froito permaneza; de xeito que todo o que lle pidades ao Pai no meu nome volo conceda. Mándovos isto: que vos amedes uns a outros.
Meditación
O fondo da nosa existencia está vinculado ao amor. Da fonte do amor vanse sucedendo unha serie de consecuencias que lle dan corpo a unha vida crente, a unha vida cristiá. Todo parte dun Deus que, como Pai ou Nai que é, nos quere con loucura. Xesús experimentou ese amor a fondo e permaneceu nel deixándose levar por Deus sen receo ningún, e comprendeu que iso o levaba a quererlle á xente. Toda a súa vida foi iso: quererlle a xente, e non de calquera maneira; quererlle establecendo relacións de amizade, tratando a xente como amigos e amigas sempre, compartindo a súa riqueza interior inmensa, sacrificándose ata a morte pola xente que quería, gozando con que a xente se desenvolvese e se fixese xente con vida, con calidades, con froitos, con capacidade de amor tamén. E así pechar ese círculo que empezaba en Deus e a Deus volvía a través do amor. E nós estamos aí no medio. Iso é o que dá sentido á nosa existencia. Amar non é calquera cousa. Amar é o noso ser. Deus é amor. Xesús é amor. Nós somos amor.
Oración
Somos amor, Xesús,como ti es amor,como o Pai/Nai é amor.Pero tamén podemos ser desamor,tamén podemos cortar ese círculo solidarioque lle dá sentido á nosa existencia.A Xudas, o apóstolo escollido e querido,custoulle andar na roda do amore abandonou dramaticamente.No seu canto foi elixido Matías,a quen hoxe recordamos.Que sexamos dócilespara aprender a non xogar co amor,a non facer del unha palabra baleira,a enchelo con cousas de solidariedadeno vivir de cada día.Que sexamos ben dócilespara aprender o difícil arte de amar.
Acción
Podemos revisar como está sendo realmente o noso amor. Para iso podemos pensar por unha banda cómo nos relacionamos coa xene da casa coa que convivimos; e por outra banda podemos pensar tamén en cantas cousas de apoio a persoas en debilidade estamos enredad@s. Seguro que atoparemos algo que nos permita avanzar no amor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.