13 maio, 2022

Tempo de Pascua: 5ª semana

 



15 de maio: Domingo 5º de Pascua

1ª lectura: Feit 14, 21b-27. Salmo 144, 8-9. 10-11. 12-13ab.
2ª lectura: Ap 21, 1-5a.

Evanxeo: Xn 13, 31-33a. 34-35

Cando Xudas saíu do cenáculo, díxolles Xesús:
—Agora queda glorificado o Fillo do Home e Deus queda glorificado nel. Se Deus queda glorificado nel, tamén Deus o glorificará a el e hao glorificar axiña.

Meu fillos, só un pouquiño estarei convosco. Douvos un mandamento novo: amádevos uns a outros; como eu vos amei, amádevos tamén entre vós.

Nisto coñecerán todos que sodes os meus discípulos: se vos tedes amor uns a outros.

Meditación

De novo estamos ante un texto do evanxelista Xoán; neste caso collido do comezo da longa conversa, que segundo este evanxelista, Xesús tivo coas persoas que o acompañaban coma discípulas e discípulos no transcurso da cea de despedida, a última cea, que Xesús celebrou con esas persoas. A esta conversa longa chámaselle con frecuencia o “testamento” de Xesús, testamento que hai que entender non en sentido xurídico, senón no sentido próximo e cordial, case íntimo, de quen, adiviñando próxima a súa morte, comparte coas persoas queridas que o rodean recordos e consellos, vivencias habidas e desexos de futuro.

A cuestión de fondo que conmove ao evanxelista Xoán é o significado da vida e da morte de Xesús para el, e para a comunidade de seguidores, seguidoras, que lerían o seu escrito. Entender, asimilar a aparente derrota de Xesús e a súa morte vergoñenta foi unha cuestión clave para as primeiras comunidades cristiás. A nós case que non nos inquieta o asunto, porque fomos mamando desde nenos/as certas explicacións, máis ou menos consistentes, pero o feito está aí con toda a súa provocación: como é posible que un home coma Xesús, xusto, santo, apaixonado por Deus, totalmente entregado en servizo sobre todo á xente máis débil e marxinal, acabe a súa vida cravado nunha cruz, ao xeito da xente malvada daqueles tempos? O aparente fracaso de Xesús, a súa morte vergoñenta, vémolo repetido en moita xente que, coma el, ao longo da historia, viu coroada co fracaso aparente unha traxectoria de amor e de servizo á comunidade.

Xoán chámanos a atención sobre dúas realidades presentes en Xesús, o Fillo do Home, o ser humano, home e/ou muller, por excelencia. Cambiando a orde coa que aparecen no evanxeo de hoxe, a primeira destas realidades é a de que todo o de Xesús era cuestión de amor e de servizo. Todo o del, todo o seu vivir, todo o seu estilo de vida, todas as súas palabras, os seus feitos, os seus encontros, as súas relacións con pobres e ricos, con asoballados/as e asoballadores/as, todos os seus enfrontamentos e conflitos, todo, todo se resumía nisto: amar e servir, amar servindo, convertendo o servizo na mostra da calidade e transparencia do seu amor. Xesús era así, porque bebía diariamente da fonte de todo amor e de todo servizo que é Deus mesmo, para quen o poder é tamén un poder de amor e de servizo, de misericordia e de fidelidade.

Xesús, agora a través das palabras de Xoán, pero en todo momento e de mil maneiras, estanos recordando que o que nos caracteriza a quen somos de verdade seguidores/as del é o amor. O amor que nos propón ten unha referencia importante, que é a súa propia persoa, o seu propio estilo de vivir, as súas maneiras de entender e de realizar o amor día a día, momento a momento, durante toda a súa vida. Os evanxeos, que imos coñecendo ben, fálannos disto con toda claridade. Xesús ofrécenos o amor/servizo coma unha forma de sermos persoas cristiás, coma unha forma de sermos membros da comunidade cristiá na que estamos participando, coma unha forma de levar cara a fóra a nosa convicción de vida, coma o miolo da nova evanxelización que dicimos nestes tempos. E vémolo ben claro, o que realmente ennobrece a experiencia relixiosa, o que a fai crible para a xente dos nosos tempos e de todos os tempos, nas nosas parroquias, nos nosos pobos, é, son as persoas que aman e serven en seguimento de Xesús, no nome do Deus no que din crer. Xoán, Xesús mesmo a través del, proponnos un grande reto: aceptamos vernos e vivirnos hoxe nos tempos que corren como persoas de servizo? Que pode significar para todos/todas nós facer esta aposta? Que teriamos que cambiar, que teriamos que intensificar?

É a segunda das dúas realidades de que falabamos ten que ver xa co remate dunha vida que se entende e vive, en seguimento de Xesús, coma vida de amor e de servizo. Sexa cal sexa a forma do final da vida, a vida en amor/servizo é sempre unha glorificación para Deus mesmo, porque Deus, que é amor, atopa nesas persoas unha estupenda transparencia. Deus certamente é glorificado nelas, porque o amor/servizo, que explica a Deus, habita, brilla nesas persoas. E Deus tamén as enche de gloria, porque nel atopará a súa culminación ese dinamismo de amor e de servizo. Deus pecha sempre honrosamente a vida de quen anda en cousas de amor e de servizo e ábrea a un futuro ditoso no seu propio seo. Son experiencias fondas de vida e de morte, que o evanxeo de hoxe nos propón realizar nas nosas vidas. Só a consistencia interior nos permitirá vivir no día a día ao estilo de Xesús. E só a vivencia diaria do estilo de Xesús nos permitirá ir adquirindo unha consistencia interior, cristiá, a proba de loita, de cruz e de morte. Coma Xesús.

Preces

QUE NOS AMEMOS, XESÚS, COMO TI NOS AMACHES

Que nos amemos respectando a demais xente nas súas ideas, nas súas opcións de vida, nos seus sentimentos. Oremos.

Que nos amemos ofertando con humildade e valentía as propias conviccións, para que a comunidade, o pobo, se enriqueza coas nosas achegas. Oremos.

Que nos amemos servindo, e que sirvamos tenramente as persoas coas moitas caras e maneiras que pode ter o servizo. Oremos.

Que nos amemos e coidemos persoalmente, visitándonos, acompañándonos, escoitándonos, prestándonos axudas, compartindo alegrías, rezando uns/unhas polos outros/outras, cos outros/outras. Oremos.

Que nos amemos a través das estruturas sociais, participando honrada e limpamente nos partidos políticos, nos sindicatos, nas asociacións de todo tipo, sempre coa idea de mellorar a condición de vida da xente máis débil, e nunca coa intención oculta de utilizar iso para o noso engorde. Oremos.

Que nos amemos con capacidade de sacrificio, de sufrimento, de morte, se fai falla, para que o amor/solidariedade se espalle e sexa o motor dunha nova sociedade. Oremos.

Oración
Grazas, Xesús,
por nos contar as túas cousas, as túa intimidades,
poñendo ao noso alcance a riqueza de vida
que levabas e levas dentro de ti.

Grazas por ese fondo de amor
que era e é a razón de ser da túa existencia toda,
ao que ti lle deches confiadamente o nome de Pai/Nai.

Grazas pola túa intensa fidelidade
ao amor que levabas nas túas entrañas,
sen te arredares nunca del,
sen xogar con el, sen banalizalo nunca.

Grazas, Xesús, porque para ti
o amor nunca foi palabra baleira,
nin palabra falsamente consoladora,
nin concesión narcisista ao teu propio egoísmo.

Grazas, Xesús, porque o amor foi para ti
homes e mulleres concretas,
nomes e relacións,
apaixonamento e tensión,
paz e confortos,
doazóns e decepcións,
morte e vida,
vida e morte,
tempo e eternidade.

Grazas, Xesús, porque nos desentrañaches o amor,
nolo ofreciches limpo e encarnado.
preñado de vivencias interpersoais fondísimas
e aberto sempre ao grupo, ao social, ao comunitario.

Grazas, Xesús, porque por amor
lle plantaches cara ás institucións relixiosas e políticas
nas que aniñaba a enorme tentación de burlar o amor,
poñendo as persoas ao seu servizo,

Grazas, Xesús, por tanto e tan fondo e limpo amor!
Saberemos nós amar e servir
como ti amaches e serviches?
Poderemos nós amar e servir coma ti,
sen a túa axuda, sen o teu alento, sen o teu Espírito?

Grazas, Xesús, polo teu amor limpo e forte.
Que nos deixemos coller e arrastrar, Xesús,
pola forza e limpeza do teu amor!
Acción

Os bicos e as apertas son bos para expresar o amor; pero só iso non chega. O amor tamén se expresa coa preocupación e o servizo entre as persoas. ¿Cómo amamos nós? ¿Podemos hoxe facer algo amoroso de verdade coas persoas que nos rodean?


16 de maio: Luns da 5ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 14, 5-18
Salmo: 113B, 1-2. 3-4. 15-16

Evanxeo: Xn 14, 21-26

Nunha ocasión díxolle Xesús aos seus discípulos:
—Quen ten os meus mandamentos e os garda, ese ámame; e a quen me ama amarao o meu Pai e amareino eu e manifestareime a el.

Xudas, o outro, non o Iscariote, preguntoulle:
—¿Qué pasou, para que ti vaias manifestarte a nós e non ao mundo?

Xesús respondeulle:
—Se alguén me ama, gardará a miña palabra e meu Pai amarao e viremos onda el e faremos vida con el. O que non me ama non garda as miñas palabras; e a palabra que escoitades de min non é miña, é do Pai que me mandou.

Díxenvos estas cousas mentres estaba convosco; pero o Paráclito, o Espírito Santo que meu Pai mandará no meu nome, ese havos ensinar todo e traeravos á memoria canto eu vos dixen.

Meditación

Deus non lle nega nunca o seu amor a ninguén; Xesús tampouco. O interese de Deus, que Xesús defendeu ata a morte, é que a xente, toda a xente, sexa da raza, da relixión, da condición social, da fala, do sexo que sexa, realice día a día o soño da unidade. Iso supón coñecerse, respectarse, valorarse na diferenza, sabernos a todas e todos parte dun proxecto común; supón deixar que as cordas da solidariedade vaian tecendo as nosas vidas; supón romperse a cabeza e o corazón e as mans para que ninguén quede fóra, á marxe desta dignidade imprescindible. E así, queréndoo ou sen querelo, estamos pronunciando o nome de Deus, estámolo honrando, estamos deixando que o seu Espírito de vida se multiplique entre nós. Deus vivirá na nosa vida e nós na del; con Xesús faremos vida en Deus.

Deus non lle nega a ninguén este soño humanitario, divino. Nós, sendo crentes ou sen selo, si que podemos arredarnos del e montarnos as nosas historias, sempre, case sempre, con aires de prepotencia e de indiferenza. E así nos irá. Así nos vai.

Oración
Cáusame moito iso que nos dis, Xesús,
de que ti co Pai estades dispostos a vir onda min
e a facer vida comigo.
E éncheseme o corazón pensando:
Deus facendo vida comigo!
Deus invitándome a unha compenetración absoluta
coa natureza, cos animais, coa xente,
coas persoas máis débiles,
con Deus mesmo,
e Xesús polo medio
enchéndoo todo de luz e de sentido!
Como será iso, Xesús,
como será posible vivilo día a día?
Que o teu Espírito me anime a experimentalo
con humildade, con ousadía!
Acción

¿Estamos enredad@s con Xesús, con Deus, nesta súa proposta de unidade a todos os xeitos, ou estamos enredad@s en historias de confrontación, de dominio, de desprezo pola razón que sexa? ¿Como poderiamos mellorar á hora de vivir o soño de Xesús?


17 de maio: Martes da 5ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 14, 19-28
Salmo: 144, 10-11. 12-13ab. 21

Evanxeo: Xn 14, 27-31a.

Na conversa de despois da derradeira cea díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Déixovos a paz, douvos a miña paz; eu non vola dou como a dá o mundo. Non vos angustiedes, nin teñades medo. Oístes que vos dixen voume e logo volvo onda vós. Se me amasedes, alegrariádesvos de que eu vaia onda o Pai, xa que o Pai é máis ca min.

Díxenvolo agora, antes de que suceda, para que, cando suceda, creades. Xa non falarei moito convosco, pois está a vir o príncipe deste mundo. Sobre min non ten nada, máis é para que saiba o mundo que eu amo o Pai, e que eu fago o que o Pai me mandou.

Meditación

Xesús tivo unha vida moi complexa. Bateu coa incomprensión de moita xente, co rexeitamento de moitas persoas, co odio radical de algúns, que buscaron a maneira de acabar con el; o que o evanxelista Xoán chama “o príncipe deste mundo”, ese misterioso fondo de mal que a todos nos fire, nos reclama e mesmo nos emboba ás veces. E Xesús, con todo, fala de paz, da paz que el dá, que non a dá como vulgarmente a podemos dar nós, pero que é paz substancial, fonda, auténtica, que pode medrar mesmo nos corazóns azoutados por situacións tan complexas como as que Xesús viviu.

¡Ai, quen puidese ter esa paz! Pois Xesús ofrécenola, compártea connosco, dánola.

Oración
Grazas, Xesús, pola paz que nos ofreces.
Canto a necesito,
para serenar os meus ánimos,
para encarar as complexidades do día a día,
para asumir contrariedades, fracasos e derrotas,
para durmir en paz, na túa paz,
a pesar de todo,
para erguerme de novo ao día seguinte
e volver á tarefa,
pacificado,
confiado,
esperanzado!
Si, Xesús,
dáme a túa paz como ti sabes dála.
Acción

Hoxe é o día das Letras Galegas. A nosa lingua é un regalo de Deus a través da vida e traballo dos nosos maiores. Coidar a cultura, a lingua que temos é un deber civil e tamén relixioso. Hoxe podemos participar nalgún dos moitos actos que por este motivo se han celebrar en Galicia.


18 de maio: Mércores da 5ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 14, 1-6
Salmo: 121, 1-2. 3-4a. 4b-5

Evanxeo: Xn 15, 1-8

Nunha ocasión dixo Xesús:
—Eu son a verdadeira vide e meu Pai é o labrador. A vara que en min non leva froito arríncaa; e a que leva froito límpaa, para que leva máis froito aínda. Vós xa estades limpos pola palabra que vos teño falado. Permanecede en min e eu en vos.

Así como a vara non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na vide, vós tampouco, se non permanecedes en min. Eu son a vide; vós, as varas. Quen permanece en min e eu nel ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer nada. Se alguén non permanece en min, tírano fóra, como as varas, e seca; apáñanas, bótanas no lume e arden. Se permanecedes en min e as miñas palabras permanecen en vós, pedido o que queirades e hásevos facer. Nisto é glorificado meu Pai, en que levedes froito abondoso e vos mostredes como discípulos meus.

Meditación

As persoas cristiás somos as varas da cepa, que é Xesús, do viñateiro, que é Deus. Podemos gozarnos e chufarnos de que as cousas sexan así, de que Deus quixese ter esta vinculación tan fonda connosco, que frutifica en nós, que a través de nós pode ofrecer ao mundo tantas cousas boas. Unha gozada e unha responsabilidade. Porque hai varas na cepa que non dan froito, que non valen para nada, que o labrego corta e bota ao lume. Como hai homes e mulleres cristiás que desmerecemos a nosa condición cristiá e a reducimos a nada, a un título de bautizados que non significa case nada para nós. E non é que Deus sexa quen corte a vara e nos arrede del; non, Deus nunca fai iso. Somos nós os que cortamos as veas polas que a “savia” de Deus chega ata nós e quedámonos estériles no mundo, para nós mesmos, para os demais.

Ao lado das varas que o labrego corta e tira están as outras varas que poda, para que dean froito, porque curiosamente a vara longa, que medra e medra, que pode parecer espléndida, se non se lle cortan os voos, tampouco non dará froito; ao máis, uns cangallos de nada que á hora da vendima pouco renden. É esa sabedoría de darse, de baleirarse, de desentenderse de si mesmo, para facerse en Deus abundante para os demais e tamén para unha mesma.

Oración
O que eu quero, Xesús,
ben ti o sabes:
poder pasmarme ante Deus
que en todo está e que o é todo;
poder pasmarme ante a xente débil,
na que Deus me fala e clama;
poder liberarme do ego que me escraviza
e me arreda da comunidade;
poder romper con iso de “fichar” a xente,
que me distancia de millóns de persoas;
poder vivir no silencio, na humildade, na dispoñibilidade
como forma revolucionaria de vida.
Pero ti que sabes o que eu quero
sabes tamén o pobre que son para poder acadalo.
Conto contigo.
Acción

Hoxe podemos reparar nalgún froito bo que estamos dando por permanecer unidas a Xesús, a Deus. Agradecemos esa vinculación entre Deus e nós que nos permite frutificar e animámonos a seguir dando froitos.


19 de maio: Xoves da 5ª semana de Pascua

1ª lectura: 15, 7-21
Salmo: 95, 1-2a. 2b-3. 10

Evanxeo: Xn 15, 9-11

Díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Como me amou o Pai, así vos amei eu; permanecede no meu amor. Se gardades os meus mandamentos, permaneceredes no meu amor, como eu gardei os mandamentos de meu Pai e permanezo no seu amor. Díxenvos estas cousas, para que a miña alegría estea en vós e a vosa alegría sexa plena.

Meditación

Xesús estamos ofrecendo cousas ben substanciais para a vida de calquera persoa; hai uns días falábanos de paz, da súa paz, que pode ser que non coincida co que vulgarmente entendemos por paz. Hoxe fálanos de amor e de alegría; calquera das dúas cousas, amor e alegría, entendidas ao estilo de Xesús. Un amor, que non é brandura sentimental sen máis, senón que se amosa no feito de estar e vivir no amor-servizo de forma permanente, para entrar no posible na medida sen medida que Deus Pai/Nai lle dá sempre ao amor. E a alegría como unha realidade redonda, plena na nosa vida, non coma unha banalidade de paso: que a alegría de Xesús asente en nós.

Oración
Paz, amor, alegría,
que ben podelas vivir
onda ti, contigo, en ti,
Xesús!
Que ben poder encher con elas
cada mañá,
cada mediodía,
cada solpor e noite!
Que ben podelas compartir
con quen delas precise,
como ti as compartes comigo,
connosco.
Grazas, Xesús.
Éncheme da túa paz,
do teu amor,
da túa ledicia.
Acción

Podemos buscar a maneira de levar hoxe algo de paz, de amor e de alegría a calquera persoa que dela precise, e coas formas materiais ou espirituais que nos parezan máis oportunas.


20 de maio: Venres da 5ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 15, 22-31
Salmo: 56, 8-9. 10-12

Evanxeo: Xn 15, 12-17

Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:

Este é o meu mandamento: que vos amedes uns a outros como eu vos amei. Ninguén ten amor meirande ca este: que un dea a súa vida polos amigos. Vós sodes amigos meus, se fadedes canto eu vos mando. Xa non vos chamo servos, que o servo non sabe o que fai o seu señor; a vós trateivos de amigos, pois todo o que lle oín a meu Pai déivolo a coñecer. Non me escollestes vós a min, senón que vos escollín eu a vós; e púxenvos para que vaiades e levedes froito e o voso froito permaneza, de xeito que todo o que lle pidades ao Pai no meu nome volo conceda. Mándovos isto: que vos amedes uns a outros.

Meditación

As normas, as leis, os regulamentos pódense facer necesarios para o bo funcionamento dun grupo, dunha comunidade, dun pobo. Pero o esencial é o amor. O máis importante é poder mirar sempre á persoa que temos diante con sumo respecto, con afecto, con entrañas de misericordia, con tenrura, tanto cando coincida connosco no seu ideal de vida coma cando non. Antes de nada e por riba de todo é un irmán, unha irmá.

Sería normal que nisto as persoas cristiás fósemos verdadeiras especialistas. A nosa fe aséntase no convencemento de que Deus é para toda a humanidade, para toda a creación, coma un Pai, coma unha Nai que nos quere sen distincións, sexamos bos ou non, cumpramos ou non cumpramos canto el nos manda. A nosa fe cristiá céntrase na confianza íntima que temos con Xesús, que nos amou ata o punto de non recear afrontar a morte por manterse no amor.

O amor é o primeiro. Certo, pode ser maltratado, manipulado, vivido comenenciudamente. Cómpre coidalo, para non convertelo nun xogo barato que a nada nos leva. Xesús soubo e sabe de amores. Intimando con el, aprenderemos a amar ben.

Oración
Non me queres como escrava, Xesús,
quéresme como amiga.
Grazas.
Viviches a túa vida envolta en servizo
pensando en todos,
pensando en min.
Grazas.
Trátasme como a persoa amiga,
como a persoa escollida,
compartes comigo as túas ansias e praceres.
Grazas.
Quéresme viva e exuberante,
cargada de amores e solidariedades.
Grazas.
¿Saberei estar no meu sitio,
corresponder con amor a tanto amor,
con solicitude polos demais
a tanta solicitude como ti tes por min?
Xesús,
apréndeme o amor,
apréndeme o servizo,
apréndeme a amizade.
Acción

Para revisar a nosa amizade con Xesús, con Deus, podemos empezar por revisar as amizades que temos coa xente. ¿Cómo as coidamos? ¿Cómo medramos nelas? ¿Cómo as gozamos?


21 de maio: Sábado da 5ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 16, 1-10
Salmo: 99, 2. 3. 5

Evanxeo: Xn 15, 18-21

Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Se o mundo vos aborrece, sabede que me aborreceu a min antes que a vós. Se fosedes do mundo, o mundo amaríavos como cousa propia; pero, como eu vos escollín do mundo, por iso o mundo aborrécevos. Lembrádevos da palabra que vos dixen: non hai servo maior có seu señor; se a min me perseguiron, hanvos perseguir tamén a vós; se gardaron a miña palabra, tamén gardarán a vosa. Todo isto hánvolo facer por causa miña, pois non coñeceron a quen me mandou.

Meditación

As persoas cristiás estamos no mundo, somos do mundo; o mundo está formado por un número inmenso de criaturas, entre as que se atopan os homes e mulleres todos do mundo. A eles nos debemos as comunidades cristiás. O mundo é a nosa casa común; co mundo todo únennos lazos fondos de codependencia, de irmandade. É unha mágoa que entremos en conflito co mundo. O noso é simplemente vivir ao estilo de Xesús, e compartir humildemente cos nosos contemporáneos ese estilo de vida, porque nos parece un tesouro que pode axudar moito a levar unhas vidas dignas, sas, solidarias, felices. Que nos ridiculizan por iso? Ben, que lle imos facer. Que mesmo chegan a desprezarnos, a perseguirnos, a matarnos? Vale, alá eles.

Pero tamén está ben que nos preguntemos o porqué ás veces de tanta rabia, de tanto problema connosco. Pode ser que a inocencia moleste, que a verdade moleste, que os berros de solidariedade molesten. Foi o que lle pasou a Xesús. Pero tamén pode ser que nos arrimemos ao poder, que defendamos privilexios, que nos guste impoñer o noso. O amor, o servizo, a solidariedade coa xente máis débil é a gran chave que pode abrir todas as portas. Aí é onde mellor poderemos entendernos e convivir.

Oración
Señor, Señor,
polo teu amor…
que saibamos amar o mundo
e todo o que o embelece e compón.
Que saibamos ollarnos
con ollos de fraternidade sempre.
Que nos movamos sempre
por razóns de servizo e de xustiza.
Que aprendamos de ti a soportar incomprensións
como parte non pequena da nosa fidelidade.
Que nunca vaiamos de vítimas,
senón de humildes servidores no teu nome.
Acción

Podemos mirar se como persoas ou comunidade cristiá estamos tendo algún tipo de conflito co “mundo”. Por que é? ¿Por sermos fieis a Xesús, ou por outras historias? Podemos mirar tamén se non nos estaremos acomodando demais ao funcionamento do “mundo”, sen dar a cara pola verdade, pola xustiza, pola solidariedade. Todo pode ser.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.